Esixencia de nivel de coñecemento de lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento oficial

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0170
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

A preocupación da Universidade por abrirse cada vez máis ao exterior, non xa como obxectivo se non como necesidade real reflíctese, por exemplo, no plan de internacionalización aprobado no Consello de Goberno do 18 de outubro de 2017. Esta vocación internacional debe conxugarse coa obriga de rigor e calidade nos estudos que se imparten.

A apertura cara o exterior supón que cada vez se inscriben máis alumnos estranxeiros nos estudos que se imparten. Estes alumnos deben poder estar en condicións de aproveitar suficientemente os recursos docentes e, para iso, é imprescindible que teñan un nivel de coñecemento do idioma galego ou castelán que lles permita seguir con normalidade as actividades docentes e as prácticas dos seus estudos.

É por iso que o Consello de Goberno, na súa reunión do 22 de febreiro de 2018, aprobou un acordo sobre a esixencia de nivel de coñecemento de idioma para a matrícula en estudos de grao e máster, establecendo a necesidade de acreditar un nivel de coñecemento de lingua galega ou castelá para os alumnos estranxeiros de países con lingua oficial distinta do castelán para cursar estudos oficiais de grao e máster.

Non obstante o anterior, debido á data de aprobación da norma e a que o requisito establecido deberá cumprirse antes de iniciar os estudos, estimouse necesario o establecemento dun período transitorio durante o curso 2018/19 para que os alumnos que tivesen xa planificada a súa estadía na USC e non contaran coa acreditación correspondente puideran dispoñer de tempo suficiente para superar o nivel requirido.

Indicábase que, durante dito período, a USC poría en marcha medidas para favorecer a superación do requisito e a celebración de probas cun número suficiente de prazas para abarcar toda a demanda de alumnos.

É por iso que o Consello de Goberno na súa sesión do 30 de xullo de 2018 acordou incluír unha disposición transitoria no Acordo do Consello de Goberno de 22 de febreiro de 2018, pola que quedaba en suspenso a aplicación do antedito acordo no curso académico 2018-2019.

Dado que a posta en práctica do referido acordo suscita dificultades na súa aplicación, considérase necesario reformular o acordo establecendo as condicións xerais de admisión en todos os estudos que se impartan en galego ou castelán e as fórmulas para que o alumnado poda seguir con aproveitamento os estudos impartidos pola USC.

ACORDOU:

PRIMEIRO.-

O alumnado estranxeiro, a efectos de poder seguir adecuadamente as ensinanzas que se imparten, deberá cumprir os seguintes requisitos:

1.- Ensinanzas de Grao

1.1.- O alumnado deberá acreditar coñecementos de lingua española de nivel B1 ou superior, agás para o grao en Lingua e Literatura Españolas, para o que se deberá acreditar un nivel B2 ou superior.

O nivel de coñecemento da lingua española xustificarase mediante a acreditación documental de superación dos niveis nos que consten as destrezas de comprensión e expresión oral e escritas ligadas ao nivel de competencia referido ao MECRL, expedida por outras universidades públicas españolas e universidades do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), escolas oficiais de idiomas (EOI), centros lingüísticos oficiais e organismos recoñecidos polas comisións lingüísticas da Conferencia de reitores das universidades españolas (CRUE) e da Asociación de centros de linguas das Universidades españolas (ACLES). No caso de que a certificación acredite diferentes niveis, acreditarase o nivel mínimo establecido nas destrezas, con independencia do nivel global que conste no documento.

Para o caso do galego, a acreditación deberá realizarse mediante un título de Celga II, conforme á Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

1.2. De non posuír algún destes títulos, deberanse acreditar os coñecementos de lingua dos ditos niveis antes do inicio dos estudos, mediante a superación da parte A das probas de competencia lingüística (PCL) da Universidade de Santiago de Compostela correspondentes aos niveis B1 (B1.A), B2 (B2.A) ou C1 (C1.A).

No caso de non superar a proba, o estudantado deberá modificar a súa matrícula e só poderá matricularse dun máximo do 25% dos créditos do primeiro semestre debendo realizar ao mesmo tempo un curso intensivo obrigatorio de español ou de galego ata a superación do nivel requirido, que será necesario para poder matricularse no segundo semestre.

1.3.- Queda excluído dese requisito o alumnado procedente de países de fala española ou portuguesa e o das titulacións impartidas maioritariamente noutras linguas.

2.- Ensinanzas de Máster A Comisión de cada máster -ou o seu coordinador no caso de convocatoria anticipadadeberá indicar o nivel de coñecemento de lingua española ou galega requirido para acceder a estes estudos. Se non se indicara nada, entenderase que non será esixible este requisito.

No caso de que se esixa un nivel B1, ou de ser o caso un nivel B2, estarase ao disposto no apartado 1.

3.- Ensinanzas de Doutoramento Non será esixible un nivel mínimo de coñecemento de galego ou castelán, sendo responsabilidade do alumnado o coñecemento da(s) lingua(s) en que se vaia desenvolver o programa destes estudos.

Modificación do Acordo do Consello de Goberno de 28 de febreiro de 2019, sobre a esixencia de nivel de coñecemento de lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento oficial.

Artigo modificado: Punto primeiro aliña 1.2 nova redacción por cláusula única.

Modificación do acordo sobre a esixencia de nivel de coñecemento de lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento (28/11/2025).

Artigo modificado: Punto primeiro aliña 1.1 nova redacción por punto primeiro.

SEGUNDO.-

Quedan fóra do ámbito deste acordo as titulacións oficiais que se impartan en linguas distintas ao galego ou o castelán así como aquelas que se cursen en réxime de intercambio, tendo estas últimas a súa propia regulación. Tampouco se lle aplicará ao alumnado visitante.

TERCEIRO.-

Queda derrogado o Acordo do Consello de Goberno do 22 de febreiro de 2018.

DISPOSICIÓN FINAL.-

O presente Acordo entrará en vigor na data da súa publicación no Taboleiro Electrónico Oficial da USC e será aplicable para a admisión de alumnos a partir do curso 2019-2020.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver