Lei 2/1987, do 8 de maio, do Consello da Xuventude de Galicia
NORMA CONSOLIDADA
Segundo o artigo 48 da Constitución, correspóndelles ós poderes públicos a promoción das condicións para a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural. Do mesmo xeito, ó abeiro do artigo 27, apartados 22, 23 e 24, do Estatuto de Autonomía de Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma o espallamento da asistencia social e animación socio-cultural no ámbito da xuventude.
O feito asociativo xuvenil no noso país segue a ser aínda pequeno e falto de coordenación. En realidade a porcentaxe de mozos incardinados en asociacións legalizadas non atingue o 5%. Por outra banda, non hai dúbida do efecto beneficioso que produciría o espallamento deste feito, tanto no eido da concienciación cívica coma no do desenvolvemento comunitario.
É doado constata-la marxinación da mocidade, non só nos procesos políticos de toma de decisión, senón na mesma vida social, cultural e económica de Galicia. Así mesmo a mocidade é un suxeito pasivo dunha problemática específica que abrangue moito máis ca unha simple temática sectorial. O sistema educativo, o paro xuvenil (que incide moito máis neste grupo social ca noutros colectivos), a falta dunha política de animación socio-cultural e maila tendencia a actitudes marxinalistas e mesmo insociais (drogadiccións, delincuencia xuvenil) veñen dar ás cuestións globais da mocidade uns caracteres que requiren unha actitude unitaria e coordenada na actuación dos poderes públicos.
Non é posible, por outra parte, abordar esta problemática desde perspectivas paternalistas ou a través de canles burocráticas afastadas da realidade da nosa xuventude. Se é certo que toda política de xuventude ten que se artellar unitariamente en tódalas súas ordes (laboral, sanitaria, fomento do aproveitamento do lecer e tempo libre, educativa, etc.), non é menos certo que toda política de xuventude se ten que vitalizar e organizar desde a propia xuventude.
A mellor representación da mocidade vén dada polas súas asociacións. Son os axentes sociais xuvenís os que viven máis preto da problemática deste grupo social, e, ó mesmo tempo, os que poden servir de canle para actuar de voceiro das súas inquedanzas diante da sociedade e dos poderes públicos, a pesar de que a maior parte dos mozos de Galicia viven alleos a estes axentes.
Diante desta situación parece xustificado o artellamento dunha institución representativa a nivel nacional deste feito asociativo que poida servir, por unha banda, para transmiti-las inquedanzas dos mozos e mozas diante dos poderes públicos e do resto dos axentes sociais, e, por outra banda, para comunicar, informar, orientar e inter-relaciona-las asociacións xuvenís e, en xeral, a mocidade, ademais da xenérica función de espalla-lo asociacionismo e das específicas que lle veñan dadas pola actuación das súas competencias e, en concreto, das súas programacións sectoriais e temporais.
Esta institución representativa non pode actuar, por outra parte, con criterios pechados ou grupalistas. Pola contra, e sen deixar de ser ese impulsor e animador desde a súa base representativa, ten que se-lo instrumento que posibilite o protagonismo activo da mocidade na vida social, cultural e política do país, desenvolvendo unha conciencia cívica e comprometida. De ningún xeito, a pesar da súa especificidade, se pode desvencella-lo privativo da mocidade do conxunto global da realidade social de Galicia.
Como queda dito, o artellamento dunha política global para a mocidade desde os poderes públicos de Galicia non pode menos que se instrumentar a través dos propios axentes sociais da mocidade. Desde o outro punto de vista, o da propia Administración Autonómica, cómpre sinala-la progresiva concienciación a prol de introducir no seu procedemento certas técnicas de participación cidadá. Preténdese achega-la acción administrativa ós propios cidadáns, por medio da participación destes nela, a través dos seus axentes orgánicos.
Para a Administración galega, a participación cidadá preséntase como un dos máis relevantes retos. Nun país pequeno coma o noso, que presenta uns claros caracteres de falta de concienciación cidadá, cómpre facer un grande esforzo neste eido, esforzo que non se comenzou na pasada lexislatura.
Un dos vieiros desta participación é o artellamento dos órganos colexiados, representantes dos axentes sociais, que pasan a se incardinar na Administración consultiva. Coidamos que este non é senón un primeiro paso. Cómpre que estes órganos, ó tempo de se consolidaren, pasen a ser auténticos titulares de potestades de xestión e execución. Entrementres non se acade tal, seguiremos a nos mover nun xigantismo burocrático —iso si, a tres niveis— mimético respecto á Administración do Estado.
Na regulación do Consello da Xuventude de Galicia quérese dar un paso máis cara a adiante, permanecendo este como institución plenamente representativa e democrática e cun gran grao de autonomía diante da Administración da Comunidade Autónoma polo vieiro da súa personificación xurídica como suxeito de Dereito Público. Deste xeito, incardínase o Consello na Administración consultiva, obrigando á súa dotación presupostaria, ó tempo que se establecen os medios que aseguren a súa representatividade e mailo seu funcionamento democrático.
Finalmente, cómpre salientar que unha institución deste xeito ten forzosamente que conxuga-lo seu principio representativo e democrático coa operatividade dos seus servicios. Isto depende en grande grao do espírito de colaboración que acade non soamente nun aparello administrativo autonómico coidadoso das súas competencias directas, senón nas mesmas Administracións locais, as máis delas chamadas a xogar un papel determinante no eido da participación cidadá.
Proxectando o noso modelo a nivel xeral, non fai falta sinala-los froitos que cómpre esperar deste xeito de participación cidadá, no senso de acadar unha mocidade máis concienciada civicamente e culta politicamente. Isto debe levar a unha maior fortaleza da sociedade civil e a un redimensionamento da actuación dos poderes públicos, froitos todos eles coadxuvantes do desenvolvemento dunha democracia real nunha autonomía real.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei do Consello da Xuventude de Galicia.
Título preliminar
Artigo 1
1. O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), como entidade institucional representativa das organizacións xuvenís do país, é unha entidade de Dereito Público con personalidade xurídica propia e con plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.
2. O Consello da Xuventude de Galicia regularase polas disposicións da presente Lei, polas normas que a desenvolvan e polas que resulten de aplicación.
Artigo 2
Son fins do CXG:
a) A promoción da participación dos mozos galegos na vida política, socio-económica e cultural do país.
b) A representación e defensa dos dereitos e intereses da mocidade diante das Administracións públicas e da sociedade en xeral.
c) A extensión da política de desenvolvemento comunitario e de animación socio-cultural no ámbito da xuventude.
d) A promoción do desenvolvemento do asociacionismo xuvenil.
e) A procura de canles de información e colaboración entre as distintas organizacións xuvenís galegas respecto dos mozos e organizacións de todo o mundo.
Artigo 3
1. Correspóndenlle ó Consello da Xuventude de Galicia as seguintes funcións:
a) Elaboración e aprobación de informes e dictames, que serán preceptivos para a Xunta de Galicia cando se trate de promulgar disposicións que atingan de xeito específico á mocidade como colectivo social, na orde educativa, socio-cultural, sanitaria, laboral ou calquera outra.
b) Emitir informe previa e preceptivamente sobre as dotacións presupostarias adicadas a subvenciona-las actividades de organizacións xuvenís, así como sobre os convenios que a Xunta de Galicia poida establecer con elas.
c) Dirixirlle á Xunta de Galicia memorias, reflexións e análises que reflexen a situación da mocidade como grupo social, ó tempo que propoñe-las medidas legais que xulgue necesarias ou convenientes.
d) Elevar anualmente ó Parlamento unha memoria na que se reflexe a situación da xuventude como grupo social, ó tempo que propoñe-las medidas legais que xulgue necesarias.
e) Participación no artellamento da política de xuventude a nivel estatal, a través da súa representación no «Consejo de la Juventud de España».
f) Leva-lo Rexistro de Organizacións Xuvenís de Galicia.
g) Aqueloutras funcións, tanto de asesoramento e consultivas coma de xestión e mesmo de execución en materia de xuventude, que lle poidan vir atribuídas ó abeiro de disposicións legais ou regulamentarias.
h) Todas aquelas necesarias para o exercicio da súa función informativa, coordenadora e impulsora de actividades diante da mocidade e das organizacións xuvenís, así como as necesarias para actua-los seus fins, sen prexuício das atribuídas a outros suxeitos ou órganos.
2. Cando non teña cumprido o requisito preceptivo do dictame nos casos contemplados no apartado 1.a) e b) deste artigo, o CXG, a través da Consellería da Presidencia, poderase dirixir ó órgano responsable para repara-lo vicio, sen prexuício dos outros vieiros administrativos e xurisdiccionais ós que houbese lugar en Dereito.
3. As funcións competenciais do CXG enténdense referidas á súa Asemblea Xeral, agás as expresamente atribuídas a outros órganos en virtude da presente Lei. A Asemblea Xeral poderá delegar competencias, de xeito temporal ou permanente, na Comisión Permanente. De tódolos xeitos, a devandita delegación será expresa e revocable.
Artigo 4
1. Poderán formar parte do CXG as entidades sen fins lucrativos que se describen nos parágrafos seguintes:
a) As asociacións xuvenís cunha finalidade cultural, educativo-formativa, recreativa ou de aproveitamento do lecer e tempo libre, deportiva ou outras semellantes, que exerzan as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, así como os colectivos sen personalidade xurídica que desenvolvan actividades semellantes no mesmo ámbito.
b) As unións, federacións e confederacións de entidades ou colectivos expresados no apartado a), sempre que cumpran iguais requisitos.
c) As organizacións estudiantís que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.
d) As organizacións políticas xuvenís.
e) Os Consellos Locais que polos Concellos se constitúan, así como os Consellos Comarcais que se constitúan ó abeiro da futura Lei de Organización Territorial de Galicia.
2. Cando as entidades e colectivos citados no apartado 1 deste artigo desenvolvan a súa actividade soamente nunha área do territorio de Galicia, participarán no CXG a través da representación dos Consellos Locais e Comarcais da Xuventude ós que pertenzan.
3. O dereito a participar no CXG farase efectivo a través de solicitude por escrito, á que se acompañará unha memoria da súa actividade pública, diante da Comisión Permanente do CXG, a que a notificará diante da Asemblea Xeral. Esta será competente para admitila ou rexeitala, podendo tamén dirixirse á organización solicitante para os efectos de pedir información adicional. AAsemblea Xeral só poderá acorda-lo rexeitamento por maioría absoluta e de xeito motivado, baseado unicamente na ausencia dos requisitos sinalados na presente Lei, ademais das causas xerais de ilicitude que se establecen na Constitución e no resto do ordenamento xurídico.
Artigo 5
1. As relacións do CXG coa Xunta de Galicia conduciranse a través da Consellería da Presidencia, e esta daralles canle a tódalas comunicacións entre o Consello e calquera departamento ou órgano da Xunta.
2. A Xunta de Galicia, a través da Consellería da Presidencia, proporcionará canta información lle fose solicitada polo CXG para o cumprimento dos seus fins e funcións, e para o seu adecuado funcionamento.
Título I Da organización e funcionamento do Consello da Xuventude de Galicia
Artigo 6
Son órganos do CXG de ámbito nacional:
— A Asemblea Xeral.
— O Comité Permanente.
Capítulo I Da Asemblea Xeral
Artigo 7
A Asemblea Xeral é o supremo órgano rector e decisorio do Consello da Xuventude de Galicia.
Artigo 8
A Asemblea Xeral componse dos seguintes membros:
a) Dous conselleiros por cada unha das asociacións, colectivos e organizacións referidos nos apartados a), b), c) e d) do artigo 4.1 desta Lei, que o Regulamento de rexime interior do CXG poderá ampliar ata un máximo de catro.
b) Os conselleiros dos Consellos Locais e Comarcais da Xuventude no vieiro que se estableza no Regulamento do CXG, que deberá de asegurar, cando menos, dous representantes por cada un dos Consellos Comarcais constituídos e un para cada Consello Local das vilas da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense.
Artigo 9
1. A condición de conselleiro da Asembea Xeral, que en ningún caso poderá recaer en persoa maior de trinta anos, acreditarase mediante certificación da Asemblea do correspondente colectivo na que foi elixido.
2. Das certificacións dará conta o Presidente na primeira reunión da Asemblea Xeral. Esta será competente para examina-la súa suxección a dereito e para lles dar posesión ós novos conselleiros, logo de promesa ou xuramento de desenvolver con fidelidade o seu mandato, con acatamento expreso da Constitución e mais do Estatuto de Autonomía.
3. A condición de conselleiro da Asemblea Xeral virá vencellada á representatividade ostentada, perdéndose ó se perder esta.
Artigo 10
A condición de conselleiro do CXG é incompatible co exercicio de calquera mandato representativo público, así como co desempeño dun cargo de confianza política en calquera das Administracións públicas. Así mesmo é incompatible coa condición de conselleiro no Consello da Xuventude doutra Comunidade Autónoma.
Artigo 11
Son funcións da Asemblea Xeral:
a) Sinala-las liñas xerais de actuación do CXG.
b) Elixi-lo Presidente do CXG.
c) Elixir e nomea-lo Comité Permanente e o Secretario Xeral.
d) Aproba-lo Regulamento de rexime interior do CXG.
e) Aproba-los informes, dictames e propostas previstos no artigo 3.1 da Lei.
f) Aproba-la memoria anual do CXG.
g) Aproba-lo presuposto anual e mailo programa anual de actividades, a proposta do Comité Permanente.
h) Controlar, supervisar e impulsa-lo labor dos órganos do CXG.
i) Decidir sobre os supostos de admisión, renuncia, cesamento e expulsión de membros do Consello, de acordo co disposto no artigo 4.3 desta Lei e do que se estableza no Regulamento de rexime interno do mesmo.
l) Calquera outra que, correspondente ó CXG, no lle estea expresamente atribuída a outro órgano.
Artigo 12
1. A Asemblea Xeral deberá de se reunir cando menos dúas veces ó ano con carácter ordinario.
2. As reunións extraordinarias serán convocadas polo Presidente do CXG cunha antelación mínima de 10 días, a proposta do Comité Permanente ou dunha terceira parte dos conselleiros, cunha información sobre os temas que se van tratar, así como da orde do día.
3. Non serán decisorias as reunións nas que non se atinga o quorum da metade máis un dos conselleiros. As devanditas reunións poderanse celebrar con carácter deliberante.
Artigo 13
As reunións da Asemblea Xeral serán convocadas polo Presidente do Consello e presididas por unha Mesa composta por un Presidente, un Vicepresidente e un Secretario elixidos pola Asemblea Xeral para un período de un ano. Dos acordos da Asemblea Xeral daráselle traslado ó Comité Permanente para a súa execución.
Capítulo II Do Comité Permanente
Artigo 14
1. O Comité Permanente asume a dirección e representación do CXG cando non estea reunida a Asemblea Xeral.
2. O Comité Permanente é o órgano de execución dos acordos adoptados en asemblea xeral.
3. A xestión do Comité Permanente virá enmarcada polas liñas de actuación que aprobe a Asemblea Xeral.
Artigo 15
Son funcións do Comité Permanente:
a) En xeral, as funcións de iniciativa diante da Asemblea Xeral, especialmente a elaboración de informes e dictames, sempre que non estean encargados ás Comisións sectoriais.
b) Aelaboración e sometemento á Asemblea Xeral do presuposto e mais do programa anual de actividades, así como da memorial anual.
c) Prepara-las reunións da Asemblea Xeral e executa-los acordos tomados na mesma.
d) Dirixir e supervisa-lo labor da Secretaría Técnica e coordena-lo traballo das Comisións.
e) Designa-las Comisións sectoriais e constituír Comisións de traballo.
Artigo 16
1. O Comité Permanente será elixido pola Asemblea Xeral por un tempo de dous anos, a través de candidaturas abertas que terán que obter maioría absoluta en primeira votación, abondando na segunda coa maioría simple.
2. Os membros do Comité Permanente poderán ser obxecto de moción de censura, que comportará o cesamento do membro afectado. Cando a devandita moción atinga ó Presidente ou á metade mais un dos seus membros cando menos, entenderase cesado o Comité, que continuará no exercicio das súas funcións ata a vindeira Asemblea Xeral, convocada con carácter extraordinario para os trinta días seguintes, e na que deberá de se elixi-lo novo Comité Permanente.
Artigo 17
Son membros do Comité Permanente:
— O Presidente do CXG.
— Dous Vicepresidentes.
— O Secretario, que será o Secretario Xeral do CXG.
— O Tesoureiro.
— Os Vocais, elixidos en número de seis pola Asemblea Xeral.
Artigo 18
1. O Presidente é o representante legal do CXG. Como tal nomea ós conselleiros trala súa recepción pola Asemblea Xeral, e nomea así mesmo ós Presidentes dos Consellos Locais e Comarcais da Xuventude trala proposta dos devanditos Consellos.
2. O Presidente convoca, modera e preside as reunións do Comité Permanente, que deberá de se reunir polo menos unha vez ó mes. Tamén lle corresponden ó Presidente as funcións xenéricas de impulsión e supervisión da actividade dos membros do Comité. O Presidente será substituído nas súas funcións nos supostos de ausencia ou enfermidade polos Vicepresidentes na súa orde, que exercerán, así mesmo, as funcións que o Presidente lles delegue.
3. O Presidente do CXG será nomeado por Decreto aprobado en Consello da Xunta de Galicia, en virtude da proposta da Asemblea Xeral asinada polos membros da súa Mesa, na que conste a súa elección.
Artigo 19
Son funcións dos Vocais:
a) Asistir ás reunións do Comité Permanente e participar nas súas deliberacións.
b) Colaborar en tódalas actividades que se lles encomenden no seo do Comité Permanente.
Capítulo III Das Comisións sectoriais
Artigo 20
1. As Comisións sectoriais son órganos colexiados de división do traballo dentro do CXG e como tales realizan as funcións e exercen as competencias que lles delegue a Asemblea Xeral e que lles atribúa o Regulamento de rexime interior do CXG.
2. Haberá, cando menos, as Comisións de Educación, Animación Socio-Cultural e Tempo Libre e maila de Política Social, Emprego e Sanidade.
3. A Asemblea Xeral poderá crear outras Comisións sectoriais por acordo aprobado pola maioría absoluta dos seus conselleiros. No mesmo acordo decidirase a súa composición, que poderá atinguir tanto a conselleiros coma a persoal técnico asesor invitado polo CXG.
4. O devandito Regulamento contemplará a creación, organización e funcionamento das Comisións sectoriais.
Capítulo IV Da Secretaría Técnica
Artigo 21
A Secretaría Técnica, composta polo Secretario Xeral e mailo persoal técnico e administrativo que sexa necesario, desenvolve a función de xerencia técnica e administrativa do CXG.
Artigo 22
O Secretario Xeral, nomeado pola Asemblea Xeral, dirixirá a Secretaría Técnica, ademais de asina-las convocatorias do Comité Permanente e da Asemblea Xeral, e mais de redacta-las actas das súas reunións.
Artigo 23
1. A Secretaría Técnica levará o Rexistro de Organizacións Xuvenís de Galicia, cun regulamento que será aprobado pola Asemblea Xeral do CXG.
2. O Regulamento do CXG establecerá o estatuto do persoal da Secretaría Técnica do CXG.
Título II Do rexime económico do Consello da Xuventude de Galicia
Artigo 24
Os recursos financeiros do CXG estarán compostos por:
a) A dotación presupostaria anual que se estableza nos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma.
b) Os rendementos de Dereito Privado do seu patrimonio.
c) Os rendementos das actividades que desenvolva.
d) As aportacións, regulamentarias ou voluntarias, das entidades, organizacións e colectivos con dereito a representación.
e) Os rendementos do patrimonio doutros entes públicos, do que o CXG teña encargada a súa administración.
f) As doacións, legados, herencias ou calquera aportación que reciba a título gratuíto.
Artigo 25
O CXG ten plena capacidade xurídica para adquirir, gravar, transmitir e posuír calquera clase de bens ou dereitos. Así mesmo poderá exercer todo tipo de accións e contraer obrigas a través dos seus representantes legais, debidamente apoderados e autorizados pola Asemblea Xeral.
Disposición transitoria primeira
Ó entrar en vigor a presente Lei, a actual Xunta Executiva do CXG convocará unha asemblea xeral constituínte de acordo cos criterios establecidos na presente Lei, nun prazo máximo de tres meses.
Disposición transitoria segunda
Os colectivos sen personalidade xurídica, con representación no CXG, deberán de se constituír validamente como persoas xurídicas de base asociativa, no tempo máximo de seis meses desde a toma de posesión dos seus conselleiros na Asemblea Xeral.
Disposición adicional
A Asemblea Xeral do CXG, a proposta do Comité Permanente, deberá aprobar un Regulamento de rexime interior do CXG que desenvolverá os contidos da presente Lei, especialmente os que se remitan a el directamente. Este Regulamento deberá ser aprobado no prazo de seis meses a partir da constitución da Asemblea Xeral.
Disposición derrogatoria
Queda derrogado o Decreto 223/1983, do 28 de xullo, a Orde da Consellería de Turismo, Xuventude e Deportes do 22 de decembro de 1983, así como calquera outra disposición que os desenvolvese.
Disposición derradeira
Será aplicable, de xeito supletorio, a lexislación estatal e autonómica de procedemento administrativo.
Santiago de Compostela, 8 de maio de 1987
Xerardo Fernández Albor
Presidente
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.