Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 128 09/07/2015
Departamento: Consello da Xunta
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións
MODIFICACIÓNS

A disposición derradeira décimo terceira da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, autoriza a Xunta de Galicia para elaborar e aprobar, no prazo dun ano a partir da entrada en vigor da lei, entre outros, un texto refundido que recolla a normativa autonómica relativa á política industrial.

Esta habilitación ten a súa razón de ser nos obxectivos marcados no título III da dita lei, que son os da mellora da calidade normativa co fin de que o ordenamento autonómico sexa estable, ordenado e accesible para a cidadanía e, tal e como indica a citada disposición derradeira, inclúe a posibilidade de regularizar, aclarar e harmonizar os textos legais que son obxecto de refundición.

Ao abeiro da citada habilitación, procedeuse a elaborar un texto refundido, seguindo os criterios que a continuación se expoñen.

Partindo dunha configuración ampla, os textos normativos da Comunidade Autónoma de Galicia que concentran as disposicións legais referidas á política industrial, no relativo aos instrumentos cuxo fin é o de eliminar barreiras técnicas a través dos instrumentos de control e vixilancia que garantan a correcta aplicación da regulamentación de seguridade industrial, e aos factores que inciden directamente no fortalecemento da competitividade da industria galega, son respectivamente a Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, e a Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia.

Deste xeito, procedeuse a recoller nun único texto as dúas leis citadas, tendo en conta as modificacións das que foi obxecto a primeira e que foron introducidas polas seguintes disposicións:

• A Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

• O Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, en relación co anexo I da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

• A propia Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, e por último.

• A Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Este decreto lexislativo consta dun artigo único que aproba o texto refundido, seis disposicións adicionais, tres disposicións transitorias e tres disposicións derradeiras. O texto refundido estrutúrase en dous libros que recollen e unifican o relativo á seguridade industrial, no libro primeiro, e o relativo á planificación e á promoción da actividade industrial, no libro segundo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Industria, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de febreiro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do texto refundido

Apróbase o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.

Disposición adicional única. Remisións normativas

As remisións e referencias normativas ás disposicións derrogadas por este decreto lexislativo entenderanse realizadas, en diante, ás correspondentes disposicións do texto refundido.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

a) Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

b) Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto lexislativo e o texto refundido que aproba entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de febreiro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Francisco José Conde López

Conselleiro de Economía e Industria

Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial

LIBRO PRIMEIRO. SEGURIDADE INDUSTRIAL

TÍTULO PRELIMINAR. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O disposto neste libro ten por obxecto ordenar a seguridade industrial mediante o establecemento dun sistema de control que, atendendo a criterios de eficacia e eficiencia, garanta a seguridade dos establecementos, das instalacións e dos produtos industriais dentro do ámbito de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das que lles correspondan a outras administracións.

2. O ámbito de aplicación deste libro esténdese:

a) Ás actividades dirixidas á obtención, á reparación, ao mantemento, á transformación ou á reutilización de produtos industriais, ao envasamento e á embalaxe, así como ao aproveitamento, á recuperación e á eliminación de residuos ou subprodutos, calquera que sexa a natureza dos recursos e dos procesos técnicos utilizados.

b) Ao servizos de enxeñaría, deseño, consultoría tecnolóxica e asistencia técnica directamente relacionados coas actividades industriais.

c) Ás instalacións, os equipamentos, as actividades, os procesos e os produtos industriais que empreguen ou incorporen elementos, mecanismos ou técnicas susceptibles de producir danos ou prexuízos ás persoas, á flora, á fauna, aos bens ou ao ambiente, estean ou non asociados a unha actividade industrial, ou da utilización, funcionamento e mantemento das instalacións ou equipamentos e da produción, uso ou consumo, almacenamento ou residuos dos produtos industriais.

d) Rexeranse por este libro, no non previsto na súa lexislación específica:

1º. As actividades dirixidas a xerar, distribuír e subministrar enerxía e produtos enerxéticos en todas as súas formas.

2º. As actividades de investigación, aproveitamento e beneficio dos xacementos minerais e demais recursos xeolóxicos, calquera que for a súa orixe e estado físico.

3º. As instalacións nucleares e radioactivas.

4º. As industrias de fabricación de armas, explosivos e artigos de pirotecnia e cartucheira, e aquelas que se declaren de interese para a defensa nacional.

5º. As industrias alimentarias, agrarias, pecuarias, forestais e pesqueiras.

6º. As actividades industriais relacionadas co transporte e coas telecomunicacións.

7º. As actividades industriais relativas ao medicamento e á sanidade.

8º. As actividades industriais relativas ao fomento da cultura.

Artigo 2. Definicións.

Para os efectos do disposto neste libro, enténdese por:

a) Seguridade industrial: actividades de prevención e limitación de riscos, así como de protección contra accidentes e sinistros capaces de lles produciren danos ou perdas ás persoas, bens e ambiente, derivados da actividade industrial ou da utilización, funcionamento e mantemento das instalacións ou dos equipamentos e da produción, uso ou consumo, almacenamento ou refugallo dos produtos industriais.

b) Instalación industrial: conxunto de aparellos, equipamentos, elementos e compoñentes asociados ás actividades dirixidas á obtención, reparación, mantemento, transformación ou reutilización de produtos industriais, o envasamento e a embalaxe, así como o aproveitamento, a recuperación e mais a eliminación de refugallos ou subprodutos, calquera que sexa a natureza dos recursos e procesos técnicos utilizados.

Tamén terán a consideración de instalacións industriais o conxunto de elementos e equipamentos que teñan por obxecto xerar, transportar, almacenar, distribuír e utilizar a enerxía en todas as súas formas.

Así mesmo, para os efectos deste texto refundido, terán a consideración de instalacións industriais aquelas que, incorporando elementos, mecanismos ou técnicas susceptibles de produciren os danos sinalados no punto anterior, non estean asociadas a actividades industriais.

c) Instalación existente: calquera instalación en funcionamento que, suxeita á seguridade industrial, fose autorizada, comunicada ou executada de acordo coa súa normativa correspondente.

d) Establecemento: enténdese por establecemento o conxunto de edificios, o edificio, a zona deste ou o espazo aberto destinado ao exercicio dunha actividade industrial, incluíndo as infraestruturas e as instalacións que ten incorporadas, incluíndose neste concepto as empresas de servizos e as entidades ou os axentes en materia de seguridade e calidade industrial.

e) Produto industrial: calquera manufactura ou produto transformado ou semitransformado de carácter moble, aínda estando incorporado a outro ben moble ou a un inmoble, e toda a parte que o constitúa, como materias primas, substancias, compoñentes e produtos semiacabados.

f) Substancia ou produto perigoso: a substancia ou produto con capacidade intrínseca ou potencialidade de ocasionar danos ás persoas, aos bens e ao ambiente.

g) Cambio substancial: calquera modificación da actividade suxeita a control que poida ter repercusións prexudiciais ou importantes na seguridade, a saúde das persoas ou o ambiente.

h) Persoa titular da instalación ou do establecemento: a persoa física ou xurídica que explote ou posúa o establecemento ou a instalación ou calquera outra na que se tivese delegado un poder económico determinante en relación co funcionamento técnico daqueles.

i) Entidades legalmente habilitadas: persoas físicas ou xurídicas que tendo capacidade de obrar e dispoñendo dos medios técnicos, materiais e humanos e imparcialidade e independencia necesarias, poden verificar, mediante actividades de certificación, ensaio, inspección ou auditoría, o cumprimento de carácter obrigatorio das condicións de seguridade de produtos e instalacións industriais establecidas nos regulamentos de seguridade industrial.

j) Regulamento técnico: a especificación técnica, establecida con carácter obrigatorio a través dunha disposición, relativa a produtos, procesos ou instalacións industriais no tocante á súa fabricación, comercialización ou utilización.

k) Plans de inspección: instrumentos a través dos cales a consellería competente en materia de industria, cos seus propios medios ou coa colaboración de entidades legalmente habilitadas, realizará a supervisión, a inspección e o control das distintas actividades, dos establecementos, dos produtos e das instalacións industriais.

Artigo 3. Obxectivos.

Os obxectivos deste texto refundido no ámbito da Seguridade Industrial son:

a) Adecuar e ordenar o sistema de control da seguridade industrial en Galicia, integrando e definindo os mecanismos que forman parte del.

b) Previr e limitar os riscos e asegurar a protección contra accidentes e incidentes capaces de lles producir danos ou perdas ás persoas, bens e ambiente derivados da actividade industrial ou da utilización, funcionamento e mantemento dos establecementos e das instalacións industriais e da produción, uso ou consumo, almacenamento ou refugallo dos produtos industriais.

c) Simplificar e racionalizar a actuación administrativa en materia de instalación, modificación ou posta en funcionamento de establecementos e instalacións industriais, reducindo os trámites e axilizando os procedementos de habilitación e de control das actividades, garantindo en todo momento, a colaboración e coordinación das administracións que deban intervir neles.

d) Delimitar as obrigas que deben asumir as persoas titulares de establecementos ou instalacións industriais.

e) Establecer os contidos mínimos da inspección industrial en Galicia.

f) Promover a seguridade industrial a través da actuación preventiva e mediante a formulación e execución de plans e programas de inspección.

g) Garantir a seguridade industrial dos establecementos, das instalacións e dos produtos industriais, utilizando os instrumentos necesarios para previr, minimizar, corrixir e controlar os riscos asociados ás actividades industriais sometidas a este texto refundido.

h) Protexer o exercicio da liberdade de empresa mediante o deseño de mecanismos máis áxiles de intervención administrativa no desenvolvemento das actividades industriais.

i) Delimitar as responsabilidades dos axentes intervenientes.

j) Promover a participación dos axentes económicos e sociais en materia de seguridade industrial a través dos seus representantes.

Artigo 4. Principios da ordenación da seguridade industrial.

De cara ao logro dos obxectivos definidos no artigo 3, as administracións públicas axustarán as súas actuacións aos seguintes principios:

a) Principio de liberalización industrial.

b) Principio de intervención mínima da Administración.

c) Principio de simplificación administrativa.

d) Principio de coordinación, cooperación e colaboración interadministrativas.

TÍTULO I. DO SISTEMA DE CONTROL DA SEGURIDADE INDUSTRIAL

Artigo 5. Sistema de control da seguridade industrial en Galicia

1. Constitúe o sistema de control da seguridade industrial en Galicia o conxunto de instrumentos legais que contribúan a garantir o axeitado cumprimento da normativa e regulamentación aplicable aos establecementos, ás instalacións e aos produtos industriais co obxecto de evitar os accidentes e incidentes en materia de seguridade industrial.

2. Os instrumentos integrantes do sistema de control da seguridade industrial en Galicia son os seguintes:

a) Intervención administrativa na instalación, modificación ou posta en funcionamento de establecementos e instalacións industriais nos termos descritos no capítulo I deste título.

b) Rexistro Industrial de Galicia.

c) Rexistros de instalacións industriais.

d) Inspección industrial: plans e programas de inspección.

e) Entidades legalmente habilitadas.

CAPÍTULO I DA INSTALACIÓN, MODIFICACIÓN OU POSTA EN FUNCIONAMENTO DE ESTABLECEMENTOS E INSTALACIÓNS INDUSTRIAIS

Artigo 6. Clasificación dos establecementos e das instalacións industriais.

Para os efectos previstos neste texto refundido, os establecementos e as instalacións industriais clasifícanse en dous grupos:

a) Grupo I: establecementos e instalacións sometidos a autorización administrativa previa.

Neste grupo inclúense aqueles establecementos e instalacións industriais que, para a súa instalación, modificación ou posta en funcionamento requiran autorización administrativa previa da Administración competente cando resulte obrigado para o cumprimento de obrigas derivadas de instrumentos xurídicos internacionais e normas comunitarias.

b) Grupo II: establecementos e instalacións sometidos a declaración responsable ou a comunicación ao órgano competente en materia de industria.

Neste grupo inclúense aqueles establecementos e instalacións industriais que, para a súa instalación, modificación ou posta en funcionamento, requiran dunha declaración responsable ou dunha comunicación ao órgano competente en materia de industria.

Artigo 7. Intervención da Administración nos establecementos e nas instalacións industriais.

1. Para a instalación, modificación ou posta en funcionamento de establecementos e instalacións industriais do grupo I, seguirase o procedemento previsto na normativa específica que resulte aplicable para cada tipo de actividade industrial e as prescricións que resulten do desenvolvemento regulamentario deste texto refundido.

2. Para a instalación, a modificación ou a posta en funcionamento dos establecementos e das instalacións industriais do grupo II, seguiranse os trámites e os procedementos establecidos na normativa estatal ou autonómica na materia que lles sexa aplicable.

3. Para a instalación, a modificación ou a posta en funcionamento dos establecementos e das instalacións industriais incluídos no grupo II deste texto refundido, a consellería competente en materia de industria entregaralle ao/á interesado/a un xustificante da presentación da declaración responsable ou da comunicación e, se é o caso, da correspondente documentación, que lle servirá como acreditación do cumprimento das obrigas administrativas, sen prexuízo das responsabilidades dos/as autores/as da documentación técnica e das certificacións expedidas.

4. Regulamentariamente establecerase a forma e o contido do xustificante da presentación da documentación a que se refiren os puntos 2 e 3 deste artigo.

5. En ningún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 deste artigo, a presentación da documentación supoñerá a aprobación técnica da execución da instalación por parte da Administración.

Artigo 8. Obrigas xerais das persoas titulares dos establecementos e das instalacións.

1. As persoas titulares dos establecementos e das instalacións regulados neste texto refundido deberán:

a) Tomar cantas medidas sexan necesarias para previr accidentes e limitar as súas consecuencias para as persoas e o ambiente.

b) Ter á disposición da inspección ou do persoal que se acredite debidamente o documento no que se defina a súa política de prevención de accidentes graves e asegurarse da súa correcta aplicación.

c) Cumprir calquera outra obriga establecida neste texto refundido, na normativa que resulte aplicable para cada tipo de instalación industrial e nas súas disposicións de desenvolvemento.

d) Permitir e facilitar as comprobacións e inspeccións que o persoal debidamente acreditado realice en cumprimento da función de control da Administración, así como achegar calquera información ou documentación que se lle solicite en relación coa inspección que se realiza.

2. Así mesmo, as persoas titulares dos establecementos e das instalacións quedarán obrigados a lle comunicaren á consellería competente en materia de industria as seguintes circunstancias:

a) Calquera modificación substancial que se propoñan realizar na explotación da instalación.

b) Calquera modificación que se produza no proceso produtivo que poida entrañar un risco non previsto na habilitación inicial da actividade.

c) As denuncias sobre riscos nas instalacións ou na produción que os/as representantes dos/as traballadores/as lle fagan chegar á empresa.

d) Calquera accidente ou incidente que afecte de forma significativa as persoas, os bens ou o ambiente.

e) Calquera outra modificación que altere significativamente o estado inicial da instalación.

Artigo 9. Condicións dos establecementos e instalacións.

1. As instalacións industriais deberán ser proxectadas, executadas, utilizadas e mantidas de xeito que se garanta a seguridade das persoas, os bens e o ambiente. Entre os riscos que hai que controlar, consideraranse os derivados de procesos térmicos, da enerxía cinética, da enerxía potencial, de explosión, de incendio, de reactividade química, de toxicidade química, eléctricos, radiolóxicos, ópticos, acústicos ou calquera outro non recollido por regulamentacións específicas.

2. O proxecto, execución, utilización e mantemento das instalacións industriais deberán realizarse conforme a normativa vixente que lles sexa de aplicación.

3. As instalacións industriais deberán ser utilizadas para os fins para os que foron executadas ou aqueles que lles sexan propios.

4. Para a posta en marcha das instalacións industriais será exixible ter obtidas as habilitacións administrativas pertinentes que se lles impuxesen ou exixa a normativa vixente.

5. No caso de non existir unha regulamentación específica que lles sexa aplicable, adoptaranse as normas de seguridade xeralmente recoñecidas e xustificarase no proxecto técnico que a seguridade da instalación queda garantida.

Artigo 10. Rexistro Industrial de Galicia.

As persoas titulares das industrias, actividades, empresas de servizos e entidades ou axentes en materia de seguridade e calidade industrial que deban estar inscritas no Rexistro Industrial de Galicia, conforme o establecido no regulamento do dito rexistro, comunicaranlle os seus datos á consellería competente en materia de industria.

No caso de industrias, actividades, empresas de servizos e entidades ou axentes en materia de seguridade e calidade industrial sometidas a procedementos de autorización, declaración responsable ou comunicación, a inscrición no Rexistro Industrial de Galicia será realizada de oficio polo órgano competente a partir dos datos incluídos nos ditos procedementos.

Artigo 11. Rexistros de instalacións industriais.

Comunicaránselle á consellería competente en materia de industria os datos das instalacións industriais que por razón da normativa aplicable deban estar inscritas en rexistros específicos, nos termos establecidos na dita normativa.

CAPÍTULO II DA INSPECCIÓN DE INDUSTRIA

Sección 1ª. Réxime da inspección industrial

Artigo 12. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. A inspección de industria é a actividade pola que a consellería competente en materia de industria, cos medios de seu ou a través da colaboración de entidades legalmente habilitadas, realizará a supervisión, o control e a vixilancia das distintas actividades, establecementos, produtos e instalacións industriais, co obxecto de comprobar a adecuación da súa posta en funcionamento, condicións de servizo e fabricación aos requisitos legais e técnicos previstos na normativa aplicable e exixir, se é o caso, as responsabilidades que correspondan nos supostos de incumprimentos legais ou defectos técnicos.

2. O ámbito de actuación da actividade inspectora de industria regulada neste texto refundido abranguerá todas as actividades, establecementos, produtos e instalacións industriais situados dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con independencia da localización do domicilio social do/da seu/súa titular.

Artigo 13. Alcance da inspección.

O alcance da inspección estenderase a todas as determinacións fixadas nas regulamentacións técnicas e nas súas instrucións complementarias correspondentes, así como ás prescricións da normativa comunitaria que resulten de aplicación directa e mais ao resto das disposicións que resulten aplicables en materia de seguridade industrial.

Artigo 14. Principios da actuación inspectora.

As actividades de control e inspección industrial realizaranse con observancia dos principios de legalidade, obxectividade, proporcionalidade, coordinación e eficacia.

Artigo 15. Persoal inspector.

O desenvolvemento das funcións de inspección realizarano:

a) Persoal funcionario competente en materia de seguridade industrial que ocupe postos de traballo que teñan atribuído o exercicio das funcións de inspección e que estean adscritos a órganos administrativos con competencia para o control e a inspección na citada materia.

b) Persoal das entidades ou persoas físicas legalmente habilitadas e debidamente acreditadas para a realización de actividades de ensaio, certificación, inspección ou auditoría.

Artigo 16. Facultades do persoal inspector.

O persoal que realice as actividades de inspección de industria estará facultado para:

1. Acceder aos establecementos e ás instalacións suxeitas á regulamentación de seguridade industrial, despois de se identificar e co obxecto de realizar as comprobacións e actuacións que coide pertinentes.

2. Requirir a comparecencia do/da titular do establecemento ou instalación ou da persoa que o represente os días que resulten precisos para o desenvolvemento das súas actuacións, no lugar e na hora que coiden necesarios.

3. Proceder a practicar calquera dilixencia de investigación, exame ou proba que sexan necesarios para a comprobación do cumprimento dos requisitos legais e técnicos aplicables.

4. Facerse acompañar nas visitas de inspección polos/as peritos/as e técnicos/as do/da titular do establecemento ou da instalación, así como das persoas que participan na instalación, mantemento, utilización ou inspección de equipamentos ou aparellos, de o estimar necesario para o mellor desenvolvemento da función inspectora.

5. Requirirlles información á persoa titular ou ás persoas responsables do establecemento ou da instalación sobre calquera asunto relativo ao cumprimento da normativa que resulte aplicable. Así mesmo, poderá entrevistar a calquera membro do persoal da instalación en presenza de representantes dela e solicitar, unicamente, a información e os datos que sexan necesarios para a realización da inspección.

6. Inspeccionar os documentos, expedientes e rexistros que considere pertinentes para os efectos do disposto neste texto refundido e nos termos e condicións previstos nela e na demais lexislación que resulte aplicable.

7. Realizar as avaliacións, os ensaios, as mostraxes e as fotografías que resulten necesarios.

8. Solicitar dos responsables do establecemento ou da instalación, no caso de que sexa estritamente necesario para o cumprimento da inspección, a realización de determinadas operacións de funcionamento daquel.

9. O persoal técnico da consellería competente en materia de industria poderá estar presente en calquera actuación dunha entidade legalmente habilitada.

Artigo 17. Clases de inspección.

As actuacións inspectoras poderán clasificarse en dous grupos atendendo á posibilidade da súa planificación:

1. Inspeccións ordinarias.

a) Inspeccións de oficio. Realizadas para a comprobación de calquera actividade, establecemento, produto ou instalación industrial en funcionamento ou abandonado, ou por ter coñecemento ou indicios da existencia de feitos que puidesen ser constitutivos de delito ou infracción administrativa.

b) Inspeccións con carácter previo á posta en funcionamento da actividade, establecemento, produto ou instalación industrial. Realizadas para o obxecto de comprobar a realidade dos extremos facilitados nos estudos ou proxectos e a súa adecuación aos requisitos legais aplicables.

c) Inspeccións con posterioridade á posta en funcionamento da actividade, establecemento, produto ou instalación industrial. Realizadas para o obxecto de comprobar que se cumpren decontino as condicións fixadas nas regulamentacións legais e técnicas.

d) Inspeccións regulamentarias periódicas. Realizadas cando exista unha norma que prevexa con carácter obrigatorio a referida intervención.

2. Inspeccións extraordinarias.

a) Inspeccións en virtude de denuncia. Levaranse a cabo sempre que exista unha denuncia relacionada coa execución ou funcionamento dunha actividade, establecemento, produto ou instalación industrial, que apareza inicialmente como fundada e que para o seu esclarecemento sexa necesaria a realización dunha inspección.

b) Inspeccións en caso de accidentes. Levaranse a cabo no caso de accidente derivado directa ou indirectamente coa execución e funcionamento dunha actividade, establecemento, produto ou instalación industrial. Esta efectuarase sempre que sexa necesaria para o esclarecemento dos feitos ou para a determinación de responsabilidades, así como para lles dar cumprimento ás peticións de colaboración.

3. En todas as inspeccións, tanto nas ordinarias como nas extraordinarias, os inspectores poderán requirir a presenza das persoas e os informes que consideren oportunos.

Artigo 18. Periodicidade das inspeccións industriais.

1. As persoas titulares de actividades, establecementos ou instalacións industriais suxeitas a inspeccións periódicas son os responsables de que estas se realicen dentro dos prazos establecidos regulamentariamente, e para iso deberán solicitar a intervención do órgano competente en materia de industria ou, se é o caso, dunha entidade legalmente habilitada.

2. Non recaerá responsabilidade sobre as persoas titulares se, unha vez solicitada e aceptada en prazo a intervención do órgano competente en materia de industria ou, se é o caso, dunha entidade legalmente habilitada se comproba que a inspección non se realizou por causas imputables a estes.

3. Con independencia do anterior, a Administración establecerá un sistema de información para as persoas titulares dos establecementos ou das instalacións sobre os prazos establecidos para realizar as inspeccións periódicas, indicándolles ao tempo a relación das entidades legalmente habilitadas, na Comunidade Autónoma de Galicia para as realizar.

Artigo 19. Actuacións inspectoras.

1. O persoal funcionario ao servizo da consellería competente en materia de seguridade industrial que desempeñe actuacións de inspección na citada materia terá a consideración de axente de autoridade no exercicio das súas funcións.

2. Sen prexuízo da normativa específica que regule as actuacións de inspección de seguridade industrial realizadas polas entidades legalmente habilitadas, as actuacións inspectoras documentaranse por medio das correspondentes actas de inspección nas que se recollerán os resultados das actuacións de investigación e comprobación.

3. As actas de inspección que se redacten gozarán de valor probatorio e, no caso de ser redactadas polo persoal funcionario, presunción de veracidade, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan achegar os propios/as interesados/as.

4. O procedemento, o contido e os efectos da actuación inspectora estableceranse regulamentariamente.

Artigo 20. Consecuencias derivadas da actividade inspectora industrial.

1. Como consecuencia da actividade inspectora, o persoal inspector poderá:

a) Paralizar temporalmente, ben sexa de forma total ou parcial, a actividade do establecemento ou da instalación nos supostos de perigo inminente e certo, o que lle comunicará con carácter inmediato ao órgano competente en materia de seguridade industrial, que deberá confirmar, modificar ou levantar a paralización na maior brevidade posible.

b) Propoñer a prohibición ou limitación da comercialización dun produto industrial nos casos de perigo certo para as persoas ou de prexuízos graves de difícil reparación.

c) Realizar propostas de incoación de expedientes sancionadores como consecuencia do resultado final da inspección, cando esta se desenvolva por persoal funcionario.

2. O persoal inspector comunicaralle o resultado da inspección á autoridade competente en materia de seguridade e saúde laborais nos casos de especial relevancia ou de perigo inminente.

3. O persoal inspector deberá propoñer o traslado da denuncia á autoridade xudicial cando se aprecie a posible comisión dun delito contra as persoas, os bens ou o ambiente e solicitar a intervención da fiscalía.

Sección 2ª. Plans e programas de inspección industrial

Artigo 21. Plans e programas de inspección.

1. A consellería competente en materia de industria elaborará e aprobará plans de inspección das actividades reguladas neste texto refundido, que serán levados a cabo directamente polo persoal funcionario da citada consellería ou, baixo a supervisión desta, a través das entidades legalmente habilitadas que para o efecto sexan requiridas.

2. As inspeccións obxecto de programación mediante plans e programas de inspección atinxirán as inspeccións ordinarias previstas no punto 1 do artigo 17.

3. Os plans e os programas de inspección industrial serán os instrumentos directores para conseguir un coñecemento exhaustivo das actividades, establecementos, produtos ou instalacións industriais en canto á súa posta en funcionamento e condicións de servizo, así como no referente á fabricación, a comercialización e o cumprimento dos requisitos regulamentarios e de seguridade industrial.

Artigo 22. Contido dos plans de inspección.

1. Os plans de inspección da seguridade industrial estruturaranse en programas específicos, definidos por sectores industriais, por instancia do centro directivo competente en materia de seguridade industrial e en función das necesidades que se formulen. A través deles comprobarase a adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo das actividades, dos establecementos e das instalacións, así como da fabricación e comercialización dos produtos industriais aos requisitos regulamentarios de seguridade e normativa que lles sexan aplicables.

2. Os plans de inspección da seguridade industrial recollerán, como mínimo, os seguintes contidos:

a) O obxecto do plan de inspección e os obxectivos que se pretenden con cada programa.

b) Actividades, establecementos, instalacións, equipos ou produtos que se deben incluír en cada programa de inspección.

c) Dotación de medios persoais e materiais que se destinarán ao desenvolvemento de cada programa de inspección.

d) Indicadores de resultados.

e) Vixencia.

3. Os programas específicos de inspección recollerán, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Tipoloxía das actividades, establecementos e instalacións suxeitas á inspección.

b) Establecementos que deberán ser inspeccionados.

c) Equipos ou produtos que serán obxecto de inspección.

d) Duración temporal e ámbito xeográfico.

e) Actuacións de inspección que poderán realizar as entidades legalmente habilitadas.

Artigo 23. Metodoloxía.

1. O artellamento da xestión, do desenvolvemento e da execución dos programas de inspección de seguridade industrial realizarase consonte os principios que establece este texto refundido.

2. En calquera caso, as inspeccións ou as medidas de control non dependerán da recepción do informe de seguridade nin de ningún outro informe presentado, e deberán posibilitar un exame planificado e sistemático dos sistemas técnicos, de organización e de xestión aplicados no establecemento para previr os accidentes.

3. Sen prexuízo das funcións de inspección do persoal técnico da consellería competente en materia de industria, a execución material dos programas poderán levala a cabo entidades legalmente habilitadas, para o que se utilizará, como instrumento de xestión, a subscrición de convenios de colaboración cos sectores afectados por el, se así se determina no correspondente plan de inspección.

Artigo 24. Execución e desenvolvemento.

1. A consellería competente en materia de industria efectuará a selección das actividades, establecementos, produtos ou instalacións industriais obxecto dos plans e programas de inspección.

2. Como consecuencia do anterior, os órganos competentes da citada consellería ordenarán as actuacións de supervisión e control das inspeccións realizadas e incoarán os expedientes sancionadores que procedan nos supostos de incumprimento de requisitos regulamentarios exixidos aos establecementos, ás instalacións e aos produtos industriais inspeccionados.

Artigo 25. Periodicidade.

1. A consellería competente en materia de industria determinará a periodicidade dos plans e programas de inspección en función das necesidades que se formulen.

2. En calquera caso, a consellería competente en materia de industria deberá, como mínimo cada dous anos, aprobar novos plans de inspección ou prorrogar a vixencia dos xa aprobados tras un procedemento previo de revisión e actualización dos seus contidos.

Artigo 26. Informes finais.

1. Logo de finalizar cada programa de inspección, a consellería competente en materia de industria elaborará un informe final onde se recollerán os datos, os resultados e as incidencias máis significativas para cada programa.

2. A consellería competente en materia de industria dará conta bianualmente no Parlamento de Galicia, por medio da Comisión de Industria, dos resultados dos plans de inspección e das conclusións derivadas da súa execución.

CAPÍTULO III SOBRE A COLABORACIÓN DAS ENTIDADES LEGALMENTE HABILITADAS

Artigo 27. Actuación das entidades legalmente habilitadas.

1. As entidades legalmente habilitadas que se constitúan coa finalidade de verificar o cumprimento de carácter obrigatorio das condicións de seguridade dos establecementos, das instalacións e dos produtos industriais, establecidas polos regulamentos de seguridade industrial, mediante actividades de certificación, ensaio, inspección ou auditoría, axustarán a súa actuación á normativa específica que lles resulte aplicable. En canto aos procedementos de habilitación, duración do procedemento, competencia, funcionamento, suspensión da actividade e calquera outra que poida suscitarse, haberá que aterse ao disposto na citada normativa.

2. As actuacións administrativas de habilitación e control das entidades legalmente habilitadas que correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia serán exercidas pola consellería competente en materia de industria.

Para facilitar a devandita supervisión, as entidades legalmente habilitadas levarán un rexistro xeral de actuacións no que quedarán reflectidas todas as que realicen nos distintos campos.

Artigo 28. Intercambios de información entre entidades legalmente habilitadas e a Administración.

1. A consellería competente en materia de industria arbitrará os mecanismos necesarios para que os intercambios de información entre aquela e as entidades legalmente habilitadas, e, en particular, os relativos aos resultados das actuacións inspectoras, teñan o carácter máis inmediato posible e garantan a súa transmisión con seguridade e rapidez.

2. As entidades legalmente habilitadas presentarán na consellería competente en materia de industria unha memoria anual relativa ás actividades realizadas na Comunidade Autónoma de Galicia nos distintos campos de actuación.

TÍTULO II. SOBRE A COORDINACIÓN E COOPERACIÓN ADMINISTRATIVAS

Artigo 29. Coordinación administrativa.

1. Correspóndelle á consellería competente en materia de industria velar polo cumprimento do que establece este texto refundido.

2. Co fin de garantir a seguridade e a saúde das persoas, os bens e o ambiente que poidan verse afectados polo desenvolvemento das actividades industriais previstas neste texto refundido, as consellerías competentes en materia laboral, ambiental, de ordenación do territorio, sanitaria e de industria axustarán a súa actuación ao principio de coordinación, de acordo coas regras xerais das relacións interadministrativas.

Artigo 30. Cooperación administrativa.

Para a efectiva aplicación deste texto refundido, as administracións implicadas axustarán as súas actuacións aos principios de información mutua, cooperación e colaboración. En particular, deberase prestar a debida asistencia para aseguraren a eficacia e coherencia das súas actuacións.

Artigo 31. Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial.

1. Créase o Consello Galego de Seguridade Industrial como órgano colexiado da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellaría competente en materia de industria, de natureza consultiva e de participación, para o impulso e coordinación dos criterios e actuacións en materia de seguridade industrial.

2. Na súa composición, na que se procurará a presenza equilibrada entre mulleres e homes, estarán representadas as asociacións empresariais e sindicais máis representativas, os colexios profesionais con competencias en materia de industria, os axentes do sector industrial e do sistema da seguridade industrial de Galicia, así como os órganos da Administración autonómica competentes en materia de industria, enerxía, traballo, sanidade, medio ambiente, protección civil e ordenación do territorio.

3. O Consello Galego de Seguridade Industrial terá as seguintes funcións:

a) Promover a adaptación das actuacións en materia de seguridade industrial ás decisións, recomendacións e orientacións da Unión Europea.

b) Emitir informe sobre os proxectos de regulamentacións de seguridade industrial de ámbito autonómico, así como elaborar propostas normativas na materia.

c) Emitir informe sobre os plans de seguridade industrial de ámbito autonómico.

d) Impulsar a realización de estudos e informes en materia de seguridade industrial.

e) Propiciar a coordinación das actuacións entre as materias de seguridade e de calidade industrial.

f) Cantas outras funcións lle sexan asignadas polos órganos competentes en materia de seguridade industrial.

4. O Consello Galego de Seguridade Industrial estará composto polas seguintes persoas:

a) Presidencia: a persoa titular da consellaría competente en materia de industria ou a persoa en quen delegue.

b) Vicepresidencia: a persoa titular da Secretaría Xeral de Industria ou a persoa en quen delegue.

c) Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Administración Industrial.

d) Vogalías. O Consello incluirá, como mínimo, as seguintes persoas vogais:

1º. Unha persoa representante da consellaría competente en materia de industria.

2º. Unha persoa representante de cada unha das xefaturas territoriais da consellaría competente en materia de industria.

3º. Unha persoa representante do centro directivo competente en materia de enerxía.

4º. Unha persoa representante do centro directivo competente en materia de traballo.

5º. Unha persoa representante do centro directivo competente en materia de sanidade.

6º. Unha persoa representante do centro directivo competente en materia de medio ambiente.

7º. Unha persoa representante do centro directivo competente en materia de protección civil.

8º. Unha persoa representante do centro directivo competente en materia de ordenación do territorio.

9º. Dúas persoas representantes dos colexios profesionais relacionados cos produtos e instalacións industriais sometidos aos regulamentos de seguridade industrial.

10º. Unha persoa representante da asociación con maior representatividade en Galicia de organismos de control autorizados.

11º. Tres persoas representantes das organizacións ou asociacións empresariais intersectoriais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o previsto na Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, en relación cos produtos e instalacións industriais sometidos aos regulamentos de seguridade industrial.

12º. Tres persoas representantes das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do previsto pola Lei 17/2008, do 29 de decembro.

5. Sen prexuízo da composición indicada no número anterior, o Consello poderá acordar por maioría a incorporación doutras persoas en representación dos órganos, colexios profesionais, asociacións ou organizacións sindicais, no caso de que se requira para a máis eficiente consecución dos seus obxectivos.

Ademais, o Consello poderá contar co asesoramento das persoas técnicas nas distintas materias que se considere conveniente, para o correcto funcionamento das súas funcións.

6. O Consello reunirase polo menos unha vez ao ano, mediante convocatoria da persoa titular da súa presidencia. Ademais poderá reunirse cantas veces se considere necesario, por instancia da mesma persoa ou por solicitude de, polo menos, un terzo dos seus membros.

7. O Consello establecerá, no marco deste artigo, o seu regulamento de organización e funcionamento.

8. O Pleno do Consello Galego de Seguridade Industrial creará os comités executivos que considere convenientes no seu seo. Pola súa vez, estes comités executivos poderán crear as seccións técnicas ou grupos de traballo que consideren convenientes para o mellor tratamento das temáticas relacionadas cos diferentes produtos e instalacións sometidas aos regulamentos de seguridade industrial.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 31 nova redacción por artigo 41 apartado un.

TÍTULO III. RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 32. Infraccións.

1. Constitúen infraccións administrativas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as accións e omisións que contraveñan as obrigas establecidas neste texto refundido.

2. Sen prexuízo do anterior, as accións ou omisións que poidan constituír infracción á normativa de prevención de riscos laborais sancionaranse segundo esta.

Artigo 33. Clasificación das infraccións.

1. Sen prexuízo das infraccións que, se é o caso, estableza a normativa estatal, estas clasifícanse en moi graves, graves e leves de conformidade coa tipificación establecida nos puntos seguintes.

2. Son infraccións moi graves as seguintes:

a) O incumprimento doloso dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidos na normativa industrial sempre que ocasionen risco grave ou dano para as persoas, a flora, a fauna, as cousas ou o medio.

b) A reincidencia en falta grave pola que se tivese sancionado no prazo dos dous (2) anos anteriores á comisión desta.

c) A negativa absoluta a facilitar información ou prestar colaboración ao persoal inspector.

d) As tipificadas no punto seguinte como infraccións graves, cando destas resulte un dano moi grave ou se derive un perigo moi grave e inminente para as persoas, a flora, a fauna, as cousas ou o medio.

3. Son infraccións graves as seguintes:

a) A fabricación, importación, distribución, comercialización, venda, transporte, instalación, reparación ou utilización de produtos, aparellos ou elementos suxeitos á seguridade industrial sen cumprir as normas regulamentarias, cando comporte perigo ou dano grave para persoas, flora, fauna, cousas ou o medio.

b) A posta en funcionamento de instalacións que carezan da correspondente autorización ou inscrición rexistral, ou sen a previa presentación dos documentos exixidos cando algún destes sexa preceptivo de acordo coa correspondente disposición legal ou regulamentaria.

c) O exercicio ou desenvolvemento de actividades sen a correspondente autorización, habilitación ou inscrición rexistral, cando esta sexa preceptiva, ou transcorrido o seu prazo de vixencia, así como a modificación non autorizada pola autoridade competente das condicións e requisitos sobre os cales se tivese outorgado a correspondente autorización, habilitación ou inscrición.

d) Non dispoñer de contratos de mantemento das instalacións con empresas habilitadas nos casos en que sexan obrigatorios.

e) A ocultación ou a alteración dolosa dos datos exixibles pola normativa aplicable, así como a resistencia ou a reiterada demora en proporcionalos sempre que estas non se xustifiquen debidamente.

f) A resistencia dos titulares de actividades e instalacións industriais en permitir o acceso ou facilitar a información requirida polas administracións públicas, cando houbese obriga legal ou regulamentaria de atender tal petición de acceso ou información ou cando esta sexa necesaria para poder executar a correspondente inspección ou control de mercado.

g) O incumprimento dos requirimentos específicos e das medidas preventivas que formule a autoridade competente, cando se produza de modo reiterado.

h) A expedición de certificados, informes ou actas cuxo contido non se axuste á realidade dos feitos.

i) A redacción e sinatura de proxectos ou memorias técnicas cuxo contido non se axuste ás prescricións establecidas na normativa aplicable.

j) As inspeccións, ensaios ou probas efectuadas polos organismos de control de forma incompleta ou con resultados inexactos por unha insuficiente constatación dos feitos ou pola deficiente aplicación de normas técnicas.

k) A acreditación de organismos de control por parte das entidades de acreditación cando se efectúe sen verificar totalmente as condicións e requisitos técnicos exixidos para o funcionamento daqueles ou mediante valoración tecnicamente inadecuada.

l) O incumprimento das prescricións ditadas pola autoridade competente en cuestións de seguridade relacionadas con este libro e coas normas que a desenvolven.

m) A inadecuada conservación e mantemento de instalacións se diso pode resultar un perigo para as persoas, a flora, a fauna, os bens ou o medio.

n) A inexactitude, falsidade ou omisión en calquera dato, ou manifestación, de carácter esencial, sobre o cumprimento dos requisitos exixidos sinalados na declaración responsable ou a comunicación achegada polos interesados.

ñ) A realización da actividade sen cumprir os requisitos exixidos ou sen realizar a comunicación ou a declaración responsable cando algunha delas sexa preceptiva.

o) A falta de comunicación á Administración pública competente da modificación de calquera dato de carácter esencial incluído na declaración responsable ou comunicación previa.

p) Manter en funcionamento instalacións sen superar favorablemente as inspeccións, revisións ou comprobacións establecidas na normativa aplicable.

q) O incumprimento por neglixencia grave, dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidos na normativa industrial sempre que se produza risco para as persoas, a flora, a fauna, as cousas ou o medio, aínda que sexa de escasa entidade; e o mesmo incumprimento e comportamento cando, cometido con neglixencia simple, produzan risco grave para as persoas, a flora, a fauna, as cousas ou o medio.

r) A reincidencia en falta leve pola que se tivese sancionado no prazo dos dous (2) anos anteriores á comisión desta.

4. Son infraccións leves as seguintes:

a) A fabricación, importación, comercialización, venda, transporte, instalación ou utilización de produtos, aparellos ou elementos industriais sen cumprir as normas regulamentarias aplicables, cando non constitúa infracción grave ou moi grave.

b) A non comunicación á Administración pública competente dos datos exixibles pola normativa aplicable dentro dos prazos regulamentarios.

c) O incumprimento dos requirimentos específicos ou as medidas preventivas que formule a autoridade competente dentro do prazo concedido para o efecto, sempre que se produza por primeira vez.

d) A falta de corrección das deficiencias detectadas en inspeccións e revisións regulamentarias no prazo sinalado na acta correspondente ou a falta de acreditación de tal corrección ante a Administración pública competente, sempre que as devanditas deficiencias non constitúan infracción grave ou moi grave.

e) A inadecuada conservación e mantemento das instalacións, cando non constitúa infracción grave ou moi grave.

f) A falta de colaboración coas administracións públicas no exercicio por estas das súas funcións de inspección e control derivadas desta lei.

g) O incumprimento, por simple neglixencia, dos requisitos, obrigas establecidas na normativa industrial sempre que se produza risco para as persoas, a flora, a fauna, as cousas ou o medio e este sexa de escasa incidencia.

h) A inexactitude, falsidade ou omisión en calquera dato, ou manifestación, de carácter non esencial, sobre o cumprimento dos requisitos exixidos sinalados na declaración responsable ou a comunicación achegada polos interesados.

i) A falta de comunicación á Administración pública competente da modificación de calquera dato de carácter non esencial incluído na declaración responsable ou comunicación previa.

Artigo 34. Sancións.

1. As infraccións previstas neste libro serán sancionadas de acordo coa normativa estatal.

2. Nos casos de infraccións graves, as multas poderán comportar o pechamento do establecemento ou a suspensión da actividade por un prazo non superior a un ano e a retirada dos carnés de instalador/a e/ou mantedor/a.

3. Nos casos de infraccións moi graves, as multas poderán comportar:

a) O pechamento ou a suspensión da actividade do establecemento por un prazo non superior a cinco anos.

b) A clausura definitiva, total ou parcial, do establecemento ou da actividade.

4. Nos supostos de infraccións graves ou moi graves, poderase impoñer ademais, se é o caso, a sanción consistente na devolución das subvencións ou axudas outorgadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, así como a imposibilidade da obtención de préstamos, subvencións ou axudas públicas na materia durante os seguintes prazos:

a) Infraccións moi graves: cinco anos.

b) Infraccións graves: dous anos.

Artigo 35. Procedemento sancionador.

1. O procedemento para a imposición de sancións axustarase aos principios regulados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ao disposto no Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, sen prexuízo de que regulamentariamente se establezan especialidades de procedemento.

2. O prazo para resolver o procedemento sancionador será dun ano, que se contará desde a data da súa iniciación. Ao transcorrer o prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase a resolución, producirase a caducidade do procedemento. No caso de que a infracción non prescribise, deberase iniciar un novo procedemento sancionador.

Artigo 36. Reparación de danos.

Sen prexuízo da sanción administrativa que se impoña, o/a infractor/a estará obrigado a reparar os danos e perdas causados co obxecto de restaurar e repoñer os bens alterados ao seu estado anterior.

Artigo 37. Multas coercitivas.

1. Cando o infractor non cumpra coa obriga imposta no artigo anterior ou o faga de xeito incompleto, poderán serlle impostas multas coercitivas. A contía de cada unha das devanditas multas non superará o 20 % da sanción fixada para a infracción correspondente, sen prexuízo da posible execución subsidiaria pola propia Administración a cargo daquel.

2. As multas coercitivas serán independentes e compatibles coas que se impuxesen ou puidesen impoñerse como sanción pola infracción cometida.

Artigo 38. Prescrición.

1. As infraccións a que se refire este libro prescribirán nos seguintes prazos:

a) Cinco anos, no caso de infraccións moi graves.

b) Tres anos, no caso de infraccións graves.

c) Un ano, no caso de infraccións leves.

2. O cómputo do prazo de prescrición das infraccións iniciarase na data na que se cometese a infracción ou, de se tratar dunha actividade continuada, na data do seu cesamento.

3. As sancións a que se refire este libro, prescribirán nos seguintes prazos:

a) Cinco anos, no caso de sancións por infraccións moi graves.

b) Tres anos, no caso de sancións por infraccións graves.

c) Un ano, no caso de sancións por infraccións leves.

Artigo 39. Concorrencia de sancións.

1. Cando as infraccións puidesen ser constitutivas de delito ou falta, o órgano administrativo daralle traslado ao Ministerio Fiscal e absterase de proseguir o procedemento sancionador mentres a autoridade xudicial, se é o caso, non se pronunciase. A sanción penal excluirá a imposición de sanción administrativa. De non se estimar a existencia de delito ou falta, a Administración poderá continuar o expediente sancionador con fundamento, de ser o caso, nos feitos que o órgano xudicial competente considerase probados.

2. Nos mesmos termos, a instrución de causa penal perante os tribunais de xustiza suspenderá a tramitación do expediente administrativo sancionador que se tivese incoado polos mesmos feitos e, se é o caso, a execución dos actos administrativos de imposición de sanción. As medidas administrativas que se adoptasen para salvagardar a saúde e a seguridade das persoas manteranse ata que a autoridade xudicial se pronuncie sobre elas no procedemento correspondente.

Artigo 40. Medidas cautelares.

1. Nos supostos nos que exista un risco grave ou inminente para as persoas, os bens ou o ambiente, o órgano competente para a incoación do expediente poderá ordenar motivadamente, ao tempo que acorda a apertura do expediente, a adopción de cantas medidas cautelares resulten necesarias. En particular, poderán acordarse as seguintes:

a) Medidas de corrección, seguridade ou control que impidan a continuidade na produción do dano.

b) Precintaxe de aparellos, equipamentos ou vehículos.

c) Clausura temporal, parcial ou total, da instalación.

d) De ser o caso, suspensión temporal da habilitación para o exercicio da actividade.

e) Limitación e prohibición da comercialización de produtos.

2. A adopción das devanditas medidas cautelares levarase a cabo, logo de audiencia do/da interesado/a, nun prazo de cinco días, agás nos casos que exixan unha actuación inmediata.

3. As medidas sinaladas no punto 1 deste artigo poderán ser acordadas antes da iniciación do procedemento administrativo sancionador, nas condicións establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 41. Responsables.

Serán suxeitos responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas que incorran nelas e, en particular:

a) A persoa titular do establecemento ou da instalación ou, se é o caso, o/a director/a ou xerente da industria será o responsable de que o seu funcionamento se realice en todo momento de acordo co disposto na regulamentación que lle sexa aplicable, e, especialmente, coas normas de seguridade, sanidade e protección do ambiente, sen prexuízo das responsabilidades que contraian tanto os/as autores/as dos proxectos, da documentación técnica e dos certificados expedidos coma as empresas e persoas que interviñesen ou interveñan na instalación, funcionamento, reparación, mantemento, inspección e control.

b) O autor do proxecto é responsable de que este cumpra coa normativa vixente. O/a técnico/a competente que emitise o certificado é responsable da adaptación da obra ao proxecto e de que na execución dela se adoptasen as medidas e se cumprisen as condicións técnicas regulamentarias que sexan aplicables, sen prexuízo das sancións penais que, se é o caso, correspondan.

Todo isto con independencia da responsabilidade dos/as técnicos/as, das empresas ou das entidades legalmente habilitadas sobre a veracidade das certificacións acreditativas do cumprimento regulamentario que emitan.

c) O/a director/a de obra, se é o caso, e as persoas que participan na instalación, reparación, mantemento, utilización ou inspección das industrias, dos equipamentos e dos aparellos, cando a infracción sexa consecuencia directa da súa intervención.

d) Os/as fabricantes, vendedores/as ou importadores/as dos produtos, aparellos, equipamentos ou elementos que non se axusten ás exixencias regulamentarias.

Artigo 42. Competencia sancionadora.

1. A potestade sancionadora en relación coas infraccións tipificadas neste libro correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A competencia para iniciar os procedementos sancionadores derivados das infraccións administrativas previstas neste libro correspóndelles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de industria.

Non obstante, esta competencia corresponderalles ás persoas titulares da dirección xeral competentes por razón da materia no caso de infraccións administrativas que afecten o ámbito territorial de dúas ou máis provincias da Comunidade Autónoma de Galicia. Para tal efecto, poderá tramitarse un único expediente como consecuencia de infraccións cometidas por unha persoa física ou xurídica en dúas ou máis provincias.

3. Pola súa banda, a competencia para a resolución dos expedientes sancionadores aos que fai referencia o punto anterior corresponderalles:

a) Nas infraccións moi graves: ao Consello da Xunta de Galicia.

b) Nas infraccións graves: á persoa titular da consellería competente en materia de industria.

c) Nas infraccións leves: ás persoas titulares das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de industria cando afecten unicamente o seu respectivo ámbito territorial e os directores xerais competentes por razón da materia nos casos previstos no último parágrafo do punto anterior.

4. No exercicio da potestade sancionadora derivada deste texto refundido, o órgano competente para a resolución do expediente poderá solicitar informes daqueloutros órganos dos que as súas competencias resulten afectadas pola actividade de que se trate.

Artigo 43. Publicidade.

O órgano que exerza a potestade sancionadora poderá facer constar na resolución correspondente a necesidade de proceder á publicación no Diario Oficial de Galicia e a través dos medios de comunicación social que considere oportunos as infraccións cometidas así como as sancións impostas, coa inclusión dos nomes e apelidos ou da razón social das persoas físicas ou xurídicas responsables, sempre que adquirisen xa o carácter de firmes. O criterio de proceder á publicación deberá estar baseado en feitos obxectivos, igualitarios e homoxéneos.

Artigo 44. Información.

Cada dous anos, remitiráselle ao Parlamento de Galicia unha memoria que conteña as actuacións realizadas polo persoal inspector e polas entidades legalmente habilitadas.

LIBRO SEGUNDO. POLÍTICA INDUSTRIAL

TÍTULO PRELIMINAR. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 45. Obxecto.

Este libro ten por obxecto determinar os órganos e as entidades do sector público autonómico competentes para a planificación e a promoción da actividade industrial, disciplinar o réxime xurídico dos clústers en canto axentes do sector privado singularmente relevantes no ámbito da actividade industrial e deseñar os instrumentos precisos para a eficaz e eficiente realización das actividades de planificación e de promoción no ámbito das competencias que o Estatuto de autonomía lle atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 46. Definicións.

Para os efectos do disposto neste libro, enténdese por:

a) Actividade industrial: aquela actividade dirixida á obtención, reparación, mantemento, transformación ou reutilización de produtos industriais e ao envasamento e embalaxe, así como ao aproveitamento, recuperación e eliminación de residuos ou subprodutos, calquera que sexa a natureza dos recursos e procesos técnicos utilizados.

Entre outras, considéranse actividades industriais as actividades consistentes na transformación física, química ou biolóxica de substancias ou compoñentes en novos produtos e as que supoñan calquera modificación, renovación ou reconstrución substancial de artigos e produtos acabados ou semielaborados; as actividades das industrias extractivas e de produción e distribución de enerxía e auga; as actividades ambientais e de tratamento, eliminación, xestión e valorización de residuos; as actividades das industrias da construción; as actividades relacionadas coa distribución de bens e servizos a outros sectores da economía; e as actividades de venda, alugueiro, mantemento e reparación de maquinaria, equipamentos, material de transporte e outros bens tanxibles.

b) Instalación industrial: a definida como tal na letra b do artigo 2.

c) Empresa: toda entidade, independentemente da súa natureza e forma, que exerza unha actividade industrial.

d) Pequena empresa: aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

e) Mediana empresa: aquela empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

f) Clúster empresarial: organismo que vincula a diversas empresas, ou entidades vinculadas con elas, como centros de formación ou unidades de investigación públicas ou privadas, que opera nun determinado territorio e no ámbito dunha ou de varias actividades industriais fortemente relacionadas entre si pola existencia de clientela, procesos, coñecementos ou tecnoloxías comúns.

É fin esencial destes organismos colaborar para lograr obxectivos comúns, nomeadamente no desenvolvemento de proxectos que contribúan á creación, acumulación e difusión de coñecemento; na mellora da produtividade, a través dunha maior especialización e complementariedade entre as actividades dos seus asociados; na innovación, a través da investigación conxunta; e na promoción da visibilidade, importancia estratéxica e boa imaxe do seu ámbito.

g) Tecido industrial galego: o conxunto de empresas que operan na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 47. Ámbito de aplicación.

Este libro aplícase ás actividades da Administración xeral da Comunidade Autónoma e dos entes do sector público autonómico con incidencia sobre o tecido industrial galego, en todo aquilo non previsto pola correspondente lexislación específica.

Artigo 48. Fins.

Os fins deste texto refundido no ámbito da política industrial son:

a) Crear un marco normativo axeitado para a planificación e a execución das políticas industriais.

b) Fomentar a creación e o desenvolvemento da actividade industrial.

c) Promover a mellora da competitividade da industria galega.

d) Estimular a calidade industrial das empresas.

e) Favorecer a internacionalización e a atracción de investimentos no tecido empresarial galego.

f) Atender, en particular, as necesidades das pequenas e medianas empresas.

g) Procurar a cohesión social, o equilibrio territorial, a creación e o mantemento de postos de traballo de calidade.

h) Garantir a participación e o seguimento dos axentes económicos e sociais da Comunidade Autónoma na elaboración das políticas públicas sobre a actividade industrial.

i) Fomentar a creación e o desenvolvemento de clústers empresariais galegos.

j) Potenciar a formación empresarial e laboral.

k) Estimular e favorecer o autoemprego e o emprendemento empresarial.

l) Impulsar a aplicación dos resultados da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico na industria e nos servizos dirixidos á produción.

m) Contribuír a potenciar o capital humano das empresas e o desenvolvemento do talento e da creatividade.

n) Impulsar o aproveitamento positivo dos recursos endóxenos.

Artigo 49. Principios xerais.

A regulación contida neste libro atópase informada polos seguintes principios:

a) De liberdade de establecemento para a instalación e a modificación das actividades industriais.

b) De avaliación da eficacia e eficiencia da asignación e do emprego dos recursos públicos.

c) De desenvolvemento sustentable e utilización racional dos recursos naturais.

d) De colaboración público-privada e interadministrativa e de concertación social para facilitar a consecución dos seus obxectivos.

TÍTULO I. AXENTES IMPLICADOS NO DESEÑO E NA EXECUCIÓN DA POLÍTICA INDUSTRIAL

CAPÍTULO I A ADMINISTRACIÓN XERAL DA COMUNIDADE AUTÓNOMA

Artigo 50. O Consello da Xunta de Galicia.

1. O Consello da Xunta de Galicia é o órgano superior de planificación e execución da política industrial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia:

a) Aprobar as disposicións de carácter xeral en materia de planificación e de execución da política industrial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Aprobar os plans directores dos distintos sectores industriais de Galicia.

c) Aprobar a declaración dos proxectos industriais estratéxicos e autorizar a súa implantación.

d) Establecer liñas de cooperación en materia de planificación e de execución da política industrial coas demais administracións públicas.

e) As demais funcións que lle outorgue a lexislación vixente.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 50 apartado 2 letra b) nova redacción por artigo 41 apartado dous.

Artigo 51. A consellería competente en materia de industria

1. A consellería competente en materia de industria é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia responsable de deseñar a planificación da actuación pública en apoio á industria, así como de executar as funcións públicas relativas á actividade e á promoción industrial, sen prexuízo das competencias específicas que teñan atribuídas as demais consellerías.

2. Correspóndelle á consellería competente en materia de industria:

a) Realizar as avaliacións previas de impacto das actuacións públicas no tecido industrial galego.

b) Elaborar o estudo do impacto das actuacións públicas no tecido industrial galego.

c) Elaborar e aprobar os proxectos dos plans directores dos distintos sectores industriais de Galicia, así como propor a súa modificación parcial.

d) Determinar a inclusión dun proxecto industrial dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, agás nos casos de proxectos industriais estratéxicos.

e) Propoñer a declaración dun investimento como proxecto industrial estratéxico e propoñer a autorización de implantación deste.

f) Emitir informe sobre os plans e os programas que afecten de xeito relevante a actividade industrial, nomeadamente os de proxección de redes de infraestruturas.

g) Emitir informe sobre a creación de áreas ou de polígonos industriais que incidan de xeito relevante no tecido industrial galego, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

h) Emitir informe sobre a adopción de medidas de fomento da calidade e da seguridade que afecten a actividade industrial.

i) As demais funcións que lle outorgue a lexislación vixente.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 51 apartado 2 letras c) e d) nova redacción por artigo 41 apartado tres.

CAPÍTULO II O INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

Artigo 52. O Instituto Galego de Promoción Económica

1. O Instituto Galego de Promoción Económica é a entidade pública instrumental da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que colabora co centro directivo con competencias en materia de industria na execución das funcións públicas relativas á actividade de promoción industrial, singularmente no ámbito internacional.

2. Ademais das competencias que lle atribúa a súa lexislación específica, en particular no eido da internacionalización, sen prexuízo das competencias específicas que teñan atribuídas os demais órganos e entidades públicas instrumentais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndenlle ao Instituto Galego de Promoción Económica as seguintes funcións:

a) A realización de todas as actuacións que resulten necesarias para impulsar a difusión e a promoción internacional das empresas galegas.

b) A prestación de servizos ás empresas galegas que teñan por obxecto a cooperación con elas en relación coas accións que emprendan no seu proceso de internacionalización, sempre que favorezan a consolidación dos seus centros de decisión e do valor engadido en Galicia.

c) O desenvolvemento de actividades e de servizos de asesoramento en materia financeira e aseguramento de operacións de comercio internacional, co fin de mellorar a competitividade e a capacidade de penetración das empresas galegas nos mercados exteriores.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 52 apartado 1 nova redacción por artigo 41 apartado catro.

CAPÍTULO III AS ENTIDADES LOCAIS

Artigo 53. As entidades locais galegas.

As administracións locais galegas, con plena autonomía e baixo a súa propia responsabilidade, no marco do establecido neste texto refundido, poderán desenvolver cantas actuacións consideren oportunas para a consecución dos fins enumerados no artigo 35.

CAPÍTULO IV OS CLÚSTERS EMPRESARIAIS GALEGOS

Artigo 54. Creación.

1. Os clústers constituiranse de acordo co establecido na lexislación de asociacións.

2. Para a súa inclusión no Rexistro de Clústers Empresariais Galegos, para efectos de poder ser entidades beneficiarias de axudas da Administración autonómica, estes deben cumprir e acreditar, mediante a achega dos documentos que se establezan regulamentariamente, os seguintes requisitos:

a) A súa denominación incluirá a palabra “clúster” e as referencias ao ámbito territorial galego e á actividade industrial na que operan.

b) A súa configuración encaixará na definición contida no artigo 46 deste texto refundido.

c) Non terán ánimo de lucro.

d) Os seus estatutos recollerán expresamente o compromiso dos asociados de colaborar activamente para lograr obxectivos comúns, nomeadamente no desenvolvemento de proxectos que contribúan á creación, acumulación e difusión de coñecemento; na mellora da produtividade, a través dunha maior especialización e complementariedade entre as actividades dos seus asociados; na innovación, a través da investigación conxunta; e na promoción da visibilidade, importancia estratéxica e boa imaxe do seu ámbito.

e) Presentarán un plan estratéxico de actuación, consonte o que se estableza regulamentariamente.

Artigo 55. Rexistro de Clústers Empresariais Galegos.

1. Créase o Rexistro de Clústers Empresariais Galegos na consellería competente en materia de industria.

2. Este rexistro ten como funcións esenciais:

a) A inscrición como clústers empresariais galegos daquelas entidades cuxas solicitudes sexan resoltas favorablemente, así como a cancelación da dita inscrición, ben por solicitude das entidades inscritas ou ben de oficio, sempre logo da audiencia destas, cando concorra algunha das causas regulamentariamente establecidas, nomeadamente cando unha entidade deixe de reunir as circunstancias que xustificaron a súa inscrición ou cando incumpra as previsións contidas no seu plan estratéxico.

b) A garda e a custodia da documentación entregada polas entidades inscritas, xunto ás actualizacións que se produzan.

c) A expedición da comunicación da inscrición e de calquera certificación sobre os datos e os documentos inscritos nel que resulten necesarios para a participación nas convocatorias de axudas.

3. Regulamentariamente, desenvolveranse os requisitos e o procedemento para a inscrición, a modificación e a baixa de entidades no Rexistro de Clústers Empresariais Galegos.

Artigo 56. Funcións.

Os clústers empresariais galegos:

a) Habilitarán recursos, capacidades e competencias que os seus asociados de xeito individual non poderían acadar.

b) Potenciarán as relacións e as interconexións entre os seus asociados máis alá das que habitualmente poidan ter no tráfico mercantil.

c) Mellorarán o atractivo do territorio no que actúan para o desenvolvemento futuro das actividades produtivas.

d) Desenvolverán proxectos que contribúan á creación, acumulación e difusión de coñecemento.

e) Tenderán á mellora da produtividade a través dunha maior especialización e complementariedade entre as actividades dos seus asociados.

f) Impulsarán a innovación a través da investigación conxunta.

Artigo 57. Axudas destinadas a clústers empresariais.

1. A concesión de axudas destinadas a clústers empresariais galegos terá en conta os seguintes criterios de valoración, que se incluirán nas respectivas ordes de convocatoria:

a) Que o clúster se encontre inscrito no Rexistro Especial de Agrupacións Empresariais Innovadoras.

b) A adecuación do plan estratéxico do clúster aos correspondentes plans directores dos distintos sectores industriais de Galicia.

c) A actividade do clúster, en execución do seu plan estratéxico, realizada nos tres anos anteriores á convocatoria da respectiva axuda.

2. Na concesión de axudas destinadas a fomentar a creación de clústers empresariais galegos terase en conta, fundamentalmente, a adecuación do proxecto do plan estratéxico do clúster aos correspondentes plans directores dos distintos sectores industriais de Galicia.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 57 apartado 1 alínea b) e apartado 2 nova redacción por artigo 57 apartados un e dous.

TÍTULO II. O DESEÑO DA POLÍTICA INDUSTRIAL GALEGA

CAPÍTULO I DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 58. Avaliación previa do impacto das actuacións públicas no tecido industrial galego.

1. As propostas de plans, programas e proxectos e os proxectos de disposicións normativas con repercusión significativa na actividade industrial serán sometidos a análise pola consellería competente en materia de industria, co fin de avaliar o seu impacto nesta, de acordo cos requisitos e co procedemento que se determinen regulamentariamente.

2. Esta avaliación terá por obxecto, fundamentalmente:

a) Asegurar o mantemento e a mellora da competitividade industrial, así como a creación de emprego de calidade.

b) Garantir a coherencia normativa e planificadora.

c) Evitar a imposición de cargas administrativas innecesarias ás pequenas e medianas empresas.

Artigo 59. Estudo do impacto das actuacións públicas no tecido industrial galego.

1. A consellaría competente en materia de industria realizará bienalmente un estudo dos efectos dos plans e programas aprobados e que supoñan unha repercusión significativa na actividade industrial. En particular, realizarase este estudo dos efectos dos plans directores aprobados para os distintos sectores industriais.

2. Este estudo terá por obxecto determinar:

a) Os resultados dos plans e programas na actividade industrial, en especial desde o punto de vista da evolución dos sectores produtivos e da xeración de emprego de calidade.

b) A proposta de posibles medidas de cara á mellora do sector industrial, en xeral, ou de sectores industriais concretos, en particular.

c) A necesidade de ditar normas para disciplinar cuestións de relevante interese non reguladas neste ámbito ou de implementar determinados plans, programas ou proxectos.

3. Este estudo será sometido a informe preceptivo do Consello Galego de Economía e Competitividade e será posteriormente elevado ao Consello da Xunta de Galicia para a súa toma de razón.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 59 nova redacción por artigo 41 apartado cinco.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Capitulo II nova redacción por artigo 41 apartado seis.

CAPÍTULO II PLANIFICACIÓN DA POLÍTICA INDUSTRIAL

Artigo 60. Instrumentos para a planificación da política industrial galega.

A planificación da política industrial galega plasmarase nunha estratexia de política industrial que se baseará nos seguintes instrumentos:

a) Os plans directores dos distintos sectores industriais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) O Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 60 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Sección 1ª. Os plans directores dos distintos sectores industriais de Galicia

Artigo 61. Definición e alcance.

1. Os plans directores dos distintos sectores industriais son instrumentos de carácter estratéxico que teñen como fin potenciar o desenvolvemento da actividade industrial no sector concreto que corresponda, a través da definición das medidas necesarias para o seu impulso, de cara a avanzar no fortalecemento de todo o sector industrial da Comunidade Autónoma de Galicia e na conseguinte creación e mantemento de emprego industrial.

2. As medidas incluídas no plan dirixiranse a fortalecer o sector industrial, mellorando a competitividade das industrias actuais, fomentando a súa internacionalización, favorecendo a sustentabilidade e impulsando a innovación industrial dos seus procesos produtivos, co fin de incrementar o emprego industrial de calidade na Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, as medidas estarán dirixidas a estimular a captación de investimentos no sector que supoñan un reforzo do tecido industrial de Galicia, reforzando as sinerxías sectoriais e/ou intersectoriais.

3. Nos plans directores dos distintos sectores industriais definiranse os obxectivos que se pretende conseguir dentro do ámbito temporal considerado, e determinaranse os mecanismos e os medios para a súa consecución, coa indicación dos sistemas que serán utilizados para avaliar a súa eficacia e eficiencia.

4. A definición das medidas, mecanismos e medios necesarios dirixidos a acadar os obxectivos realizarase atendendo á situación actual do sector e tomando como referencia tanto a información cuantitativa recollida no mapa industrial de Galicia previsto no artigo 63 como a información cualitativa proporcionada por informantes clave sectoriais e territoriais, cos cales se establecerá unha liña de colaboración permanente.

5. Na definición das medidas terase en conta especialmente a potenciación do capital humano na Comunidade Autónoma, mediante a mellora da cualificación técnica e empresarial, a retención de talento e o fomento da creatividade e doutras habilidades non técnicas que contribúan a desenvolver os coñecementos adquiridos e a aplicalos con eficacia e eficiencia. Nas actuacións que se vaian desenvolver incluirase como obxectivo a redución da fenda de xénero actual naquelas actividades industriais en que as mulleres estean subrepresentadas.

6. Os plans directores dos distintos sectores industriais non serán considerados instrumentos de ordenación do territorio para os efectos do artigo 22 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, nin do procedemento de aprobación previsto na dita lei.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 61 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Artigo 62. Enumeración.

1. Mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta xustificada da persoa titular da consellaría con competencias en materia de industria, determinaranse os sectores industriais que se consideran estratéxicos, para os efectos da elaboración dos plans directores previstos no artigo anterior. Esta determinación poderá realizarse de forma conxunta, agrupando varios sectores, ou de forma paulatina, de acordo coas prioridades que se establezan e que se fundamentarán, entre outras variables, na situación do sector industrial e na súa capacidade de crecemento e xeración de emprego.

2. No caso dos sectores industriais que afecten competencias de varias consellarías da Xunta de Galicia, a proposta de acordo será realizada de forma conxunta pola persoa titular da consellaría con competencias en materia de industria e pola persoa ou persoas titulares do resto de consellarías afectadas.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 62 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Artigo 63. Mapa industrial.

1. Como instrumento complementario aos plans directores dos distintos sectores industriais, co fin de que todo o sector industrial dispoña da información necesaria para o impulso de proxectos industriais, a consellaría con competencias en materia de industria elaborará un mapa industrial que incluirá a información sobre a implantación actual dos distintos sectores a nivel territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de fomentar as sinerxías entre as distintas actividades industriais.

2. O mapa industrial incluirá adicionalmente a información xeral sobre as infraestruturas esenciais e necesarias para a implantación dos proxectos. Este mapa industrial manterase debidamente actualizado e será accesible a través da páxina web da consellaría con competencias en materia de industria, para a súa consulta por parte das persoas interesadas. Co mesmo fin, nesta mesma páxina disporase dun catálogo actualizado dos instrumentos de financiamento da Comunidade Autónoma para o apoio dos proxectos industriais.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 63 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Artigo 64. Contido dos plans directores dos distintos sectores industriais.

Os plans directores para os distintos sectores industriais terán os seguintes contidos:

a) Unha análise da situación do tecido industrial galego do sector no momento da súa elaboración e unha proxección da súa previsible evolución.

b) A determinación das liñas xerais e das directrices básicas da política industrial galega para o sector, durante o período de vixencia do plan que se fixe neste, sinalando os obxectivos concretos e as prioridades sectoriais que se terán en conta na elaboración da planificación do seu desenvolvemento, así como os criterios esenciais de intervención que se observarán na súa execución.

c) A enumeración e a descrición das medidas concretas que se levarán a cabo durante o período de vixencia do plan.

d) Os indicadores para o seguimento e a avaliación do grao de cumprimento dos ditos obxectivos e as unidades responsables da execución, propondo medidas ou accións concretas para levar a cabo a dita execución.

e) A determinación dos procedementos de seguimento e de avaliación do plan director do sector.

f) A descrición do marco económico-financeiro no que se enumeran os investimentos necesarios para levar a cabo o plan director do sector que corresponda, en función das medidas previstas nel.

g) As demais previsións que, de ser o caso, sexan establecidas regulamentariamente.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 64 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Artigo 65. Elaboración e aprobación dos plans directores dos distintos sectores industriais.

1. Correspóndelle ao centro directivo con competencias en materia de industria a redacción dos anteproxectos dos plans directores dos distintos sectores industriais. Porén, no caso dos sectores industriais que afecten competencias de varias consellarías da Xunta de Galicia, a redacción será realizada de forma conxunta entre a consellaría con competencias en materia de industria e a consellaría ou consellarías que teñan as competencias propias do sector produtivo que corresponda.

Sen prexuízo do anterior, na elaboración dos distintos anteproxectos colaborarase coas distintas consellarías e entidades da Xunta de Galicia con competencias en materias que poidan resultar, directa ou indirectamente, afectadas polo sector que corresponda.

2. Co fin de articular a participación das distintas consellarías na elaboración dos plans directores dos distintos sectores industriais, constituirase un grupo de traballo a nivel técnico con persoas representantes dos distintos centros directivos e entidades con competencias afectadas pola actividade industrial, que serán convocadas por iniciativa do centro directivo competente en materia de industria. No seo deste grupo de traballo poderán constituírse os subgrupos de traballo específicos que se consideren necesarios, co fin de focalizarse nun sector industrial concreto ou en varios sectores, así como en áreas transversais que afecten varias actividades industriais.

3. Con carácter previo á elaboración do anteproxecto, levarase a cabo unha consulta pública a través do Portal de transparencia e goberno aberto, por un mínimo de quince días naturais, co obxecto de solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas potencialmente afectadas polo futuro plan. Nesta consulta pública incluirase unha memoria xustificativa sobre a necesidade e idoneidade do plan director.

4. Na redacción dos anteproxectos dos plans directores dos distintos sectores industriais darase participación ao sector privado e aos representantes dos traballadores, e promoverase igualmente a colaboración co resto de entes, organismos e institucións públicas e privadas relacionados coa actividade industrial.

5. Sen prexuízo das funcións que corresponden ao Consello Económico e Social, o centro directivo con competencias en materia de industria remitirá o anteproxecto do plan director do sector industrial que corresponda ao Consello Galego de Economía e Competitividade, co fin de que este emita un informe, no prazo máximo de trinta días.

6. Correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de industria a aprobación do proxecto dos plans directores dos distintos sectores industriais de Galicia, agás para os casos dos sectores industriais que afecten competencias de varias consellarías da Xunta de Galicia, en que a aprobación do proxecto será realizada de forma conxunta polas persoas titulares das devanditas consellarías.

7. Os plans directores dos sectores industriais de Galicia serán aprobados por acordo do Consello da Xunta de Galicia.

8. Tras a súa aprobación, os plans directores dos sectores industriais serán publicados no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 65 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Artigo 66. Modificación parcial dos plans directores dos sectores industriais de Galicia.

1. No caso de que, durante a vixencia do plan director dun sector industrial, xurdan circunstancias imprevisibles e que teñan un especial impacto no sector industrial de que se trate ou as análises de seguimento e impacto do plan sectorial así o aconsellen, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de industria, e das persoas titulares das consellarías que correspondan nos casos dos sectores industriais que afecten competencias de varias consellarías da Xunta de Galicia, poderá aprobar a modificación parcial daquel, de acordo co mesmo procedemento descrito para a súa aprobación.

2. Sen prexuízo do anterior, non se considerará unha modificación do plan director do sector industrial unha simple actualización de datos que non varíe as estratexias xerais, os indicadores ou os obxectivos incluídos no plan orixinal. Neste caso, a actualización poderá ser aprobada por resolución da persoa titular da consellaría con competencias en industria, ou por resolución conxunta das persoas titulares das consellarías no caso de competencias concorrentes, tras do cal se dará traslado dunha copia da actualización ao resto de entidades que participaron na elaboración do plan director orixinario.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 66 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Sección 2ª. O Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais

Artigo 67. Enumeración.

1. O Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais é un instrumento que se integra na estratexia da política industrial dirixido a impulsar e facilitar a implantación e ampliación de determinados proxectos industriais na Comunidade Autónoma de Galicia e reducir os seus prazos, tendo en conta a súa relevancia e o seu interese no marco da indicada política industrial.

2. O Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais baséase nas competencias de fomento da actividade económica e industrial de Galicia e de estímulo da ampliación de actividades produtivas e implantación de novas empresas.

3. Entre as medidas que se recollen neste plan inclúese o acompañamento e asesoramento ás persoas promotoras dos investimentos durante as tramitacións administrativas que sexa necesario realizar ante a Administración xeral da Comunidade Autónoma e outras administracións públicas, co obxectivo de contribuír a que os proxectos industriais incluídos no plan poidan ser executados no menor tempo posible, sempre que cumpran os requisitos establecidos no ordenamento xurídico.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 67 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Artigo 68. Proxectos industriais incluídos dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais.

No Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais incluiranse os seguintes proxectos industriais:

a) Os proxectos industriais estratéxicos, unha vez que sexan declarados como tales, de acordo co previsto no capítulo III do título III. Neste caso a inclusión dos proxectos no plan será efectuada de oficio, unha vez que sexa declarado o seu carácter estratéxico.

b) Os proxectos industriais que, sen cumpriren os requisitos establecidos para os proxectos industriais estratéxicos, se inclúan neste plan por considerarse que, polas súas características, teñen un interese e unha incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política industrial galega e o tecido industrial galego, de acordo co establecido nos artigos seguintes.

c) Os proxectos de interese autonómico de carácter industrial, tramitados de conformidade coa Lei 1/2021, do 8 de xaneiro. A súa inclusión no Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais efectuarase de oficio, unha vez declarados de interese autonómico, e unicamente para os efectos previstos no artigo 71.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 68 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Lei 5/2025, do 23 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 68 letra c) engadida por artigo 39 apartado un.

Artigo 69. Valoración do interese e incidencia cualificada dos proxectos industriais.

1. Para valorar o interese e a incidencia cualificada dos proxectos industriais para o desenvolvemento ou execución da política industrial galega e o tecido industrial galego, para os efectos da súa inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración, teranse especialmente en conta, entre outros factores que poden estar presentes na execución dos proxectos, os seguintes:

a) A súa inserción e a súa coherencia cos instrumentos en que se desenvolva a política industrial galega.

b) O impacto positivo que a súa execución comporte nun sector específico do tecido industrial galego.

c) A mellora da competitividade da industria galega.

d) A promoción da internacionalización e da atracción de investimentos no tecido empresarial galego e a necesidade de evitar a deslocalización empresarial.

d) Promover instrumentos financeiros para apoiar as empresas que teñan como obxectivo a súa internacionalización.

e) As necesidades derivadas da promoción das pequenas e medianas empresas.

f) A cohesión social, o equilibrio territorial e a creación e o mantemento de postos de traballo de calidade.

g) A susceptibilidade de o proxecto ser financiado con fondos comunitarios.

2. Para os efectos da súa inclusión no plan, o investimento previsto nestes proxectos industriais deberá ser superior a 800.000 euros en activos fixos, excluídos os terreos, de acordo co proxecto presentado na solicitude a que se refire o artigo seguinte.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 69 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 69 apartado 2 nova redacción por artigo 57 apartado tres.

Artigo 70. Procedemento para a inclusión de proxectos industriais dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración.

1. O procedemento para a inclusión dun proxecto industrial dos previstos da letra b) do artigo 68 dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración iniciarase mediante solicitude da empresa interesada dirixida á consellaría competente en materia de industria, á que xuntará a seguinte documentación:

a) O proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial, incluíndo a documentación gráfica e a regulamentación detallada do uso pormenorizado, volume, características técnicas e funcionais e condicións de deseño e adaptación ao ambiente.

b) Unha memoria sobre a viabilidade económico-financeira do proxecto industrial que, en todo caso, deberá conter o investimento previsto e mais o número de empregos directos e indirectos que se prevé crear.

c) A delimitación do ámbito territorial afectado e a análise da relación do contido do proxecto co planeamento urbanístico vixente, coas Directrices de ordenación do territorio e, mediante a correspondente análise de compatibilidade estratéxica, con outros instrumentos de ordenación do territorio vixentes no ámbito obxecto da actuación.

d) O compromiso de que a solicitude de licenza urbanística que, se é o caso, deba presentarse no seu día, irá acompañada dunha certificación de conformidade coa legalidade urbanística e co plan aplicable, emitida por unha entidade de certificación de conformidade municipal.

e) A descrición das posibles afeccións do proxecto: ambientais, á saúde pública, ao patrimonio cultural, aos sistemas xerais de infraestruturas ou a calquera outro valor ou elemento que se teña detectado.

f) A xustificación do interese e incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política industrial galega e do tecido industrial galego, de acordo co establecido no artigo 69.

2. Unha vez analizada a documentación presentada polo centro directivo con competencias en materia de industria, no caso de que non estea completa, procederase a requirir á persoa promotora que, no prazo de dez días hábiles, complete a documentación non achegada inicialmente. Poderase outorgar un prazo maior para o caso de que, pola complexidade da documentación requirida, se considere que non é posible a súa preparación no prazo de dez días hábiles.

3. Logo de que se dispoña da documentación prevista no número 1, o centro directivo con competencias en materia de industria remitirá unha copia da documentación aos centros directivos con competencias na eventual tramitación do proxecto, ou encargados de protexer os valores ou elementos que poidan estar afectados, co fin de que, no prazo de dez días hábiles, emitan un informe en relación coa inclusión do proxecto industrial dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración. No caso de non dispoñer de información suficiente para emitir o dito informe, debido á falta de documentación indispensable na solicitude, darase conta da dita circunstancia ao centro directivo con competencias en materia de industria, co fin de que a requira á persoa promotora. No caso de que o centro directivo non emitise o informe no prazo indicado, considerarase favorable á inclusión do proxecto industrial dentro do Plan de impulso e aceleración.

4. Analizados os informes dos distintos centros directivos, así como a normativa aplicable, a persoa titular da consellaría competente en materia de industria resolverá de forma motivada, por proposta da persoa titular do centro directivo con competencias en materia de industria, a aceptación da inclusión do proxecto no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais ou a denegación dela.

5. No caso de determinarse a inclusión do proxecto industrial dentro do plan, o centro directivo competente en materia de industria remitirá unha copia da resolución aos centros directivos con competencias na eventual tramitación do proxecto, ou encargados de protexer os valores ou elementos que poidan estar afectados, para o seu coñecemento e para os efectos oportunos na tramitación do dito proxecto.

6. O prazo máximo de resolución deste procedemento será de trinta días hábiles desde a data de presentación da solicitude, sempre que a documentación estea completa, ou desde a data en que esta sexa completada, para o caso de que se requirise á persoa solicitante que complete a documentación inicialmente presentada. O vencemento do prazo máximo sen que se notificase a resolución expresa lexitimará a persoa ou as persoas interesadas para entendela desestimada por silencio administrativo, sen prexuízo da resolución que a Administración debe ditar na forma prevista no apartado 3 do artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 70 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Artigo 71.Efectos da inclusión de proxectos industriais dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración.

A inclusión de proxectos industriais dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración produce os seguintes efectos:

a) O acompañamento e asesoramento ás persoas promotoras dos proxectos industriais durante as tramitacións administrativas que sexa necesario realizar ante a Administración xeral da Comunidade Autónoma e os entes públicos dependentes dela, e outras administracións públicas, que terá os seguintes obxectivos:

1º. A interlocución única entre as persoas promotoras e a Xunta de Galicia, que se materializará a través do centro directivo con competencias en materia de industria, sen prexuízo das competencias do resto de centros directivos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia.

2º. A busca de solucións ás necesidades detectadas para a implantación, en fase de análise de proxecto, entre as que se poden atopar o acceso ao solo industrial, a conexión aos sistemas xerais de infraestruturas, o acceso ao financiamento ou calquera outra cuestión que poida condicionar a implantación do proxecto industrial.

3º. O asesoramento técnico e administrativo dirixido a solucionar as incidencias que as tramitacións administrativas dos proxectos industriais puideren ter, sempre que sexa posible.

4º. A axilización das actuacións administrativas precisas para a tramitación dos procedementos necesarios para a execución do proxecto industrial.

b) A aplicación de oficio da tramitación conxunta prevista no artigo 27 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e o carácter prioritario da tramitación por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia dos procedementos administrativos necesarios para a aprobación do proxecto e as súas infraestruturas necesarias.

c) A xustificación da concorrencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia dos respectivos procedementos necesarios para a aprobación do proxecto, que suporá a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos e aqueles taxados pola normativa básica que non poidan ser obxecto de redución.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 71 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Artigo 72. Colaboración entre a consellaría competente en materia de industria e o concello en que se vai implantar o proxecto industrial.

1. Unha vez ditada a resolución pola que se inclúa o proxecto industrial no Plan de impulso e aceleración, a consellaría competente en materia de industria remitirá ao concello ou concellos en que se vai implantar o proxecto unha comunicación mediante a cal porá en coñecemento do concello as características principais do proxecto, e lle ofrecerá a posibilidade de asinar, con carácter voluntario, un convenio de colaboración entre a dita consellaría e o concello, que terá como obxectivo asegurar a coordinación entre ambas as administracións e a cooperación e asistencia activa que puider precisar a administración municipal para o eficaz cumprimento das súas competencias en relación coa implantación do proxecto, coa finalidade de acadar a posta en marcha do proxecto industrial no menor tempo posible.

2. En particular, no marco do convenio de colaboración a que fai referencia o número anterior, no caso dos proxectos industriais a que se refire o artigo 68.b), a Administración autonómica asumirá o compromiso de asesoramento do concello e a prestación de apoio administrativo e técnico, co fin de que este poida emitir, no caso de ser necesaria, a licenza urbanística en prazo, ou efectuar o control municipal dos actos de edificación e uso do solo que sexa preciso.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 72 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Artigo 73. Prazos para a emisión da licenza urbanística municipal.

1. No caso dos proxectos industriais a que se refire o artigo 68.b), e tendo en conta o seu interese e incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política industrial galega e o tecido industrial galego, determinante da súa inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración, os concellos competentes deberán velar especialmente pola resolución dos procedementos para o outorgamento das licenzas urbanísticas, cando foren necesarias, nos prazos establecidos pola lexislación urbanística, sempre de acordo co establecido nela e no planeamento urbanístico aplicable.

2. Para o caso de que o procedemento de outorgamento da licenza urbanística solicitada para un proxecto incluído no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais non for resolto dentro do prazo indicado na lexislación urbanística, a Administración autonómica, no marco das súas competencias de impulso destes proxectos, e ponderando a afectación ás súas competencias na materia de industria, fomento da actividade económica de Galicia, ampliación de actividades produtivas e implantación de novas empresas, poderá proceder de acordo co establecido no artigo seguinte.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 73 nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Artigo 73 bis. Incumprimento dos prazos legais de resolución do procedemento de outorgamento da licenza urbanística municipal.

1. De conformidade co establecido no artigo 60 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, cando os proxectos incluídos no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais estiveren sometidos ao outorgamento de licenza urbanística municipal de conformidade co establecido na lexislación urbanística, e a entidade local non ditar acto expreso dentro do prazo establecido nesa lexislación, contado desde a presentación da solicitude coa documentación completa no rexistro do concello, computado conforme o establecido na lexislación de procedemento administrativo, procederase de conformidade co establecido nos números seguintes.

2. A persoa titular da consellaría competente en materia de industria, por instancia da persoa promotora do proxecto, ou de oficio, coa previa audiencia desta, solicitará á entidade local que lle dea traslado no prazo de dez días hábiles da información sobre o estado do procedemento e o contido, de ser o caso, dos informes técnicos e xurídicos municipais emitidos sobre a conformidade do proxecto coa legalidade urbanística, así como sobre as razóns do incumprimento do prazo legal de resolución e os intereses locais que se consideren afectados.

3. Logo de valorar as alegacións e a documentación remitida pola entidade local e de informe da dirección xeral da Administración autonómica competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, a persoa titular da consellaría competente en materia de industria, cando considere de forma razoada e xustificada que o incumprimento da obriga de ditar resolución expresa imposta directamente pola lei á entidade local afecta o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma, procederá a lembrar á entidade local a necesidade de cumprimento da lei mediante o ditado da correspondente resolución expresa sobre a licenza, concedendo para o efecto o prazo que se considere necesario, que nunca será inferior a un mes.

4. Transcorrido o prazo establecido no requirimento, se o incumprimento persistir, por non ditarse resolución expresa por parte da entidade local, a persoa titular da consellaría competente en materia de industria, logo de valoración xustificada da afectación ao exercicio das competencias da Comunidade Autónoma, poderá ditar resolución en que declare este incumprimento, que se notificará á entidade local e ás persoas interesadas.

5. A declaración do incumprimento, aínda que non alterará a titularidade municipal da competencia para o outorgamento de licenzas, determinará que o exercicio da competencia para a resolución do concreto procedemento administrativo de outorgamento ou denegación da licenza corresponderá, en substitución da entidade local, á dirección xeral da Administración autonómica competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

A resolución será ditada pola Administración autonómica con suxeición, en todo caso, ao establecido na lexislación e no plan urbanístico, tendo en conta o informe emitido pola entidade de certificación municipal, e, se se emitiron, os informes técnicos e xurídicos municipais sobre a conformidade do proxecto coa legalidade urbanística.

Unha vez ditada a resolución expresa, notificarase á administración municipal e aos interesados. A entidade local manterá a plena titularidade e exercicio de todas as súas competencias de control, inspección e disciplina establecidas na lexislación urbanística en materia de edificación e uso do solo, coa finalidade de comprobar que a execución do proxecto se axusta ás condicións sinaladas na licenza e no plan urbanístico.

6. A Administración autonómica practicará, logo de audiencia do concello, unha liquidación do custo que supón para ela a adopción da medida prevista no número anterior. O indicado custo considerarase como un crédito de dereito público para os efectos da súa exixencia á entidade local e poderá ser obxecto de compensación con cargo aos créditos recollidos a favor desta no Fondo de Cooperación Local, seguindo o procedemento establecido na súa regulación.

7. O establecido neste artigo entenderase sen prexuízo do establecido na lexislación urbanística en canto aos efectos do silencio administrativo e, en particular, do dereito das persoas interesadas a considerar a existencia dun acto presunto de contido desestimatorio nos supostos legalmente establecidos para os efectos de presentar os correspondentes recursos.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 73 bis nova redacción por artigo 41 apartado seis.

Artigo 73 ter. Información de interese xeral sobre o Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais

1. A consellaría competente en materia de industria dará publicidade á evolución e aos principais indicadores do Plan autonómico de impulso e aceleración dos proxectos industriais, incluíndo a relación de proxectos incluídos e o seu estado de tramitación, e os convenios de colaboración formalizados cos concellos para acadar a posta en marcha do proxecto industrial, mantendo actualizada esta información na súa páxina web.

2. A información do estado e tramitación incluirá, en particular, a información sobre as autorizacións autonómicas ou sectoriais e as licenzas urbanísticas, incluíndo os prazos de emisión de acordo coa normativa vixente, a súa emisión ou denegación, ou a súa non emisión nos prazos legais.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 73 ter nova redacción por artigo 41 apartado seis.

TÍTULO III. A EXECUCIÓN DA POLÍTICA INDUSTRIAL GALEGA

CAPÍTULO I SIMPLIFICACIÓN ADMINISTRATIVA

Artigo 74. Limitación das autorizacións e xeneralización do réxime de comunicación previa.

1. Para o exercicio da actividade industrial unicamente poderá requirirse autorización administrativa previa cando resulte obrigado para o cumprimento de obrigas derivadas da normativa comunitaria ou de tratados e convenios internacionais. Nestes supostos, o procedemento de tramitación será o máis sinxelo e áxil posible, facéndose uso, sempre que sexa oportuno, da solicitude de declaracións responsables.

2. Para o caso de que o procedemento de outorgamento da licenza urbanística solicitada para un proxecto incluído no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais non for resolto dentro do prazo indicado na lexislación urbanística, a Administración autonómica, no marco das súas competencias de impulso destes proxectos, e ponderando a afectación ás súas competencias na materia de industria, fomento da actividade económica de Galicia, ampliación de actividades produtivas e implantación de novas empresas, poderá proceder de acordo co establecido no artigo seguinte.

3. No caso de que o proxecto industrial se vaia implantar nun concello emprendedor, de acordo co establecido na Lei 9/2021, do 25 de xaneiro, de simplificación administrativa e apoio á reactivación económica de Galicia, non será necesario asinar o convenio previsto no número 1 deste artigo, sen prexuízo de que, co fin de coordinar as actuacións entre as administracións para impulsar o proxecto, a consellaría competente en materia de industria remitirá ao concello unha comunicación mediante a cal porá en coñecemento deste as características principais do proxecto.

Artigo 75. Comunicacións previas e declaracións responsables.

1. Para os efectos deste texto refundido, enténdese por comunicación previa o documento subscrito por unha persoa co que esta pon en coñecemento da Administración autonómica feitos ou elementos relativos ao exercicio dun dereito ou ao comezo dunha actividade, indicando os aspectos que poden condicionalos, e ao que se achega, se procede, a documentación necesaria para o seu cumprimento de conformidade co establecido pola normativa aplicable.

2. Para os efectos deste texto refundido, enténdese por declaración responsable o documento asinado no que unha persoa se identifica e declara, baixo a súa responsabilidade, facendo constar de forma expresa, clara e precisa que cumpre os requisitos establecidos pola normativa vixente para acceder ao recoñecemento dun dereito ou dunha facultade ou para o seu exercicio, que dispón da correspondente documentación acreditativa e que se compromete a manter o seu cumprimento durante a vixencia do devandito recoñecemento ou exercicio.

CAPÍTULO III OS PROXECTOS INDUSTRIAIS ESTRATÉXICOS

Artigo 78. Delimitación.

Poderán ser declarados proxectos industriais estratéxicos, coa excepción dos proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, aquelas iniciativas empresariais que se considere que teñen tal carácter pola súa función no desenvolvemento, implantación ou execución da política industrial autonómica e a súa incidencia económica ou social, sempre que cumpran, cando menos, dous dos seguintes requisitos:

a) Que supoñan un volume de investimento mínimo de vinte millóns de euros.

b) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de cen postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa.

c) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos e estean aliñados cos obxectivos da Unión Europea ou que se integren no financiamento «instrumento temporal de recuperación europea Next Generation EU.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Artigo modificado: Artigo 78 nova redacción por disposición derradeira segunda apartado un.

Lei 3/2022, do 18 de outubro.

Artigo modificado: Artigo 78 nova redacción por disposición derradeira terceira apartado un.

Artigo 78 bis. Declaración como estratéxicos doutros proxectos industriais.

1. Poderán ser tamén declarados como proxectos industriais estratéxicos, con excepción dos proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, aqueles proxectos industriais para os cales, sen cumpriren os requisitos establecidos no artigo 78, se estime de forma xustificada que teñen un interese e unha incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política e o tecido industriais galegos, e que pola súa magnitude ou características teñen unha incidencia territorial, económica e social que transcenda o ámbito municipal, de tal forma que se consideren portadoras dun interese supramunicipal cualificado.

2. Para valorar o interese e a incidencia cualificada dos proxectos industriais previstos neste artigo para o desenvolvemento ou execución da política e o tecido industriais galegos, para os efectos da súa declaración como estratéxicos, teranse especialmente en conta, entre outros factores que caractericen o proxecto ou a cadea de valor do sector industrial afectado, os seguintes:

a) A súa inserción e coherencia cos instrumentos en que se desenvolva a política industrial galega.

b) O impacto positivo que a súa execución comporte nun sector específico do tecido industrial galego.

c) A mellora da competitividade da industria galega.

d) A promoción da internacionalización e da atracción de investimentos no tecido empresarial galego e a necesidade de evitar a deslocalización empresarial.

e) As necesidades derivadas da promoción das pequenas e medianas empresas.

f) A cohesión social, o equilibrio territorial e a creación e o mantemento de postos de traballo de calidade.

g) A susceptibilidade de o proxecto ser financiado con fondos comunitarios.

3. En todo caso, para os efectos da súa declaración como estratéxicos, os proxectos previstos neste artigo deberán cumprir os seguintes requisitos mínimos:

a) Que supoñan unha creación de emprego mínima de 25 postos de traballo, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa.

Para estes efectos, computaranse tamén os empregos indirectos xerados nas actividades auxiliares ao proxecto industrial, sempre que na solicitude prevista no artigo 79 quede debidamente xustificada a súa futura creación.

b) Que supoñan un investimento no proxecto industrial superior a 2 millóns de euros, en activos fixos, excluídos os terreos, de acordo co proxecto presentado na solicitude.

c) Que se acredite a titularidade do solo onde se vai implantar o proxecto ou o acordo coas persoas titulares deste, agás que o proxecto se vaia implantar en solo empresarial promovido por entidades do sector público autonómico que teñan entre os seus obxectos a creación de solo empresarial, nas condicións establecidas pola normativa sectorial. Este requisito non será exixible nos casos en que se tramite conxuntamente un proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial e o proxecto industrial estratéxico, de acordo co establecido no capítulo IV deste texto refundido.

4. O procedemento para a declaración destes proxectos será o recollido no artigo 79, sen prexuízo de que os requisitos que deben cumprir serán os indicados nos números anteriores deste artigo. En particular, no trámite de audiencia ao concello ou concellos afectados solicitarase a estes que efectúen unha valoración dos intereses municipais e manifesten a súa conformidade ou desconformidade co proxecto, co obxecto de que estes aspectos poidan ser ponderados e valorados xustificadamente, xunto cos intereses supramunipais afectados, na decisión do procedemento.

Os efectos da declaración como proxecto industrial estratéxico serán os previstos no artigo 79.4.

5. O procedemento de aprobación destes proxectos será o previsto no artigo 80, agás que non procederá a presentación da documentación prevista no artigo 80.1.f) en relación co solo onde se vai implantar o proxecto.

Os efectos desta aprobación serán os establecidos no artigo 81.2, sen prexuízo dos efectos específicos que se deduzan da normativa sectorial que sexa aplicable ao proxecto.

6. Será aplicable aos proxectos previstos neste artigo o establecido nos artigos 82 a 89.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 78 bis engadido por artigo 41 apartado oito.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 78 bis apartado 3 alínea b) e c) nova redacción por artigo 57 apartados catro e cinco.

Artigo 79. Procedemento de declaración

1. O procedemento para a declaración dunha iniciativa empresarial como proxecto industrial estratéxico iniciarase mediante solicitude da empresa interesada dirixida á consellaría competente en materia de industria, achegando a seguinte documentación:

a) O proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial, incluíndo a regulamentación detallada do uso pormenorizado, volume, características técnicas e funcionais e condicións de deseño e adaptación ao ambiente.

b) Unha memoria na que se xustifique:

1º. A forma en que a proposta, de ser realizada, dará lugar a unha expansión significativa do tecido industrial galego ou á consolidación deste.

2º. A viabilidade económico-financeira da actuación.

c) A delimitación do ámbito territorial afectado e a análise da relación do contido do proxecto co planeamento urbanístico vixente, coas Directrices de ordenación do territorio, mediante a correspondente análise de compatibilidade estratéxica, e con outros instrumentos de ordenación do territorio vixentes no ámbito obxecto da actuación.

d) A documentación gráfica a unha escala axeitada para a correcta lectura e difusión do seu contido.

e) A descrición das posibles afeccións ambientais do proxecto.

2. A consellaría someterá a solicitude presentada coa documentación que a acompaña a informe da consellaría competente en materia de ordenación do territorio sobre a coherencia entre a actuación proxectada e as previsións contidas nos instrumentos de ordenación do territorio vixentes no ámbito.

Así mesmo, a consellaría remitirá a solicitude presentada coa documentación que a acompaña ao concello ou concellos nos que se pretenda desenvolver o proxecto, para que no prazo de quince días emita informe sobre a súa conformidade ou desconformidade co planeamento urbanístico en vigor.

Igualmente, poderá solicitar das consellarías e entidades do sector público autonómico competentes todos os informes que xulgue convenientes ou necesarios para motivar a súa proposta sobre o carácter estratéxico do proxecto industrial.

3. Vistos os informes previstos no número anterior, e sempre que se cumpran, cando menos, dous dos tres requisitos establecidos no artigo 78, a persoa titular da consellaría, se se considera que concorre o carácter estratéxico do proxecto industrial, poderá elevar unha proposta ao Consello da Xunta de Galicia para a súa declaración como proxecto industrial estratéxico.

No caso de que a consellaría considere que non se cumpren os requisitos aos que se alude no parágrafo anterior, ou considere que o proxecto non ten carácter estratéxico, procederá a ditar resolución pola que desestime a solicitude.

4. A declaración como proxecto industrial estratéxico produce os seguintes efectos:

a) A aplicación de oficio da tramitación conxunta prevista no artigo 27 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e o carácter prioritario da tramitación por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia dos procedementos administrativos necesarios para a aprobación do proxecto e as súas infraestruturas necesarias.

b) A xustificación da concorrencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia dos respectivos procedementos necesarios para a aprobación do proxecto, que supoñerá a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos e aqueles taxados por normativa estatal básica que non poidan ser obxecto de redución.

c) A declaración de interese autonómico e a declaración de prevalencia sobre o planeamento urbanístico vixente.

d) A non suxeición aos títulos habilitantes urbanísticos de competencia municipal.

e) A posibilidade de adxudicación directa de solo empresarial promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou por empresas públicas participadas por este que teñan entre os seus obxectos a creación de solo empresarial, nas condicións establecidas pola normativa sectorial.

f) A posible concesión de subvencións sen concorrencia competitiva, de acordo co disposto na lexislación de subvencións.

5. As iniciativas empresariais susceptibles de ser declaradas como proxectos industriais estratéxicos, de acordo co establecido nos artigos 78 ou 78 bis, pertencerán ao ámbito industrial ou a aqueloutros ámbitos que se consideren conexos e complementarios á actividade industrial, circunstancia que deberá quedar xustificada na proposta prevista no número 3 deste artigo.

Tamén poderán ser declaradas como proxectos industriais estratéxicos aquelas iniciativas empresariais que teñan por obxecto a ampliación de industrias xa existentes, sempre que aquela iniciativa reúna os requisitos exixidos polos artigos 78 ou 78 bis.

Lei 18/2021, do 27 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 79 nova redacción por artigo 36.

Lei 3/2022, do 18 de outubro.

Artigo modificado: Artigo 79 nova redacción por disposición derradeira terceira apartado dous..

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 79 apartado 5 engadido por artigo 57 apartado seis.

Artigo 80. Procedemento de aprobación do proxecto

1. Logo da declaración polo Consello da Xunta do proxecto industrial estratéxico, a consellaría competente por razón da materia requirirá á empresa interesada a presentación de toda a documentación exixida pola normativa aplicable, en virtude das exixencias legais derivadas da instalación e das infraestruturas proxectadas, e, en particular, para efectos do previsto no artigo 27 da Lei 9/2021, do 8 de xaneiro:

a) No caso de existiren modificacións sobre o proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial tido en conta para a declaración, presentarase o proxecto que as inclúa. Estas modificacións non serán substanciais, no sentido de que non poderán afectar ás razóns que determinaron a súa declaración como proxecto industrial estratéxico.

b) A documentación que acredite o cumprimento dos requisitos establecidos na normativa reguladora dos actos de control integrados no procedemento, se é o caso.

c) A memoria descritiva detallada das características técnicas das infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto do proxecto.

d) As medidas necesarias e suficientes para garantir a adecuada conexión do ámbito cos sistemas xerais exteriores existentes e, de ser o caso, a ampliación ou o reforzo dos devanditos sistemas, resolvendo os enlaces coas estradas ou vías actuais e coas redes de servizos de abastecemento de auga e saneamento, subministración de enerxía eléctrica, telecomunicacións, gas e outros.

e) De resultar preciso, o documento ambiental necesario para a avaliación ambiental do proxecto, segundo o establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma básica estatal que a substitúa.

f) A relación detallada dos bens e dereitos afectados, describíndoos na forma que determina o artigo 17 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, no caso de se solicitar a declaración de utilidade pública ou interese social, en concreto, da instalación.

3. O órgano responsable da tramitación, recibida a documentación completa exixida no punto 2, someterá a información pública polo prazo de trinta días hábiles o proxecto de execución e, asemade, o estudo de impacto ambiental no caso de avaliación ambiental ordinaria, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e, de ser o caso, no Portal de transparencia e Goberno aberto.

No caso de se solicitar a declaración de utilidade pública ou interese social, realizarase de forma simultánea o trámite de información pública mediante a publicación nun dos xornais de maior circulación de cada unha das provincias afectadas.

4. Simultaneamente ao trámite de información pública, o órgano responsable da tramitación efectuará a petición de todos os informes ás administracións e aos órganos sectoriais afectados, tanto os exixidos pola normativa reguladora da autorización sectorial como os exixidos para os efectos da tramitación ambiental.

En particular, no caso de que sexa preceptivo, de acordo co establecido na normativa de prevención e control integrados da contaminación, o informe urbanístico do concello ou concellos afectados, este informe terá en conta a declaración de prevalencia sobre o planeamento urbanístico vixente establecida na letra c) do artigo 79.4.

Nomeadamente, cando o proxecto afecte terreos que, de conformidade coa lexislación urbanística, deban ser clasificados como solo rústico de especial protección, exixirase o informe favorable do organismo que teña a competencia sectorial por razón do valor obxecto de protección.

4 bis. Cando a implantación do proxecto supoña o cambio de clasificación de terreos que, de acordo coa lexislación urbanística, tivesen a cualificación de solo rústico previamente á aprobación do proxecto industrial estratéxico, o órgano substantivo solicitará un informe favorable do órgano sectorial competente na materia de protección do solo rústico que corresponda, cando se trate de solo rústico de especial protección, ou, de ser o caso, da consellaría competente na materia de medio rural, cando se trate de solo rústico de protección ordinaria. Nestes casos, a asignación de usos pormenorizados, tipoloxías edificatorias e niveis de intensidade recollidos no proxecto deberá cumprir as condicións e os estándares urbanísticos que establece a lexislación do solo de Galicia para o solo urbanizable.

5. A persoa titular da consellaría competente por razón da materia, logo do informe da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, elevará o expediente ao Consello da Xunta, que decidirá se procede a aprobación do proxecto industrial estratéxico».

Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Artigo modificado: Artigo 80 nova redacción por disposición derradeira segunda apartado dous.

Lei 3/2022, do 18 de outubro.

Artigo modificado: Artigo 80 nova redacción por disposición derradeira terceira apartado tres.

Lei 5/2025, do 23 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 80 apartado 4 bis engadido por artigo 39 apartado dous.

Artigo 81. Efectos da aprobación dos proxectos industriais estratéxicos

1. A aprobación dos proxectos industriais estratéxicos produce os seguintes efectos:

a) A declaración de utilidade pública ou de interese social, en concreto, do proxecto industrial estratéxico e das súas infraestruturas asociadas, para os efectos expropiatorios, e a prevalencia sobre outras utilidades públicas, así como a necesidade e a urxencia da ocupación dos bens e dos dereitos afectados e o recoñecemento ao suxeito promotor do proxecto da condición de beneficiario da expropiación.

b) A imposición ou a ampliación de servidume de paso para as vías de acceso, as liñas de transporte e distribución de enerxía e as canalizacións de líquidos ou gases, de ser o caso, de conformidade coa normativa que as regule.

2. As determinacións contidas nos proxectos industriais estratéxicos terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

Lei 3/2022, do 18 de outubro.

Artigo engadido: Artigo 81 engadido por disposición derradeira terceira apartado catro.

Artigo 82. Inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración dos proxectos industriais.

A declaración dun proxecto como proxecto industrial estratéxico comportará a súa inclusión de oficio no Plan autonómico de impulso e aceleración dos proxectos industriais.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 82 engadido por artigo 41 apartado nove.

Artigo 83. Infraestruturas esenciais dos proxectos industriais estratéxicos.

1. No procedemento de declaración dun proxecto como proxecto industrial estratéxico, ou no procedemento de aprobación do proxecto, deberá estar xustificada, se é o caso, a concorrencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia dos procedementos necesarios para a aprobación das súas infraestruturas esenciais.

2. O procedemento previsto no artigo 80 para a aprobación dos proxectos industriais estratéxicos poderá aplicarse, se é o caso, para a aprobación sucesiva destas infraestruturas esenciais.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 83 engadido por artigo 41 apartado nove.

Artigo 84. Características do proxecto que debe someterse a información pública.

O proxecto que se someta a información pública e á petición de informes ás administracións e órganos sectoriais afectados deberá conter toda a información técnica necesaria para garantir a participación pública, así como para obter as autorizacións necesarias para a aprobación do proxecto de acordo coa normativa vixente.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 84 engadido por artigo 41 apartado nove.

Artigo 85. Prazo máximo de aprobación dos proxectos industriais estratéxicos.

O prazo máximo para a aprobación dun proxecto industrial estratéxico, contado desde que a persoa promotora achegue a documentación completa prevista no artigo 80, será dun ano. Porén, o cómputo deste prazo poderá suspenderse nos casos establecidos na lexislación de procedemento administrativo.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 85 engadido por artigo 41 apartado nove.

Artigo 86. Asunción de responsabilidade patrimonial por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

1. Tendo en conta as necesidades de promoción e fomento da actividade económica en Galicia e o necesario estímulo á ampliación de actividades produtivas, así como o carácter estratéxico para a Comunidade Autónoma dos proxectos industriais regulados neste capítulo, como medida concreta para promover a confianza e a seguridade xurídica dos operadores económicos, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia asumirá o compromiso, como estándar mínimo de calidade e de funcionamento do servizo público, de resolución no prazo establecido no artigo anterior, salvo casos de forza maior.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 86 engadido por artigo 41 apartado nove.

Artigo 87. Participación municipal nos proxectos industriais estratéxicos.

1. O carácter prevalente sobre o planeamento urbanístico que implica a declaración dun proxecto como proxecto industrial estratéxico producirase mesmo no caso de que sexa preceptivo o informe urbanístico do concello ou concellos afectados, de acordo co establecido na normativa de prevención e control integrados da contaminación.

2. Aprobado, se é o caso, o proxecto industrial estratéxico polo Consello da Xunta, a persoa titular da consellaría competente en materia de industria dará traslado do seu contido ao concello ou concellos afectados, para o exercicio das competencias que procedan.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 87 engadido por artigo 41 apartado nove.

Artigo 88. Seguimento dos proxectos.

Unha vez aprobado o proxecto industrial estratéxico, e ata a súa posta en marcha, a persoa promotora do proxecto deberá remitir con carácter semestral á consellaría competente en materia de industria un informe do estado do proxecto, no cal deberá indicar o estado de execución das obras ou actuacións necesarias para a dita posta en marcha, así como a previsión da súa finalización.

Este informe deberá ser remitido igualmente, de forma extraordinaria, para o caso de que durante as actuacións xurdiren incidencias salientables que fagan variar de modo significativo a data prevista das obras e actuacións e, polo tanto, a de inicio da actividade industrial obxecto do proxecto industrial estratéxico.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 88 engadido por artigo 41 apartado nove.

Artigo 89. Relación cos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio.

1. Sen prexuízo da regulación específica dos proxectos industriais estratéxicos prevista neste capítulo para a implantación das iniciativas empresariais que cumpran os requisitos establecidos nel, a Administración autonómica ou as persoas promotoras, cando se permita a súa promoción e desenvolvemento por iniciativa privada, poderán alternativamente acollerse, para o desenvolvemento das iniciativas empresariais, aos instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, cando cumpran os requisitos establecidos nela e con suxeición ao establecido na indicada lexislación.

2. Os proxectos industriais estratéxicos poderanse implantar nos ámbitos territoriais delimitados polos plans sectoriais e os proxectos de interese autonómico vixentes previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia. Excepcionalmente, permitirase que os proxectos industriais estratéxicos non se axusten aos parámetros urbanísticos establecidos neses instrumentos, sempre que exista un informe favorable da consellaría que teña as competencias para a súa tramitación.

3. No suposto de se declarar un proxecto industrial estratéxico nun ámbito en que está en tramitación un instrumento de ordenación territorial para o desenvolvemento de solo empresarial ou un proxecto de interese autonómico de carácter industrial, aplicaránselle á tramitación do citado instrumento os efectos previstos no artigo 102.2 deste texto refundido. Igualmente, aplicarase a tramitación prevista nos artigos 104, 105 e 106 para a aprobación do proxecto de urbanización do instrumento de ordenación territorial.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 89 engadido por artigo 41 apartado nove.

Lei 5/2025, do 23 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 89 nova redacción por artigo 39 apartado tres.

Artigo 90. Proxectos cuxa autorización administrativa corresponda á Administración xeral do Estado.

1. Aquelas iniciativas empresariais cuxa autorización administrativa corresponda á Administración xeral do Estado tamén poderán ser declaradas como proxectos industriais estratéxicos cando cumpran cos requisitos recollidos nos artigos 78 ou 78 bis.

2. A declaración destas iniciativas como proxectos industriais estratéxicos axustarase ao procedemento establecido neste capítulo, pero coas seguintes especialidades.

3. A declaración como proxecto industrial estratéxico producirá unicamente os efectos previstos nas alíneas e) e f) do artigo 79.4. A declaración tamén producirá o efecto previsto no artigo 79.4.b), pero restrinxido a aquela parte de tramitación que se efectúe no ámbito do sector público autonómico.

4. Unha vez declarada a iniciativa empresarial como proxecto industrial estratéxico, non será aplicable o procedemento de aprobación recollido no artigo 80, por ser outra a administración competente para autorizalo.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 90 engadido por artigo 57 apartado sete.

CAPÍTULO IV TRAMITACIÓN CONXUNTA DE PROXECTOS DE INTERESE AUTONÓMICO PARA A CREACIÓN DE SOLO EMPRESARIAL E PROXECTOS INDUSTRIAIS ESTRATÉXICOS

Artigo 91. Impulso da creación de solo empresarial

Co fin de dar resposta ás demandas urxentes de creación de solo empresarial e de implantación de proxectos industriais, así como para reducir os prazos de inicio das actividades económicas, impulsarase a creación de solo empresarial naquelas áreas en que se promovan iniciativas empresariais que poidan ser cualificadas como proxectos industriais estratéxicos.

Para estes efectos, admitirase, de acordo co previsto nos artigos seguintes, a tramitación conxunta dunha ou varias iniciativas empresariais que pretendan ser aprobadas como proxectos industriais estratéxicos xunto co procedemento de elaboración de instrumentos de ordenación do territorio dirixidos á creación de solo empresarial vinculado a aquelas, sempre que o ámbito territorial destes últimos abranga o daquelas iniciativas.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 91 engadido por artigo 57 apartado oito.

Artigo 92. Requisitos para acceder á tramitación conxunta

1. Para poder acceder á tramitación conxunta é preciso que concorran os seguintes requisitos:

a) Que as áreas en que se pretenda a creación de solo empresarial non estean incluídas no Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia.

c) Que as persoas ou entidades promotoras do proxecto de interese autonómico para a creación do solo empresarial vinculado teñan carácter privado, sen prexuízo da posibilidade de participación pública minoritaria prevista no artigo 96.

d) Que o ámbito territorial do proxecto de interese autonómico necesario para a creación do solo empresarial vinculado abranga e exceda o ámbito territorial da iniciativa ou iniciativas que pretendan ser cualificadas como proxectos industriais estratéxicos, e respecto das cales se solicita a tramitación conxunta.

e) Que no ámbito territorial do proxecto de interese autonómico, unha vez excluídos os terreos necesarios para a execución dos amentados proxectos industriais estratéxicos, exista un remanente de solo empresarial susceptible de albergar iniciativas empresariais futuras, así como as dotacións públicas preceptivas.

f) Que na tramitación conxunta das iniciativas de creación de solo empresarial vinculado e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos concorra un interese autonómico, que transcenda o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica ou social, pola súa magnitude ou polas súas singulares características que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado.

2. En particular, considerarase que concorre un interese autonómico na tramitación conxunta para a creación de solo empresarial vinculado cando se cumpra, como mínimo, algún dos seguintes requisitos:

a) Que o resultado da actuación conxunta se poida considerar estratéxico pola súa función no desenvolvemento, na implantación ou na execución da política industrial autonómica e pola súa incidencia económica ou social.

b) Que teñan un interese e unha incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política e o tecido industriais galegos, e que pola súa magnitude ou características teñan unha incidencia territorial, económica e social que transcenda o ámbito municipal, de tal forma que se consideren portadoras dun interese supramunicipal cualificado.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 92 engadido por artigo 57 apartado oito.

Artigo 93. Requisitos adicionais para o proxecto de interese autonómico

1. Para poder acceder á tramitación conxunta é preciso que o proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado reúna os requisitos adicionais regulados neste artigo.

2. O ámbito do proxecto de interese autonómico deberá prever zonas para a implantación de instalacións e infraestruturas destinadas á produción de enerxía a partir de fontes de enerxía renovables e, de ser o caso, almacenamento enerxético, dirixidas principalmente ás empresas e persoas consumidoras da zona.

3. Poderán delimitarse outras zonas localizadas a menos de 10 quilómetros de distancia do ámbito do proxecto de interese autonómico para a implantación das instalacións e infraestruturas a que alude o número anterior, que poderán conectarse de forma directa coas empresas consumidoras localizadas no devandito ámbito, ou ben conectarse noutro punto da rede eléctrica.

Neste suposto atenderase ás previsións da disposición adicional sétima desta lei, relativa aos proxectos de aproveitamento de recursos naturais.

4. En calquera dos casos previstos nos números anteriores, a produción das citadas instalacións destinarase, como mínimo nun 80 %, ás empresas localizadas no ámbito sobre o cal se pretende actuar e a outras empresas e persoas consumidoras que se atopen a menos de 10 quilómetros das instalacións de produción, de forma que poidan ter prezos máis baixos da enerxía eléctrica que os correspondentes ao mercado.

5. Só se poderá exceptuar a implantación das instalacións previstas nos números anteriores ou o cumprimento das porcentaxes e distancias indicadas no caso de que, por causas debidamente xustificadas por parte da entidade promotora, non sexa posible por motivos técnicos ou de afeccións aos valores naturais ou patrimoniais. Este aspecto será obxecto de valoración específica por parte da consellaría competente en materia de industria ou, de ser o caso, polas consellarías con competencias nas materias referidas.

6. Para os efectos do cumprimento do limiar establecido no artigo 40.6 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, só se terá en conta a superficie e a aceptación das persoas propietarias do ámbito territorial remanente onde non se van implantar os proxectos industriais estratéxicos definidos no artigo 78 deste texto refundido. Esta previsión non será aplicable no caso de que o proxecto de interese autonómico se tramite ao abeiro do artigo 78 bis.

7. Os proxectos de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado poderán afectar calquera clase de solo e mesmo poderán referirse a actuacións previstas no planeamento urbanístico vixente.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 93 engadido por artigo 57 apartado oito.

Artigo 94. Garantía de coherencia coas áreas empresariais previamente existentes

1. No caso de que o ámbito do proxecto de interese autonómico sexa contiguo a unha área empresarial preexistente, deberá garantirse a coherencia entre a planificación preexistente e as actuacións proxectadas.

2. No marco do establecido no número anterior, a entidade promotora do proxecto de interese autonómico poderá propoñer unha reordenación das zonas dedicadas a espazos libres, zonas verdes, equipamentos e viais ou do solo necesario para a execución dos sistemas xerais e as súas infraestruturas de conexión, tendo en conta o ámbito final resultante tras a execución das actuacións proxectadas.

3. A devandita proposta poderá ser finalmente aprobada para o caso de que, durante a tramitación do procedemento, quede constatada unha mellora na situación final do ámbito, tanto para as necesidades da poboación como para o impulso das actividades económicas na área empresarial resultante.

4. No caso de que a proposta de reordenación sinalada nos números anteriores afecte áreas empresariais incluídas no ámbito de aplicación da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, a aprobación do proxecto de interese autonómico implicará a modificación dos correspondentes instrumentos de planificación e ordenación e de desenvolvemento e execución, sen necesidade de se axustar ás previsións da amentada lei. Para estes efectos, é preciso que, no procedemento de aprobación do proxecto de interese autonómico, a proposta de ordenación sexa obxecto de valoración expresa e se concrete exactamente o seu alcance, determinando como deberán modificarse os instrumentos afectados.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 94 engadido por artigo 57 apartado oito.

Artigo 95. Persoas solicitantes da tramitación conxunta

1. A tramitación conxunta regulada neste capítulo só poderá ser solicitada pola persoa ou persoas promotoras do proxecto de interese autonómico destinado á creación de solo empresarial vinculado e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos.

2. No caso de que as devanditas iniciativas non sexan promovidas por unha mesma persoa ou entidade, deberá existir un acordo asinado e vinculante entre a persoa ou entidade promotora do correspondente proxecto de interese autonómico, dirixido a crear solo empresarial, e cada unha das persoas ou entidades promotoras do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos.

O citado acordo deberá definir o réxime de dereitos e obrigas de cada unha das partes en relación co desenvolvemento e execución do proxecto de interese autonómico e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos. En particular, este acordo deberá recoller a repartición dos custos de execución das infraestruturas, dos equipamentos e das dotacións da área empresarial, incluída a urbanización, así como do seu mantemento e da súa conservación posteriores.

3. O acordo regulado no número anterior, entre outros compromisos, tamén poderá incluír a obriga de constituír, entre todas as persoas ou entidades promotoras, unha sociedade con personalidade xurídica propia que teña por obxecto o desenvolvemento e a execución conxunta do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 95 engadido por artigo 57 apartado oito.

Artigo 96. Participación de administracións públicas e de entidades do sector público

1. A consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial, así como o resto de entidades do sector público autonómico, poderán prestar a súa colaboración e asesoramento, nos termos previstos na normativa vixente, ás persoas ou entidades que promovan a tramitación conxunta do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado a un ou a varios proxectos industriais estratéxicos.

2. No marco desta colaboración coas amentadas persoas ou entidades promotoras, as entidades instrumentais do sector público autonómico con competencias en materia de creación de solo empresarial tamén poderán adquirir a condición de promotoras do proxecto de interese autonómico cuxo obxecto sexa a creación do solo empresarial vinculado. Para estes efectos, deberá formalizarse o instrumento xurídico que, consonte a normativa vixente, resulte aplicable.

3. As entidades do sector público local en cuxo ámbito territorial se vaia desenvolver o proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado poderán prestar a súa colaboración e asesoramento nos mesmos termos que os previstos nos números anteriores, consonte, en todo caso, a normativa que lles resulte aplicable.

4. As restantes entidades do sector público con competencias en materia de fomento industrial tamén poderán prestar a súa colaboración e asesoramento ás persoas ou entidades promotoras, nos mesmos termos que os previstos no números 1 e 2.

5. No caso de que unha ou varias administracións públicas ou entidades do sector público actúen como promotoras do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado, a súa participación deberá ser sempre minoritaria. Para estes efectos, a participación de carácter público na iniciativa non poderá exceder do 40 % dos investimentos previstos ou comprometidos.

6. Para os efectos da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, e do artigo 92.1.c) deste texto refundido, as iniciativas en que concorra a eventual participación de administracións públicas ou entidades do sector público a que fan referencia os números anteriores terán a consideración de promocións privadas, sempre que se respecten os limiares establecidos neste artigo.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 96 engadido por artigo 57 apartado oito.

Artigo 97. Documentación que debe acompañar a solicitude de tramitación conxunta

1. A solicitude de tramitación conxunta incluirá a documentación exixida con carácter xeral para as solicitudes de declaración de interese autonómico do proxecto de creación de solo empresarial vinculado e para as solicitudes de declaración como proxectos industriais estratéxicos. Esta documentación deberá ser individualizada para cada instrumento.

Adicionalmente, deberá achegarse a documentación que xustifique o cumprimento dos requisitos para acceder á tramitación conxunta regulada neste capítulo.

2. En particular, xunto coa solicitude de tramitación conxunta deberá achegarse a seguinte documentación:

a) A documentación exixida polo artigo 79 para a declaración da iniciativa ou iniciativas empresariais como proxectos industriais estratéxicos.

b) A documentación exixida polo artigo 41 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, para a declaración de interese autonómico da actuación que pretende a creación de solo empresarial vinculado.

c) Unha memoria en que se xustifiquen os seguintes aspectos:

1º. A forma en que as propostas, de seren tramitadas e realizadas de xeito conxunto, darán lugar a unha expansión significativa do tecido industrial galego ou á consolidación deste, así como de solo empresarial dispoñible para a realización de actividades económicas, e á implantación dos proxectos industriais.

2º. A motivación da concorrencia do interese autonómico na tramitación conxunta solicitada.

d) Documento comprensivo das obras de urbanización nos termos indicados no artigo 104, así como a documentación ambiental que proceda segundo o establecido nos artigos 105 e 106.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 97 engadido por artigo 57 apartado oito.

Lei 5/2025, do 23 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 97 apartado 2 letra d) engadida por artigo 39 apartado catro.

Artigo 98. Admisión a trámite da solicitude

A consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial examinará a solicitude presentada, para os efectos de valorar se concorren os requisitos exixidos para acceder á tramitación conxunta.

No prazo máximo dun mes deberá ditar un acto mediante o cal acorde a admisión ou a inadmisión a trámite da solicitude de tramitación conxunta. O transcurso deste prazo máximo sen se ditar e notificar o correspondente acto expreso permite entender, ás persoas ou entidades promotoras, inadmitida, por silencio administrativo, a súa solicitude de tramitación conxunta.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 98 engadido por artigo 57 apartado oito.

Artigo 99. Efectos da inadmisión a trámite

A inadmisión a trámite da solicitude de tramitación conxunta será notificada ás persoas ou entidades promotoras, ás cales se lles comunicará que, no caso de non manifestaren a súa oposición no prazo de dez días, se procederá a tramitar de modo separado as solicitudes de declaración de interese autonómico e de declaración como proxecto ou proxectos industriais estratéxicos.

Constando a conformidade das persoas ou entidades afectadas ou transcorrido o prazo anterior sen constar a oposición expresa, á documentación presentada daráselle, por separado, a tramitación que lle corresponda, consonte as previsións do capítulo III do título III desta lei e da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 99 engadido por artigo 57 apartado oito.

Artigo 100. Efectos da admisión a trámite

1. Unha vez admitida a trámite a solicitude de tramitación conxunta, os procedementos aplicables á declaración e aprobación do proxecto de interese autonómico, así como ao proxecto ou proxectos industriais estratéxicos, serán os previstos, respectivamente, na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, e no capítulo III do título III deste texto refundido, tendo en conta as especificidades previstas neste capítulo.

2. Consonte o artigo 27.1 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, unha vez admitida a trámite a solicitude de tramitación conxunta, a consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial asumirá as funcións de coordinación e impulso de todos os trámites administrativos necesarios para a aprobación, de ser o caso, do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos.

3. Serán igualmente aplicables as medidas de axilización procedemental previstas no artigo 25 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro. En particular e sempre que sexa posible, nos casos en que un mesmo órgano sectorial autonómico deba emitir, para varios efectos, un informe con base nas previsións do capítulo III do título III deste texto refundido e da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, emitirá un único informe que abranga os distintos aspectos sobre que deba pronunciarse.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 100 engadido por artigo 57 apartado oito.

Artigo 101. Especialidades no procedemento de declaración do interese autonómico das iniciativas de creación de solo empresarial vinculado e do carácter estratéxico dos proxectos industriais

1. O acto mediante o cal se acorde a admisión a trámite da solicitude conxunta poderá incluír unha motivación expresa e individualizada sobre a procedencia da declaración de interese autonómico da iniciativa de creación de solo empresarial vinculado. De ser así, este acto substituirá o informe exixido no artigo 42.1, parágrafo segundo, da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro.

2. Sen prexuízo das medidas de axilización procedemental aplicables, o prazo máximo para a emisión dos informes exixidos polo artigo 79.2 deste texto refundido e polo artigo 42.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, será de quince días.

3. O trámite de audiencia regulado no artigo 42.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, será por un prazo máximo de quince días, durante os cales os concellos poderán valorar os intereses municipais afectados e manifestar a súa conformidade ou non co proxecto de interese autonómico.

4. Se, á vista dos informes emitidos e, de ser o caso, das alegacións presentadas no trámite de audiencia do artigo 42.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, a consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial estima que non concorren os requisitos necesarios para a declaración de interese autonómico da iniciativa de creación de solo empresarial vinculado ou para a declaración do carácter estratéxico do proxecto ou proxectos industriais, acordará, mediante resolución motivada, a finalización do procedemento respecto da iniciativa ou proxectos afectados.

Se, como consecuencia do anterior, deixaren de subsistir as razóns que motivaron a admisión a trámite da solicitude de tramitación conxunta, a consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial, no mesmo acto, disporá que as iniciativas ou proxectos restantes continúen a súa tramitación consonte a normativa que lles corresponda, e non resultarán aplicables, en diante, as especialidades contidas neste capítulo.

5. De non concorreren as circunstancias anteriores, a consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial elevará a correspondente proposta ao Consello da Xunta de Galicia, que poderá declarar conxuntamente o interese autonómico da iniciativa de creación de solo empresarial e o carácter estratéxico do proxecto ou proxectos industriais correspondentes.

Para o caso de que o Consello da Xunta de Galicia estimar que non procede tal declaración respecto dalgunha das iniciativas ou proxectos sometidos á súa consideración, de modo que deixaren de subsistir as razóns que motivaron a admisión a tramite da solicitude de tramitación conxunta, a tramitación posterior das correspondentes iniciativas ou proxectos rexerase pola normativa específica correspondente, e non serán aplicables as especialidades deste capítulo. O acordo do Consello da Xunta de Galicia deberá conter un pronunciamento expreso sobre esta circunstancia, de ser o caso.

6. Unha vez producida a declaración conxunta regulada no número anterior, corresponderá á consellaría competente en materia de industria e solo empresarial a coordinación e impulso dos procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos, xunto coa colaboración das consellarías que, de ser o caso, determine o citado acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 101 engadido por artigo 57 apartado oito.

Lei 5/2025, do 23 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 101 apartado 3 nova redacción por artigo 39 apartado cinco.

Artigo 102. Efectos da declaración conxunta do interese autonómico da iniciativa de creación de solo empresarial e do carácter estratéxico do proxecto ou proxectos industriais incluídos no seu ámbito

1. A declaración conxunta do interese autonómico da iniciativa de creación de solo empresarial e do carácter estratéxico do proxecto ou proxectos industriais incluídos no seu ámbito territorial producirá os efectos previstos, respectivamente, na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, e no capítulo III do título III deste texto refundido, xunto coas seguintes especialidades.

2. A devandita declaración conxunta, respecto do proxecto de interese autonómico, implicará, a maiores do resto de efectos previstos na normativa vixente, a xustificación da concorrencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia dos respectivos procedementos necesarios para a aprobación do proxecto, que suporá a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes, recursos e, en xeral, aqueles prazos taxados por normativa estatal básica que non poidan ser obxecto de redución.

A amentada declaración conxunta tamén implicará o carácter prioritario da tramitación por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia dos procedementos administrativos necesarios para a aprobación do proxecto de interese autonómico de creación de solo empresarial vinculado.

3. As persoas ou entidades promotoras deberán presentar conxuntamente a documentación preceptiva, exixida pola normativa aplicable a cada iniciativa, para continuar coa tramitación dirixida a acadar a aprobación definitiva do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado e do proxecto ou proxectos de interese estratéxico.

O incumprimento desta obriga pode determinar a terminación do procedemento de tramitación conxunta, no caso de que a consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial aprecie que deixaron de subsistir as razóns que, no seu día, motivaron a admisión a trámite da solicitude. De ser este o caso, mediante resolución motivada a citada consellaría disporá que as iniciativas ou proxectos afectados continúen a súa tramitación por separado, consonte a normativa que lles corresponda, e non serán aplicables, en diante, as especialidades contidas neste capítulo.

4. Presentada a documentación necesaria para a tramitación do proxecto de interese autonómico e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos, procurarase, sempre que sexa posible, a aplicación das medidas de axilización procedemental recollidas no artigo 25 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. En particular, procurarase a realización simultánea dos trámites correspondentes para a aprobación definitiva do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos, sempre que sexa posible.

5. En relación coa tramitación ambiental, no caso de que os trámites de información pública para a aprobación definitiva do proxecto de interese autonómico e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos se inicien na mesma data, a súa duración será de 45 días hábiles.

6. Fóra do caso anterior, en ningún suposto o prazo de información pública correspondente ao procedemento de aprobación do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos poderá rematar antes da finalización do prazo de información pública correspondente ao procedemento de aprobación do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado.

7. En relación co proxecto ou proxectos industriais estratéxicos incluídos neste procedemento de tramitación conxunta, non será preceptivo o informe da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo exixido polo artigo 80.5 deste texto refundido.

8. De se cumpriren os requisitos exixidos pola Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, e polo capítulo III do título III deste decreto lexislativo, o Consello da Xunta de Galicia poderá aprobar conxuntamente o proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado e o proxecto ou proxectos industriais estratéxicos.

9. No caso de que as incidencias durante a tramitación conxunta do procedemento impidan a aprobación conxunta a que fai referencia o número anterior, o Consello da Xunta de Galicia poderá aprobar os amentados proxectos por separado. Neste suposto, non se poderá elevar ao Consello da Xunta de Galicia a proposta de aprobación do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos en tanto non estea publicado o acordo mediante o cal se aproba definitivamente o proxecto de interese autonómico de creación de solo empresarial no que se van implantar.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 102 engadido por artigo 57 apartado oito.

Artigo 103. Efectos da aprobación dos proxectos

1. Os proxectos aprobados consonte o procedemento de tramitación conxunta regulado neste capítulo producirán os efectos previstos, respectivamente, no capítulo III do título III deste texto refundido e na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, xunto coas seguintes especialidades.

2. A aprobación do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial tamén producirá os efectos previstos no artigo 81 deste texto refundido para os proxectos industriais estratéxicos.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 103 engadido por artigo 57 apartado oito.

Artigo 104. Execución das obras de urbanización

1. O órgano competente para a aprobación dos proxectos de urbanización será a persoa titular da dirección xeral competente na materia de solo empresarial.

2. O contido dos proxectos de urbanización será o establecido na normativa urbanística.

3. Os procedementos de aprobación dos proxectos de urbanización serán os previstos nos dous artigos seguintes, segundo corresponda, en función da preceptiva avaliación ambiental simplificada ou ordinaria, de acordo co establecido na lexislación básica estatal en materia ambiental.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 104 engadido por artigo 57 apartado oito.

Lei 5/2025, do 23 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 104 nova redacción por artigo 39 apartado seis.

Artigo 105. Procedemento de aprobación dos proxectos de urbanización sometidos a avaliación de impacto ambiental ordinaria

1. Os proxectos de urbanización sometidos a avaliación de impacto ambiental ordinaria serán tramitados e aprobados polo procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria previsto na lexislación básica estatal na materia de avaliación ambiental, con aplicación das disposicións que correspondan do capítulo II do título III da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

2. Para os efectos do previsto no número anterior, xunto co proxecto de urbanización achegarase o estudo de impacto ambiental. De ser o caso, a persoa titular da dirección xeral competente na materia de solo empresarial, no prazo máximo de quince días desde a presentación da documentación completa, aprobará inicialmente o proxecto de urbanización e someterao a información pública polo prazo de trinta días hábiles, mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.

3. Simultaneamente ao trámite de información pública, realizaranse as consultas ás administracións públicas e ás persoas interesadas. En todo caso, darase audiencia ao concello ou concellos que resulten afectados e solicitaranse as autorizacións e os informes sectoriais que sexan preceptivos. Transcorrido o prazo de vinte días hábiles sen se comunicaren os informes autonómicos e municipais solicitados, entenderanse emitidos con carácter favorable, sen que esta previsión afecte, en ningún caso, o previsto con carácter básico polo artigo 40 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

4. Finalizada a tramitación ambiental, o órgano de dirección competente na materia de solo empresarial requirirá á persoa promotora que presente o proxecto de urbanización adaptado á declaración de impacto ambiental no prazo máximo de quince días.

5. De ser o caso, a persoa titular do órgano de dirección competente na materia de solo empresarial, no prazo máximo de quince días desde a presentación do proxecto de urbanización adaptado á declaración de impacto ambiental, aprobará definitivamente o proxecto de urbanización.

Lei 5/2025, do 23 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 105 engadido por artigo 39 apartado sete.

Artigo 106. Procedemento de aprobación dos proxectos de urbanización sometidos a avaliación de impacto ambiental simplificada

1. Os proxectos de urbanización sometidos a avaliación de impacto ambiental simplificada serán presentados pola persoa promotora xunto coa solicitude de inicio da avaliación ambiental e o documento ambiental.

2. Finalizada a tramitación ambiental, o órgano de dirección competente na materia de solo empresarial requirirá á persoa promotora que presente o proxecto de urbanización adaptado ao informe de impacto ambiental no prazo máximo de quince días.

3. De ser o caso, a persoa titular do órgano de dirección competente na materia de solo empresarial, no prazo máximo de quince días desde a presentación do proxecto de urbanización adaptado ao informe de impacto ambiental, aprobará inicialmente o proxecto de urbanización e someterao a información pública polo prazo de trinta días hábiles, mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.

4. Simultaneamente ao trámite de información pública, darase audiencia ao concello ou concellos que resulten afectados e solicitaranse as autorizacións e os informes sectoriais que sexan preceptivos. Logo de transcorrer o prazo de vinte días hábiles sen se comunicaren os informes autonómicos e municipais solicitados, entenderanse emitidos con carácter favorable.

5. Á vista do resultado do trámite de información pública e de audiencia, así como das autorizacións e dos informes emitidos, o órgano de dirección competente na materia de solo empresarial requirirá á persoa promotora que introduza as modificacións que procedan no documento e elabore a proposta final deste no prazo máximo de quince días.

6. Completados os trámites dos números anteriores, a persoa titular do órgano de dirección competente na materia de solo empresarial, no prazo máximo de quince días hábiles, aprobará definitivamente o proxecto de urbanización.

Lei 5/2025, do 23 de decembro.

Artigo engadido: Artigo 106 engadido por artigo 39 apartado oito.

Disposición adicional segunda. Medios persoais do servizo de inspección.

Para o desenvolvemento das funcións de inspección previstas neste texto refundido, a consellería competente en materia de seguridade industrial indicará, na súa relación de postos de traballo, a necesaria dotación de medios persoais que afecte a prestación do servizo de inspección, vixilancia e control das actividades, dos establecementos, das instalacións e dos produtos industriais.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo derrogado: Disposición adicional primeira suprimida por artigo 41 apartado trece.

Disposición adicional terceira. Prevención de accidentes graves.

A Xunta de Galicia velará por que se teñan en conta os obxectivos de prevención de accidentes graves e delimitación das súas consecuencias nas súas políticas de asignación ou utilización do solo, así como nas de ordenación territorial.

Farao mediante o control da:

a) Implantación de novos establecementos.

b) Modificación dos establecementos existentes.

c) As novas obras realizadas nas proximidades de establecementos existentes, tales como vías de comunicación, lugares frecuentados por público ou zonas de vivendas, cando a localización ou as obras poidan aumentar o risco ou as consecuencias de accidente grave.

Disposición adicional cuarta. Actos que non precisan de licenza municipal.

1. Están exentos de actividade ou funcionamento e de licenza urbanística os actos de uso do solo ou do subsolo incluídos nas resolucións de outorgamento de dereitos mineiros e nos proxectos ou instalacións de produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica ou de gas para cuxa autorización ou concesión sexa competente a Xunta de Galicia, cando no procedemento de autorización ou no da súa avaliación ambiental estea previsto o trámite de audiencia ao concello ou informe municipal e o proxecto ou instalación sexan compatibles co planeamento e a normativa urbanísticos.

2. En tales casos, obtida a autorización ou concesión, a persoa titular da instalación ou concesión presentará a comunicación previa prevista na normativa urbanística e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Disposición adicional quinta. Execución dos programas de impulso da actividade industrial.

Co propósito de ampliar o ámbito subxectivo dos programas de impulso da actividade industrial, as convocatorias de proxectos de execución dos devanditos programas poderán prever nas súas bases que as entidades que fosen beneficiarias con anterioridade das subvencións, axudas ou incentivos públicos que constitúen os citados proxectos deban presentar unha memoria de desempeño das actividades que foron realizadas grazas ao apoio público obtido nos tres anos anteriores á correspondente solicitude, para efectos da súa valoración no proceso de selección das novas entidades beneficiarias, de acordo co que se estableza nas ditas bases.

Disposición adicional sexta. Execución forzosa en materia de seguridade industrial e no sector enerxético

Para acadar o cumprimento dos requirimentos efectuados pola Administración e das resolucións administrativas ditadas en materia de seguridade industrial, así como no ámbito do sector enerxético, a Administración autonómica poderá proceder, logo de apercibimento, á imposición de multas coercitivas, reiterables por lapsos de tempo suficientes para o cumprimento da resolución ou requirimento, ata lograr a súa execución polo suxeito obrigado, en contía de 1.000 a 25.000 euros cada unha.

É órgano competente para a imposición das multas coercitivas aquel que resulte competente para ditar a resolución do procedemento de que se trate ou para efectuar o requirimento.

1. As persoas promotoras de proxectos de aproveitamento de recursos naturais poderán solicitar a inclusión destes proxectos no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais previsto no capítulo II do título II deste texto refundido, ou ben a declaración como proxectos industriais estratéxicos, de acordo co capítulo III do título III, sempre que cumpran todos os requisitos establecidos para cada unha das tipoloxías. Para o caso de que estes proxectos foren declarados proxectos industriais estratéxicos, o procedemento de autorización continuará a ser o que lle corresponda de acordo coa súa normativa sectorial e, por tanto, os efectos da declaración serán unicamente os establecidos no artigo 79.4.

2. Nos casos previstos no número anterior, as funcións de asesoramento, acompañamento, impulso e aceleración dos proxectos industriais serán realizadas de forma coordinada entre o centro directivo competente en materia de industria e o centro directivo competente en materia de planificación enerxética e recursos naturais.

Lei 13/2015, do 24 de decembro.

Artigo engadido: Disposición adicional sexta engadida por artigo 35.

Disposición adicional sétima. Proxectos de aproveitamento de recursos naturais.

1. As persoas promotoras de proxectos de aproveitamento de recursos naturais poderán solicitar a inclusión destes proxectos no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais previsto no capítulo II do título II deste texto refundido, ou ben a declaración como proxectos industriais estratéxicos, de acordo co capítulo III do título III, sempre que cumpran todos os requisitos establecidos para cada unha das tipoloxías. Para o caso de que estes proxectos foren declarados proxectos industriais estratéxicos, o procedemento de autorización continuará a ser o que lle corresponda de acordo coa súa normativa sectorial e, por tanto, os efectos da declaración serán unicamente os establecidos no artigo 79.4.

2. Nos casos previstos no número anterior, as funcións de asesoramento, acompañamento, impulso e aceleración dos proxectos industriais serán realizadas de forma coordinada entre o centro directivo competente en materia de industria e o centro directivo competente en materia de planificación enerxética e recursos naturais.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo engadido: Disposición adicional sétima engadida por artigo 41 apartado dez.

Disposición adicional oitava. Proxectos industriais do ámbito alimentario e forestal.

1. As persoas promotoras de proxectos industriais do ámbito alimentario e forestal poderán solicitar a inclusión destes proxectos no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais previsto no capítulo II do título II deste texto refundido, ou ben a declaración como proxectos industriais estratéxicos, de acordo co capítulo III do título III, sempre que cumpran todos os requisitos establecidos para cada unha das tipoloxías.

2. Nos casos previstos no número anterior, as funcións de asesoramento, acompañamento, impulso e aceleración dos proxectos industriais serán realizadas de forma coordinada entre o centro directivo competente en materia de industria e os centros directivos da Xunta de Galicia con competencias nos ditos ámbitos, segundo corresponda.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo engadido: Disposición adicional oitava engadida por artigo 41 once.

Disposición adicional novena. As zonas de implantación prioritaria de proxectos industriais.

1. Co fin de facilitar a implantación das iniciativas empresariais na comunidade autónoma, a consellaría competente en materia de industria e solo empresarial poderá delimitar zonas de implantación prioritaria de industrias naquelas áreas que, polas súas características, teñan maiores aptitudes para albergar proxectos industriais.

2. A devandita delimitación poderá ter en conta, entre outros factores, as determinacións do Plan básico autonómico, previsto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, a información incluída no mapa industrial, os avances previos no desenvolvemento de figuras de creación de solo empresarial, a demanda real de solo empresarial nas distintas comarcas de Galicia ou a dispoñibilidade de solo empresarial de acordo cos datos do Censo de solo empresarial de Galicia.

3. A delimitación das zonas de implantación prioritaria de industrias farase pública e manterase actualizada e accesible a través do portal de Internet da consellaría competente en materia de industria, co fin de que as persoas promotoras interesadas en crear e desenvolver solo empresarial, ou en implantar proxectos industriais, poidan coñecer os ámbitos territoriais que, a priori, son máis adecuados para o desenvolvemento de actividades industriais.

4. A delimitación de zonas de implantación prioritaria de industrias farase unicamente con fins informativos, co obxectivo de facilitar ás persoas promotoras de actividades económicas a identificación de zonas susceptibles de albergar novas infraestruturas industriais. En consecuencia, a identificación de tales zonas non suporá dereitos ou obrigas con respecto a posteriores tramitacións para a creación de solo empresarial ou a implantación dos proxectos industriais nelas.

5. Dado o seu carácter informativo, a delimitación de zonas de implantación prioritaria de industrias prevista neste artigo non se considerará como un instrumento de ordenación do territorio para efectos do artigo 22 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, nin do procedemento de aprobación previsto na devandita lei.

Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo engadido: Disposición adicional novena engadida por artigo 57 apartado nove.

Disposición adicional décima. Proxectos estratéxicos de cero emisións netas

Aqueles proxectos aos que se lles recoñeza a condición de proxecto estratéxico de cero emisións netas, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2024/1735 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xuño de 2024, polo que se establece un marco de medidas para reforzar o ecosistema europeo de fabricación de tecnoloxías de cero emisións netas e se modifica o Regulamento (UE) 2018/1724, e coa normativa de ámbito nacional correspondente a esta materia, poderán tramitarse, á opción das persoas promotoras destes, consonte o disposto no capítulo III do título III deste texto refundido para os proxectos industriais estratéxicos, agás que, polas propias características do proxecto, exista un procedemento administrativo alternativo que permita obter a súa aprobación nun prazo inferior.

Lei 5/2025, do 23 de decembro.

Artigo engadido: Disposición adicional décima engadida por artigo 39 apartado nove.

Disposición adicional décimo primeira. Garantías procedementais aplicables aos proxectos industriais estratéxicos

1. Coa finalidade de dotar da maior garantía xurídica o procedemento, así como de dar cumprimento aos principios de eficacia, economía e celeridade na actuación da Administración pública, o órgano competente na tramitación dos proxectos industriais estratéxicos habilitará, mediante resolución, un modelo específico de presentación de solicitudes de recoñecemento de persoa interesada nos proxectos industriais estratéxicos, que será de uso obrigatorio de conformidade co previsto no artigo 66.6 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para garantir a confidencialidade dos datos de carácter persoal, así como, se for o caso, a debida acreditación da representación, cada solicitude de recoñecemento como persoa interesada deberá ser individualizada.

Xunto coa solicitude deberá achegarse a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa vixente para o devandito recoñecemento. Así mesmo, no suposto de que a solicitude se formule en representación doutra persoa, deberá achegarse a documentación que acredite a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

Se a solicitude non reunir os requisitos exixidos, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, será tido por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Para lles simplificar e lles facilitar ás persoas físicas e xurídicas que desexen participar no proceso de información pública a presentación das súas alegacións, o órgano competente na tramitación dos proxectos industriais estratéxicos habilitará, mediante unha resolución, un modelo específico de presentación de alegacións aos proxectos industriais estratéxicos durante o trámite de información pública previsto no artigo 80.3 deste decreto.

Rematado o prazo de información pública e de consultas ás administracións públicas afectadas, a consellaría competente na materia de industria remitirá á persoa promotora os informes e alegacións recibidos para a súa consideración na redacción, de ser o caso, da nova versión do proxecto e do estudo de impacto ambiental.

De conformidade co disposto no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a comparecencia no trámite de información pública non outorga, por si mesma, a condición de persoa interesada. Polo tanto, as persoas alegantes que desexen solicitar a condición de persoa interesada no procedemento deberán realizar a súa solicitude mediante o modelo específico previsto no apartado primeiro deste artigo. Non será posible solicitar o recoñecemento como persoa interesada no escrito de alegacións.

Lei 5/2025, do 23 de decembro.

Artigo engadido: Disposición adicional décimo primeira engadida por artigo 39 apartado dez.

Disposición transitoria primeira. Vixencia das normas en materia de seguridade industrial.

En tanto non se diten as normas de desenvolvemento do Libro I deste texto refundido, continuarán aplicándose as correspondentes disposicións en vigor en materia de seguridade industrial.

Disposición transitoria segunda. Consello Galego de Industria.

Consonte a disposición transitoria segunda da Lei 9/2013, do 19 de decembro, ata a constitución do Consello Galego de Economía e Competitividade creado pola devandita lei, o Consello Galego de Industria continuará coas súas funcións e rexerase polas seguintes normas:

1. Creación.

Créase o Consello Galego de Industria como órgano de participación dos axentes públicos e privados implicados na planificación e na execución da política industrial da Comunidade Autónoma e de asesoramento neste ámbito ao Consello da Xunta de Galicia e á consellería competente en materia de industria.

A constitución e a posta en funcionamento do Consello Galego de Industria non xerarán aumento dos créditos orzamentarios asignados á consellería de adscrición.

2. Natureza e réxime xurídico.

O Consello Galego de Industria é un órgano colexiado no que participan organizacións representativas de intereses sociais, adscrito á consellería competente en materia de industria, que actúa con plena autonomía no exercicio das funcións que lle corresponden.

O Consello Galego de Industria réxese polo disposto neste texto redundido e polo seu desenvolvemento regulamentario, así como polas normas de réxime interno que aprobe este, no marco da lexislación básica e autonómica sobre órganos colexiados nos que participan organizacións representativas de intereses sociais.

3. Fins e obxectivos.

O Consello Galego de Industria constitúe o ámbito de intervención dos axentes públicos e privados implicados na planificación e na execución da política industrial de Galicia e ten como fin permitir a cooperación e a colaboración entre eles.

O obxectivo esencial do Consello Galego de Industria é posibilitar a axeitada comunicación e transmisión de información entre as persoas membros para acadar, mediante un proceso construtivo de diálogo e de deliberación, a formulación de propostas, informes e estudos tendentes a lograr unha mellor e máis acaída planificación e execución da política industrial galega.

4. Funcións.

O Consello Galego de Industria ten as seguintes funcións:

a) Emitir informe sobre o anteproxecto de Plan director da industria de Galicia.

b) Emitir informe sobre o estudo do impacto das actuacións públicas no tecido industrial galego.

c) Realizar propostas en relación cos instrumentos de planificación da política industrial galega, tendentes tanto a mantelos permanentemente actualizados e acordes coas necesidades do tecido industrial galego como a mellorar a súa eficacia e eficiencia.

d) Ditaminar sobre aquelas cuestións que lle consulte o Consello da Xunta de Galicia ou a consellería competente en materia de industria.

e) Elaborar estudos en materia de política industrial.

f) Aqueloutras funcións que lle sexan atribuídas regulamentariamente.

5. Estrutura orgánica.

Os órganos do Consello Galego de Industria son o pleno, a presidencia e a vicepresidencia.

O Consello Galego de Industria poderá constituír grupos de traballo, integrados polas persoas membros deste e, se se considera preciso, por persoas expertas de recoñecido prestixio, para o desenvolvemento das súas funcións.

6. Composición e membros.

A Presidencia do Consello Galego de Industria corresponderalle á persoa titular da consellería competente en materia de industria.

A Vicepresidencia do Consello Galego de Industria corresponderalle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de industria.

O Consello Galego de Industria estará integrado polas seguintes vogalías, nomeadas pola persoa titular da consellería competente en materia de industria:

a) Tres persoas, coa categoría de director/a xeral, propostas pola consellería competente en materia de industria.

b) Tres persoas, coa categoría de director xeral, propostas polas consellerías con competencias vinculadas á actividade industrial.

c) Tres persoas propostas polas organizacións sindicais máis representativas de Galicia.

d) Tres persoas propostas polas organizacións empresariais máis representativas de Galicia.

e) Tres persoas propostas do seguinte xeito: unha polas entidades locais galegas a través da súa entidade asociativa máis representativa, unha polos colexios profesionais que disciplinen profesións vinculadas ao ámbito industrial a través da súa entidade asociativa máis representativa e unha última polas institucións, públicas ou privadas, relacionadas co estudo e coa análise das políticas industriais.

4. A composición do Consello Galego de Industria procurará ser paritaria entre mulleres e homes.

Disposición transitoria terceira. Persoal inspector.

O persoal da consellería competente en materia de seguridade industrial que con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, estivese prestando servizos atribuídos ao persoal inspector sen ter a condición de funcionario facultativo continuará realizando funcións de inspección nos mesmos termos nos que estaba a exercelas. En tal suposto, os postos de traballo desempeñados polo devandito persoal terán a consideración de a extinguir.

Disposición transitoria cuarta. Inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración, ou transformación en proxectos industriais estratéxicos, de iniciativas empresariais prioritarias e proxectos de interese autonómico xa declarados.

1. As persoas titulares de iniciativas empresariais prioritarias de carácter industrial declaradas de acordo co previsto na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, poderán solicitar ben a inclusión do seu proxecto no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais ou ben a súa declaración como proxecto industrial estratéxico, sempre que cumpran todos os requisitos establecidos para cada unha das tipoloxías.

2. Os proxectos de interese autonómico de carácter industrial tramitados de acordo co previsto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, poderán solicitar a súa inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, para os únicos efectos do establecido no artigo 71 deste texto refundido.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo engadido: Disposición transitoria cuarta engadida por artigo 41 apartado doce.

Disposición derradeira primeira. Adaptación, revisión e ampliación da normativa afectada.

A consellería competente en materia de seguridade industrial procederá á adaptación, revisión e ampliación da normativa que poida verse afectada polas prescricións do Libro I deste texto refundido.

Lei 10/2023, do 28 de decembro.

Artigo derrogado: Disposición derradeira segunda suprimida por artigo 41 apartado catorce.

Disposición derradeira segunda. Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial.

1. Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para o desenvolvemento regulamentario das prescricións do Libro I, deste texto refundido, e mais os requirimentos de carácter técnico que se aproben no futuro.

2. O Consello da Xunta elaborará un decreto de desenvolvemento das previsión contidas no Libro II, deste texto refundido, dándolles audiencia por prazo dun mes no correspondente procedemento ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais galegas máis representativas.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver