Normativa do Traballo de Fin de Grao das titulacións de Grao da Facultade de Filoloxía
NORMA CONSOLIDADA
Aprobada pola Xunta da Facultade de Filoloxía o 19 de decembro de 2024.
O Real Decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e o procedemento de aseguramento da calidade establece a regulación dos traballos de fin de grao no artigo 14.6:
“O traballo de fin de Grao, de carácter obrigatorio e cuxa superación é imprescindible para a obtención do título oficial, ten como obxectivo esencial a demostración por parte do/a estudante do dominio e aplicación dos coñecementos, competencias e habilidades definitorios do título universitario oficial de Grao. Este traballo de fin de Grao dispoñerá dun mínimo de 6 créditos para todos os títulos, e un máximo de 24 créditos para os títulos de 240 créditos, de 30 créditos nos títulos de 300 créditos e de 36 créditos nos títulos de 360 créditos. Deberá desenvolverse na fase final do plan de estudos, seguindo os criterios que cada universidade ou centro estableza. Así mesmo, os traballos de fin de Grao deberán ser defendidos nun acto público, seguindo a normativa que para ese efecto estableza o centro ou no seu caso a universidade”.
O Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos de fin de grao (TFG) e de fin de máster (TFM) na Universidade de Santiago de Compostela aprobado polo Consello de Goberno do 10 de marzo de 2016 establece a normativa básica á que deben adaptarse aos efectos de elaboración as normativas propias dos seus títulos. Estas normativas deberán ser aprobadas pola Xunta de Centro e polo Consello de Goberno, previo informe da Asesoría Xurídica (artigo 1 do citado regulamento).
Ao abeiro do anterior aprobouse a Normativa de traballo de fin de grao das titulacións de Grao en Filoloxía Clásica, Grao en Lingua e Literatura Españolas, Grao en Lingua e Literatura Galegas, Grao en Lingua e Literatura Inglesas e Grao en Linguas e Literaturas Modernas da Universidade de Santiago de Compostela aprobada polo Consello de Goberno do 25 de febreiro de 2021.
O Acordo do Consello de Goberno de 24 de xullo de 2024 polo que se aproba a modificación do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos de fin de grao e fin de máster na Universidade de Compostela que modifica o artigo 4 e 6 do citado regulamento permite que o estudantado poida presentar e defender o TFG con créditos pendentes de superación co límite máximo de 18 ECTS no caso dos graos e 9 ECTS para os mestrados agás os correspondentes aos propios traballos. Os centros que desexen acollerse a isto deberán modificar a súa normativa específica.
Así mesmo, detectáronse lagoas na aplicación da Normativa de traballo de fin de grao das titulacións de grao da Facultade especialmente no que atinxe á defensa dos TFG que se realizan en equipo e á reclamación da cualificación outorgada polo/a titor/a no caso de defensa ante tribunal, que aconsellan a súa reparación e esclarecemento.
En desenvolvemento das disposición citadas, a Xunta da Facultade de Filoloxía, no exercicio das competencias que lle atribúen os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela aproba o seguinte Regulamento do traballo de fin de grao dos Graos da Facultade de Filoloxía.
Capítulo 1. Consideracións xerais
O obxecto desta normativa é regular o proceso de asignación, realización e presentación dos traballos de fin de grao (TFG) nas titulacións de grao das que é responsable a Facultade de Filoloxía.
Respectando a autonomía de cada grao, convén fixar para todos os Graos da facultade un sistema único de asignación e avaliación que evite eventuais desequilibrios.
Artigo 1. Obxectivo do TFG
O TFG consistirá na elaboración dun proxecto, traballo, memoria ou estudo orixinal no que se acrediten os coñecementos, competencias e destrezas adquiridas durante os estudos realizados na titulación de grao. Incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de información relevante, redacción, presentación e defensa. Por traballo orixinal enténdese un traballo de elaboración propia no que se citen debidamente as fontes que se tiveron en conta para a súa realización. Estará orientado á avaliación das competencias asociadas á titulación na que o/a estudante se gradúa.
Artigo 2. Contidos e número de créditos do TFG
1. O TFG das titulacións da Facultade de Filoloxía tense que adecuar aos contidos do maior correspondente e, así mesmo, debe ser redactado e defendido na lingua do Maior agás nos casos do Maior en Filoloxía Románica, no que se pode empregar calquera das linguas románicas e do Grao en Filoloxía Clásica, no que pode empregar o galego ou o castelán.
2. Dado que o Grao en Linguas e Literaturas Modernas é un único título, a realización dunha segunda mención non obrigará a realización doutro TFG.
3. O TFG ten asignado, en cada grao, o número de créditos obrigatorios que indique a memoria do correspondente título coa equivalencia de 25 horas por cada crédito atendendo ao indicado no artigo 10 do Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade na USC.
Artigo 3. Modalidades do TFG
1. O TFG poderá realizarse de forma individual ou en equipo baixo a supervisión dun ou máis titores/as académicos/as.
2. No caso de traballos en equipo, esta posibilidade pode estar prevista na oferta de cada titor/a. Os/as estudantes que desexen acollerse a esta modalidade deben previamente contactar co/a titor/a e este/a deberá comunicar á Comisión con competencias delegadas neste ámbito (CTFG) se concorda ou non coa orientación dese TFG en equipo. Poderán configurarse equipos posteriormente á asignación individual de liñas temáticas e titores/as, sempre coa aprobación do/a titor/a. Neste caso, o/a docente responsábel deberá comunicar esta circunstancia á CTFG e poderá ofrecer novas prazas.
O traballo en equipo implicará, para os efectos de cómputo da oferta de liñas temáticas e prazas, tantas destas como membros matriculadas/os do equipo, excepto indicación en contrario do/a titor/a.
Artigo 4. Órganos de goberno do TFG
1. Como indica o artigo 3.1 do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos TFG e TFM da USC, cada Centro deberá designar un/unha coordinador/a de TFG, único/a ou por titulación, e unha comisión encargada de atender as cuestións propias do desenvolvemento do TFG, única ou por titulación.
2. Nos graos da Facultade de Filoloxía haberá un/unha coordinador/a de TFG por cada titulación, que será a mesma persoa que exerza a coordinación do grao correspondente, membro da Comisión que teña delegadas as competencias da Xunta de Facultade relativas aos TFG (en adiante, CTFG). Esta será a encargada de velar polo cumprimento do estipulado nesta Normativa (e interpretala se fose o caso) e estará presidida polo/a Decano/a ou persoa en quen delegue.
3. A composición da CTFG será a establecida no Regulamento de réxime interno da Facultade.
4. Entre as súas competencias son as seguintes:
• Elaborar anualmente o programa da materia TFG de cada unha das titulacións de grao co apoio do/a coordinador respectivo.
• Estabelecer a convocatoria anual e o calendario de TFG.
• Actualizar a documentación relativa ao proceso de elaboración, defensa e avaliación do TFG.
• Solicitar anualmente ás áreas de coñecemento con docencia, a través das coordinacións académicas do título, as propostas de liñas temáticas e titores/as, velando por que a oferta sexa suficiente para cubrir as necesidades lectivas.
• Aprobar as propostas de liñas temáticas e titores/as.
• Aprobar e asignar as solicitudes de liñas temáticas, titores/as, títulos e resumos presentadas polos/as estudantes.
• Aprobar as solicitudes de prórroga.
• Autorizar as modificacións de título e resumo e/ou titor/a que deriven de situacións excepcionais.
• Aprobar os tribunais de avaliación a proposta da coordinación de cada un dos títulos.
• Autorizar a presentación e defensa pública dos TFG en casos excepcionais.
• Autorizar a defensa do TFG por medios telemáticos e estabelecer o procedemento para levala a cabo, no caso de constatación de imposibilidade ou dificultade para facelo presencialmente. O/A estudante deberá garantir os medios telemáticos suficientes para que poida ser realizada.
• Decidir e outorgar as cualificacións de Matrícula de Honra que correspondan, no caso de haber máis dun tribunal por Grao, e propor os TFG para seren publicados no repositorio da USC.
• Resolver as incidencias relacionadas co TFG.
• Calquera outra xestión relativa ao TFG ou que a Xunta de Facultade lle encomende.
5. A Xunta de Facultade será a encargada de aprobar o programa e o calendario do TFG.
Artigo 5. Matrícula e convocatorias
1. A matrícula do TFG realizarase dentro do prazo xeral ordinario que estableza a Universidade, mediante o aboamento dos prezos públicos que correspondan conforme aos créditos que teña asignados.
2. Segundo o indicado no artigo 6.3 da Normativa de permanencia da USC poderán matricularse da materia de TFG aqueles/as estudantes que superasen un mínimo de 150 créditos ou o mínimo establecido na memoria do grao respectivo, sen prexuízo do que se poida dispor por resolución reitoral en supostos de adaptación ou noutros supostos excepcionais debidamente xustificados.
3. O número máximo de convocatorias que poderá consumir o alumnado será o indicado na Normativa de permanencia da USC e poderá contar con dúas oportunidades por curso.
A obtención de non presentado computarase aos efectos de consumir a convocatoria. No suposto de que o/a alumno/a non reúna os requisitos para presentar o TFG por superar o número de créditos non superados, considerarase unha renuncia automática polo que non computará para os efectos de consumir convocatoria.
4. Para poder presentarse a unha nova convocatoria será necesario formalizar unha nova matrícula.
Capítulo 2. Sobre as liñas temáticas, os/as titores/as e asignación dos TFG
Artigo 6. Titor/a do TFG
1. O TFG realizarase baixo a supervisión dun/dunha titor/a académico/a, que se encargará de velar polo cumprimento dos obxectivos fixados. Os/As titores/as deberán ser PDI das áreas que impartan docencia na propia titulación. Non poderán ser titores/as aquelas/es docentes que teñan un contrato que remate antes da finalización da última convocatoria do período de avaliación iniciado no ano académico en que o/a estudante se matriculou
2. Por razóns xustificadas e coa autorización da CTFG, poderá permitirse cotitorizacións ata un máximo de dous/dúas cotitores/as. Deberá sempre definirse quen é o/a titor/a responsábel da materia. A cotitorización poderá estar incluída na oferta de liñas temáticas anuais ou poderá ser proposta posteriormente por parte do/a titor/a á CTFG para a súa aprobación. Poderá actuar como cotitor/a o persoal indicado no Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos TFG e TFM da USC e na normativa de Planificación Académica.
3. O persoal en formación poderá ofrecer e titorizar traballos. Os/As investigadores/as ligados/as á USC con contrato predoutoral farano sempre en réxime de cotitorización cun PDI que non sexa PDI en formación. Non poderá ser cotitor/a aquel persoal en formación que teña un contrato que remate antes da finalización da última convocatoria do período de avaliación iniciado no ano académico en que o/a estudante se matriculou.
4. O labor do/a titor/a será:
• Orientar, asesorar e planificar as actividades do/a estudante:en función da natureza do TFG, fixará varias sesións de titoría co fin de discutir o plan inicial de traballo, os resultados parciais das diferentes fases de elaboración e o resultado final.
• Facer un seguimento do traballo e supervisar o seu progreso.
• Emitir un informe preceptivo e confidencial sobre o seguimento no prazo que se estableza no calendario do TFG antes da defensa do traballo e para os efectos da avaliación ante o tribunal.
5. Se o/a estudante simultánea a realización do TFG cunha estadía de mobilidade, debe consensuar co/a titor/a a forma na que se velará polo cumprimento dos obxectivos fixados.
Artigo 7. Liñas temáticas dos TFG
1. Cada curso académico o Centro fará pública, nas datas que se establezan no calendario de TFG, a oferta de liñas temáticas e titores/as para cada título de grao. A CTFG demandará aos/ás coordinadores/as o envío de propostas para cada un dos títulos e para cada unha das mencións no caso do Grao en Linguas e Literaturas Modernas.
2. Os/As coordinadores/as de grao dirixiranse a todo o PDI con docencia no Grao solicitando a oferta de liñas e prazas e, no prazo fixado polo Decanato, enviarán ao/á presidente/a da CTFG, para sometelas á aprobación da Comisión, de acordo co calendario de TFG aprobado en Xunta de Facultade. As propostas incluirán o número de TFG ofertados para cada liña temática e titor/a e, de ser o caso, recomendacións a ter en conta para a súa escolla.
Artigo 8. Asignación de liñas temáticas e titores/as de TFG
1. As modalidades de solicitude de liña temática e titor/a son:
i. Asignación directa:como resultado dun acordo directo entre o/a estudante e o/a titor/a dentro dos/as relacionados/as na oferta de liñas temáticas. A asignación directa require a sinatura do/a titor/a no formulario publicado na web do centro.
ii. Petición de asignación á CTFG:o/a estudante presentará solicitude de asignación de liña temática e titor/a a través do formulario publicado na web do centro coas propostas que máis lle interesen, por orde de preferencia na forma e nos prazos que se indiquen na convocatoria e calendario de TFG. A asignación farase por nota media do expediente do/a estudante.
iii. Prórroga ou renovación da liña temática e titor/a asignada en cursos anteriores:os/as estudantes matriculados/as en convocatorias anteriores que non superaron o TFG poden renovar a súa solicitude se conta co acordo e sinatura do/a titor/a no formulario publicado na web do centro. A prórroga computa dentro do número de prazas ofertadas polo/a titor/a
2. Abriranse os prazos de solicitude de asignación indicados na convocatoria de TFG e como mínimo un por cada período de matrícula ordinaria (setembro e febreiro).
3. O procedemento de asignación de liñas temáticas e titores indicarase na convocatoria anual de TFG aprobada pola CTFG.
Artigo 9. Modificacións
O/A estudante poderá solicitar modificacións do título e resumo mediante escrito razoado dirixido á CTFG ata 30 días naturais antes do comezo do período de solicitude de defensa marcado no calendario anual de TFG do Centro. As modificacións propostas deberán contar coa aprobación do/a titor/a e cotitor/a, no seu caso. A CTFG será a encargada de aprobar as modificacións solicitadas. De modo excepcional, o/a estudante e/ou o/a titor/a poderán solicitar a anulación da asignación do TFG, ou o cambio de proxecto baixo a mesma ou diferente dirección mediante escrito razoado remitido á CTFG e presentado na Secretaría da Facultade. A CTFG analizará o caso e, se procede, realizará unha nova asignación.
Capítulo 3. Características dos TFG
Artigo 10. Autoría
1. A propiedade intelectual do TFG correspóndelle ao/á alumno/a que o realizou, segundo o indicado no artigo 11 do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos TFG e TFM da USC.
2. Tal e como se indica no artigo 11.3 do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos TFG e TFM da USC, o Centro arquivará unha copia electrónica dos traballos superados para o seu arquivo e consulta, e poderá ser utilizada na Universidade de Santiago de Compostela para fins académicos e de investigación, sempre coa mención específica dos nomes dos/as autores/as.
Para estes efectos o estudantado asinará, no momento en que solicite a defensa, a correspondente autorización de difusión e a declaración de que se trata dun traballo orixinal e inédito.
Artigo 11. Extensión do TFG
1. A extensión do TFG individual será o indicado na memoria do título ou, no seu defecto, no programa anual respectivo que será proporcional ao número de créditos deste.
2. A extensión dos TFG en equipo poderase incrementar proporcionalmente ao número de integrantes do mesmo.
Artigo 12. Características formais do TFG
1. O programa poderá estabelecer un formato común para algúns dos elementos do TFG.
2. En calquera caso, o traballo deberá adoptar, de forma aproximada, a seguinte estrutura:
a) Portada, na que deberán aparecer todos os datos identificadores do traballo:o logo da USC coa indicación da Facultade; a denominación do Grao (e, no caso do Grao en Linguas e Literaturas Modernas, do Itinerario); o título do traballo; o nome completo do/a autor/a e do/a titor/a e o curso académico correspondente.
b) Primeira páxina, que reproduce a portada.
c) Copia da solicitude de delimitación de título e resumo aprobado pola CTFG.
d) Título en galego, español e inglés e, no caso das mencións, na lingua da mención correspondente, resumo e palabras chave.
e) Índice paxinado.
f) No caso dos traballos en equipo:poderá incluír unha declaración de repartición de responsabilidades entre cada un dos seus membros.
g) Introdución.
h) Contidos / Desenvolvemento.
i) Conclusións.
j) Bibliografía consultada.
k) Apéndices (se os hai)
Capítulo 4. Entrega do TFG
Artigo 13. Prazo para a presentación
Será o que marque o calendario de TFG de cada curso académico aprobado pola CTFG e a Xunta de Facultade e publicado na web do Centro.
Artigo 14. Requisitos para a presentación
1. Segundo se recolle no artigo 4.4 do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos TFG e TFM da USC, poderá presentar e defender publicamente o TFG o estudantado que teña como máximo 18 créditos pendentes de superación, agás os correspondentes aos propios traballos.
2. Para verificar que se cumpre este requisito, no caso de que na data de presentación e defensa aínda non se recepcionaran todas as actas de avaliación das materias do Grao, o/a secretario/a da Facultade solicitará do profesorado encargado das devanditas materias que se informe sobre as cualificacións do alumnado que vaia presentar os traballos na mesma oportunidade.
3. O/A estudante solicitará a defensa do TFG a través da súa secretaría virtual no prazo fixado a tal fin no calendario de TFG para cada unha das oportunidades. O/A estudante subirá o seu TFG na súa secretaría virtual e na súa solicitude de defensa (tamén a través da secretaría virtual), deberá elixir entre dúas opcións:a) avaliación por parte do titor/a ou b) avaliación por parte do tribunal.
No caso de TFG en equipo, a modalidade escollida para a defensa deberá ser a mesma para todos os/as integrantes do equipo.
4. Con carácter previo á autorización da defensa, poderá realizarse unha análise automatizada de control da vulneración de dereitos de propiedade intelectual. A partir desa análise, se a CTFG considera que se vulneraron os citados dereitos, poderá denegar a defensa do traballo e aplicarase o indicado na normativa de avaliación vixente.
5. Unha vez que o/a estudante sobe o seu TFG á secretaría virtual e fai a solicitude de defensa, o/a titor/a do TFG deberá subir no prazo fixado a tal fin no calendario de TFG o informe confidencial ao que fai referencia o artigo 6, que estará a disposición do Tribunal, se este tiver que intervir.
Capítulo 5. Procedemento de defensa e criterios de avaliación
Artigo 15. Sistemas de avaliación
No momento de facer a solicitude de defensa na secretaría virtual, o estudantado deberá optar por:
a) Avaliación do traballo polo/a titor/a O/a titor/a será o encargado/a da avaliación e cualificación que non poderá ser superior a 7.00. O/A estudante deberá defender en acto público o seu TFG perante o/a titor/a. A cualificación final estará integrada por:
• Valoración do traballo: máximo 70% (4,9 do total de 7): Avaliaranse o progreso académico do/a estudante, os contidos, o proceso de elaboración, a consecución dos obxectivos e a presentación escrita.
• Exposición e defensa do TFG: máximo 30% (2,1 do total de 7): Avaliaranse a presentación oral, a capacidade argumental da exposición e da réplica, a claridade e auto-análise dos obxectivos, a concisión e a corrección no uso da lingua.
É competencia do titor/a informar ao estudantado da cualificación recibida polo traballo a través das canles habituais de información sobre avaliacións docentes.
b) Avaliación do traballo por tribunal
Os traballos poderán ser avaliados por un tribunal en defensa pública.
O tribunal estará composto por tres profesores/as da USC que impartan docencia na titulación. O tribunal poderá propor outorgar Matrícula de Honra a aqueles TFGs cunha cualificación igual ou superior a 9. A cualificación do Tribunal estará integrada pola suma de:
• Valoración do traballo por parte do/a Titor/a cun máximo de 7 puntos. Avaliaranse o progreso académico do/a estudante, os contidos, o proceso de elaboración, a consecución dos obxectivos e a presentación escrita.
• Valoración da exposición e defensa do contido do TFG por parte do Tribunal cun máximo de 3 puntos, tendo en conta a presentación oral, a capacidade argumental da exposición e da réplica, a claridade e auto-análise dos obxectivos, a concisión e a corrección no uso da lingua.
Artigo 16. Composición dos Tribunais
1. O Tribunal estará composto por un/unha presidente/a, un/unha vogal e un/unha secretario/a. O/A Presidente/a será o/a de maior grao e antigüidade, e o/a secretario/a será o/a de menor grao e menor antigüidade. Este/a último/a será o/a responsábel de encher correctamente e entregarlles aos servizos administrativos da Facultade a documentación derivada do acto de defensa dos TFG.
2. Deberá nomearse, polo menos, un/unha suplente para cada Tribunal.
3. A participación nos tribunais é obrigatoria para as persoas nomeadas, agás causa de forza maior debidamente acreditada.
4. O Tribunal poderá invitar ás deliberacións ao/á titor/a do traballo, así como a profesores especializados na materia que se estea a avaliar, en calidade de asesores, con voz, pero sen voto.
5. É competencia do Tribunal informar ao estudantado da cualificación recibida polo/a titor/a e polo tribunal a través das canles habituais de información sobre avaliacións docentes.
Artigo 17. Nomeamento dos Tribunais
Os membros dos Tribunais encargados de avaliar os TFG –tres titulares e, polo menos, un/unha suplente– serán nomeados polo/a Decano/a, a proposta da CTFG e, a listaxe será publicada na web da Facultade e no Taboleiro da USC.
Capítulo 6. Defensa pública do TFG
Artigo 18. Convocatoria de exposición
1. Entre a solicitude de defensa e a exposición do TFG deben mediar, polo menos, 3 días hábiles.
2. En prol de garantir un mellor funcionamento do procedemento, os/as titores/as ou, no seu caso, os tribunais fixarán e anunciarán publicamente as datas, lugares e horario das defensas dos traballos, dentro do período fixado a tal efecto no calendario anual de TFG, e comunicaranllo ao estudantado. O/a estudante terá tamén acceso a estes datos a través da súa secretaría virtual.
3. No caso de traballos protexidos por cláusulas de confidencialidade aplicarase o disposto no artigo 11.2. do Regulamento da USC.
Artigo 19. Exposición oral
1. A defensa do TFG realizarase, previa convocatoria pública, de forma pública e presencial ante o/a Titor/a ou o Tribunal, e consistirá nunha exposición e unha quenda de preguntas e respostas. Na exposición, o(s)/a(s) estudante(s) deberá(n) presentar os obxectivos, a metodoloxía, o contido e as conclusións do seu TFG, para o cal pode(n) empregar os medios que considere(n) oportunos. Seguirá unha quenda de valoracións, comentarios ou preguntas por parte do/a Titor/a ou o Tribunal.
2. Orientadoramente, para os TFG individuais, recoméndase que o acto de presentación e a resposta ás preguntas estea entre 10 e 15 minutos en cada un dos dous casos e que a duración total do acto non exceda os 30 minutos. No caso de traballos en equipo, recoméndase ao tribunal considerar a oportunidade de aumentar cada un deses períodos temporais e que a duración total do acto non exceda os 60 minutos.
Capítulo 7. Sistema de avaliación do TFG
Artigo 20. Criterios de avaliación
1. A cualificación dos traballos realizarase conforme a criterios que permitan comprobar a consecución das competencias asociadas á titulación.
2. O/A Titor/a e o Tribunal de avaliación realizarán un informe, segundo o modelo aprobado na CTFG e publicados na Web.
a) O/a Titor/a avaliará o progreso académico do/a estudante, contidos, proceso de elaboración, consecución dos obxectivos, presentación escrita (e presentación oral se só se escolleu avaliación polo/a titor/a).
b) O Tribunal avaliará a presentación oral, capacidade argumental da exposición e da réplica, claridade e auto-análise dos obxectivos, concisión e a corrección no uso da lingua
Artigo 21. Procedemento de avaliación
1. Os/As Titores/as ou os Tribunais farán pública a cualificación dos traballos no prazo indicado na Normativa de avaliación do rendemento dos estudantes e revisión das cualificacións dende a súa defensa. Esa cualificación incluirá desagregadas, as cualificacións dos/das titores/as e do tribunal e, de acordo con aquelas/es, o lugar, as horas e días de eventual revisión da cualificación.
2. No caso dos traballos en equipo, a cualificación sempre será de carácter individual, avaliándose a participación de cada estudante no resultado global.
3. No caso de que se dea unha das seguintes circunstancias, o TFG será cualificado como suspenso (0):
a) Cando os seus contidos non se adecúen aos do Maior correspondente e/ou se afasten manifestamente dos recollidos no resumo aprobado no seu día pola CTFG.
b) Cando reproduza totalmente, ou nunha parte substancial, un traballo realizado polo/a alumno/a noutras materias ou actividades da titulación (autoplaxio).
c) Cando non sexa orixinal en todo ou nunha parte substancial (plaxio) ou non se citase debidamente as fontes que se tiveron en conta para a súa realización. Tal e como sinala o artigo 12.2 do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos TFG e TFM da USC, o/a Titor/a ou o Tribunal que detecte que un TFG está plaxiado, en todo ou en parte, ou non se citen as fontes debe polo en coñecemento da Reitoría co fin de que se inicien as accións disciplinarias que procedan, de conformidade coa normativa vixente nesta materia.
4. Segundo o indicado no 9 do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos TFG e TFM da USC, a mención de “Matrícula de Honra” poderá ser outorgada a estudantes que obteñan unha cualificación igual ou superior a 9,0. O seu número non poderá exceder do 5% do alumnado matriculado nesa materia no correspondente curso académico. Se o número de estudantes é inferior a 20, poderase outorgar unha matrícula de honra. Esta mención só poderá outorgarse unha vez rematadas as defensas de todos os traballos correspondentes ao curso académico. Naquelas titulacións nas que se constituíse un tribunal único para todas as convocatorias, será este o que outorgue as matrículas de honra que correspondan. Noutro caso, a atribución desta cualificación corresponderalle á comisión con competencias nos TFG, oídas as propostas dos diferentes tribunais.
Artigo 22. Revisión e reclamacións das cualificacións
1. O alumnado ten dereito á revisión do TFG nas datas e horarios que para tal efecto se fixen no momento de facer públicos os resultados provisorios. As datas de revisión deberán cumprir o indicado no artigo do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos TFG e TFM da USC. Para estes efectos o mes de agosto será inhábil e non computará neste prazo.
2. A revisión será persoal e poderá realizala un ou varios membros do Tribunal e/ou Titor/a segundo a quen corresponder. En todo caso, deberá quedar constancia da celebración da revisión e da data en que se realizou.
3. O procedemento de reclamación contra a cualificación seguirá o estipulado na normativa vixente relativa á avaliación do rendemento académico dos/as estudantes e de revisión de cualificacións.
Artigo 23. Difusión no repositorio institucional da USC
Consonte co artigo 11.4 do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos TFG e TFM da USC, a CTFG da Facultade de Filoloxía poderá propor a publicación dos TFG que destaquen pola súa calidade e, en especial, proporanse os dos/as alumnos/as que acaden a mención de Matrícula de Honra. Os/As autores/as dos traballos propostos que desexen ser incluídos no repositorio institucional da USC (Minerva), deberán seguir o trámite descrito no artigo 14 desta Normativa.
Disposición final
Esta normativa entrará en vigor coa publicación no taboleiro electrónico da USC, tras a súa aprobación polo Consello de Goberno. Complétase cos restantes procedementos e regulamentacións da USC que se atopen en vigor, entre outros, a normativa sobre permanencia nas titulacións de grao e mestrado, a normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións, o regulamento da USC dos intercambios interuniversitarios de estudantes e as normas de planificación académica anual.
Disposición derrogatoria
Queda derrogado o Regulamento do Traballo de Fin de Grao das titulacións de Grao en Filoloxía Clásica, Grao en Lingua e Literatura Españolas, Grao en Lingua e Literatura Galegas, Grao en Lingua e Literatura Inglesa e Grao en Linguas e Literaturas Modernas aprobado no Consello de Goberno do 25 de febreiro de 2021.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.