Resolución Reitoral sobre simultaneidade de estudos en Estudos de Doutoramento

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0080
Departamento: Reitor
Estado: En vigor

Como consecuencia da entrada en vigor o 16 de setembro de 2020 do Regulamento de estudos de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela, faise necesaria unha clarificación do réxime de simultaneidade entre os estudos de doutoramento e os outros estudos.

Deste xeito convén clarificar as posibilidades de cambio de réxime de dedicación nos estudos de doutoramento e de simultaneidade de estudos estando a tempo completo no doutoramento.

A presente Resolución elimina a restrición de non poder simultanear por realización doutros estudos oficiais, establecendo que do alumnado de doutoramento que desexe simultanear con outros estudios deberá pedir o cambio a tempo parcial. Só nos casos nos que non se poda cambiar a tempo parcial se permitirá cambiar o réxime de dedicación nos estudos de grao ou máster.

Por todo o anterior, ditase a seguinte Resolución:

Primeiro.- Cambio de réxime a tempo parcial nos estudos de doutoramento por simultaneidade con outros estudos universitarios oficiais.

As doutorandas e doutorandos matriculados a tempo completo poderán solicitar o cambio a tempo parcial pola realización simultánea doutros estudos universitarios oficiais, sempre e cando a matrícula nestes últimos sexa dun máximo de 60 créditos ECTS . As solicitudes deberán realizarse nos períodos de matrícula ordinarios dos estudos de doutoramento.

No caso de que a doutoranda ou doutorando teña unha relación contractual a tempo completo coa USC relacionada co desenvolvemento da súa tese, non poderá solicitar a dedicación a tempo parcial mentres dure a devandita relación, agás que renuncie ao contrato de forma simultánea. Neste suposto poderán solicitar no período de matrícula ordinario de grado ou mestrado o cambio ao réxime de tempo parcial sempre que a matrícula destes últimos estudos non exceda dun máximo de 30 ECTS,.

Segundo.- Simultaneidade de estudos de doutoramento

Non se poderá realizar a matrícula simultánea en dous programas de doutoramento.

Terceiro.- Complementos formativos

Para a determinación do número de créditos ECTS que se poden simultanear non se terán en conta os complementos formativos de estudos de doutoramento.

Disposición derrogatoria

Derrógase o apartado 2.4 da Resolución Reitoral de 3 de setembro de 2013 sobre simultaneidade de estudos entre titulacións adaptadas ao EEES.

Disposición final.

Esta Resolución entrará en vigor na data de publicación no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela e será aplicable a todos os alumnos e alumnas de doutoramento matriculados no curso 2020/2021.

O Reitor

Antonio López Díaz

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver