Regulamento de Traballos Fin de Máster no Máster interuniversitario en Computación de Altas Prestacións

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1261
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Este regulamento entrará en vigor unha vez aprobado polos órganos correspondentes das dos universidades implicadas no título.

O Traballo de Fin de Máster (TFM) é unha das materias do segundo semestre do Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións. Ten carácter obrigatorio e consiste na realización dun traballo individual ou en grupo tutelado relacionado cos contidos do máster e supón unha carga de traballo de 15 créditos ECTS.

A realización e defensa do TFM rexerase polo presente regulamento, aprobado pola Comisión Técnica do Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións na súa reunión ordinaria do 21 de maio de 2025 e pola normativa sobre estudos de máster que exista en cada unha das universidades participantes no Máster, a Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

1.- Requisitos para a presentación do TFM

O TFM non se poderá presentar ata que se superen todas as demais materias do Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións.

2.- Presentación e aprobación do anteproxecto

O estudantado deberá realizar unha proposta de traballo, formalizada como anteproxecto, presentada antes da data límite que se publicará ao comezo de cada curso académico na páxina web do máster, mediante unha solicitude seguindo un modelo estandarizado dirixida ao coordinador/a de titulación da súa universidade.

O anteproxecto citará o alcance, os obxectivos e os métodos que se empregarán na súa implementación. Para este fin, o anteproxecto debe incluír os seguintes puntos:

• Nomes do estudante, titor(es) e enderezo de correo electrónico.

• Título do traballo

• Obxectivos do traballo

• Breve resumo do traballo (contexto, fases do traballo, medios necesarios, etc.)

• Metodoloxía e materiais necesarios.

Ademais, a coordinación do máster, en colaboración co profesorado e entidades colaboradoras, proporcionará unha bolsa de propostas de TFM que poderá ser escollida polos estudantes. A asignación farase polo coordinador, tendo en conta as preferencias do estudantado e, en caso de conflito, a cualificación de acceso ao máster. A comisión do máster establecerá un calendario cada ano para garantir que a oferta se publique con suficiente antelación para que o estudantado teña o tempo necesario para completar e defender o seu traballo de fin de máster dentro do período previsto.

A proposta de traballo debe ter un ou dous titores, un dos cales debe ter un doutoramento. Se ningún dos titores é profesor da universidade onde o estudante está matriculado no máster, o coordinador/a do título desa universidade será nomeado/a automaticamente co-titor/a. Neste caso, o TFM podería ter ata tres titores.

O anteproxecto debe estar asinado electronicamente polo estudante e o/os titor/es.

Os anteproxectos serán revisados pola Comisión Académica do Máster. O estudantado será notificado da aceptación ou rexeitamento dos anteproxectos por correo electrónico ou outros métodos electrónicos. As propostas rexeitadas, unha vez modificadas polo seu autor, se poderán presentar de novo. O anteproxecto terá unha validez de dous cursos académicos, dentro dos cales deberá procederse á defensa do traballo.

Todo o estudantadomatriculado no Traballo de Fin de Máster ten dereito a defender o seu traballo durante o curso académico no que estea matriculado nesa materia. O número de convocatorias dispoñibles dependerá da normativa da universidade de matrícula do estudante. Os prazos para a presentación e defensa dos TFMs serán determinados cada ano pola Comisión Académica, de acordo coa normativa e os calendarios da UDC e da USC. Estes prazos publicaranse na páxina web do máster.

Existe a posibilidade de realizar un traballo fin de máster coordinado ou en grupo, sempre que exista unha clara delimitación das tarefas dos estudantes participantes e se poidan establecer as súas contribucións individuais ao resultado global. A cualificación será sempre individual para cada estudante. Se a contribución de cada estudante non resulta directamente evidente a través da memoria do traballo, o titor será o responsable de destacala no seu informe final sobre o traballo de cada estudante. Do mesmo xeito, no acto de defensa, o estudante debe destacar a súa contribución individual ao traballo global.

3.- Prevención de riscos: tratamento de datos sensibles

Este artigo aplícase a todos os Traballos Fin de Máster que impliquen a recollida, o tratamento, o almacenamento ou a análise de datos persoais.

Nestes casos, débese garantir o cumprimento dos principios de minimización de datos, limitación da finalidade, exactitude, integridade e confidencialidade. No caso de recollida directa de datos persoais, o estudante debe obter o consentimento explícito dos interesados mediante un formulario aprobado pola universidade. Ese consentimento debe ser libre, específico, informado e inequívoco.

Sempre que sexa posible, os datos deben ser anonimizados ou seudonimizados para reducir os riscos asociados ao tratamento.

O/A estudante e o/a seu/súa titor/a serán responsables do cumprimento da normativa vixente de protección de datos (RXPD e LOPDGDD). A memoria de TGM debe incluír un apartado específico sobre o tratamento de datos persoais, no que se detallen as medidas adoptadas para garantir a súa protección.

En xeral, prohíbese expresamente o uso de datos persoais sen a debida autorización ou fóra do marco do TFM aprobado.

4.- Solicitude e tramitación da defensa

O procedemento de solicitude de defensa e entrega/depósito do TFM rexerase segundo a normativa de cada centro:

O estudantado matriculado na Universidade da Coruña deberá enviar o TFM por correo electrónico ao/á coordinador/a do máster nesa universidade.

O estudantado matriculado na Universidade de Santiago de Compostela deberá depositar o TFM na secretaría virtual da súa universidade. Ademais, deberá enviar tamén o xustificante de depósito por correo electrónico ao/á coordinador/a interuniversitario/a.

Unha vez que o/a estudante deposita o seu TFM, o/a titor/a do TFM deberá enviar no prazo que estableza o centro un informe preceptivo e confidencial, que estará a disposición do Tribunal, antes da defensa do traballo e para os efectos de que se teña en conta polo Tribunal avaliador.

As datas de entrega e defensa do TFM, que serán aprobadas pola comisión académica interuniversitaria, publicaranse ao comezo de cada curso académico na páxina web do máster.

5.- Composición e funcionamento dos tribunais

Os tribunais de avaliación dos TFM estarán compostos por tres membros (presidente, secretario e vogal), todos eles doutores. A composición do tribunal axustarase á normativa de cada universidade. Para cada tribunal, nomearanse tres membros titulares e un membro suplente para os casos en que os membros titulares non poidan exercer o cargo.

A aprobación dos tribunais é competencia da Comisión Académica de cada universidade.

A defensa, que será pública, durará un máximo de 20 minutos. Unha vez rematada a presentación, os membros do tribunal poderán formular as preguntas que consideren oportunas, durante un máximo de 30 minutos.

O estudantado matriculado na modalidade presencial deberá defender o seu TFM en modalidade presencial. Excepcionalmente, e por razóns debidamente xustificadas, o estudantado poderá solicitar defender o seu Traballo de Fin de Máster nunha modalidade diferente ao previsto para o seu tipo de matrícula. Para este fin, deberá presentarse unha solicitude debidamente xustificada ao decano ou director do centro, quen resolverá sobre o asunto unha vez comprobado que concorren as condicións legais, administrativas, técnicas, económicas ou doutro tipo que xustifican a modalidade de defensa. O alumnado matriculado na modalidade virtual fará a defensa de xeito virtual.

O tribunal pode, no momento da defensa, comparar o anteproxecto aceptado co traballo presentado.

6.- Cualificación dos traballos

O tribunal xulgará tanto o traballo realizado como o acto de defensa, e outorgará unha cualificación en función disto. As cualificacións que se poden outorgar son as mesmas que as empregadas para o resto das materias. Emitirase un informe para cada estudante, seguindo un modelo estandarizado, que deberá ser asinado por todos os membros do tribunal, no que constará a cualificación outorgada. Posteriormente, utilizaranse os procedementos estipulados para a xeración e a sinatura da acta desta materia na universidade onde o estudante estea matriculado.

Os dereitos e deberes do estudantado rexerase pola normativa sobre estudos de máster que exista en cada unha das universidades participantes.

7.- Modificación do anteproxecto

O autor dun traballo pode solicitar o cambio no seu título mediante escrito motivado dirixida ao coordinador/a do máster da súa universidade, co visto e prace do/s titor/es do traballo.

8.- Dereitos do TFM

A propiedade intelectual dun TFM corresponde ao estudante. No caso de que os traballos se realicen no marco dun contrato ou convenio con algunha entidade ou, de ser o caso, dun proxecto ou liña de investigación, os dereitos serán os recollidos no dito contrato ou convenio ou os que se pacten previamente, respectando en todo caso a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual ou industrial. Naquelas propostas de TFM que se realicen no marco indicado farase constar expresamente esta circunstancia, de cara ao posible pacto sobre os dereitos de explotación industrial.

9.- Deberes do estudantado

Os TFM deben ser traballos orixinais de elaboración propia e deben citarse debidamente as fontes que se tiveron en conta para a súa realización.

O incumprimento do indicado no apartado anterior suporá a cualificación de “suspenso” na convocatoria e o deber das persoa que exercen a titoría e do Tribunal que o detecte de poñelo en coñecemento da Reitoría para os efectos de iniciar as accións disciplinarias que procedan. Con carácter previo á autorización da defensa, poderá realizarse unha análise automatizada de control da vulneración de dereitos de propiedade intelectual. A partir desa análise, se a Comisión Académica considera que se vulneraron os citados dereitos, poderá denegar a defensa do traballo e aplicar o indicado no parágrafo anterior.

10.- Posibilidade de confidencialidade

A confidencialidade dun TFM pode ser solicitada por escrito polo estudante, dirixindo a solicitude ao decanato/dirección do centro onde o estudante estea matriculado. Esta solicitude debe facerse polo menos 7 días hábiles antes do depósito, tendo o decanato/dirección un prazo de 10 días hábiles para resolver a solicitude.

Se se acepta a solicitude de confidencialidade, se garantizará o acceso completo do tribunal a todo o traballo, garantindo a protección da información sensible. A defensa manterá o seu carácter público, coa posibilidade de reservar parte do contido cando sexa estritamente necesario. No caso da modalidade virtual seguirase o procedemento legalmente previsto en cada universidade.

11.- Publicación nun repositorio institucional

Unha vez finalizada a defensa, os TFMs poderán ser publicados no Repositorio Institucional da universidade na que o estudante estea matriculado, sempre que non sexa confidencial. Para iso, o autor debe completar un formulario onde elixirá como quere difundir a súa obra, e envialo mediante os mecanismos oficiais ao coordinador/a, quen se encargará de xestionar a súa publicación no repositorio.

Disposición adicional primeira

A Comisión Técnica está facultada para resolver calquera cuestión imprevista que xurda da aplicación deste regulamento.

Disposición adicional segunda

Este regulamento entrará en vigor unha vez aprobado polos órganos correspondentes das dos universidades implicadas no título.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver