Regulamento de Matrícula, elaboración e Defensa do Traballo de Fin de Grado en Veterinaria

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1167
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

(Aprobado pola Xunta de Facultade o 2 de abril de 2024)

(Aprobado polo Consello de Goberno o 26 de abril de 2024)

Preámbulo

O Real decreto 822/2021, do 28 de setembro (BOE 29/09/2021), establece a organización das ensinanzas universitarias. O Real decreto indica no artigo 14 que as ensinanzas de grao concluirán coa elaboración dun Traballo Fin de Grao (en adiante TFG) que terá entre 6 e 30 créditos ECTS, deberá realizarse na fase final do plan de estudos e estar orientado á avaliación dos coñecementos, competencias e habilidades asociadas ao título.

Na Orde ECI/333/2008, do 13 de febreiro (BOE 15/02/2008), pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de veterinario, indícase que o TFG será unha materia transversal cuxo traballo se realizará asociado a distintas materias.

No Plan de Estudos do Grao en Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (en adiante USC), considérase o TFG como unha materia obrigatoria de 6 créditos ECTS que se cursará no último semestre do título.

O 2 de maio de 2013, o Consello de Goberno da USC aprobou a Normativa de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos Fin de Grao na USC. O 10 de marzo de 2016, esa normativa foi revisada e modificada polo Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos Fin de Grao e Fin de Máster na USC (en adiante, Regulamento USC), para adaptala aos novos Estatutos da USC e incorporar todas as melloras recomendadas nos informes de seguimento e renovación de acreditación de títulos. O Claustro Universitario aprobou o 28 de novembro de 2019 o Estatuto do Estudantado da USC, que establece no artigo 5 o dereito específico do estudantado de grao da USC de “contar cunha tutela efectiva, académica e profesional, no TFG”, así como de “garantir a protección da propiedade intelectual, cando corresponda, dos traballos orixinais artísticos, científicos ou técnicos que realice no marco da súa actividade discente, nos termos que se establecen na lexislación vixente”. No artigo 1 do Regulamento USC indícase que os centros elaborarán as normativas propias das titulacións das que son responsables, adaptándose a ese Regulamento e axustándoas ás características propias de cada título.

Esta normativa ten por obxecto regular o proceso do TFG no Grao en Veterinaria da USC e contén as normas xerais relativas á natureza, ao órgano de goberno encargado da súa xestión, á súa realización, defensa e cualificación así como dos trámites administrativos relacionados co TFG.

Tódolos aspectos referidos ao TFG que non estean recollidos nesta normativa, rexeranse pola normativa vixente na USC.

Artigo 1. Natureza do Traballo Fin de Grao

1.1. O TFG consistirá na elaboración por parte do estudantado, de forma individual ou en equipo, dun proxecto, traballo, memoria ou estudo orixinal no que se integren e desenvolvan os coñecementos, capacidades, competencias e habilidades adquiridas durante os estudos do Grao en Veterinaria. Estará relacionado cos contidos do Grao en Veterinaria e incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de resultados relevantes, redacción, e presentación e defensa do traballo.

1.2. Considéranse catro modalidades de TFG para o Grao en Veterinaria:

• TRABALLO DE REVISIÓN BIBLIOGRÁFICA. Consistirá en actualizar e organizar todo o contido posible sobre unha temática seleccionada.

• TRABALLO EXPERIMENTAL, que poderá ser, á súa vez, un traballo de investigación ou un traballo de carácter profesional. Poderá desenvolverse en departamentos, laboratorios ou centros universitarios, así como en centros e empresas colaboradoras.

• TRABALLO DE DIVULGACIÓN. Tratará dun tema científico de interese social dirixido ao público xeral.

• TRABALLO DE CASOS CLÍNICOS INÉDITOS. Consistirá no estudo e avaliación de novos casos referidos a calquera especie estudada no Grao en Veterinaria.

Artigo 2. Matrícula e convocatorias

2.1. A matrícula na materia TFG realizarase dentro do prazo xeral de matrícula ordinaria que estableza a Universidade, mediante o aboamento dos prezos públicos que correspondan conforme aos créditos que teña asignados e conxuntamente coas materias que o alumnado teña pendente de superar para completar os estudos do Grao en Veterinaria. Para poder formalizar a matrícula do TFG o alumnado poderá ter pendentes como máximo 75 créditos para completar o Grao en Veterinaria, excluídos os correspondentes ao TFG.

2.2. Os/As alumnos/as de intercambio poderán matricularse desta materia. O seu réxime será o establecido no Regulamento de intercambios da USC.

2.3. A matrícula dará dereito á entrega e defensa do traballo en dúas oportunidades no curso no que o/a alumno/a estea matriculado/a, sempre que cumpra os requisitos para a súa avaliación.

2.4. Os TFG poderán ser defendidos e avaliados cando se cumpran os requisitos establecidos na normativa vixente na USC. É necesario, en todo caso, ter superadas as restantes materias do Grao. No caso de que na data de defensa aínda non se recibiran todas as actas de avaliación das materias, o/a secretario/a do centro responsable da titulación solicitará do profesorado encargado das materias que informe sobre as cualificacións do alumnado que vaia defender os traballos na mesma convocatoria.

2.5. A Xunta de Facultade aprobará as datas para a entrega e defensa dos traballos dentro do período que determine o calendario académico.

2.6. O número máximo de convocatorias que poderá consumir o alumnado para esta materia será de catro e poderá contar con dúas oportunidades por curso académico. A obtención de non presentado nalgunha das oportunidades ou en todas computarase para os efectos de consumir a convocatoria. Para poder presentarse a unha nova convocatoria será necesaria a formalización de nova matrícula.

2.7. Unha vez formalizada a matrícula, non procederá a devolución dos prezos aboados no caso de non presentarse. No suposto de que o/a alumno/a non reúna os requisitos para presentar o traballo por ter materias pendentes, considerarase unha renuncia automática polo que non se computará para os efectos de consumir convocatoria.

Artigo 3. Coordinador/a e Comisión de Traballo Fin de Grao

3.1. A Xunta de Facultade (a proposta do/a decano/a) elixirá a un/unha coordinador/a de TFG. A Comisión de Traballo Fin de Grao (en adiante CTFG) será a encargada de atender todas as cuestións propias do desenvolvemento desta materia.

3.2. A CTFG estará composta polos seguintes membros:

• O/A decano/a (ou persoa na que delegue) que presidirá a CTFG.

• O/A coordinador/a de TFG que actuará como secretario/a da CTFG.

• O/A coordinador/a do Grao en Veterinaria.

• O/A xestor/a académico/a do centro.

• Dous membros do sector de profesorado a tempo completo que serán elixidos entre os membros da Xunta de Facultade.

• Un/Unha alumno/a elixido/a entre os representantes do alumnado do Grao en Veterinaria na Xunta de Facultade.

3.3. A CTFG terá as seguintes competencias:

• Propoñer anualmente a programación docente na que se determinen as diferentes formas de desenvolvemento, exposición e criterios de avaliación para o curso académico de que se trate.

• Establecer a convocatoria anual e fixar o calendario da materia para cada curso académico.

• Supervisar os sistemas de titorización e aprobar as propostas de TFG remitidas polos departamentos.

• Decidir sobre a modificación de temas e/ou titor/a asignado/a, previa consulta ao/s departamento/s afectado/s.

• Nomear os tribunais de avaliación.

• Autorizar a presentación dos traballos, nos casos excepcionais, nos termos expresados na normativa xeral da USC.

• Resolver as incidencias graves relativas a esta materia.

• Calquera outra que lle encomende a Xunta de Facultade.

3.4. A Xunta de Facultade aprobará a programación docente da materia así como os períodos de entrega e defensa dos TFG, que se publicarán xunto coa convocatoria oficial de exames de cada curso académico.

Artigo 4. Titores/as do Traballo Fin de Grao

4.1. Cada TFG deberá ter un/unha titor/a docente que oriente ao/á estudante na realización do traballo. O/A titor/a planificará sesións co/coa estudante nas que establecerá a programación das tarefas que debe realizar. Será responsabilidade do/a titor/a emitir un informe confidencial sobre o seguimento do traballo antes da súa defensa. O informe do/a titor/a virá acompañado dunha nota entre 0 e 10. A porcentaxe desta nota outorgada polo/a titor/a na cualificación final da materia figurará na programación académica da materia, respectando o establecido na memoria do título.

4.2. Por razóns xustificadas, e se a CTFG o estima oportuno, poderase designar un/unha cotitor/a, ou excepcionalmente dous/dúas cotitores/as.

4.3. Cada titor/a poderá asumir a titorización dun máximo de cinco novos/as estudantes por curso académico. No caso de cotitorización cada estudante computará a metade.

4.4. O/A titor/a e os/as cotitores/as serán persoal docente e investigador (PDI) das áreas que impartan docencia no Grao en Veterinaria.

4.5. Tamén poderán ser cotitores/as profesores/as da USC que se atopen en situación de servizos especiais, comisión de servizos, eméritos ou ad honorem e profesorado doutras universidades, ou persoal con vinculación permanente a organismos públicos de investigación (OPI) e profesionais especializados. Non poderán ser cotitores/as, o persoal de administración e servizos, salvo nos supostos de consideración como profesionais, nin o persoal contratado con cargo ao capítulo VI, agás que posúan titulación de máster ou teñan unha titulación que se corresponda co nivel 3 do MECES. No caso de cotitorización de persoal alleo á USC (área externa), con carácter previo a realizar a cotitoría, deberá comunicarse esa circunstancia á vicerreitoría con competencias na materia a través do servizo correspondente, indicando a súa dedicación.

4.6. Os traballos poderanse desenvolver parcialmente no marco de convenios con empresas ou institucións. Nestes casos, a matrícula realizarase na USC pero poderase designar un/unha cotitor/a que sexa persoal do centro ou institución na que se desenvolva o traballo. En todo caso, a defensa e avaliación dos traballos deberá realizarse en instalacións da USC.

4.7. O recoñecemento dos labores de titorización dos TFG farase nos termos previstos na Normativa de Programación Académica Anual da USC.

Artigo 5. Propostas e asignación do Traballo Fin de Grao

5.1. O centro e os departamentos con docencia na facultade asegurarán a dispoñibilidade de titores/as suficientes para cada curso académico. Con tal fin, a partir dos datos recollidos no PDA, a CTFG fará unha estimación do número de titores/as necesarios/as. Sobre a estimación, incrementarase un 10% por seguridade, establecendo o número mínimo de titorizacións que lle corresponde presentar ese ano a cada área de coñecemento, que será proporcional ao número de créditos impartidos no Grao en Veterinaria, e deberá ter en conta a limitación establecida no punto 4.3. Para o devandito cálculo, non se terán en conta:i) o TFG, ii) as materias do módulo de prácticas tuteladas, iii) as materias optativas. Tamén quedan excluídos aqueles departamentos con dous ou menos créditos impartidos no Grao en Veterinaria. Para elaborar a oferta do seguinte curso, a Secretaría da Facultade solicitará aos departamentos durante o mes de maio unha relación de temas e titores/as que cumpra os mínimos necesarios. Os departamentos enviarán a dita lista á Secretaría da Facultade antes do remate do mes de xuño.

5.2. O departamento ao que estea adscrito o/a titor/a será responsable da súa substitución, temporal ou permanente, no caso de que se produza unha baixa ou finalice a súa relación contractual coa USC.

5.3 A facultade fará pública a listaxe de temas e titores/as dispoñibles antes do remate do mes de xullo, previo ao inicio do curso académico.

5.4. A comisión de TFG, coa petición motivada dun/dunha titor/a e co visto bo do departamento afectado, en atención a circunstancias académicas que concorran, poderá autorizar un traballo adicional á súa oferta obrigatoria por asignación directa. A dita asignación deberá incluír o nome do/a estudante titorizado/a.

5.5. Os/As estudantes matriculados/as no TFG, poden optar por algunha das dúas opcións seguintes para a elección do tema e do/a titor/a:

A) Asignación directa, cando así sexa comunicado polo/a correspondente titor/a, co visto bo do seu departamento e de acordo co indicado no punto 5.4.

B) Solicitar a asignación dun/dunha titor/a da lista de titores/as dispoñibles. Para iso, a facultade fará público durante o primeiro mes do curso a clasificación académica dos/as estudantes matriculados/as no TFG e que non conten cun TFG asignado. A asignación nesta segunda opción realizarase nunha sesión pública, que terá lugar despois de transcorridos polo menos 3 días hábiles dende a publicación da listaxe, empregando a posición para determinar a orde de elección. Neste acto, os/as estudantes poden delegar a elección, sendo preciso nese caso presentar a correspondente autorización por parte do/a interesado/a. Tanto a data de publicación da listaxe como a da sesión pública para a elección do/a titor/a do TFG farase pública antes de rematar o mes de xullo do curso anterior.

5.6. A asignación provisional farase pública na páxina web e/ou nos taboleiros da facultade e no taboleiro electrónico da USC.

5.7 Unha vez publicada a asignación definitiva, os/as estudantes terán que contactar cos/coas titores/as co fin de elaborar a súa proposta de TFG.

O/A estudante enviará a dita proposta de traballo a través da súa secretaría virtual, seguindo o procedemento e o prazo establecido na convocatoria. A dita proposta será revisada e, de ser o caso, aprobada pola CTFG. Cada proposta deberá incluír os seguintes aspectos:

• Título do traballo

• Titor/a e cotitor/a do traballo

• Breve descrición do contido

5.8. A adxudicación de titor/a terá validez ata que o/a estudante supere a materia. O/A estudante e/ou o/a titor/a poderán solicitar a anulación da asignación, mediante escrito razoado remitido á CTFG. A CTFG analizará o caso, e consultado/s os/as afectados (estudantes, titores/as e departamentos), tomará unha decisión que se comunicará ás persoas afectadas.

Artigo 6. Solicitude, entrega, formato e defensa do Traballo Fin de Grao

6.1. A solicitude de defensa do TFG así como a entrega da correspondente memoria realizarase segundo o procedemento establecido pola USC durante os períodos aprobados pola Xunta de Facultade de Veterinaria. Os requisitos formais desta, así como a súa estrutura, que pode depender da modalidade do traballo, figurarán na programación académica anual da materia. En calquera caso, non constará o nome do/a titor/a. Na programación docente da materia incluirase as consecuencias de non cumprir cos requisitos formais aprobados.

6.2. No caso de ser necesario dar de alta ao/á estudante na seguridade social durante o período de realización do TFG, establecerase o procedemento correspondente.

6.3. A redacción da memoria do TFG poderase efectuar en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma. O título e o resumo estarán escritos en galego, castelán e inglés, e irán acompañados de palabras chave (tamén nos tres idiomas) que, en número non inferior a cinco, identifiquen a temática do traballo.

6.4 Tamén será necesario cumprimentar todos aqueles campos solicitados pola ferramenta empregada pola USC para realizar a solicitude de defensa e a entrega da memoria do TFG.

6.5. A defensa do TFG do Grao en Veterinaria será ante tribunal. Para cada curso académico poderá constituírse un ou varios tribunais para a valoración dos TFG. Esta decisión correspóndelle á CTFG.

6.6. Cada un dos tribunais estará formado por tres membros (presidente/a, secretario/a e vogal) e os/as seus/súas respectivos suplentes, que serán elixidos/as mediante sorteo entre todo o PDI que imparta polo menos 30 horas de docencia no Grao en Veterinaria. Exercerá a función de presidente/a o membro do tribunal de maior categoría e máis antigo, e a función de secretario/a, o membro de menor categoría e máis novo.

6.7. A selección realizarase de maneira que en cada tribunal (comisión titular e suplente) haxa un/unha profesor/a do módulo de Ciencias Básicas, un/unha de Ciencias Clínicas e Sanidade Animal e un/unha de Produción Animal e Hixiene, Tecnoloxía e Seguridade Alimentaria.

6.8. A participación nos tribunais é obrigatoria para as persoas nomeadas, agás causa de forza maior debidamente acreditada. A CTFG é a encargada de estudar as ditas renuncias, sobre as que debe tomar unha decisión que ten que ser comunicada aos/ás afectados/as. A actuación como membro titular do tribunal, exclúe da participación no sorteo ata que de forma rotatoria tódolos membros de cada módulo tomasen parte.

6.9. O recoñecemento dos labores de participación nos tribunais, farase nos termos previstos pola correspondente normativa ou regulamento da USC.

6.10. Os/As estudantes serán asignados/as aos diferentes tribunais por orde alfabética tras o sorteo da primeira letra. No caso de que un/unha estudante vaia ser xulgado/a por un tribunal no que participa o seu titor/a, a CTFG asignaralle outro tribunal, e se isto non é posible, o membro titular será substituído, nese traballo concreto, polo/a seu/súa suplente.

6.11. Unha vez nomeados os tribunais por parte da CTFG, o/a secretario/a da CTFG fará pública, coa antelación suficiente, a convocatoria da sesión na que se indicará o lugar, o día e a hora na que se iniciará a sesión para a defensa dos TFG.

6.12. A defensa do traballo requirirá o informe de titorización. Os/As titores/as teñen a obriga de entregar o informe do/a estudante titorizado/a, cunha antelación mínima de 48 horas á data prevista para a defensa do TFG.

6.13. A presentación do TFG farase a través dun proceso de exposición e defensa pública do traballo. Na programación docente indicarase o tempo máximo de exposición, así como o tempo do que disporá o tribunal para formular as preguntas e cuestións que considere convenientes.

6.14. A exposición e defensa da memoria do TFG poderase efectuar en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma.

Artigo 7. Avaliación do Traballo Fin de Grao

7.1. Despois da defensa do TFG o tribunal emitirá a súa valoración, tendo en conta os criterios de avaliación publicados na programación docente da materia, e expresará a cualificación conforme ao procedemento de avaliación vixente na USC para a materia de TFG.

7.2. As mencións de “Matrícula de Honra” só se poderán outorgar unha vez finalizadas as defensas de tódolos traballos correspondentes ao curso académico, cos requisitos establecidos pola normativa de avaliación vixente da USC. No caso de que se constituíse un único tribunal avaliador en tódalas convocatorias do curso, será este o que outorgue as matrículas de honra que correspondan. No caso de existiren dous ou máis tribunais avaliadores, será a CTFG a que outorgue estas mencións, unha vez recibidas as propostas dos diferentes tribunais.

7.3. O alumnado ten dereito á revisión das cualificacións nas datas e horarios que para tal efecto deberán fixarse no momento de facer públicos os resultados provisionais, seguindo a normativa vixente da USC. A revisión será persoal e poderá realizala un ou varios membros do tribunal. En todo caso deberá quedar constancia da celebración da revisión e da data en que se realizou mediante calquera sistema que acredite a súa realización.

7.4. O procedemento de reclamación contra a cualificación será o establecido na normativa vixente relativa á avaliación do rendemento académico do estudantado da USC e de revisión de cualificacións.

Artigo 8. Dereitos do alumnado

8.1. A propiedade intelectual dos traballos correspóndelle ao/á alumno/a que o realizou. No caso de realizarse os traballos no marco dun contrato ou convenio con algunha entidade ou, de ser o caso, dun proxecto ou liña de investigación, os dereitos serán os recollidos no dito contrato ou convenio ou os que se pacten previamente, respectando en todo caso a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual ou industrial.

8.2. Unha copia en formato electrónico dos traballos superados quedará depositada no centro para o seu arquivo e consulta, e poderá ser utilizada na USC para usos académicos e de investigación, sempre coa mención específica aos/ás seus/súas autores/as. Para estes efectos o alumnado asinará a correspondente autorización de difusión e a declaración de que se trata dun traballo inédito.

8.3. A CTFG poderá propoñer a publicación dos TFG que destaquen pola súa calidade, e en especial propoñeranse os dos/as alumnos/as que acaden a mención de matrícula de honra nesta materia. Os/As autores/as dos traballos propostos, co visto e prace do/a titor/a, deberán asinar o correspondente documento para autorizar a súa difusión no repositorio institucional da USC (Minerva), no que declaren que se trata dun traballo orixinal e que non está, en todo ou en parte, suxeito a restricións, tales como co-titularidade, dereitos de propiedade industrial ou cláusulas de confidencialidade con empresas.

Artigo 9. Deberes do alumnado

9.1. Os TFG deben ser traballos orixinais de elaboración propia e deben citarse debidamente as fontes que se tiveron en conta para a súa realización.

9.2. O incumprimento do indicado no apartado anterior suporá a cualificación de “suspenso” na convocatoria e o deber do/a titor/a e/ou do tribunal que o detecte de poñelo en coñecemento da Reitoría a efectos de iniciar as accións disciplinarias que procedan, de conformidade co artigo 16 da Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.

9.3. Con carácter previo á autorización da defensa, poderá realizarse unha análise automatizada de control da vulneración de dereitos de propiedade intelectual. A partir desa análise, se a CTFG considera que se vulneraron os citados dereitos, poderá denegar a defensa do traballo e aplicarase o indicado no parágrafo anterior.

DISPOSICIÓN FINAL. ENTRADA EN VIGOR

A presente Normativa entrará en vigor no curso académico 2024-2025, logo da súa ratificación polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Quedan derrogadas cantas normas se opoñan a esta normativa, en particular a Normativa pola que se regula o Traballo Fin de Grao na Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela aprobada polo Consello de Goberno do 3 de marzo de 2017.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver