Acordo de modificación do Acordo sobre recoñecemento de estudos realizado en réxime de intercambio aprobado polo Consello de Goberno
NORMA CONSOLIDADA
Perante as dificultades detectadas na aplicación da Normativa de recoñecementos de estudos realizados en réxime de intercambios, en particular coa aplicación, en certos casos, das táboas de equivalencias aprobadas polo Ministerio, onde non se recolle a cualificación máxima do sistema de cualificación estatal ou non se valoran algúns dos seus tramos de cualificacións, cómpre a modificación do Acordo do Consello de Goberno do 3 de marzo de 2017 para adaptalo dun xeito correcto e xusto ás necesidades do noso alumnado.
Aproveitase a ocasión para introducir outras cuestións referidas ás cualificacións electrónicas e a cualificación de suspenso, que estaban a provocar dúbidas de carácter procedemental, alén de modificar a disposición final para determinar a entrada en vigor do presente acordo.
Co fin de contar cunha única norma de aplicación, as modificacións consignadas neste acordo serán incorporadas no correspondente Acordo citado do 3 de marzo de 2017 para constituír un texto consolidado.
Polo dito, e tras a deliberación da Comisión de Validacións e Recoñecementos acórdase a modificación dos artigos 2, 3 e 6 do Acordo sobre o recoñecemento de estudo realizados en réxime de intercambio, do seguinte xeito:
Artigo 2. Aplicación das equivalencias nos Centros da USC
De conformidade co artigo 15. 3 do Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes, os responsables das Unidades de Apoio a Centros e Departamentos da USC verificarán que o recoñecemento de estudos cursados en réxime de intercambio se corresponde co recollido no acordo de estudos, coa matrícula formalizada, coa certificación académica oficial expedida pola universidade de destino, e procederá a aplicar as equivalencias indicadas no artigo 1 deste Acordo.
No caso de cualificacións emitidas electronicamente polas universidades estranxeiras, só se considerarán válidas nos casos en que se poda comprobar a autenticidade das cualificacións por medios electrónicos, ou no caso de ser recibidas nos Decanatos ou no Servizo de Relacións Exteriores por parte das universidades de destino. Non se admitirán acreditacións electrónicas procedentes en exclusiva dos propios discentes.
Artigo 3. Inexistencia de equivalencias
3.1. No suposto de non existir táboas de equivalencias que se axusten ao sistema de avaliación da universidade de destino, o Servizo de Relacións Exteriores solicitará de oficio á universidade de destino o réxime de cualificacións. Unha vez revisado, o SRE trasladará a proposta de equivalencia á Secretaría Xeral quen, previo informe do Centro ou Centros implicados, aprobará e publicará no Taboleiro de anuncios electrónico os cadros de equivalencia que correspondan.
Corresponde ao Servizo de Relacións Exteriores a difusión actualizada, da información sobre os recoñecementos. A estes efectos debe manter na súa páxina web as equivalencias aprobadas polo Ministerio e, de ser o caso, as da USC.
Nas convocatorias de mobilidade internacional indicarase que son de aplicación estas equivalencias e o presente acordo.
3.2. No caso de que un centro considere que as táboas do Ministerio non se axustan as cualificacións outorgadas pola Universidade de destino ou que as citadas táboas conteñen erros, o Centro poñerá en coñecemento esta circunstancia á Secretaría Xeral. Acreditado o defecto, a Secretaría Xeral elaborará, xunto do Servizo de Relacións Exteriores, unha proposta de táboa de equivalencia para todos os centros que deberá ser aprobada pola Comisión de Validacións e Recoñecementos e será publicada no Taboleiro de Anuncios e incorporada a difusión indicada no apartado anterior.
Artigo 6. Recoñecemento singular de cualificacións
No proceso de recoñecemento dos estudos cursados en réxime de intercambio os Responsables Académicos de Mobilidade, os responsables das Unidades de Apoio a Centros e Departamentos e as direccións e decanatos axustarán a súa actuación ao establecido no Regulamento de Intercambios. A estes efectos deberán recoñecer de maneira singular todas e cada unha das materias superadas obxecto de intercambio coa cualificación equivalente na USC á outorgada pola universidade de destino, non sendo procedente propor medias xerais para a totalidade das materias nin recoñecer como superadas materias que en orixe estiveran suspensas.
Para as materias non superadas o Centro proporá a cualificación de “suspenso”, acompañada da correspondente cualificación numérica (4) .
Tampouco se recoñecerán materias ou actividades que non figuren no compromiso de estudios, sen prexuízo da súa incorporación ao SET.
O alumnado que inclúa no seu compromiso créditos optativos deberán concretar as materias ás que se corresponden á súa chegada á universidade de destino, de entre as materias que se imparten dentro da titulación.
No caso de materias superadas por compensación en destino, a cualificación será de “aprobado (5)”.
Nos casos en que a cualificación na universidade de destino sexa de "Apto"/"Non Apto", esa cualificación manterase no recoñecemento só no caso de actividades. No caso de materias propias do plan de estudos a cualificación de “Apto” ou equivalente terá a consideración de “aprobado” e o valor numérico de 5,5. No caso de que a cualificación sexa de “Non Apto” ou equivalente, terá a consideración de “suspenso (4)”, agás que exista un informe complementario da universidade onde realizou os estudos que permita outorgar unha nota concreta.
Disposición final.-
O presente acordo entrará en vigor na data de publicación no taboleiro oficial da USC e será aplicable aos recoñecementos de intercambios realizados no presente curso 2017-18.
A USC poderá revisar de oficio ou a instancia de parte os recoñecementos realizados para adaptalos a este acordo, agás que sexan prexudiciais para o alumno.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.