Acordo 2 do Consello de Goberno do 24 de setembro de 2026 polo que se aproba o Regulamento de funcionamento das Unidades Docentes do Grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela
NORMA CONSOLIDADA
Preámbulo
O 20 de xaneiro de 2026 asinouse o Convenio para a descentralización da docencia do Grao en Medicina da USC, por parte da Consellería de Sanidade, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e as Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Sendo a Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC a única que ten implantado o Grao en Medicina no SUG, maniféstase polas partes asinantes o interese mutuo de avanzar na descentralización progresiva de 4º, 5º e 6º como mellor solución para: a) aproveitar todas as capacidades do sistema sanitario público galego e do sistema universitario público para a mellor formación dos futuros médicos que cursen os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela; b) abrir a posibilidade para que calquera dos profesionais dos hospitais galegos, particularmente os que conten coa acreditación preceptiva para ocupar prazas de profesorado universitario, poida acceder a prazas vinculadas das universidades galegas e así contribuír decisivamente á formación dos futuros profesionais da medicina; c) favorecer a participación na docencia desta titulación do profesorado das Universidades da Coruña e Vigo relacionado coas áreas de coñecemento propias do Grao en Medicina; e d) racionalizar o impacto da docencia clínica na actividade asistencial dos distintos hospitais, mellorando a súa calidade.
Na cláusula sexta do Convenio disponse que nos hospitais universitarios CHUAC e CHUVI crearase unha unidade docente, que acollerá a todo o profesorado que imparta a docencia prevista no convenio, tanto da universidade á que estea vinculado o hospital (UDC e UVigo, respectivamente), como da USC. E indícase que as unidades docentes organizarán as ensinanzas e realizarán a coordinación cos correspondentes departamentos implicados na docencia, para garantir que os criterios de ensinanza e avaliación sexan semellantes en todos os casos; e velarán pola igualdade de condicións do profesorado que as integran.
Na cláusula sétima do Convenio establécese que en cada unha das unidades docentes dos hospitais universitarios CHUAC e CHUVI admitirase o 25% do estudantado matriculado no grao de Medicina no curso descentralizado que corresponda, cursando o resto do estudantado os seus estudos nas instalacións da USC e do CHUS.
Na cláusula oitava do Convenio disponse que o profesorado que impartirá a docencia pertencerá á USC, á UDC ou a UVigo e que en ningún caso este convenio comportará a redución do número de prazas de profesorado vinculado, PACS e asociado no grao de Medicina que actualmente están exercendo na Facultade de Medicina e Odontoloxía. Indícase, ademais, que as novas prazas docentes que sexan precisas para desenvolver a descentralización serán convocadas equitativamente pola USC (50%) e a universidade á que está vinculado o hospital, UDC ou UVigo (50%).
Na cláusula novena do Convenio establécese que unha vez determinado o número de estudantes que cursarán estudos en cada hospital universitario, a Facultade de Medicina e Odontoloxía contando cos seus departamentos e coas áreas de coñecemento fará os cálculos da planificación docente anual (PDA) correspondente a cada unha das unidades docentes e as elevará á Comisión de Seguimento prevista na cláusula décimo primeira para a súa aprobación, de ser o caso.
Así mesmo, disponse que as unidades docentes serán as encargadas de encher o plan de organización docente (POD) e propor a contratación de persoal docente, cando sexa preciso. O POD será aprobado polos departamentos responsables da USC e os departamentos correspondentes na UDC e na UVigo.
Finalmente, sinálase que os equipos reitorais acordarán as prazas vinculadas que se contratan por parte de cada unha das universidades asinantes deste acordo, respectando as porcentaxes establecidas na cláusula oitava para o POD de cada un dos cursos descentralizados, que deberán ser tramitadas a través dos departamentos e dos órganos de cada Universidade.
Co fin de dispor dunha regulación das unidades docentes que permita un axeitado desenvolvemento da descentralización, a Comisión de Seguimento do Convenio, na súa sesión de 18 de maio de 2026, aproba o presente regulamento de funcionamento das devanditas unidades docentes.
TÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Obxecto
O presente regulamento ten por obxecto crear as unidades docentes dos hospitais universitarios CHUAC e CHUVI para a impartición da docencia do Grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela e regular a súa composición, funcións e organización nos termos previstos no Convenio para a descentralización da docencia do Grao en Medicina asinado o 20 de xaneiro de 2026 pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a Consellería de Sanidade e as Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.
Artigo 2. Marco normativo
O funcionamento das unidades docentes axustarase ao disposto na normativa universitaria vixente, no Convenio para a descentralización da docencia do Grao en Medicina de 20 de xaneiro de 2026 e no presente regulamento.
TÍTULO II. CREACIÓN, COMPOSICIÓN E FUNCIÓNS DAS UNIDADES DOCENTES DO CHUAC E O CHUVI
Artigo 3. Creación das unidades docentes
Créanse as unidades docentes do CHUAC e do CHUVI, como unidades funcionais encargadas de realizar a coordinación cos departamentos implicados na docencia descentralizada do Grao en Medicina da USC e coa Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC.
Artigo 4. Composición das unidades docentes
Formará parte das unidades docentes o profesorado que impartirá a docencia descentralizada:
o profesorado con praza vinculada e asociado de Ciencias da Saúde (PACS) pertencente á USC e á universidade á que estea vinculado o hospital (en diante, universidade local, entendéndose a UDC no caso do CHUAC e UVigo no caso do CHUVI);
o resto do profesorado da universidade local que que teña atribuída docencia nas materias que se vaian impartir.
No caso de que dito profesorado non sexa suficiente para cubrir o encargo docente, cada unidade docente deberá elevar unha proposta de novas prazas docentes, que serán convocadas equitativamente pola USC (50%) e a universidade local (50%), nos termos recollidos no artigo 10.
Integraranse nas unidades docentes as persoas estudantes que teñan a condición de delegadas de curso en cada un dos cursos que se impartan no CHUAC e no CHUVI.
Cada unidade docente contará con persoal técnico, de xestión e administración e servizos pertencente á universidade local.
Artigo 5. Funcións das unidades docentes
Corresponde ás unidades docentes:
organizar a docencia teórica e práctica que teña asignada, de conformidade cos criterios académicos que estableza o/a coordinador/a da materia da USC para garantir a equivalencia de criterios de ensinanza e avaliación entre o estudantado de todas as unidades docentes;
garantir unha adecuada coordinación dos recursos docentes e asistencias na impartición das ensinanzas;
coordinar a elaboración da proposta de POD, contando cos departamentos implicados da USC e da universidade local e de conformidade coa asignación de docencia feita pola PDA;
facer a proposta de novas prazas de profesorado, respectando as porcentaxes establecidas no artigo 4;
colaborar nos procesos de avaliación da calidade establecidos institucionalmente.
Artigo 6. Coordinación da unidade docente
Para o cumprimento das súas funcións, cada unidade docente contará cun/ha coordinador/a, que será elixido/a por/entre o profesorado con praza vinculada da unidade docente.
As eleccións da coordinación serán convocadas pola universidade local no prazo máximo dun mes a partir da entrada en vigor deste regulamento.
O mandato da coordinación será de dous anos.
Corresponde ao/á coordinador/a:
velar polo correcto exercicio das funcións da unidade docente, garantindo que os criterios de ensinanza e avaliación sexan semellantes en todos os casos;
velar pola igualdade de condicións do profesorado integrado na unidade docente;
participar, con voz e sen voto, nos órganos de goberno da Facultade de Medicina e Odontoloxía e dos departamentos das universidades locais, cando figure na orde do día asuntos que podan ter repercusión da unidade docente;
velar polo cumprimento do Convenio para a descentralización de Medicina, trasladando á súa Comisión de Seguimento a información que considere relevante e solicitando asistencia ás súas sesións, con voz e sen voto, de o considerar necesario;
O/a coordinador/a convocará cantas veces resulte necesario ás persoas que integran a unidade docente e, preceptivamente, con carácter previo á elaboración do Plan de Organización Docente.
TÍTULO III. ORGANIZACIÓN DAS UNIDADES DOCENTES DO CHUAC E DO CHUVI
Artigo 7. Distribución do estudantado
Sen prexuízo do disposto na disposición transitoria, cada unha das unidades docentes do CHUAC e do CHUVI, admitirá ao 25% do estudantado matriculado no Grao en Medicina no curso descentralizado que corresponda.
Aos ditos efectos, co fin de que o estudantado poda planificar o seu aloxamento, con antelación suficiente o decanato da Facultade de Medicina e Odontoloxía organizará e dará publicidade á convocatoria para que o estudantado solicite a unidade docente na que desexa realizar os seus estudos nos cursos en que estea implantada a descentralización, ou ben a súa permanencia no CHUS. De non presentar solicitude, asignaráselle de oficio o destino que corresponda segundo os criterios expostos neste regulamento.
No proceso de asignación de Unidade Docente (ou ben de permanencia no CHUS), terá preferencia o estudantado cuxo domicilio familiar declarado no expediente académico no curso de comezo de estudos, se sitúe na Área Sanitaria próxima á do hospital e solicite praza no hospital correspondente a esa área como primeira opción. Asemade, tamén se valorarán na asignación de prazas nun determinado hospital as seguintes circunstancias, debidamente xustificadas:
Enfermidade grave ou tratamentos médicos inaprazables nun determinado hospital.
Grao de discapacidade que será valorado pola Comisión de Título.
Conciliación da actividade discente coas responsabilidades familiares por ter fillas/os ou persoas acollidas menores de idade a cargo ou asumir o coidado do cónxuxe, da parella de feito ou de familiares.
Dependentes a cargo ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, debidamente acreditado coa documentación oficial correspondente: resolución de recoñecemento da situación de dependencia e documento xustificativo conforme a/o estudante é a persoa coidadora.
Prestación de servizos por conta allea ou por conta propia debidamente acreditada cunha antigüidade mínima dun ano e prestación continuada no último ano. As persoas traballadoras por conta allea deberán achegar o informe de vida laboral da Seguridade Social así como a copia do contrato e do horario de traballo. No caso de persoas traballadoras por conta propia deberán achegar ademais o certificado de alta no Réxime de Autónomos da Seguridade Social e copia do recibo da última cotización.
Denuncia admitida a trámite presentada por acoso ou por outros comportamentos semellantes, caso no que se asignará o hospital que a/o estudante considere máis adecuado.
Deportista de alto nivel debidamente acreditado co informe da Área Deportiva da USC.
Condición de vítima de violencia de xénero ou de violencias sexuais.
Calquera outra circunstancia que a Comisión de Título do Grao en Medicina considere relevante, a teor das convocatorias anuais.
Artigo 8. Planificación Docente Anual
Unha vez determinado o número de estudantes que cursarán estudos en cada hospital universitario, a Facultade de Medicina e Odontoloxía elaborará a proposta de Planificación Docente Anual (PDA) correspondente a cada unha das unidades docentes.
Con carácter previo a seguir a súa tramitación de conformidade co normativa de organización académica da USC, a proposta de PDA será elevada á Comisión de Seguimento do Convenio co fin de que valore a súa adecuación ao Convenio de descentralización da docencia do Grao en Medicina.
Deberá garantirse a oferta de optatividade necesaria para garantir a adecuada formación do estudantado en todas as unidades docentes.
Artigo 9. Plan de Organización Docente e programas docentes
Antes da elaboración do Plan de Organización Docente por parte dos departamentos, o decanato da Facultade de Medicina e Odontoloxía, elaborará unha proposta de horarios de docencia e calendario de exames, oídas as unidades docentes, que deberá ser sometida á aprobación da Xunta de Facultade. Unha vez aprobada, publicarase para xeral coñecemento antes do comezo do período de matrícula.
Cada unidade docente elaborará unha proposta de Plan de Organización Docente (POD) que trasladará aos departamentos da USC e da universidade local implicados, aos que corresponde a aprobación da proposta de POD conforme aos procedementos establecidos pola normativa de cada universidade. A proposta aprobada elevarase á USC para continuar a súa tramitación interna conforme á normativa de planificación académica.
Artigo 10. Novas prazas de profesorado
Unha vez elaborado o POD e postas de manifesto as necesidades de novas prazas de profesorado para cada un dos cursos descentralizados, as unidades docentes proporán a súa creación respectando as porcentaxes recollidas no artigo 4.
A creación das prazas será tramitada a través dos departamentos e órganos de cada universidade e respectando as esixencias e condicións establecidas pola normativa vixente e o Concerto único do 30 de xuño de 2026 para as prazas vinculadas e PACS.
Disposición adicional primeira. Materias pendentes de cursos non descentralizados
Para garantir a posibilidade de superar materias pendentes de cursos non descentralizados por parte do estudantado que curse o Ggrao en Medicina nas unidades docentes do CHUAC e o CHUVI, a normativa académica da USC incorporará esta circunstancia no Regulamento de dispensa da asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e máster da USC. Os procedementos, prazos e criterios para a recuperación de materias pendentes serán os mesmos para todo o estudantado, independentemente de onde curse a docencia descentralizada.
Disposición adicional segunda. Información ao estudantado.
A Facultade de Medicina e Odontoloxía garantirá a correcta información sobre o proceso de descentralización ao estudantado a través dos distintos medios ao seu alcance (xornada de benvida, sesións informativas...), en particular sobre todos aqueles aspectos que lles sexan de interese directo. Asemade, tamén se informará ás persoas representantes do estudantado nos distintos órganos da Facultade de Medicina e Odontoloxía e ás persoas delegadas do estudantado.
Disposición transitoria primeira. Distribución do estudantado
Das solicitudes realizadas polo estudantado para a elección da unidade docente na que cursar os estudos no curso 2026/2027 elevarase un informe á Comisión de Seguimento do Convenio para a descentralización de Medicina, no que figure o número de estudantes que cursarían os seus estudos nas diferentes unidades docentes de considerarse exclusivamente o criterio da libre elección.
Á vista do informe, a Comisión de Seguimento adoptará as medidas necesarias para favorecer a aplicación do criterio de libre elección, que deberán ser ratificadas polos respectivos Consellos de Goberno cando supoñan para a propia universidade unha alteración das porcentaxes establecidas na cláusula sétima.
Para o estudantado xa matriculado no momento da sinatura do presente acordo, a asignación ás unidades docentes farase en base as súas preferencias, respectando o establecido no artigo 7 do presente documento
Disposición transitoria segunda. Materias optativas
A Comisión de Seguimento do Convenio poderá adoptar as medidas que resulten necesarias para favorecer que o estudantado poida cursar a optatividade ofertada na USC nas unidades docentes do CHUAC e o CHUVI, permitindo a súa duplicación cando exista unha demanda mínima de estudantes que se determinen.
Disposición final. Entrada en vigor
Este regulamento entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación nos boletíns ou taboleiros oficiais da USC, UDC e UVigo.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.