Resolución reitoral do 5 de febreiro de 2025 pola que se desenvolve o Regulamento en materia de recoñecemento e transferencia de créditos para os estudos oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela, de 24 de xullo de 2024, en materia de recoñecemento de actividades e polo que se publica o catálogo de actividades susceptibles de recoñecemento e a súa equivalencia en créditos

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1211
Departamento: Reitor
Estado: En vigor

O Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, establece no seu artigo 10 a necesidade de que as universidades aproben normativas específicas destinadas á regulación dos procedementos de recoñecemento e transferencia de créditos en títulos universitarios oficiais. En execución do aí disposto, adoptouse o Acordo do Consello de Goberno de 24 de xullo de 2024, polo que se aproba o Regulamento en materia de recoñecemento e transferencia de créditos para os estudos oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela. A súa entrada en vigor o 1 de febreiro de 2025 require que se diten pola Reitoría as resolucións precisas para a súa execución, nos termos apuntados na súa disposición adicional primeira.

Cómpre, en consecuencia, especificar certas cuestións con carácter xeral, e determinar as actividades susceptibles de recoñecemento de créditos ECTS nos estudos de grao, tanto as referidas a actividades culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación, así como académicas complementarias organizadas pola USC, como aquelas que impliquen a adquisición de competencias transversais, no marco do artigo 10. 9 c) do Real decreto 822/2021 e do citado regulamento da USC. Sen prexuízo destas categorías, caberá o recoñecemento de créditos por participación en actividades formativas realizadas no seo da Alianza EUniWell.

Por todo o anterior, en uso das atribucións conferidas pola Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario e polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, esta Reitoría

RESOLVE,

Primeiro. Actividades susceptibles de recoñecemento de créditos ECTS nos estudos de grao e máster

1. Poderán ser obxecto de recoñecemento de créditos ECTS en estudos de grao a realización de actividades universitarias culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación, así como outras actividades académicas complementarias que organice a Universidade de Santiago de Compostela, de acordo co disposto no Anexo I.

Asemade, tamén poderán ser obxecto de recoñecemento de créditos ECTS nos estudos de grao a realización de actividades que impliquen a adquisición de competencias transversais que acrediten a adquisición de competencias informacionais, o coñecemento de lingua galega, linguas estranxeiras e cooficiais españolas, así como a formación en materia de xénero, de acordo co disposto no Anexo II.

2. Poderán ser obxecto de recoñecemento de créditos ECTS en estudos de grao e máster a participación en actividades formativas realizadas no seo da alianza EUniWell, de acordo do disposto no Anexo III.

Segundo. Límite máximo de recoñecemento de créditos ECTS

1. O estudantado de grao poderá obter ata un máximo de 12 ECTS recoñecidos na súa titulación de grao nos termos previstos no Regulamento en materia de recoñecemento e transferencia de créditos para os estudos oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado por acordo do Consello de Goberno de 24 de xullo de 2024.

2. O estudantado de máster poderá recoñecer ata un máximo do 10 por cento do total de créditos do plan do estudos, nos termos previstos no artigo 10 do Real decreto 822/2021, pola súa participación en actividades recollidas no Anexo III.

3. Os créditos obxecto de recoñecemento reflectiranse como créditos optativos no expediente. Unha vez incorporados ao dito expediente, non poderán ser obxecto de modificación ou eliminación.

Terceiro. Carga horaria e equivalencia en créditos ECTS

1. Con carácter xeral, recoñecerase 1 crédito ECTS por cada 25 horas de actividade.

2. As actividades cunha duración entre 16 e 24 horas poderán ter un recoñecemento de 0,5 ECTS.

Cuarto. Incorporación dos créditos optativos ao expediente

1. A modalidade de incorporación dos créditos optativos ao expediente, automática ou a instancia de parte, virá determinada pola convocatoria da propia actividade.

No caso de estar prevista a incorporación automática de ditos créditos ao expediente, a persoa interesada poderá manifestar a súa oposición a dita incorporación antes da finalización da actividade da que se trate. Transcorrido dito prazo, o recoñecemento será definitivo e non poderá ser obxecto de modificación ou eliminación.

2. Para o suposto de recoñecemento de créditos pola realización de actividades universitarias en estudos de grao, en virtude do disposto no artigo 9. 3 do Regulamento, cada actividade terá a mesma equivalencia en créditos en todos os centros universitarios, limitándose o recoñecemento as actividades que se realicen durante o período no que o/a estudante estea matriculado/a na titulación na que se vaia aplicar o recoñecemento. O dito recoñecemento só poderá aplicarse por unha soa vez a unha soa titulación.

3. No caso de recoñecemento de créditos pola realización de actividades que impliquen a adquisición de competencias transversais, en virtude do disposto no artigo 10 do Regulamento, a convocatoria da actividade determinará as titulacións nas que se poida solicitar o recoñecemento, sen que se limite a súa aplicación a unha soa vez e a unha soa titulación, polo seu carácter transversal.

4. Naqueles supostos de modificacións do plan de estudos, entenderase que se trata da mesma titulación.

No caso de simultaneidade de estudos, os créditos optativos poderán ser imputados á titulación ou titulacións previstas na convocatoria da actividade no período no que o/a estudante estea matriculado/a nas titulacións implicadas, estándose polo demais ao disposto na Resolución reitoral do 31 de xullo de 2020, reguladora do desdobre de expedientes de dobres titulacións.

Quinto. Pagamento de prezos públicos

A convocatoria de cada actividade determinará se o recoñecemento de créditos está suxeito ou non ao pagamento de prezos públicos.

Sexto. Aplicación retroactiva do recoñecemento de créditos ECTS

A persoa interesada, tras a entrada en vigor do Regulamento en materia de recoñecemento e transferencia de créditos para os estudos oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela, poderá solicitar a incorporación ao seu expediente dos créditos ECTS atendendo aos límites establecidos no dito regulamento e na presente resolución, sempre con anterioridade ao depósito do título correspondente.

En Santiago de Compostela, na data da sinatura electrónica

Antonio López Díaz

O Reitor

ANEXO I.

I. Recoñecemento de créditos por actividades de representación estudantil

1. Poderanse recoñecer como créditos nas titulacións de grao a participación efectiva en actividades de representación estudantil.

Non se considerarán períodos de tempo inferiores a un ano, agás aqueles casos nos que se poidan computar varios períodos de tempo por desempeñar a persoa interesada cargos representativos durante períodos distintos.

2. Nas actividades de representación estudantil inclúense a participación como representante do estudantado no Claustro, Consello de Goberno, Consello de Departamentos, Institutos, Consello do Estudantado, Xunta de Centro, ou calquera outro que implique o exercicio dunha actividade de representación análoga ás anteriormente previstas.

3. Nas ensinanzas de grao recoñeceranse como máximo 4 ECTS por ano segundo a actividade da que se trate:

a) Representante do estudantado no Claustro (1 ECTS por ano)

b) Representante do estudantado no Consello de Goberno (2 ECTS por ano)

c) Representante do estudantado no Consello do Estudantado (1 ECTS por ano)

d) Representante do estudantado no Consello de Departamento, Instituto, Xunta de Centro (1 ECTS por ano)

e) Outras responsabilidades de representación en órganos de participación estudantil estatutariamente recoñecidos ou de representación que determine a Universidade (1 ECTS por ano)

4. A credencial acreditativa na que se recollan estas actividades de representación estudantil será expedida por Secretaría Xeral, previa petición da persoa interesada.

II. Recoñecemento de créditos por participación en actividades deportivas e formativas no eido deportivo

1. Poderanse recoñecer créditos ao estudantado de grao que participe nas actividades físico-deportivas e formativas no eido deportivo, supervisadas pola Área Deportiva da USC.

2. En particular, a actividade físico-deportiva e formativa do estudantado poderá ser recoñecida de acordo coa seguinte participación:

1. En escolas físico-deportivas: de 1 a 4 ECTS por actividade e curso académico.

2. En competicións deportivas:

a. 6 ECTS aos Deportistas/Adestradores ou Técnicos/Árbitros ou Xuíces de Alto Nivel da USC por curso académico.

b. 4 ECTS por competición universitaria ou federada de ámbito internacional.

c. 2 ECTS por competición oficial universitaria ou federada de ámbito estatal.

d. 1 ECTS por competicións autorizadas pola persoa con competencias en materia de Deporte na USC (nas competicións propias da USC, para acadar os créditos, poderán computarse as horas de diferentes cursos académicos e competicións).

A efectos de competición deportiva considerarase como participante a deportistas, adestradores/as ou técnicos/as, árbitros/as ou xuíces/xuízas

3. En actividades de dinamización de actividades físico-deportivas da USC: 3 ECTS por curso académico.

4. En actividades formativas no eido deportivo, ata 2 ECTS por curso académico.

3. A acreditación destas actividades será expedida pola persoa con competencias en materia de deporte na USC.

III. Recoñecemento de créditos por participación en actividades culturais

1. Poderanse recoñecer créditos ao estudantado de grao que participe nas actividades culturais supervisadas pola Área de Cultura da USC.

2. En particular, a actividade cultural do estudantado poderá ser recoñecida de acordo coa seguinte participación:

a) Aula de teatro: 6 ECTS por unha dedicación de alomenos 150 horas por curso académico.

b) Coro universitario e Orquestra da Universidade: 4 ECTS por unha dedicación de alomenos 100 horas por curso académico.

c) Espazo de Danza: 2 ECTS por cada 50 horas de dedicación por curso académico.

d) Cursos de formación cultural organizados pola Área de Cultura: 1 ECTS por cada 25 horas de curso superado.

e) Dinamizadores de actividades socioculturais: 3 ECTS por curso académico polo desenvolvemento de labores de dinamización das actividades socioculturais promovidas desde a vicerreitoría competente.

f) Cursos de verán organizados por universidades públicas: 1 ECTS por asistencia acreditada a cursos de verán da USC de menos de 25 horas; 2 ECTS por asistencia acreditada a cursos de verán de 25 horas ou máis organizados pola USC ou por universidades públicas, en réxime de reciprocidade.

g) Outras actividades culturais: 1 ECTS por cada 25 horas de asistencia e participación en actividades musicais, escénicas e outras de carácter cultural, promovidas ou autorizadas pola vicerreitoría competente. O recoñecemento máximo por actividade será de 3 ECTS.

h) Actividades culturais de curta duración: poderanse recoñecer créditos ECTS pola asistencia e participación acumulativa en actividades culturais de curta duración a través do uso do Pasaporte Cultural. As características e condicións de uso do Pasaporte Cultural serán as recollidas na súa normativa de desenvolvemento.

3. A acreditación destas actividades corresponderá á vicerreitoría competente en materia de cultura.

IV. Recoñecemento de créditos por participación en actividades solidarias e de cooperación

1. Poderanse recoñecer créditos optativos ao estudantado de grao pola participación as actividades solidarias organizadas e supervisadas polo Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) da USC.

2. En particular, son susceptibles de recoñecemento:

a) Actividades de Participación Social e Voluntariado: 1 ECTS por cada 25 horas de colaboración

b) Actividades de Sensibilización e Formación organizadas a través do SEPIU pola Vicerreitoría con competencias en Estudantes: 1 ECTS por cada 25 horas de participación.

c) Programa de Titores: 6 ECTS pola realización íntegra do programa.

d) Programa Mentoring STEMbach: 1,5 ECTS por curso académico, ata un máximo de 6 ECTS nos termos establecidos no Convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Edudación, Formación profesional e Universidades e a Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento do Bacharelato de Excelencia STEM (STEMbach).

3. Asemade, a realización de actividades de participación e formación universitaria no ámbito da cooperación internacional, poderán ser recoñecidas con ata 6 ECTS.

4. A acreditación destas actividades será emitida desde a vicerreitoría competente.

ANEXO II.

I. Recoñecemento de actividades que implican adquisición de competencias informacionais

1. Poderán recoñecerse créditos nas titulacións de grao pola adquisición de competencias en materia de formación a través dos cursos que estableza a Universidade á proposta da Biblioteca Universitaria.

2. As actividades formativas deberán acadar as 25 horas de duración, correspondentes con 1 ECTS por cada curso.

A estes efectos, distinguiranse dous niveis, totalmente independentes entre si, sen que a falta do primeiro impida cursar o segundo:

a) Nivel inicial ou básico: dirixido ao estudantado dos primeiros cursos de grao.

b) Nivel medio ou avanzado: dirixido ao estudantado dos últimos cursos de grao.

3. A acreditación da superación destes cursos será expedida pola Biblioteca Universitaria.

II. Recoñecemento de créditos pola acreditación de coñecemento da lingua galega

1. Poderán recoñecerse créditos nas titulacións de grao pola acreditación do coñecemento da lingua galega, ata un máximo de 6 ECTS.

Os títulos de nivel superior dun idioma sempre subsumirán aos títulos de nivel inferior do mesmo idioma, polo que non será posible recoñecer un título inferior cando se tivera recoñecido un superior.

Do mesmo xeito, a acreditación dun nivel superior ao xa recoñecido só dará dereito ao recoñecemento pola diferencia de créditos que puidese corresponder, co limite de 6 ECTS.

2. No caso de estudantes que non completaron os seus estudos preuniversitarios en Galicia, poderá realizarse de acordo co seguinte:

a) Nivel A2 (Celga 1): 3 ECTS.

b) Nivel B1 (Celga 2): 4 ECTS.

c) Nivel B2 (Celga 3): 5 ECTS.

d) Niveis C1 e C2 (Celga 4 e Celga 5): 6 ECTS.

3. O coñecemento da lingua galega a que se refire o apartado anterior acreditarase mediante os certificados que testemuñen:

a) A superación das probas de competencia lingüística organizadas polo Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC.

b) A superación de actividades de formación en lingua galega organizadas polo CLM da USC que acrediten un nivel completo do MECRL.

c) A superación do exame Celga convocado pola Xunta de Galicia.

4. Os estudantes da USC que realicen actividades formativas organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) cunha carga lectiva de 25 horas, poderán recoñecer 1 ECTS por curso. A acreditación destas actividades corresponderá á vicerreitoría competente en materia de normalización lingüística.

III. Recoñecemento de créditos pola acreditación de competencias en linguas estranxeiras, cooficiais españolas distintas do galego e linguas de signos

1. Poderán recoñecerse créditos nos estudos de grao pola acreditación de competencias en linguas estranxeiras e cooficiais españolas distintas do galego.

Os títulos de nivel superior dun idioma sempre subsumirán aos títulos de nivel inferior do mesmo idioma, polo que non será posible recoñecer un título inferior cando se tivera recoñecido un superior.

Do mesmo xeito, a acreditación dun nivel superior ao xa recoñecido só dará dereito ao recoñecemento pola diferencia de créditos que puidese corresponder, co límite de 6 ECTS por idioma.

2. Serán recoñecibles os idiomas estranxeiros e linguas cooficiais españolas distintas do galego de acordo cos seguintes niveis:

a) Nivel B1: 3 ECTS

b) Nivel B2: 4 ECTS

c) Nivel C1: 5 ECTS

d) Nivel C2: 6 ECTS

3. A persoa interesada non poderá solicitar o recoñecemento de créditos daquelas linguas estranxeiras ou linguas cooficiais españolas distintas do galego que teñan a consideración de lingua nai ou lingua oficial da súa nacionalidade.

4. O nivel de coñecemento da lingua estranxeira acreditarase mediante:

a) A superación de probas de competencia lingüística e exames de español como lingua estranxeira (ELE) organizadas polo CLM.

b) A superación de actividades de formación en idiomas organizadas polo CLM que acrediten un nivel completo do MECRL.

c) A acreditación documental de superación dos niveis nos que consten as destrezas de comprensión e expresión oral e escritas ligadas ao nivel de competencia referido ao MECRL, expedida por outras universidades públicas españolas e universidades do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), escolas oficiais de idiomas (EOI), centros lingüísticos oficiais e organismos recoñecidos polas comisións lingüísticas da Conferencia de reitores das universidades españolas (CRUE) e da Asociación de centros de linguas das Universidades españolas (ACLES). No caso de que a certificación acredite diferentes niveis, poderase recoñecer o nivel mínimo acreditado nas destrezas, con independencia do nivel global que conste no documento.

5. Serán recoñecibles con 1 ECTS por cada 25 horas, ata un máximo de 6 ECTS, outras actividades de formación en idiomas organizadas polo CLM, sempre e cando se trate de idiomas que non estean recoñecidos no expediente da persoa interesada.

6. O recoñecemento de competencias en linguas de signos rexerase polo disposto neste artigo, sen prexuízo de que se acredite o seu coñecemento a través de certificado expedido por entidade oficial ou por entidade coa que se formalice convenio coa USC. Nestes casos, o recoñecemento esixirá informe favorable previo do CLM ou do SEPIU.

IV. Recoñecemento de créditos por participación en actividades de formación en materia de xénero

1. Poderán recoñecerse créditos ao estudantado de grao que participe nas actividades formativas promovidas e supervisadas pola Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da USC.

2. Serán recoñecibles as formacións que teñan por obxecto as materias competencia da dita Oficina, entre as que se atopan as relativas á igualdade, non discriminación, violencia de xénero, diversidade, agresións sexuais, acoso sexual e acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero.

3. A acreditación das actividades será expedida pola persoa con competencias en materia de igualdade na USC.

V. Recoñecemento doutros créditos transversais

1. Poderán recoñecerse como créditos transversais nas titulacións de grao os cursos e actividades formativas promovidos polos centros da USC vencellados á titulación para a que se oferten e que se encadren nos seguintes ámbitos:

a) Procura do emprego.

b) Emprendemento.

c) Coñecemento do contorno profesional e laboral.

d) Aspectos éticos do exercicio profesional.

e) Competencias transversais dunha gran área de coñecemento.

2. Para ser recoñecidas, os centros propoñentes destas actividades deberán xustificar unha programación estruturada, os estudantes deben ter un seguimento por parte dos responsables do centro, así como superar unha avaliación da aprendizaxe.

Dentro destas actividades inclúense cursos, seminarios e xornadas, sempre que respecten o disposto no punto Terceiro. Carga horaria e equivalencia en créditos.

ANEXO III.

Recoñecemento de créditos por participación en actividades formativas realizadas no seo da Alianza EUniWell

1. Poderán recoñecerse créditos ao estudantado de grao ou máster que participe nas actividades formativas realizadas no seo da Alianza EUniWell.

2. Dentro destas actividades inclúense cursos, cursos de verán, seminarios e xornadas.

3. A acreditación da realización destas actividades será expedida pola vicerreitoría competente en materia de internacionalización.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver