Regulamento en materia de recoñecemento e transferencia de créditos para os estudos oficiais de Grao e Máster da USC

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1182
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

O ditado do presente regulamento ten a súa orixe no Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade. Neste establécese no seu artigo 10 a necesidade de que as universidades aproben normativas específicas destinadas á regulación dos procedementos de recoñecemento e transferencia de créditos académicos nos títulos universitarios oficiais, consonte ao disposto no propio real decreto. Esta normativa complementa o xa disposto no Real decreto 1791/2010, do30 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do estudante universitario, en concreto ao seu artigo 6, no que se dispón o dereito dos estudantes, en calquera etapa da súa formación universitaria, ao recoñecemento dos coñecementos, das competencias ou da experiencia profesional previamente adquiridos, encargando ás universidades o establecemento das medidas precisas para tal recoñecemento, total ou parcial, das ensinanzas universitarias conducentes á obtención dun título non oficial, sempre que tal título fose obxecto de extinción e substituído por un título oficial. Neste ámbito, o Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, sobre recoñecemento de estudos no ámbito da Educación Superior, explicita no seu artigo 2 cales son os estudos susceptibles de recoñecemento:os títulos universitarios de graduado, os títulos de graduado en ensinanzas artísticas, os títulos de técnico superior de artes plásticas e deseño, os títulos de técnico superior de formación profesional e os títulos de técnico deportivo superior. Finalmente, e máis recentemente, o Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de Formación Profesional, tamén establece unha serie de requisitos en materia de recoñecemento destes estudos no ámbito universitario.

No marco interno, atendendo á necesidade de mellorar os procedementos existentes na nosa institución no eido académico, é imperativo dotarse dunha normativa que abranga tanto o recoñecemento como a transferencia de créditos que sexa máis áxil procedementalmente e reduza os tempos de ditado de resolución para o noso estudantado actual e prospectivo. Deste xeito facilitarase a mobilidade entre títulos universitarios oficiais españois, así como entre estes e os títulos universitarios estranxeiros.

O regulamento estrutúrase en catro títulos, catro disposicións adicionais, dúas transitorias, unha derrogatoria e unha disposición derradeira. Sinteticamente, no Título I Disposicións xerais, delimítase o obxecto e o ámbito de aplicación da norma, xunto cos aspectos de natureza económica. O Título II Recoñecemento de créditos, determina a sistemática dos estudos ou actividades susceptibles de recoñecemento, erecolle unha das principais novidades desta regulación:a posibilidade de que as persoas interesadas poidan solicitar unha consulta previa do expediente para os efectos de ser informado das materias e actividades recoñecibles na titulación de destino na USC. O Título III Transferencia de créditos céntrase no establecemento dos criterios xerais que afectan a esta figura. Finalmente, no Título IV Procedemento de solicitude e tramitación de recoñecemento e transferencia de créditos, atopamos as medidas centrais encamiñadas a axilizar estes procedementos en beneficio do estudantado:sinálanse prazos de resolución máximos de un e dous meses, en función da tipoloxía do recoñecemento, eliminando en certos supostos trámites que a experiencia ten demostrado como ineficientes.

A disposición adicional primeira habilita á Reitoría para o desenvolvemento das disposicións deste regulamento; a disposición adicional segunda recolle a posibilidade de que se establezan prazos ou convocatorias para a presentación de consultas previas por parte das persoas interesadas; a disposición adicional terceira posibilita o recoñecemento de actividades formativas realizadas no seo da Alianza EUniWell; e a disposición adicional cuarta suprime a Comisión de Validacións e Recoñecementos, na medida en que as súas competencias pasan a ser asumidas pola comisión que corresponda por razón da materia. Recóllense dúas disposicións transitorias para regular o recoñecemento da formación básica en estudos de grao regulados polo Real decreto 1393/2007 e o recoñecemento de créditos optativos pola realización de actividades existentes na entrada en vigor deste regulamento. A disposición derrogatoria opta por unha cláusula xeral, depurando aquelas normas incompatibles, á vez que derroga expresamente unha serie de acordos previos na materia. E finalmente, a disposición derradeira, prevé a entrada en vigor da norma o 1 de febreiro de 2025, ao entenderse razoable e necesaria unha vacatio legisampla, co obxecto de que sexa coñecida polos diferentes grupos de interese.

Compre sinalar que no seu proceso de elaboración foron oídos o Consello do Estudantado, o Colexio de Decanos/as e Directores/as de Centro, e os responsables de Unidade de Xestión de Facultades e Escolas.

Por todo o anterior, e en virtude da potestade estatutaria conferida, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión do 24 de xullo de 2024, acordou aprobar o presente regulamento.

TÍTULO I. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente regulamento ten por obxecto establecer a normativa aplicable ao recoñecemento e á transferencia de créditos na Universidade de Santiago de Compostela, nas ensinanzas oficiais de grao e máster universitario, de acordo co previsto no Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O disposto neste regulamento será aplicable ás titulacións de grao e máster universitarios oficiais estruturadas de acordo coas liñas xerais emanadas do Espazo Europeo de Educación Superior, e subsidiariamente, aos estudos propios da Universidade de Santiago de Compostela, naqueles aspectos non incluídos na súa regulación específica.

Artigo 3. Efectos económicos

O recoñecemento e a transferencia de créditos implican, de ser o caso, o aboamento dos prezos públicos determinados para o curso académico polo decreto de prezos públicos autonómico.

TÍTULO II. Recoñecemento de créditos

CAPÍTULO I. Cuestións xerais

Artigo 4. Definición e criterios xerais de recoñecemento

1. Con carácter xeral, enténdese por “recoñecemento de créditos” a aceptación pola universidade dos créditos obtidos noutros estudos oficiais, na mesma ou noutra universidade, para que formen parte do expedienteacadémicodo/a estudante para os efectos de obter un título universitario oficial diferente do que proceden os ditos créditos, distinguíndose entre unha titulación de orixe e outra de destino.

2. A unidade básica de recoñecemento é a materia, sen prexuízo de que se poida eximir ao estudante de cursar parte dos créditos ECTSdunha materia cando así se determine polo centroresponsableda titulación de destino.

O recoñecemento de actividades universitarias ou de competencias transversais aplicarase a créditos optativos co límite máximo total de 12 créditos ECTS en conxunto, tal e como se dispón neste regulamento.

Con carácter excepcional, poden ser recoñecidos módulos definidos como tales no plan de estudos.

3. A acreditación da experiencia profesional e laboral, os créditos superados e cursados en ensinanzas propias universitarias ou noutros estudos superiores de carácter oficial, así como as actividades universitarias previstas neste regulamento para os estudos oficiais de grao, poderán ser obxecto de recoñecemento como créditos destinados á obtención dun título de carácter oficial, nos termos sinalados nesta norma.

4. Para o recoñecemento de créditos terase en consideración a adecuación nos resultados da aprendizaxe, atendendo á coherencia académica e formativa dos coñecementos, as competencias e as habilidades que definen as materias que se vaian recoñecer na titulación de orixe coas existentes no plan de estudos da titulación de destino.

5. Atendendo ao disposto no apartado anterior, os centros elaborarán táboas de recoñecemento entre as titulacións impartidas na USC e aquelas de orixe para as que se soliciten os recoñecementos. Ditas táboas serán aprobadas pola Xunta do centro, actualizándose anualmente e publicándose na páxina web do centro.

Artigo 5. Aplicación do recoñecemento de créditos no expediente académico

1. Os créditos recoñecidos constarán no expediente académico do estudantado coa seguinte información:

a) Denominación da institución de ensinanza ou universidade de orixe.

b) Materias recoñecidas na ensinanza de destino, coa mención “recoñecida”, así como, de ser o caso, a denominación e carácter das que foron obxecto de recoñecemento na titulación de orixe.

c) A cualificación asignada, de acordo co disposto no presente regulamento.

2. As materias superadas como consecuencia dun proceso de recoñecemento figurarán, de ser o caso, coa cualificación das materias respectivas de orixe ou o seu equivalente no suposto de que o sistema de cualificación sexa diferente ao español. Cando varias materias supoñan o recoñecemento dunha ou varias na titulación de destino, a cualificación corresponderá ao resultado da seguinte fórmula:suma dos créditos superados en cada materia multiplicados cada un deles polo valor das cualificacións que correspondan, e dividida polo número de créditos totais desas materias.

3. De non constar a cualificación na materia de orixe, recollerase a cualificación de “Apto” e non será tida en conta para os efectos do cálculo da nota media do expediente.

4. En todo caso, os créditos recoñecidos computarán para os efectos da obtención do título na titulación de destino.

Artigo 6. Solicitude de consulta previa do expediente

1. A persoa interesada poderá solicitar unha consulta previa do seu expediente para os efectos de ser informado das materias e actividades recoñecibles na titulación de destino na Universidade de Santiago de Compostela

2. O centro responsable da titulación de destino na universidade será o competente para emitir o informe sobre o recoñecemento de materias e actividades. O dito informe non producirá os efectos propios da resolución de recoñecemento.

3. A consulta previa será obrigatoria naqueles supostos en que o acceso á universidade precise do recoñecemento dun mínimo de créditos en aplicación da normativa de acceso e/ou continuación de estudos.

4. A persoa que solicite a consulta previa do expediente deberá aboar a tarifa prevista para o estudo de expediente. A falta do seu aboamento impedirá a avaliación do expediente.

CAPÍTULO II. Recoñecemento de créditos superados en estudos universitarios oficiais

Artigo 7. Recoñecemento de créditos por estudos universitarios oficiais

1. Poderánser obxecto de recoñecementoos créditos superados en estudos universitarios oficiais españois ou noutros estudos universitarios oficiais impartidos por unha institución de educación superior estranxeira oficialmente recoñecida no seu país.

2. Segundo o disposto no artigo 10.9 do Real decreto 822/2021, cabe o recoñecemento de créditos atendendo aos seguintes criterios:

a) No caso de estudos de grao, sendo títulos do mesmo ámbito de coñecemento, poderán ser obxecto de recoñecemento ata a totalidade dos créditos de formación básica obtidos na titulación de orixe.

No caso de estudos de grao que pertenzan a distintos ámbitos de coñecemento, nos que non exista coincidencia entre as materias de formación básica da titulación de orixe e as dispostas na ordenación da titulación de destino, os créditos de formación básicapoderán ser recoñecidos por créditos doutras materias ou actividades recollidas no plan de estudos.

Os restantes créditos obrigatorios e optativos, cando se trate de materias de títulos do mesmo ámbito de coñecemento ou de ámbitos diferentes, poderán ser recoñecidos de acordo co sinalado no artigo 4.4.

No caso de estudos de grao que habiliten para o exercicio dunha profesión regulada, debe garantirse que se cumpran as esixencias formativas requiridas pola normativa que a disciplina.

No caso de estudantado que cursase estudos nun programa de dobre itinerario ou programa de simultaneidade de estudos e renuncie a el para continuar nunha desas titulacións, poderá solicitar o recoñecemento das materias xa cursadas na titulación abandonada, aplicando os criterios indicados nos parágrafos anteriores.

b) No caso de estudos de máster universitario, o recoñecemento de créditos realizarase segundo o disposto no artigo 4.4.

3. Quedan excluídos do recoñecemento de créditos:

a) Os traballos de fin de grao e de fin de máster, agás aqueles que especificamente se desenvolvan nun programa de mobilidade.

b) As materias superadas nun grao, diplomatura, arquitectura técnica e enxeñaría técnica como materias de máster universitario oficial.

c) As materias xa cualificadas como resultado dun proceso de recoñecemento de créditos non poderán dar lugar a recoñecementos posteriores noutro título de grao ou máster.

d) As prácticas externas realizadas nuns estudos universitarios para outros conducentes a unha titulación universitaria oficial diferente a aquela na que se realizaron as prácticas.

e) As prácticas extracurriculares polas prácticas curriculares previstas nos plans de estudos. En ningún caso as prácticas extracurriculares poderán ser computadas como créditos para a obtención dun título universitario oficial.

f) Os requisitos formativos complementarios para a homologación de títulos universitarios estranxeiros.

g) Os realizados na modalidade de matrícula extraordinaria.

h) Os estudos non universitarios que non estean previstos na normativa reguladora e non sexan equivalentes academicamente a estudos recoñecibles.

4. O estudantado que cursara estudos de máster universitario poderá obter o recoñecemento de créditos en estudos de grao sempre que exista adecuación entre os resultados da aprendizaxe asociados ás materias do máster e os do grao con respecto ao cal se solicita o recoñecemento, de acordo co sinalado no artigo 4.4.

5. No caso de estudos cursados previamente na USC como visitante ou en virtude de programas de mobilidade, recoñeceranse directamente os créditos se non se modificou o plan de estudos ou se cambiara a edición dos estudos nos que se cursaron. De ser o caso, aplicaranse as táboas de recoñecemento previstas na memoria da titulación.

Artigo 8. Recoñecemento de estudos realizados no marco de programas e convenios de mobilidade

1. Os estudos realizados no marco de programas e convenios de mobilidade nacional e internacional nas súas distintas modalidades (física, híbrida ou virtual) serán recoñecidos academicamente nas ensinanzas oficiais de grao e máster, segundo o recollido no Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.

2. O presente regulamento terá carácter supletorio con respecto ao disposto no dito Regulamento.

CAPÍTULO III. Recoñecemento de créditos pola realización de actividades universitarias en estudos de grao

Artigo 9. Criterios xerais de aplicación para o recoñecemento de créditos pola realización de actividades universitarias en estudos de grao

1. O estudantado de grao poderá obter ata un máximo de 12créditos ECTS optativos,co límite sinalado no artigo 4.2, na súa titulación polo recoñecemento académico derivado da súa participación en actividades universitarias culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación, así como por outras actividades académicas complementarias que organice a Universidade de Santiago de Compostela, segundo o disposto na resolución reitoral pola que se desenvolva este regulamento, na que se poderán establecer límites máximos de créditos recoñecibles en función do tipo de actividade

2. Os créditos recoñecidos por estas actividades computaranse, a solicitude do/a estudante, como créditos optativos no correspondente plan de estudos.

As actividades acreditadas por enriba deste límite de 12 créditos ECTS poderán constar no expediente da persoa interesada a solicitude desta como créditos optativos excedentes. Unha vez incorporado dito recoñecemento, non poderán ser obxecto de modificación ou eliminación.

3. Cada actividade terá a mesma equivalencia en créditos en todos os centros universitarios, limitándose o recoñecemento ás actividades que se realicen durante o período no que o/a estudante estea matriculado/a na titulación na que se vaia aplicar o recoñecemento. O dito recoñecemento só poderá aplicarse por unha soa vez a unha soa titulación.

4. As actividades concretas que se recoñezancomo créditos de graodeberán ser aprobadas por resolución reitoral. Nesta resoluciónrecolleranse expresamente onúmero de créditos a recoñecer, xunto cos requisitos e as condicións para a súa obtención.

A Secretaría Xeral aprobará os modelos de acreditación de actividades, expedindo as credenciais a vicerreitoría competente ou a propia Secretaría Xeral a través do servizo correspondente.

5. O recoñecemento dunha actividade poderá manterse en cursos posteriores se esta se oferta de xeito ininterrompido cos requisitos e nas condicións coas que foi aprobada inicialmente.

6. A persoa interesada deberá solicitar o seu recoñecemento perante a Unidade de Xestión Académica da súa titulación, presentando a acreditación correspondente. Exceptúanse os supostos de actividades xestionadas a través de actas, nos que bastará a solicitude do/a estudante coa indicación da actividade para recoñecer.

7. As actividades susceptibles de recoñecemento publicaranse nun “Rexistro de Actividades recoñecibles” na páxina web da Universidade.

CAPÍTULO IV. Recoñecemento de créditos pola realización de actividades que impliquen a adquisición de competencias transversais en estudos de grao

Artigo 10. Actividades susceptibles de recoñecemento como competencias transversais

1. O estudantado de grao poderá obter ata un máximo de 12 créditos ECTS optativos na súa titulación, co límite sinalado no artigo 4.2, pola realización de actividades que impliquen a adquisición de competencias transversais que acrediten a adquisición de competencias informacionais, o coñecemento de lingua galega, linguas estranxeiras e cooficiais españolas, así como a formación en materia de perspectiva de xénero, nos termos recollidos na resolución reitoral pola que se desenvolva este regulamento, na que se poderán establecer límites máximos de créditos recoñecibles en función do tipo de actividade

2. Igualmente, poderanse recoñecer como créditos transversais nas titulacións de grao, co límite de 12 créditos ECTS, os cursos e actividades formativas promovidos polos centros da USC vencellados á titulación para a que se oferten e que cumpran os requisitos recollidos na dita resolución.

3. Nestas actividades, a persoa interesada poderá manifestar a súa oposición á incorporación dos créditos optativos ao seu expediente.

CAPÍTULO V. Recoñecemento de créditos por outros estudos de educación superior e por estudos propios universitarios

Artigo 11. Recoñecemento de créditos por outros estudos de educación superior

1. Poderán recoñecerse estudos de educación superior non universitarios que conduzan á obtención dos títulos oficiais de graduado en ensinanzas artísticas, e de técnico deportivo superior, de acordo co disposto no Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, sobre recoñecemento de estudos no ámbito da educación superior, segundo o sinalado neste e no artigo 4 deste regulamento.

2. Igualmente, poderán ser obxecto de recoñecemento os estudos de técnico superior de formación profesional de acordo co disposto no Real decreto 822/2021 e o Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do sistema de formación profesional.

Artigo 12. Recoñecemento de créditos por estudos propios universitarios

1. Poderán ser obxecto de recoñecemento os créditos superados e cursados en estudos propios universitarios, non incluídos nos preceptos anteriores, segundo o sinalado no artigo 4, sempre que a memoria da titulación de destino recolla expresamente esta posibilidade.

2. O volume de créditos recoñecibles por estudos propios, xunto cos obtidos a partir da experiencia profesional ou laboral á que se refire o artigo seguinte, non poderán superar, globalmente, o 15 por cento do total de créditos que conforman o plan de estudos da titulación na que se pretenden recoñecer.

Malia o anterior, os créditos procedentes de estudos propios universitarios poderán, de xeito excepcional, ser obxecto de recoñecemento nunha porcentaxe superior á sinalada no parágrafo anterior, ou, se é ocaso, ser recoñecidos totalmente, no suposto de que o correspondente título propio fora extinguido e substituído por un título universitario oficial en que se recoñezan os créditos do anterior e así conste expresamente na memoria verificada da nova titulación.

3. Neste caso, os créditos recoñecidos constarán no expediente coa cualificación “Apto” e non computarán, en consecuencia, para os efectos da baremación do expediente académico nin do cálculo da nota media.

CAPÍTULO VI. Recoñecemento de créditos por experiencia profesional e laboral

Artigo 13. Recoñecemento de créditos por experiencia profesional e laboral previa

1. Poderá ser obxecto de recoñecemento nunha titulación oficial a experiencia profesional e laboral, sempre e cando a dita experiencia previa estea estreitamente relacionada coas competencias, coñecementos e habilidades inherentes ao título correspondente e a posibilidade do seu recoñecemento se recolla na memoria verificada do título.

2. O volume de créditos recoñecibles a partir da experiencia laboral e profesional, xunto cos obtidos por estudos propios, non poderá superar globalmente o 15 por cento do total de créditos que conforman o plan de estudos do título que se pretende obter, tal e como se recolle no artigo anterior.

3. De recoñecerse, os créditos pasarán a incorporarse ao expediente coa cualificación de “Apto”, polo que non computarán aos efectos da baremación do expediente académico nin do cálculo da nota media.

CAPÍTULO VII. Recoñecemento de créditos por adaptación de estudos

Artigo 14. Recoñecemento de créditos entre estudosde grao e máster universitario obxecto de modificación

1. No caso de modificación das titulacións de grao e máster, serán obxecto de recoñecemento imputándose as materias e cualificacións segundo as táboas de adaptacións recollidas nas memorias das novas titulacións oficiais.

2. Estas adaptacións implicarán o dereito do estudantado a un novo número máximo de convocatorias, sen que computen as xa esgotadas.

Artigo 15. Recoñecemento de créditos entre estudos oficiais de grao e máster universitario e titulacións oficiais correspondentes á ordenación previa ao Espazo Europeo de Educación Superior

O procedemento e os criterios para o recoñecemento parcial de estudos de titulacións de diplomado, licenciado, arquitecto, arquitecto técnico, enxeñeiro, enxeñeiro técnico ou equivalentes para fornecer efectos en titulacións adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior serán os establecidos neste regulamento.

CAPÍTULO VIII. Recoñecemento de créditos por validación parcial de estudos cursados en titulacións estranxeiras

Artigo 16. Recoñecemento de créditos por validación parcial de estudos cursados en titulacións estranxeiras

1. Poderán recoñecerse os estudos cursados en titulacións estranxeiras sempre que se trate de estudos oficiais e de nivel universitario, estean rematados ou non.

Nos supostos en que as titulacións estranxeiras teñan unha diferente denominación, o centro no que se imparta a titulación afín na USC deberá informar sobre se os estudos cursados outorgan as mesmas competencias académicas e profesionais que a titulación de grao na USC para a que se solicita o recoñecemento de estudos.

Cando os estudos remataran coa obtención do título, de estar solicitada a súa homologación, non caberá a petición de recoñecemento parcial de estudos. Exceptúanse os supostos nos que a homologación do título fose denegada con anterioridade ou a persoa interesada acredite documentalmente o desistimento da súa solicitude de homologación.

O estudantado que accedera á universidade polo procedemento xeral de ingreso e cursara previamente estudos universitarios oficiais noutro país, poderá solicitar o recoñecemento dos estudos superados para o grao no que foran admitidos.

2. A persoa interesada en ser admitida na USC a través deste procedemento de recoñecemento parcial de estudos estranxeiros, deberá obter o recoñecemento previo dun mínimo de 30 créditos ECTS nas materias de grao para as que se solicita a admisión.

Nas titulacións en que estea establecida unha cota de prazas para o recoñecemento parcial de estudos estranxeiros, as prazas adxudicaranse por orde do maior número de créditos recoñecidos, respectando sempre o límite mínimo de 30 créditos ECTS.

Os centros, se existe un número maior de solicitudes que de prazas ofertadas, poderán establecer criterios obxectivos de priorización de revisión que non operarán como causas de exclusión.

Non se admitirán solicitudes de recoñecemento parcial de estudos estranxeiros para plans de estudos en proceso de extinción na Universidade.

3. Non poderán ser obxecto de recoñecemento parcial:

a) Os estudos non universitarios ou que carezan de validez académica oficial no país de orixe.

b) Os estudos realizados, en todo ou en parte en España, cando os centros carezan da preceptiva autorización para impartir as ditas ensinanzas.

c) Os títulos que foran obxecto dun procedemento de homologación ou declaración de equivalencia, nos que xa recaera resolución.

d) Os créditos obtidos por recoñecemento da experiencia profesional ou laboral, ou de estudos universitarios non oficiais, nunha porcentaxe superior ao 15 por centro do total de créditos que constitúan o plan de estudos.

TÍTULO III. Transferencia de créditos

Artigo 17. Definición

1. Enténdese por “transferencia de créditos” a incorporación ao expediente académico da titulación oficial, dos créditos obtidos en titulacións universitarias oficiais do mesmo nivel, cursados con anterioridade, na mesma ou noutra universidade, sempre que non conduciran á obtención dun título oficial.

2. Os créditos transferidos non se aplican ao cómputo dos créditos determinantes da obtención dun título oficial e a súa incorporación ao expediente ten carácter puramente informativo.

Artigo 18. Criterios xerais relativos á transferencia de créditos

1. A transferencia de créditos realizarase tras a solicitude da persoa interesada, mediante a presentación da certificación académica correspondente, sempre e cando a ensinanza universitaria anterior non estea concluída e os ditos créditos non poidan ser obxecto de recoñecemento, tal e como se recolle no Título II.

2. Os créditos transferidos ao expediente do estudantado figurarán nunha epígrafe de “transferencia de créditos”, e recollerán a universidade onde se cursaron os estudos, a titulación en que se cursaron, a denominación de cada materia ou actividade académica, os créditos e o curso académico en que se superou cada unha delas, xunto coa cualificación obtida.

3. A transferencia de créditos debe solicitala a persoa interesada no prazo establecido na convocatoria anual de matrícula, sempre con anterioridade ao depósito do título correspondente.

TÍTULO IV. Procedemento de solicitude e tramitación de recoñecemento e transferencia de créditos

Artigo 19. Solicitude e documentación para o recoñecemento de créditos

1. A persoa interesada deberá presentar a súa solicitude a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da USC nos prazos establecidos na convocatoria anual de matrícula ou en convocatorias específicas. Esta solicitude dirixirase á Unidade de Xestión Académica do campus correspondente ao centro responsable da titulación de destino na USC, con indicación das materias ou actividades das que se solicita o recoñecemento. A persoa interesada poderá incluír opcionalmente unha táboa orientativa non vinculante coas materias e actividades de orixe que darán lugar, de ser o caso, aos recoñecementos oportunos.

2. Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación xeral en formato dixital:

a) Certificación académica persoal, SET ou copia compulsada da certificación académica na que conste a formación recibida, o ano académico e as cualificacións. No caso de certificacións electrónicas, só serán admitidas aquelas que inclúan un código seguro de verificación que garanta a integridade do documento mediante o seu cotexo. Os estudantes da USC están exentos da súa achega.

b) Programa ou guía docente da materia ou actividade académica que se corresponda co curso académico de superación, na que deben figurar as competencias, os coñecementos asociados e o número de créditos ou de horas ou semanas por trimestre, cuadrimestre, semestre ou ano, coa ligazón á páxina web de descarga ou co selo do centro de orixe correspondente. No caso de que sexan varias materias e/ou actividades académicas os programas deberán estar debidamente paxinados e precedidos obrigatoriamente dun índice no que se sinalen as páxinas nas que se atopen cada unha das materias das se que se solicite o recoñecemento.

c) Plan de estudos ou cadro de materias esixidas para superar os estudos previos, expedido polo centro de orixe, coa ligazón á páxina web de descarga ou co selo correspondente.

d) Acreditación documental de ter aboado os prezos públicos correspondentes, de ser o caso.

e) Outra documentación adicional que poida ser pertinente para a tramitación e resolución da solicitude.

No caso de ser precisa a verificación de documentación orixinal, o estudantado será requirido para a súa achega na unidade tramitadora no prazo de 5 días hábiles. De non proceder, entenderase desistido da súa solicitude, previa resolución de arquivo.

3. No caso de solicitarse o recoñecemento de créditos por experiencia laboral ou profesional, deberá achegarse:

a) Unha copia do seu informe de vida laboral e/ou certificado de servizos prestados, coa indicación da categoría laboral ou profesional e as datas de inicio e fin no posto.

b) Un informe sobre as actividades realizadas, avalado coa sinatura dunha persoa responsable da empresa ou institución na que se levaron a cabo. No seu defecto, poderase achegar copia do contrato de traballo no que se recollan as actividades realizadas.

c) No caso de realizar unha actividade profesional por conta propia, a copia da inscrición ante a Administración da actividade, coas datas de alta, e de ser o caso, baixa.

d) No caso de persoas que foran beneficiarias dunha bolsa, será preciso achegar a credencial de bolseiro ou acreditación equivalente.

4. No caso de solicitarse o recoñecemento de estudos finalizados de educaciónsuperior, deberá achegarse adicionalmente á documentación xeral aplicable:

a) Copia da certificación académica na que se recolla a nota media dos estudos.

b) Xustificación documental na que se exprese a data de solicitude de expedición do título.

5. No caso de solicitarse o recoñecemento de estudos cursados en titulacións estranxeiras, deberá achegarse:

a) Copia do documento de identificación da persoa solicitante. No caso de que non se acredite suficientemente a identidade, poderá requirirse unha certificación do rexistro civil do país de orixe.

b) Certificación académica na que figuren a denominación dos estudos e titulación á que conducen ditos estudos, as materias e actividades superadas, as cualificacións, a carga lectiva horaria (no caso de que figure en créditos, deberá entregarse certificación da equivalencia dos créditos en horas lectivas) e a escala de cualificacións.

c) Plan de estudos da titulación, coa ligazón á páxina web de descarga ou co selo da institución de orixe.

d) Programas de estudos de cada unha das materias e actividades académicas das que solicita o recoñecemento do curso académico de superación da materia ou actividade académica, nos que figuren os obxectivos, os coñecementos adquiridos e, de ser o caso, as prácticas realizadas, con indicación expresa das materias da titulación de destino para as que se solicita o recoñecemento. Tales programas deberán estar debidamente paxinados e precedidos obrigatoriamente dun índice no que se sinalen as páxinas nas que se localicen as materias e actividades académicas das que se solicita o recoñecemento.

e) No caso de que se concluíran os estudos, declaración responsable de non ter solicitada a homologación en España, xunto coa copia do título universitario ou equivalente. No caso de non terse expedido aínda o título, copia do documento que acredite a súa solicitude.

Se a homologación do título foi denegada, debe entregarse copia da resolución de denegación.

6. Os documentos nos que se recollan as certificacións académicas deberán estar legalizados coa apostila do Convenio da Haia, ou se o país non é asinante, legalizados por vía diplomática. Exceptúanse os expedidos por países da Unión Europea ou signatarios do acordo do Espazo Económico e Suíza.

Se os documentos están expedidos noutros idiomas distintos ao galego e ao castelán, deberán estar traducidos a unha destas linguas por un tradutor-intérprete xurado ou ben polas misións diplomáticas e oficinas consulares. Non se requirirá tradución para os documentos expedidos en lingua portuguesa.

No caso de que o tradutor sexa estranxeiro, deberá legalizarse a tradución vía apostila do Convenio da Haia ou ben a través da representación consular española.

Aceptarase no proceso de admisión a documentación sen a legalización, que deberá ser achegada unha vez que a persoa solicitante sexa admitida. Se durante o proceso de admisión xorden dúbidas sobre a documentación presentada non legalizada, requirirase ás persoas interesadas para que emenden ou melloren a súa solicitude.

A falta de presentación da documentación legalizada no momento de formalizar a matrícula, é causa de anulación desta, convocándose, cando proceda, á seguinte persoa da lista de agarda.

Artigo 20. Tramitación, resolución e recursos no caso de recoñecemento de créditos

1. Examinadas as solicitudes de recoñecemento pola Unidade de Xestión Académica, no caso de aplicarse táboas de recoñecemento, ou polo centro responsable da titulación, nos demais supostos, de precisarse emendapor parte da persoa interesada, daráselle traslado por un prazo de 5díashábiles para que emende a solicitude. No caso de non atender á emenda, entenderase desistidada súa solicitude de recoñecemento e ditarase resolución de arquivo.

2. Cando tralo oportuno exame, as solicitudes presentadas estean completas, as solicitudes resolveranse nos seguintes prazos máximos:

a) Un mes, no caso de que exista un informe derivado da consulta previa de expediente prevista no artigo 6, ou no de que existan táboas de recoñecemento previas.

b) Dous meses, nos demais supostos.

3. A resolución de recoñecemento deberá motivarse en todo caso, pronunciándose sobre os seguintes extremos:

a) As materias recoñecidas na titulación de destino e a súa equivalencia na titulación de orixe.

b) Os créditos e materias non recoñecidos, expresando o motivo da denegación de tal recoñecemento. No caso de que o recoñecemento dunha ou varias materias fose desfavorable, deberá expresarse cales son os resultados da aprendizaxe non adquiridos pola persoa solicitante.

c) De ser o caso, os créditos recoñecibles pola experiencia profesional e laboral previa e a súa correspondencia na titulación. No caso de resolución desfavorable, deberá motivarse cales son as competencias, coñecementos ou habilidades non acreditadas.

4. A resolución deberá notificarse á persoa interesada, outorgando un prazo improrrogable de 10 días hábiles para a modificación da súa matrícula nese curso académico. No dito prazo, cabe a renuncia total ou parcial aos recoñecementos.

De non existir actuación expresa por parte do estudantado, incorporaranse os créditos recoñecidos ao expediente.

5. Contra as resolucións ditadas, a persoa interesada poderá interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes.

Artigo 21. Procedemento de transferencia de créditos

O disposto nos artigos 19 e 20 empregarase ás solicitudes de transferencia de créditos, de ser o caso.

Disposición adicional primeira. Desenvolvemento das disposicións deste regulamento

1. A Reitoría ditará as resolucións precisas para a execución do presente regulamento.

2. O catálogo de actividades recoñecibles e a súa equivalencia en créditos serán publicados e actualizados mediante resolución reitoral.

Disposición adicional segunda. Prazos de presentación de solicitudes de consulta previa

A Reitoríapoderá autorizar prazos ou convocatorias específicas de presentación de solicitudes de consulta previa.

Disposición adicional terceira. Recoñecemento de actividades formativas realizadas no seo da Alianza EUniWell

Poderán ser obxecto de recoñecemento como créditos optativos nunha titulación oficial de grao ou máster a realización de actividades formativas de internacionalización organizadas por parte da Alianza de Universidades Europeas EUniWell (European University for Well- Being/ Universidade Europea para o Benestar) á que pertence a USC.

Disposición adicional cuarta. Supresión da Comisión de Validacións e Recoñecementos

A Comisión de Validacións e Recoñecementos queda suprimida na data de entrada en vigor do presente regulamento, asumindo as súas competencias, de ser o caso, a comisión que corresponda por razón da materia.

Disposición transitoria primeira. Recoñecemento da formación básica en estudos de grao regulados polo

Real decreto 1393/2007 Para as titulacións de grao reguladas polo Real decreto 1393/2007 non adscritas a ningún dos ámbitos de coñecemento relacionados no anexo I do Real decreto 822/2021, o recoñecemento de créditos de formación básica rexerase polas disposicións existentes na data de entrada en vigor deste regulamento.

Disposición transitoria segunda. Actividades recoñecibles por créditos optativos existentes na data de entrada en vigor deste regulamento

As actividades recoñecibles por créditos optativos na data de aprobación deste acordo manterán a súa vixencia en tanto non se opoñan ao disposto na resolución que desenvolva este regulamento ou cambien a súa programación e características fundamentais por medio de resolución reitoral.

Disposición derrogatoria. Derrogación

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto no presente regulamento.

En particular, quedan derrogados os seguintes acordos adoptados polo Consello de Goberno:

1. Acordo do Consello de Goberno do 14 de marzo do 2008, polo que se aproba a normativa de transferencia e recoñecemento de créditos para titulacións adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

2. Acordo do Consello de Goberno do 14 de maio de 2009, polo que se crea a Comisión de Validacións e Recoñecementos.

3. Acordo do Consello de Goberno do 21 de febreiro do 2014, polo que se aproba o Protocolo de validacións e recoñecementos.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente regulamento entrará en vigor tras a súa publicación no taboleiro electrónico da USC o 1 de febreiro de 2025.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver