Regulamento de estudos propios da Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1071
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

Aprobado polo Consello de Goberno o 30 de marzo de 2023

Exposición de motivos

A Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades, sinala no seu artigo 34.1 que as universidades impartirán as ensinanzas conducentes á obtención de títulos oficiais con validez en todo o territorio nacional e poderán impartir ensinanzas conducentes á obtención doutros títulos. A tal efecto, aprobouse o Regulamento de estudos propios e formación permanente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), por Consello de Goberno de 25 de febreiro de 2021.

O Real Decreto 822/2021, de 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade (Boletín Oficial del Estado do 29 de setembro de 2021) veu a ordenar, modificar e actualizar determinados aspectos básicos da ordenación dos estudos propios e do seu sistema de calidade.

Dentro do seu capítulo VIII, dedicado ás ensinanzas propias das universidades, o Real Decreto adica o seu artigo 37 á regulación da formación permanente. Nel encomenda ás universidades a tarefa de regular a formación permanente a través dunha normativa específica que estableza, como mínimo, as condicións de impartición, as prazas dispoñibles, o plan de estudos, a participación do profesorado, tanto propio como externo, e os prezos destes títulos propios, que serán aprobados polo Consello Social.

O referido artigo 37 diferencia as modalidades de estudos propios segundo estes requiran ou non de titulación universitaria previa. En consonancia co anterior, o presente Regulamento ten por obxecto harmonizar os criterios establecidos no Real Decreto cos criterios reguladores dos diferentes tipos de estudos propios que imparte a USC. Deste xeito, os estudos propios dividiranse en tres grupos:

O primeiro grupo ten por obxectivo ampliar os coñecementos e as competencias, así como a especialización e a actualización formativa das persoas con título universitario. Forman parte deste grupo o título de Máster de Formación Permanente (cunha carga de 60, 90 ou 120 créditos ECTS), o Diploma de Especialización (entre 30 e 59 créditos) e o Diploma de Experto/a (entre 15 e 29 créditos).

O segundo grupo comprende os estudos propios cunha carga crediticia igual ou superior a 15 créditos ECTS, que non requiren titulación universitaria de acceso e que teñen por finalidade ampliar e actualizar coñecementos, competencias e habilidades formativas ou profesionais que contribúan a unha mellor inserción laboral dos cidadáns e das cidadás.

O terceiro grupo comprende as actividades formativas de menos de 15 créditos ECTS, organizadas baixo a forma de microcredenciais ou micromódulos, que permitan certificar resultados de aprendizaxe ligados a actividades formativas de corta duración, con independencia de que as persoas destinatarias posúan ou non unha titulación universitaria previa.

A USC centraliza no Centro de Estudos Propios (en adiante CEP) a xestión da oferta unificada das ensinanzas propias, aberta ao tecido social e produtivo, co obxectivo de fortalecer a formación das persoas interesadas ao longo da vida, actualizando e ampliando os seus coñecementos, capacidades e habilidades nos diversos campos do saber.

O rigor académico, científico e a calidade dos estudos propios que oferta a USC garántese a través do seu Sistema Interno de Garantía de Calidade. Nomeadamente, os Másteres de Formación Permanente contarán cun informe favorable, preceptivo e vinculante con carácter previo á súa aprobación polo Consello de Goberno, que posibilitará a súa inclusión no Rexistro Universitario de Centros e Títulos (en diante, RUCT).

CAPÍTULO I - Disposicións xerais

Sección 1ª. Réxime xeral dos estudos propios da USC

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este Regulamento ten por obxecto regular o deseño, funcionamento e organización dos estudos propios da USC: Másteres de Formación Permanente, Cursos de Especialización, Cursos de Experto/a, Cursos de Formación Continua e Cursos de Formación Específica.

2. Quedan excluídos do ámbito deste Regulamento:

a) As ensinanzas universitarias oficiais de grao, máster e doutoramento, así como os contratos con empresas para traballos de investigación e desenvolvemento experimental.

b) Os cursos do programa IV Ciclo universitario, que contan con regulación específica na USC, os cursos de verán, os de ensinanza de linguas ofertados polo Centro de Linguas Modernas e os cursos do Centro de Formación de Persoal.

c) As actividades de posta en común de resultados de investigación en eventos de duración non superior a unha semana, calquera que sexa a súa denominación.

d) A actividade investigadora plasmada en congresos, coloquios, simposios, xornadas e outros eventos similares.

e) Calquera outra actividade que non se axuste ao establecido neste artigo.

3. A denominación dos títulos propios da USC non poderá inducir a equívoco coa de títulos doutras universidades nin coa de ciclos superiores non universitarios.

4. Os estudos propios poderanse recoñecer academicamente nas ensinanzas de grao e posgrao oficiais da USC de acordo co disposto na súa normativa específica.

Artigo 2. Competencias

1. Corresponde ao CEP da USC a oferta, tramitación, avaliación de calidade e seguimento dos estudos obxecto deste Regulamento.

Nestas funcións, o CEP estará asistido por unha Comisión con competencias en materia de Estudos Propios (en adiante, a Comisión do CEP). O funcionamento do CEP e da súa Comisión quedarán suxeitos ao seu propio regulamento de réxime interno.

2. A xestión académica do alumnado dos títulos propios correspóndelle ao Servizo de Xestión Académica da USC.

Artigo 3. Modalidades de formación

As ensinanzas de formación permanente suxeitas a este Regulamento poderán desenvolverse en modalidade docente presencial, híbrida ou virtual.

Artigo 4. Modalidades de estudos propios

1. Os estudos propios poderán requirir ou non de titulación universitaria previa.

2. Os estudos propios que requiran titulación universitaria previa teñen por obxectivo a ampliación de coñecementos e competencias, a especialización e a actualización formativa de titulados e tituladas universitarias. Atendendo á súa carga lectiva, poderán organizarse en tres modalidades:

a) Máster de Formación Permanente, de 60, 90 ou 120 créditos ECTS.

b) Diploma de Especialización, entre 30 e 59 créditos ECTS.

c) Diploma de Experto/a, entre 15 e 29 créditos ECTS.

3. Os estudos propios que non requiran titulación universitaria cunha carga lectiva igual ou superior a 15 créditos ECTS denominaranse Cursos de Formación Continua.

4. Os estudos propios cunha carga lectiva inferior a 15 créditos ECTS, requiran ou non titulación universitaria previa e organizados a través de microcredenciais ou micromódulos, denominaranse Cursos de Formación Específica.

Artigo 5. Créditos ECTS

A oferta de títulos propios estará expresada en créditos ECTS conforme ao sistema establecido no Real Decreto 1125/2003, de 5 de setembro.

Para os efectos de deseño da oferta académica, a USC establecerá os criterios para determinar as horas de docencia, de traballo do alumnado e de prácticas tuteladas que conforman este tipo de créditos nos estudos propios.

Artigo 6. Organización dos cursos

1. Os Másteres de Formación Permanente, o Diploma de Especialización e o Diploma de Experto/a poderán organizarse cunha estrutura única ou cunha modular.

Poderá ofertarse como curso independente unha materia ou unha agrupación de materias dun Máster ou Diploma.

2. Os Cursos de Formación Continua e de Formación Específica poderán ser organizados a demanda, de acordo coas regras establecidas no artigo 12 deste Regulamento.

3. Os estudos propios poderán organizarse de forma conxunta con outras universidades ou entidades, a través dun convenio no que se recollerán as súas peculiaridades organizativas e de xestión.

Sección 2ª. Réxime específico dos estudos propios da USC

Artigo 7. Másteres de Formación Permanente

1. Os Másteres de Formación Permanente contarán cunha carga lectiva de 60, 90 ou 120 créditos ECTS. Terán unha duración máxima de dous cursos académicos.

2. Os Másteres de Formación Permanente esixirán os mesmos requisitos de acceso que os Másteres oficiais.

Poderá ser admitido o alumnado ao que lle reste por superar o TFG e, como máximo, 9 créditos ECTS correspondentes á titulación de acceso requirida. Neste caso, non poderá obter o título de Máster en Formación Permanente quen previamente non obtivera o título de Grao.

3. Como mínimo e acumulativamente, o 25% da docencia do Máster será impartida por persoas que posúan o título de doutor ou doutora, o 25% dos docentes pertencerá á USC e o 25% dos créditos serán impartidos por docentes da USC.

No caso de non poder acadar os requisitos do parágrafo anterior, resolverá a Comisión do CEP previo informe da dirección do Máster, que se incluirá xunto coa proposta deste. No informe indicaranse as razóns extraordinarias que concorren e determinan esa imposibilidade.

4. A superación do programa de estudos dará dereito á expedición do título de “Máster de Formación Permanente en ...”. Este título expedirase unicamente para aquel alumnado que superara a titulación de acceso antes de rematar o curso académico no que finaliza.

Artigo 8. Diploma de Especialización

1. O Diploma de Especialización deberá ter un mínimo de 30 e un máximo de 59 créditos ECTS. Terá unha duración máxima dun curso académico.

2. Os requisitos de acceso serán os mesmos que para os másteres oficiais. Poderá ser admitido nun Diploma de Especialización o alumnado ao que lle reste por superar o TFG e, como máximo, 9 créditos ECTS correspondentes á titulación de acceso requirida. Neste caso, non poderá obter o Diploma de Especialización quen previamente non obtivera o título de Grao.

3. Como mínimo, e acumulativamente, o 25% da docencia do Diploma de Especialización será impartida por docentes que posúan o título de doutor ou doutora, o 25% dos docentes pertencerá á USC e o 25% dos créditos serán impartidos por docentes da USC.

No caso de non poder acadar os requisitos do parágrafo anterior, resolverá a Comisión do CEP, previo informe da dirección do Curso, que se incluirá xunto coa proposta deste. No informe indicaranse as razóns extraordinarias que concorren e determinan esa imposibilidade.

4. A superación do Diploma dará dereito á expedición do “Diploma de Especialización en...” unicamente para o alumnado que superara a titulación de acceso antes de rematar o curso académico no que finaliza.

Artigo 9. Diploma de Experto/a

1. O Diploma de Experto/a deberá ter unha carga mínima de 15 e máxima de 29 créditos ECTS. Terá unha duración máxima dun curso académico.

2. Os requisitos de acceso serán os mesmos que para os másteres oficiais. Poderá ser admitido nun Diploma de Experto/a o alumnado ao que lle reste por superar o TFG e, como máximo, 9 créditos ECTS correspondentes á titulación de acceso requirida. Neste caso, non poderá obter o Diploma de Experto/a quen previamente non obtivera o título de Grao.

3. A superación do Diploma dará dereito á expedición do “Diploma de Experto/a en...”, unicamente para aquel alumnado que superara a titulación de acceso antes de rematar o curso académico no que finaliza.

Artigo 10. Cursos de Formación Continua que non requiren titulación previa

1. Os Cursos de Formación Continua teñen por finalidade a ampliación e actualización dos coñecementos, competencias e habilidades formativas ou profesionais das persoas sen titulación universitaria, que contribúan á súa mellor inserción laboral. Contarán cunha carga de 15 créditos ECTS ou superior.

2. A dirección dos Cursos de Formación Continua deberá recaer en persoal docente e investigador da USC, agás que a natureza da formación ofrecida aconselle que se trate doutro persoal desta.

3. A dirección do curso poderá establecer, na correspondente proposta, os criterios de avaliación do alumnado que se consideren pertinentes.

A superación do curso dará dereito á expedición dun certificado en formato electrónico acreditativo da formación recibida, previo aboamento da taxa que se estableza, no que constarán a denominación do curso, o número de créditos e as materias cursadas. O modelo de certificación será establecido pola Secretaría Xeral.

Artigo 11. Cursos de Formación Específica

1. Os Cursos de Formación Específica, en forma de microcredenciais ou micromódulos, certificarán os resultados de aprendizaxe ligados a actividades formativas cunha carga de menos de 15 créditos ECTS.

2. Por proposta da dirección, o acceso aos Cursos de Formación Específica poderá requirir ou non de titulación universitaria previa.

3. A dirección dos Cursos de Formación Específica deberá recaer en persoal docente e investigador da USC, agás cando a natureza da formación ofrecida aconselle que se trate doutro persoal desta.

4. A dirección do curso poderá establecer, na correspondente proposta, os criterios de avaliación do alumnado que se consideren pertinentes.

A superación do curso dará dereito á expedición dun certificado en formato electrónico acreditativo da formación recibida, previo aboamento da taxa que se estableza, no que constarán a denominación do curso, o número de créditos e as materias cursadas. O modelo de certificación será establecido pola Secretaría Xeral.

Artigo 12. Organización a demanda dos Cursos de Formación Continua e de Formación Específica

1. Os Cursos de Formación Continua e os de Formación Específica poderán organizarse a iniciativa directa de docentes, servizos, centros, departamentos ou grupos de investigación da USC, ou a demanda de entidades externas.

2. A dirección destes cursos deberá recaer en persoal docente e investigador da USC, agás cando a natureza da formación ofrecida aconselle que se trate doutro persoal desta.

Se houbera dúas persoas a cargo da dirección dun mesmo curso, polo menos unha delas debe pertencer á USC.

3. O alumnado, seleccionado directamente pola dirección do curso ou por indicación da entidade solicitante da formación, deberá formalizar matrícula segundo o procedemento ordinario. A matrícula poderá estar aberta ou non a terceiras persoas interesadas e seguirá as regras específicas fixadas no art. 24.4 deste Regulamento.

4. As propostas de formación a demanda virán acompañadas dun orzamento de ingresos e gastos, e será aplicable o previsto no artigo 23 deste Regulamento, agás que a actividade conte cun financiamento externo debidamente acreditado e conforme ao establecido neste Regulamento, que asuma os gastos e non implique apertura dunha partida orzamentaria para o curso.

Os gastos xerados polos cursos promovidos por un servizo, centro, departamento ou grupo de investigación da USC poderán estar cubertos, na súa totalidade, a través de ingresos derivados de contratos ou convenios asinados con terceiros.

CAPÍTULO II - Organización dos cursos e profesorado

Artigo 13. Órganos de xestión académica dos cursos

1. Para a súa posta en marcha e desenvolvemento, os másteres, diplomas e cursos suxeitos a este Regulamento deberán contar cunha persoa encargada da dirección, que será a máxima responsable do curso.

Os Másteres de Formación Permanente, os Diplomas de Especialización e os de Experto/a deberán contar, ademais, cunha comisión académica, nos termos indicados no artigo 15 deste Regulamento.

2. Opcionalmente, os estudos propios da USC poderán contar con:

a) Unha persoa codirectora, que apoie á dirección na posta en marcha e no desenvolvemento do curso.

b) Unha persoa coordinadora das prácticas, cando o curso contemple o seu desenvolvemento. De non existir esta designación, dita función será asumida pola dirección do curso.

c) Unha persoa coordinadora académica, cando nas actividades propias do curso participen outras universidades ou entidades externas á USC e sexa necesario un traballo específico de coordinación.

3. No caso dos cursos propios de carácter conxunto, os requisitos establecidos neste regulamento para os órganos de xestión académica poderán adaptarse a través do convenio que se subscriba para o efecto.

Artigo 14. Dirección e codirección dos cursos

1. A persoa que asuma a dirección do curso deberá pertencer á USC. No caso dos Másteres de Formación Permanente, ademais, deberá:

a) Ter a condición de PDI con vinculación permanente ou temporal, sempre que o contrato estea vixente ata o remate do prazo para a presentación da memoria final do curso.

b) Posuír o título de doutor ou doutora.

2. Son funcións da dirección do curso:

a) Tramitar a solicitude ou renovación do curso, supervisar e controlar o seu desenvolvemento, así como solicitar aos órganos competentes a autorización para calquera modificación sobre a proposta de curso xa aprobada.

b) Responder da solvencia académica e profesional do profesorado proposto para impartir docencia no curso.

c) Solicitar o pagamento do persoal con cargo ao curso que dirixe, en consonancia coa proposta aprobada.

d) Presentar a memoria académica e económica unha vez rematado o curso.

e) Asinar as actas globais do curso, agás nos Másteres de Formación Permanente, nos que cada docente debe asinar a acta da súa materia, sen prexuízo do disposto neste Regulamento.

f) Ordenar o arquivo e conservación dos traballos e probas de avaliación realizados polo alumnado como parte do contido académico do curso. A Comisión poderá exixir a súa presentación en calquera momento, dentro dos prazos previstos na normativa académica xeral.

g) Calquera outra que se estableza neste Regulamento.

3. No caso de que se contemple unha codirección, a persoa que a ocupe poderá:

a) Ser externa á USC, sempre que acredite posuír unha titulación universitaria oficial e a entidade á que esta persoa pertenza colabore na proposta e organización do curso.

b) Colaborar coa dirección no deseño do curso, apoiar con publicidade a través de canles externas á USC na captación de alumnado e na selección como docentes de persoas profesionais alleas á USC e vinculadas ao seu ámbito de actividade.

c) Actuar na xestión ordinaria das labores docentes.

4. Os centros adscritos ou vinculados á USC estarán ao disposto no convenio marco que contemple a posibilidade de organizar títulos propios ou nos convenios específicos asinados sobre o particular.

Artigo 15. Comisión académica dos Másteres de Formación Permanente e dos Diplomas de Especialización e de Experto/a

1. Os Másteres de Formación Permanente e os Diplomas de Especialización e de Experto/a contarán necesariamente cunha comisión académica, que se incluirá na documentación presentada para a proposta do curso. Como mínimo, a metade dos seus membros deberá ser profesorado da USC.

2. A comisión académica estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa que asume a dirección, que a presidirá.

b) Unha persoa que realice labores de secretaría.

c) Un mínimo de tres vogais que pertenzan ao cadro de persoal docente do curso.

d) Un/ha estudante, que se incorporará cando finalice o proceso de matrícula.

3. Serán funcións da comisión académica:

a) A proposta de admisión do alumnado, en concordancia cos criterios de acceso e os criterios específicos de admisión do curso.

b) A emisión dun informe sobre as solicitudes de recoñecemento de estudos cursados.

c) A resolución ou informe sobre as cuestións académicas que non estean atribuídas a outros órganos da USC.

Artigo 16. O profesorado dos cursos

1. O profesorado dos cursos poderá pertencer á USC ou ser externo a esta.

2. A participación do profesorado da USC nas ensinanzas previstas neste Regulamento non terá, en ningún caso, a condición de encargo docente aos efectos do cumprimento dos seus deberes mínimos, nin se trasladará ao POD do departamento ao que pertenza o profesorado.

3. O persoal de administración e servicios da USC poderá participar como profesorado dun curso, previa solicitude razoada na proposta do curso e posterior aprobación desta.

4. O persoal docente, tanto da USC como externo, poderá impartir un máximo de 100 horas de docencia por curso académico nos estudos propios. Non computarán a estes efectos as horas de titoría de traballos académicos do alumnado nin as horas de titoría en cursos non presenciais.

O límite máximo será de 120 horas por curso académico, sumando docencia, dirección, codirección ou coordinación, co modo de cómputo indicado no parágrafo anterior.

5. As bases de execución do orzamento poderán fixar a retribución máxima por hora de docencia nos estudos propios.

Artigo 17. Persoal de apoio dos cursos

1. Os estudos propios poderán contar con persoal de apoio á dirección para a xestión e organización dos cursos ou para a realización doutras funcións profesionais.

2. A participación do persoal técnico, de xestión e de administración e servicios da USC como persoal de apoio dos cursos deberá ser autorizada pola xerencia. Estas tarefas non poderán superar o límite máximo de horas por curso académico determinado pola xerencia e deberán realizarse, en todo caso, fóra do horario de traballo habitual do persoal de apoio.

3. A remuneración máxima por hora de colaboración será fixada pola xerencia.

Artigo 18. Incompatibilidades

1. Unha persoa non poderá asumir a dirección simultánea de máis dun Máster de Formación Permanente ou de máis dun Diploma de Especialización ou de Experto/a, ou a codirección de máis de dous.

A mesma persoa só poderá exercer as tarefas de dirección no caso dun curso estruturado en módulos que poidan constituír, por si mesmos, outros cursos derivados.

2. O alumnado dun curso non poderá colaborar nas tarefas docentes, administrativas ou de xestión deste.

3. O persoal de apoio dun curso non poderá desempeñar simultaneamente as funcións de dirección, codirección ou coordinación deste.

CAPÍTULO III - Aprobación e supervisión dos estudos propios

Artigo 19. Propostas para a aprobación ou renovación dos cursos propios

1. Poderán propoñer un curso propio os/as docentes, centros, departamentos e institutos da USC. A proposta dos/as docentes debe ir informada favorablemente polo departamento, centro ou instituto ao que pertenzan. De concorrer un interese relevante para a USC, poderán presentarse propostas institucionais, a través da vicerreitoría que corresponda ou do Centro de Estudos Propios.

2. A Comisión do CEP precisará os requisitos e elaborará o calendario oficial para a presentación das propostas dos cursos, xa se trate de novas edicións ou de renovacións.

A USC poderá presentar propostas institucionais en datas distintas das aprobadas no calendario oficial.

3. As propostas de Cursos de menos de 15 créditos ECTS deberán presentarse cunha antelación mínima de trinta días naturais anteriores á data de inicio da preinscrición. Corresponde á Comisión do CEP a revisión e, no seu caso, a aprobación destas propostas.

4. A proposta para a aprobación dun curso deberá conter, necesariamente, os seguintes elementos:

a) Un orzamento dividido nos conceptos que se recollan no correspondente formulario.

b) A relación de materias a impartir.

c) A relación do profesorado que impartirá as materias.

d) A modalidade docente de impartición:presencial, híbrida ou virtual.

e) As datas de celebración e o límite de prazas.

f) Os requisitos de acceso e admisión.

g) A proposta de prezo de matrícula.

h) Os criterios das prácticas.

i) O procedemento de avaliación.

j) O título do curso.

k) O programa co número de créditos ECTS e as actividades obrigatorias e complementarias.

l) Para os Másteres de Formación Permanente, informe favorable do Sistema de Garantía Interna de Calidade (en diante, SGIC da USC con carácter previo á súa aprobación polos órganos de goberno. O informe preceptivo terá carácter vinculante e, de ser favorable, permitirá á USC solicitar a súa inclusión no RUCT, coa denominación de “Máster de Formación Permanente en ...”.

m) Para os Másteres de Formación Permanente e os Diplomas de Especialización e de Experto/a, unha comisión académica de acordo co disposto no artigo 15 deste Regulamento.

5. A Comisión do CEP será o órgano competente para resolver sobre a aprobación da proposta de cursos de duración inferior a 15 créditos ECTS, sen prexuízo do recurso de alzada perante o Consello de Goberno.

O Consello de Goberno é o órgano competente para resolver sobre a aprobación dos cursos propios con duración igual ou superior a 15 créditos ECTS, de conformidade co seguinte procedemento:

a) A Comisión do CEP informará, favorable ou desfavorablemente, as propostas de cursos recibidas. De ser informadas desfavorablemente, devolveranse ás persoas propostas para a dirección dos cursos para que as corrixan ou presenten alegacións nun prazo de dez días.

b) O informe favorable ou desfavorable da Comisión será remitido ao Consello de Goberno, órgano competente para resolver. No caso de ser desfavorable, o informe irá acompañado das alegacións da persoa proposta para a dirección.

6. A Comisión do CEP informará e o Consello de Goberno aprobará, no seu caso, os convenios específicos de colaboración con outras entidades, cando sexan necesarios para o desenvolvemento dun curso propio. O contido do convenio non poderá contravir o disposto neste Regulamento e, de ser o caso, poderá contarse coa oportuna participación da Secretaría Xeral.

Artigo 20. Propostas de modificación dos cursos propios

1. Calquera modificación dun curso propio deberá ser autorizada pola Comisión do CEP. O Consello de Goberno coñecerá da modificación substancial dun curso de 15 créditos ou máis, a proposta da Comisión do CEP.

2. Para non contravir os compromisos adquiridos co alumnado, non se autorizará ningunha modificación posterior ao período de matrícula, que sexa relativa a:

a) Criterios de acceso e admisión do estudantado.

b) Procedemento de avaliación do curso.

c) Título do curso ou das materias.

d) Programa, número de créditos e créditos totais das materias, salvo que se trate de actividades docentes complementarias e voluntarias para o alumnado.

e) Importe da matrícula.

3. A dirección do CEP ten competencia para autorizar:

a) Modificacións orzamentarias dos cursos xa aprobados cando teñan menos ingresos por matrícula dos previstos.

b) Modificacións menores e puntuais no profesorado que non incidan na calidade académica.

c) Aprazamento das datas de finalización de docencia acordadas co alumnado por razóns sobrevidas.

d) Outras de similar entidade.

Artigo 21. Cancelación dos cursos propios

1. Un curso poderá ser cancelado, sen alegar causa, antes do inicio do período de matrícula ou, unha vez rematado este, se non se acadou o número mínimo de alumnado previsto na proposta.

2. De non acadarse o número mínimo de estudantes previsto na proposta, poderase impartir o curso cun número inferior, sempre que se solicite a autorización da dirección do CEP e se achegue un orzamento adaptado á nova situación económica.

3. A dirección do curso deberá notificar a súa cancelación ao CEP. A cancelación dun curso implica a dos seus derivados, agás naqueles casos en que a dirección do curso decidise manter a súa oferta e achegara un orzamento propio. Non será preciso someter a nova aprobación os cursos que se presentaran e aprobaran inicialmente como derivados e que a súa dirección decidise manter como cursos autónomos. Comunicarase esta decisión ao CEP e achegarase o correspondente orzamento.

Artigo 22. Memoria dos cursos propios

1. A memoria do curso é o instrumento para o seu seguimento e control. A dirección do curso presentará ante o CEP una memoria no prazo de tres meses dende a data de finalización da actividade do curso.

A presentación da memoria no prazo requirido constitúe requisito imprescindible para a renovación do curso, agás causa xustificada.

2. A memoria, que se presentará en liña e no modelo normalizado, incluirá, como mínimo, os datos relativos á:

a) Organización académica.

b) Profesorado.

c) Alumnado.

d) Sistema de prácticas, de ser o caso.

e) Xestión económica e orzamentaria.

3. O Consello de Goberno é o órgano competente para aprobar, ou non, as memorias dos cursos de 15 ou máis créditos. A Comisión do CEP ten competencia para:

a) Emitir informe favorable ou desfavorable sobre a memoria do curso cando esta deba ser aprobada polo Consello de Goberno.

b) Aprobar, ou non, a memoria dos cursos de menos de 15 créditos.

4. A memoria será aprobada, ou o informe da Comisión do CEP será favorable, se concorda coa proposta e existe unha adecuada xestión académica e orzamentaria. En todo caso, son parámetros para emitir o informe que o curso:

a) Unha vez iniciado, non sufrise cambios de calquera tipo nas materias ou créditos. Por razóns xustificadas, poderá modificarse o profesorado inicialmente asignado.

b) Organizase as prácticas do alumnado de forma regulamentaria.

c) Cumprise as porcentaxes mínimas de participación do persoal da USC establecidas neste Regulamento, agás autorización da Comisión do CEP nos termos previstos.

d) Imputase gastos que se correspondan coas actividades reais do título.

5. A memoria non será aprobada, ou o informe da Comisión do CEP será desfavorable, no caso de que se incumpra o establecido neste Regulamento.

6. Cando unha memoria non fora aprobada pola Comisión do CEP ou esta emita informe desfavorable, darase á persoa encargada da dirección do curso un prazo de quince días hábiles para que poida presentar alegacións por escrito e, ademais, a posibilidade de que dea explicacións orais perante a Comisión do CEP. Presentadas as alegacións e, no seu caso, as explicacións, a Comisión decidirá o que proceda. O acordo de emitir informe final desfavorable, no seu caso, elevarase ao Consello de Goberno, que terá a decisión final sobre a aprobación ou non da memoria, sen prexuízo dos correspondentes recursos.

7. Se o informe desfavorable da Comisión do CEP se fundamentase na irregular execución orzamentaria do curso, solicitarase informe ao Servizo de Control Interno. Este informe, acompañado do realizado pola propia Comisión, enviarase ao Consello de Goberno para que, no seu caso, adopte as decisións que correspondan.

8. Se unha memoria non fora definitivamente aprobada por apreciarse gastos indebidos ou outras irregularidades en materia de execución orzamentaria, o Consello de Goberno poderá acordar a devolución das cantidades que procedan á partida orzamentaria do curso.

9. Os efectos da non aprobación dunha memoria poderán ser:

a) A non certificación das tarefas de dirección ou coordinación do curso.

b) A non renovación da seguinte edición do curso.

c) A designación doutra dirección ou coordinación nas sucesivas edicións.

CAPÍTULO IV - Xestión económica dos cursos propios

Artigo 23. Orzamento

1. O orzamento, que se integrará na proposta do curso, deberá responder aos principios de equilibrio, a través dunha previsión de ingresos igual á previsión de gastos, e de realismo, con indicación dos ingresos previstos a través das matrículas ou, no seu caso, mediante os convenios asinados.

2. Para o cumprimento do disposto no apartado anterior, deberá figurar na proposta do curso:

a) O número mínimo de estudantes que garantan a viabilidade económica do curso, sen prexuízo do establecido no artigo 21.2 deste Regulamento.

b) O orzamento detallado en diferentes conceptos, tanto de ingresos como de gastos.

3. Calquera modificación sobre a proposta do curso que repercuta no orzamento xa aprobado deberá ser autorizada pola Comisión antes da súa execución, agás no previsto no artigo 20.3 deste Regulamento.

Artigo 24. Prezos da matrícula e outros prezos

1. A instancia do Consello de Goberno, o Consello Social aprobará o prezo mínimo e máximo por crédito nos cursos propios. Non será precisa a aprobación expresa nos cursos académicos nos que non varíe o fixado no anterior.

2. O prezo por crédito servirá de referencia á dirección do curso para fixar o prezo de matrícula, sen prexuízo das competencias do Consello Social.

3. Así mesmo, o Consello Social, a instancia do Consello de Goberno, aprobará, entre outras, as tarifas de expedición de títulos, diplomas e certificados, recoñecemento dos títulos e diplomas, así como as do obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe para o alumnado da USC.

4. Os Cursos de Formación Continua e de Formación Específica organizados a demanda quedarán suxeitos ás seguintes regras específicas:

a) Non será de aplicación o prezo mínimo por crédito fixado para os estudos propios.

b) No caso de que houbera menos de 15 estudantes, non será aplicable o prezo máximo por crédito establecido para os restantes estudos propios, sen prexuízo do límite retributivo por hora de docencia do profesorado.

c) De estar organizados pola USC a petición de entidades externas que os financian e nos que se estime unha matrícula superior a duascentas persoas, poderá fixarse un prezo global por curso, negociado entre as dúas institucións, sen que sexan aplicables as normas de prezos mínimos e máximos por crédito.

d) A entidade solicitante da formación aboaralle á USC a cantidade que corresponda pola matrícula do alumnado.

Artigo 25. Dotación orzamentaria e custos indirectos

1. Para os efectos deste Regulamento, terán a consideración de ingresos afectados os procedentes das matrículas, os ingresos de preinscrición do alumnado admitido pero que non formalizara matrícula, os ingresos de recoñecemento e validación de estudos e as subvencións, se as houbese. Sobre os ingresos afectados aplicarase a retención de custos indirectos establecida con carácter xeral, agás no caso de cursos promovidos por grupos de investigación que acheguen recursos orzamentarios propios.

2. A compensación por custos indirectos calcularase sobre os ingresos obtidos en concepto de matrícula, sen ter en conta o seguro obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe para o alumnado da USC e o custo de expedición de diplomas e títulos que puidese contemplar o curso.

3. No orzamento do curso deberá consignarse tamén unha retención equivalente ao 2% do total dos ingresos da matrícula, que será destinada ao centro, departamento ou instituto universitario responsable. Esta retención non se aplicará ás propostas institucionais de cursos.

4. Non terán a consideración de ingresos do curso os que deriven dos servizos prestados pola USC a terceiros, aínda que se desenvolveran mediante a realización de prácticas do alumnado. En tales casos, a dirección do curso deberá determinar:

a) A unidade ou servizo da USC responsable da obtención destes ingresos, que se computarán como ingresos de dita unidade ou servizo.

b) De ser o caso, os acordos organizativos e económicos entre o curso e a unidade ou servizo no que o alumnado desenvolva as súas prácticas.

Artigo 26. Modificacións do orzamento

1. Calquera modificación do orzamento dun curso deberá ser autorizada pola Comisión do CEP ou, nos supostos previstos no artigo 20.3, pola dirección do CEP e, posteriormente, comunicada á persoa responsable de asuntos económicos do centro, departamento o instituto que corresponda.

2. En ningún caso se autorizarán modificacións do orzamento consistentes en incrementos das retribucións por hora do profesorado ou das persoas que asumen a dirección, codirección ou coordinación que superen o límite máximo establecido nas bases de execución do orzamento.

3. Unha vez finalizado o prazo de matrícula e coñecido o seu montante e, no seu caso, o das subvencións e axudas acadadas, a dirección do curso deberá reelaborar o orzamento no caso de obter ingresos por un importe inferior ao fixado na proposta, e acadar así un axuste exacto entre os gastos e os ingresos efectivos.

4. Así mesmo, a dirección deberá reelaborar o orzamento cando os ingresos sexan maiores que os contemplados na proposta. Nese suposto, poderá propoñer un aumento razoado do gasto que incida na mellora da docencia ao alumnado. Este asumento deberá ser aprobado pola Comisión.

Artigo 27. Gastos e límites de gasto

1. Son gastos que poden ser imputados nas partidas orzamentarias dos cursos propios os seguintes:

a) Retribucións de docencia de persoal propio da USC.

b) Retribucións de docencia de persoal externo á USC.

c) Axudas de custo e locomoción do persoal docente do curso por desprazamentos necesarios para impartir a súa docencia.

d) Material inventariable necesario para a impartir o curso.

e) Bens correntes e servizos relacionados directamente coa docencia.

f) Gastos en atencións protocolarias, que non deberán exceder do 8% do orzamento total do curso. Excepcionalmente, a Comisión do CEP poderá autorizar un incremento desta porcentaxe, previa solicitude e xustificación da dirección do curso.

2. A retribución en concepto de dirección, sumada, no seu caso, ás de codirección e coordinación, non poderá superar o 20% do orzamento total do curso.

3. O gasto en docencia comprenderá polo menos o 40% do gasto total do curso, agás nos casos debidamente autorizados pola Comisión do CEP, previa petición razoada pola dirección do curso. Baixo tal concepto de gasto inclúense, para os efectos deste Regulamento, as retribucións do profesorado, o pago dos seus desprazamentos imprescindibles para impartir docencia presencial e o custo das plataformas informáticas necesarias para a docencia virtual.

En ningún caso se poderán utilizar como forma de pago dos servizos prestados polo persoal docente as axudas de custo nin agasallos que excedan dunha atención protocolaria ordinaria no contexto universitario.

4. Non terán a consideración de gastos do curso propio os seguintes:

a) As axudas de custo e locomoción do alumnado para a realización, individualmente, das prácticas asignadas ou doutras actividades académicas noutra localidade.

b) O importe de inscricións e gastos asociados a asistencia a congresos do profesorado ou do alumnado, agás que na proposta do curso se prevexa esta actividade e figure no orzamento no concepto de “outros gastos”. Neste caso, o CEP autorizará cada asistencia, previa petición da dirección do curso.

5. De ser necesario o traslado do alumnado, en grupo, a outra localidade para a realización colectiva de prácticas ou doutras actividades académicas previstas na proposta do curso, poderase cubrir o gasto, debidamente incluído no orzamento do curso, mediante a presentación de factura onde figuren os custos de desprazamento e, de ser o caso, de aloxamento e manutención.

CAPÍTULO V - Admisión e matrícula nos cursos propios

Artigo 28. Admisión

1. A xestión do proceso de selección para a admisión do alumnado dun curso corresponde á dirección de este, aplicando os criterios que fosen aprobados polos órganos competentes e debidamente publicados na oferta.

No caso de Másteres de Formación Permanente e dos Diplomas de Especialización e de Experto/a, deberá ser oída a Comisión académica do curso.

2. A admisión nun curso propio implica a autorización da matrícula das persoas interesadas no prazo que corresponda.

3. Se a dirección do curso denegase a admisión dunha persoa interesada, esta poderá aportar, no prazo de cinco días hábiles, documentación acreditativa de que cumpría os requisitos pertinentes antes da finalización do período de admisión ou alegar que foron aplicados incorrectamente os criterios de selección.

A dirección do curso deberá resolver o que proceda no prazo de tres días hábiles.

4. Poderá propoñerse un pago a conta por preinscrición. Este pago considerarase aboado a conta do prezo total de matrícula, se esta fose finalmente realizada. O importe do pago a conta non poderá superar o 3% do prezo de matrícula do curso e será devolto no caso de que a dirección decida non realizar o curso por non acadar o número mínimo de alumnado previsto.

Os importes dos ingresos correspondentes á preinscrición do alumnado que non formalice matrícula definitiva serán transferidos dende o CEP á partida orzamentaria do curso correspondente.

Artigo 29. Matrícula

1. A matrícula e a xestión dos expedientes corresponderán ao Servizo de Xestión Académica.

2. O procedemento de matrícula axustarase no posible ao establecido con carácter xeral para as titulacións oficiais e concretarase na convocatoria xeral de matrícula da USC para cada curso académico.

3. O alumnado deberá matricularse dos créditos que figuren na programación do curso, sen prexuízo da posibilidade do posterior recoñecemento de créditos, cando proceda.

4. O pago da matrícula, ou do seu primeiro prazo no caso de que houbera varios, realizarase antes do comezo do curso propio. Deberá mediar un mínimo de cinco días hábiles entre a finalización do prazo de matrícula e o de inicio da docencia.

5. O alumnado de cursos propios estará obrigado ao pago do seguro obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe para o alumnado da USC, agás no caso de cursos non presenciais nos que non existan prácticas ou probas de avaliación presenciais. Do custo do seguro poderá facerse cargo a entidade demandante de formación ou o servizo, centro, departamento ou grupo de investigación organizador dun curso.

6. O prezo da matrícula dun curso propio inclúe os gastos de xestión de apertura de expediente.

7. Admitirase o pago da matrícula por unha entidade externa sempre que cada estudante achegue unha autorización individual na que figuren os seus datos persoais e o importe da matrícula do curso. Cando a entidade autorizada non realice o ingreso no prazo que se determine, a persoa responsable do pago será o/a estudante matriculado/a e poderá iniciarse contra el/ela o procedemento de impago de matrícula por constrinximento.

8. Será posible renunciar á matrícula no prazo dos cinco días hábiles posteriores ao remate do período de matrícula. Non se devolverá o importe correspondente ao seguro obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe para o alumnado da USC.

9. Nos Másteres de Formación Permanente e nos Diplomas de Especialización e de Experto/a poderán asinarse convenios con institucións externas para a dotación de bolsas de matrícula, totais ou parciais. As bolsas serán adxudicadas ás persoas solicitantes pola Comisión Académica do curso, segundo os criterios establecidos en cada convenio, publicados no taboleiro electrónico da USC ao tempo da convocatoria, sen prexuízo doutro tipo de publicidade.

Artigo 30. Títulos interuniversitarios e de centros adscritos e vinculados

A admisión, matrícula e xestión dos expedientes dos cursos propios interuniversitarios e dos ofertados por centros adscritos ou vinculados á USC rexeranse polo que estableza o respectivo convenio, que deberá axustarse ao disposto neste Regulamento.

CAPÍTULO VI - Réxime de avaliación, actas, recoñecemento e validación de estudos

Artigo 31. Avaliación do alumnado, revisión de cualificacións e actas

1. Para a obtención dun título propio, diploma ou certificado, esixirase a superación, a través do proceso de avaliación previsto, dos estudos e das actividades académicas que o integren.

A simple asistencia non dará lugar á expedición de ningún documento xustificativo.

2. A cualificación ordinaria dos estudos propios será “apto” ou “non apto”, agás nos Másteres de Formación Permanente, nos que se cualificará ao alumnado, en cada materia, de acordo co sistema xeral de graos e másteres oficiais. As matrículas de honra terán unicamente efectos académicos.

3. A cualificación do alumnado no curso ou, de ser o caso, en cada unha das materias, será comunicada individualmente, polos procedementos ordinarios da USC. O prazo para a revisión da cualificación pola dirección do curso ou, no seu caso, polo profesorado que impartira a materia non poderá ser inferior a tres días hábiles dende o día seguinte ao da data da comunicación da cualificación. As cualificacións teranse por provisorias mentres non finalice este prazo.

Se un alumno ou alumna non estivera conforme coa cualificación final, poderá solicitar a súa revisión consonte establecido na correspondente normativa da USC.

4. Nos estudos propios haberá, de ordinario, unha única acta, que será cualificada e asinada pola dirección do curso no prazo dos quince días naturais seguintes ao remate da actividade.

5. Nos Másteres de Formación Permanente haberá actas individuais para as diferentes materias, que serán cubertas e asinadas polo profesorado da USC que as impartira. Cando unha determinada materia estea a cargo de dous ou máis docentes, a dirección do curso nomeará un coordinador ou unha coordinadora, que cubrirá e asinará a acta.

Nas materias que só conten con profesorado alleo á USC, a acta será cuberta e asinada pola persoa que asumise a dirección do curso.

6. No caso de que un curso teña derivados, xeraranse actas de cada un destes ao finalizar o período de docencia.

Artigo 32. Recoñecemento e validación de estudos

1. Para o recoñecemento de estudos será preciso que:

a) O alumnado solicite a admisión no curso de que se trate e, de ser admitido, formalice a matrícula.

b) O alumnado solicite ao reitor ou á reitora o recoñecemento dos estudos cursados a través da Sede Electrónica.

c) A Comisión académica do curso ou, no seu defecto, a persoa que asuma a dirección do curso, emita informe que acredite que os módulos ou materias superadas, os contidos ou as competencias adquiridas se corresponden coas que se van a recoñecer.

d) A Comisión do CEP emita informe sobre a procedencia do recoñecemento.

e) O alumnado pague o 25% do custo dos créditos recoñecidos, agás no caso de que a única materia que deba superar na seguinte edición sexa o traballo final do curso (TFM, no caso dos Másteres de Formación Permanente).

2. O trámite do recoñecemento e validación de estudos quedará condicionado a que na nova edición do curso se matriculara alumnado de nova admisión, unha vez rematado o período oficial de matrícula.

3. O alumnado que teña superado un ou varios cursos propios que constitúan, á súa vez, un ou varios módulos dun curso superior, poderá solicitar o recoñecemento da totalidade destes para matricularse dos créditos restantes no curso superior.

4. O alumnado que non teña superado a totalidade dun curso propio poderá solicitar o recoñecemento das materias cursadas, para os efectos de matricularse na seguinte edición de dito curso, de ofertarse esta, e poder, deste xeito, obter a titulación.

5. Igualmente, o alumnado poderá solicitar o recoñecemento de materias cursadas noutros estudos, oficiais ou propios da USC ou doutras Universidades, sempre que se trate de titulacións diferentes da que fose, no seu caso, requisito de acceso ao curso, conforme o procedemento establecido no seguinte apartado deste artigo.

Para o recoñecemento de estudos propios como estudos oficiais, estarase ao disposto na normativa estatal e da USC sobre recoñecemento de créditos en estudos oficiais.

6. Na proposta dos estudos propios pode establecerse o posible recoñecemento da experiencia profesional do alumnado como prácticas académicas externas que foran incluídas como obrigatorias na programación do curso. Neste caso, a persoa interesada solicitará ao reitor ou á reitora o recoñecemento dos estudos cursados, a través da Sede Electrónica. Resolverase o que proceda á vista dos informes da Comisión Académica do curso (ou da dirección deste, no caso dos Cursos de Formación Continua) e da Comisión do CEP. Estes informes serán emitidos atendendo á descrición das actividades profesionais da persoa solicitante realizada pola entidade na que prestou servizos.

O alumnado ao que se lle recoñeza a experiencia profesional nas prácticas académicas externas pagará o 100% do importe dos créditos recoñecidos incluídos no seu plan de estudos.

Artigo 32 bis. Itinerarios formativos modulares

1. As microcredenciais universitarias poderán acumularse con outras da mesma ou distinta natureza que se complementen entre si, co fin de conformar itinerarios formativos modulares que permitan a obtención gradual dun o varios títulos ou certificados de nivel superior dentro do marco dos estudios propios ou formación permanente da Universidade.

2. Previa solicitude da persoa que asuma a dirección dun itinerario formativo modular, o CEP establecerá os criterios de compatibilidade, coherencia temática e temporalidade que permitan o recoñecemento automático de microcredenciais acumulables, así como o número máximo de créditos ECTS acumulables, garantindo a coherencia académica e administrativa de cada itinerario.

O órgano competente para a aprobación dos itinerarios formativos modulares será o Consello de Goberno, de conformidade co procedemento xeral establecido no art. 19.5 deste Regulamento.

3. Os itinerarios formativos modulares deberán ser obxecto de publicación, quedando incorporados na memoria académica da titulación ou certificado de destino, identificando expresamente as competencias, a carga lectiva en créditos ECTS e o sistema de avaliación correspondente, de xeito que se poidan efectuar o recoñecemento automático dos créditos asociados a cada microcredencial.

4. A microcredencial universitaria que forme parte dun itinerario formativo modular debe ser aprobada individualmente, segundo o procedemento establecido para estes efectos, facéndose constar que forma parte dun itinerario formativo modular.

5. Tras a superación dos distintos módulos que, no seu caso, formen un itinerario emitíranse certificacións intermedias que acrediten a obtención do título de nivel superior que proceda, sen prexuízo de que se expida un título ou certificado independente por cada microcredencial universitaria.

6. A modificación dunha microcredencial universitaria que forme parte dun itinerario formativo modular non implicará á modificación do itinerario no que se integre, non sendo no caso de perda da súa coherencia académica e administrativa, o que poderá determinar que deixe de ofertarse o dito itinerario.

Para os efectos da tramitación das modificación da microcredencial universitaria estarase ao disposto no art. 20 deste Regulamento.

A proposta da Comisión de Estudos Propios, o Consello de Goberno acordará que deixe de ofertarse o itinerario formativo modular, nos casos en que se estime producida perda de coherencia académica e administrativa.

7. Se se deixase de ofertar unha microcredencial universitaria que forme parte dun itinerario formativo modular non se producirá a extinción do dito itinerario, non sendo no caso de perda da súa coherencia académica e administrativa.

A proposta da Comisión de Estudos Propios, o Consello de Goberno acordará que deixe de ofertarse o itinerario formativo modular, nos casos en que se estime producida perda de coherencia académica e administrativa.

CAPÍTULO VII - Prácticas dos cursos propios

Artigo 33. Prácticas en empresas

1. Os estudos propios poderán prever a realización de prácticas en empresas, obrigatorias ou optativas, cando así se detallara na proposta.

2. Para a formalización destas prácticas será necesario:

a) A aprobación e sinatura de convenios de cooperación educativa coas entidades de acollida.

b) A aprobación pola Comisión do CEP das condicións e do procedemento para a súa realización.

3. Na proposta do curso deberán establecerse os criterios aplicables para a adxudicación das prácticas, que estarán baseados nos principios de transparencia, obxectividade e equidade.

4. Consonte o artigo 13.2 deste Regulamento, poderá nomearse unha persoa que asuma a tarefa de coordinación das prácticas, que será a encargada de xestionar a oferta e a adxudicación das prazas. De non existir unha persoa coordinadora das prácticas, esta función será asumida pola dirección do curso.

5. A USC e a empresa ou institución receptora do alumnado deberán nomear cadansúa persoa responsable de titorizar as prácticas, que se encargará de realizar o seguimento da aprendizaxe do alumnado.

6. No caso de prácticas optativas, expedirase, a petición da persoa interesada, certificación onde conste a duración das mesmas e a entidade onde se realizaron.

7. A regulación das prácticas rexerase polo establecido no Regulamento de prácticas académicas externas da USC.

CAPÍTULO VIII - Expedición de títulos, diplomas e certificados

Artigo 34. Acreditación da superación dos estudos propios

1. O alumnado que supere os estudos terá dereito á expedición do correspondente título, diploma ou certificación académica en formato electrónico outorgado pola USC, previo pagamento dos prezos públicos correspondentes.

2. Os títulos e diplomas da USC cumprirán coas seguintes garantías formais:

a) Expedición en modelo normalizado.

b) Emisión segundo a seguinte denominación:“Máster de Formación Permanente en....”, “Diploma de Especialización en...” ou “Diploma de Experto/a en...”.

No caso dos títulos, figurarán ademais:

a) As sinaturas do reitor ou da reitora, da persoa responsable da dependencia administrativa encargada da tramitación e expedición do título e da persoa interesada.

b) Constancia no Rexistro Universitario de Títulos Propios, con análogas condicións de identificación, custodia, certificación e carácter público dos títulos oficiais.

3. A superación dos Cursos de Formación Continua e de Formación Específica dará dereito á expedición dunha certificación en formato electrónico coa denominación do curso realizado, os seus contidos e o número de créditos ECTS de duración, previo pagamento dos prezos públicos correspondentes.

4. Os procedementos de expedición, duplicados e entrega dos títulos e diplomas serán os fixados pola USC.

5. Para a expedición de títulos interuniversitarios ou en colaboración con fundacións, entidades ou organizacións, tanto públicas como privadas, estarase ao disposto no presente Regulamento e no respectivo convenio de colaboración.

CAPÍTULO IX - Calidade dos estudos propios

Artigo 35. Sistema de garantía da calidade

1. A USC garantirá a calidade, rigor científico e académico dos estudos propios que imparte, que se integrarán no seu SGIC.

2. En particular, os Másteres de Formación Permanente deberán contar co informe favorable, preceptivo e vinculante, do SGIC.

Unha vez obtido o referido informe, a USC poderá solicitar a inclusión do título no RUCT, indicando na denominación que se trata dun Máster de Formación Permanente.

Disposición Adicional Única. Prezos públicos e outras tarifas das microcredenciais desenvolvidas ao abeiro da Convocatoria para a presentación de propostas de creación de microcredenciais.

1. As seguintes previsións establécense con carácter transitorio, unicamente respecto das microcredenciais desenvolvidas ao abeiro da Convocatoria para a presentación de propostas de creación de microcredenciais publicada o 15 de setembro de 2025 pola Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, denominadas nesta disposición microcredenciais universitarias subvencionadas.

Perderán a súa vixencia o 31 de maio de 2026 ou cando se esgoten os fondos que financian a convocatoria.

2. O prezo público de matrícula das microcredenciais universitarias subvencionadas non será inferior ao 30% dos custos directos de produción e impartición da microcredencial nin superará 94 euros por estudante e crédito ECTS. Non serán de aplicación as regras previstas no art. 24.4 do Regulamento de estudos propios da Universidade de Santiago de Compostela.

3. Establécese a exención total ou parcial no pagamento do prezo público de matrícula a favor dun máximo do 25% das persoas matriculadas nas microcredenciais universitarias subvencionadas, por estrita orde de presentación da solicitude da axuda, ata esgotar os fondos ou ata o 31 de maio de 2026. A Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización establecerá o procedemento que se debe seguir para a súa solicitude e tramitación.

4. Poden ser beneficiarios da exención total do pagamento dos prezos públicos as persoas nas que concorra unha destas circunstancias:

a) Persoas desempregadas

b) Persoas coa condición de membros dunha familia numerosa

c) Persoas con discapacidade.

d) Persoas vítimas do terrorismo.

e) Mulleres vítimas de violencia de xénero.

f) Persoas vítimas de violencia sexual.

g) Persoas beneficiarias da prestación por Ingreso Mínimo Vital ou prestación equivalente dunha Comunidade autónoma.

h) Persoas refuxiadas.

5. Poden ser beneficiarias da exención total ou parcial, segundo proceda, do pagamento dos prezos públicos as persoas con rendas baixas, definidas como aquelas que se atopen por debaixo dos limiares de renda 1 a 3 establecidos no Real Decreto 163/2025, do 4 de marzo, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso académico 2025-2026, e se modifica parcialmente o Real Decreto 1721/2007, do 21 de decembro, polo que se establece o sistema de bolsas e axudas ao estudo personalizadas.

A exención aplicable será:

-100% do prezo público da matrícula, para as persoas que acrediten o limiar 1 de renda.

-50% do prezo público da matrícula, para as persoas que acrediten o limiar 2 de renda.

-25% do prezo público da matrícula, para as persoas que acrediten o limiar 3 de renda.

6. Cando o importe do seguro obrigatorio sexa financiado como parte dos custos directos de produción e impartición das microcredenciais universitarias subvencionadas non se repercutirá en ningún caso este concepto ao estudantado que formalice a súa matrícula.

7. A expedición do certificado dixital que acredite ter obtido unha microcredencial universitaria subvencionada será gratuíta. O estudantado que solicite a expedición doutro tipo de certificación deberá abonar a tarifa ordinaria establecida para eses efectos.

Disposición transitoria

Os cursos xa aprobados polos órganos competentes na data de entrada en vigor do presente Regulamento rexeranse pola normativa anterior (Regulamento de Estudos Propios e Formación Permanente da Universidade de Santiago de Compostela de 25 de febreiro de 2021) ata a súa finalización, agás no relativo ás disposicións formais, para o que se estará ao disposto no artigo 34 do presente Regulamento.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada calquera norma de igual ou inferior rango que se opoña ao establecido neste Regulamento. En particular, queda derrogado o Regulamento de Estudos Propios e Formación Permanente da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado en Consello de Goberno do 25 de febreiro de 2021, así como as súas modificacións.

Disposición final. Entrada en vigor

O presente Regulamento entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver