Resolución Reitoral pola que se regula a creación de programas propios da Universidade de Santiago de Compostela
NORMA CONSOLIDADA
Contido
1. Introdución
2. Bases dos Programas Propios de Investigación
3. Definición e caracterización dos Programas Propios de Investigación
4. Tipoloxía dos Programas Propios de Investigación
5. Procedemento xeral para a creación e aprobación dos Programas Propios de Investigación
6. Presentación de propostas e estrutura do Plan de Viabilidade dos Programas Propios de Investigación
7. Resolución de dúbidas
8. Xestión dos Programas Propios de Investigación
1. Introdución
O Real Decreto-Lei 32/2021 de 28 de decembro de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo pretende ordenar o réxime actual de relacións laborais en España co obxecto de reducir rigorosamente a excesiva temporalidade existente. Entre as reformas que regula destaca a relacionada coa simplificación e reordenación das modalidades de contratación laboral, establecendo que o contrato indefinido sexa a regra xeral e o contrato temporal teña unha orixe exclusivamente causal.
Este feito afecta particularmente ás universidades que presentan unhas singularidades non existentes noutras organizacións e supón, na práctica, a desaparición do contrato por obra e servizo. Esta modalidade contractual foi a utilizada habitualmente no ámbito de investigación para a contratación de persoal investigador e persoal técnico de apoio que participa na execución de proxectos, actividades e servizos de I+D e innovación con financiamento de carácter finalista, motivado polas obrigas das propias convocatorias e favorecido polas diferentes modificacións na lexislación laboral sen que dende a norma se lle proporcionara á universidade outra solución dende o ámbito político.
Porén, o Real Decreto-Lei 3/2019, do 8 de febreiro, de medidas urxentes no eido da Ciencia, a Tecnoloxía, a Innovación e a Universidade modifica a Disposición adicional 23ª da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación permitindo ás universidades a contratación de persoal con carácter indefinido, de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e concorrencia, para a execución de plans e programas públicos de investigación científica e técnica ou de innovación e financiados mediante consignacións orzamentarias anuais consecuencia de ingresos externos de carácter finalista vinculados á duración dos correspondentes plans e programas.
Con estas premisas, a Xerencia xunto coa Vicerreitoría de Investigación e Innovación aprobou a Instrución conxunta I/2022 pola que se concreta a aplicación do RD-Lei 32/2021 do 28 de decembro de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado do traballo e da Lei 20/2021 do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no Emprego público na USC, co fin de facilitar a adaptación ás novas normas tanto das vixentes categorías de persoal na USC, recollidas no Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela, como das modalidades contractuais a utilizar.
2. Bases dos Programas Propios de Investigación
O financiamento das estruturas e grupos de investigación na USC así como a súa actividade investigadora e produción científica procede esencialmente de recursos alleos acadados por diferentes vías. Este financiamento, maioritariamente competitivo, execútase mediante o desenvolvemento de actividades de duración determinada e ten un carácter finalista.
Os recursos externos acadados para a execución das actividades de investigación proceden de distintas fontes de financiamento. Porén, atendendo as súas características e á necesidade de facilitar a súa comprensión, poderíamos falar de dúas tipoloxías de actividades:
a. Actividades financiadas vía subvención ou similar:son aquelas actividades (xenericamente denominadas como “proxectos”) que se desenvolven no marco de programas competitivos e para as que é preciso xustificar o emprego dos fondos executados mediante a confección dunha conta xustificativa.
b. Actividades financiadas vía art. 83 (da LOU):nas que se encarga á universidade á realización dun servizo (proxecto de investigación, servizo ou consultaría e mesmo formación específica) e para as que a universidade unicamente ten que acreditar a realización de dito servizo e, en xeral, sen ter que dar conta dos fondos executados.
A referida Instrución I/2022 conxunta da Xerencia e a Vicerreitoría de Investigación e Innovación inclúe, entre outras, a posibilidade de contratación de persoal con carácter indefinido para a execución de plans e programas públicos de investigación científica e técnica ou de innovación que estean financiados mediante consignacións orzamentarias anuais derivadas de ingresos externos de carácter finalista.
Por tal motivo é preciso establecer as bases que posibiliten a creación de Programas Propios de Investigación e Institucionais que, financiados con cargo a recursos alleos, respondan a programas consolidados de I+D e/ou teñan unha previsión verificable respecto á dispoñibilidade de recursos prolongados no tempo.
Como exemplo neste sentido a USC implantou, no ano 2015, un número reducido dos denominados Programas de Investigación de Xestión Integrada (PIXI) como instrumento de xestión para facilitar a operatividade orzamentaria das unidades de investigación mais competitivas e permitir a continuidade na súa actividade.
3. Definición e caracterización dos Programas Propios de Investigación
Un Programa Propio de Investigación defínese como a estratexia xenérica que pretende a execución de actuacións investigadoras a partir dun conxunto de liñas de investigación ou actividades complementarias orientadas á consecución dun obxectivo común.
Consideraranse Programas Propios de Investigación aqueles programas desenvolvidos por Unidades e/ou Estruturas de investigación, financiados basicamente mediante recursos alleos, que atendan a liñas consolidadas e competitivas de I+D e aporten unha previsión fidedigna de dispoñibilidade de recursos prolongados no tempo. Un programa estará composto cando menos por unha liña de investigación, xestionada por un ou varios grupos de investigación da USC.
Así mesmo terán a consideración de Programas Propios aqueles Programas Institucionais (ou de interese institucional) que respondan a programas de apoio xeral e conxuntural á acción investigadora de prioridade institucional e se financien con recursos externos captados de xeito institucional.
4. Tipoloxía dos Programas Propios de Investigación
Os Programas Propios deben responder ás características e necesidades das diferentes unidades e estruturas organizativas de investigación que desenvolven actividades con continuidade na USC. De acordo con esta premisa, poderán definirse programas do seguinte tipo:
▪ Programas Estruturais:Inclúe os programas asociados a centros ou institutos de investigación que derivan da súa planificación estratéxica así como aqueles programas que xurdan dun obxectivo da propia institución que, financiados con recursos alleos, requiren unha actividade continuada no tempo.
O persoal a contratar con cargo a estes programas será con carácter xeral de apoio á xestión, de apoio á investigación ou relacionado coas infraestruturas do centro propoñente.
▪ Programa Agrupados de Investigación e Xestión:son Programas integrados, con carácter xeral, por un mínimo de 10 IPs con intereses comúns e que, polo seu nivel de consolidación e volume na captación de fondos, precisan de persoal de apoio técnico e/ou de xestión así como persoal investigador.
O persoal a contratar con cargo a estes programas poderá ser tanto persoal de perfil de apoio técnico e de xestión como persoal de perfil investigador.
▪ Programas Específicos:Programas definidos por un único grupo que teña masa crítica, competencia científica e financiamento diversificado e continuado no tempo.
O persoal contratado nestes programas será exclusivamente persoal técnico de apoio ou persoal investigador.
Un grupo de investigación poderá participar nun Programa Estrutural ou nun Programa Agrupado e, de forma simultánea, nun Programa Específico.
Respecto aos PIXIs existentes, estes serán integrados nalgún dos Programas Propios anteriormente referenciados acorde ás características de cada un deles.
5. Procedemento xeral para a creación e aprobación dos Programas Propios de Investigación
5.1. Proposta de creación dos Programas Propios de Investigación
A proposta de creación dos Programas Propios de tipo Estrutural procederá dos Institutos ou Centros de Investigación ou, no caso dos de carácter institucional, da vicerreitoría ou unidade orgánica correspondente que incluirá para a súa aprobación un Plan de Viabilidade.
A proposta de creación dos Programas Propios de tipo Específico procederá dun grupo coa conformidade dos seus membros e que igualmente deberán presentar para a súa aprobación un Plan de Viabilidade.
A proposta de creación dos Programas Agrupados de Investigación e Xestión procederá dos grupos propoñentes coa conformidade dos seus membros e que igualmente deberán presentar para a súa aprobación un Plan de Viabilidade.
As propostas serán remitidas á Área de Promoción e Proxectos Internacionais da Vicerreitoría de Política Científica para a súa revisión e análise, e conxuntamente coa Xerencia emitirán un informe motivado da súa pertinencia científica, oportunidade e viabilidade económica e administrativa.
5.2. Aprobación dos Programas Propios de Investigación
Os Programas Propios de Investigación serán aprobados polo Reitor, a proposta da Xerencia e da Vicerreitoría de Política Científica, previo informe da Comisión de Investigación Delegada do Consello de Goberno.
6. Presentación de propostas e estrutura do Plan de Viabilidade dos Programas Propios de Investigación
A solicitude de creación de Plans ou Programas estará aberta de xeito permanente e as propostas deberán ser presentadas segundo o formulario de datos básicos se porá a disposición dos e das IPs e deberá anexar (en formato pdf) o plan de viabilidade que constará dos seguintes puntos:
1. Denominación do Programa Propio de Investigación
2. Unidade ou unidades propoñentes e relación de Investigadores/as Principais (IPs) que se adscriben ao Programa. No caso dos Institutos e Centros de investigación esta relación corresponderase obrigatoriamente coa dos/as IPs dos mesmos.
3. Coordinador/a do Programa, que actuará como interlocutor institucional e responsable do gasto.
4. Resumo dos obxectivos e xustificación do carácter consolidado, competitivo e continuado do Programa:
a. Resumo descritivo da/s unidade/s e do Programa científico xustificando a súa vocación de continuidade.
b. Liñas de investigación propostas constitutivas do programa científico e relación dos proxectos e actividades de maior relevancia relacionadas coas mesmas.
5. Composición e estrutura do Programa, valorando a coherencia organizativa para asegurar a viabilidade do Programa.
a. Explicación do enfoque organizativo e de xestión do programa
b. Relación de postos e funcións de carácter indefinido asociados ao Programa
c. Persoal contratado actualmente (persoal investigador e de apoio á investigación) e necesidades a medio e longo prazo.
6. Balance económico (ingresos/gastos) dos últimos 4 anos indicando as fontes de financiamento e tipoloxía de ingresos habituais, xustificando a sustentabilidade e previsión de ingresos futuros, así como a distribución prevista de ingresos segundo as liñas de investigación constitutivas do Programa.
7. Resolución de dúbidas
As dúbidas que xurdan á hora de concretar as propostas de programas poderán formularse á Área de Promoción e Proxectos Internacionais da Vicerreitoría de Política Científica e a Xerencia dirixidas ao correo electrónico a: investigacion.estratexia@usc.es
8. Xestión dos Programas Propios de Investigación
A xestión dos Programas Propios de Investigación debe posibilitar a integración de todos os recursos acadados polo persoal investigador adscrito aos mesmos mantendo a súa consideración como recursos con proxección orzamentaria plurianual.
Logo da aprobación do Programa Propio de Investigación, crearase unha actividade de investigación, con características propias en canto ao título, vixencia e persoal investigador asociado, e unha partida orzamentaria.
As achegas que se realicen deberán prever a cobertura do custos totais do persoal (retribucións, antigüidade, indemnizacións, etcétera).
Unha mesma liña de investigación dentro dun Programa poderá ser financiada con distintas achegas respectando sempre os criterios de contabilidade separada e elixibilidade establecidos para cada unha delas.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.