Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos de fin de grao e fin de máster na USC
NORMA CONSOLIDADA
Aprobado polo Consello de Goberno do 10 de marzo de 2016
O Real Decreto 1393/2007, do 29 de outubro e posteriores modificacións, establece a regulación dos traballos de fin de grao e fin de máster.
Respecto do Traballo de Fin de Grao (en diante TFG), establece no art. 12 que:
"3. Estas ensinanzas concluirán coa elaboración e defensa dun traballo de fin de Grao.
(...)
7. O traballo de fin de Grao terá un mínimo de 6 créditos e un máximo do 12,5 % do total dos créditos do título. Deberá realizarse na fase final do plan de estudos e estar orientado á avaliación de competencias asociadas ao título.”
O citado Real Decreto non recolle disposición ningunha sobre o proceso de elaboración e avaliación que, en consecuencia e no exercicio da súa autonomía universitaria, deberá ser regulado por cada universidade.
En relación ao Traballo de Fin de Máster (en diante TFM), sinala no art. 15 que:
“2. Os plans de estudos conducentes á obtención dos títulos de Máster Universitario terán entre 60 e 120 créditos, que conterán toda a formación teórica e práctica que o estudante deba adquirir:materias obrigatorias, materias optativas, seminarios, prácticas externas, traballos dirixidos, traballo de fin de Máster, actividades de avaliación, e outras que resulten necesarias segundo as características propias de cada título.
(...)
3. Estas ensinanzas concluirán coa elaboración e defensa pública dun traballo de fin de Máster, que terá entre 6 e 30 créditos.”
Os estatutos da USC, aprobados mediante Decreto 14/2014 do 30 de xaneiro, residencia nas facultades e escolas o deseño, planificación da docencia, organización, xestión, etc. dos estudos de grao e de máster. Sen embargo o Acordo do Consello de Goberno do 2 de maio de 2013 que aprobou a Normativa de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Máster foi aprobado cando o título de máster non dependía unicamente das facultades e escolas. A disposición transitoria 7.2 dos Estatutos establece o prazo de dous anos dende a súa entrada en vigor, para que o Claustro e o Consello de Goberno, no ámbito das súas respectivas competencias, procedan a adaptar as diferentes normas aos novos Estatutos. En consecuencia, e co obxecto de adecuar a Normativa citada sobre Traballos fin de Grao e Fin de Máster ao novo marco normativo, é necesaria a súa revisión e modificación para incorporar todas as melloras recomendadas nos informes de seguimento e renovación da acreditación dos títulos e aquilo ao que obrigan os Estatutos.
Por todo o anterior, o Consello de Goberno aproba este Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos fin de grao e fin de máster na USC.
Artigo 1.- Obxecto e ámbito de aplicación.
1.1. Este acordo ten por obxecto a regulación dos TFG e TFM en titulacións adaptadas ao EEES e que outorguen títulos ao abeiro do Real Decreto 1393/2007 no que respecta ás directrices relativas á definición, realización, defensa, cualificación e tramitación administrativa dos TFG e TFM que se establezan nos diferentes plans de estudo de grao e máster impartidos pola USC.
Nos títulos que habiliten para o exercicio de actividades profesionais reguladas, rexerase tamén polo disposto na Orde que estableza os requisitos para a verificación do correspondente título.
En todo caso, todas as titulacións deberán adaptarse ao presente regulamento e de ser o caso adaptar a memoria do título verificado a esta normativa.
1.2. Os centros, a través dos órganos correspondentes (en xeral, as comisións que teñan delegados os aspectos da titulación referidos a TFG ou TFM: comisión de docencia, comisións de titulación, comisións académicas, comisión de calidade, etc.), elaborarán as normativas propias de TFG e TFM das titulacións das que son responsables, axustándoos ás características propias de cada un dos títulos. Estas normativas deberán ser aprobadas pola Xunta de Centro e polo Consello de Goberno da Universidade, previo informe da Asesoría Xurídica. No caso de titulacións interuniversitarias, esta normativa axustarase aos acordos que estableza o convenio ou a normativa do título para os ditos traballos, debendo ser ratificado pola Xunta de Centro.
Artigo 2.- Natureza do traballo fin de grao e fin de máster.
2.1. Os TFG e TFM consistirán na elaboración por parte do estudante, de forma individual ou en grupo, dun proxecto, traballo, memoria ou estudo orixinal no que se integren e desenvolvan os coñecementos, capacidades, competencias e habilidades adquiridos durante os estudos realizados nas titulacións de grao ou máster. Incluirán, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de resultados relevantes, redacción, e presentación e defensa do traballo. Estarán orientados á avaliación das competencias asociadas á titulación como:capacitar para a procura, xestión, organización e interpretación de datos relevantes, normalmente da súa área de estudo; emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas destacados de índole social, científica, tecnolóxica ou ética, e que facilite o desenvolvemento dun pensamento e xuízo crítico, lóxico e creativo.
2.2. Para o desenvolvemento en grupo do TFG ou TFM será preciso que o centro teña prevista esta modalidade na súa normativa propia, fundamentalmente como proxecto coordinado, e que exista unha clara delimitación de tarefas entre os membros do grupo, de xeito que sexa perfectamente avaliable a participación de cada estudante no resultado global. A cualificación e o título do traballo serán sempre individuais.
2.3. Os TFG e TFM desenvolveranse baixo a supervisión dun ou máis titores académicos. O persoal docente da Universidade de Santiago de Compostela que sexa nomeado titor de TFG ou TFM ten a obriga de asumir esta actividade de titoría conforme ao que se estableza na normativa propia dos centros ao respecto, e na xeral da USC.
2.4. Na elaboración da normativa propia, teranse en conta as peculiaridades que correspondan ás titulacións de grao con nivel 3 (máster) do MECES.
Artigo 3.- Órganos dos centros encargados da xestión dos traballos.
3.1. Cada centro deberá designar un/ha coordinador/a de TFG e TFM único ou por titulación, e unha comisión encargada de atender ás cuestións propias do desenvolvemento das materias “Traballo de Fin de Grao” e "Traballo de Fin de Máster" única ou por titulación, segundo determine o centro.
3.2. A Comisión poderá ser nomeada de xeito específico (Comisión de TFG ou Comisión de TFM do centro ou por titulación) ou ben poderase asignar este cometido a algunha das xa existentes no centro, debendo en todo caso formar parte da mesma o/a coordinador/a de TFG ou TFM. No caso dos TFG, se as funcións non están delegadas na comisión de titulación, recoméndase unha por centro, agás que as titulacións do centro teñan características moi diferentes no que se refire ao TFG. No caso dos TFM, recoméndase que a comisión de TFM sexa a propia comisión académica do máster.
3.3. As competencias da dita comisión serán, entre outras que lle asigne o centro na normativa propia, as seguintes:
- Propoñer anualmente a guía docente na que se determinen as diferentes formas de desenvolvemento, exposición e criterios de avaliación establecendo, se non está recollido na normativa propia, a porcentaxe da cualificación asignada ao desenvolvemento da memoria, exposición do traballo, resposta a preguntas e outras características de avaliación fundamentais da titulación.
- Establecer o sistema de avaliación das actividades formativas dos TFG ou TFM, no caso de que estas figuren na memoria verificada do título.
- En función da modalidade de presentación, establecer o tempo máximo do que o estudante disporá para a súa defensa, se non está fixado na normativa propia.
- Establecer a convocatoria anual de traballos nas 3 oportunidades.
- Determinar os sistemas de titoría.
- Aprobar a proposta das liñas temáticas e temas, previa consulta aos departamentos con docencia no título.
- Establecer e publicar un procedemento para a asignación dos titores/as e os temas que poderán desenvolverse na elaboración dos traballos.
- Decidir sobre a modificación de temas e/ou titor/a asignado derivada de situacións excepcionais, previa consulta ao/s departamento/s afectado/s.
- Fixar as características dos traballos (extensión, formato, contido mínimo,…) sempre que non estean fixadas polas normativas de TFG e TFM de cada centro para a dita titulación.
- Aprobar os tribunais de avaliación e fixar o sistema de rotación, de ser o caso, de acordo coa normativa propia de TFG ou TFM desa titulación.
- Autorizar a presentación dos traballos en casos excepcionais.
- Propor os prazos de entrega dos traballos e informes de seguimento e as datas de defensa dos traballos de acordo co calendario académico.
- Solucionar as incidencias graves relativas a esta materia.
- Calquera outra que a Xunta de Centro lle encomende.
3.4. A Xunta de Centro aprobará a guía docente e os períodos de entrega e defensa dos TFG e TFM, que se publicarán xunto coa convocatoria oficial de exames de cada curso académico.
3.5. No caso de títulos interuniversitarios, a guía docente e os períodos de entrega e defensa dos TFG e TFM axustaranse aos acordos e normativas que estableza o convenio ou a normativa do título para os ditos traballos, que deberán ser ratificados pola Xunta de Centro.
Artigo 4.- Matrícula e convocatorias.
4.1. A matrícula dos traballos realizarase dentro do prazo xeral de matrícula ordinaria que estableza a Universidade, mediante o aboamento dos prezos públicos que correspondan conforme aos créditos que teña asignados e conxuntamente coas materias que o alumnado teña pendente de superar para completar os estudos de grao ou máster, se é o caso.
Para poder formalizar a matrícula do TFG o alumnado poderá ter pendentes como máximo 75 créditos para completar os estudos, excluídos os correspondentes ao TFG.
4.2. Os/as alumnos/as de intercambio poderán matricularse desta materia. O seu réxime será o establecido no Regulamento de Intercambios da USC.
4.3. A matrícula dará dereito á entrega e defensa do traballo en dúas oportunidades no curso no que estea matriculado e reportará os prezos públicos establecidos, sempre que cumpra os requisitos para a súa avaliación.
4.4. Os TFG e TFM poderán ser defendidos e avaliados unha vez que se teña constancia de que o/a estudante superara todos os créditos necesarios para a obtención do título de grao ou máster, salvo os correspondentes aos propios traballos.
Igualmente, os centros responsables das titulacións de grao e máster poderán autorizar a presentación e defensa do TFG e TFM aos estudantes que teñan créditos pendentes de superación co límite máximo de 18 ECTS no caso dos graos e de 9 ECTS no caso dos mestrados, salvo os correspondentes aos propios traballos. Ademais, os centros poderán excepcionar o límite máximo de créditos pendentes no suposto de que o estudante teña pendente a superación de materias prácticas obrigatorias.
O centro deberá verificar que cumpren estes requisitos para autorizar a súa defensa. Para estes efectos, no caso de que na data de defensa aínda non se recepcionaran as actas de avaliación das materias, o/a secretario/a do centro responsable da titulación solicitará do profesorado encargado das materias que informe sobre as cualificacións do estudantado que vaia defender os traballos na mesma convocatoria.
4.5. Os centros, a través dos órganos que correspondan, atendendo a criterios organizativos e de programación docente, concretarán as datas para a celebración das defensas dos traballos nos intervalos temporais que determine o calendario académico. Tamén deberán definir as modalidades de defensa admitidas en cada caso, os instrumentos de seguimento e criterios xerais de avaliación.
Os traballos deberán entregarse nos períodos fixados polo calendario académico anual. No caso de graos ou másteres interuniversitarios, a Secretaría Xeral poderá autorizar outros períodos de entrega e defensa.
4.6. O número máximo de convocatorias que poderá consumir o alumnado será de catro para os TFG e dúas para o TFM (agás no caso de títulos de máster conducentes ao exercicio de profesións reguladas, no que o número de convocatorias será de catro), e poderá contar con dúas oportunidades por curso académico. A obtención de non presentado nalgunha das oportunidades ou en todas computarase para os efectos de consumir a convocatoria.
Para poder presentarse a unha nova convocatoria será necesaria a formalización de nova matrícula.
4.7. Unha vez formalizada a matrícula, non procederá a devolución dos prezos aboados no caso de non presentarse. No suposto de que o/a estudante/a non reúna os requisitos previstos no apartado 4, por ter materias pendentes ou un número de créditos pendentes que excedan o disposto pola normativa do centro responsable da titulación, considerarase unha renuncia automática, polo que non computará para os efectos de consumir convocatoria.
Artigo 5.- Do/a titor/a docente, da súa asignación e da elección do tema do traballo.
5.1. Os TFG e TFM deberán ter un/ha titor/a que asista aos estudantes na realización do traballo.
Por razóns xustificadas e se o órgano competente o estima oportuno, poderá designarse outro/a titor/a, un/ha cotitor/a, ou excepcionalmente dous cotitores.
5.2. Os departamentos con docencia na titulación comunicarán cada curso académico ao centro o listado de titores e temas dos traballos. No caso de títulos interuniversitarios, a súa normativa propia establecerá o sistema de comunicación de titores e temas ao órgano competente en xestión de TFG ou TFM.
5.3. O/a titor/a será ordinariamente Persoal Docente e Investigador (PDI) das áreas que impartan docencia na propia titulación. Non obstante, a normativa propia do centro poderá establecer outros requisitos para ser titor, ampliando a outro PDI da USC ou esixindo requisitos académicos adicionais ao sinalado anteriormente. No caso dos títulos interuniversitarios, poderá ser titor/a calquera profesor/a do título, cos criterios que estableza o convenio ou normativa propia.
Excepcionalmente tamén poderán ser cotitores profesores da USC que se atopen na situación de servizos especiais, comisión de servizos, eméritos ou ad honorem e profesores doutras universidades ou persoal con vinculación permanente a Organismos Públicos de Investigación (OPI) e profesionais especializados. Non poderán ser cotitores persoal de administración e servizos, agás nos supostos de consideración como profesionais, nin o persoal contratado con cargo ao capítulo VI, agás os que posúan titulación de máster ou teñan unha titulación que se corresponda co nivel 3 (máster) do MECES. No caso de cotitorías de persoal alleo á USC (área externa), con carácter previo a realizar a cotitoría, deberá comunicarse a dita circunstancia á vicerreitoría con competencias na materia a través do servizo correspondente indicando a súa dedicación.
5.4. Os traballos poderán desenvolverse no marco de convenios con empresas ou institucións.
Nestes casos a matrícula realizarase na USC pero poderá designarse un cotitor que poderá ser persoal do centro ou institución no que se desenvolva o traballo. En todo caso, a defensa e avaliación dos traballos deberá realizarse na USC. No caso de títulos interuniversitarios a defensa pode realizarse nas sedes que se faciliten por parte do responsable do título.
5.5. A asignación dos titores aos estudantes farase en tempo e forma segundo determine a comisión con competencias en TFG ou TFM da dita titulación, dependendo do período en que se matricule o estudante e a convocatoria á que se vaia presentar.
5.6. O/a titor/a programará sesións de traballo cos estudantes, nas que establecerá a programación das tarefas a realizar e orientará o traballo. Será responsable de expor a cada estudante as características do traballo, de orientalo no seu desenvolvemento e de velar polo cumprimento dos obxectivos fixados, así como de realizar o seguimento e emitir informe preceptivo e confidencial sobre este seguimento no prazo que estableza o centro antes da defensa do traballo e para os efectos de que se teña en conta para a avaliación establecida na normativa propia.
5.7. O recoñecemento dos labores de titoría e avaliación de TFG e TFM farase nos termos previstos anualmente na Normativa de Programación Académica Anual.
Artigo 6.- Avaliación.
6.1. A avaliación dos traballos farase no centro responsable da titulación, a través da súa exposición e defensa pública diante dun tribunal.
6.2. A normativa propia do centro deberá determinar a composición do tribunal tendo en conta o establecido nos seguintes apartados deste artigo.
6.3. Os membros dos tribunais serán PDI da titulación. Os tribunais de avaliación configuraranse da forma que estableza o órgano competente na xestión dos TFG ou TFM, atendendo ao número de alumnos/as matriculados, á temática e ás modalidades dos diferentes traballos.
6.4. Os tribunais estarán formados por tres membros e, polo menos, un suplente que substituirá, de ser o caso, ao membro ausente. A normativa propia do centro para a dita titulación establecerá se un dos titores do traballo forma ou non parte do tribunal avaliador. En todo caso, polo menos un dos membros do tribunal pertencerá a unha área de coñecemento afín ás liñas temáticas xerais dos traballos. A participación nos tribunais é obrigatoria para as persoas nomeadas, agás causa de forza maior debidamente acreditada. Poderá constituírse un tribunal único para a avaliación dos traballos da mesma convocatoria.
6.5. O tribunal estará formado por un/ha presidente/a, un/ha secretario/a e un/ha vogal.
Utilizarase o criterio de categoría docente e antigüidade para nomear o/a presidente/a, que será o de maior categoría e o máis antigo, e o/a secretario/a, que será o de menor categoría e máis novo, de non existir outra previsión na normativa propia do centro. O/a presidente/a e o/a secretario/a exercerán como tales en todas as actuacións. Procurarase que a participación do PDI nos tribunais sexa rotatoria, establecendo a comisión encargada da xestión dos TFG e TFM o sistema de rotación.
6.6. No caso de que un dos titores do traballo forme parte do tribunal, a normativa propia establecerá cómo se terá en conta o informe de seguimento establecido no apartado 5.6.
No caso de que ningún do/s titor/es do traballo formen parte do tribunal, este poderá invitalo/s ás deliberacións. Neste caso, ademais, a normativa propia establecerá o modo no que o tribunal terá en conta o informe de seguimento do/a titor/a establecido no apartado 5.6.
O tribunal tamén poderá invitar a profesores/as especializados/as na temática do traballo que se estea a avaliar, en calidade de asesores, con voz pero sen voto.
6.7. Na normativa de TFG e TFM dos centros poderá recollerse outro tipo de avaliación alternativa ou complementaria á do tribunal, entre as que se atope a defensa en acto público ante o propio titor ou titores do traballo. En todo caso, o sistema de avaliación debe ser recollido na programación docente da materia vixente para o curso académico.
6.8. A cualificación farase pública nos taboleiros de cualificacións do centro, nun prazo non superior a sete días dende a súa defensa.
6.9. No caso de títulos interuniversitarios, a composición do tribunal axustarase aos acordos e normativas que estableza o convenio ou á normativa das universidades participantes para os ditos traballos. Ademais, a defensa poderá realizarse nas sedes que se faciliten por parte do responsable do título.
Artigo 7.- Modalidades de defensa do Traballo de Fin de Grao e Fin de Máster.
7.1. Nas normativas propias que desenvolverán os centros estableceranse as modalidades de defensa pública dos traballos, entre as que poden figurar a de exposición individual, formato congreso, exposición de pósteres, comunicacións, formato grupo, etc. Tamén deberá establecer a modalidade de defensa para os traballos protexidos por cláusulas de confidencialidade segundo se indica no artigo 11.
Artigo 8.- Entrega e defensa dos Traballos Fin de Grao e Fin de Máster.
8.1. O alumnado deberá entregar o TFG ou TFM seguindo o procedemento establecido na normativa propia do centro no que se atope matriculado. Os requisitos formais determinaranse na normativa propia que ao respecto desenvolvan os centros e na guía docente da materia.
8.2. A defensa do traballo requirirá o informe previo e preceptivo do/a titor/a ao que se fai referencia no apartado 5.6.
8.3. A defensa do traballo será realizada polo/a estudante de xeito presencial. Non obstante o anterior, para casos excepcionais debidamente autorizados polas respectivas comisións con competencias na xestión dos TFG e TFM, poderá realizarse a defensa por medios telemáticos, coas garantías que se determinen na autorización.
8.4. O alumnado que, unha vez feita a entrega do traballo e verificadas as condicións para a súa defensa, non se presente á defensa do TFG ou TFM na data asignada, terá a cualificación de suspenso nesa oportunidade.
8.5. A elaboración e defensa do traballo poderanse efectuar en calquera das linguas que se utilizaron na impartición do grao ou máster conforme ao disposto na memoria de verificación do título, sempre que se poidan establecer tribunais competentes nas devanditas linguas. En todo caso, garantirase o dereito a elaborar e defender os traballos en calquera das dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma, salvo que a natureza da titulación esixa a súa defensa noutra lingua.
Artigo 9.- Avaliación, cualificación e revisión.
9.1. A cualificación dos traballos realizarase conforme ós criterios establecidos na guía docente da materia, que estarán vinculados á consecución das competencias da titulación e das competencias transversais.
9.2. Os tribunais deliberarán sobre a cualificación que lle corresponde conforme aos criterios de avaliación publicados na guía docente e ao disposto na memoria de verificación do título, outorgando a cualificación de acordo coa seguinte escala numérica, de 0 a 10, con expresión dun decimal, á que se engadirá a súa correspondente cualificación cualitativa:
• Non Presentado (NP)
• 0 - 4,9: Suspenso (SS)
• 5,0 - 6,9: Aprobado (AP)
• 7,0 - 8,9: Notable (NT)
• 9,0 - 10: Sobresaliente (SB)
A mención de “Matrícula de Honra” poderá ser outorgada a estudantes que obteñan unha cualificación igual ou superior a 9,0. O seu número non poderá exceder do 5% do alumnado matriculado nesa materia no correspondente curso académico. Se o número de alumnos é inferior a 20, poderase outorgar unha matrícula de honra. Esta mención só poderá outorgarse unha vez rematadas as defensas de todos os traballos correspondentes ao curso académico.
Naquelas titulacións nas que se constituíse un tribunal único para todas as convocatorias, será este o que outorgue as matrículas de honra que correspondan. Noutro caso, a atribución desta cualificación corresponderalle á comisión con competencias nos TFG ou TFM, oídas as propostas dos diferentes tribunais.
9.3. O alumnado ten dereito á revisión das cualificacións nas datas e horarios que para tal efecto deberán fixarse no momento de facer públicos os resultados provisorios. As datas de revisión deberán estar comprendidas dentro dos dez días seguintes á publicación dos resultados e incluirán como mínimo dúas datas opcionais. Para estes efectos o mes de agosto será inhábil e non computará neste prazo.
A revisión será persoal e poderá realizala un ou varios membros do tribunal. En todo caso deberá quedar constancia da celebración da revisión e da data en que se realizou mediante calquera sistema que acredite a súa realización.
O procedemento de reclamación contra a cualificación será o establecido na normativa vixente relativa á avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
Artigo 10.- Xestión das actas.
10.1. Elaborarase unha acta individual por cada alumno/a e traballo e para cada oportunidade na que constarán o/s titor/es académicos, o tribunal e o título do traballo defendido, así como a súa cualificación e data de defensa. As actas estarán asinadas polos membros do tribunal. En caso de imposibilidade de asinar a acta por algún dos membros avaliadores, esta circunstancia porase en coñecemento da Secretaría Xeral, que procederá a autorizar a sinatura da acta polo/a coordinador/a dos TFG ou TFM. No caso de imposibilidade destes, substituiranse polo/a profesor/a que designe a Secretaría Xeral. En todos os casos farase constar a dita incidencia. No caso de que algún dos avaliadores sexa persoal alleo á USC, as actas deberán ser asinadas polo/a coordinador/a do TFG ou TFM.
10.2. Nos títulos interuniversitarios a normativa de xestión de actas realizarase consonte ao que se estableza no convenio ou na normativa propia do título, e será de aplicación subsidiaria o establecido neste regulamento. A este respecto corresponderá ao coordinador do título asinar as actas cando non poidan facelo os membros do tribunal.
10.3. Os períodos de cobertura de actas serán os que se fixen no calendario académico oficial.
Só nas titulacións interuniversitarias ou conxuntas e no caso dos Programas Erasmus Mundus, poderán establecerse períodos diferentes de avaliación, en función dos acordos entre universidades ou do establecido nos correspondentes plans de estudos. Nestes casos deberase solicitar anualmente a correspondente autorización para a apertura das actas á Secretaría Xeral.
10.4. Finalizado o período de defensa de TFG e TFM en cada curso académico xerarase de xeito automático unha acta consolidada (acta final) para as materias Traballo Fin de Grao e Traballo Fin de Máster en cada unha das titulacións impartidas nun centro, que conterá a todo o alumnado matriculado na materia de TFG ou TFM coas cualificacións que en cada caso lles corresponda polas actas individuais, non presentados, mencións e as cualificacións obtidas polos alumnos de intercambio. Estas actas serán asinadas polo/a coordinador/a do TFG ou TFM.
10.5. O alumnado matriculado que non se presentase en ningunha das oportunidades, figurará na acta consolidada coa mención “non presentado”. Nesta edición da acta tamén se incorporarán as mencións de “matrícula de honra” conforme o establecido no artigo anterior.
Artigo 11.- Dereitos do alumnado
11.1. A propiedade intelectual dos traballos correspóndelle ao/á alumno/a que o realizou.
11.2. No caso de que os traballos se realicen no marco dun contrato ou convenio con algunha entidade ou, de ser o caso, dun proxecto ou liña de investigación, os dereitos serán os recollidos no dito contrato ou convenio ou os que se pacten previamente, respectando en todo caso a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual ou industrial.
Nestes casos e sempre que existan cláusulas de confidencialidade con empresas ou no caso de que poidan dar lugar a dereitos de propiedade industrial e intelectual que non se poidan difundir antes de estaren debidamente protexidos, actuarase do seguinte modo:entregaranse dúas versións da memoria de TFG ou TFM:a reducida, na que se eliminarán os contidos afectados polo deber de non difundir ou polo deber de segredo ou confidencialidade; e o exemplar completo, que se entregará baixo compromiso de confidencialidade.
O exemplar reducido será o que se utilice para ser autorizada a súa defensa e deberá coincidir co contido da exposición e defensa pública. A versión completa entregarase aos membros do tribunal para a súa avaliación. O/a titor/a e os membros do tribunal deberán asinar o correspondente compromiso de confidencialidade sobre os contidos que non se poderán difundir publicamente. Se o tribunal desexa formular cuestións sobre os contidos protexidos, estas intervencións faranse nunha sesión privada, con carácter previo ou posterior á pública.
O exemplar do traballo non será obxecto de publicación no repositorio institucional da USC (Minerva) ata que sexan realizadas as oportunas proteccións ou venza o prazo de confidencialidade.
11.3. Unha copia en formato electrónico dos traballos superados quedará depositada no centro para o seu arquivo e consulta, e poderá ser utilizada na Universidade de Santiago de Compostela para usos académicos e de investigación, sempre coa mención específica aos seus autores. Para estes efectos o alumnado asinará a correspondente autorización de difusión e a declaración de que se trata dun traballo inédito.
11.4. As comisións con competencias en TFG ou TFM poderán propoñer a publicación dos TFG e TFM que destaquen pola súa calidade no repositorio institucional da USC (Minerva), e en especial propoñeranse os dos/as alumnos/as que acaden a mención de matrícula de honra nesta materia.
Os/as autores/as dos traballos propostos, co visto e prace do/a titor/a, deberán asinar o correspondente documento para autorizar a súa difusión no que declaren que se trata dun traballo orixinal.
Artigo 12.- Deberes do alumnado
12.1. Os TFG e TFM deben ser traballos orixinais de elaboración propia e deben citarse debidamente as fontes que se tiveron en conta para a súa realización.
12.2. O incumprimento do indicado no apartado anterior suporá a cualificación de “suspenso” na convocatoria e o deber do/a titor/a e do tribunal que o detecte de poñelo en coñecemento da Reitoría a efectos de iniciar as accións disciplinarias que procedan, de conformidade co artigo 16 da Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
12.3. Con carácter previo á autorización da defensa, poderá realizarse unha análise automatizada de control da vulneración de dereitos de propiedade intelectual. A partir desa análise, se a comisión con competencias en TFG ou TFM considera que se vulneraron os citados dereitos, poderá denegar a defensa do traballo e aplicarase o indicado no parágrafo anterior.
DISPOSICIÓN FINAL. ENTRADA EN VIGOR
1. O presente Regulamento entrará en vigor no curso académico 2016/2017 e será de aplicación aos títulos regulados polo R.D. 1393/2007, do 29 outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.
2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, os artigos 6.4 e 6.7 do presente Regulamento serán de aplicación no vixente curso académico 2015/2016. Para acollerse ao disposto no artigo 6.7, será preciso que a Vicerreitoría con competencias en titulacións o autorice previa solicitude da dirección do Centro.
3. O presente Regulamento será interpretado en consonancia co resto de normas e procedementos da Universidade de Santiago de Compostela vixentes, entre outras a Normativa sobre Permanencia nas Titulacións de Grao e Máster, a Normativa de Avaliación do Rendemento Académico dos Estudantes e de Revisión de Cualificacións, o Regulamento da USC dos Intercambio Universitarios de Estudantes, as Normas de Planificación Académica Anual, e o resto de normas sobre os TFG e os TFM dos Centros.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Quedan derrogadas cantas normas se opoñan a este acordo, en particular a Normativa de matrícula, elaboración e defensa dos traballos fin de grao e fin de máster na Universidade de Santiago de Compostela aprobada polo Consello de Goberno do 2 de maio de 2013, así como as normativas internas dos centros e másteres e as memorias dos planos de estudos, que deberán adaptarse de ser preciso a este Regulamento no prazo de seis meses dende que sexa aprobado e publicado na Sede Electrónica da USC.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.