Instrución 1/2023, da Secretaría Xeral da Universidade de Santiago de Compostela sobre expedición de certificacións acreditativas da realización de estudos propios

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1080
Departamento: Secretaría Xeral
Estado: En vigor

A decidida aposta da USC polos estudos propios, xunto coa crecente demanda de formación concreta e específica en diversos ámbitos do coñecemento, así como o impulso pola expedición de documentos académicos en formato electrónico, fain necesaria unha axilización dos instrumentos de acreditación dos estudos propios que se cursan nesta universidade.

Deste xeito e en tanto non se fai unha regulación completa dos documentos acreditativos dos distintos estudos propios conforme ao Real Decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, cómpre axilizar a acreditación dos estudos propios de curta duración mediante un sistema de certificacións electrónicas.

Así, agás naquelas formacións nas que imperativamente se exixa a acreditación mediante un formato determinado, como é o caso dos másteres ou a esixencia de diplomas específicos que se establezan en normas ou convenios, a acreditación da superación dos contidos xustificarase documentalmente mediante unha certificación en formato electrónico.

Esta aposta atópase en consonancia co avance na implantación de ferramentas electrónicas nesta universidade e, nomeadamente, coa posta en marcha dun módulo específico en Xescampus para a xestión dos Títulos Propios.

Este novo proceder dota de maior axilidade aos trámites de expedición, mellorando a prestación do servizo ao estudantado da USC.

Por todo o anterior, esta Secretaría Xeral RESOLVE:

Primeiro.- Acreditación da superación de cursos de formación continua

A acreditación da superación dos cursos de formación continua farase mediante a expedición dunha certificación académica en formato electrónico coa denominación do curso realizado, os seus contidos e o número de créditos ECTS de duración.

Segundo.- Acreditación da superación de programas de formación específica e a demanda

A superación dos cursos de formación específica e a demanda acreditarase mediante a expedición dunha certificación académica en formato electrónico acreditativo da formación recibida no que constarán a denominación do curso realizado, o número de créditos ECTS e as materias cursadas.

Terceiro.- Outros modelos

No caso de que unha norma estableza un sistema de acreditación específico para a formación continua, específica ou a demanda, estarase ao modelo de acreditación que se determine.

No caso de convenios que asine a USC con outras universidades ou entidades nos que se estableza un sistema de acreditación para a formación continua, específica ou a demanda, estarase ao acordado entre as partes.

Cuarto.- Modelos, procedementos e uso do selo

1.- Os modelos de certificacións electrónicas serán aprobados pola Secretaría Xeral.

2.- Os procedementos de expedición, duplicados, entrega e remisión dos títulos serán establecidos pola Secretaria Xeral.

Disposición transitoria

As solicitudes de expedición que afecten a estudos propios finalizados a partir do curso 2022/2023 inclusive quedarán sometidas a esta instrución.

Entrada en vigor

A presente instrución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Taboleiro de Anuncios Electrónico da USC.

Santiago de Compostela, na data da sinatura electrónica

A Secretaria Xeral

Dulce Mª García Mella

 

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver