Instrucción 3/2019 da Secretaría Xeral sobre accesibilidade e garantía de protección de datos persoais nas publicacións no taboleiro electrónico de anuncios da USC

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0589
Departamento: Secretaría Xeral
Estado: En vigor

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Real Decreto 1112/2018, do 7 de setembro, sobre accesibilidade dos sitios web e aplicacións para dispositivos móbiles do sector público, ten por obxecto garantir os requisitos de accesibilidade dos sitios web e aplicacións para dispositivos móbiles dos organismos do sector público. Na subida de anuncios ao Taboleiro Electrónico de Anuncios da USC, o sistema permite ao persoal autorizado engadir tanto documentos asinados electronicamente coma documentos sen asinar.

O Regulamento UE 2016/679 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e a Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais teñen por obxecto garantir o dereito fundamental das persoas físicas á protección de datos persoais, así como os dereitos dixitais da cidadanía. Esta última norma, na súa disposición adicional sétima establece o xeito de identificar aos interesados nas notificacións por medio de anuncios e publicacións de actos administrativos. Para garantir estes dereitos é preciso dar unhas instrucións á hora de publicar este tipo de documentos no Taboleiro Electrónico de Anuncios da USC.

Por todo isto, DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente Instrución ten por obxecto establecer unhas pautas á hora de publicar anuncios no Taboleiro Electrónico de Anuncios da USC que garantan o cumprimento das normas de accesibilidade, así como de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

A información que sexa obxecto de publicidade activa queda fóra do alcance desta Instrución.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta Instrución é de aplicación a todos os órganos/unidades/servizos/centros que formen parte da estrutura da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 3. Accesibilidade dos anuncios publicados no Taboleiro Electrónico da USC

Os documentos procedentes de órganos unipersoais da USC deben estar asinados mediante o portasinaturas corporativo. O documento asinado será o que se publique no Taboleiro Electrónico.

No caso doutros documentos que se publiquen e que non teñan sinatura como, por exemplo, anexos deberán elaborarse nun editor de textos e subirse ao Taboleiro Electrónico mediante un formato arquivable (PDF/A) para garantir a súa accesibilidade.

Non son obxecto de publicación no Taboleiro Electrónico documentos que non se emitisen dende un editor de textos (como por exemplo imaxes) ou arquivos procedentes dun proceso de impresión e dixitalización.

No proceso de revisión a Secretaría xeral poderá rexeitar os documentos que non cumpran estes criterios.

Artigo 4. Garantía de protección de datos persoais nos anuncios publicados no Taboleiro Electrónico da USC

Os documentos que requiran e conteñan a identificación dos interesados deberán elaborarse segundo o indicado na normativa de protección de datos persoais e Nos criterios que se fixen. Os criterios existentes actualmente recóllense no seguinte enlace:

https://www.aepd.es/media/docs/orientaciones-da7.pdf

Os anuncios que conteñan a identificación dos interesados deberán estar dispoñibles no Taboleiro Electrónico só o tempo necesario para garantir a súa eficacia. Corresponde ao órgano/unidade/servizo/centro emisor determinar ese período de tempo.

Como regra xeral, os anuncios publicados no Taboleiro Electrónico da USC que conteñan a identificación dos interesados terán preferentemente o carácter de acceso público. En función do procedemento e dos destinatarios poderá restrinxirse aos membros da Comunidade Universitaria ou a un concreto grupo de persoas destinatarias.

Na páxina web do órgano/unidade/servizo/centro non se publicarán listaxes que conteñan a identificación dos interesados, sen prexuízo de publicar na citada web o enlace ao anuncio correspondente do Taboleiro Electrónico da USC.

Artigo 5. Anuncios dos centros da USC

Os documentos que requiran a identificación dos interesados que se emitan dende os centros da USC (asignación de prácticas, TFG, TFM...) deberán publicarse no Taboleiro Electrónico da USC conforme aos criterios do artigo 4, e non serán obxecto de publicación na páxina web do centro, sen prexuízo de engadir nesta o enlace ao anuncio correspondente.

Artigo 6. Cualificacións do alumnado

As cualificacións do alumnado non será obxecto de publicación no Taboleiro Electrónico debendo realizarse esta conforme a súa normativa específica de aplicación.

Disposición transitoria primeira

As actuacións relativas a esta Instrución dos órganos/unidades/servizos/centros que se estean levando a cabo no momento da entrada en vigor desta norma seguirán tramitándose consonte ao procedemento establecido previamente.

Disposición transitoria segunda

Excepcionalmente permitiranse publicar no Taboleiro Electrónico documentos procedentes dun proceso de dixitalización cando os orixinais conteñan sinaturas manuscritas e a USC non teña establecido un sistema de sinatura electrónica para eses documentos.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto na presente Instrución.

Disposición final

Esta Instrución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Taboleiro de Anuncios Electrónico da USC.

A Secretaria Xeral

Dulce M. García Mella

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver