Modificación do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos dos traballos de fin de grao e fin de máster na USC

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1185
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

O Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización dos ensinos universitarios e do procedemento de aseguramento da súa calidade, recolle no seu artigo 14 as directrices xerais para o deseño dos plans de estudos dos ensinos de grao. No apartado 14.6 determínase que “O traballo de fin de grao, de carácter obrigatorio e cuxa superación é imprescindible para a obtención do título oficial, ten como obxectivo esencial a demostración por parte do ou da estudante do dominio e aplicación dos coñecementos, competencias e habilidades definitorios do título universitario oficial de grao. Este traballo de fin de grao disporá dun mínimo de 6 créditos para todos os títulos, e un máximo de 24 créditos para os títulos de 240 créditos, de 30 créditos nos títulos de 300 créditos e de 36 créditos nos títulos de 360 créditos. Deberá desenvolverse na fase final do plan de estudos, seguindo os criterios que cada universidade ou centro estableza. Así mesmo, os traballos de fin de grao deberán ser defendidos nun acto público, seguindo a normativa que para ese efecto estableza o centro ou, de ser o caso, a universidade”. O mesmo Real decreto recolle no seu artigo 17 as directrices xerais para o deseño dos plans de estudos dos ensinos de máster universitario. No seu apartado 4, sinálase, entre outras cuestións, que “Todos os plans de estudos de máster universitario incluirán un traballo de fin de máster, que poderá contar cun mínimo de 6 créditos ECTS e un máximo de 30, cuxa finalidade é a de comprobar o nivel de dominio dos coñecementos, competencias e habilidades que alcanzou o ou a estudante, e cuxa superación é requisito imprescindible para obter o título oficial. Os traballos de fin de máster deberán ser defendidos nun acto público, seguindo a normativa que para ese efecto estableza o centro ou, de ser o caso, a universidade”.

Neste contexto, oído o Consello do Estudantado e o Colexio de Decanos/as e Directores/as de Centro, e en liña coa filosofía que presidiu a adopción do Acordo do Consello de Goberno do 28 de outubro de 2022, baseada na priorización das demandas da comunidade universitaria ao abeiro da regulación arbitrada polo Real decreto 822/2021, avógase por acometer unha primeira actualización do disposto no Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos de fin de grao e fin de máster na Universidade de Santiago de Compostela de 2016. O tempo transcorrido e o ditado da nova norma operan como factores habilitantes dunha alternativa aos criterios xa establecidos en canto á defensa e avaliación dos traballos de fin de estudos. Neste sentido, a través da reforma do actual artigo 4 do regulamento autorízase aos centros a que desenvolvan normativamente a posibilidade de autorizar a defensa e avaliación dos TFG e TFM ao estudantado que acredite estar na fase final dos seus estudos oficiais. Tal acreditación ten que estar baseada en datos obxectivos, esixíndose, de ser o caso, que resten ata 18 ECTS pendentes no caso de titulaciónsde grao, ou ata 9 ECTS no caso de titulacións de máster, excluíndose deste cómputo os créditos que correspondan aos propios traballos de fin de estudos. Ademais, con carácter xeral, aqueles centros nos que existan materias prácticas obrigatorias, tamén poderán excepcionar o límite máximo de créditos pendentes nos casos nos que os estudantes non acrediten a súa superación. En definitiva, serán os centros os que, de conformidade coa realidade das súas titulacións e respectando as memorias verificadas destas, teñan a capacidade decisoria con respecto a esta nova opción.

Adicionalmente, execútase unha segunda actualización con respecto ao sinalado no artigo 6 do regulamento en materia de avaliación dos TFG e TFM. De novo, cada centro poderá recoller na súa normativa sistemas de avaliación alternativos ou complementarios á do tribunal, permitíndose, por exemplo, con carácter xeral a defensa ante titor ou titores do traballo tamén nos casos dos TFM. Dáseresposta de novoa unha demanda da comunidade universitaria.

Por todo o anterior, e en virtude da potestade estatutaria conferida, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión do 24 de xullo de 2024, acordou aprobar a seguinte modificación do citado regulamento.

Artigo 1. Modificación do artigo 4.- Matrícula e convocatorias.

1. O apartado 4 queda redactado como segue:

“4.4. Os TFG e TFM poderán ser defendidos e avaliados unha vez que se teña constancia de que o/a estudante superara todos os créditos necesarios para a obtención do título de grao ou máster, salvo os correspondentes aos propios traballos.

Igualmente, os centros responsables das titulacións de grao e máster poderán autorizar a presentación e defensa do TFG e TFM aos estudantes que teñan créditos pendentes de superación co límite máximo de 18 ECTS no caso dos graos e de 9 ECTS no caso dos mestrados, salvo os correspondentes aos propios traballos. Ademais, os centros poderán excepcionar o límite máximo de créditos pendentes no suposto de que o estudante teña pendente a superación de materias prácticas obrigatorias.

O centro deberá verificar que cumpren estes requisitos para autorizar a súa defensa. Para estes efectos, no caso de que na data de defensa aínda non se recepcionaran as actas de avaliación das materias, o/a secretario/a do centro responsable da titulación solicitará do profesorado encargado das materias que informe sobre as cualificacións do estudantado que vaia defender os traballos na mesma convocatoria”.

2. O apartado 7 pasará a ter a seguinte redacción:

“4.7. Unha vez formalizada a matrícula, non procederá a devolución dos prezos aboados no caso de non presentarse. No suposto de que o/a estudante/a non reúna os requisitos previstos no apartado 4, por ter materias pendentes ou un número de créditos pendentes que excedan o disposto pola normativa do centro responsable da titulación, considerarase unha renuncia automática, polo que non computará para os efectos de consumir convocatoria.”

Artigo 2. Modificación do artigo 6.- Avaliación.

“6.7. Na normativa de TFG e TFM dos centros poderá recollerse outro tipo de avaliación alternativa ou complementaria á do tribunal, entre as que se atope a defensa en acto público ante o propio titor ou titores do traballo. En todo caso, o sistema de avaliación debe ser recollido na programación docente da materia vixente para o curso académico”.

Disposición derrogatoria. Derrogación

Quedan derrogadas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta norma.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro da USC, coa excepción do disposto en canto á autorización de defensa e avaliación de TFG, que comezará a súa vixencia ao día seguinte da entrada en vigor da reforma da normativa de permanencia na USC.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver