Instrución 5/2023 da Secretaría Xeral pola que se establece o código de boas prácticas para a docencia híbrida e virtual da USC
NORMA CONSOLIDADA
O Real Decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguranza da súa calidade, prevé que ademais da docencia presencial as titulacións se poidan impartir nas modalidades híbrida e virtual.
O Consello de Goberno da USC na súa sesión do día 23 de febreiro de 2023 aprobou o Regulamento das modalidades híbrida e virtual nas titulacións de grao e mestrado universitario.
Por outra banda, a Resolución do 6 de abril de 2021, da Secretaría Xeral de Universidades (BOE do 15/04/2021), entre outras cuestións, establece que as universidades achegarán información concreta sobre o código de boas prácticas relacionado coas medidas de seguridade electrónica.
Así, para dar cumprimento ao indicado na citada Resolución, establécese este código de boas prácticas sobre medidas de seguridade en relación co uso dos datos persoais do alumnado matriculado en titulacións impartidas baixo as modalidades de docencia híbrida e virtual.
Primeiro. Obxecto
Mediante a presente Instrución apróbase o Código de boas prácticas para a docencia hibrida e virtual da Universidade de Santiago de Compostela cuxo texto se insire a continuación.
Segundo. Finalidade
O Código de boas prácticas para a docencia hibrida e virtual ten como finalidade cumprir coa Resolución do 6 de abril de 2021, da Secretaría Xeral de Universidades (BOE do 15/04/2021), na que se establecen unha serie de recomendacións para a verificación, modificación, seguimento e renovación dos títulos universitarios oficiais de grao e máster ofertados nas modalidades de ensinanza híbrida e virtual. Entre outras cuestións, establécese que as universidades achegarán información concreta sobre o código de boas prácticas relacionado coas medidas de seguridade electrónica.
Así mesmo, o Código terá carácter supletorio para a docencia presencial, naquelas actividades complementarias nas que se requira o uso de medios ou ferramentas electrónicas.
Terceiro. Publicación e produción de efectos
A presente Instrución producirá efectos dende o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro de anuncios electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.
Disposición adicional
O Código de boas prácticas para a docencia hibrida e virtual poderá actualizarse se fose necesario. As novas versións aprobaranse pola Secretaría Xeral e publicaranse no taboleiro de anuncios electrónico da USC.
CÓDIGO DE BOAS PRÁCTICAS PARA A DOCENCIA HÍBRIDA E VIRTUAL
1.- NECESIDADES TECNOLÓXICAS PARA A DOCENCIA HÍBRIDA E VIRTUAL
Para o seguimento da docencia e para a realización de probas nas modalidades híbrida e virtual é necesario que o alumnado conte con equipos informáticos con conexión a internet e que dispoña de webcam e micrófono.
O profesorado contará tamén cos equipos axeitados para o desenvolvemento da súa actividade e deberá ter activados todos os permisos para a utilización das ferramentas corporativas que a USC pon a súa disposición:Campus Virtual, MS 365, etc.
2.- FORMACIÓN
O profesorado e o alumnado disporán de formación sobre o manexo das ferramentas tecnolóxicas para a docencia híbrida e virtual a través do seguinte enderezo:https://www.usc.gal/gl/servizos/ceta/tecnoloxias/recursos-docencia.html O Centro de Formación de Persoal da USC orientará e, no seu caso, formará ao profesorado no deseño de materiais adaptados á docencia non presencial e no manexo das ferramentas e recursos materiais adecuados.
3.- MATERIAIS DOCENTES
A docencia nas modalidades híbrida e virtual esixe que o alumnado dispoña de materiais de estudo adaptados dende unha perspectiva didáctica, en canto ao seu formato e contido.
As guías docentes, de estudo, probas de avaliación, etc. deberán estar adaptadas á modalidade docente na que se imparte a titulación.
A identidade corporativa da USC debe quedar debidamente reflectida nos novos materiais que se elaboren para estas modalidades. O seu deseño e maquetaxe deberá axustarse ao establecido no Manual de imaxe corporativa e visual da USC antes da súa posta a disposición do alumnado.
Os dereitos de autor dos materiais docentes elaborados para cada unha das materias son da Universidade de Santiago de Compostela e non poderán ser difundidos a terceiros sen permiso explícito da mesma. Na posta a disposición dos materiais deberá constar Ⓒ Universidade de Santiago de Compostela.
As solicitudes de uso dos materiais docentes para outros fins diferentes aos da docencia e da avaliación nun título oficial deberán ser remitidas a sec.xeral@usc.es para a súa autorización.
4.- CAMPUS VIRTUAL
A docencia hibrida e virtual levarase a cabo a través da ferramenta Campus Virtual (CV).
Ao CV incorporaranse os materiais docentes e de consulta e os materiais discentes do alumnado.
O material docente elaborado polo profesorado está sometido a dereitos de autor. Non se permite o seu uso para fins distintos da impartición de docencia en cada materia concreta do CV. Tampouco se permite a súa difusión nin publicación por ningunha outra canle. O uso e difusión para outros fins requirirá a autorización expresa da USC.
As obras postas a disposición como material de consulta están protexidas polos dereitos de autor e a súa reprodución e comunicación pública faise baixo a autorización prevista no artigo 32.4 de la Lei de Propiedade Intelectual. Calquera reprodución, distribución, transformación e comunicación pública en calquera medio e de calquera outra forma, diferente do alcance de dita autorización, deberá ser obxecto dunha licenza específica a través da entidade de xestión de dereitos de autor CEDRO.
O material discente deberá respectar os dereitos de propiedade intelectual e industrial dos creadores. No caso de utilizar citas, estas deberán estar debidamente referenciadas. Este material só poderá ser utilizado polo seu autor para fins docentes, discentes ou de investigación e sempre con referencia ao titular dos dereitos de propiedade intelectual.
5.- FERRAMENTAS TECNOLÓXICAS
A actividade lectiva non presencial, sexa síncrona ou asíncrona, levarase a cabo utilizando, de xeito exclusivo, os recursos materiais que a USC pon de forma institucional a disposición da súa comunidade.
Serán de uso obrigado aqueles recursos especialmente adecuados para este tipo de docencia como son o Campus Virtual e as ferramentas de videoconferencia e traballo colaborativo na nube.
Para o acceso á docencia híbrida e virtual deberase utilizar algunha das seguintes ferramentas corporativas, introducindo as claves de identificación da USC como medida de reforzo da seguridade:
a) Campus Virtual (CV) da USC
b) Microsoft 365:
- Sistema de comunicación e videoconferencia Microsoft Teams (MS Teams)
- Ferramenta de traballo colaborativo na nube Microsoft Forms (MS Forms)
Así mesmo, a USC ten a disposición do seu profesorado a ferramenta Turnitin para a comprobación da autoría dos traballos presentados polo alumnado.
Por razóns de seguridade o correo electrónico non se considera un medio válido para o acceso á docencia híbrida e virtual así como para a realización de probas finais, sen prexuízo de que se poida utilizar o correo institucional para comunicacións.
No caso de titulacións conxuntas poderán utilizarse outras plataformas se o seu uso está debidamente xustificado. O convenio subscrito entre as universidades determinará os recursos que se utilizarán e no seu caso a USC asinará os acordos que sexan necesarios.
6.- SEGURIDADE DOS SISTEMAS
A USC levará a cabo a xestión da actividade docente nestas titulacións coas ferramentas tecnolóxicas e organizativas do seu sistema de Docencia Virtual.
Doutra banda, a xestión administrativa relacionada coas actividades de matrícula, actas, expedientes e outras relacionadas leva a cabo coas ferramentas do sistema de Xestión Académica. Ambos sistemas foron auditados e atopados conformes coas esixencias do Real Decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica.
A certificación inicial é do 9 de decembro de 2022 e o Centro Criptológico Nacional inclúe a estes sistemas da USC na relación de entidades do sector público certificadas:https://gobernanza.ccn-cert.cni.es/certificados Polo tanto, todos os sistemas informáticos destinados a docencia virtual e híbrida cumpren co Esquema Nacional de Seguridade(ENS).
A adquisición de novos sistemas requirirá a supervisión da súa seguridade ou a certificación do cumprimento do ENS.
7.- PROTECCIÓN DE DATOS
Nos procesos de ensinanza-aprendizaxe aos que fai referencia este Código será de aplicación a regulación en materia de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
É unha obriga legal de todos e cada un dos membros da comunidade universitaria que accedan a datos persoais o cumprimento da normativa de protección de datos.
No tratamento dos datos persoais deberán observarse os principios de confidencialidade, minimización (usar os menores datos persoais posibles para alcanzar o mesmo obxectivo) e uso para as finalidades para as que foron recollidos, mantendo un especial coidado cos do alumnado que presente necesidades especiais.
Os datos persoais que figuren nas aplicacións non poden ser utilizados para outros fins diferentes da docencia/discencia universitaria sen que podan ser difundidos por ningún medio, incluíndo como tal ás redes sociais.
Está totalmente prohibido descargar e difundir as listaxes de clase ou listaxes de cualificacións que figuren nas aulas virtuais por redes sociais.
Así mesmo, está prohibido para o alumnado a gravación das clases emitidas a través de videoconferencia.
O uso indebido no manexo de datos persoais poderá ser obxecto de apertura do correspondente procedemento disciplinario aos infractores. Para o alumnado estarase ás sancións que correspondan de acordo co establecido na Lei 3/2022, do 24 de febreiro, de convivencia universitaria e no regulamento de convivencia universitaria da USC.
As consultas e dúbidas en materia de protección de datos persoais poderanse dirixir ao enderezo protecciondatos@usc.gal A información detallada sobre protección de datos figura no anexo I deste código e en:https://www.usc.gal/gl/normativa/protecciondatos/index.html
8.- A AVALIACIÓN NAS TITULACIÓNS HÍBRIDAS E VIRTUAIS
A avaliación do proceso de aprendizaxe do alumnado poderá incluír tanto probas presenciais, como outras probas ou elementos de valoración recompilados durante o desenvolvemento das actividades formativas.
As probas finais, con independencia do peso que teñan no sistema de avaliación da materia, serán sempre presenciais co obxecto de garantir a identidade do alumnado.
O profesorado terá en consideración no deseño das actividades de avaliación as directrices da memoria de verificación do título, as da Comisión de Calidade, as da Comisión Académica do título e as da normativa da USC, e terán que ser publicadas no programa da materia que se revisa anualmente.
O alumnado será informado antes do inicio do curso escolar do calendario, o lugar, os criterios, os procedementos e os instrumentos cos que vai ser avaliado.
9.- ESPECIFICACIÓNS TÉCNICAS, DE SEGURIDADE E DE PROTECCIÓN DE DATOS PARA AS PROBAS DE AVALIACIÓN REALIZADAS POR MEDIOS TELEMÁTICOS
9.1.- Tipos de probas de avaliación
No caso de que deba realizarse avaliación non presencial con proba final telemática poderanse empregar os seguintes tipos de proba:
a) Proba oral
b) Proba obxectiva tipo test
c) Proba escrita aberta, á que se equipara a proba de resposta libre tipo ensaio
d) Proba tipo caso práctico ou resolución de problemas
Poderanse realizar outro tipo de probas sempre que sexan asimilables na súa metodoloxía e recursos técnicos necesarios a algunha das anteriores.
9.2.- Indicacións xerais para a realización das probas de avaliación que se realicen por medios telemáticos
Deberase informar ao alumnado de que non pode gravar a proba cos seus propios dispositivos e das consecuencias académicas no caso de facelo.
Tamén se deberá informar de que cada estudante debe realizar a proba dende unha IP única agás causa xustificada, que deberá ser aceptada polo profesor.
O alumnado deberá ter activada a cámara durante a realización da proba e, en todo caso, a requirimento do profesor para permitir a supervisión docente desta.
Recoméndase ao profesorado que publique as instrucións de desenvolvemento das probas na aula virtual da materia.
O arquivo das gravacións e probas realizarase automaticamente a través das ferramentas corporativas, sen que poda realizarse o arquivo en dispositivos persoais.
Durante a realización das probas o estudante deberá actuar de acordo cos principios de mérito individual e autenticidade. Só poderá facer uso dos materiais permitidos polo docente.
Para a gravación das probas e para a supervisión en liña, dado que a cámara pode captar imaxes que afecten á intimidade de terceiras persoas e do estudante, este deberá:
*Reducir o campo de acción da webcam.
*Informar da circunstancia da proba ás persoas que conviven con el ou ela, quedando a Universidade exenta de responsabilidade en caso de incumprimento.
9.3.- Canles e evidencias
| PROBA |
CANLE Modalidade síncrona |
CANLE Modalidade asíncrona |
EVIDENCIA NECESARIA |
|---|---|---|---|
| Proba oral | Microsoft 365: MSTEAMS | ------------- | Gravación |
| Proba obxectiva tipo test |
Módulo de cuestionarios da aula virtual con hora deinicio e fin Microsoft 365-Cuestionarios con hora de inicio-fin |
--------------- | Rexistro da proba |
| Proba escrita abertaCaso prácticoResolución de problemas |
Módulo de tarefas/cuestionario(pregunta tipo ensaio) da aula virtual con hora de inicio e fin Microsoft 365 |
Módulo de tarefas/cuestionario Microsoft 365: Forms, Cuestionario, |
Rexistro da proba |
O profesorado deberá conservar o material das probas ata a finalización do curso académico seguinte. No caso de iniciarse un procedemento de revisión das cualificacións conservarase en todo caso ata que exista resolución firme.
9.4.- Especificacións para cada tipo de proba
| PROBA ORAL | |
|---|---|
| MODALIDADE | Síncrona |
| FERRAMENTA INFORMÁTICA | MS Teams |
| EVIDENCIA | Gravación |
| INDICACIÓNS |
Vid. o punto 9.2, “Indicacións xerais para a realización das probas de avaliación”. Pódense realizar probas individuais ou por grupos. As probas deben programarse no calendario de MS Teams para o envío da convocatoria aos participantes, rexistrándoa tamén na aula virtual da materia coas instrucións oportunas. O/A estudante deberá identificarse entrando ao sistema coas súas claves corporativas. O/a docente poderá pedirlle que amose a súa identificación (DNI, pasaporte ou TUI) á cámara ao inicio da proba. Durante a realización da proba o/a estudante deberá actuar de acordo cos principios de mérito individual e autenticidade. Só poderá facer uso dos materiais permitidos polo/a docente. Agás que estean presentes na proba máis dun profesor, a proba será gravada para garantir un proceso de avaliación adecuado e xerar evidencias da súa realización. Deberase informar ao alumnado desta circunstancia, comunicándoo previamente na aula virtual e ao comezo da proba. No caso de que estea presente máis dun docente as evidencias serán as notas tomadas durante a realización da proba por parte dos docentes. A oposición do/a estudante á gravación da proba impedirá a súa avaliación, co resultado académico correspondente. A gravación debe comprender a proba completa, incluíndo a actuación do/a estudante e a do docente. Este/a debe comprobar que a gravación se está producindo correctamente. |
| PROBA OBXECTIVA TIPO TEST | |
|---|---|
| MODALIDADE |
Síncrona, con supervisión docente durante a realización da proba |
| FERRAMENTA INFORMÁTICA |
Campus Virtual. Cuestionarios, con hora de inicio e fin. MS Forms, Cuestionarios, con hora de inicio e fin. |
| EVIDENCIA | Rexistro da proba |
| INDICACIÓNS |
Vid. o punto 9.2, “Indicacións xerais para a realización das probas de avaliación”. O/A estudante deberá identificarse entrando ao sistema coas súas claves corporativas. As preguntas e alternativas de resposta presentaranse, sempre que sexa posible, de xeito aleatorio. Recoméndase o uso de MS Forms para grupos moi numerosos de estudantes. Procederá á supervisión en liña polo/a docente mediante o uso de MS TEAMS, na que deberán terse en conta as seguintes indicacións: MS Teams non permite superar 300 persoas na mesma reunión, polo que se fose necesario, recoméndase establecer quendas na proba para non superar este número. O/a profesor/a poderá pedirlle ao/a estudante que amose a súa identificación (DNI, pasaporte ou TUI) á cámara. Non se poderá gravar a supervisión. |
|
PROBA ESCRITA ABERTA CASO PRÁCTICO RESOLUCIÓN DE PROBLEMAS |
|
|---|---|
| MODALIDADE |
Síncrona, con supervisión docente durante a realización da proba |
| FERRAMENTA INFORMÁTICA |
Campus Virtual. Tarefa/Cuestionario (pregunta tipo ensaio), con hora de inicio e fin. Microsoft 365, con hora de inicio e fin. |
| EVIDENCIA | Rexistro da proba |
| INDICACIÓNS |
Vid. o punto 9.2, “Indicacións xerais para a realización das probas de avaliación”. O/A estudante deberá identificarse entrando ao sistema coas súas claves corporativas. Uso de Microsoft 365: MS Forms Débese ter en conta que en MS Forms o número máximo de caracteres en cada resposta é de 4000 (aproximadamente dúas páxinas en A4). Procederá á supervisión en liña polo/a docente mediante o uso de MS TEAMS, na que deberán terse en conta as seguintes indicacións: MS Teams non permite superar 300 persoas na mesma reunión, polo que se recomenda establecer quendas na proba para non superar este número. O/a profesor/a poderá pedirlle ao/a estudante que amose a súa identificación (DNI, pasaporte ou TUI) á cámara. Non se poderá gravar a supervisión. No caso de que unha parte da proba ou a súa totalidade se realice en papel, ao finalizar o/a estudante deberá fotograflalo ou escanearlo e posteriormente remitilo polo medio corporativo que indique o/a docente (Campus Virtual, Teams Arquivos, OneDrive). |
|
PROBA ESCRITA ABERTA CASO PRÁCTICO RESOLUCIÓN DE PROBLEMAS |
|
|---|---|
| MODALIDADE |
Asíncrona, sen supervisión docente durante a realización da proba |
| FERRAMENTA INFORMÁTICA |
Proba escrita aberta Campus Virtual. Tarefa/Cuestionario (pregunta tipo ensaio), con data de inicio e fin. Microsoft 365, con data de inicio e fin. Caso Práctico, resolución de problemas: Campus Virtual. Módulo de Tarefas. |
| EVIDENCIA | Rexistro da proba |
| INDICACIÓNS |
Vid. o punto 9.2, “Indicacións xerais para a realización das probas de avaliación”. O/A estudante deberá identificarse entrando ao sistema coas súas claves corporativas. Débese ter en conta que en MS Forms o número máximo de caracteres en cada resposta é de 4000 (aproximadamente dúas páxinas en A4). No caso de que unha parte da proba ou a súa totalidade se realice en papel, ao finalizar o/a estudante deberá fotografalo ou escanealo e posteriormente remitilo polo medio corporativo que indique o/a docente (Campus Virtual, Teams Arquivos, OneDrive). O campus virtual permite anexar documentos de son e vídeo gravados por parte do alumnado e do profesorado, sendo recomendable que os ficheiros de gran tamaño se envíen por a través do espazo que determine o profesor/a. |
9.5.- Modelos informativos para a realización das probas
Os modelos e información complementaria en protección de datos son os que figuran a continuación:
-Modelo gravación da proba:
Infórmase de que esta proba de avaliación será obxecto de gravación coa finalidade tanto de verificar a identidade do/a estudante como para garantir os dereitos de avaliación e revisión. O profesorado pode solicitar, se o estima oportuno, a exhibición dun documento de identificación. Vostede é responsable de garantir a ausencia de terceiras persoas na estancia e do seu estado. A Universidade de Santiago de Compostela non se fai responsable da gravación incidental de imaxes que afecten á súa esfera de vida privada e familiar se vostede non adoptou as recomendacións de configuración da estancia. Lémbrase que na web da USC pode atopar as políticas de privacidade, o modo de contactar co delegado de protección de datos da Universidade e de exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, portabilidade, limitación ou oposición ao tratamento.
-Modelo gravación TFG/TFM
Infórmase de que a defensa do seu traballo de fin de estudos será obxecto de gravación coa finalidade tanto de verificar a súa identidade como para garantir os dereitos de avaliación e publicidade da proba. O profesorado pode solicitar, se o estima oportuno, a exhibición dun documento de identificación. Vostede é responsable de garantir a ausencia de terceiras persoas na estancia e do seu estado. A Universidade de Santiago de Compostela non se fai responsable da gravación incidental de imaxes que afecten á súa esfera de vida privada e familiar se vostede non adoptou as recomendacións de configuración da estancia. Lémbrase que na web da USC pode atopar as políticas de privacidade, o modo de contactar co delegado de protección de datos da Universidade e de exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, portabilidade, limitación ou oposición ao tratamento.
-Modelo visualización remota
Infórmase de que esta proba de avaliación será obxecto de visualización remota coa finalidade tanto de verificar a identidade do/a estudante como para garantir os dereitos de avaliación e asistencia ao alumnado. A proba non será gravada. Unicamente se gravará este proceso de información a fin de acreditar o cumprimento normativo da Universidade. O profesorado pode solicitar, se o estima oportuno, a exhibición dun documento de identificación. Vostede é responsable de garantir a ausencia de terceiras persoas na estancia e do seu estado. A Universidade de Santiago de Compostela non se fai responsable do visionado incidental de imaxes que afecte na súa esfera de vida privada e familiar se vostede non adoptou as recomendacións de configuración da estancia. Lémbrase que na web da USC pode atopar as políticas de privacidade, o modo de contactar co delegado de protección de datos da Universidade e de exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, portabilidade, limitación ou oposición ao tratamento.
10.- AVALIACIÓN CONTINUA
Para a realización das tarefas de avaliación continua nas que se empreguen medios telemáticos utilizaranse as ferramentas informáticas corporativas citadas no apartado Quinto.
11.- TITORÍAS PERSONALIZADAS
Para a realización das titorías personalizadas e o seguimento dos traballos de fin de estudos (TFG e TFM) que se realicen por medios telemáticos deberán empregarse as aplicacións corporativas da USC.
12.- AVALIACIÓN DOS TRABALLOS DE FIN DE ESTUDOS (TFG E TFM) POR MEDIOS TELEMÁTICOS
A defensa dos traballos de fin de estudos só poderá realizarse por medios telemáticos nos casos previstos no Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos fin de grao e fin de máster na USC e nos termos nel indicados.
No caso de que a defensa dos traballos de fin de estudos se realice por medios telemáticos seguirase o procedemento establecido no anexo II deste código.
13.- ALUMNADO CON NECESIDADES ESPECIAIS
A USC considerará de modo particular por ser especialmente sensibles aqueles casos nos que os/as estudantes requiran unha actuación específica derivada de factores persoais ou sociais, xa sexan permanentes ou sobrevidos, como por exemplo, diversidade funcional.
Estes estudantes deberán poñerse en contacto co Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) en sepiu.santiago@usc.es para valorar as opcións e atender as súas necesidades.
A Universidade deberá proporcionar alternativas que permitan o seguimento e a avaliación do estudante.
14.- USOS NON PERMITIDOS
Na docencia e na avaliación que se realice nas modalidades hibrida e virtual non está permitido:
a) O uso dos materiais docentes e de consulta para fins diferentes aos da docencia virtual ou hibrida sen autorización da USC.
b) O uso de aplicacións informáticas non autorizadas.
c) A gravación de actividades docentes por parte do alumnado e o uso de gravacións oficiais para outros fins.
d) O uso e almacenamento de datos persoais ao que se teña acceso para fins distintos dos propios da docencia e xestión académica do alumnado.
15.- NORMATIVA APLICABLE
Normativa da USC aplicable ao alumnado:
https://www.usc.gal/gl/normativa/Alumnado/index.html
Normativa da USC sobre protección de datos:
https://www.usc.gal/gl/normativa/protecciondatos/index.html
Normativa da USC sobre seguridade da información e uso das TIC:
https://www.usc.gal/gl/normativa/seguridade_info/index.html
Normativa de Administración Electrónica da USC:
https://www.usc.gal/gl/normativa/admin_ele/index.html
Anexo I. Información complementaria sobre protección de datos do alumnado
- Información xeral sobre o tratamento de datos
De conformidade co Regulamento UE 2016/679 e a Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos do alumnado forman parte do tratamento denominado “Xestión académica e alumnado”.
O responsable do devandito tratamento é a Universidade de Santiago de Compostela, cuxos datos de contacto son Praza do Obradoiro, s/n, 15782- Santiago de Compostela.
O contacto do Delegado de Protección de Datos é dpd@usc.es.
A base de xustificación deste tratamento é a prestación do servizo de educación superior (Lei Orgánica de Universidades e Lei autonómica 6/2013, do Sistema Universitario de Galicia así como, nos casos en que así se autorice, o consentimento expresado polas persoas interesadas.
Poderanse ceder datos a administracións públicas con competencias na materia, e nos supostos de obrigas legais. As persoas interesadas poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, limitación de tratamento, oposición e portabilidade a través de Sede Electrónica no enderezo https://sede.usc.es/sede/publica/catalogo/procedemento/55/ver.htm Tamén poden dirixirse á Axencia Española de Protección de Datos para realizar a reclamación que consideren oportuna.
Os datos serán conservados durante o período no que se realice a finalidade para a que foron recollidos, ou o tempo necesario para cumprir coas obrigas legais. Cumprida a finalidade, os datos que non formen parte da prestación do servizo público bloquearanse ata que transcorran os prazos de prescrición aplicables.
A política de privacidade e protección de datos da USC pódese consultar en http://www.usc.es/gl/normativa/protecciondatos/Politica-privacidade.html
- Información sobre o tratamento de datos na avaliación telemática
Para o tratamento de datos con motivo da avaliación online non é necesario o consentimento previo.
A Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario (en diante, LOSU) atribúelle á universidade tanto a facultade de avaliar como a definición dos procesos de verificación ou avaliación dos coñecementos.
Por outra banda, participar na avaliación constitúe unha actividade persoalísima na que tanto estudante como profesor participan de acordo con procedementos regrados.
A identificación do estudante durante a realización das probas é unha obriga legal para evitar riscos como a suplantación de identidade que implica tratamentos de datos persoais. O traslado ao mundo telemático destes procesos obriga a adoptar medidas complementarias rexidas polo principio de adecuación ou proporcionalidade que, como as adoptadas no mundo físico, poranse en marcha sen necesidade de consentimento dos destinatarios.
- Técnicas aplicables ás probas de avaliación online
Só se debe recorrer á visualización remota dos estudantes que realizan unha proba ou á gravación nos casos indicados pola USC. Non se autoriza a gravación dos estudantes durante a celebración de probas que non sexan orais ou de defensa de traballos de fin de estudos.
- Visualización remota
A realización das probas de avaliación pode ser visualizada online polo/a profesor/a, tanto para verificar a identidade do/a estudante como para garantir os dereitos de avaliación e prestar asistencia ou apoio ao alumnado que así o precise. Por exemplo, coa finalidade de resolver dúbidas ou incidencias que poidan xurdir. Durante a realización da proba, pódese visualizar aos/ás estudantes a través da cámara, pero non gravalos.
- Condicións de gravación das probas de avaliación telemáticas
Os exames ou probas de avaliación de carácter oral poden ser gravados co fin de cumprir cos requisitos de identificación do estudante, constatación da realización da proba e garantía do dereito de revisión do estudante. No caso dos traballos de fin de estudos é, ademais, un requisito adicional de publicidade.
A gravación esixe certas salvagardas ou garantías adicionais:
• Na realización da proba de avaliación o/a alumno/a debe asegurar a ausencia de terceiras persoas non concernidas e reducir, no posible, o campo de acción da webcam. A USC declina toda responsabilidade en relación coa afectación da vida privada ou familiar no caso de incumprimento.
• A oposición do estudante á gravación da proba impedirá a súa avaliación, co resultado académico correspondente.
• A gravación será integral, de modo que se documente o conxunto da proba e incluirá, polo tanto, a intervención do/a alumno/a como do/a profesor/a.
• Durante a realización da proba o/a estudante deberá actuar de acordo cos principios éticos, de mérito individual e autenticidade. Só poderá facer uso dos materiais permitidos polo/a profesor/a.
• O alumnado non poderá gravar a proba cos seus propios dispositivos. No caso de incumprimento derivaranse consecuencias académicas.
- Videovixilancia nas probas de avaliación online
A USC non despregará mecanismos de recoñecemento facial, de recoñecemento da voz, estudo do movemento dos ollos, control de pantalla na que se realiza a proba ou control do hardware conectado ao computador, entre outros. Tampouco obrigará ao uso do terminal móbil como instrumento adicional de videovixilancia.
- Identificación no contexto da avaliación online
No contexto dunha avaliación online, cando a proba sexa gravada ou cando se realicen comprobacións mediante visualización, o/a profesor/a pode solicitar, se así o considera oportuno, que o/a estudante amose o seu documento de identificación (DNI, Pasaporte ou TUI).
Se polo tipo de avaliación non fose necesaria a visualización remota ou a gravación do/a estudante, a efectos de verificar a súa identidade terá plena validez a identificación mediante usuario e contrasinal asignados pola USC.
O contrasinal é persoal e intransferible, sendo obriga do/a estudante a súa custodia. A cesión do contrasinal persoal a terceiros, e en particular para a realización de probas, constitúe unha conducta sancionable.
- Dereitos e deberes do alumnado
A proba de avaliación é un dereito do alumnado. Por outra banda, a LOSU obriga á USC a dispor de procedementos de verificación de asistencia ás necesidades dos/das estudantes.
Unha manifestación desta potestade de verificación concrétase na identificación das persoas que participan nunha proba. En consecuencia, o profesorado pode recorrer á visualización se considera que é o medio máis adecuado para verificar a identidade do/a estudante, garantir os dereitos de avaliación ou asistir ao/a alumno/a que así o precise durante a celebración dunha proba.
O/a estudante só poderá negarse á visualización se concorre algunha razón xustificada, que deberá ser comunicada previamente. En caso contrario, o/a profesor/a documentará a negativa e trasladaraa á autoridade académica a fin de que se adopten as decisións administrativas que correspondan.
- Xustificación da exención do control mediante a visualización ou a gravación
O exercicio do chamado dereito de oposición ao tratamento esixe que quen o solicite alegue e xustifique motivos relacionados coa súa situación particular, o que non implica necesariamente que a solicitude sexa aceptada. Polo tanto, para estimar unha negativa desta natureza o/a estudante debe acreditar que as razóns que alega prevalecen sobre o deber da Universidade de verificar a súa identidade. Nestes casos, pode exercer o seu dereito de oposición a través da sede electrónica da USC: https://sede.usc.es/sede/publica/catalogo/procedemento/55/ver.htm, achegando a documentación xustificativa que sexa necesaria.
- Medios técnicos para a celebración das probas
O acceso a determinadas probas require que tanto o/a profesor/a como o/a alumno/a conte con espazos e equipos informáticos con conexión a internet e, no seu caso, con webcam ou micrófono.
- Aplicacións autorizadas para a visualización remota ou para a gravación das probas
Utilizaranse as aplicacións licenciadas pola USC. Non se poderán utilizar aplicacións de uso gratuíto ou de proba ou espazos de almacenamento persoais.
O uso de ferramentas software que traten datos persoais por conta de terceiros non está permitido. Levar a cabo un tratamento de datos non autorizado pode ter consecuencias administrativas e/ou disciplinarias.
- Difusión das probas de avaliación
Difundir as probas de avaliación e particularmente compartilas en redes sociais atenta contra os dereitos fundamentais á protección de datos persoais, incluída a propia imaxe. Tales usos considéranse prohibidos e poden xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa e civil á persoa infractora.
Anexo II. Avaliación dos traballos de fin de estudos (TFG e TFM) por medios telemáticos
- Autorización da defensa por medios telemáticos
A defensa dos traballos de fin de estudos poderá realizarse por medios telemáticos nos casos previstos no Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos fin de grao e fin de máster na USC e nos termos nel indicados. Con carácter previo á autorización da defensa deberase realizar unha análise automatizada de control da posible vulneración de dereitos de propiedade intelectual, podendo ser denegada a defensa do traballo se como consecuencia desa análise se detectase a vulneración dos citados dereitos.
O centro fará pública na súa páxina web a relación dos traballos que se van a defender polo tempo imprescindible, indicando a data na que se vai realizar dita defensa.
- Medios
Para a realización da sesión de defensa deberá utilizarse a ferramenta corporativa MS Teams.
- Acto público de defensa
As persoas que desexen presenciar o acto virtual deberán solicitalo con cinco días de antelación á realización do mesmo ante o Decanato ou Dirección do centro, quen facilitará o enlace da sesión.
Se a defensa fose presencial poderase establecer que o seu seguimento se realice por medios telemáticos co fin de evitar unha excesiva concentración de persoas no espazo habilitado para a mesma.
- Desenvolvemento do acto
Nos 15 minutos anteriores ao acto de defensa, todos os membros do tribunal e o estudante deberán conectarse a través da ferramenta corporativa indicada no punto anterior.
O estudante deberá amosar o DNI ou pasaporte para acreditar a súa identidade. A continuación poderase incorporar á sesión o público que solicitase participar nela, sen que poida realizar intervencións. O presidente do tribunal, tras a presentación do acto, dará a palabra ao estudante, que realizará a exposición no tempo estipulado.
Rematada a exposición, o presidente ou o secretario actuarán como moderadores dando a palabra segundo corresponda aos distintos membros do tribunal e ao/á estudante, tratando de favorecer unha comunicación fluída entre eles.
No caso de que, debido a dificultades técnicas, non se garanta a interacción entre os membros do tribunal e o/a estudante, o/a presidente poderá suspender temporalmente a sesión ou adiala.
A sesión deberá ser gravada para garantía de identificación e evidencia documental. A gravación manterase ata que remate o curso académico seguinte.
- Cualificación provisoria e revisión
No caso de que a defensa teña lugar ante tribunal, rematada a sesión, e no prazo de 48 horas como máximo, comunicarase ao estudante a cualificación, preferentemente a través da aula virtual, establecendo dúas datas alternativas para a revisión nos tres días hábiles seguintes.
A revisión, sen prexuízo de que a defensa fora presencial, poderá ter lugar por medios telemáticos, incluída a posibilidade dunha sesión de videochamada e nela deberá estar presente polo menos un dos membros do tribunal.
Do acto de revisión deberase deixar constancia por parte do tribunal e, se o estudante o solicitase, expedirlle a xustificación da súa realización. O estudante tamén poderá presentar alegacións desde a data de publicación de resultados ata a de peche da revisión a través da aula virtual. Neste caso darase resposta mediante comunicación por este mesmo medio.
- Acta
Rematado o prazo de revisión, procederase á sinatura da acta e á incorporación da cualificación final ao expediente do estudante.
- Traballos defendidos ante a persoa titora
No caso de que os centros autoricen a avaliación dos traballos polo/a titor/a tamén poderá haber defensa por medios telemáticos. Nese caso aplicaranse os criterios establecidos para a defensa ante tribunal.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.