Instrución 2/2019 da Secretaría Xeral da USC sobre a imputación de idiomas no expediente
NORMA CONSOLIDADA
Por acordo do Claustro do 10 de maio de 2019 e do Consello de Goberno de 28 de maio de 2019 elimínase a esixibilidade do requisito de obter un nivel B1 de coñecemento dun idioma estranxeiro para a obtención dun titulo de grao, pero neste último acordo permítese a súa imputación no expediente como créditos transversais e o recoñecemento dos niveis MECR de idiomas nos expedientes dos alumnos, ao obxecto de que poidan ser acreditados dentro dos seus estudos universitarios.
A citada norma do Consello de Goberno ten entre os seus obxectivos, partindo das disposicións xerais contidas no artigo 12.8 do RD 1993/2007, de 29 de outubro, a de potenciar a aprendizaxe de idiomas estranxeiros nos estudos superiores.
No devandito acordo establécese, no seu apartado 1.4, o recoñecemento de créditos ECTS ao alcanzar determinados niveis de idiomas, en particular entre 3 e 6 ECTS pola acreditación de niveis B1 ou superiores de coñecemento dunha lingua estranxeira, e tamén establece que os cursos celebrados no Centro de Linguas Modernas teñen un recoñecemento de 1 ECTS por cada 25 horas.
Unha aplicación literal do devandito apartado 1.4. do acordo podería dar lugar a que se puidesen obter máis ECTS por cursos dun nivel inferior dos que se obterían pola acreditación dun nivel concreto o que daría lugar a situacións contraditorias e non equitativas. Por iso, e co propósito de preservar unha correcta interpretación do acordado, esta Secretaría Xeral dita a seguinte
INSTRUCIÓN
PRIMEIRO.-
A efectos do disposto no apartado 1.4. do Acordo de Consello de Goberno de 28 de maio de 2019, sobre recoñecemento de niveis de idiomas nos títulos de Grao, poderanse recoñecer 1 crédito ECTS por cada 25 horas de cursos superados do Centro de Linguas Modernas (CLM) ata un máximo de 3 ECTS, con independencia do nivel alcanzado e da duración dos cursos.
SEGUNDO.-
O recoñecemento de ECTS dun nivel de idioma concreto, por acreditación ou por superación de cursos do CLM, subsume os cursos ou acreditacións de niveis inferiores. Non se poderán obter créditos ECTS por coñecemento dunha determinada lingua se xa foron recoñecidos ECTS na mesma lingua por acreditación ou pola superación de cursos dun nivel igual ou superior.
Non obstante o anterior, aínda que se outorgaran o número máximo de créditos ECTS pola realización de cursos, no expediente poderase incluír a acreditación do nivel de idioma alcanzado a efectos de que poda ser certificado e da súa inclusión no Suplemento Europeo ao Título.
TERCEIRO.-
No caso de que o/a alumna/a acredite un nivel superior ao que xa tivese recoñecido só se outorgará o número de créditos ECTS que corresponda pola diferenza entre o nivel obtido e o que xa se recoñeceu.
CUARTO.-
O disposto nos apartados precedentes só se aplicará no caso de recoñecementos de ECTS e acreditacións correspondentes a un mesmo idioma.
No caso de que o alumno realice cursos doutros idiomas do CLM ou acreditacións de idiomas diferentes poderanse recoñecer novos créditos, de conformidade co establecido no Acordo de Consello de Goberno de 28 de febreiro de 2019, pero co límite de 6 ECTS totais por idiomas establecidos nesta norma e no RD 1393/2007, de 29 de outubro.
QUINTO.-
Esta Instrución será publicada no Taboleiro electrónico da USC e será aplicable a imputación de idiomas a partir do curso 2019/20.
A Secretaria Xeral
Dulce M. García Mella
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.