Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 017 27/01/1988
Departamento: Parlamento de Galicia
Estado: Derrogada
Texto Texto con anotacións

O artigo 13.1 do Estatuto de Autonomía recoñece a iniciativa popular para a presentación de proposicións de lei que teñan de ser tramitadas polo Parlamento de Galicia e dispón que a mesma será regulada por este mediante lei.

A presente Lei, que desenvolve o devandito mandato estatutario en relación cos cidadáns maiores de idade que gocen da condición política de galegos e se atopen inscritos no censo electoral, ten por obxecto acada-la máis plural e intensa participación da sociedade civil galega no labor de dirección política da Comunidade Autónoma que leva consigo o exercicio da potestade lexislativa que lle acae.

A iniciativa lexislativa popular, unha das expresións da democracia da identidade no seo dos sistemas de goberno parlamentario, configúrase de xeito complementario á que lles corresponde ós representantes do pobo xurdidos dos procesos electorais. Por iso, a necesaria centralidade do Parlamento no que respecta á toma de decisións políticas a través das leis e ó fortalecemento do autogoberno require a participación directa dos cidadáns no proceso de producción normativa como suxeitos da iniciativa lexislativa.

O Parlamento de Galicia, ó aprobar esta Lei, dota ó seu pobo dun instrumento de participación activa para mirar de contribuír á vertebración social e política da Comunidade Autónoma que precisa a conciencia do devir colectivo da nosa cidadanía.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia.

Artigo 1

As persoas maiores de idade que gocen da condición política de galegos ou galegas e se atopen inscritas no censo electoral poden exercer a iniciativa lexislativa prevista no artigo 13.1 do Estatuto de autonomía de acordo co disposto por esta lei.

Lei 9/2014, do 30 de outubro.

Artigo modificado: Artigo 1 nova redacción por artigo único apartado un.

Artigo 2

A iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia exércese por medio da presentación de proposicións de lei asinadas, cando menos, por dez mil das cidadás e dos cidadáns referidos no artigo anterior.

Lei 9/2014, do 30 de outubro.

Artigo modificado: Artigo 2 nova redacción por artigo único apartado dous.

Artigo 3

Quedan excluídas da iniciativa lexislativa popular as materias seguintes:

1.— As non atribuídas á competencia da Comunidade Autónoma.

2.— As de desenvolvemento básico do Estatuto de Autonomía e as que, en todo caso, requiran para a súa aprobación o voto favorable dunha maioría cualificada.

3.— As de natureza presupostaria e tributaria.

Artigo 4

O procedemento para o exercicio da iniciativa lexislativa popular iniciarase mediante a presentación no Rexistro do Parlamento dun escrito dirixido á Mesa que conterá:

a) O texto articulado da proposición de lei, precedido dunha exposición de motivos.

b) Unha exposición das razóns que, a xuício dos asinantes, aconsellen a tramitación e aprobación polo Parlamento de Galicia da proposición de lei.

c) A relación de membros da comisión promotora, cun mínimo de 10 persoas e coas sinaturas e datos persoais de cada un deles, e a indicación do enderezo que se sinale para cursa-las notificacións e comunicacións que cumpra realizar.

Os servizos xurídicos do Parlamento de Galicia deben asesorar os membros da comisión promotora para lles facilitar o cumprimento dos requisitos formai.

Lei 9/2014, do 30 de outubro.

Artigo modificado: Artigo 4 último parágrafo engadido por artigo único apartado tres.

Artigo 5

1. Os membros da comisión promotora terán que reuni-la condición de electores conforme ó disposto no artigo 1 desta Lei.

2. Non poderán formar parte da comisión promotora os Deputados do Parlamento de Galicia nin as persoas incursas en causas de inelixibilidade ou incompatibilidade das aplicables nas eleccións ó Parlamento de Galicia.

Artigo 6

Recibida a documentación presentada, a Mesa do Parlamento procederá a examinala, e resolverá sobre a súa admisión no prazo de un mes.

A Mesa do Parlamento só poderá declara-la inadmisión dunha iniciativa lexislativa popular por algún dos seguintes motivos:

a) Que teña por obxecto algunha das materias excluídas.

b) Que o escrito de presentación non reúna algún dos requisitos esixidos. Non obstante, tratándose dun defecto reparable, a Mesa comunicarallo á comisión promotora para que proceda, no seu caso e no prazo de un mes, á reparación.

c) Que exista previamente no Parlamento un proxecto ou proposición de lei que verse sobre o mesmo obxecto da iniciativa lexislativa popular, atopándose no trámite de emendas ou outro posterior, en tanto non se esgote o procedemento lexislativo.

d) Que reproduza outra iniciativa lexislativa popular de contido igual ou substancialmente equivalente que se atope en trámite.

A resolución da Mesa do Parlamento notificaráselle á comisión promotora e publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Contra a decisión da Mesa de non admiti-la proposición de lei, a comisión promotora poderá interpoñer recurso de amparo.

Artigo 7

1. Admitida a proposición, a Mesa do Parlamento comunicarallo á Xunta Electoral de Galicia, que garantirá a regularidade do procedemento de recollida de sinaturas pola comisión promotora.

2. A Xunta Electoral de Galicia notificaralle á comisión promotora a admisión da proposición co obxecto de que se proceda á recollida das sinaturas requiridas.

3. O procedemento rematará coa entrega á Xunta Electoral de Galicia das sinaturas recollidas, no prazo de catro meses contados desde o día seguinte á notificación á que se refire o parágrafo anterior. Este prazo poderá ser prorrogado por tres meses a petición da comisión promotora cando concorra causa xustificada, apreciada pola Mesa do Parlamento. Transcorrido o prazo sen que se fixese entrega das sinaturas requiridas, caducará a iniciativa.

Artigo 8

1. Recibida a notificación de admisión da proposición, a comisión promotora presentará, no prazo de dez días hábiles, ante a Xunta Electoral de Galicia, os pregos necesarios para a recollida de sinaturas. Nestes pregos reproducirase o texto íntegro da proposición de lei.

2. No suposto de que o texto da proposición superase en extensión as tres caras do prego, poderase xuntar un prego máis, que se unirá ó destinado a recolle-las sinaturas, de modo que non poidan ser separados, selándose e numerándose, de acordo co disposto no parágrafo seguinte.

3. Recibidos os pregos pola Xunta Electoral de Galicia, esta, dentro das setenta e dúas horas seguintes, selaraos, numeraraos e devolverallos á comisión promotora.

Artigo 9

1. As sinaturas recollidas figurarán nos pregos a que fai referencia o artigo anterior e tamén se poderán recoller a través de sinatura electrónica, conforme o que estableza a lexislación correspondente nesta materia.

A Xunta Electoral de Galicia establecerá os requisitos necesarios para que o procedemento de recollida de sinaturas poida realizarse a través do sistema de sinatura electrónica

2. Xunto á sinatura de cada elector e de cada electora farase constar o seu nome e apelidos, o número de documento nacional de identidade, a data de nacemento e o concello galego en cuxas listas electorais está inscrito/a.

3. As sinaturas deberán ser autenticadas por un notario, un cónsul, un secretario xudicial ou o secretario municipal que corresponda ó concello no que, no censo electoral, estea inscrito o asinante. Indicarase a data na que se realiza a autenticación, e poderá ser esta colectiva, prego por prego; neste caso, deberase consigna-lo número de sinaturas contidas en cada prego.

4. Sen prexuício do establecido no apartado anterior, as sinaturas poderán tamén ser autenticadas por fedatarios especiais designados pola comisión promotora.

5. Poderá adquiri-la condición de fedatario especial quen, sendo maior de idade e ostentado a condición política de galego, xure ou prometa ante a Xunta Electoral de Galicia dar fe da autenticidade das sinaturas dos signatarios da proposición, baixo as penas que en caso de falsidade procedan.

6. A comisión promotora será responsable de que os datos persoais que consten no seu poder sexan tratados con respecto á lexislación aplicable en materia de protección de datos, garantindo, particularmente, que os ditos datos non serán utilizados para fins distintos do apoio declarado a esa iniciativa.

Lei 9/2014, do 30 de outubro.

Artigo modificado: Artigo 9 apartados 1 e 2 nova redacción por artigo único apartado catro e apartado 6 engadido por artigo único apartado cinco.

Artigo 10

1. Os pregos que conteñan as sinaturas recollidas, a cada un dos cales se xuntará certificado, expedido en forma xenérica por algunha das persoas con facultade de autenticar, que acrediten a inscrición dos asinantes no censo electoral, presentaranse ante a Xunta Electoral de Galicia.

Co obxecto de facilita-la expedición dos indicados certificados, facilitaránselles ás persoas para iso facultadas exemplares, o acceso ós correspondentes censos electorais ou copias compulsadas dos mesmos.

2. A Xunta Electoral procederá á comprobación da concorrencia dos requisitos antes expostos e ó reconto do número de sinaturas, e declarará nulas as que non cumpran os requisitos esixidos nesta Lei.

3. Efectuado o reconto de sinaturas no prazo indicado anteriormente e comprobado o cumprimento dos requisitos esixidos para a válida presentación da proposición, a Xunta remitiralles á Mesa do Parlamento e á comisión promotora certificación acreditativa do número de sinaturas válidas e procederá a destruí-los pregos de sinaturas que estean no seu poder, coa excepción daqueles que conteñan sinaturas ás que se lles negase a validez.

Artigo 11

Recibida a notificación que acredite que se reuniu o número de sinaturas exixido, a Mesa ordenará a publicación da proposición e a súa tramitación axustarase ao disposto no artigo 123 do Regulamento da Cámara. A inclusión na orde do día dunha sesión plenaria do debate de toma en consideración da correspondente iniciativa deberá producirse nun dos dous plenos ordinarios seguintes que se celebren, unha vez que esta teña cumpridos todos os trámites establecidos na lexislación vixente e no Regulamento da Cámara.

Lei 9/2014, do 30 de outubro.

Artigo modificado: Artigo 11 nova redacción por artigo único apartado seis.

Artigo 12

En defensa da proposición de lei, no debate para a toma en consideración no Pleno do Parlamento, a comisión promotora poderá designar un dos seus membros ou un dos asinantes.

Artigo 13

O Parlamento resarcirá a comisión promotora dos gastos realizados, ata un máximo de 0,64 euros por sinatura, co límite máximo de 6.000 euros, sempre que a proposición de lei sexa tomada en consideración polo Parlamento de Galicia e que os gastos estean debidamente acreditados coas facturas e xustificantes de pagamento, conforme o establecido na normativa vixente en materia de subvencións. Esta cifra será revisada pola Mesa do Parlamento segundo as variacións do índice de prezos de consumo.

Lei 9/2014, do 30 de outubro.

Artigo modificado: Artigo 13 nova redacción por artigo único apartado sete.

Disposición adicional

Cando a presentación do escrito de iniciación se realice fóra dos períodos de sesións parlamentarios, os prazos comenzarán a contarse no período seguinte á presentación.

As iniciativas lexislativas populares que se estivesen a tramitar no Parlamento non decaerán ó se disolver este, e retrotraeranse ó momento da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia ou ó trámite posterior á toma en consideración se esta xa fose superada.

Disposición derradeira

A presente Lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 1988

Fernando Ignacio González Laxe

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver