Acordo 15 do Consello de Goberno de 24 de setembro de 2026 polo que se aproba o Regulamento de Réxime Interno da Facultade de Enfermaría

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCB 0010 29/09/2026
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotaciones

 Aprobado pola Xunta de Facultade do día 30 de xullo de 2026 e ratificado polo Consello de Goberno do día 24 de setembro de 2026.

TÍTULO PRELIMINAR

O Regulamento de Réxime Interno da Facultade de Enfermaría, de acordo co disposto nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, é a norma na que se establecen as disposicións destinadas a regular o seu funcionamento.

TÍTULO I: DA NATUREZA E FUNCIÓNS

Artigo 1.

A Facultade de Enfermaría da Universidade de Santiago de Compostela (de aquí en adiante, USC) é o centro encargado do deseño, planificación da docencia, organización e xestión dos estudos conducentes á obtención dos títulos académicos oficiais de grao e mestrados da súa competencia.

Tamén poderá impartir ensinanzas conducentes á obtención doutros diplomas e títulos universitarios, oficiais e propios (artigo 50.1 dos Estatutos da USC).

Artigo 2.

Para o desempeño das funcións que lle confire a Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario (LOSU) e os Estatutos da USC, a Facultade de Enfermaría rexerase polo presente Regulamento de Réxime Interno.

Artigo 3.

A Facultade de Enfermaría velará pola promoción da lingua galega, promoverá a igualdade entre todas as persoas integrantes da comunidade universitaria, e preocuparase polo desenvolvemento sustentable, de conformidade co Plan de Accións de Normalización Lingüística, co Plan de Igualdade de Oportunidades e coa Memoria de Responsabilidade Social da USC.

Artigo 4.

Segundo o Artigo 51 dos Estatutos da USC son funcións da Facultade de Enfermaría:

A elaboración dos plans de estudos das titulacións impartidas polo centro e a participación na elaboración daquelas outras compartidas por varios centros.

A organización e a xestión dos servizos docentes que lle correspondan.

A coordinación, a supervisión e o control da actividade docente desenvolvida no centro, das prácticas externas e/ou prácticum contemplados nos plans de estudos e a participación nos procedementos que estableza a Universidade para a avaliación da calidade docente.

A elaboración dun calendario de actividades lectivas para cada curso, que se deberá facer público con anterioridade á apertura da matrícula.

A promoción de programas de intercambio.

A promoción e implantación de medidas para a realización de prácticas externas.

A realización das actividades de xestión académica que lle encomende a Universidade.

A administración dos espazos, servizos, equipamentos e recursos do centro e o control da súa calidade.

O coñecemento da actividade investigadora que se desenvolva no centro.

A realización de actividades de formación permanente ou de extensión universitaria no seu ámbito de competencia.

E tamén as seguintes:

A promoción de estudos de posgrao.

A promoción de actividades de colaboración con outras institucións públicas ou privadas de carácter universitario, empresarial, colexios profesionais, para o desenvolvemento de actividades docentes ou complementarias de interese para o estudantado e profesorado.

Calquera outra función que, de acordo con este Regulamento, lle encomende a Xunta de Facultade.

TÍTULO II: DO GOBERNO DA FACULTADE

CAPÍTULO I: DOS ÓRGANOS DE GOBERNO DA FACULTADE DE ENFERMARÍA

Artigo 5.

De acordo co establecido no Artigo 93 dos Estatutos da USC, os órganos de goberno e administración da Facultade de Enfermaría, son:

• A Xunta de Facultade

• O Decano ou Decana

• Os Vicedecanos ou Vicedecanas

• O Secretario ou Secretaria

Artigo 6.

As decisións dos órganos colexiados da facultade adoptarán a forma de acordos e as dos órganos unipersoais, a de resolucións.

CAPITULO II: DOS ÓRGANOS COLEXIADOS

Artigo 7.

A Xunta de Facultade é o órgano colexiado de goberno do centro, aproba as liñas xerais de actuación no ámbito da Facultade e supervisa o labor dos seus órganos de dirección e xestión. A Xunta de Facultade actuará a través do Pleno ou da Comisión Permanente, descrita no capítulo terceiro.

A asistencia ás sesións da Xunta de Facultade constitúe un dereito e un deber para todas as persoas convocadas. Para o cumprimento desta función procurarase que as convocatorias afecten o menos posible ás actividades docentes e de avaliación.

Artigo 8.

A Xunta de Facultade estará composta por:

A decana ou decano, que a convocará e presidirá.

As vicedecanas ou vicedecanos.

A secretaria ou secretario, que o será tamén da Xunta.

O/a responsable da unidade de xestión do centro.

O/a director/a da biblioteca do centro ou da correspondente biblioteca intercentros.

O seguinte persoal docente e investigador e persoal investigador (PDI) en formación con docencia no centro e censado nel, así como o non censado que teña neste un encargo docente igual ou superior ao 35% da capacidade docente dun profesor a tempo completo:

Todo o profesorado con vinculación permanente á Universidade, que representará o 51%.

O resto, sempre que non exceda do 10% do total da Xunta.

Unha representación do estudantado do 32%.

Unha representación do persoal técnico de xestión, administración e servizos (PTXAS) censado no centro, nunha proporción do 7% do total da Xunta, cun mínimo de dous.

Consonte cos Estatutos da USC:

O PDI a tempo parcial non poderá representar máis do 5%.

O estudantado de grao non poderá representar menos do 20% e garantirase a representación do estudantado de mestrado e doutoramento cando proceda.

A composición da Xunta de Facultade preséntase na seguinte táboa:

Categoría

Sector

Porcentaxe

PDI con vinculación permanente

Censado/a na facultade

51%

PDI sen vinculación permanente

Tempo parcial (ata o 5%)

Tempo completo

10%

Estudantes

De grao (mínimo 20%) De mestrado

De doutoramento

32%

PTXAS

Mínimo dous

7%

Todos/as os/as representantes elixidos/as serano por dous anos, agás o estudantado, que o serán por un ano. A condición de membro da Xunta perderase ao cesar a vinculación co centro ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo que foi elixido/a.

Cando un/unha representante elixido/a cause baixa por calquera motivo, será substituído polo seguinte candidato/a máis votado/a no seu sector. No caso de non haber suplente nun sector determinado, a vacante manterase ata a celebración de novas eleccións.

A/o decana/o poderá convocar, con carácter excepcional, a non membros da Xunta de Facultade a acudir ás súas reunións por debaterse algún asunto no que o/a non membro deba expor o seu parecer, ben a iniciativa do equipo decanal, ben por solicitude motivada da persoa interesada. Neses casos poderá ser convocado, con voz pero sen voto, o PDI, investigadores/as, PTXAS e delegados/as do estudantado que, sen pertencer á Xunta de Facultade, realicen actividades de carácter docente, investigador ou administrativo no centro. Poderá convocarse igualmente, a iniciativa do equipo decanal, con voz pero sen voto, a estudantado ou persoal alleo á Facultade de Enfermaría sempre que estean implicados nalgún asunto da orde do día.

Artigo 9.

De acordo co establecido no Artigo 98 dos Estatutos da USC, son competencias da Xunta de Facultade:

A elección do decano/a e, de ser o caso, a súa remoción mediante unha moción de censura construtiva que, en todo caso, deberá ser aprobada pola maioría absoluta dos membros da Xunta de Facultade.

A elaboración e a aprobación do seu Regulamento de réxime interno.

A supervisión da xestión dos restantes órganos de goberno e de administración do centro.

A elaboración e a aprobación dos proxectos de plans de estudos das titulacións adscritas ao centro, consonte a lexislación vixente e ás normas xerais emanadas do Claustro Universitario.

A aprobación das liñas xerais da política académica do centro e, entre elas, a proposta e implantación de novas titulacións oficiais, de creación de escolas de especialización profesional dependentes do centro e organización das ensinanzas conducentes á obtención de outros diplomas e títulos.

A organización dos servizos docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito, así como a coordinación e a supervisión da actividade docente do profesorado con docencia no centro, e igualmente a supervisión do seu cumprimento.

A programación dos espazos, servizos e equipamentos do centro e a supervisión da súa xestión.

A distribución das asignacións orzamentarias concedidas ao centro e o control da súa aplicación.

O informe verbo das propostas de creación, modificación ou supresión de departamentos relacionados co centro pola súa docencia e investigación.

A organización de actividades de formación permanente e de extensión.

A manifestación da súa opinión verbo de calquera asunto relacionado co centro ou coas súas actividades.

Calquera outra competencia que lle atribúan os Estatutos da USC ou lle encomende un órgano competente ou a lexislación vixente.

E tamén as seguintes:

A elección dos membros non natos das distintas comisións e, no seu caso, a súa revogación.

A emisión de informes sobre a actividade académica do profesorado.

A proposición aos departamentos encargados da docencia das modificacións na estrutura da programación docente das materias dos plans de estudos das titulacións das que a Facultade de Enfermería é responsable, tratando de obter unha máis axeitada coordinación entre os contidos.

Aprobación dos informes no marco do Sistema de Garantía de Calidade (SGC) do centro.

Artigo 10.

1. A Xunta de Facultade reunirase, con carácter ordinario, polo menos tres veces durante o curso académico en período lectivo, e con carácter extraordinario cando así o determine a/o Decana/o, ou por petición de, como mínimo, un terzo dos membros do Pleno da Xunta, ou así se solicite pola maioría da Comisión Permanente. Se a convocatoria se efectuara a petición do Pleno ou da Comisión Permanente, a reunión deberá convocarse dentro dos dez días lectivos seguintes á petición.

2. O Pleno da Xunta de Facultade será convocado polo/a secretario/a, por orde do/a decano/a ou de quen legalmente o/a substitúa, consonte ao artigo 19 da Lei 40/2015, de Réxime Xurídico do Sector Público. Na convocatoria deberá constar a orde do día, data, hora da primeira e da segunda convocatoria, lugar da reunión e lugar de depósito da documentación complementaria dos puntos da orde do día. A convocatoria, coa inclusión da orde do día, deberá notificarse por escrito cunha antelación mínima de cinco días hábiles. A documentación correspondente remitirase, como mínimo, con dous días hábiles de antelación.

3. A Presidencia da Xunta de Facultade decidirá a modalidade de reunión, segundo as indicacións da Instrución 3/2024 da Secretaría Xeral sobre a celebración de reunións de órganos de goberno. As reunións ordinarias do Pleno da Xunta de Facultade ou aquelas nas que estea prevista a votación secreta non poderán ser convocadas como reunións telemáticas asíncronas.

4. A gravación das sesións e o uso da intelixencia artificial (IA) durante o transcurso das mesmas regularase de conformidade co disposto no artigo 12 da Instrución 3/2024 da Secretaría Xeral.

Artigo 11.

Constitución

O Pleno da Xunta de Facultade quedará constituído validamente en primeira convocatoria coa asistencia do/a decano/a e do/a secretario/a ou de quen legalmente os substitúan, e da metade máis un dos membros con dereito a voto. De non existir quórum, o Pleno constituirase en segunda convocatoria dez minutos despois da hora sinalada para a primeira, coa asistencia do/a decano/a e do/a secretario/a ou de quen legalmente os substitúan, e un terzo dos membros con dereito a voto. De non acadar o quórum nesta segunda convocatoria, procederase a unha nova convocatoria do pleno nos vindeiros tres días hábiles.

Funcionamento

O Pleno será presidido polo/a decano/a, asistido polo equipo decanal. O/a decano/a ou quen o/a substitúa dirixirá o debate, establecendo quendas de palabra e realizando a primeira e última intervención respecto de cada un dos puntos da orde do día. Nas reunións da Xunta de Facultade convocadas con carácter extraordinario, poderán tratarse un ou varios asuntos sempre e cando figuren de forma específica na orde do día, se ben non se poderán aprobar actas de reunións anteriores. No suposto de duración excesiva da reunión, e por acordo maioritario dos presentes, poderase suspender a sesión, que deberá proseguirse no prazo máis breve posible, sempre dentro da mesma xornada. Se nun día non se conclúen os puntos da orde do día, deberá volve r a convocarse á maior brevidade posible. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que asistan todos os membros do Pleno e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Votacións

Os acordos adoptaranse por asentimento a proposta do decano/a ou mediante votación. Os acordos ordinarios decidiranse mediante votación por maioría simple dos membros presentes con dereito a voto, agás nos casos da elección ou remoción do/a decano/a e a modificación do presente Regulamento, que deberá ser por maioría absoluta en primeira volta ou pola maioría simple en segunda. En casos de empate, decidirá o voto de calidade do/a decano/a.

As votacións deberán ser públicas e a man alzada, ou, con carácter excepcional, secretas cando así sexa solicitado por un mínimo de tres membros da Xunta, e sempre que afecten a persoas concretas. Neste caso, deberán adoptarse as medidas necesarias para garantir o anonimato da votación. Nas votacións non se admitirá o voto anticipado nin delegado.

Actas

O/a secretario/a da Facultade levantará acta de cada sesión. No caso de imposibilidade de asistencia do secretario/a, fará as súas funcións un membro do equipo decanal designado polo/a decano/a.

En cada acta especificaranse:

Os membros da Xunta de Facultade que asistiron á reunión e as ausencias comunicadas.

A orde do día da sesión e as circunstancias de lugar e tempo nas que se celebrou.

Un resumo dos debates que inclúa os puntos principais das deliberacións.

O contido íntegro dos acordos, especificando, en caso de producirse votación, o número de votos favorables a cada unha das propostas.

Na acta figurará, previa solicitude dos respectivos membros da Xunta de Facultade, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifican, ou o sentido do voto favorable. Así mesmo, calquera membro da Xunta de Facultade terá dereito á transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que achegue antes do remate da sesión ou nos dous días seguintes o texto que corresponda fielmente á súa intervención, de xeito que se fará constar así na acta ou uniráselle unha copia.

Os membros que discrepen do acordo maioritario deberán anunciar a súa intención de voto particular na propia sesión. Poderán formulalo por escrito, no prazo de dous días hábiles, que se incorporará ao texto aprobado.

Cada acta será asinada polo/a secretario/a, ou quen o/a substitúa, co visto e prace do/da presidente/a da sesión.

As actas deben aprobarse na seguinte sesión ordinaria, de ser necesario, coas emendas propostas polos membros do pleno da Xunta de Facultade.

Aprobación e custodia das actas

As actas, unha vez aprobadas e asinadas polo/a secretario/a co visto e prace do/a decano/a, arquivaranse segundo as instrucións da Secretaría Xeral, quedarán baixo a custodia do/a secretario/a da Facultade e poderán ser consultadas por calquera membro da Xunta de Facultade.

Soamente darán fe dos acordos aprobados pola Xunta de Facultade as certificacións expedidas polo/a secretario/a, co visto e prace do/a decano/a.

O/a secretario/a, co visto e prace do/a decano/a, expedirá certificación dos acordos a calquera membro da Facultade de Enfermaría que o solicite por escrito sempre que se acredite un interese lexítimo.

CAPÍTULO III: DAS COMISIÓNS DELEGADAS DA XUNTA DE FACULTADE

Artigo 12.

As comisións delegadas da Xunta de Facultade terán como misión emitir informes, coordinar, estudar e elaborar propostas, así como adoptar acordos sobre os asuntos que este regulamento ou os órganos competentes de goberno da Facultade lles encomenden.

As competencias das comisións delegadas serán as seguintes:

O coñecemento e decisión sobre os asuntos de trámite.

A información e adopción de acordos sobre aqueles asuntos que, sendo competencia da Xunta de Facultade e non estando expresamente reservados ao Pleno, lle foran delegados.

O asesoramento en todas as cuestións que o/a decano/a lle someta no exercicio das súas competencias.

O funcionamento de todas as comisións delegadas da Xunta de Facultade rexerase polo indicado no artigo 11 do presente Regulamento, no que lle corresponda.

A comisión delegada será:

Comisión Permanente

Ademais desta comisión, a Xunta de Facultade poderá crear outras de carácter temporal para tratar asuntos concretos.

Artigo 13.

A composición das Comisións será:

Os membros das comisións delegadas teñen que selo tamén da Xunta de Facultade. Estas comisións, nos casos nos que se considere oportuno, poden invitar a outras persoas a participaren nelas, con voz pero sen voto.

Os membros das comisións delegadas serán elixidos entre os membros de cada sector da Xunta de Facultade para cada caso. No caso de non haber candidaturas suficientes, a Xunta de Facultade poderá propoñer entre os seus membros, as persoas necesarias para completar a composición das Comisións, sendo esta proposta aprobada en Pleno. O/A decano/a ou persoa na que delegue, formará parte e presidirá as comisións. O/A secretario/a da Facultade, naqueles casos nos que así se especifique, actuará como secretario/a da comisión.

A renovación ou substitución dos membros das comisións delegadas farase de maneira obrigatoria despois das eleccións a decano/a. Durante o mandato, os membros de cada sector renovaranse logo dos correspondentes procesos electorais nos sectores de PDI sen vinculación permanente, estudantes e PTXAS.

Os membros das comisións delegadas cesarán no momento en que perdan a súa condición de membros da Xunta de Facultade segundo o Regulamento electoral da USC. Os postos vacantes por cese ou dimisión serán cubertos no prazo máis breve posible por persoas que formen parte da Xunta de Facultade no sector correspondente e cumpran os requisitos establecidos en cada caso.

Cada comisión elixirá o/a seu/súa secretario/a cando non actúe como tal o/a secretario/a da Facultade.

Artigo 14.

As comisións delegadas serán convocadas cunha antelación mínima de dous días hábiles.

A modalidade de reunión para cada sesión será establecida pola persoa que exerza a presidencia en cada caso e debe constar de xeito expreso na convocatoria. Non poderán convocarse reunións telemáticas asíncronas para a adopción de acordos que requiran votación secreta.

O réxime de constitución das comisións será o mesmo que o da Xunta de Facultade (artigo 11).

Os acordos, informes, propostas e recomendacións das comisións delegadas adoptaranse por maioría simple.

Da Comisión Permanente

Artigo 15.-

A Comisión Permanente é un órgano deliberador e executivo da Xunta de Facultade e ten a súa representación permanente para axilizar a xestión dos asuntos da súa competencia. As decisións que adopte acerca dos mesmos serán vinculantes para a Xunta de Facultade.

Artigo 16. Composición

• A decana/o, que a presidirá

• A secretaria/o, que tamén o será da mesma

• Os/as vicedecanos/as

• Responsable da Unidade de Xestión

• 2 PDI con vinculación permanente

• 1 PDI sen vinculación permanente

• 1 PTXAS

• 1 representante do estudantado

Artigo 17. Competencias

Velar polo cumprimento dos acordos adoptados na Xunta de Facultade.

Coñecer e decidir sobre asuntos de trámite.

Asesorar en todas aquelas cuestións que o/a decano/a lle solicite no exercicio das súas competencias, e decidir de ser o caso, sobre as que lle delegue expresamente.

Coñecer e decidir sobre calquera asunto que sexa competencia da Xunta de Facultade e non estea reservado expresamente ao Pleno desta.

Resolver as cuestións de carácter administrativo que requiran o acordo da Xunta ou ben o informe da Facultade e que, polo seu número ou pola improrrogabilidade dos prazos, non se poidan someter á consideración da Xunta de Facultade.

Aquelas outras que lle delegue o Xunta, ou que lle atribúa o presente Regulamento.

Informe de acordos

O/a secretario/a da Facultade informará ao Pleno da Xunta, na primeira sesión ordinaria que se celebre con posterioridade á última reunión da Comisión Permanente de todas as actuacións da comisión.

CAPÍTULO IV: DAS COMISIÓNS NON DELEGADAS DA XUNTA DE FACULTADE

Artigo 18.

A Facultade conta con outras comisións, non delegadas da Xunta de Facultade, para o desenvolvemento das funcións que esta lle encomende. Dado o seu carácter non delegado, os membros destas comisións que non o sexan por razón do seu cargo non terán que ser necesariamente membros da Xunta de Facultade. Os membros das comisións non delegadas serán elixidos mediante votación entre os membros de cada grupo ou sector, segundo corresponda, censados na Facultade, que presenten a súa candidatura. No caso de non haber candidaturas suficientes, a Xunta de Facultade poderá propoñer membros para completar a composición da Comisión, sendo esta proposta aprobada en Pleno. Cada unha das comisións non delegadas da Xunta de Facultade terá estrutura de seu, así como composición e funcionamento propios.

A presidencia das comisións poderá convocar a acudir as súas reunións, con carácter excepcional, con voz pero sen voto, a non membros das comisións que sexan representantes doutros grupos de interese cuxa opinión se considere relevante para algún asunto da orde do día.

O funcionamento de todas as comisións non delegadas da Xunta de Facultade rexerase polo indicado no artigo 11 do presente Regulamento, no que lle corresponda.

Artigo 19.

As comisións non delegadas serán:

• Comisión de Calidade

• Comisión de Biblioteca

• Comisións de Titulacións de Grao e Mestrado

• Comisión Intercentros

• Comisión de Prácticas Clínicas do Grao

• Comisión de Normalización Lingüística

• Comisión de Igualdade e Xénero

• Comisión de Ética nos traballos académicos

• Comisión de Innovación Docente

Da Comisión de Calidade

Artigo 20.-

A Comisión de Calidade é un órgano que participa nas tarefas de planificación, desenvolvemento e seguimento do SGC do Centro, actuando ademais como medio de difusión interna do Sistema e dos seus logros.

Artigo 21.- Composición

Decano/a da Facultade ou representante do centro ou persoa en quen delegue, que a presidirá

Responsable de Calidade do Centro (RCC), que actuará como secretario/a

Coordinadoras/es de Titulación/s do centro

Responsable da Unidade de Xestión

1 representante do estudantado

Artigo 22.- Competencias

Realizar o deseño, a implantación, o seguimento e mellora continua do SGC no Centro

Elaborar a Memoria Anual de Calidade do Centro

Elaborar os informes de seguimento das titulacións do centro

Elaborar aqueles informes acerca de novas propostas de titulacións ou modificacións das existentes

Todos aqueles informes que lle sexan requiridos no marco das súas competencias

Da Comisión de Biblioteca

Artigo 23.-

A Comisión de Biblioteca encargarase de supervisar a xestión desta e apoiará o seu desenvolvemento en todas aquelas cuestións disciplinares que fosen precisas. Asemade, emitirá un informe sobre a súa xestión unha vez ao ano. Rexerase en todos os aspectos polo que determine o Regulamento da Biblioteca Universitaria da USC.

Artigo 24.- Composición

Decano/a ou persoa en quen delegue, que a presidirá

O/a director/a da biblioteca, que actuará como secretario/a

5 membros do PDI dos Departamentos que impartan docencia no centro sempre que formen parte da Xunta de Facultade. Garantirase que haxa cando menos 1 con vinculación permanente e 1 sen vinculación permanente. No caso de non presentarse candidaturas nun dos dous sectores, as prazas correspondentes cubriranse coas candidaturas máis votadas do outro sector.

3 representantes do estudantado

Das Comisións de titulacións oficiais de Grao e Mestrado

Artigo 25. -

Cada titulación oficial contará cunha Comisión de Título propia. A composición e o funcionamento de cada Comisión adaptaranse ás características e necesidades específicas da correspondente titulación. De acordo ao Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado da USC, a composición das comisións dos títulos serán a seguintes:

Comisión do Título de Grao en Enfermaría

O/a Decano/a ou responsable do centro ou persoa en quen delegue, que a presidirá

O/a secretario/a, que será elixido entre os membros da comisión

Coordinador/a do título.

Responsable de Calidade do centro.

Responsable da Unidade de Xestión

4 PDI representantes das áreas de coñecemento que participan na docencia do título proporcionalmente á carga lectiva e que estean a tempo completo.

2 PDI con outras dedicacións distintas ao tempo completo.

2 representantes do estudantado

Comisión do Título de Máster Universitario en Xerontoloxía

O/a Decano/a ou responsable do centro ou persoa en quen delegue, que a presidirá

O/a secretario/a, que será elixido entre os membros da comisión

Coordinador/a do título.

Responsable de Calidade do centro.

Responsable da Unidade de Xestión

4 PDI representantes das áreas de coñecemento que participan na docencia do título proporcionalmente á carga lectiva e que estean a tempo completo.

2 PDI con outras dedicacións distintas ao tempo completo.

2 representantes do estudantado

Comisión do Título de Máster Universitario en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados

O/a Decano/a ou responsable do centro ou persoa en quen delegue, que a presidirá

O/a secretario/a, que será elixido entre os membros da comisión

Coordinador/a do título.

Responsable de Calidade do centro.

Responsable da Unidade de Xestión

6 PDI representantes das áreas de coñecemento que participan na docencia do título proporcionalmente á carga lectiva e que estean a tempo completo. Un destes membros deberá ser o coordinador/a das materias de Prácticas da titulación.

2 membros do PDI de outras dedicacións distintas ao tempo completo.

2 representantes do estudantado

A renovación das comisións dos títulos efectuarase cada catro anos. Para os representantes do estudantado, a renovación farase consonte á duración dos seus estudos en tanto manteñan tal condición na titulación. Nos títulos interuniversitarios procederase de acordo ao que determine o convenio.

Artigo 26.- Competencias

De acordo ao Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado da USC, as competencias serán as seguinte:

Velar polo cumprimento do proxecto de título formulado na memoria de verificación

Velar polo cumprimento no título do Sistema de Garantía de Calidade do centro

Formular propostas para a organización académica do título

Calquera outra asignada polo SGC do centro

Da Comisión de Título Intercentros Artigo 27.- Sede, composición e competencias.

De acordo ao Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado da USC:

Terá a súa sede no centro responsable do título. Estará composta polos membros da comisión do título do centro responsable, e, por parte dos outros centros de impartición:

O/a representante do título

O/a coordinador/a do título

O/a responsable de Calidade

Un representante do estudantado

A súa función será a de tratar as cuestións relativas ao ciclo de Verificación, Seguimento, Modificación e a renovación da Acreditación do título. No caso de mestrados universitarios intercentros nos que as competencias da comisión de título sexan asumidas pola comisión intercentros, esta asumirá as funcións descritas para a comisión de título.

Da Comisión de Prácticas Clínicas do Grao

Artigo 27. Sede, composición e competencias.

De acordo ao Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado da USC:

Terá a súa sede no centro responsable do título. Estará composta polos membros da comisión do título do centro responsable, e, por parte dos outros centros de impartición:

O/a representante do título

O/a coordinador/a do título

O/a responsable de Calidade

Un representante do estudantado

A súa función será a de tratar as cuestións relativas ao ciclo de Verificación, Seguimento, Modificación e a renovación da Acreditación do título. No caso de mestrados universitarios intercentros nos que as competencias da comisión de título sexan asumidas pola comisión intercentros, esta asumirá as funcións descritas para a comisión de título.

Artigo 28.

A súa función é a organización e a coordinación da docencia de práctica clínica de grao.

Artigo 29. Composición

Decano/a ou persoa en que delegue, que a presidirá

O/a secretario/a, que será elixido entre os membros da comisión

Coordinador/a de Prácticas de Grao

Coordinadores/as das materias de Prácticas Clínicas

1 PDI vinculado

2 PACS

2 representantes do estudantado

Artigo 30. Competencias

Elaborar a proposta do número e distribución de prazas de prácticas clínicas en cada curso académico

Revisar e actualizar a guía de prácticas clínicas e as follas de avaliación, velando polo seu cumprimento.

Atender as incidencias acaecidas durante o desenvolvemento das prácticas clínicas, propor e executar formas de resolución e canalizalas cando estas non sexan competencia desta comisión.

Emitir proposta á área de coñecemento sobre a renovación anual do Profesorado Asociado de Ciencias da Saúde así como identificar necesidades docentes de provisión de prazas.

Calquera outra función que lle encomende a Xunta de Facultade no ámbito das súas competencias.

Da Comisión de Normalización Lingüística

Artigo 31.

Ten como misión desenvolver na Facultade actuacións de promoción da lingua galega, en liña coa política lingüística definida pola universidade.

Artigo 32. Composición

O/a decano/a ou membro do equipo decanal en quen delegue, que a presidirá

O/a secretario/a, que será elixido entre os membros da comisión

4 membros do PDI, garantindo que haxa cando menos 1 con vinculación permanente e 1 sen vinculación permanente. No caso de non presentarse candidaturas nun dos dous grupos, as prazas correspondentes cubriranse coas candidaturas máis votadas do outro grupo.

1 membro do PTXAS

1 representante do estudantado

Artigo 33. Competencias

Corresponden á Comisión de Normalización Lingüística as seguintes funcións:

Analizar a situación lingüística da Facultade e elaborar propostas dirixidas a promover o uso do galego no ámbito docente, investigador, de xestión e de comunicación institucional, en consonancia co Plan de Normalización Lingüística da USC.

Elaborar e impulsar un programa anual de actuacións en materia de normalización lingüística, contando co asesoramento e apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Canalizar as iniciativas, consultas, suxestións e incidencias da comunidade universitaria da Facultade en materia de normalización lingüística.

Publicitar e distribuír no centro os recursos que ofrece a Universidade, así como da súa propia existencia e das súas actividades.

Colaborar e coordinarse co Servizo de Normalización Lingüística e coas restantes comisións de normalización lingüística da USC para favorecer o intercambio de información, a coordinación de actuacións e o desenvolvemento de iniciativas conxuntas.

Da Comisión de Igualdade e Xénero

Artigo 34.

Ten como misión impulsar e dinamizar as actividades de igualdade, diversidade, inclusión e non discriminación no ámbito da Facultade.

Artigo 35. Composición

O/a decano/a ou membro do equipo decanal en quen delegue, que a presidirá

O/a secretario/a, que será elixido entre os membros da comisión

4 membros do PDI, garantindo que haxa cando menos 1 con vinculación permanente e 1 sen vinculación permanente. No caso de non presentarse candidaturas nun dos dous grupos, as prazas correspondentes cubriranse coas candidaturas máis votadas do outro grupo.

1 representante do estudantado

1 membro do PTXAS

Artigo 36. Competencias

Impulsar e velar polo cumprimento efectivo do Plan de Igualdade de Oportunidades da USC

Integrar a perspectiva de igualdade e xénero en todos os ámbitos da Facultade

Analizar a situación da Facultade respecto a igualdade e o xénero e propor protocolos e medidas de mellora

Fomentar actividades orientadas á sensibilización sobre temas de igualdade e xénero

Da Comisión de Ética nos traballos académicos

Artigo 37.

Segundo a Resolución reitoral 4/2021, sobre procedemento de avaliación previa de traballos de fin de estudos e outros traballos académicos no caso de intervención con seres humanos, obtención de mostras ou de datos persoais, a Comisión de Ética nos traballos académicos é o órgano encargado da análise e revisión do cumprimento dos requisitos esixidos polo Comité de Bioética da USC.

Artigo 38. Composición

O/a decano/a ou membro do equipo decanal en quen delegue, que a presidirá

O/a secretario/a, que será elixido entre os membros da comisión

4 membros do PDI, garantindo que haxa cando menos 1 con vinculación permanente e 1 sen vinculación permanente. No caso de non presentarse candidaturas nun dos dous grupos, as prazas correspondentes cubriranse coas candidaturas máis votadas do outro grupo.

Artigo 39. Competencias

Informar ao estudantado sobre o procedemento para a solicitude de avaliación ética dos traballos académicos que se realicen con seres humanos, as súas mostras ou os seus datos.

Propoñer recomendacións para a adecuación dos traballos académicos á normativa do Comité de Bioética da USC.

Emitir un informe non vinculante previo á emisión do informe definitivo polo Comité de Bioética da USC sobre o cumprimento dos requisitos dos nomeados traballos académicos no caso de intervención con seres humanos, obtención de mostras ou de datos persoais fóra do marco de proxectos de investigación.

Da Comisión de Innovación Docente

Da Comisión de Innovación Docente

Artigo 40.

Ten como misión impulsar a mellora continua da docencia, a formación do profesorado e a xestión dos recursos didácticos do centro.

Artigo 41. Composición

O/A decano/a ou membro do equipo decanal en quen delegue, que a presidirá

O/a secretario/a, que será elixido entre os membros da comisión

Coordinadores/as de curso do grao

4 membros do PDI, garantindo que haxa cando menos 1 con vinculación permanente e 1 sen vinculación permanente. No caso de non presentarse candidaturas nun dos dous

grupos, as prazas correspondentes cubriranse coas candidaturas máis votadas do outro grupo.

1 PTXAS con funcións de apoio á docencia

1 representante do estudantado

Artigo 42. Competencias

Promover a innovación e a mellora da docencia na Facultade.

Propoñer actuacións dirixidas á incorporación de novas metodoloxías docentes, recursos dixitais e sistemas de avaliación.

Apoiar a coordinación da Avaliación de Competencias Obxectiva e Estruturada (ACOE) das titulacións impartidas no centro.

Colaborar cos servizos de xestión do centro no inventario, control e mantemento dos recursos didácticos, velando polo seu uso eficiente, seguro e adaptado ás actividades docentes.

CAPÍTULO V: DO EQUIPO DECANAL

Artigo 43.

O equipo directivo da Facultade de Enfermaría estará composto polo/a decano/a, vicedecanos/as e o/a secretaria/o. As persoas elixibles para estes cargos deben cumprir os requisitos que establezan os estatutos e a normativa xeral da USC.

O/A decano/a

Artigo 44.

O/a decano/a representa á Facultade, exerce a súa dirección e a xestión ordinaria, preside e coordina a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.

Artigo 45. Competencias do Decano/a.

De acordo co Artigo 100 dos Estatutos da USC,

Son competencias do decano/a:

A representación da Facultade.

A presidencia das reunións da Xunta de Facultade e a de calquera outro órgano colexiado delas, así como a execución dos seus acordos.

A vixilancia do cumprimento da legalidade en todas as actuacións da facultade.

A dirección académica de todas as titulacións oficiais adscritas ao centro.

A dirección económica das actividades organizadas polo centro.

A proposta ao reitor/a do nomeamento e cesamento da secretario/a da Facultade e, de ser o caso, dos/as vicedecanos/as, dentro do límite que sinale o Consello de Goberno.

A vixilancia do respecto dos dereitos e do cumprimento dos deberes de todos os membros da comunidade universitaria que desenvolven o seu labor no centro.

O control do cumprimento das obrigas docentes e discentes.

O control do axeitado mantemento do patrimonio do centro.

O exercicio das restantes funcións que se deriven do seu cargo, así como aqueloutras que lle sinalen estes Estatutos ou a lexislación universitaria.

As competencias do/a decano/a estenderanse a todos os asuntos concernentes ao goberno e á administración das facultades que non estean atribuídos a outros órganos.

Artigo 46. Convocatoria de eleccións ao decano/a

Segundo o Regulamento Electoral Xeral da USC:

1.- A convocatoria para a elección de decano/a deberá indicar polo menos as seguintes datas e prazos:

Prazo de presentación de candidaturas, que non será inferior a sete días hábiles nin superior a quince.

Proclamación provisional de candidatos.

Prazo de reclamacións contra a proclamación provisional de candidatos, que non será inferior a tres días hábiles.

Proclamación definitiva de candidatos.

Data, lugar e hora da reunión da Xunta de Facultade na que se efectuará a votación.

Data e lugar da reunión do órgano colexiado na que se procederá á segunda volta da votación, cando sexa necesaria. A segunda volta pode ter lugar na mesma reunión que a primeira, e nunca máis tarde que tres días despois desta.

2.- As eleccións convocaraas a persoa titular do cargo unipersoal, coa debida antelación para que teñan lugar antes do termo do seu mandato, e en calquera caso como mínimo un mes antes deste. No caso de incumprimento do dito deber, as eleccións serán convocadas polo/a reitor/a. Se a persoa titular do cargo cesase por causa distinta da expiración do seu mandato, as eleccións serán convocadas por quen o/a substitúa, nos vinte días seguintes ao dito cesamento.

3.- A reunión da Xunta de Facultade na que se procederá á votación non poderá ser convocada para antes de que pasen tres días hábiles despois de pechado o prazo de presentación de candidaturas nin para despois de corenta e cinco días naturais dende a data de saída da convocatoria.

Artigo 47.

Sesión Extraordinaria da Xunta de Facultade para a Elección de Decano/a

1.- A presidencia da sesión na que teñan lugar as votacións corresponderá á persoa titular en funcións. No caso de que este presente a súa candidatura a decano/a, sería substituído por un/unha vicedecano/a.

2.- No caso de que o/a secretario/a presentase a súa candidatura actuará como secretario/a accidental o membro do órgano de menor idade que reúna as condicións requiridas nos Estatutos da Universidade para o desempeño do cargo.

3.- Antes de cada unha das votacións ás que fai referencia o Regulamento Electoral Xeral da USC os candidatos poderán expoñer o seu programa.

Artigo 48. Votación

A votación realizarase do xeito que determine o presidente da Xunta de Facultade, e en todo caso garantindo o secreto do voto e a seguridade do resultado. Cada persoa electora poderá dar o seu voto a favor dun/dunha único/a candidato/a, votar en branco ou absterse. O voto poderá expresarse cunha cruz á beira do nome da persoa candidata ou doutro xeito inequívoco.

Artigo 49. Sistema electoral

1.- No caso de concorrencia de máis dunha candidatura, as eleccións a decano/a celebraranse de acordo co sistema de dobre volta. En primeira volta resultará elixido/a o/a candidato/a que obtivera máis da metade dos votos validamente emitidos polos membros da Xunta de Facultade. Se esta non se alcanza, procederase a unha segunda votación, que se poderá celebrar na mesma sesión ou, a máis tardar, no prazo dos tres días seguintes á primeira, entre as dúas persoas candidatas máis votadas na primeira volta que manteñan a súa candidatura, resultando elixida a persoa que obtivese a maioría simple de votos. No caso de empate na segunda votación, repetirase a mesma, e se se mantivese o empate darase preferencia á persoa con maior antigüidade de acordo co artigo 16 dos Estatutos da Universidade.

2.- No caso dunha única candidatura, só se celebrará unha votación, resultando elixida a persoa candidata se obtén o 25% ou máis dos votos emitidos.

Artigo 50. Moción de censura

1.- O/A decano/a pode perder a súa condición pola adopción, por maioría absoluta, dunha moción de censura. A moción de censura deberá ser proposta polo menos por un terzo dos membros da Xunta de Facultade e terá que incluír un/unha candidato/a alternativo/a.

2.- Se a moción de censura non fose aprobada, as persoas asinantes non poderán presentar outra durante o mesmo período de mandato.

Artigo 51. Eleccións de decanos de facultade

1.- O/a decano de facultade será elixido pola Xunta de Facultade convocada para tal efecto. A persoa candidata que resulte elixida será nomeada polo/a reitor/a. O nomeamento será comunicado ao Consello de Goberno ás direccións dos departamentos que desenvolvan funcións docentes e investigadoras no centro.

2.- Poderán ser candidatos/as a decano/a o profesorado con vinculación permanente censado no centro.

3.- A elección rexerase polo procedemento establecido no Regulamento Electoral Xeral da USC.

4.-O mandato do/a decano/a será de seis anos improrrogables e non renovables. O decano/a cesará por remate do seu mandato, por dimisión, por disolución do órgano colexiado ou como consecuencia dunha moción de censura construtiva aprobada por maioría absoluta.

Artigo 52. Ausencia de candidatos

De non se poder levar a cabo o nomeamento do decano/a, por falta de candidatos/as que reúnan os requisitos esixidos, o Consello de Goberno, tras a proposta do/a reitor/a, encargará provisionalmente as funcións de dirección a un profesor ou profesora. Rematado o curso académico, convocaranse eleccións.

O/A secretario/a

Artigo 53.

Segundo os Estatutos da USC:

O/a secretario/a da Facultade é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do centro e, como tal, ten encomendada a custodia das actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do centro. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomenden ao decano/a, a lexislación vixente e os Estatutos da USC.

O/a secretario/a será nomeado polo reitor/a, segundo a proposta do decano/a, de entre os profesores ou funcionarios dos subgrupos A1 e A2 censados no centro que reúnan os requisitos establecidos no artigo 71 dos Estatutos da USC.

O/a secretario/a será cesado polo reitor, tras a proposta do decano/a, ou por petición propia.

Os/As vicedecanos/as

Artigo 54.

Os/as vicedecanos/as serán nomeadas polo Reitor/a, a proposta do Decano/a, de entre os membros da comunidade universitaria da facultade que reúnan os requisitos establecidos no artigo 71 dos Estatutos da USC.

É labor dos/as vicedecanos/as coordinaren ou dirixiren, baixo a autoridade do/a Decano/a, a área ou áreas de competencias que este lles encomende, sen prexuízo de que as funcións técnico-administrativas correspondan ao persoal de administración e servizos. De existiren varias vicedecanos/as, o/a decano/a designará quen ten que substituíla, en caso de ausencia ou enfermidade.

Os/as vicedecanos/as serán cesados/as polo reitor/a, logo da proposta do/a decano/a, ou a petición propia.

TÍTULO III: DA COORDINACIÓNS

CAPÍTULO I: DA COORDINACIÓN DO TÍTULO DE GRAO OU MESTRADO

Artigo 55. Coordinador/a de título

De acordo ao Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado da USC:

O/A coordinador/a do título será a persoa responsable de lideralo. Deberá ser un/unha docente doutor/a, con dedicación a tempo completo e docencia no título. No caso dos graos, o/a coordinador/a poderá ser tamén un/unha docente non doutor/a, pero deberá cumprir as demais condicións.

A Xunta de Facultade, por proposta do/a decano/a, aprobará a proposta de coordinador/a de título, da que se dará traslado á Vicerreitoría competente en materia de titulacións. O nomeamento do/a coordinador/a é competencia do/a reitor/a.

No caso de titulacións que se impartan en varios centros, existirá un/unha coordinador/a de título en cada un deles, que será responsable da implantación e desenvolvemento do título no centro.

Os títulos conxuntos nos que participe a USC tamén terán, ademais do/a coordinador/a xeral do título, un/unha coordinador/a de título na USC, elixido/a da mesma forma que no caso dos títulos exclusivos e coas mesmas competencias, amais das que estableza o convenio da titulación.

A renovación do/a coordinador/a efectuarase segundo o que dispoña a normativa vixente da USC.

O/A coordinador/a deixará de exercer as súas funcións por algún dos seguintes motivos: dimisión, baixa ou proposta de cesamento pola persoa responsable do centro. O cesamento do/a coordinador/a é competencia do/a reitor/a. Cando un/unha coordinador/a deixe de exercer as funcións de coordinación por algún dos motivos expostos, o equipo de dirección do centro designará un/unha coordinador/a interino/a por un período máximo dun mes. Antes do remate dese período, procederase ao nomeamento dun/dunha novo/a coordinador/a.

Artigo 56. Funcións do/a coordinador/a de título

De acordo ao Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado da USC son funcións do/a coordinador/a do título de grado ou mestrado:

Actuar en representación do título.

Coordinar os procesos de calidade de acordo co Sistema de Garantía de Calidade aplicable e trasladar a información que proceda á comisión do centro con competencias.

Coordinar os procesos de organización académica do título e trasladar a información que proceda á dirección do centro e ao profesorado do título.

Calquera outra función que lle fora asignada polos órganos competentes.

CAPÍTULO II: DA COORDINACIÓN DE TÍTULOS INTERUNIVERSITARIOS

Artigo 57.

Os títulos interuniversitarios nos que participe a USC que contemplen a figura dun coordinador xeral ou interuniversitario tamén terán unha persoa coordinadora do título na USC, que será elixida igual que no caso dos títulos exclusivos da USC e exercerá as mesmas funcións, ademais das propias que estableza o convenio ou que deriven do seu carácter interuniversitario.

Artigo 58.

Cando a USC sexa coordinadora do título interuniversitario, as funcións de ambos os cargos (coordinador/a xeral do título e coordinador/a local da USC), serán as que estableza o convenio ou que deriven do seu carácter interuniversitario.

TÍTULO IV: DA REFORMA DO REGULAMENTO

Artigo 59.

A reforma do Regulamento de réxime interno da Facultade iníciase por decisión da decana ou decano, adoptada por iniciativa propia ou a proposta do 25% dos membros da Xunta de Facultade.

Artigo 60.

A proposta de reforma do Regulamento será remitida aos membros da Xunta de Facultade, dando un prazo mínimo de cinco días hábiles para a presentación de emendas, debidamente articuladas e razoadas por escrito, que incluirán a proposta de redacción do artigo ou artigos que se desexan modificar. Rematado este prazo, celebrarase a sesión da Xunta de Facultade na que se debaterá e someterá a aprobación a proposta de reforma.

Artigo 61.

Para que a reforma do Regulamento prospere, será preciso que sexa apoiada pola maioría absoluta en primeira volta ou pola maioría simple en segunda. De non ser así, a proposta considerarase rexeitada, e non poderá propoñerse idéntica reforma no prazo dun ano. Unha vez aprobada a reforma, elevarase ao Consello de Goberno para a súa ratificación.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Disposición adicional primeira

O presente Regulamento debe ser integrado e interpretado no marco do disposto nos Estatutos da USC, e das normas legais e regulamentarias sobre ensino universitario.

Disposición adicional segunda

Para o que non estea previsto no presente Regulamento aplicarase o establecido nos Estatutos e demais normativa propia da USC, así como na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das Administracións Públicas, a Lei 40/2015, do 1 de outubro de Réxime Xurídico do Sector Público e na Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario (LOSU).

Disposición adicional terceira

A celebración de reunións rexerase pola Instrución 3/2024 da Secretaría Xeral relativa á celebración de reunións de órganos colexiados da USC por medios telemáticos, de acordo co artigo 17 da Lei 40/2015, de 1 de outubro de Réxime Xurídico do Sector Público.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Queda derrogado o Regulamento de réxime interno da Facultade de Enfermaría aprobado pola Xunta de Facultade do 24 de maio de 2018 e ratificado polo Consello de Goberno do día 21 de xuño de 2019.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da USC (BOUSC), logo da súa ratificación polo Consello de Goberno da USC.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver