Instrución 2/2024 da Secretaría Xeral da USC para a ordenación dos procedementos a seguir na realización de actividades docentes e de investigación con acceso a datos persoais, intervencións con seres humanos ou mostras en centros docentes non universitarios

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1166
Departamento: Secretaría Xeral
Estado: En vigor

Con data do 17 de abril de 2023 foi aprobada a Instrución 4/2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para a autorización de estudios no ámbito educativo (https://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/asinado_instrucions_estudos_e_investigaci ons.pdf).

Esta Instrución afecta á realización dos estudos científicos que se pretendan realizar dende a Universidade de Santiago de Compostela nos que se vaian utilizar datos de centros docentes públicos non universitarios ou dos distintos departamentos da Consellería, agás que os datos xa figuren publicados nos portais institucionais da Xunta de Galicia. Tamén afecta a actividades nas que o alumnado universitario entre en contacto con menores.

Por outra banda, os estudos científicos e os traballos académicos están sometidos na USC á aprobación do Comité de Ética (http://imaisd.usc.es/seccion.asp?i=gl&s=-2-26-229) da USC e ao establecido na Resolución Reitoral sobre o Procedemento de avaliación previa de traballos de fin de estudos e outros traballos en caso de intervención con seres humanos, obtención de mostras e datos persoais (http://hdl.handle.net/10347/33102)

Deste xeito, procede coordinar os procedementos no caso de realización de actividades investigadoras que utilicen datos educativos do ámbito da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, de realización de traballos de fin de grao e de fin de máster neste ámbito e no de actividades docentes que impliquen relación con menores, así como concretar e definir a súa tramitación.

A estes efectos distinguiranse os seguintes supostos:

A.- Investigacións científicas.

No caso de intervención con seres humanos, obtención de mostras e datos persoais no ámbito educativo dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (centros públicos non universitarios e datos da Consellería), serán necesarios o informe previo favorable do Comité de Ética da USC e a autorización da Consellería.

Unha vez obtido o informe favorable do Comité de Ética deberase solicitar autorización da Consellería, remitindo o informe do Comité de Ética da USC xunto co formulario establecido na Instrución 4/2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería ao correo sxt.cultura.educacion@xunta.gal.

B.- Traballos de Fin de Grao (TFG) e Fin de Máster (TFM).

Para a realización dos traballos deberán utilizarse preferentemente os datos postos a disposición da cidadanía nos portais de datos abertos e estatísticos. Aínda así, se fose necesaria a intervención con seres humanos, obtención de mostras ou datos persoais en centros docentes públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades será necesario o informe previo favorable da Facultade ou Escola da USC, a través do órgano que teña establecido, e do Comité de Ética da USC, conforme ao indicado na resolución reitoral sobre o procedemento de avaliación previa.

A presentación do informe favorable do Comité de Ética no correspondente centro educativo será suficiente para o inicio nesta da realización de traballos de fin de Grao e fin de Máster.

Non obstante o anterior, en virtude do principio de limitación da finalidade no uso dos datos obtidos, se estes se pretenderan utilizar con outros fins, entre eles en publicacións científicas, será precisa a autorización da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.

C.- Actividades formativas en centros docentes non universitarios distintas das prácticas ou Prácticum.

Para a realización de actividades formativas presenciais en centros non universitarios (públicos, concertados ou privados), estas deben estar previstas na programación académica da materia correspondente e requirirán revisión previa da Secretaría Xeral da USC para a análise de riscos en materia de protección de datos. No caso de que impliquen contacto con menores, quen realice as actividades deberá ter expedido o certificado negativo de delitos sexuais conforme ao artigo 13 da Lei 1/1996, de 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.

No caso de centros públicos, deberá aportarse a autorización da Secretaría Xeral xunto co formulario establecido na Instrución 4/2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería ao correo sxt.cultura.educacion@xunta.gal.

A Secretaria Xeral

Dulce Mª García Mella

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver