Lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 122 27/06/1991
Departamento: Parlamento de Galicia
Estado: Derrogada

O principio de autonomía financeira das comunidades autónomas vén consignado no artigo 156 da Constitución española como principio instrumental para o desenvolvemento e a execución das competencias propias destas comunidades.

Este principio é enunciado, á súa vez, no artigo primeiro da Lei orgánica 8/1980, do 22 de decembro, de financiamento das comunidades autónomas, que o adecúa á Constitución e segundo as atribucións das respectivas leis e dos respectivos estatutos.

De acordo con estes principios, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece que a Facenda da Comunidade Autónoma se constitúe, entre outros, polos rendementos dos impostos que estableza a Comunidade Autónoma e un recargo sobre impostos estatais.

As necesidades que se senten na nosa Comunidade nos campos de infraestructuras, servicios sociais que fagan participar ó maior número de persoas dun adecuado benestar social e da repoboación ecolóxica e do mantemento dos nosos bosques, obrigan a establecer novas fontes de ingresos que coadxuven cos existentes ó correspondente financiamento.

Por outra banda, parece conveniente modifica-la Lei 14/1985 (de xogos e apostas en Galicia) naqueles aspectos que veñen requirindo un tratamento urxente, porque dalgunha forma, directa ou indirecta, protexen ou poden encubrir fraude fiscal ou dificulta-las probas inicialmente constatadas polos servicios de inspección, e así, por un lado, modifícase a tipificación das infraccións derivadas da falta de documentos que pasa de leve a grave e, por outro lado, axilízase o procedemento de inmobilización daquelas máquinas ou aparellos nos casos en que, como consecuencia da inspección practicada e dos feitos inicialmente comprobados, poida resultar infracción de carácter grave ou moi grave, atribuíndoselle ó persoal de inspección capacidade para o precintado inmediato e a inmobilización provisional dos citados aparellos ou máquinas.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de tributación sobre o xogo.

Capítulo I. Imposto sobre o xogo do bingo

Artigo 1. Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible a participación no xogo do bingo nos locais autorizados.

Artigo 2. Suxeitos pasivos.

1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas que adquiren os cartóns para participar na partida do bingo.

2. Son suxeitos pasivos substitutos do contribuínte as persoas ou entidades titulares de autorizacións administrativas para explotalo xogo e, se é o caso, as sociedades de servicios que teñan ó seu cargo a xestión do mesmo.

Artigo 3. Base impoñible.

A base impoñible está constituída polo importe das cantidades satisfeitas polo suxeito pasivo contribuínte no momento da adquisición dos cartóns.

Artigo 4. Base liquidable.

Constitúe a base liquidable o 70% da base impoñible.

Artigo 5. Tipo de gravame.

O tipo de gravame queda establecido no 5%.

Artigo 6. Devengo.

Prodúcese o devengo no momento da adquisición dos cartóns polo suxeito pasivo contribuínte.

Capítulo II. Recargo sobre a taxa fiscal que grava os xogos de sorte, envite ou azar, rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias

Artigo 7. Concepto.

Establécese un recargo sobre a taxa fiscal que grava os xogos de sorte, envite ou azar, rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias. Exclúense deste recargo o xogo do bingo e o realizado mediante máquinas recreativas de tipo B ou C.

Artigo 8. Suxeitos pasivos.

Terán a consideración de suxeitos pasivos do recargo as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria que obteñan a correspondente autorización administrativa ou, no seu defecto, organicen ou celebren os xogos de sorte, envite ou azar, rifas, tómbolas, apostas ou combinacións aleatorias.

Serán responsables solidarios do recargo os propietarios e empresarios dos locais onde se celebren os xogos.

Artigo 9. Base impoñible.

Constitúe a base impoñible do recargo o importe da taxa fiscal correspondente a cada un dos conceptos gravados.

Artigo 10. Cota tributaria.

A contía do recargo determinarase mediante a aplicación dos seguintes tipos de gravame sobre a base impoñible correspondente:

a) Xogos nos casinos................... 10%

b) Rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias .......... 20%

Artigo 11. Devengo.

O recargo devengarase no momento da autorización, celebración ou organización dos respectivos xogos, rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias.

Capítulo III Disposicións comúns

Artigo 12. Liquidación e pagamento.

Os suxeitos pasivos virán obrigados a presentar declaración e a liquidar e ingresa-lo seu importe nos prazos e na forma que regulamentariamente se determine.

No caso do imposto sobre o bingo poderase establece-la obriga de realizar un pagamento a conta.

Artigo 13. Xestión e inspección.

A competencia para a xestión, liquidación, inspección, recadación e revisión correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 14. Infraccións e sancións.

As infraccións tributarias serán cualificadas e sancionadas conforme ó disposto na Lei xeral tributaria e nas demais disposicións complementarias ou concordantes que regulan a potestade sancionadora da Administración pública en materia tributaria.

Artigo 15. Xurisdicción competente.

Contra os actos de xestión de carácter tributario poderá interpoñerse reclamación económico-administrativa conforme ó disposto no artigo 20 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Primeira

A Lei xeral tributaria e as súas normas complementarias aplicaranse con carácter subsidiario en todo o que non regule a presente lei nestas materias.

En canto ó recargo sobre a taxa fiscal que grava os xogos de sorte, envite ou azar, rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias, creado por esta lei, seralle aplicable, tamén con carácter subsidiario, a normativa reguladora da dita taxa.

Segunda

A través da Lei de presupostos da Comunidade Autónoma poderase modifica-lo establecido nesta lei.

Terceira

Modifícanse os seguintes artigos da Lei 14/1985, do 23 de outubro (de xogos e apostas en Galicia):

1.ª Artigo 28

Queda suprimida a letra b).

2.ª Artigo 29

Inclúese unha nova alínea:

«i) Non ter no local ou instalada na máquina toda a documentación esixida preceptivamente.»

3.ª Artigo 30

Suprímese a alínea:

«a) Non ter no local ou instalado na máquina o documento acreditativo da autorización, guía ou taxa.»

4.ª O artigo 32, punto 4, queda redactado do seguinte modo:

«4. Iniciado o expediente sancionador por falta grave ou moi grave, a autoridade competente para resolvelo poderá decretar, como medida provisional, o comiso de efectos, máquinas ou instrumentos de xogo relacionados coa infracción.

Cando o persoal inspector proceda a levantar acta por infraccións que poidan ter este carácter de grave ou moi grave e se estime conveniente para efectos probatorios, este realizará o precinto inmediato de tales máquinas, efectos ou instrumentos, reflectindo tal circunstancia na dita acta, así como as razóns que a motivaron.

A Administración dispón do prazo de 30 días naturais para confirmar ou modificar tal medida provisional. Transcorrido o prazo, sen efectuárlle-la oportuna notificación á empresa operadora ou ó titular do local, indistintamente, quedará enervada a devandita medida provisional, sen prexuício de que poida adoptarse posteriormente.»

Cuarta

En tanto non se creen os órganos da Xunta de Galicia competentes para o coñecemento das reclamacións económico-administrativas, conforme ó disposto no artigo 15 desta lei, calquera controversia que se puidese suscitar como consecuencia de actos de xestión tributaria substanciarase de acordo co establecido na Lei de procedemento administrativo, do 17 de xullo de 1958.

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

Primeira

Autorízase ó Goberno para que, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación da presente lei.

Segunda

A presente lei entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O recargo sobre a taxa que grava o xogo nos casinos entrará en vigor o primeiro de xaneiro de 1993.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 1991.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver