Instrucción VI/2019 da Xerencia da USC, pola que se regula a xestión dos datos de terceiros
NORMA CONSOLIDADA
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) xestiona os seus pagamentos a terceiros a través da aplicación SIC3 (Sistema de Información Contable de organismos autónomos e entidades públicas administrativas adheridas) que aplica a normativa para a Administración Xeral del Estado.
O pasado 17 de outubro publicouse no BOE a Orde PCI/1077/2018, do 15 de outubro, pola que se modifica a Orde PRE/1576/2002, do 19 de xuño, pola que se regula o procedemento para o pagamento de obrigacións da Administración Xeral do Estado, cuxas modificacións entrarán en vigor na aplicación SIC3 o próximo día 18 de abril de 2019, logo dun período transitorio.
Polo que respecta á xestión económica da USC, a modificación fundamental afecta aos datos de terceiros que debe incorporar unha proposta de pagamento, en concreto:
- Número de identificación fiscal (NIF) ou equivalente
- Nome ou razón social
- Clave e conta bancaria (código IBAN, BIC ou SWIFT) á que debe realizarse a transferencia
Os datos das propostas de pagamento realizadas pola aplicación SIC3 están subministrados pola aplicación de xestión orzamentaria auxiliar SICUS, polo que procede establecer un procedemento que garanta que estes datos requiridos se xestionen xa dende esta última aplicación.
Tendo en conta esta nova necesidade é necesario:
- Actualizar a base de datos de terceiros, establecer o procedemento de modificación de datos e garantir o acceso a estes datos dende á aplicación SICUS.
- Establecer un procedemento para a actualización e alta de datos na base de terceiros en función da súa relación coa USC, distinguindo entre:
• Terceiros que, de acordo co establecido na Lei 25/2013, do 27 de decembro, de impulso da factura electrónica e creación do Rexistro Contable de Facturas do sector público , presentan as facturas dirixidas á USC a través do Punto Xeral de Entrada de Facturas Electrónicas da Comunidade Autónoma de Galicia (SEF) ou do “Punto General de Entrada de Facturas Electrónicas de la Administración General del Estado” (FACe)
• Terceiros non nacionais que non presentan as facturas a través do SEF/FACe
• Persoal con vinculación xurídica coa USC, que percibe pagamentos non incluídos en nómina
• Persoas físicas que se relacionan coa USC de forma esporádica
En atención a estas necesidades, o Xerente resolve:
1.- TRAMITACIÓN DE PAGAMENTOS NA USC
A partir do 21 de abril de 2019 a proposta de calquera pagamento a un terceiro, agás os tramitados a través das contas de anticipos dos centros e os que sexan perceptores de nómina, requirirá que o perceptor estea dado de alta na base de datos de terceiros da USC
Para a realización de pagamentos non incluídos na nómina a persoal con vinculación xurídica coa USC, tomaranse os datos bancarios que figuran no expediente persoal. .
2.- BASE DE DATOS DE TERCEIROS, PROCEDEMENTOS
Os procedementos para tramitar as altas, baixas ou modificación de datos na base de datos de terceiros da USC serán:
PROCEDEMENTO XERAL
Este procedemento será de aplicación, en todo caso, para os terceiros que, de acordo co establecido na Lei 25/2013, presentan as facturas dirixidas á USC a través das plataformas SEF ou FACe.
A alta, baixa ou modificación de datos deberá solicitarse, a través da sede electrónica da USC no enderezo: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/altaBancariaTerceiros.htm, sendo necesario informar de:
a. Nome/ Razón Social
b. Número de identificación fiscal
c. Conta/s bancaria/s, coa posibilidade de establecer preferencia
d. Enderezo electrónico
e. Enderezo postal completo: rúa, localidade, código postal, etc.
Os datos da conta bancaria deben ser acreditados cunha certificación da entidade ou un documento análogo.
Os datos anteriores deben ser validados polo Servizo de Contabilidade, antes da súa utilización para a realización de pagamentos.
PROCEDEMENTO EXCEPCIONAL
Este procedemento poderá empregarse para persoas físicas cunha relación esporádica coa USC, ou para terceiros non nacionais aos que non lle resulte posible darse de alta a través da sede electrónica, e tamén naqueles casos nos que, por razóns técnicas ou de urxencia, non se poda utilizar a dita sede para realizar a alta.
A alta, baixa ou modificación dos datos do terceiro realizarase a través da aplicación SICUS polo persoal de asuntos económicos, substituíndo así ao terceiro. En todo caso será necesario acreditar:
a. Nome
b. Número de identificación fiscal
c. Conta bancaria, acreditándoa con certificación bancaria ou ben con correo electrónico ou outro documento, asinado polo terceiro, no que indique os seus datos necesarios.
Do mesmo xeito que no caso xeral, estes datos anteriores deben ser validados polo Servizo de Contabilidade, antes da súa utilización para a realización de pagamentos.
4.- ENTRADA EN VIGOR.
A presente Instrución entrará en vigor o 22 de abril de 2019. Para as aclaracións sobre o procedemento que sexan necesarias, poderanse ditar instrucións operativas para os usuarios de eSicus.
As consultas sobre os aspectos regulados na presente Instrución poderán dirixirse ao correo xerencia.xestion.terceiros@usc.es.
Quedan sen efecto as instrucións anteriores de calquera rango que contraveñan o disposto na presente Instrución.
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2019
O XERENTE,
Javier Ferreira Fernández
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.