Modificación do Acordo do Consello de Goberno de 28 de febreiro de 2019, sobre a esixencia de nivel de coñecemento de lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento oficial
NORMA CONSOLIDADA
O Consello de Goberno, na súa reunión do 28 de febreiro de 2019, aprobou o Acordo sobre a esixencia de nivel de coñecemento lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento oficial para os alumnos estranxeiros de países con lingua oficial distinta do castelán para cursar estudos oficiais de grao, máster e doutoramento.
O Acordo establece os niveis de coñecemento esixibles para ambos os idiomas, así como a maneira de acreditalos, que será mediante un título do nivel requirido, expedido polo Instituto Cervantes, no caso da lingua española, e un título de Celga, no caso da lingua galega. Na aliña 1.2 do acordo especifícase que, de non posuír ese título, a USC realizaralle unha proba de coñecementos de castelán ou galego antes do inicio dos estudos, no lugar e data que lle serán comunicados persoalmente ao alumnado. Concretamente, este punto do Acordo dispón que:
«1.2.- De non posuír este título, a USC realizaralle unha proba de coñecementos de castelán ou galego antes do inicio dos estudos, no lugar e data que lle serán comunicados persoalmente ao alumnado.No caso de non superar a proba, o alumnado deberá modificar a súa matrícula e só poderá matricularse dun máximo do 25% dos créditos do primeiro semestre debendo realizar ao mesmo tempo un curso intensivo obrigatorio de español ou de galego ata a superación do nivel requirido, que será necesario para poder matricularse no segundo semestre.»
Ata agora a dita proba, realizada polo persoal técnico superior en linguas modernas especialista en español como lingua estranxeira e en lingua galega, do Centro de Linguas Modernas da USC, consistía nunha proba de coñecementos lingüísticos que examina de catro destrezas (comprensión e expresión escrita, comprensión e expresión oral).
Porén, desde o punto de vista técnico considérase máis eficiente examinar só de tres (comprensión e expresión escritas, e comprensión oral), por varias razóns:
- As destrezas das que se propón examinar son as máis necesarias para o seguimento das clases e os estudos, que é o obxectivo que persegue asegurar o acordo.
- O estudantado que supere esta proba parcial vai iniciar un proceso de inmersión lingüística durante a súa estadía, polo que a súa destreza en canto á expresión oral vai mellorar necesariamente.
- É o coherente co procedemento de acreditación de nivel de coñecemento de idiomas estranxeiros que se esixe para a mobilidade do estudantado da USC cara ao exterior, pois as probas que se realizan son tamén parciais, destas mesmas tres destrezas que se propoñen.
- Axilizaría o desenvolvemento das probas de competencia lingüística de castelán e galego a principios do curso académico así como a incorporación deste estudantado aos seus estudos.
Por todo o anterior, o Consello de Goberno, na súa sesión do 28 de maio de 2025,
ACORDA
ÚNICA.
Modificar a aliña 1.2 do Acordo do Consello de Goberno do 28 de febreiro de 2019, sobre a esixencia de nivel de coñecemento de lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento oficial, que queda redactada como segue:
1.2. De non posuír algún destes títulos, deberanse acreditar os coñecementos de lingua dos ditos niveis antes do inicio dos estudos, mediante a superación da parte A das probas de competencia lingüística (PCL) da Universidade de Santiago de Compostela correspondentes aos niveis B1 (B1.A), B2 (B2.A) ou C1 (C1.A).
No caso de non superar a proba, o estudantado deberá modificar a súa matrícula e só poderá matricularse dun máximo do 25% dos créditos do primeiro semestre debendo realizar ao mesmo tempo un curso intensivo obrigatorio de español ou de galego ata a superación do nivel requirido, que será necesario para poder matricularse no segundo semestre.
DISPOSICIÓN FINAL.
O presente Acordo entrará en vigor na data da súa publicación no Taboleiro Electrónico Oficial da USC e será aplicable para a admisión de estudantes a partir do curso 2025-2026.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.