Bases xerais de concesión dos premios extraordinarios de doutoramento da USC
NORMA CONSOLIDADA
O Regulamento de estudos de doutoramento, aprobado polo Consello de Goberno do 10 de xuño de 2024 (DOG núm. 167, do 30 de agosto de 2024), establece no seu artigo 47 que o Consello de Goberno aprobará as bases xerais de concesión dos premios extraordinarios de doutoramento, e o Comité de Dirección da Escola de Doutoramento Internacional da Universidade de Santiago de Compostela (EDIUS), a Convocatoria específica anual, na cal se incluirá a relación de criterios xerais e específicos, de ser o caso, que se aplicarán na selección das teses para a obtención do premio.
BASES XERAIS DE CONCESIÓN
1. TESES CANDIDATAS
Poderán optar ao premio extraordinario de doutoramento aquelas teses defendidas na Universidade de Santiago de Compostela que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a data de defensa estea comprendida dentro do curso académico obxecto da Convocatoria anual.
b) Quena defensa obtivese a mención cum laude.
c) Que a suma da puntuación para o premio extraordinario recollida nos informes confidenciais dos membros do tribunal da tese, dividida entre o número de membros do tribunal que asistiron ao acto de defensa, e multiplicando esta por 4, sexa igual ou superior a 12 puntos.
2. PREMIOS
Outorgarase un premio extraordinario por cada dez teses defendidas, ou fracción igual ou superior a cinco, en cada subárea de coñecemento que cumpran co establecido no apartado anterior. Unha tese quedará adscrita de xeito automático á subárea á que pertenza o programa de doutoramento no que se defendeu. A estes efectos, tanto as subáreas de coñecemento, como a adscrición de programas de doutoramento ás subáreas, e o número de premios posibles cada curso académico, serán os que se recollan en cada Convocatoria anual.
No caso de que nunha subárea non se acade o número mínimo de cinco teses defendidas nun curso académico, a EDIUS, a través da súa Comisión Executiva, agruparaa con outra segundo a súa afinidade, e sumaranse as teses defendidas na agrupación de subáreas para a determinación do número de premios extraordinarios que correspondan.
3. REQUISITOS DAS SOLICITUDES
Os requisitos que deben cumprir as solicitudes, así como o lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes, serán os que se especifiquen na Convocatoria anual de concesión do premio extraordinario.
4. CRITERIOS DE CONCESIÓN DOS PREMIOS
Na valoración das teses candidatas terase en conta tanto a puntuación da tese outorgada polos membros do tribunal no acto de defensa, como as contribucións científicas derivadas da tese, segundo os criterios xerais e específicos de avaliación determinados de forma expresa en cada Convocatoria anual.
5. PROPOSTA PROVISORIA DE CONCESIÓN
As comisións de valoración dos premios extraordinarios de doutoramento, nomeadas pola EDIUS, elaborarán a proposta provisoria de concesión dos premios, a cal se publicará no Taboleiro Electrónico da USC. Contra esta publicación, as persoas interesadas poderán presentar alegacións no prazo que se estableza na Convocatoria anual.
6. PROPOSTA DEFINITIVA DE CONCESIÓN
Examinadas as alegacións presentadas, as comisións de valoración dos premios extraordinarios elaborarán a proposta definitiva de concesión, a cal se publicará no Taboleiro Electrónico da USC.
7. RESOLUCIÓN
A EDIUS, a través da súa Comisión Executiva, e unha vez revisada toda a documentación co obxecto de verificar que cumpren cos requisitos requiridos, elevará a proposta definitiva á Secretaría Xeral, para a súa tramitación perante o Consello de Goberno, que resolverá a convocatoria. O acordo de resolución do Consello de Goberno de concesión destes premios publicarase no Taboleiro Electrónico da USC e tamén na páxina web da EDIUS.
8. EFECTOS
O Servizo de Xestión Académica, unha vez notificado o acordo de resolución pola Secretaría Xeral da USC, será o encargado de notificar ás persoas interesadas a concesión definitiva do premio e de incorporalo nos seus expedientes.
O Servizo de Xestión Académica, así mesmo, e a petición da persoa interesada, tramitará a devolución dos prezos públicos aboados para a expedición do título de doutora ou doutor.
9. NORMATIVA APLICABLE
Os premios extraordinarios de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela rexeranse, ademais de polo disposto nestas bases xerais, polas seguintes disposicións normativas:
a) Regulamento de Estudos de Doutoramento da USC, aprobado polo Consello de Goberno do 10 de xuño de 2024 (DOG núm. 167, do 30 de agosto de 2024).
b) Convocatoria anual de concesión dos premios extraordinarios de doutoramento, que aprobará, cada curso académico, o Comité de Dirección da EDIUS.
10. ENTRADA EN VIGOR
Estas bases xerais entrarán en vigor despois da súa aprobación polo Consello de Goberno da USC e a súa publicación no Taboleiro electrónico da USC.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.