Regulamento do Traballo de Fin de Grao do Grao en Xestión Cultural

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1200
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

Aprobado pola Xunta de Facultade con data 12 de novembro de 2024

Aprobado polo Consello de Goberno con data 25 de novembro de 2024

O Real Decreto 822/2021, de 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de garantía da súa calidade, como xa o fixera o anterior Real Decreto 1393/2007, de 29 de outubro, ao que substitúe, ordena que os traballos fin de grao son un requisito para a obtención do correspondente título oficial. Concretamente, o artigo 14.6, para os traballos fin de grao, fixa a carga mínima e máxima que deben ter os traballos de fin de grao e dispón que deberán ser defendidos nun acto público, seguindo a normativa que a tal efecto estableza a Universidade.

O Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos Fin de Grao e Fin de Máster na Universidade de Santiago de Compostela, aprobada na sesión do Consello de Goberno do 10 de Marzo de 2016 (na súa versión consolidada), establece distintas pautas relacionadas co Traballo de Fin de Grao e dispón as liñas básicas para a uniformidade na regulación dos traballos de fin de grao das diferentes titulacións de grao da USC.

No plan de estudos do Grao en Xestión Cultural da USC establécese a realización dun Traballo Fin de Grao (TFG) para obtención do título de Grao en Xestión Cultural. O TFG ten asignados 6 créditos ECTS obrigatorios.

A Facultade de Humanidades desenvolverá a normativa que os regule e será aprobada pola Xunta de Facultade e polo Consello de Goberno, previo informe da Asesoría Xurídica.

Artigo 1. Presentación do TFG

1.1.- O TFG é unha materia obrigatoria recoñecida no Plan de Estudos do Grao en Xestión Cultural cunha asignación de 6 créditos ECTS. Supón a realización por parte de cada estudante dun traballo orixinal, no que se apliquen e desenvolvan os coñecementos e capacidades adquiridos, demostrando que se alcanzaron as competencias previstas na memoria verificada do título.

1.2.- Realizarase na fase final do plan de estudos. Poderán presentar e defender o TFG os/as estudantes que teñan superado o resto das materias do plan de estudos ou que teñan créditos pendentes de superación co límite máximo de 18 ECTS, a maiores dos correspondentes aos propios traballos de fin de grao. Tamén poderá presentarse e defenderse o TFG no suposto de que , ademais do límite máximo de créditos non superados, o/a estudante teña pendente a superación da materia obrigatoria de Prácticas externas.

Igualmente, tamén poderán defender o TFG estudantes nos programas de mobilidade que se encontren pendentes da recepción das cualificacións da universidade de destino. En todo caso, a cualificación obtida no TFG será a última en incorporarse ao expediente académico.

1.3.- A elaboración e defensa dos TFG, regulado no presente regulamento, dará acceso á obtención do título de Grao en Xestión Cultural, cumpridos tódolos requisitos e prazos establecidos pola lexislación vixente.

Artigo 2. Desenvolvemento do TFG

Os TFG poderán consistir en traballos de iniciación á investigación, proxectos de carácter profesional no ámbito da titulación, informes ou calquera outro tipo de traballo que responda aos formatos máis habituais na actividade profesional dun xestor/a cultural, e incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de resultados relevantes, redacción, presentación e defensa.

Artigo 3. Órgano do Centro encargado da xestión dos TFG

3.1.- A Comisión de Título de Grao en Xestión Cultural (en adiante, CTG) será a encargada de velar polo cumprimento estipulado neste Regulamento (e interpretalo se fose o caso).

3.2.- As súas funcións son as que se determinan na normativa vixente que regula a matrícula, elaboración e defensa dos Traballos Fin de Grao e de Máster da USC, entre as que se atopan:

• Establecer a convocatoria anual e o calendario de TFG.

• Actualizar a documentación relativa ao proceso de elaboración, defensa e avaliación do TFG.

• Solicitar anualmente aos departamentos con docencia no título as propostas de liñas temáticas e titores/as, garantindo que a oferta sexa suficiente para cubrir as necesidades lectivas.

• Aprobar as propostas de liñas temáticas e titores/as.

• Aprobar e asignar as solicitudes de liñas temáticas, titores/as, títulos e resumos presentadas polos/as estudantes.

• Aprobar as solicitudes de prórroga.

• Autorizar a modificación de tema e/ou titor/a.

• Aprobar os tribunais de avaliación.

• Autorizar a presentación e defensa pública dos TFG en casos excepcionais.

• Autorizar en casos excepcionais a defensa do TFG por medios telemáticos e establecer o procedemento para levala a cabo.

• Decidir e outorgar as cualificacións de Matrícula de Honra que correspondan e propoñer os TFG para seren publicados no repositorio da USC.

• Resolver as incidencias relacionadas co TFG.

• Calquera outra xestión relativa ao TFG ou que a Xunta de Facultade lle encomende.

3.3.- A Xunta de Facultade aprobará o programa/guía docente e os períodos de entrega e defensa dos TFG, que se publicarán xunto coa convocatoria oficial de exames de cada curso académico.

3.4.- A Xunta de Facultade designará un coordinador ou coordinadora para a materia Traballo Fin de Grao.

Artigo 4. Matrícula e convocatorias

4.1.- A matrícula realizarase nos prazos establecidos para a matrícula ordinaria, conxuntamente coas materias que se teña pendente de superar para completar os estudos de Grao.

4.2.- Poderán matricularse para a realización do TFG o alumnado do Grao en Xestión Cultural aos que lles restan como máximo 75 créditos para completar os estudos, excluídos os correspondentes ao TFG.

4.3.- A matrícula dará dereito á entrega e defensa do traballo en dúas oportunidades no curso no que estea matriculado e reportará os prezos públicos establecidos, sempre que cumpra os requisitos para a súa avaliación.

4.4.- Os TFG entregados poderán ser defendidos e avaliados unha vez que se teña constancia de que o/a estudante superou os créditos necesarios. Tal e como se establece no artigo 1.2 deste regulamento, autorizarase a presentación e defensa do TFG para a obtención do título de grao aos/ás estudantes que superasen o resto das materias do plan de estudos ou que teñan créditos pendentes de superación co límite máximo de 18 ECTS, a maiores dos correspondentes ao propio traballo de fin de grao. Tamén poderá presentarse e defenderse o TFG no suposto de que, ademais do límite máximo de créditos non superados, o/a estudante teña pendente a superación da materia obrigatoria de Prácticas externas.

O centro deberá verificar que se cumpren estes requisitos para autorizar a súa defensa. Para estes efectos, no caso de que na data de defensa aínda non se recibisen todas as actas de avaliación das materias, o secretario/a do centro responsable da titulación solicitará do profesorado encargado das materias que informe sobre as cualificacións do alumnado que vaia defender os traballos na mesma oportunidade.

4.5.- A CTG, atendendo a criterios organizativos e de programación docente, concretará as datas para a celebración das defensas dos traballos nos intervalos temporais que determine o calendario académico. Do mesmo xeito, a CTG deberá definir os instrumentos de seguimento e criterios xerais de avaliación.

4.6.- O número máximo de convocatorias que poderá consumir o alumnado será de catro e poderá contar con dúas oportunidades por curso académico. A obtención de “Non presentado” nalgunha das oportunidades ou en todas computarase para os efectos de consumir a convocatoria.

4.7.- Unha vez formalizada a matrícula, non procederá a devolución dos prezos aboados no caso de non presentarse. No suposto de que o alumno/a non reúna os requisitos para presentar o traballo por ter materias pendentes que excedan o límite de créditos pendentes contemplados para a súa autorización, considerarase unha renuncia automática polo que non se computará para os efectos de esgotar convocatoria.

Artigo 5. Do titor/a docente, da súa asignación e da elección do tema do TFG

5.1.- Os TFG deberán ter unha persoa titora que será un membro do Persoal Docente e Investigador (PDI) da USC das áreas que impartan docencia na propia titulación. Por razóns xustificadas, e se a Comisión o estima oportuno e o autoriza, poderá designarse unha persoa cotitora que non cumpra co requisito de pertencer a unha das áreas que impartan docencia no título ou que sexa persoal alleo á USC. Para todas as cotitorías a CTG deberá considerar, como un criterio clave para acordar a súa aprobación, as contribucións que a cotitoría aporte á execución do traballo. En calquera caso, a autorización de cotitoría deberá axustarse aos criterios e procedementos establecidos no Artigo 5.3. do “Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos fin de grao e fin de máster na Universidade de Santiago de Compostela” ou na normativa correspondente que estea en vigor.

Non poderá asignarse a función de titorización a persoal docente que teña un contrato que remate antes da finalización da última convocatoria do período de avaliación iniciado no ano académico en que o estudante se matriculou.

5.2.- Cada curso académico o Centro determinará o número mínimo de traballos que obrigatoriamente deberá ofertar cada Departamento, proporcionalmente á porcentaxe de docencia que cada área de coñecemento imparta no título, para garantir que a oferta dos TFG cubra a demanda do estudantado cunha diversidade temática acorde cos contidos do título.

5.3.- A asignación das persoas titoras aos estudantes farase en tempo e forma segundo determine a CTG, dependendo do período en que se matricule o estudante e a oportunidade a que se vai presentar.

5.4.- Son tarefas da persoa responsable da titorización do TFG:

- A programación de sesións de traballo co estudantado nas que se estableza a programación das tarefas a realizar.

- A orientación e temporalización do traballo a realizar polo estudantado.

- A emisión dun informe confidencial preceptivo e previo á defensa do TFG no que se incluirá unha proposta de cualificación numérica do documento escrito do TFG

5.5.- O recoñecemento da carga docente da titorización do TFG quedará recollido no plan de organización docente (POD) do profesorado.

5.6.- A petición da Facultade, os Departamentos con docencia na titulación, elaborarán unha oferta de liñas temáticas de TFG, onde constará:

- Temática do traballo

- Profesorado responsable, con indicación da área de coñecemento á que pertencen.

5.7.-O estudantado matriculado no TFG concorrerá á convocatoria de asignación de titor/a que a Comisión de Título aprobe para cada curso académico onde se establecerá a relación de titores/as, liñas de traballo, prazos, formulario de solicitude e lugar de presentación. A asignación de propostas realizarase tendo en conta como criterio as preferencias expresadas na solicitude e tomando como criterio selectivo a media do expediente académico do estudante ao remate do curso académico inmediatamente anterior no que estivese matriculado.

5.8.- Unha vez asignadas as propostas, a Facultade elaborará e publicará unha listaxe provisional. Cada estudante poderá formular reclamación motivada. Unha vez resoltas as reclamacións, o Centro aprobará e publicará a listaxe definitiva de asignacións. Cada estudante deberá contactar co seu titor/a a fin de delimitar o título do TFG, remitindo posteriormente á CTG, a través da Secretaría da Facultade, un formulario no prazo que se estabeleza no calendario de TFG.

5.9.- A Comisión de Título de Grao establecerá os mecanismos necesarios para asegurar que cada estudante teña a súa asignación correspondente. Cando, por circunstancias sobrevidas, o profesorado responsable da titorización do traballo cause baixa, arbitraranse as medidas oportunas para a súa substitución.

5.10.- A asignación do TFG a cada estudante terá validez máxima de dous cursos académicos consecutivos, pasados estes, deberá procederse a unha nova asignación.

Artigo 6. Título e contido do proxecto de TFG

6.1.- O estudantado deberá fixar, xunto coa persoa titora correspondente, e coa persoa cotitora no caso de existir, o título do proxecto do traballo e delimitar o seu contido.

6.2.- O estudantado deberá, no prazo establecido no calendario, presentar á CTG un formulario coa seguinte información:

- Nome do alumno/a

- Nome do titor/a, e cotitor/a no caso de existir, e contidos do proxecto de TFG

- Título do proxecto de TFG

- Breve descrición dos obxectivos e contidos do proxecto de TFG

- Data e firma do titor/a e do alumno/a

6.3.- A CTG aprobará a lista definitiva de títulos dos proxectos de TFG que se publicarán nas datas establecidas no calendario.

Artigo 7. Modificación ou anulación

7.1.- O estudantado poderá solicitar modificacións menores (axustes no resumo do traballo e matizacións no título) mediante escrito razoado dirixido á CTG ata 30 días naturais antes do comezo do período de solicitude de defensa marcado no calendario anual de TFG do Centro. A CTG será a encargada de aprobar, de ser o caso, as modificacións solicitadas.

7.2. De modo excepcional, o alumno/a ou o titor/a poderán solicitar a modificación ou anulación da asignación do TFG mediante escrito razoado remitido á CTG e presentado na secretaría do decanato da Facultade. A Comisión analizará o caso e, se procede, realizará unha nova asignación.

Artigo 8. Características do TFG

8.1. Autoría

Cada TFG realizarase de forma individual. A propiedade intelectual do TFG correspóndelle ao alumno/a que o realizou.

8.2. Características formais

O TFG deberá adoptar, de forma aproximada, a seguinte estrutura e deberá incluír os seguintes elementos:

a) Portada, na que deberán aparecer todos os datos identificadores do traballo:o logo da USC coa indicación da Facultade; a denominación do Grao; o título do traballo; o nome completo do autor/a e do titor/a e o curso académico correspondente.

b) Primeira páxina, que reproduce a portada.

c) Título en galego, español e inglés, e o correspondente resumo e palabras chave nas tres linguas

d) Índice paxinado.

e) Introdución

f) Obxectivos e metodoloxía.

g) Contidos

h) Conclusións.

i) Bibliografía consultada.

l) Apéndices (se os hai).

Artigo 9. Presentación da memoria do TFG

O estudantado solicitará a defensa do TFG seguindo o procedemento establecido e o achegará no prazo fixado a tal fin en cada convocatoria no calendario de TFG para cada unha das oportunidades. O Centro comprobará que se cumpren os requisitos e que a documentación presentada é correcta.

Artigo 10. Acto de defensa do TFG

10.1.- Segundo o Real Decreto 822/2021, de 28 de setembro, o TFG concluirá coa defensa pública do mesmo.

10.2.- A defensa do TFG realizarase de forma pública e presencial ante o Tribunal e consistirá nunha exposición e unha quenda de preguntas e respostas. Na exposición, o estudante deberá presentar, nun tempo aproximado de 15 minutos, os obxectivos, a metodoloxía, os contidos principais e as conclusións do seu TFG, para o cal pode empregar os medios que considere oportunos. Seguirá unha breve quenda de valoracións, comentarios ou preguntas por parte do Tribunal, que no seu conxunto non deberá estenderse máis alá dos 20 minutos, ás que o/a estudante deberá contestar nun tempo aproximado de 10 minutos.

10.3.- A CTG poderá determinar outro tipo de defensa pública se o considera procedente. Tamén poderá determinar que a exposición oral e as preguntas do tribunal se realicen por medios telemáticos, coas garantías que se determinen na autorización.

10.4.- A redacción, así como a presentación e defensa, poderá efectuarse en calquera dos idiomas utilizados na impartición de docencia nas materias do Grao.

Artigo 11. Prazos de autorización de exposición e defensa do TFG

Os traballos deberán presentarse nos períodos fixados polo calendario académico anual.

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos para a defensa dos TFG farase pública a relación dos traballos que serán obxecto de defensa pública, indicando a data e horario de convocatoria, así como o tribunal que avaliará cada TFG.

Artigo 12. Tribunais de avaliación

12.1.- Os membros dos tribunais serán PDI da titulación.

12.2.- O Tribunal estará composto por un presidente/a, un/unha vogal e un secretario/a. A función de presidencia do tribunal corresponderá ao membro do tribunal de maior grao e antigüidade, e asumirá as función de secretario/a o membro do tribunal de menor grao e menor antigüidade. O membro do tribunal que desempeñe as funcións de secretario/a será quen se encargue de encher correctamente e entregarlles aos servizos administrativos da Facultade a documentación derivada do acto de defensa dos TFG.

12.3.- Deberá nomearse un suplente para cada Tribunal.

12.4.- A participación nos tribunais é obrigatoria para as persoas nomeadas, agás causa de forza maior debidamente acreditada.

12.5.- O Tribunal poderá invitar ás deliberacións á persoa que exerceu o labor de titorización do traballo, así como a profesores especializados na materia que se estea a avaliar, en calidade de asesores, con voz, pero sen voto.

12.6.- É competencia do Tribunal informar ao estudantado da cualificación recibida polo traballo a través das canles habituais de información sobre avaliación docente.

12.7.- Os membros dos tribunais dos TFG e os suplentes serán nomeados para cada curso académico pola CTG.

Artigo 13. Criterios de avaliación

A cualificación dos traballos realizarase conforme a criterios que permitan comprobar a consecución das competencias asociadas ao título. Os membros do Tribunal de avaliación realizarán un informe, segundo o modelo que se elaborará para estes efectos, no que avaliarán os seguintes aspectos:

a) Calidade do TFG: cumprimento dos obxectivos propostos, adecuación e desenvolvemento das tarefas formuladas, metodoloxía, dificultade e conclusións.

b) Presentación escrita do TFG: presentación xeral, claridade expositiva, estruturación e corrección gramatical e ortográfica.

c) Presentación oral e defensa: concisión, claridade expositiva, capacidade de debate, defensa argumental, propiedade e corrección no uso da lingua.

O Informe do titor tomarase en consideración no momento de cualificar a versión escrita do traballo. No seu preceptivo informe, ademais das súas observacións sobre o desenvolvemento do traballo, o titor/a incluirá a súa proposta de cualificación numérica (entre 0 e 10) do documento escrito do TFG. Esta cualificación numérica fará media coas dos membros do tribunal de modo que suporá o 25% da avaliación da versión escrita do traballo.

A cualificación final outorgada ao TFG por cada membro do Tribunal obterase de acordo coa seguinte ponderación:

a) Traballo escrito: 75%

Desenvolvemento do tema e estrutura, aportacións orixinais, método, manexo das fontes e bibliografía: 60%

Presentación formal e corrección lingüística: 15%

b) Presentación oral: 25%

Exposición: 15%

Defensa: 10%

A cualificación final resultará da suma da cualificación do traballo escrito e a cualificación da presentación oral. A cualificación do traballo escrito (75% da nota final) obterase de aplicar a media aritmética entre as notas atribuídas á versión escrita do TFG por cada un dos membros do Tribunal e a nota proposta polo titor/a no seu preceptivo informe. A cualificación da presentación oral (25% da nota final) resultará de aplicar a media aritmética entre as notas atribuídas a este aspecto do TFG por cada un dos membros do Tribunal.

Artigo 14. Cualificación, revisión e reclamación

14.1.- A cualificación dos traballos realizarase conforme os criterios establecidos no programa da materia, que estarán vinculados á consecución das competencias da titulación.

14.2.- O tribunal deliberará sobre a cualificación en correspondencia cos criterios de avaliación publicados na guía docente e axustado ao disposto na memoria de verificación do título, outorgando a cualificación conforme á seguinte escala numérica, de 0 a 10, con expresión dun decimal, á que se engadirá a súa correspondente cualificación cualitativa:

• Non Presentado (NP)

• 0 - 4,9: Suspenso (SS).

• 5,0 - 6,9: Aprobado (AP).

• 7,0 - 8,9: Notable (NT).

• 9,0 - 10: Sobresaliente (SB)

14.3.- No caso de obter a cualificación de suspenso, o tribunal emitirá un informe ó estudante coas recomendacións oportunas para a mellora do traballo e a súa posterior avaliación. Enviarase tamén unha copia do informe ao titor ou titora.

14.4. No caso de que se dea unha das seguintes circunstancias, o TFG será cualificado como suspenso:

a) Cando coincida en grao significativo cun traballo realizado polo estudante noutras materias ou actividades da titulación (autoplaxio).

b) Cando non sexa orixinal en todo ou en parte (plaxio).

Tal e como sinala o artigo 12.2 do Regulamento da USC, o tribunal que detecte que un TFG está plaxiado, en todo ou en parte, debe poñelo en coñecemento da Reitoría co fin de que se inicien as accións disciplinarias que procedan, de conformidade coa normativa vixente nesta materia.

14.5.- A mención de “Matrícula de Honra” poderá ser outorgada a estudantes que obteñan unha cualificación igual ou superior a 9,0. O seu número non poderá exceder do 5% do alumnado matriculado nesa materia no correspondente curso académico. Se o número de alumnos é inferior a 20, poderase outorgar unha matrícula de honra. Esta mención só poderá outorgarse unha vez rematadas as defensas de todos os traballos correspondentes ao curso académico. No caso de constituírse un tribunal único para todas as convocatorias, será este o que outorgue as Matrículas de Honra que correspondan. Noutro caso, a atribución desta cualificación corresponderalle á comisión de TFG, oídas as propostas dos diferentes tribunais.

14.6.- O alumnado ten dereito á revisión do TFG nas datas e horarios que para tal efecto se fixen no momento de facer públicos os resultados provisorios. As datas de revisión estarán comprendidas dentro dos 10 días seguintes á publicación dos resultados. Contemplaranse como mínimo dúas datas opcionais. Para estes efectos o mes de agosto será inhábil e non computará neste prazo.

14.7.- A revisión será persoal e poderá realizala un ou varios membros do Tribunal. En todo caso, deberá quedar constancia da celebración da revisión e da data en que se realizou.

14.8.- O procedemento de reclamación contra a cualificación seguirá o estipulado na normativa vixente relativa á avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.

Artigo 15. Xestión das actas

15.1.- Elaborarase unha acta individual por cada estudante e traballo e para cada oportunidade. As actas serán asinadas por cada membro do tribunal. En caso de que algún dos membros non poida asinar a acta, esta circunstancia porase en coñecemento da Secretaría Xeral, que procederá a autorizar a sinatura da acta polo coordinador/a de TFG. No caso de imposibilidade deste, substituirase polo profesor/a que designe a Secretaría Xeral. En todos os casos farase constar dita incidencia.

15.2.- O período de cobertura da acta será o que fixe o calendario académico oficial.

15.3.- Finalizado o período de defensa dos TFG en cada curso académico xerarase de xeito automático unha acta consolidada (acta final) para as materias de Traballo Fin de Grao, que conterá a todo o alumnado matriculado nas materias de TFG coas cualificacións que en cada caso lles correspondan polas actas individuais.

15.4.- O alumnado matriculado que non se presentase en ningunha das oportunidades, figurará na acta consolidada coa mención “non presentado”. Nesta edición da acta tamén se incorporarán as mencións de “matrícula de honra” conforme o establecido no artigo 14 desta Normativa.

Artigo 16. Custodia

Unha copia electrónica dos traballos superados quedará no Centro para o seu arquivo e consulta, e poderán ser utilizados pola Universidade de Santiago de Compostela para usos académicos e de investigación, sempre coa mención específica dos seus autores. Para estes efectos o estudantado asinará a correspondente autorización de difusión e a declaración de que se trata dun traballo orixinal.

Artigo 17. Difusión no repositorio institucional da USC

A CTG poderá propoñer a publicación dos TFG que destaquen pola súa calidade, e en especial propoñeranse os dos estudantes que acaden a mención de MH nesta materia. Os autores ou autoras dos traballos propostos deberán dar a autorización para a súa difusión no repositorio institucional da USC (MINERVA), declarando que se trata dun traballo orixinal e que non está, en todo ou en parte, suxeito a restricións, tales como co-titularidade, dereitos de propiedade industrial ou cláusulas de confidencialidade con empresas.

Artigo 18. Propiedade Intelectual e industrial dos TFG

A propiedade intelectual do TFG correspóndelle ao estudante que o realizou. No caso de realizarse o TFG no marco dun contrato ou convenio con algunha entidade, ou de ser o caso, dun proxecto ou liña de investigación, os dereitos do TFG serán os recollidos en dito contrato ou convenio ou os que se pacten previamente, respectando en todo caso a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual ou industrial.

Disposición derradeira primeira

Habilítase á CTG para o desenvolvemento desta normativa, así como para a interpretación e resolución de cantas cuestións xurdan na súa aplicación

Disposición derradeira segunda

Esta normativa entrará en vigor tras a súa aprobación polo Consello de Goberno da USC e a súa publicación no taboleiro electrónico da USC. Complétase cos restantes procedementos e regulamentacións da USC que se atopen en vigor, entre outros, a normativa sobre permanencia nas titulacións de grao e máster, a normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións, o regulamento da USC dos intercambios interuniversitarios de estudantes e as normas de planificación académica anual.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver