Modificación do Anexo II do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na Universidade de Santiago de Compostela (2024)
NORMA CONSOLIDADA
O Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC, aprobado polo Consello de Goberno o 28 de maio de 2019, recolle no seu Anexo II. Responsables Académicos da USC as figuras de “Coordinador/a de Grao” e de “Coordinador/a de Máster Universitario” cunha redución de 60 horas; e tamén as de “Coordinador/a de Grao Interuniversitario” e “Coordinador/a xeral de Máster Interuniversitario” cunha redución de 90 horas.
O Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade, aprobado polo Consello de Goberno da USC o 28 de outubro de 2022 e modificado por este órgano o 25 de xaneiro de 2024, establece no seu artigo 12.4 que os títulos conxuntos nos que participe a USC terán, ademais do/a coordinador/a xeral do título, un/ha coordinador/a de título na USC, como figuras diferenciadas que, non obstante, poden recaer nunha mesma persoa.
Neste contexto normativo, coa actual redacción do Anexo II non están ben clarificadas as reducións docentes que procede aplicar ás distintas figuras de coordinación de grao e máster universitario. En consecuencia, procede modificar o Anexo II do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC para incorporar unha explicación á figura de Coordinador/a de grao/máster universitario e para regular o caso dos títulos de grao e máster universitarios conxuntos, nos que existen na USC tanto a figura de coordinador/a xeral como a de coordinador/a local, que repartirían a redución de 90 horas a partes iguais.
Por todo o anterior, o Consello de Goberno na súa sesión do día 23 de febreiro de 2024, acorda:
Único.
Modificación do Anexo II do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribucións de cargos e responsables académicos na USC.
O Anexo II do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribucións de cargos e responsables académicos na USC, queda modificado nos seguintes termos:
Un. Incorpóranse no Anexo II as seguintes figuras de coordinación de grao e máster universitario:
- Coordinador/a de grao/máster universitario (titulación exclusiva da USC): 60 h.
- Coordinador/a de grao con programas de dobre grao asociados: 30 h adicionais por cada dobre grao.
- Coordinador/a xeral de grao/máster universitario (título conxunto, sen coordinador/a local): 90 h.
- Coordinador/a xeral de grao/máster universitario (título conxunto, con coordinador/a local): 45 h.
- Coordinador/a local de grao/máster universitario (título conxunto, con coordinador/a xeral na USC): 45 h.
- Coordinador/a local de grao/máster universitario (título conxunto, con coordinador/a xeral de fóra da USC): 60 h.
Dous. Retíranse do Anexo II as figuras de “Coordinador/a de Grao Universitario”, “Coordinador/a de Máster Universitario”, “ Coordinador/a de Grao Interuniversitario” e “Coordinador/a xeral de Máster Interuniversitario”.
Disposición derradeira.
Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.