Acordo sobre recoñecemento de estudos realizados en réxime de intercambio

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0051
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

Co obxecto de dispor dun sistema de equivalencias de cualificacións para os estudos cursados en réxime de intercambio e clarificar algúns aspectos do proceso de recoñecemento na USC de cualificacións cursadas en universidades estranxeiras, trasladouse unha proposta de regulación do recoñecemento de estudos en réxime de intercambio á Comisión Xeral de Validacións e Recoñecementos do 4 de decembro de 2013.

Esta proposta culminou coa aprobación, polo pleno do Consello de Goberno do 21 de febreiro de 2014, da Normativa de recoñecemento de estudos realizados en réxime de intercambio.

Perante as dificultades na aplicación da Normativa e dado que xa se fixera a convocatoria de intercambios, a Comisión de Validacións en data 9 de maio de 2014 acordou suspender a aplicación desta Normativa e iniciar un procedemento para a súa reforma cunha colaboración dos Centros para a creación dunhas táboas melloradas.

A Comisión Xeral de Validacións e Recoñecementos, consonte ao acordado na sesión do 21 de abril de 2015, enviou unha nova proposta de Normativa de recoñecemento de intercambios para suxestións. Pese a recepción de suxestións por parte dos Centros, a Comisión non chegou a propoñer a reforma da citada Normativa.

Posteriormente por Resolución do 21 de marzo de 2016 e de 21 de xullo de 2016 da Dirección General de Política Universitaria estableceuse un sistema de cualificación dos estudos ou títulos universitarios estranxeiros e as equivalencias ao sistema de cualificación das universidades españolas.

Toda a documentación sobre as táboas de equivalencias aprobadas polo Ministerio atópase en http://www.mecd.gob.es/servicios-al-ciudadanomecd/catalogo/educacion/gestion-titulos/gestion-titulos-comun/equivalencia-notas-medias.html Dado que non está en vigor unha norma de referencia para calcular as notas en réxime de intercambio, é urxente establecer un sistema de cualificacións en materia de intercambios e establecer o réxime xurídico completo destas cualificacións, incluíndo o sistema de equivalencia entre varias materias ou o sistema de concesión da mención de Matrícula de Honra.

Proponse así que a USC faga seu o sistema de cualificación establecido a nivel nacional, sen que sexa necesario establecer unha normativa propia.

Por todo o anterior, proponse á Comisión de Validacións que tome a seguinte proposta para elevar ao Consello de Goberno:

PROPOSTA DE ACORDO:

Artigo 1.- Equivalencia de cualificacións para estudos cursados consonte a sistemas educativos estranxeiros

O sistema de cualificacións para os estudos cursados en réxime de intercambio será o fixado polo Ministerio de Educación e Cultura. En concreto o sistema de cálculo será o que aprobe a Dirección General de Política Universitaria.

Artigo 2. Aplicación das equivalencias nos Centros da USC

De conformidade co artigo 15. 3 do Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes, os responsables das Unidades de Apoio a Centros e Departamentos da USC verificarán que o recoñecemento de estudos cursados en réxime de intercambio se corresponde co recollido no acordo de estudos, coa matrícula formalizada, coa certificación académica oficial expedida pola universidade de destino, e procederá a aplicar as equivalencias indicadas no artigo 1 deste Acordo.

No caso de cualificacións emitidas electronicamente polas universidades estranxeiras, só se considerarán válidas nos casos en que se poda comprobar a autenticidade das cualificacións por medios electrónicos, ou no caso de ser recibidas nos Decanatos ou no Servizo de Relacións Exteriores por parte das universidades de destino. Non se admitirán acreditacións electrónicas procedentes en exclusiva dos propios discentes.

Artigo 3. Inexistencia de equivalencias

3.1. No suposto de non existir táboas de equivalencias que se axusten ao sistema de avaliación da universidade de destino, o Servizo de Relacións Exteriores solicitará de oficio á universidade de destino o réxime de cualificacións. Unha vez revisado, o SRE trasladará a proposta de equivalencia á Secretaría Xeral quen, previo informe do Centro ou Centros implicados, aprobará e publicará no Taboleiro de anuncios electrónico os cadros de equivalencia que correspondan.

Corresponde ao Servizo de Relacións Exteriores a difusión actualizada, da información sobre os recoñecementos. A estes efectos debe manter na súa páxina web as equivalencias aprobadas polo Ministerio e, de ser o caso, as da USC.

Nas convocatorias de mobilidade internacional indicarase que son de aplicación estas equivalencias e o presente acordo.

3.2. No caso de que un centro considere que as táboas do Ministerio non se axustan as cualificacións outorgadas pola Universidade de destino ou que as citadas táboas conteñen erros, o Centro poñerá en coñecemento esta circunstancia á Secretaría Xeral. Acreditado o defecto, a Secretaría Xeral elaborará, xunto do Servizo de Relacións Exteriores, unha proposta de táboa de equivalencia para todos os centros que deberá ser aprobada pola Comisión de Validacións e Recoñecementos e será publicada no Taboleiro de Anuncios e incorporada a difusión indicada no apartado anterior.

Artigo 4. Recoñecemento na USC da Matrícula de Honra

De conformidade co Real Decreto 1125/2003, do 5 de setembro, a Matrícula de Honra non é unha cualificación senón unha “mención” que só poderán obter o 5% dos alumnos matriculados nunha materia no correspondente curso académico, agás que o número de alumnos matriculados sexa inferior a vinte, en cuxo caso se poderá conceder unha soa mención.

Deste xeito a Matrícula de Honra só poderá ser outorgada no caso de que o alumnado que cursa estudos en réxime de intercambio obteña unha mención na universidade de orixe similar á Matrícula de Honra. A estes efectos deberase acreditar mediante documento oficial da universidade de orixe que se trata dunha mención honorífica e que se outorga a unha pequena porcentaxe do alumnado mellor cualificado nesa universidade.

A proposta de concesión de Matrícula de Honra realizaraa o Responsable Académico de Mobilidade, sendo responsabilidade das Unidades de Apoio á Xestión de Centros e Departamentos controlar que a mención se outorga cumprindo estes criterios. Esta proposta deberá incluírse co resto dos documentos a enviar ás UUXA para a súa incorporación ao expediente documental do alumno. A Matrícula de Honra outorgada en réxime de intercambio non será computada no 5% das matrículas que corresponden á materia.

Artigo 5. Cualificación dos recoñecementos entre varias materias por unha da USC

No caso de recoñecemento de dúas o máis materias cursadas en réxime de intercambio por unha ou máis materias da USC, a cualificación que corresponde aplicar será a media ponderada destas cualificacións, aplicándose a cualificación numérica resultante con expresión dun decimal e a correspondente cualificación cualitativa.

Para o cálculo da media ponderada, procederase á suma dos créditos das materias superadas multiplicados polo valor da cualificación que corresponda e divididos polo número de créditos totais desas materias.

Artigo 6. Recoñecemento singular de cualificacións

No proceso de recoñecemento dos estudos cursados en réxime de intercambio os Responsables Académicos de Mobilidade, os responsables das Unidades de Apoio a Centros e Departamentos e as direccións e decanatos axustarán a súa actuación ao establecido no Regulamento de Intercambios. A estes efectos deberán recoñecer de maneira singular todas e cada unha das materias superadas obxecto de intercambio coa cualificación equivalente na USC á outorgada pola universidade de destino, non sendo procedente propor medias xerais para a totalidade das materias nin recoñecer como superadas materias que en orixe estiveran suspensas.

Para as materias non superadas o Centro proporá a cualificación de “suspenso”, acompañada da correspondente cualificación numérica (4) .

Tampouco se recoñecerán materias ou actividades que non figuren no compromiso de estudios, sen prexuízo da súa incorporación ao SET.

O alumnado que inclúa no seu compromiso créditos optativos deberán concretar as materias ás que se corresponden á súa chegada á universidade de destino, de entre as materias que se imparten dentro da titulación.

No caso de materias superadas por compensación en destino, a cualificación será de “aprobado (5)”.

Nos casos en que a cualificación na universidade de destino sexa de "Apto"/"Non Apto", esa cualificación manterase no recoñecemento só no caso de actividades. No caso de materias propias do plan de estudos a cualificación de “Apto” ou equivalente terá a consideración de “aprobado” e o valor numérico de 5,5. No caso de que a cualificación sexa de “Non Apto” ou equivalente, terá a consideración de “suspenso (4)”, agás que exista un informe complementario da universidade onde realizou os estudos que permita outorgar unha nota concreta.

Disposición final.-

A presente Normativa entrará en vigor na data de publicación no taboleiro oficial da USC e será aplicable aos recoñecementos de intercambios realizados a partir do curso 2017-18.

Disposición derrogatoria.

O presente acordo derroga a Normativa de recoñecemento de estudos realizados en réxime de intercambio aprobada polo Consello de Goberno do 21 de febreiro de 2014.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver