Regulamento de publicidade institucional activa da Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1063
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

Aprobado polo Consello de Goberno o día 23 de febreiro de 2023

O presente regulamento ten por obxecto disciplinar os instrumentos precisos para ampliar e reforzar a transparencia da actividade da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e, en consecuencia, para dar cumprimento ás obrigas derivadas da normativa estatal e autonómica de aplicación nesta materia, nomeadamente, da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno e da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

A transparencia vertébrase fundamentalmente en tres eixos:a publicidade institucional activa, a garantía do dereito de acceso á información pública e o bo goberno. O cumprimento pola USC dos estándares de publicidade activa derivados das normas de transparencia, require do deseño e creación de instrumentos axeitados para canalizar a publicación dun volume tan elevado de información respecto da actividade da USC e facilitar o acceso á mesma de xeito sinxelo. Con este fin, a través do presente regulamento créanse o Boletín Oficial e o Portal de Transparencia da USC.

No capítulo I, disciplínase o Boletín Oficial da USC, que se configura coma o medio de publicación das disposicións normativas de carácter xeral. Tamén se poderán publicar nel, con carácter informativo e complementario, os restantes acordos e as instrucións e resolucións dos órganos da USC. Coa súa creación perséguense principalmente dúas finalidades:dun lado, garantir o principio constitucional de seguridade xurídica e, doutro lado, facilitar o acceso a información de interese para a comunidade universitaria.

Por outra parte, no capítulo II regúlase o Portal de Transparencia da USC, que permitirá aos cidadáns, dende un único punto de acceso web, obter toda a información que resulte relevante para garantir a transparencia da actividade da USC co fin de facilitar o coñecemento e control da actuación pública e fomentar a participación da comunidade universitaria na toma de decisións. Así, entre outros, no portal ofrecerase información relacionada cos seguintes ámbitos de actuación:organización administrativa, planificación e estatística, normativa, información económica e orzamentaria, contratos e convenios, axudas, subvencións e bolsas, recursos humanos, premios e distincións, ou participación da comunidade universitaria.

CAPÍTULO I - O Boletín Oficial da Universidade de Santiago de Compostela

Artigo 1. Natureza.

1. O Boletín Oficial da Universidade de Santiago de Compostela, que poderá designarse tamén polas súa siglas “BOUSC”, será o medio de publicación das disposicións normativas de carácter xeral que aproben os órganos da USC. Tamén poderán publicarse nel, se así se considera a efectos de publicidade institucional, outros acordos así como instrucións e resolucións dos órganos da USC.

2. O BOUSC editarase en formato electrónico e terá carácter oficial e auténtico.

3. No caso de que sexa preceptiva a publicación dunha disposición de carácter xeral noutros diarios oficiais, a súa publicación no BOUSC terá carácter informativo e será complementaria daquela.

4. A publicación dos actos administrativos no BOUSC terá carácter informativo e será complementaria da que deba producirse no Taboleiro de anuncios oficial da USC ou noutros diarios oficiais cando isto sexa preceptivo.

Artigo 2. Competencias.

1. A responsabilidade da publicación e xestión do BOUSC corresponde ao reitor ou reitora da USC.

2. Corresponde ao secretario ou secretaria xeral da USC:

a) Ordenar a publicación dos contidos que deban inserirse no BOUSC.

b) Publicar e difundir o BOUSC.

c) Acordar a publicación das correccións de erros detectadas.

d) Garantir a autenticidade, a integridade e a inalterabilidade dos contidos do BOUSC.

e) Custodiar e conservar a edición electrónica do BOUSC.

f) Velar pola accesibilidade da edición electrónica do BOUSC e a súa permanente adaptación ao progreso tecnolóxico.

g) Ditar as instrucións necesarias para a aplicación do presente regulamento.

Artigo 3. Contido e efectos da publicación no BOUSC

1. Deberán publicarse no BOUSC, sen prexuízo de que, no seu caso, teñan que publicarse noutros diarios oficiais:

a) As disposicións normativas de carácter xeral da USC.

b) As instrucións que diten os órganos de goberno da USC polas que se fixen interpretacións das normas ou se impoñan criterios uniformes de actuación.

c) Os acordos da Comisión Electoral Central, cando así o determine o Regulamento electoral xeral da USC.

2. Poderán publicarse no BOUSC, ademais, aqueloutras resolucións e acordos ditados polo Consello Social, Claustro universitario, Consello de Goberno, reitor ou reitora, vicerreitores ou vicerreitoras, secretario ou secretaria xeral e xerente, que sexan de interese xeral para a comunidade universitaria.

3. As disposicións normativas de carácter xeral entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación no BOUSC, agás que nelas se dispoña outra cousa ou que sexa preceptiva a súa publicación noutros diarios oficiais.

Modificación do Regulamento de publicidade institucional activa da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo modificado: Artigo 3 título e apartado 3 nova redacción por artigo único.

Artigo 4. Estrutura.

1. O BOUSC conterá, como mínimo, as seguintes seccións:

I. Disposicións xerais.

II. Instrucións

III. Acordos e resolucións dos órganos da USC.

IV. Persoal

V. Outra información de interese para a comunidade universitaria

2. A estrutura detallada do BOUSC determinarase por resolución da Secretaría Xeral.

Artigo 5. Corrección de erros.

No caso de advertirse erros que alteren ou modifiquen a disposición publicada realizarse unha corrección de erros que deberá publicarse no BOUSC , na mesma sección na que se publicara o texto orixinal.

Artigo 6. Periodicidade.

A periodicidade do BOUSC virá determinada polo volume da documentación a publicar no mesmo, pola súa urxencia e polos requirimentos derivados da actividade universitaria.

Artigo 7. Requisitos formais.

1. O BOUSC editarase en formato electrónico e será accesible dende o portal web e dende a sede electrónica da USC.

2. Cada BOUSC contará cun sumario.

3. Na cabeceira e en cada unha das páxinas de cada documento figurará:o logotipo da USC; a denominación “Boletín Oficial da Universidade de Santiago de Compostela” e, no seu caso, o seu logotipo; o número do exemplar; a data de publicación; a sección, e o número de páxina.

4. Os exemplares do BOUSC serán numerados correlativamente reiniciándose a numeración en cada ano natural.

5. A autenticidade e integridade do contido de cada BOUSC garantirase mediante o emprego do sistema CSV.

Artigo 8. Remisión de documentos e tramitación.

1. Os orixinais destinados á publicación no BOUSC remitiranse ao secretario ou secretaria xeral en formato electrónico, empregando o sistema informático que se determine, ou de ser o caso, os modelos establecidos para estes efectos.

2. Os orixinais serán inseridos nos mesmos termos en que se atopen redactados e autorizados, sen que poidan modificarse, salvo autorización do órgano remitente ou corrección de erros nos termos indicados no artigo 5.

Artigo 9. Accesibilidade e distribución.

1. A USC garantirá o acceso universal e gratuíto ao BOUSC a través de redes abertas de telecomunicación, así coma o cumprimento da normativa de aplicación en materia de accesibilidade dos sitios web do sector público.

2. A utilización por persoas físicas ou xurídicas dos contidos publicados no BOUSC deberá realizarse, en todo caso, con suxeición ao disposto na normativa en materia de reutilización de datos do sector público que resulte de aplicación.

3. O secretario ou secretaria xeral da USC procurará a maior difusión posible da publicación de cada número do BOUSC entre a comunidade universitaria, empregando, entre outros medios, o correo electrónico institucional. Tamén se lle dará difusión mediante a inserción dun aviso temporal nun lugar destacado da páxina web da USC.

Artigo 10. Protección de datos de carácter persoal.

Na publicación do BOUSC respectarase o principio de minimización de datos persoais, debéndose publicar unicamente os datos imprescindibles para o cumprimento da finalidade de publicidade institucional.

CAPÍTULO II - O Portal de Transparencia da Universidade de Santiago de Compostela

Artigo 11. Competencia.

1. Corresponde ao xerente ou á xerente a ordenación da publicación da información pública que deba estar dispoñible no Portal de Transparencia da USC así como a súa xestión e actualización.

2. A preparación, subministración e actualización da información pública que deba incorporarse ao Portal de Transparencia corresponde ao órgano ou unidade administrativa que a xere, que deberá remitila á Xerencia.

Artigo 12. Contido.

Deberá incluírse no Portal de Transparencia a información pública cuxa publicación resulte preceptiva de conformidade coa normativa de aplicación en materia de transparencia así como aqueloutra que se considere necesaria para garantir unha axeitada toma de decisións, facilitar o coñecemento e control da actuación pública e fomentar a participación da comunidade universitaria.

Artigo 13. Estrutura.

Os contidos publicados no Portal de Transparencia da USC estruturaranse, cando menos, nos seguintes apartados:

a) Organización administrativa.

b) Planificación e estatística.

c) Normativa e outra información de relevancia xurídica.

d) Información económica e orzamentaria.

e) Contratos e convenios.

f) Axudas, subvencións e bolsas.

g) Recursos humanos.

h) Premios e distincións.

i) Participación da comunidade universitaria.

Artigo 14. Periodicidade.

1. A periodicidade coa que se actualizará o portal virá determinada polo volume da documentación a publicar no mesmo e polos requirimentos derivados da actividade universitaria.

2. Na información que se publique indicarase a data da súa última actualización.

Artigo 15. Accesibilidade.

1. O acceso deberá atoparse nun lugar visible da web institucional e a información que nel se conteña será comprensible e facilmente localizable mediante un buscador.A información ofrecerase de forma clara e estruturada, en formato aberto, sempre que sexa posible, e garantindo o cumprimento da normativa de aplicación en materia de accesibilidade dos sitios web do sector público.

2. A utilización por persoas físicas ou xurídicas dos contidos publicados no portal deberá realizarse, en todo caso, con suxeición ao disposto na normativa en materia de reutilización de datos do sector público que resulte de aplicación.

Disposición transitoria.

A publicación do BOUSC queda supeditada á dotación dos medios técnicos necesarios para a súa implementación.

En tanto non entre en funcionamento o BOUSC as disposicións de carácter xeral continuarán publicándose no Taboleiro de anuncios oficial, sen prexuízo da súa publicación noutros boletíns oficiais cando proceda.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango no que contradigan o disposto no presente regulamento.

Disposición final. Entrada en vigor.

O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Taboleiro de anuncios oficial da USC.

E para que así conste, asino a presente certificación en Santiago de Compostela, co Vº e Prace do sr. reitor.

Vº e prace

O reitor

Antonio López Díaz

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver