Regulamento das modalidades híbrida e virtual nas titulacións de grao e mestrado na Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1065
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

(Aprobado polo Consello de Goberno o día 23 de febreiro de 2023)

Exposición de motivos

O Real Decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización dos ensinos universitarios e do procedemento de aseguramento da súa calidade, establece a posibilidade de adoptar formas específicas de articulación do plan de estudos nos ensinos oficiais e, por tanto, de singularizar o seu proxecto académico. No seu artigo 14 regula as modalidades de docencia presencial, híbrida e virtual nas titulacións de grao, e no artigo 17 indica que estas mesmas modalidades serán de aplicación nos mestrados universitarios. Esta regulación establece os intervalos de presencialidade en cada unha das modalidades e para o seu desenvolvemento precisa dunha regulación máis detallada por parte das universidades.

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, en sesión celebrada o 28 de outubro de 2022, aprobou o Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade, no que se establecen as tres modalidades docentes nas que se poden impartir as titulacións de grao e mestrado na USC:presencial, híbrida e virtual.

Tendo todo isto en conta, e coa finalidade de completar a regulación das súas titulacións oficiais, a Universidade de Santiago de Compostela precisa dun marco normativo para desenvolver as ensinanzas en modalidade híbrida e virtual.

Por este motivo, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago, na súa sesión do 23 de febreiro de 2023, acorda aprobar o Regulamento das titulacións híbridas e virtuais de grao e mestrado universitario na universidade de Santiago de Compostela.

CAPÍTULO I - Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O presente regulamento ten como obxecto establecer o marco xeral que regule a posta en marcha e o posterior desenvolvemento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario da USC ofertadas en modalidade híbrida e virtual.

Serán igualmente aplicables a este tipo de ensinanzas as disposicións xerais e o resto de normativas da USC que non entren en contradición coas aquí expostas, e máis expresamente o establecido no Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade na Universidade de Santiago de Compostela, aprobado en Consello de Goberno o 28 de Outubro de 2022.

Artigo 2. Definicións

2.1. Modalidades docentes das titulacións

O Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade na Universidade de Santiago de Compostela, aprobado polo Consello de Goberno o 28 de outubro de 2022, contempla tres modalidades docentes para as titulacións de grao e mestrado, dependendo da porcentaxe de presencialidade que presente cada unha, segundo se indica a continuación:

Presencial: toda a actividade lectiva desenvolverase de xeito presencial.

Híbrida: entre o 40% e o 60% da actividade lectiva das materias desenvolverase de xeito presencial.

Virtual: menos do 20% da actividade lectiva se desenvolverá de xeito presencial.

O cálculo desta porcentaxe, e a súa especificación na memoria do título, pode facerse de xeito global (un valor único que afectará a todas as materias de formación básica, obrigatorias e optativas que conforman o título) ou de xeito detallado (especificando a porcentaxe de presencialidade para cada unha das devanditas materias). Neste último caso, a porcentaxe de presencialidade do título calcularase segundo se indica no apartado 3 do artigo 38 do nomeado Regulamento.

O resto da docencia de cada unha das materias que conforman a titulación desenvolverase de xeito non presencial, mantendo sempre a unidade do proxecto formativo e a coherencia en todos os aspectos académicos relevantes.

2.2. Tipos de docencia:presencial e non presencial

O RD 822/2021, no seu artigo 9.1 establece que o conxunto de actividades académicas que desenvolve o ou a estudante nos ensinos de Grao e Mestrado poderán desenvolverse nos espazos lectivos presenciais, como aulas, laboratorios, aulas de informática e de audiovisuais, aulas de simulación, espazos especializados, ou en espazos lectivos virtuais, xa sexa de forma síncrona ou asíncrona. Tamén poderán ser actividades que se realicen de forma autónoma. En calquera caso, todas elas formarán parte da planificación docente dunha materia e a súa finalidade será a transmisión ordenada de coñecementos e a consecución de competencias e habilidades.

A actividade lectiva do alumnado divídese en:

Presencial: aquela que se desenvolve a través da interacción docente-estudante no mesmo espazo físico, como son as aulas, laboratorios, aulas de informática y audiovisuais, aulas de simulación, e espazos especializados. No caso de títulos intercentros ou de títulos conxuntos impartidos en distintas sedes, seguiranse as directrices establecidas pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Deberá figurar nos horarios do título.

Non presencial: aquela na que a actividade lectiva non require da presenza física do profesor e alumnado no mesmo espazo docente da universidade e se caracteriza polo uso intensivo de tecnoloxías dixitais da información e a comunicación.

A docencia non presencial pode ser de dous tipos:

Telemática síncrona: docencia non presencial na que a actividade formativa se desenvolve a través de medios telemáticos con coincidencia temporal na interacción entre docente e alumnado. Deberá figurar nos horarios do título.

Telemática asíncrona: docencia non presencial na que a actividade formativa se desenvolve sen coincidencia temporal na interacción entre docente e alumnado.

CAPÍTULO II - Modalidades docentes hibrida e virtual

Artigo 3. Modalidades de docencia das titulación oficiais da USC.

Na Universidade de Santiago de Compostela contémplanse tres modalidades nas que se poden impartir as titulacións oficiais de grao e mestrado:presencial, híbrida ou virtual. Con carácter xeral unha titulación impartirase nunha destas modalidades.

No caso de que unha titulación se imparta en dúas modalidades, terá que ser presencial e virtual.

Artigo 4. Distribución da actividade lectiva para cada modalidade e tipo de materia.

Na USC o número de horas lectivas para 1 crédito ECTS establécese en 8 horas, para graos e mestrados, tanto na modalidade híbrida como na virtual. Nestas horas están incluídas as de docencia presencial, así como as de docencia non presencial, tanto síncrona como asíncrona.

4.1. Modalidade híbrida

4.1.1 Titulacións de grao

Para garantir o cumprimento do establecido no apartado 2.1 do artigo 2 do presente Regulamento, establécense tres tipos de materias (A, B, C) na modalidade híbrida en función da súa porcentaxe de actividade lectiva presencial (mínima, media ou máxima) con respecto aos límites permitidos - materias A mínima, B media e C máxima.

O resto da actividade lectiva será non presencial, e repartirase entre telemática síncrona e/ou asíncrona. A suma dos tres tipos de actividade lectiva será igual ao número total de horas lectivas da materia.

Hrs Presenc. (P) + Hrs Non Pres. Síncronas (NPS) + Hrs Non Pres. Asíncronas (NPA) = Hrs Totales (T)

No momento da elaboración das memorias de verificación dos títulos, as comisións redactoras describirán a modalidade á que queda adscrita cada materia do plan de estudos (A, B ou C) así como o reparto das horas de docencia entre a docencia non presencial síncrona e/ou asíncrona.

Na seguinte táboa móstrase a distribución recomendada para cada tipo de materia (A, B, C) en función dos créditos ECTS que teña a materia.

NºECTS DocenciaPresencial(P) Docencia Non Presencial HrsTotais(T)
Síncrona(NPS) Asíncrona(NPA)
A B C A B C
3 10 12 14 6 4 2 8 24
4,5 15 18 21 9 6 3 12 36
6 20 24 28 12 8 4 16 48
9 30 36 42 18 12 6 24 72
12 40 48 56 24 16 8 32 96

O número de horas presenciais e fixo para cada tipo de materia (A, B, C). Na docencia non presencial a combinación de horas síncronas e asíncronas poderá variarse sempre que a suma de ambas máis as horas presenciais sexa igual ao número total de horas.

P + (NPS + NPA) = T

4.1.2 Titulacións de mestrado

As titulacións de mestrado determinarán a porcentaxe de presencialidade en función da suma das porcentaxes de cada unha das súas materias. Poderán, polo tanto, ter materias totalmente non presenciais, materias mixtas, e materias totalmente presenciais, sempre que a globalidade do título se axuste ás porcentaxes establecidas no apartado 2.1 do artigo 2 deste regulamento.

4.2. Modalidade virtual Para garantir o cumprimento do establecido no apartado 2.1 do artigo 2 do presente Regulamento, establécense os límites de docencia presencial que poderá ter unha materia en función do seu número de créditos ECTS.

O resto da actividade lectiva, tanto no caso dos graos como no dos mestrados, será non presencial, síncrona e/ou asíncrona. A suma das horas presenciais e as non presenciais será igual ao número total de horas lectivas da materia.

Hrs Presenc. (P) + Hrs Non Pres. Síncronas (NPS) + Hrs Non Pres. Asíncronas (NPA) = Hrs Totales (T)

Na seguinte táboa móstranse as distribucións de docencia presencial e non presencial para materias tipo, en función dos créditos ECTS que teña cada materia.

NºECTS DocenciaPresencial(P) Docencia Non Presencial Hrs Totais(T)
Síncrona(NPS) Asíncrona(NPA)
3 ≤ 4,5 24 – (P + NPA) 24 – (P + NPS) 24
4,5 ≤ 7 36 – (P + NPA) 36 – (P + NPS) 36
6 ≤ 9,5 48 – (P + NPA) 48 – (P + NPS) 48
9 ≤ 14 72 – (P + NPA) 72 – (P + NPS) 72
12 ≤ 19 96 – (P + NPA) 96 – (P + NPA) 96

4.3. Modalidades híbrida e virtual en títulos conxuntos

No caso de títulos conxuntos a distribución da docencia adaptarase ao disposto no RD 822/2021 e ao acordado entre as universidades que participan no título.

Artigo 5. Cómputo do encargo docente

O cómputo de horas dunha materia de grao ou mestrado nas modalidades híbrida e virtual no encargo docente do profesorado variará en función do reparto da actividade lectiva entre os tres tipos de docencia:presencial, non presencial síncrona e non presencial asíncrona.

A actividade lectiva presencial e a non presencial síncrona equiparase á actividade lectiva nas titulacións presenciais. Na actividade lectiva non presencial asíncrona aplícase un coeficiente corrector de 0,5.

CAPÍTULO III - O profesorado encargado da docencia híbrida e virtual

Artigo 6. Profesorado

1. O profesorado que imparta docencia en materias ofertadas na modalidade híbrida ou na virtual deberá cumprir os requisitos que con carácter xeral están previstos na normativa para titulacións oficiais.

2. Para garantir a adecuada capacitación do profesorado para impartir docencia non presencial, a USC elaborará un programa específico de formación con dita finalidade, e establecerá un servizo de asesoramento técnico e pedagóxico con dita orientación. O profesorado que vaia a desenvolver actividade lectiva non presencial terá á súa disposición, a través do Centro de Formación de Persoal, apoio permanente para a elaboración de recursos de aprendizaxe, avaliación e titorización, orientados a estas modalidades lectivas, na liña do recollido no capítulo IV.

3. O profesorado que imparta docencia por primeira vez nunha materia dunha titulación híbrida ou virtual terá preferencia, no proceso de elaboración do POD, para impartir esa materia nos dous cursos seguintes consecutivos.

4. A porcentaxe da dedicación á ensinanza híbrida e/ou virtual do profesorado con vinculación permanente na universidade, non deberá ser superior ao 50 %, salvo casos debidamente xustificados.

CAPÍTULO IV - Docencia

Artigo 7. Metodoloxía de ensino-aprendizaxe

As metodoloxías de ensino-aprendizaxe nas modalidades híbrida e virtual requiren de estratexias didácticas específicas que promovan a aprendizaxe autónoma e a autorregulación, á vez que estimulen o traballo colaborativo e a interacción frecuente con outros estudantes e co/a docente.

Así pois, o profesorado que imparta docencia nestas modalidades debe promover o uso de metodoloxías activas que contribúan ao logro das competencias e habilidades propias de cada titulación.

Artigo 8. Recursos de aprendizaxe

1. A docencia nas modalidades híbrida e virtual esixe que o alumnado dispoña de materiais de estudo adaptados dende unha perspectiva didáctica, en canto ao seu formato e contido. A implantación dunha titulación en modalidade híbrida ou virtual levará implícita a creación ou transformación por parte do profesorado dos correspondentes materiais, guías de estudo, probas de avaliación, etc. adaptados á modalidade docente na que se imparte a titulación.

2. As actividades de aprendizaxe deberán estar adaptadas ás características da modalidade na que se imparta o título, tanto no seu deseño como no seu enfoque didáctico e pedagóxico.

3. A actividade lectiva non presencial, sexa síncrona ou asíncrona, levarase a cabo utilizando, de xeito exclusivo, os recursos materiais que a USC pon de forma institucional a disposición da súa comunidade e, en concreto, serán de uso obrigado aqueles recursos especialmente adecuados para este tipo de docencia como son o Campus Virtual e as ferramentas de videoconferencia e traballo colaborativo na nube. No caso de titulacións conxuntas poderán utilizarse outras plataformas se o seu uso está debidamente xustificado. O convenio subscrito entre as universidades determinará os recursos que se utilizarán.

4. O Centro de Formación de Persoal da USC orientará e, no seu caso, formará ao profesorado no deseño de materiais adaptados á docencia non presencial e no manexo das ferramentas e recursos materiais adecuados.

5. A identidade corporativa da USC debe quedar debidamente reflectida nos novos materiais que se elaboren para estas modalidades. O seu deseño e maquetaxe deberá axustarse ao establecido no Manual de imaxe corporativa e visual da USC antes da súa posta a disposición do alumnado. Co obxecto de uniformar os materiais didácticos dunha titulación, o centro responsable da mesma poderá establecer as pautas a seguir no deseño dos materiais.

6. Os dereitos de autor dos materiais docentes elaborados para cada unha das materias son da Universidade de Santiago de Compostela, e non poderán ser difundidos a terceiros sen permiso explícito da mesma.

7. O centro responsable da titulación habilitará espazos para impartir as clases non presenciais síncronas a través da rede de datos da universidade e, na medida do posible, habilitará tamén espazos para que o alumnado que non dispoña doutros medios, ou que así o desexe poda seguir estas sesións dende as instalacións da universidade. Ambos espazos poden ser coincidentes sen que isto supoña a perda do carácter non presencial da actividade.

8. O centro responsable, a comisión académica da titulación e os departamentos implicados na docencia, a través do profesorado coordinador das materias, velarán por que a calidade dos materiais elaborados, as actividades formativas e os recursos materiais que se empreguen sexan os adecuados.

Artigo 9. Avaliación da aprendizaxe

1. A avaliación gardará unha relación directa coa natureza e o enfoque dos contidos, así como cos métodos pedagóxicos utilizados. En xeral, fomentarase a avaliación continua e ponderada das actividades de avaliación. A avaliación do proceso de aprendizaxe do alumnado poderá incluír tanto probas presenciais, como outras probas ou elementos de valoración recompilados durante o desenvolvemento das actividades formativas.

2. As probas finais, con independencia do peso que teñan no sistema de avaliación da materia, serán sempre presenciais co obxecto de garantir a identidade do alumnado.

3. O profesorado terá en consideración as directrices da memoria de verificación do título, as da Comisión de Calidade, as da Comisión Académica do título e as da normativa da USC, no deseño das actividades de avaliación, que terán que ser publicadas no programa da materia que se revisa anualmente.

4. O alumnado será informado antes do inicio do curso escolar do calendario, o lugar, os criterios, os procedementos e os instrumentos con que vai ser avaliado.

5. Co obxecto de garantir a súa recuperación en procesos de reclamación ou de acreditación de títulos, a entrega de actividades formativas avaliables realizarase obrigatoriamente a través das ferramentas das plataformas institucionais adecuadas para ese efecto.

Artigo 10. Titorización e atención personalizada

A planificación das ensinanzas dos títulos que se impartan en modalidade híbrida ou virtual deberá incluír procedementos adecuados para a comunicación telemática entre o profesorado e o alumnado, e sistemas para facilitar a interacción entre eles.

O profesorado que imparta a materia deberá realizar un seguimento do alumnado coas obrigas seguintes:

a) Fixar como mínimo unha sesión de titoría non presencial síncrona semanal para atender consultas e dúbidas do alumnado. Nese horario, o profesorado estará dispoñible para poder comunicarse co alumnado a través das canles oficiais.

b) Facer un seguimento do alumnado que non se conecta ou non cumpre os prazos de entrega das actividades.

c) Atender adecuadamente as consultas que o alumnado realice a través das canles oficiais, servíndose dos medios que se indiquen na guía docente, de maneira que non se produza unha demora no contacto co estudante superior a 48 horas, en días lectivos, e que non pasen máis de 7 días lectivos sen que a consulta reciba o tratamento adecuado que lle permita seguir avanzando na súa aprendizaxe.

Artigo 11. Programas das materias

Os programas das materias en modalidade híbrida ou virtual deberán especificar e describir claramente os seguintes elementos:

a) Os contidos e as actividades de aprendizaxe, indicando claramente os que son presenciais e non presenciais, do mesmo xeito que aqueles que son síncronos e asíncronos.

b) Os recursos necesarios para o seguimento da materia.

c) O sistema a seguir para a realización das prácticas

d) Os procedementos e canles de comunicación que serán utilizados no desenvolvemento da materia.

e) Os procedementos establecidos para levar a cabo as actividades de seguimento e titorías.

f) Os métodos de avaliación, indicando claramente os que son presenciais e os que se poden realizar a distancia.

CAPÍTULO V - Xestión académica

Artigo 12. A xestión académica nas modalidades híbrida e virtual

12.1 Sistema de acceso as titulacións híbrida e virtual

Con carácter xeral os sistemas de acceso nas titulacións ofertadas en modalidade híbrida ou virtual serán os mesmos que para as titulacións ofertadas en modalidade presencial.

12.2 Cambio de modalidade

No caso de titulacións con dobre modalidade, o cambio de unha modalidade a outra levarase a cabo consonte ao establecido na convocatoria de matrícula ou na normativa de xestión académica que corresponda.

12.3 Implantación de unha nova titulación en modalidade híbrida ou virtual

O procedemento que se seguirá, tanto para implantar unha nova titulación na modalidade híbrida ou na virtual, como para modificar unha titulación existente presencial que implique un cambio de modalidade a híbrida ou virtual, será o mesmo que o previsto con carácter xeral para a implantación ou modificación de titulacións oficiais da USC. Debe terse en conta que o RD 822/2021 determina que as modificacións que afecten á modalidade na que se imparte a titulación son consideradas como substanciais.

Artigo 13. Prácticas académicas externas e mobilidade

1. As prácticas académicas externas poderán realizarse nunha modalidade diferente a aquela na que se imparte a titulación.

2. A docencia que recibe un alumno durante unha estancia no exterior, baixo un programa de mobilidade, pode estar ser nunha modalidade diferente a aquela na que se imparte a titulación.

Artigo 14. Sistema de información previa

O centro responsable do título aprobará e publicará, antes do inicio do período de matrícula en cada curso académico, a seguinte información:

a) Calendario académico do título, incluíndo os períodos e horarios das actividades presenciais e das non presenciais síncronas.

b) Listaxe de recursos materiais, e en especial aqueles tecnolóxicos, que o alumnado necesite para o seguimento adecuado da docencia e das actividades formativas.

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA. APLICACIÓN SUPLETORIA

Para o non regulado neste Regulamento será aplicable o Regulamento das Titulacións oficiais de grao e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade na USC, aprobado o 28 de outubro de 2022, en particular todo o referente á coordinación da titulación e ao Sistema Interno de Calidade.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA.- BOAS PRÁCTICAS

A USC, a través da Secretaría Xeral, elaborará un Código de boas prácticas en materia de seguridade electrónica na docencia.

Disposición final. Entrada en vigor

O presente Regulamento entrará en vigor ao día seguinte ao de publicación no Taboleiro Electrónico Oficial da USC.

E para que así conste, asino a presente certificación en Santiago de Compostela, co Vº e Prace do sr. reitor.

Vº e prace

O reitor

Antonio López Díaz

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver