Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 141 24/07/1989
Departamento: Parlamento de Galicia
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións
Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 157, do 17 de agosto de 1989.

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP), creada pola Lei do 27 de maio de 1987, é a institución encargada das tarefas de selección e formación do persoal ó servicio da Administración Pública Galega, así como do estudio e do espallamento das Ciencias da Administración.

A devandita Lei 4/1987, do 27 de maio, anterior á Lei da Función Pública de Galicia e xa que logo ó deseño do vixente modelo de selección e formación, regulou necesariamente con grande flexibilidade e ata indefinición os fins da Escola. Dada esta circunstancia, cómpre precisa-lo ámbito de competencias desta institución, en orde a unha mellor satisfacción dos seus obxectivos e a consolida-la EGAP como eficaz instrumento de colaboración e cooperación co resto das Administracións Públicas e con outras institucións de Galicia.

Resulta, así mesmo, necesario modifica-la composición do Consello Rector da Escola no sentido, por unha parte, de reforza-la representación no mesmo da Universidade e dos Concellos e, por outra, de clarexa-lo sistema de elección dos representantes dos funcionarios ó servicio da Administración Autónoma e das Administracións Locais, adaptándoo ó marco do proceso electoral levado a cabo ó abeiro da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das Administracións Públicas.

De acordo co previsto no artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e 24 da Lei reguladora da Xunta e do seu Presidente, sanciono e promulgo, no nome de El-Rei, a Lei de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública.

Artigo único

Os artigos 3 e 7 da Lei 4/1987, do 27 de maio, quedarán redactados do seguinte xeito:

«Artigo 3

1. Son fins da EGAP:

a) Colaborar na realización das probas selectivas para o acceso á condición de funcionario ó servicio da Administración desta Comunidade Autónoma convocadas de conformidade co disposto na Lei da Función Pública de Galicia, e doutras Administracións Públicas que logo de convenio llo encomenden, con excepción do persoal docente e sanitario.

b) Organizar e impartir cursos selectivos de formación e cursos complementarios de formación, de carácter non selectivo, subseguintes ás probas selectivas, con excepción do persoal docente e sanitario.

c) Organizar e impartir cursos, seminarios e outras actividades de formación e perfeccionamento do persoal ó que se alude no apartado a).

d) Realiza-las probas e imparti-los cursos que se establezan para a promoción interna dos funcionarios.

e) Realiza-las probas e imparti-los cursos selectivos descentralizados para o acceso á condición de funcionarios locais con «habilitación de carácter nacional», nos términos previstos no artigo 98.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local.

f) Realiza-las probas selectivas e os cursos selectivos ou complementarios de selección dos funcionarios dos entes locais de Galicia «sen habilitación nacional», de acordo cos convenios que se subscriban coas distintas entidades locais.

g) A investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración Pública, promovendo a súa máxima difusión.

h) O establecemento de convenios e a celebración de intercambios con organismos semellantes das Administracións Públicas, a nivel estatal e internacional.

i) A difusión e a normalización do idioma galego na Administración Pública, a capacitación lingüística do persoal e maila participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega.

l) Calquera outro que se lle asigne por Lei.

2. A Escola poderá concertar con centros universitarios de Galicia e con outros centros ou entidades de titularidade pública ou privada a realización das actividades ás que se refire o apartado anterior.»

«Artigo 7

O Consello Rector da EGAP estará constituído da seguinte forma:

1.— Presidente: o Conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

2.— Vicepresidente: o Director Xeral da Función Pública.

3.— Vocais:

a) O Director da EGAP.

b) Cinco representantes da Xunta de Galicia, designados, por razón do seu cargo, polo Consello da mesma entre aqueles que ostenten a categoría de Director Xeral.

c) Cinco expertos de recoñecido prestixio no eido da Administración Pública, nomeados polo Consello da Xunta de Galicia.

d) Tres representantes das Universidades galegas, designados pola Xunta de Goberno.

e) Catro representantes da Administración Local de Galicia, tres elixidos polos Concellos e un polas Deputacións.

A súa renovación terá lugar cada vez que se celebren eleccións locais xerais.

f) Cinco representantes dos funcionarios, designados polas organizacións sindicais que obtivesen maior representación na Administración Autonómica e na Administración Local de Galicia nas eleccións celebradas de acordo coa Lei 9/1987, do 12 de xuño.

A súa renovación terá lugar cada vez que se celebren eleccións sindicais no ámbito da Administración Pública.

Destes representantes, tres serán funcionarios da Administración Autonómica e dous da Administración Local.

4.— O mandato dos vocais terá unha duración de catro anos. No suposto de renovación dalgún deles antes de remata-lo devandito período, o seu substituto será nomeado para o tempo que falte para o remate do mandato.

Do disposto no parágrafo anterior exceptúanse aqueles vocais que ocupen o posto por razón do seu cargo.

5.— A Xunta de Galicia determinará por Decreto o procedemento para a designación dos representantes da Administración Local de Galicia no Consello Rector da EGAP.

6.— O Secretario Xeral da EGAP actuará, así mesmo, como Secretario do seu Consello Rector.»

Corrección de erros. Artigo 7 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 157, do 17 de agosto de 1989.

Disposición adicional

A Xunta de Galicia dictará no prazo de seis meses as disposicións que fosen precisas para o seu desenvolvemento e cumprimento.

Disposición derradeira

A presente Lei entrará en vigor o seguinte día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 1989

Fernando Ignacio González Laxe

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver