Instrucción 1/2015 sobre Conservación e Destrucción do material de avaliación utilizado en materias xa cualificadas
NORMA CONSOLIDADA
Dada a proliferación de supostos onde o alumnado asegura ter unha materia aprobada pero que no seu expediente figura como suspensa e, ao destruírse ou perderse o material de avaliación utilizado para cualificar a materia debido ao tempo transcorrido, o profesorado non pode comprobar se o alegado polo alumno é certo ou non, compre aclarar o establecido na normativa aplicable e ditar as pautas de actuación a seguir polo profesorado cando se dea a mencionada circunstancia.
O apartado primeiro do artigo 27 do Real Decreto 1791/2010, de 30 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do Estudante Universitario, establece que “os traballos e memorias de prácticas con soporte material único serán conservadas polo profesor ata a finalización do curso seguinte nos termos previstos na normativa autonómica e da propia universidade. Rematado este prazo e, de acordo coa citada normativa, serán devoltas aos estudantes asinantes a petición propia, salvo que estea pendente a resolución dun recurso, inferíndose do citado precepto que, se non existe petición dos estudantes para que se lles sexan devoltos os traballos e memorias prácticas, estes documentos poderán ser destruídos unha vez finalice o prazo de custodia obrigatoria, sempre que non estea pendente a resolución dun recurso. Pola súa banda o apartado terceiro do mesmo artigo establece que “os proxectos de fin de carreira, traballos de fin de grado e máster, así como as teses doutorais, rexeranse pola súa normativa especifica”.
Seguindo co mesmo criterio o artigo 29 do Real Decreto 1791/2010, de 30 de decembro, en relación cos exames realizados, establece que “os profesores deberán conservar o material escrito, en soporte de papel ou electrónico, das probas de avaliación ou, no seu caso, a documentación correspondente das probas orais, ata a finalización do curso académico seguinte nos termos previstos na normativa autonómica e da propia universidade. Nos supostos de petición de revisión ou de recurso contra a cualificación e, de acordo coa citada normativa, deberán conservarse ata que exista resolución firme.”
Pola súa banda, e en desenvolvemento da normativa citada, o artigo 7 da Normativa de Avaliación do Rendemento Académicodos Estudantes e de Revisión de Cualificacións ditada por esta universidade establece que os profesores deberán conservar o material escrito, en soporte papel ou electrónico, das probas de avaliación ou, no seu caso, a documentación correspondente das probas orais, ata a finalización do curso académico seguinte. Nos supostos de impugnación da cualificación deberán conservarse ata que exista resolución firme.
En relación cos TFG e os TFM o apartado cinco do artigo 9 da Normativa de Matrícula, Elaboración e Defensa dos TFG e TFM na USC, aprobada polo Consello de Goberno de 2 de maio de 2013, establece que ademais do réxime xeral de conservación de traballos, unha copia dos TFG e TFM en formato electrónico ou en papel quedará depositada no centro para usos docentes e de investigacións.
Por todo o anterior, dende esta Secretaría Xeral procede ditar a seguinte INSTRUCIÓN
Primeiro.-
Os exames e traballos utilizados para a avaliación das materias deberán conservarse ata a finalización do curso académico seguinte. Os TFG e TFM tamén deberán conservarse ata a finalización do curso académico seguinte sen prexuízo de que deba quedar depositada no centro unha copia dos TFG e TFM en formato electrónico ou en papel para usos docentes e de investigación.
Segundo.-
Debido á posible destrución involuntaria ou perda do material de avaliación antes de que finalice o período obrigatorio de conservación do mesmo, e para evitar posibles discrepancias que podan xurdir coas cualificacións, é conveniente que o profesorado garde sempre as cualificacións correspondentes totais e parciais na ficha do alumno da súa Secretaría Virtual.
Terceiro.-
Unha vez sexa asinada a acta da materia, e no suposto de que non se conserve o exame ou o traballo que serviu para avaliar a correspondente materia, a cualificación que prevalecerá será sempre a que figure na correspondente acta da materia, agás que o alumnado acredite, de xeito fehaciente e indubitable, que a nota que figura na acta non é correcto.
Cuarto.-
Transcorrido o prazo de conservación obrigatorio poderá destruírse o material que serviu de avaliación, cumprindo sempre as obrigas que, sobre seguridade de documentos que conteñan datos de carácter persoal, establece a Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal.
A este respecto é conveniente a utilización de destrutoras ou outras ferramentas que permitan a destrución do material de avaliación de tal maneira que se impida calquera identificación de datos de carácter persoal.
Santiago de Compostela, 23/12/2015
A Secretaria Xeral
Consuelo Ferreiro Regueiro
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.