Regulamento de Traballos Fin de Máster do Máster en Biociencias Moleculares
NORMA CONSOLIDADA
Aprobado pola Xunta de Facultade de Ciencias o 11 de xullo de 2025 e pola Xunta de Facultade de Bioloxía o 6 de xuño de 2025.
Aprobado polo Consello de Goberno de 26 de setembro de 2025.
O Real Decreto 822/2021, de 28 de setembro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais e do procedemento de aseguramento da súa calidade, no seu artigo 17, establece que todos os plans de estudos de Máster Universitario incluirán un traballo de fin de Máster (en adiante TFM), cuxa finalidade é comprobar o dominio dos coñecementos, competencias e habilidades alcanzadas polo estudantado, e cuxa superación é requisito imprescindible para obter o título oficial. Os TFM deberán ser defendidos nun acto público, seguindo a normativa que a tal efecto estableza o centro o no seu caso a Universidade.
No Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos fin de grao e fin de máster na Universidade de Santiago de Compostela, aprobado na sesión do Consello de Goberno do 10 de marzo de 2016 (modificado polo Acordo do Consello de Goberno do 24 de xullo de 2024), establécense as liñas básicas para a regulación dos traballos de fin de Máster das diferentes titulacións de Máster da USC.
Na memoria de verificación de título de Máster Universitario en Biociencias Moleculares (en adiante MBM), contémplase o traballo de fin de Máster como materia obrigatoria a cursar para a obtención do título.
Por todo o anterior, en desenvolvemento das citadas disposicións, as Xuntas de Facultade de Ciencias e Bioloxía aproban o seguinte Regulamento do Traballo de Fin de Máster do Máster en Biociencias Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 1.- Obxecto e ámbito de aplicación
1.1.- Este regulamento ten por obxecto a regulación do TFM do Máster en Biociencias Moleculares ao abeiro do Real Decreto 822/2021, e contén as directrices relativas á definición, realización, defensa, cualificación e tramitación administrativa do TFM que se establece no plan de estudos do mesmo.
Artigo 2.- Natureza do traballo fin de máster
2.1.- De acordo co “Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos Fin de Grao e Fin de Máster na Universidade de Santiago de Compostela” aprobada polo Consello de Goberno de 10 de marzo de 2016, modificado o 24 de xullo de 2024, os traballos de fin de máster “...consistirán na elaboración, por parte do/a estudante, dun proxecto, traballo, memoria ou estudo orixinal no que se integren e desenvolvan os coñecementos, capacidades, competencias e habilidades adquiridos durante os estudos realizados nas titulacións de máster...”, e “...Incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de información relevante, redacción e presentación e defensa do traballo.”
2.2.- Segundo se indica na memoria verificada do título, o TFM consiste na realización, presentación e defensa ante un tribunal universitario dun proxecto en calquera dos ámbitos relacionados coas Biociencias Moleculares, no que se sinteticen e integren os coñecementos, competencias e habilidades adquiridas nas ensinanzas do máster.
2.3.- O traballo Fin de Máster será orixinal, individual e incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información e elaboración de información relevante, redacción, presentación e defensa. Poderá ser dun dos seguintes tipos:
a) Traballo de Investigación.
b) Revisión Bibliográfica de Investigación.
O TFM terá unha extensión máxima de 50 páxinas incluíndo anexos, se procede.
O TFM amosará o traballo desenvolvido polo/a estudante e deberá adoptar a seguinte estrutura:
a) No caso de que o Formato se corresponda co dun Traballo de Investigación, este deberá de ter a estrutura dun artigo científico e conter polo menos os seguintes capítulos:Índice, Resumo, Introdución, Obxectivos, Material e Métodos, Resultados e Discusión, Conclusións e Bibliografía.
b) No caso de que o Formato se corresponda co dunha Revisión Bibliográfica de Investigación, esta deberá ser unha revisión sistemática e poderá ter outros capítulos en función do tema pero a súa extensión e complexidade garantirá en todo caso un esforzo similar por parte do/a estudante en comparación ca elección doutro tipo de traballo.
2.4. Os TFM desenvolveranse baixo a supervisión dun ou máis titores académicos. O persoal docente da Universidade de Santiago de Compostela que sexa nomeado titor de TFM ten a obriga de asumir esta actividade de titoría conforme ao que se estableza no regulamento propio dos centros ao respecto, e na xeral da USC.
Artigo 3.- Órgano do centro encargado da xestión dos TFM.
3.1.- A Comisión Intercentros do título de Máster en Biociencias Moleculares terá as competencias sobre a coordinación e xestión relativas a esta materia do mesmo xeito que as demais materias do título. Entre estas competencias estarán as seguintes:
• Propoñer anualmente a guía docente na que se determinen as diferentes formas de desenvolvemento, exposición e criterios de avaliación para o curso académico de que se trate, establecendo a porcentaxe da cualificación asignada ao desenvolvemento da memoria, exposición do traballo, resposta a preguntas e outras características de avaliación fundamentais da titulación.
• Establecer o sistema de avaliación das actividades formativas do TFM.
• Establecer a convocatoria anual de traballos nas 2 oportunidades.
• Determinar os sistemas de titoría.
• Aprobar a proposta das liñas temáticas e temas, previa consulta aos departamentos con docencia no título.
• Establecer e publicar un procedemento para a asignación dos titores/as e os temas que poderán desenvolverse na elaboración dos traballos.
• Decidir sobre a modificación de temas e/ou titor/a asignado derivada de situacións excepcionais, previa consulta ao/s departamento/s afectado/s.
• Fixar as características dos traballos (extensión, formato, contido mínimo,…) naqueles aspectos que non estean fixados no presente regulamento.
• Aprobar os tribunais de avaliación e fixar o sistema de rotación, de ser o caso, de acordo co presente regulamento de TFM.
• Autorizar a presentación dos traballos en casos excepcionais.
• Propor os prazos de entrega dos traballos e informes de seguimento e as datas de defensa dos traballos de acordo co calendario académico.
• Solucionar as incidencias graves relativas a esta materia.
• Calquera outra que as Xuntas de Centro lle encomenden.
3.2.- As Xuntas de Centro aprobarán a guía docente e os períodos de entrega e defensa dos TFM, que se publicarán xunto coa convocatoria oficial de exames de cada curso académico.
Artigo 4.- Matrícula e Convocatorias
4.1.- A matrícula do TFM realizarase dentro do prazo xeral de matrícula ordinaria que estableza a Universidade, mediante o abono dos prezos públicos que correspondan conforme aos créditos que teña asignados e conxuntamente coas materias que o estudantado teña pendente de superar para completar os estudos de máster.
4.2.- Os/as estudantes de intercambio poderán matricularse desta materia. O seu réxime será o establecido no Regulamento de Intercambios da USC.
4.3.- A matrícula dará dereito á entrega e defensa do traballo en dúas oportunidades no curso no que estea matriculado e reportará os prezos públicos establecidos, sempre que cumpra os requisitos para a súa avaliación.
4.4.- Os TFM entregados só poderán ser defendidos e avaliados unha vez que se teña constancia de que o/a estudante superou todos os créditos necesarios para a obtención do título de máster, salvo os correspondentes aos propios traballos.
O centro deberá verificar que se cumpren estes requisitos para autorizar a súa defensa. Para estes efectos, no caso de que na data de defensa aínda non se recepcionaran todas as actas de avaliación das materias, o/a secretario/a do centro responsable da titulación solicitará do profesorado encargado das materias que informe sobre as cualificacións do estudantado que vaia defender os traballos na mesma convocatoria.
4.5.- A Comisión Académica do MBM, atendendo a criterios organizativos e de programación docente, concretarán as datas para a celebración das defensas dos traballos nos intervalos temporais que determine o calendario académico. Do mesmo xeito, a Comisión Académica deberá definir os instrumentos de seguimento e criterios xerais de avaliación.
Os traballos deberán entregarse nos períodos fixados polo calendario académico anual.
4.6.- O número máximo de convocatorias que poderá consumir o estudantado será de dúas e poderá contar con dúas oportunidades por curso académico. A obtención de Non presentado nalgunha das oportunidades ou en todas computarase para os efectos de consumir a convocatoria.
Para poder presentarse a unha nova convocatoria será necesaria a formalización de nova matrícula.
4.7.- Unha vez formalizada a matrícula, non procederá a devolución dos prezos aboados no caso de non presentarse. No suposto de que o/a estudante non reúna os requisitos para presentar o traballo por ter materias pendentes, considerarase unha renuncia automática polo que non se computará para os efectos de consumir convocatoria.
Artigo 5.- Do titor/a docente e da súa asignación e da elección do tema do TFM.
5.1.- O TFM deberá ter un/unha titor/a que asista aos/ás estudantes na realización do traballo. Por razóns xustificadas e se a Comisión o estima oportuno, poderá designarse outro/a titor/a, un/ha cotitor/a, ou excepcionalmente dous cotitores.
5.2.- Os departamentos con docencia na titulación comunicarán cada curso académico ao centro o listado de titores e temas dos traballos.
5.3.- O titor ou titora será ordinariamente Persoal Docente e Investigador (PDI) das áreas que impartan docencia na propia titulación.
Excepcionalmente tamén poderán ser cotitores profesores da USC que se atopen na situación de servizos especiais, comisión de servizos, eméritos ou ad honorem e profesores doutras universidades ou persoal con vinculación permanente a Organismos Públicos de Investigación (OPI) e profesionais especializados. Non poderán ser cotitores persoal de administración e servizos, agás nos supostos de consideración como profesionais, nin o persoal contratado con cargo ao capítulo VI, agás os que posúan titulación de máster ou teñan unha titulación que se corresponda co nivel 3 (máster) do MECES. No caso de cotitorías de persoal alleo á USC (área externa), con carácter previo a realizar a cotitoría, deberá comunicarse a dita circunstancia á vicerreitoría con competencias na materia a través do servizo correspondente indicando a súa dedicación.
5.4.- Os traballos poderán desenvolverse no marco de convenios con empresas ou institucións. Nestes casos a matrícula realizarase na USC pero poderá designarse un cotitor que poderá ser persoal do centro ou institución no que se desenvolva o traballo. En todo caso, a defensa e avaliación dos traballos deberá realizarse na USC de acordo co establecido no presente regulamento.
5.5.- A asignación dos titores aos/ás estudantes farase en tempo e forma segundo determine a Comisión Intercentros do Máster, dependendo do período en que se matricule o/a estudante e a convocatoria á que se vaia presentar.
5.6.- O/a titor/a programará sesións de traballo cos/as estudantes, nas que establecerá a programación das tarefas a realizar e orientará o traballo. Será responsable de expor a cada estudante as características do traballo, de orientalo no seu desenvolvemento e de velar polo cumprimento dos obxectivos fixados, así como de realizar o seguimento e emitir informe preceptivo e confidencial sobre este seguimento antes da defensa do traballo e para os efectos de que se teña en conta para a avaliación establecida no presente regulamento, no cal se indicará de xeito explícito o resultado da comprobación da orixinalidade do mesmo, polas ferramentas que a USC poña á súa disposición ou outras que estean ao seu alcance.
5.7.- O recoñecemento dos labores de titoría e avaliación de TFM farase nos termos previstos no Regulamento de Planificación Académica.
Artigo 6.- Avaliación
6.1.- A avaliación dos traballos farase nas Facultades de Ciencias e/ou Bioloxía, a través da súa exposición e defensa pública diante dun tribunal.
Os membros dos tribunais serán PDI da titulación. Un dos membros do tribunal será un PDI que imparta a docencia do máster na Facultade de Ciencias e outro será un PDI que imparta a docencia do máster na Facultade de Bioloxía. Os tribunais de avaliación serán nomeados pola Comisión Intercentros do Máster en cada oportunidade, unha vez rematado o prazo de presentación dos TFM, e configuraranse atendendo ao número de estudantes matriculados/as e á temática dos diferentes Traballos.
6.2.- Cada Tribunal estará formado por tres membros e, polo menos, un suplente que substituirá ao membro ausente. Os titores dos traballos non poderán formar parte do Tribunal avaliador dos mesmos. A participación nos mesmos é obrigatoria para as persoas nomeadas, agás causa de forza maior debidamente acreditada.
6.3.- En cada Tribunal haberá un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un/ha vogal. Utilizarase o criterio de categoría docente e antigüidade para nomear o Presidente/a que será o de maior categoría e máis antigo; e Secretario/a, será o de menor categoría e máis novo. O/a Presidente/a e Secretario/a exercerán como tales en todas as actuacións.
Procurarase que a participación dos PDI nos Tribunais sexa rotatoria. Nomearase un Tribunal por cada 8 proxectos ou fracción presentados, constituído por profesores que pertencerán a distintas áreas de coñecemento. En todo caso, polo menos un dos membros do tribunal pertencerá a unha área de coñecemento afín ás liñas temáticas xerais dos traballos. Poderá constituírse un Tribunal Único para a avaliación dos TFM da mesma convocatoria.
6.4.- O Tribunal poderá invitar ás deliberacións ao titor/a do traballo e ao cotitor/a, así como a profesores/as especializados/as na temática do traballo que se estea a avaliar, en calidade de asesores, con voz pero sen voto.
6.5.- A publicación das listaxes de cualificacións provisorias realizarase a través da aula virtual da materia que a USC pon a disposición do profesorado e estudantado, nun prazo non superior a sete días dende a súa defensa.
Artigo 7.- Modalidades de defensa do Traballo Fin de Máster
7.1.- A avaliación do TFM requirirá sempre de presentación e defensa pública ante tribunal por parte do/a estudante.
7.2.- A defensa dos TFM levarase a cabo de xeito individual, mediante exposición oral e defensa pública diante de Tribunal. O tempo máximo do que o/a estudante disporá para a súa exposición será de 20 minutos e a continuación terá lugar unha quenda de preguntas que non poderá exceder de 15 minutos.
Artigo 8.- Entrega e defensa dos Traballos Fin de Máster
8.1.- A entrega dos TFM e solicitude de defensa levarase a cabo a través da Secretaría Virtual do estudantado, nas datas que determine a Comisión Intercentros do MBM para cada convocatoria, nos intervalos temporais que indique o calendario académico e que serán publicadas nas Webs dos Centros.
8.2.- O estudantado deberá indicar na solicitude de defensa do TFM os datos requiridos na súa Secretaría Virtual:
• Título que deberá coincidir co da proposta aprobada pola Comisión do MBM, resumo (200-300 palabras), palabras clave (mínimo 5), ..., poñendo atención á redacción e corrección ortográfica en todos os idiomas solicitados, por ser a base para a elaboración de importantes documentos para o estudantado (actas, suplemento europeo ao título, ...).
• Incorporar un arquivo co exemplar completo do TFM en pdf o cal deberá conter un índice xeral co formato de portada que se detalla no Anexo I, os títulos, resumos e palabras clave indicados anteriormente nos 3 idiomas e ademais, nos casos que proceda, o informe do Comité de Bioética.
• Indicar se autoriza a publicación do seu traballo e confirmar a orixinalidade do mesmo, a cal poderá ser comprobada mediante calquera procedemento.
8.3.- A defensa do TFM requirirá o informe previo e preceptivo do/a titor/a (Anexo II), no cal se indicará de xeito explícito o resultado da comprobación da orixinalidade do mesmo, polas ferramentas que a USC poña á súa disposición ou outras que estean ao seu alcance.
8.4.- A defensa do traballo será realizada polo/a estudante de xeito presencial. Non obstante o anterior, para casos excepcionais debidamente autorizados pola Comisión Intercentros do Máster, poderá realizarse a defensa por videoconferencia, coas garantías que se determinen na autorización. Nestes casos deberá solicitarse como mínimo cun mes de antelación á data de defensa do TFM.
8.5.- Unha vez nomeados os Tribunais por parte da Comisión Académica do Máster, o/a presidente/a de cada Tribunal fará pública, coa suficiente antelación, a convocatoria da sesión (Anexo III) na que se indicará hora, lugar, e orde de actuación para a exposición e defensa dos TFM.
8.6.- O estudantado que, unha vez feita a entrega do traballo e verificadas as condicións para a súa defensa, non se presente á defensa do TFM na data asignada, terá a cualificación de suspenso nesa oportunidade.
8.7.- A elaboración e defensa do traballo poderanse efectuar en calquera das linguas nas que imparte o máster conforme ao disposto na memoria de verificación do título, sempre que se poidan establecer tribunais competentes nas devanditas linguas. En todo caso, garantirase o dereito a elaborar e defender os traballos en calquera das dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma.
Artigo 9.- Avaliación, cualificación e revisión
9.1.- A cualificación dos TFM realizarase conforme os criterios establecidos na guía docente da materia, que estarán vinculados á consecución dos coñecementos, habilidades e competencias da titulación.
9.2.- No prazo de entrega dos TFM, os/as titores/as deberá/n anexar a través da Secretaría Virtual o seu informe preceptivo segundo o impreso correspondente (Anexo II) e tendo en conta os aspectos indicados no mesmo. Este informe, dispoñible para a súa consulta na aplicación correspondente, será tido en conta polo tribunal de acordo cos baremos que figuren na guía docente da materia e na Rúbrica de Avaliación aprobadas pola Comisión Intercentros.
9.3.- O Tribunal deliberará sobre a cualificación que lle corresponde a cada TFM conforme aos criterios de avaliación publicados na guía docente e ao disposto na memoria de verificación do título, outorgando a cualificación conforme á seguinte escala numérica, de 0 a 10, con expresión dun decimal, á que se engadirá a súa correspondente cualificación cualitativa.
A mención de “Matrícula de Honra” poderá ser outorgada a estudantes que obteñan unha cualificación igual ou superior a 9,0. O seu número non poderá exceder do 5% do estudantado matriculado nesa materia no correspondente curso académico. Se o número de estudantes é inferior a 20, poderase outorgar unha matrícula de honra. Esta mención só poderá outorgarse unha vez rematadas as defensas de todos os traballos correspondentes ao curso académico. No caso de que se constitúa un tribunal único en todas as convocatorias, será este o que outorgue as matrículas de honra que correspondan. Noutro caso, a atribución desta cualificación corresponderá realizala á Comisión Intercentros do Máster, oídas as propostas dos diferentes tribunais actuantes.
9.4.- Despois da defensa dos TFM o tribunal emitirá a súa cualificación segundo o impreso correspondente (Anexo IV) e tendo en conta os aspectos e baremos indicados na guía docente do TFM e a súa Rúbrica de Avaliación aprobada pola Comisión Intercentros do Título. O presidente do tribunal enviará as cualificacións para que se fagan públicas na aula virtual da materia.
9.5.- O estudantado ten dereito á revisión das cualificacións nas datas e horarios que para tal efecto deberán fixarse no momento de facer públicos os resultados provisorios. A revisión levarase a cabo en dúas datas opcionais e deberá realizarse entre o día hábil seguinte á publicación dos resultados e o sétimo día hábil. Procurarase que estas revisións se poidan levar a cabo en horarios alternativos e que a segunda data sexa posterior ao terceiro día hábil. A estes efectos o mes de agosto será inhábil e non computará neste prazo.
A revisión será persoal e poderá realizala un ou varios membros do Tribunal. En todo caso deberá quedar constancia da celebración da revisión e da data en que se realizou mediante calquera sistema que acredite a súa realización.
O procedemento de reclamación contra a cualificación será o establecido na normativa vixente relativa a avaliación do rendemento académico dos/as estudantes e de revisión de cualificacións.
Artigo 10.- Xestión das actas.
10.1.- Elaborarase unha acta individual por cada estudante e traballo e para cada oportunidade na que constarán o/s titor/es académicos, o tribunal e o título do traballo defendido, así como a súa cualificación e data de defensa. As actas estarán asinadas polos membros do tribunal. En caso de imposibilidade de asinar a acta por algún dos membros avaliadores, esta circunstancia porase en coñecemento da Secretaría Xeral, que procederá a autorizar a sinatura da acta polo/a coordinador/a da titulación. No caso de imposibilidade destes, substituiranse polo/a profesor/a que designe a Secretaría Xeral. En todos os casos farase constar a dita incidencia. No caso de que algún dos avaliadores sexa persoal alleo á USC, as actas deberán ser asinadas polo/a coordinador/a da titulación.
10.2.- Os períodos de cobertura de actas serán os que se fixen no calendario académico oficial. Só nas titulacións interuniversitarias ou conxuntas e no caso dos Programas Erasmus Mundus, poderán establecerse períodos diferentes de avaliación, en función dos acordos entre universidades ou do establecido nos correspondentes plans de estudos. Nestes casos deberase solicitar anualmente a correspondente autorización para a apertura das actas á Secretaría Xeral.
10.3.- Finalizado o período de defensa de TFM en cada curso académico xerarase de xeito automático unha acta consolidada (acta final) para a materia Traballo Fin de Máster, que conterá a todo o estudantado matriculado na materia de TFM coas cualificacións que en cada caso lles corresponda polas actas individuais, non presentados, mencións e as cualificacións obtidas polos/as estudantes de intercambio. Estas actas serán asinadas polo/a coordinador/a da titulación. No caso de imposibilidade deste, substituirase polo/a decano/a.
10.4.- O estudantado matriculado que non se presentase en ningunha das oportunidades, figurará na acta consolidada coa mención “non presentado”. Nesta edición da acta tamén se incorporarán as mencións de “matrícula de honra” conforme o establecido no artigo anterior.
Artigo 11.- Dereitos do estudantado
11.1.- A propiedade intelectual dos TFM correspóndelle ao/á estudante que o realizou.
11.2.- No caso de realizarse os traballos no marco dun contrato ou convenio con algunha entidade ou de ser o caso, dun proxecto ou liña de investigación, os dereitos serán os recollidos no dito contrato ou convenio ou os que se pacten previamente, respectando en todo caso a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual ou industrial.
Nestes casos e sempre que existan cláusulas de confidencialidade con empresas ou no caso de que poidan dar lugar a dereitos de propiedade industrial e intelectual que non se poidan difundir antes de estaren debidamente protexidos, actuarase do seguinte modo:entregaranse dúas versións da memoria de TFM:a reducida, na que se eliminarán os contidos afectados polo deber de non difundir ou polo deber de segredo ou confidencialidade; e o exemplar completo, que se entregará baixo compromiso de confidencialidade.
O exemplar reducido será o que se utilice para ser autorizada a súa defensa e deberá coincidir co contido da exposición e defensa pública. A versión completa entregarase aos membros do tribunal para a súa avaliación. O/a titor/a e os membros do tribunal deberán asinar o correspondente compromiso de confidencialidade sobre os contidos que non se poderán difundir publicamente. Se o tribunal desexa formular cuestións sobre os contidos protexidos, estas intervencións faranse nunha sesión privada, con carácter previo ou posterior á pública.
O exemplar do traballo non será obxecto de publicación no repositorio institucional da USC (Minerva) ata que sexan realizadas as oportunas proteccións ou venza o prazo de confidencialidade.
11.3.- Unha copia en formato electrónico dos traballos superados quedará depositada no centro para o seu arquivo e consulta, e poderá ser utilizada na Universidade de Santiago de Compostela para usos académicos e de investigación, sempre coa mención específica aos seus autores. Para estes efectos o estudantado asinará a correspondente autorización de difusión e a declaración de que se trata dun traballo inédito.
11.4.- A comisión con competencias en TFM poderá propoñer a publicación dos TFM que destaquen pola súa calidade no repositorio institucional da USC (Minerva), e en especial propoñeranse os dos/as estudantes que acaden a mención de matrícula de honra nesta materia. Os/as autores/as dos traballos propostos, co visto e prace do/a titor/a, deberán asinar o correspondente documento para autorizar a súa difusión no que declaren que se trata dun traballo orixinal.
Artigo 12.- Deberes do estudantado
12.1.- Os TFM deben ser traballos orixinais de elaboración propia e deben citarse debidamente as fontes que se tiveron en conta para a súa realización.
12.2.- O incumprimento do indicado no apartado anterior suporá a cualificación de “suspenso” na convocatoria e o deber do/a titor/a e do tribunal que o detecte de poñelo en coñecemento da Reitoría a efectos de iniciar as accións disciplinarias que procedan, de conformidade co artigo 16 da Normativa de avaliación do rendemento académico dos/as estudantes e de revisión de cualificacións.
12.3.- Con carácter previo á autorización da defensa, poderá realizarse unha análise automatizada de control da vulneración de dereitos de propiedade intelectual. A partir desa análise, se a comisión con competencias en TFM considera que se vulneraron os citados dereitos, poderá denegar a defensa do traballo e aplicarase o indicado no parágrafo anterior.
DISPOSICIÓN FINAL. ENTRADA EN VIGOR
Este regulamento entrará en vigor no curso 2025-2026 logo da súa publicación no taboleiro electrónico da USC, trala súa aprobación polo Consello de Goberno. O contido deste regulamento complétase co resto de regulamentacións e procedementos da USC que se atopen en vigor, entre outras, a Normativa sobre Permanencia nas titulacións de Grao e Máster, a Normativa de Avaliación do Rendemento Académico dos/as Estudantes e de Revisión de Cualificacións, o Regulamento da USC dos Intercambios Interuniversitarios de Estudantes, e o Regulamento de Planificación Académica.
ANEXO I
MÁSTER en BIOCIENCIAS MOLECULARES
D/D.ª. Nome Apelido Apelido
TÍTULO COMPLETO DO TRABALLO FIN DE MÁSTER
Traballo Fin de Máster
Mes Ano
ANEXO II. TRABALLO FIN DE MÁSTER. MÁSTER en BIOCIENCIAS MOLECULARES.
INFORME DOS/AS TITORES/AS – COTITORES/AS
NOME DO/A ESTUDANTE:....................................
TÍTULO DO TFM:...........................
TITOR/A:
NOME:..................................
DEPARTAMENTO:........................
COTITOR/A: (cubrir segundo o que proceda)
NOME:..................................
DEPARTAMENTO:........................
TITULACIÓN:
CARGO:
EMPRESA:
| Grao de satisfacción coas competencias transversais, destrezas e habilidades | ||||||
|---|---|---|---|---|---|---|
| Non procede: 0 Moi Baixo: 1 Moi alto:5 | 0 | 1 | 2 | 3 | 4 | 5 |
| Iniciativa e autonomía para realizar o traballo | ||||||
| Capacidade de organización e planificación | ||||||
| Capacidade de análise e síntese | ||||||
| Capacidade para xestionar información | ||||||
| Capacidade para interpretar resultados experimentais | ||||||
| Capacidade para extraer conclusións | ||||||
| Capacidade xeral para redactar o Traballo | ||||||
| Outras: (citar) | ||||||
Breve informe sobre o resultado da comprobación da orixinalidade do TFM:
Lugo/Santiago, a ..... de ................. de 20...
Asdo.: Titor/a
Asdo.: Cotitor/a (se procede)
ANEXO III. TRABALLO FIN DE MÁSTER. MÁSTER en BIOCIENCIAS MOLECULARES
Convocatoria pública da sesión de defensa de TFM
TRIBUNAL Nº / TRIBUNAL ÚNICO
Convócase o estudantado abaixo sinalado e na orde de intervención que se indica para o día ..../..../...., ás ......:...... horas, na (AULA Nº .... / Salón de Actos/Salón de Graos) da Facultade de Ciencias e na (AULA Nº .... / Salón de Actos/Salón de Graos) da Facultade de Bioloxía, para a defensa dos Traballos Fin de Máster correspondente a ...ª oportunidade do Curso 20...-20......
Nº ESTUDANTE TÍTULO TFM
Para a exposición do TFM os/as estudantes disporán dun tempo máximo de 20 minutos. A continuación terá lugar a defensa no tempo que o tribunal estime oportuno
Lugo/Santiago, .... de ………....... de 20.....
O/A PRESIDENTE/A DO TRIBUNAL
ANEXO IV. TRABALLO FIN DE MÁSTER. MÁSTER en BIOCIENCIAS MOLECULARES
(IMPRESO DE CUALIFICACIÓN PARA OS MEMBROS DO TRIBUNAL)
CUALIFICACIÓN DO TRIBUNAL (Máx. 10,0 puntos)
NOME DO/A ESTUDANTE:....................................
TÍTULO DO TFM:...........................
Presidente/a:...................
Secretario/a:...................
Vocal:...................
| ASPECTO | Cualificación |
|---|---|
| Presentación escrita do traballo | |
| Calidade da exposición e defensa do TFM | |
| Calidade científica e repercusión do TFM | |
| Valoración do titor | |
| Valoración total |
Idioma da memoria escrita:.............................
Idioma da presentación e defensa:.............................
Lugo, a ....... de ......................................... de 20...
Asdo.: Presidente/a
Asdo.: Vocal
Asdo.: Secretario/a
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.