Regulamento de estudos do programa universitario para maiores do IV Ciclo

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0096
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

No marco da autonomía universitaria, as Universidades poderán establecer ensinanzas conducentes á obtención de diplomas e títulos propios, así como ensinanzas de formación ao longo de toda a vida. Así o establece o preámbulo da Lei Orgánica 4/2007, de 12 de abril, pola que modifica a Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades cando indica en referencia ás universidades que “También han de dar adecuada respuesta a las necesidades de formación a lo largo de toda la vida y abrirse a quienes, a cualquier edad, deseen acceder a su oferta cultural o educativa. Las universidades, además de un motor para el avance del conocimiento, deben ser un motor para el desarrollo social y económico del país”.

Por iso, o Programa Universitario para Maiores, tamén coñecido como IV Ciclo, vai dirixido a consolidar e favorecer a participación na vida universitaria da poboación de máis de 50 anos. Dende 1996 a Universidade de Santiago de Compostela vén traballando nesta área, especialmente a través da realización de diversas actividades de formación como docencia, seminarios, programas de desenvolvemento rural, ofertas complementarias e intercambios nacionais e internacionais.

En consecuencia, procede promover a elaboración dun novo Regulamento do Programa Universitario para Maiores que permita dotar dun marco de estabilidade necesario, tanto para a organización das actividades docentes, formativas e estudantís como para a planificación e funcionamento da xestión do IV Ciclo, que substitúe ao regulamento aprobado polo Consello de Goberno o 5 de xullo de 2016.

O regulamento foi informado favorablemente pola Comisión da Organización Académica do Programa Universitario para Maiores na súa sesión do 25 de maio de 2021.

CAPÍTULO I. CONSIDERACIÓNS XERAIS

Artigo 1. Ámbito de aplicación

1.1. Esta normativa ten por obxecto regular os aspectos académicos dos títulos propios que conforman o Programa Universitario de Maiores IV Ciclo (en adiante indistintamente, IV Ciclo, Programa Universitario para Maiores ou Programa) impartidos na Universidade de Santiago de Compostela.

1.2. O IV Ciclo rexerase polas normas académicas e xerais da Universidade de Santiago de Compostela cando non se conte con normas propias do Programa Universitario de Maiores. Ningunha das normas do Programa de Maiores poderá ir en contra dunha norma universitaria superior.

Artigo 2. Obxectivos do Programa

2.1. Os obxectivos do Programa Universitario para Maiores son:

a) Constituír unha programación estable e ao mesmo tempo dinámica, que permita definir e desenvolver liñas de actuación tendentes á mellora do envellecemento activo da poboación galega en xeral.

b) Posibilitar que as persoas maiores de 50 anos compartan procesos formativos e de extensión cultural, propios do contexto social e institucional universitario.

c) Adaptar estudos universitarios á poboación de máis de 50 anos con criterios organizativos e metodolóxicos específicos.

d) Promover a formación universitaria das persoas maiores de 50 anos, con criterios de interdisciplinariedade.

e) Favorecer a integración e participación na vida universitaria do colectivo de máis de 50 anos.

f) Coordinar toda a actividade dirixida ao colectivo de maiores dentro do espazo universitario.

g) Manter activa unha rede de docentes e investigadores no ámbito da educación permanente, da educación de adultos e do envellecemento activo, creando sinerxías entre os seus membros e con outras universidades.

h) Asesorar e colaborar con institucións e entidades locais na organización anual de seminarios, xornadas e outros eventos, así como na organización bianual do Encontro Autonómico de Programas Universitarios para Maiores e nos Xogos Deportivos.

i) Ser un servizo de apoio académico e investigador no ámbito da educación de adultos.

j) Fomentar os intercambios dentro do espazo europeo e nacional.

k) Fomentar a cooperación entre as universidades españolas para o intercambio de coñecementos, experiencias e o fomento de boas prácticas no ámbito da educación permanente de adultos.

Artigo 3. Xestión do Programa

A xestión ordinaria do Programa Universitario para Maiores corresponde ao seu director ou directora, o coordinador ou coordinadora do campus de Lugo e á Comisión Académica, baixo a supervisión da vicerreitoría competente.

Artigo 4. Admisión e matrícula no Programa Universitario para Maiores

4.1. Para participar no Programa Universitario para Maiores, as persoas maiores de 50 anos poderán solicitar a admisión nalgún dos títulos propios do Programa polos medios e nos prazos indicados polo Universidade de Santiago de Compostela para cada curso académico.

4.2. As persoas maiores de 50 anos admitidas poderán matricularse nos títulos propios do Programa Universitario para Maiores ofertados pola Universidade de Santiago de Compostela polos medios e nos prazos indicados pola USC para cada curso académico.

4.3. O réxime do alumnado do Programa Universitario para Maiores será o mesmo que para o das titulacións da USC.

CAPÍTULO II. DOS TÍTULOS PROPIOS DO IV CICLO

Artigo 5. Tipos de títulos propios e requisitos de acceso

5.1. Os títulos propios que oferta a Universidade de Santiago de Compostela no Programa Universitario para Maiores son o Diploma Sénior, o Diploma Experto Sénior e o Diploma Excélsor.

5.2. Son requisitos para o acceso aos estudos do título propio de Diploma Sénior:

a) Acreditar ter máis de 50 anos.

b) Solicitar admisión no título propio de Diploma Sénior ofertado pola Universidade de Santiago de Compostela nos prazos indicados na convocatoria anual de matrícula da USC no caso de que non se matricularan previamente neste título propio.

c) Matricularse no título propio nos prazos establecidos na convocatoria anual de matrícula da USC.

d) Aboar os prezos correspondentes nos prazos establecidos na convocatoria de matrícula da USC.

5.3. Son requisitos para o acceso ao título propio de Diploma Experto Sénior:

a) Acreditar ter máis de 50 anos.

b) Estar en posesión do Diploma Sénior ou equivalente.

c) Solicitar admisión no título propio de Diploma Experto Sénior ofertado pola Universidade de Santiago de Compostela nos prazos indicados na convocatoria anual de matrícula da USC agás que xa se matricularan previamente neste título propio.

d) Matricularse no título propio nos prazos establecidos na convocatoria de matrícula na USC.

e) Aboar os prezos correspondentes nos prazos establecidos na convocatoria de matrícula da USC.

5.4. Son requisitos para o acceso ao título propio de Diploma Excélsor:

a) Acreditar ter máis de 50 anos.

b) Estar en posesión do Diploma Sénior.

c) Solicitar a admisión no título propio de Diploma Excélsor ofertado pola Universidade de Santiago de Compostela polos medios e nos prazos indicados na convocatoria anual de matrícula da USC, agás que xa se matricularan previamente neste título propio.

d) Matricularse no título propio nos prazos establecidos na convocatoria de matrícula na USC.

e) Aboar os prezos correspondentes nos prazos establecidos na convocatoria de matrícula da USC.

Artigo 6. Xestión académica e expedición de Diplomas

6.1. A xestión académica dos expedientes do alumnado de IV Ciclo será a mesma que a que se aplica para o alumnado da USC coas peculiaridades propias destes estudos e as establecidas no presente Regulamento.

6.2. A expedición de títulos unha vez superados os estudos que conducen á obtención dun título propio de IV Ciclo, realizarase no Servizo de Xestión Académica e solicitarase mediante o mesmo procedemento que o alumnado do resto dos estudos da USC.

CAPÍTULO III. DA ORGANIZACIÓN E PLAN DE ESTUDOS DO DIPLOMA SENIOR

Artigo 7. Organización do Diploma Sénior

7.1. O plan de estudos do Diploma Sénior consta de 60 créditos ECTS e divídese en materias optativas a elixir dentro da oferta anual.

7.2. Poderase ofertar un listado de materias complementarias, das cales só unha delas, poderá imputarse no expediente do alumnado que curse o Diploma Sénior a efectos de obtención do título propio.

7.3. Poderase ofertar un listado de materias obradoiro que non terán efectos no expediente para a obtención do título propio.

7.4. O sistema de cualificación será o mesmo que para o alumnado da USC matriculado en titulacións oficiais.

Artigo 8. O plan de estudos do Diploma Sénior

8.1. O plan de estudos do Diploma Sénior poderá cursarse nos campus de Santiago de Compostela e de Lugo, en 5 cursos académicos de 12 créditos ECTS cada un.

8.2. O plan de estudos do Diploma Sénior poderá cursarse naquelas sedes nas que así se estableza mediante o oportuno convenio. Neste caso, o programa cursarase en 4 cursos académicos de 15 créditos ECTS cada un como mínimo.

8.3. As materias que configuran o plan de estudos do Diploma Sénior constarán de 3 créditos ECTS.

8.4. A modificación do plan de estudos do Diploma Sénior aprobarase polo Consello de Goberno.

8.5. Só se impartirán aquelas materias que conten cunha matrícula igual ou superior aos 10 alumnos.

8.6. As materias do plan de estudos non poderán ser modificadas mentres que todo o plan non estea implementado.

8.7. Todas as materias do plan de estudos serán cuadrimestrais, só se aceptarán excepcións con base académico-científica, que deberán ser aprobadas previamente pola Comisión Académica.

8.8. Materias impartidas no Campus de Santiago e Lugo:

a) En cada curso académico ofertaranse seis materias, todas elas optativas.

b) No primeiro curso académico, obrigatoriamente o alumnado deberá matricularse de doce créditos.

c) Ningunha das materias do plan de estudos do Diploma Sénior será chave.

d) A oferta do plans de estudos poderá ser específica para cada campus. As materias por campus poden consultarse no Anexo I.

e) O número de prazas en cada materia non deberá superar os 40 inscritos.

f) A adxudicación de prazas axustarase sempre ao criterio de curso académico a cursar e orde de inscrición.

8.9. Materias impartidas noutras sedes a través de convenios:

a) Nas sedes que se establezan por convenio, o plan de estudos do Diploma Sénior cursarase nun período de catro cursos académicos.

b) En cada curso académico ofertaranse seis materias todas elas optativas.

c) Obrigatoriamente o alumnado deberá matricularse de quince créditos por curso.

d) Impartiranse como mínimo as cinco materias que teñan maior demanda.

e) A oferta de materias en cada sede é propia.

f) O número de prazas en cada materia non debera superar os 50 inscritos.

g) As materias serán abertas a todo o alumnado da sede.

CAPÍTULO IV. DA ORGANIZACIÓN DO PLAN DE ESTUDOS DO DIPLOMA EXPERTO SENIOR

Artigo 9. Organización do Diploma Experto Sénior

9.1. O plan de estudos do Diploma Experto Sénior constará dunha carga lectiva mínima de 25 créditos ECTS conforme ao plan de estudos establecido no anexo II.

9.2. Deses vinte e cinco créditos, un máximo de sete corresponderán a materias de metodoloxía, traballo de Experto Sénior e conferencias de peche e apertura. Os créditos restantes elixiranse do resto da oferta educativa.

9.3. Son actividades recoñecibles para o Diploma Experto Sénior:

a) Voluntariado Sénior no camiño.

b) Seminarios de IV Ciclo aos que se fai referencia no artigo 13.

c) Actividades na Cátedra do Camiño e das Peregrinacións.

d) Outras actividades que aprobe a vicerreitoría responsable do Programa Universitario para Maiores.

9.4. O Diploma Experto Sénior desenvolverase ao longo de dous cursos académicos.

9.5. O sistema de cualificación será o mesmo que para o alumnado da USC matriculado en titulacións oficiais, agás as actividades recoñecibles que serán de apto ou non apto. A superación destas actividades deberán quedar acreditadas a efectos da súa inclusión no expediente do alumnado.

CAPÍTULO V. DA ORGANIZACIÓN E PLAN DE ESTUDOS DO DIPLOMA EXCELSOR

Artigo 10. Organización do Diploma Excélsor

10.1. O Diploma Excélsor desenvolverase ao longo de dous cursos académicos como máximo.

10.2. Para a obtención deste título o alumnado deberá realizar, baixo a dirección dun ou varios docentes da USC, un traballo de investigación orixinal de 9 créditos ECTS, individual ou colectivamente.

10.3. Os matriculados no Diploma Excélsor deberán remitir á secretaría do IV Ciclo a proposta de traballo co visto e prace do director ou directores que o dirixirá.

10.4. O traballo depositarase por duplicado, debidamente encadernado, na secretaría do IV Ciclo e na primeira páxina debe figurar o visto e prace do director ou directores. Tamén se entregará unha copia en formato dixital axeitadamente identificada. A copia dixital quedará almacenada na secretaría do IV Ciclo.

10.5. Transcorridos 15 días desde o seu depósito, a dirección do IV Ciclo autorizará a súa defensa, que se anunciará cun mínimo de 15 días de antelación.

10.6. Unha vez autorizada a defensa, fixado o día e nomeado o tribunal, comunicaráselle ao alumnado a obriga de formalizar os gastos da defensa nun prazo mínimo dunha semana antes da exposición.

10.7. O tribunal constará de tres membros que serán nomeados pola Comisión Académica do IV Ciclo. O director ou directora do traballo formará parte do tribunal. De haber máis dun director, formará parte do tribunal tan só un deles. Tamén formará parte do tribunal o director ou directora do IV Ciclo e un docente do programa de maiores.

CAPÍTULO VI. DAS MATERIAS COMPLEMENTARIAS, MATERIAS OBRADOIRO E SEMINARIOS

Artigo 11. As materias complementarias

11.1. Son materias cuadrimestrais de tres créditos ECTS con contidos específicos.

11.2. Se unha determinada materia complementaria non obtén demanda suficiente durante dous cursos será retirada da oferta de materias complementarias.

11.3. Son materias dirixidas, en primeiro lugar, aos alumnos que xa posúen o Diploma Sénior pero tamén as poderán cursar alumnos que non cumpran esta condición, sempre e cando non se produzan solapamentos coa docencia do Diploma Sénior.

11.4. Só se impartirán aquelas materias que conten cunha matrícula igual ou superior aos 15 alumnos.

11.5. O créditos ECTS destas materias non se terán en conta para a obtención de ningún Diploma, agás a excepción prevista no artigo 7.2.

11.6. As materias complementarias ofertaranse sempre a proposta dun docente da Universidade de Santiago de Compostela.

11.7. O sistema de cualificación das materias complementarias será o mesmo que para o alumnado da USC matriculado en titulacións oficiais.

Artigo 12. As materias-obradoiro

12.1. Son materias de tres a cinco créditos ECTS de carácter preferentemente práctico.

12.2. Estas materias son de oferta anual e o alumnado poderá matricularse nestas materias en varios cursos académicos aínda que xa foran superadas.

12.3. Os créditos ECTS destas materias non se terán en conta para a obtención de ningún Diploma.

12.4. Son materias dirixidas, en primeiro lugar, aos alumnos que xa posúen o Diploma Sénior pero tamén as poderán cursar alumnos que non cumpran esta condición, sempre e cando non se produzan solapamentos coa docencia do Diploma Sénior.

12.5. O sistema de cualificación das materias obradoiro será o mesmo que para o alumnado da USC matriculado en titulacións oficiais.

Artigo 13. Os seminarios

13.1. Os seminarios son espazos de formación permanente dirixidos aos alumnos do Programa Universitario de Maiores pero tamén a toda a poboación de máis de 50 anos. As prazas adxudicarase por orde de inscrición e sempre terán prioridade os estudantes do Programa.

13.2. A oferta de seminarios será mensual. Cando menos todos os meses a dirección do Programa ofertará seminarios. Dita oferta será interdisciplinar e poderá xurdir como resposta a unha demanda previa do Programa, a demanda do alumnado ou por suxestión do profesorado.

13.3. Os seminarios terán unha duración máxima de 20 horas e serán impartidos en horario de mañá, non podendo coincidir nunca coa docencia recollida nos artigos 7 e 9.

13.4. Os seminarios son actividades que se autofinanciarán e os usuarios externos ao Programa deberán aboar un 15% máis sobre o prezo da matrícula.

13.5. O sistema de cualificación dos seminarios será de apto ou non apto. A superación dos seminarios deberán quedar acreditados a efectos da súa inclusión no expediente do alumnado.

CAPÍTULO VII. DAS ACTIVIDADES PERIÓDICAS DO PROGRAMA UNIVERSITARIO PARA MAIORES

Artigo 14. Tipos de actividades periódicas

14.1 Ademais das materias que conforman os plans de estudos, o alumnado do Programa Universitario para Maiores poderá participar nas seguintes actividades:

a) Oferta do Programa Camiños de Coñecemento e Experiencia, así como de Democratización do Coñecemento

b) Encontro Galego de Programas Universitarios

c) Os Xogos Deportivos Sénior da Comunidade Autónoma Galega

d) Intercambios nacionais

e) Intercambios internacionais segundo a convocatoria do SEPIE

f) Outra oferta de actividades que aprobe a Vicerreitoría.

14.2. O sistema de cualificación das actividades periódicas será de apto ou non apto. A superación destas deberán quedar acreditadas a efectos da súa inclusión no expediente do alumnado.

Artigo 15. Da organización do Programa Camiños de Coñecemento e Experiencia, así como do de Democratización do Coñecemento

15.1. A oferta do Programa Camiños de Coñecemento e Experiencia, e Democratización do Coñecemento será anual para as sedes das diferentes provincias galegas.

15.2. Os contidos xirarán en torno a diversos seminarios que abranguerán como mínimo os tres grandes ámbitos do saber:o científico-tecnolóxico, o social , o artístico e humanístico.

15.3. A estrutura da oferta irá dirixida a pór en valor o patrimonio local de cada municipio así como o valor patrimonial da Universidade de Santiago de Compostela.

15.4. As sedes que acollerán ditos programas serán os campus universitarios e os diversos municipios participantes en cada edición.

15.5. Os municipios participantes comprométense a:

a) Proporcionar un espazo para o desenvolvemento das sesións formativas con conexión a internet.

b) A difusión da publicidade, unha vez recibido.

c) A nomear un/unha técnico como contacto coa secretaría do Programa e que terá a función de xestionar a matrícula da poboación de máis de 50 anos nesa sede e coordinar a actividade no municipio.

d) Asumirá os custos dos desprazamentos do alumnado para a parte práctica dos seminarios.

e) Asistir ou delegar na concelleira/o ao acto de clausura.

f) Que o/a técnico responsable do concello acompañe ao alumnado ao acto de clausura e entrega de diplomas no campus ou na sede correspondente.

Artigo 16. Encontro Galego de Programas Universitarios para Maiores

A celebración do Encontro Galego de Programas Universitarios desenvolveranse nas condicións que fixe a dirección do IV Ciclo na convocatoria de dita actividade.

Artigo 17. Da organización e participación dos Xogos Deportivos Sénior da Comunidade Autónoma Galega

A celebración dos Xogos Deportivos Sénior da Comunidade Autónoma Galega desenvolverase nas condicións que fixe a dirección do IV Ciclo na convocatoria de dita actividade co visto e prace da vicerreitoría competente.

Artigo 18. Programas de intercambios universitarios de maiores

18.1. O Programa Universitario de Maiores fomentará os intercambios do seu alumnado entre as universidades españolas.

18.2. A participación en dita actividade desenvolverase nas condicións que fixe a dirección do IV Ciclo na convocatoria de dita actividade.

Artigo 19. Da organización e participación en intercambios internacionais de programas universitarios de maiores

19.1. O Programa Universitario para Maiores comprométese a participar nas convocatorias ERASMUS PLUS SÉNIOR con proxectos formativos nos que se favoreza a mobilidade internacional.

19.2. A participación en dita actividade desenvolverase nas condicións que fixe a dirección do IV Ciclo na convocatoria de dita actividade co visto e prace da vicerreitoría competente.

Artigo 20. Outra oferta de actividades que aprobe a vicerreitoría

A proposta de calquera actividade complementaria debe de ser previamente remitida á dirección do Programa Universitario para Maiores, para a súa aprobación pola vicerreitoría competente.

CAPÍTULO VIII. DO PROFESORADO DO PROGRAMA UNIVERSITARIO DE MAIORES

Artigo 21. Elección e selección do profesorado

21.1. Todo o profesorado da USC pode ser docente do Programa Universitario para Maiores. Tamén poderán ser docentes do Programa outros membros da comunidade universitaria e profesionais externos á USC.

21.2. Considéranse docentes do Programa Universitario de Maiores todos aqueles profesores e profesoras que participen nalgunha das actividades académicas que se desenvolven ao longo do curso académico.

21.3. A elección de dito profesorado farase atendendo a varias situacións:

a) Profesores/as propostos/as polos departamentos ou áreas de coñecemento.

b) Profesores/as invitados/as dende a dirección do Programa.

c) Profesores/as colaboradores/as en actividades docentes puntuais a proposta dos docentes dunha determinada materia.

d) Participación directa do PDI que solicita e propón unha materia ou contido formativo para o Programa.

21.4. Ningún docente poderá impartir máis de tres materias en total na oferta xeral de materias do Diploma Sénior, materias complementarias ou materias-obradoiro.

21.5. Os profesionais externos deberán cumprir as mesmas obrigas que o profesorado da USC.

Artigo 22. Ordenación docente de IV Ciclo

22.1. A adxudicación da docencia das materias do Diploma Sénior farase atendendo ás áreas de coñecemento dos departamentos e as entidades colaboradoras do Programa Universitario para Maiores da USC.

22.2. Na segunda quincena do mes de marzo os programas das materias para o curso académico seguinte deberán ser remitidos a secretaría do Programa Universitario para Maiores.

22.3. Todos os programas das materias deben contar cos seguintes epígrafes:

a) Introdución.

b) Obxectivos.

c) Metodoloxía.

d) Contidos.

e) Competencias.

g) Sistema de avaliación e valor porcentual de cada unha das actividades. Tamén se recollerá claramente como será a proba que todo o alumnado deberá superar para obter unha avaliación positiva na materia.

h) Bibliografía.

i) Observacións. Naquelas materias que se propoñan saídas deberán aparecer recollidas no programa atendendo aos seguintes aspectos:lugar, data e distancia.

22.4. As materias que requiran de saídas na súa oferta docente, deberán indicar a que contido se vinculan no programa e solicitar prácticas externas na convocatoria que a tal fin aprobe a USC ou na convocatoria propia do IV Ciclo.

a) Non se terá en conta a efectos académicos ningunha saída que non se vincule con prácticas externas.

b) No se recoñecerá dende IV Ciclo ningunha práctica que non fose xestionada dende a secretaría do Programa.

c) Nos prazos que se indiquen sinalaranse as prácticas externas que foron concedidas.

22.5. As actividades realizadas fóra das aulas deberán ser autorizadas previamente pola dirección do IV Ciclo.

22.6. Primarase que as saídas sexan en horario de mañá. Tamén poderán ser pola tarde sempre e cando non interfira coa docencia programada.

22.7. Só poderán participar nestas saídas o alumnado matriculado no Programa Universitario de Maiores ou nalgunha das actividades da súa oferta.

22.8. Non se permitirá o acceso ás clases de persoas que non sexan alumnos matriculados na correspondente actividade e na programación establecerase a obriga de controlar a asistencia, sen prexuízo da posible responsabilidade que se poida derivar da falta do control de asistencia.

22.9. Todo o profesorado das materias, sexan individuais ou compartidas, teñen na súa secretaría virtual os datos do seu alumnado.

22.10. A través da secretaría virtual e atendendo aos prazos establecidos, o profesorado cubrirá a acta das cualificacións dos e das estudantes unha vez rematado o período de revisión de exames.

22.11. O campus virtual é un instrumento complementario ao servizo do docente e polo tanto o profesorado poderá empregalo e subir os materiais que considere oportunos. En ningún caso é obriga do docente subir os recursos da súa docencia presencial á plataforma. Tamén poderá empregar este medio para poñerse en contacto co seu grupo de alumnos e alumnas.

CAPÍTULO IX. DO ALUMNADO DO PROGRAMA UNIVERSITARIO DE MAIORES

Artigo 23. Tipoloxía do alumnado, réxime de estudos e participación

23.1. Todas as persoas que superen os 50 anos poden ser alumnos ou alumnas do Programa Universitario para Maiores.

23.2. Todas as ensinanzas do Programa Universitario para Maiores serán presenciais.

23.3. O alumno ou alumna matriculado no Programa ten a obriga de asistir a clase e de non poder facelo deberá informar ao docente da materia.

23.4. Todo o alumnado ten dereito a elixir dentro da oferta do Programa as materias nas que se quere matricular, pero se estas non acadan o mínimo de alumnos deberá facelo nalgunha outra das que se oferten.

23.5. Ningún estudante poderá abandonar o seu grupo unha vez superado o prazo para mudar a matrícula.

23.6. Os estudantes teñen a obriga de consultar o campus virtual e de facer uso deste, sempre que os docentes así o indiquen.

23.7. O correo electrónico é un medio habitual para comunicar avisos de interese para o alumnado da Universidade de Santiago e polo tanto tamén do IV Ciclo. O alumnado do Programa debe consultar con frecuencia o seu correo RAI para manterse informado.

23.8. Todo o alumnado do Programa poderá ser candidato a representante dos alumnos e alumnas do IV Ciclo na comisión académica. As datas previstas da convocatoria para as elección serán na segunda quincena de outubro e dende a secretaría do IV Ciclo achegarase a convocatoria e toda a información sobre o procedemento electoral.

23.9. As claves de acceso que se lle entregan ao alumnado no momento da matrícula son intransferibles e deben ser gardadas porque serán as que lle darán acceso ao seu campus virtual e a secretaría virtual.

23.10. O alumnado pode consultar en calquera momento o seu expediente persoal a través da súa secretaría virtual.

Artigo 24. Pago dos prezos de matrícula

24.1. O aboamento dos prezos de matrícula farase nas entidades bancarias indicadas na folla de liquidación ou por domiciliación bancaria.

24.2. O aboamento dos prezos de matrícula deberá facerse no prazo establecido na convocatoria anual de matrícula. De non proceder ao seu aboamento o solicitante decaerá dos seus dereitos de matrícula. No caso de non anular a matrícula nos prazos establecidos a débeda manterase.

24.3. O alumnado do Diploma Sénior teñen dereito de solicitar bolsas propias para cubrir os custos de matrícula, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado ou matriculada do curso completo

b) Non ter máis dunha materia pendente de cursos anteriores

24.4. Non poderán solicitar bolsa aqueles alumnos e alumnas que xa acadaran o Diploma Sénior.

24.5. Só se poderán matricular de cursos superiores aqueles alumnos ou alumnas que teñan superadas completamente as materias dos cursos previos ou que como máximo teñan ata dúas materias pendentes. Aqueles alumnos ou alumnas que teñan máis de dúas materias pendentes de cursos anteriores deberán superalas para matricularse nos seguintes cursos académicos.

24.6. Aqueles alumnos e alumnas que teñan nunha materia durante dous cursos académicos a cualificación de non presentado decaerán do seu dereito de poder matricularse nesta.

24.7. O aboamento de seminarios, saídas, visitas ou outras actividades non estará incluído no prezo de matrícula e farase directamente na secretaría do IV Ciclo a través do modelo de liquidación automática. Cando o alumno ou alumna precise facer o pago nunha entidade bancaria, deberá remitirlle á secretaría do Programa, en prazo e sempre antes do comezo da actividade, o xustificante de pago correspondente.

24.8. O prazo de anulación de matrícula establecerase na convocatoria. Non procederá a devolución de prezos por anulacións fóra dos períodos establecidos agás no caso de que non se prestara o servizo por causa imputable á USC. Calquera devolución económica ao alumnado farase polo procedemento administrativo establecido pola USC.

24.9. Non poderán fraccionarse os pagos de matrícula nin os das actividades complementarias.

24.10. O alumnado do IV Ciclo deberá aboar obrigatoriamente as tarifas de apertura de expediente para cursar calquera diploma, así como anualmente o custe do seguro obrigatorio de accidentes da USC e as tarifas polo mantemento da tarxeta universitaria (TUI).

Artigo 25. A tarxeta universitaria do alumnado de IV Ciclo

25.1. A tarxeta universitaria do alumno ou alumna é un documento privado e persoal intransferible.

25.2. A tarxeta universitaria daralle acceso a:

a) As bibliotecas da USC

b) Aos diversos servizos da universidade e á redución de tarifas que correspondan

CAPÍTULO X. DOS MEDIOS DE DIFUSIÓN

Artigo 26. Da páxina web e outros medios de difusión do programa de IV Ciclo

26.1. Na páxina web do IV Ciclo recóllese toda a información básica referida ao Programa.

26.2. Pódese acceder á páxina web propia, a través do enderezo: https://www.usc.es/gl/estudos/cuarto-ciclo

Dita páxina está destinada fundamentalmente a:

a) Coñecer a oferta do Diploma Sénior

b) Coñecer a oferta do Diploma Excélsor

c) Coñecer a oferta doutros programas desenvoltos

26.3. A actualización dos contidos corresponderá á secretaría do Programa Universitario para Maiores.

26.4. Poderase xestionar dende a secretaría do Programa unha lista de distribución para a realización de avisos de interese ao alumnado de IV Ciclo.

CAPÍTULO XI. SUXESTIÓNS E QUEIXAS

Artigo 27. Suxestións e queixas

27.1. Todas as suxestións, queixas ou propostas tanto do alumnado como do profesorado do IV Ciclo poderán presentarse a través da Oficina de Análise de Reclamacións.

CAPÍTULO XII. DA REFORMA DO REGULAMENTO

Artigo 29. Iniciativa para a reforma e aprobación

29.1. O presente regulamento poderá ser modificado de oficio ou a proposta da Comisión Académica.

Disposición Transitoria.

En tanto non se aprobe o Regulamento de réxime interno da Comisión Académica do IV Ciclo, manterase a Comisión Académica prevista no artigo 4.3 da anterior regulación.

Disposición Derrogatoria.

Queda derrogado o Regulamento de data 5 de xullo de 2016, agás os artigos 4.2 e 4.3 relativos á Comisión Académica que seguirán en vigor ata a aprobación do seu regulamento de réxime interno.

Disposición Final.

O presente regulamento entrará en vigor, logo da súa aprobación polo Consello de Goberno, o día seguinte ao da súa publicación no Taboleiro Electrónico da USC.

ANEXO I: MATERIAS OPTATIVAS DO PLAN DE ESTUDOS DO DIPLOMA SÉNIOR

a) DOCENCIA DIPLOMA SÉNIOR SANTIAGO DE COMPOSTELA

 

Nº créditos MATERIA CURSO
3 Q1010101 Historia da Cultura de Galicia
3 Q1010102 Informática Básica
3 Q1010106 Historia da Medicina e da Ciencia
3 Q1010103 A Política Hoxe
3 Q1010105 Xeografía de Galicia
3 Q1010104 Iniciación á Bioloxía Humana
3 Q1010201Literatura Española Contemporánea
3 Q1010205 Aprendizaxe emocional e benestar
3 Q1010206 Astronomía
3 Q1010202 Patrimonio Bibliográfico e Documental
3 Q1010203 Fundamentos do Dereito
3 Q1010204 Medio Ambiente
3 Q1010304 Fundamentos de Bioquímica Humana
3 Q1010302 Historia da Arte de Galicia
3 Q1010306 Nutrición
3 Q1010301 Educación Intercultural
3 Q1010303 Indicadores Económicos e Sociais: Introdución
3 Q1010305 Comunicación Xornalística. Medios, Mediacións eInformacións
3 Q1010401 Literatura Galega Contemporánea
3 Q1010402 Aspectos Básicos da Calidade de Vida
3 Q1010403 Introdución á Ópera. Novos Medios, Novas Oportunidades
3 Q1010405 Historia da Arte de Compostela
3 Q1010406 Medicamentos
3 Q1010404 Introdución á Zooloxía
3 Q1010504 Invitación a un Concerto. Educación pola Música
3 Q1010505 Psicoloxía
3 Q1010506 Historia da Pintura
3 Q1010501 Historia do Pensamento
3 Q1010503 Enerxía, Materia e Vida.
3 Q1010502 Informática Avanzada

 

b) DOCENCIA DIPLOMA SÉNIOR LUGO

 

Nº créditos MATERIA CURSO
3 Q1020103 Historia da Cidade de Lugo I
3 Q1020104 Literatura Galega
3 Q1020105 Informática
3 Q1020106 Biodiversidade e Conservación
3 Q1020101 Territorio e Paisaxe
3 Q1020102 Educación Ambiental e Cultura da Sustentabilidade
3 Q1020201 Alimentación Saudable
3 Q1020203 Zooloxía Aplicada
3 Q1020204 Fundamentos Básicos da Psicoloxía
3 Q1020202 Historia Contemporánea de España
3 Q1020205 Botánica Forestal e Ornamental
3 Q1020206 Microscopía no Estudo de Células, Tecidos e Órganos
3 Q1020301 Cultura e Paisaxe
3 Q1020303 Análise do Mundo Rural
3 Q1020304 Historia de Europa
3 Q1020306 Introdución ao Patrimonio Cultural
3 Q1020305 Fisioloxía e Saúde
3 Q1020302 Agricultura a Pequena Escala: Presente e Futuro
3 Q1020405 Historia da Arte
3 Q1020403 A ópera dos Séculos XVIII-XX: Teatro e Cine
3 Q1020401 Astronomía Básica
3 Q1020406 Xeografía do Mundo
3 Q1020402 Xornalismo e Sociedade. Mitos e Realidades
3 Q1020404 Estrutura e Política Económica
3 Q1020502 Temas Actuais de Economía
3 Q1020504 Astrofísica e Cosmoloxía
3 Q1020506 Riscos Naturais
3 Q1020505 Intelixencia Emocional e Crecemento Persoal
3 Q1020503 Historia da Cidade de Lugo II
3 Q1020501 Ecoloxía e Desenvolvemento Sustentable

 

c) DOCENCIA DIPLOMA SÉNIOR SEDE RIBEIRA

 

Curso académico   MATERIAS   CRÉDITOS    
    Q1030102 Informática Básica   3    
    Q1030915 Fundamentos do Dereito   3    
    Q1030105 Xeografía de Galicia   3    
    Q1030104 Iniciación á Bioloxía Humana   3    
    Q10310103 A Política Hoxe   3    
          15  
    Q1010101 Historia da Cultura de Galicia   3    
    Q1010206 Astronomía   3    
    Q1010403 Introdución á Ópera. Novos Medios, NovasOportunidades   3    
    Q1010301 Educación Intercultural   3    
    Q1010504 Invitación a un Concerto. Educación pola Música   3    
    Q1010104 Iniciación á Bioloxía Humana   3    
  TOTAL CRÉDITOS CURSO       18  

 

ANEXO II: PLAN DE ESTUDOS DO DIPLOMA EXPERTO SÉNIOR

DIPLOMA EXPERTO SENIOR -IV CICLO
BLOQUES DECONTIDO MATERIAS TIPO CRÉDITOS
MÓDULO I: Aspectos xerais
Conferencia apertura Unha vía láctea e multitude de camiños Ob. 0.25
Conferencia peche A chegada a Compostela principio ou fin? Ob. 0.25
Metodoloxía dainvestigación eintervención Metodoloxía da investigación, cultura epatrimonio comunitario (metodoloxíacualitativa).Metodoloxía experimental e secuencializacióndo proceso investigador. Ob. 0.5
Traballo de ExpertoSénior Traballo de tema libre vinculado ao Curso deExperto Sénior con seguimento dende acoordinación do curso de experto. Ob 6
TOTAL CRÉDITOS MÓDULO I 7
MÓDULO II: Patrimonio e camiño
BLOQUE A):O contextosociocultural eartístico do románico.A catedral unha alfaia Como aparece o románico. Un contexto que ofavorece o xurdir dunha catedral.Vivencias usos e costumes.Avances científicos.Política e catedral Op. 1111
BLOQUE B):configuraciónxeomórfica do camiñofrancés Construción xeolóxica do camiñoA auga e os mananciaisA matemática e a xeometríaOs medicamentos e a medicina no camiño Op. 1111
BLOQUE C):A construción culturaldo camiño Instrumentos e música no camiñoA lírica no camiñoA gastronomía no camiñoMedio ambiente e paisaxeEconomía e mercadoConvivencia e culturas no camiñoLendas e símbolos ao longo do camiñoOrdes e relixión no camiñoNomes e figuras do camiñoA muller no camiño Op. 1111111111
TOTAL CRÉDITOS MÓDULO II 18
TOTAL CRÉDITOS DIPLOMA EXPERTO SENIOR 25
OUTRAS ACTIVIDADESQUE ACHEGANCRÉDITOS Voluntariado Sénior no camiñoSeminarios IV CICLOCátedra do Camiño e das Peregrinacións Op.Op.Op. 355
TOTAL CRÉDITOS RECOÑECIBLES 13

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver