Resolución Reitoral pola que se realiza unha regulación transitoria do réxime de microcredenciais en estudos propios da Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1195
Departamento: Reitor
Estado: En vigor

Un dos elementos nucleares do Espazo Europeo de Educación Superior é a formación ao longo da vida, que trata de paliar, mediante o proceso educativo, o desaxuste entre capacidades demandadas e as dispoñibles no mercado laboral cambiante.

Neste contexto, emerxeu un novo tipo de credencial educativa non convencional:as microcredenciais universitarias. A Comisión Europea, na súa recente “Recomendación para un enfoque europeo sobre microcredenciais para a aprendizaxe permanente e a empregabilidade” defíneas como “o rexistro dos resultados de aprendizaxe que un alumno adquiriu tras un pequeno volume de formación”.

Trátase, por tanto, de acreditacións derivadas de formacións breves asociadas a formacións de formato flexible e adaptable ás necesidades do alumnado adulto e cunha estrutura modular no que cada formación é independente. Pero ademais, permiten a súa acumulación e combinación en credenciais máis amplas, como graos ou másteres, no marco dun itinerario formativo personalizado.

No ámbito español, o Real Decreto 822/2021, de 28 de setembro no seu artigo 37.8 establece “Igualmente, as universidades poderán impartir ensinanzas propias de menos de 15 ECTS que requiran ou non titulación universitaria previa, en forma de microcredenciais ou micromódulos, que permitan certificar resultados de aprendizaxe ligados a actividades formativas de curta duración. En ningún caso estas ensinanzas poderán confundirse coas titulacións ofertadas polos centros de Formación Profesional de Grao Medio ou Grao Superior.”

Posteriormente a Lei 2/2023, de 22 de marzo, Orgánica de Universidades sinala que a formación ao longo de toda a vida poderá desenvolverse mediante distintas modalidades de ensino, incluídas as microcredenciais, micromódulos ou outros programas de curta duración (artigo 7.5).

Pola súa banda, o Ministerio de Universidades aprobou no ano 2023 un extenso Plan de Acción en materia de microcredenciais (Plan Microcreds) dotándoo dun fondo de 50 millóns de euros. O Plan propón un marco para o desenvolvemento das microcredenciais no sistema universitario español, de acordo coas indicacións da Recomendación Europea sobre Microcredenciais e propón un conxunto de actuacións para impulsar unha oferta de microcredenciais universitarias relevantes e de calidade.

A acreditación da realización de microcredenciais require dun formato dixital estandarizado co fin de garantir a súa seguridade, veracidade e portabilidade internacional, así como posibilitar o seu almacenamento e visualización se poda incorporar ao “wallet” dixital do novo Europass, a efectos de poder compartilas facilmente con empregadores e institucións educativas.

Neste momento está a desenvolverse un proxecto UniDigital denominado CertiDigital co fin de establecer o sistema de certificación dixital das microcredenciais universitarias no marco dos estándares propostos pola Unión Europea.

Pola súa banda, o Regulamento de Estudos propios aprobado no Consello de Goberno do 30 de marzo de 2023 contempla as actividades formativas de menos de 15 créditos ECTS “organizadas baixo a forma de microcredenciais ou micromódulos, que permitan certificar resultados de aprendizaxe ligados a actividades formativas de curta duración, con independencia de que as persoas destinatarias posúan ou non unha titulación universitaria previa” e que se denominan Cursos de Formación Específica.

Para estes estudos previuse no citado Regulamento a expedición dunha certificación en formato electrónico coa denominación do curso realizado, os seus contidos e o número de créditos ECTS de duración. Sen embargo, o modelo estandarizado de microcredenciais esixe, ademais dos contidos indicados, outros contidos que deben formar parte da acreditación como microcredencial universitaria.

En tanto o proxecto europeo de novo Europass non finalice e o proxecto CertiDigital non sexa o camiño ordinario de expedición de microcredenciais universitarias, é necesario que a USC adopte unha serie de medidas transitorias neste terreo e que permitan acreditar debidamente a realización dos estudos que convoque a USC e que sexan complementarias das establecidas no Regulamento de Estudios Propios da USC.

A presente resolución pretende así establecer de maneira transitoria o sistema de proposta, convocatoria e acreditación de microcredenciais universitarias na USC.

En consecuencia, este Reitorado RESOLVE:

Artigo 1. Oferta de microcredenciais universitarias

A solicitude de cursos de formación específica en formato de microcredenciais universitarias deberá ir precedida dunha proposta na que se contemplen os seguintes aspectos:

• Denominación do curso:Microcredencial Universitaria en …..

• Contidos

• Competencias

• Resultados da aprendizaxe (habilidades adquiridas)

• Carga de traballo en ECTS

• Nivel do Marco Europeo de Cualificaciones (MEC), no caso de que proceda

• Modalidade de ensino (presencial, híbrida ou virtual).

• Tipo de avaliación

• Idioma/s de impartición

Estes contidos deberán estar dispoñibles en galego, español e inglés.

Os modelos de presentación da oferta serán aprobados polo Centro de Estudos Propios.

Artigo 2. Convocatoria de cursos propios en formato de microcredencial universitaria

Aprobada a oferta polo Centro de Estudos Propios, procederase a convocar o curso en formato de microcredencial universitaria, debendo indicar expresamente esta circunstancia na denominación do curso.

A Universidade de Santiago de Compostela poderá convocar bolsas e axudas específicas para a realización de microcredenciais universitarias.

Artigo 3. Avaliación

A avaliación do estudiantado deberá realizarse conforme ao establecido na proposta e na convocatoria do curso e o seu resultado plasmarase na correspondente acta co formato de “apto” ou “non apto”. A acta tamén indicará que se trata dunha formación en formato de microcredencial universitaria.

Artigo 4. Acreditación

1. Aos estudantes que superen o curso expediráselle:

a) Unha certificación electrónica ordinaria que inclúa, ademais dos datos do estudante, a denominación do curso realizado, os contidos superados e o número de créditos ECTS de duración.

b) Unha acreditación específica de microcredencial universitaria, que inclúa:

a. Órgano e universidade ou universidades que expiden a microcredencial universitaria

b. Datos do estudante

c. Denominación do curso:Microcredencial Universitaria en ….

d. Modalidade de ensino (presencial, híbrida ou virtual).

e. Carga de traballo en créditos ECTS

f. Tipo de avaliación que acredita os resultados da aprendizaxe

g. Competencias e resultados da aprendizaxe adquiridos

h. Nivel da experiencia de aprendizaxe conforme ao Marco Europeo de Cualificacións- MECES (no caso de que proceda)

i. Sistema de garantía de calidade

j. País, lugar e data de expedición

2. A acreditación específica realizarase en formato electrónico, con firma de selo de órgano e CSV verificable na Sede Electrónica da USC.

3. A Secretaría Xeral establecerá os modelos de acreditacións específicas de microcredenciais realizadas pola USC ou mediante convenios de expedición conxunta con outras universidades españolas ou estranxeiras, así como os realizados en colaboración con fundacións, entidades ou organizacións, tanto públicas como privadas.

Artigo 5. Integración en plataformas de acreditación

A USC, na medida das súas posibilidades, adaptará e integrará as súas acreditacións en sistemas nacionais e europeos que faciliten a difusión das acreditacións expedidas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou superior rango se opoñan ao disposto na presente resolución reitoral

Disposición final

A presente resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.

O Reitor

Antonio López Díaz

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver