Acordo 10/CG de 24 de setembro de 2026 polo que se aproba a modificación do art. 41 do Regulamento de Transformación Dixital, Administración Electrónica e Desenvolvemento TIC para incorporar expresamente a IA entre as funcións da comisión de Coordinación da Estratexia Dixital:
NORMA CONSOLIDADA
Modifícase a redacción do art. 41 que queda como segue:
Artigo 41. Comisión de Coordinación da Estratexia Dixital
1. Créase a Comisión de Coordinación da Estratexia Dixital da Universidade de Santiago de Compostela como órgano de coordinación encargado de velar polo adecuado desenvolvemento da estratexia dixital da Universidade e de fixar as directrices nesta materia.
2. A Comisión desenvolverá as súas funcións no marco das liñas estratéxicas que aprobe o Consello de Goberno.
3. A Comisión estará composta por:
a) O reitor ou a reitora ou persoa na que delegue, que a presidirá.
b) As persoas do equipo de goberno con competencias nos ámbitos de actuación da Comisión que determine o reitor ou a reitora.
c) A persoa titular da Secretaría Xeral.
d) A persoa titular da Xerencia.
e) A persoa directora de ATIC.
f) Un representante do estudantado designado polo Consello de Goberno.
g) Un representante do PDI designado polo Consello de Goberno.
h) Un representante do PTXAS designado polo Consello de Goberno.
4. Actuará como secretario/a da Comisión o membro desta que se determine na súa constitución, agás que se decida encargar esta función a un membro do PTXAS con competencias técnicas na materia, o cal participará nas reunións con voz, pero sen voto.
5. Corresponderá a esta Comisión, co asesoramento experto que proceda:
a) Analizar o potencial de novas tecnoloxías para a súa aplicación nos ámbitos da xestión, da docencia, da investigación e da innovación na USC, así como a viabilidade da súa implantación.
b) Programar e priorizar os novos desenvolvementos TIC (incluíndo tanto proxectos de nova creación como aquelas melloras de aplicacións existentes, que, pola súa complexidade, poidan considerarse como novos desenvolvementos) necesarios para a dixitalización da USC, conforme as directrices estratéxicas aprobadas e, cando proceda, ás propostas e os informes emanados da Comisión de Administración Electrónica. Así mesmo, aprobar a súa programación temporal e designar para cada proxecto unha persoa responsable técnica e outra funcional encargadas do seu seguimento e da rendición de contas dos resultados.
c) Impulsar a creación de grupos de traballo para a formulación e a análise de propostas de novos desenvolvementos TIC nos diferentes ámbitos, determinar a súa composición, a duración do mandato das persoas integrantes e o calendario de traballo.
d) Recibir e analizar as propostas de novos desenvolvementos TIC e, en particular, determinar as necesidades de recursos humanos e/ou orzamentarios para a súa execución e aprobar, se é o caso, a programación temporal correspondente.
e) Impulsar e coordinar a incorporación da intelixencia artificial na USC e a súa gobernanza institucional, así como establecer as directrices xerais para o seu desenvolvemento, de conformidade coa normativa aplicable
6. Tanto o PTXAS e PDI con responsabilidades de xestión como o estudantado, a través das persoas que o representen, poderán dirixirse á Comisión por medio do formulario que se habilitará para realizar novas propostas tecnolóxicas en estratexia dixital.
Esta modificación entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.