Instrución I/2024 da Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela relativa ás asistencias ás sesións de tribunais de selección nos procesos selectivos do persoal técnico de xestión, administración e servizos (ptxas)

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1165
Departamento: Xerencia
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

A Universidade de Santiago de Compostela, por acordo do Consello de Goberno do 29 de decembro ano 2020, aprobou o Regulamento de indemnizacións por razón de servizo que foi recentemente modificado por acordo do Consello de Goberno do 27 de decembro de 2023.

O seu artigo 15 dispón o seguinte:

Asistencias que dan lugar a indemnización Enténdese por asistencia a indemnización regulamentaria aboable ao persoal comprendido no artigo 2 deste regulamento polos seguintes conceptos:

a) Pola asistencia ás sesións de tribunais encargados da selección do persoal ao servizo da universidade así como pola asistencia en calidade de asesor do tribunal.

Co fin de homoxeneizar os procedementos sobre o pagamento das asistencias a tribunais de selección de PTXAS e establecer unha previsión orzamentaria rigorosa sobre o custe de asistencias a tribunais cómpre determinar, previamente á súa celebración, o número máximo de asistencias a percibir polos membros dos tribunais de selección en base a uns criterios obxectivos e tendo en conta, que estas deben ter lugar preferentemente fóra do horario laboral dos seus integrantes.

Polo exposto a Xerencia DISPÓN:

Primeiro. DETERMINACIÓN DO NÚMERO MÁXIMO DE ASISTENCIAS A PERCIBIR

POLOS TRIBUNAIS DOS PROCESOS SELECTIVOS

O número máximo de asistencias nun proceso selectivo virá determinado polos seguintes factores:

a) tipo de exame

b) número de aspirantes

c) número de exercicios

Segundo. ELABORACIÓN DO EXAME/EXERCICIO

O número de asistencias na fase de elaboración dos exercicios é independente do número de aspirantes porén, é variable segundo a tipoloxía de exame.

a) Exame tipo test:Para cada 30 preguntas ou fracción será necesaria unha sesión.

b) Exame tema:Non será necesaria ningunha sesión por ser un sorteo o día da celebración do exame.

c) Exame práctico:Máximo 2 sesións ata 4 preguntas e 1 sesión adicional por cada 4 máis ou fracción, agás que este exercicio sexa tipo test no que se aplicará o establecido no apartado a) desta disposición.

d) Exame de idiomas:Unha sesión.

Terceiro. CORRECCIÓN DO EXAME/EXERCICIO

A fase de corrección depende directamente do número de opositores e da tipoloxía do exame, polo que se establecen os seguintes criterios:

1. Exame tipo test

a) Por cada 10 preguntas impugnadas ou fracción será necesaria unha sesión.

Como non é posible coñecer previamente o número de eventuais impugnacións, cómpre aplicar unha estatística das presentadas en procesos selectivos anteriores similares.

b) Pola corrección do exame será necesaria unha sesión

c) Pola resolución das reclamacións sobre as puntuacións provisorias, é necesaria unha sesión por cada 10 reclamacións ou fracción.

Como a priori se descoñece o número de reclamacións é necesario aplicar unha estatística das presentadas en procesos selectivos anteriores similares.

2. Exame tema

a) Pola corrección do exame, será necesaria unha sesión por cada 8 aspirantes ou fracción.

b) Pola resolución das reclamacións contra as puntuacións provisorias, será necesaria unha sesión por cada 10 reclamacións ou fracción.

Como se descoñece previamente o número de eventuais reclamacións é necesario aplicar unha estatística das presentadas en procesos selectivos anteriores similares

3. Exame práctico

a) Por cada 10 preguntas impugnadas ou fracción, será necesaria unha sesión

Como non é posible coñecer previamente o número de eventuais reclamacións é necesario aplicar unha estatística das presentadas en procesos selectivos anteriores similares

b) Pola corrección do exame, será necesaria unha sesión por cada 8 aspirantes ou fracción, agás que no caso de que consista nun exercicio tipo test, no que será de aplicación o recollido no apartado 1.b) desta disposición.

c) Pola resolución das reclamacións contra as puntuacións provisorias, é necesaria unha sesión por cada 10 reclamacións ou fracción.

Como a priori se descoñece o número eventual de reclamacións é necesario aplicar unha estatística das presentadas en procesos selectivos anteriores similares

4. Exame de idiomas:

a) Pola corrección de exame, será necesaria 1 sesión por cada 8 aspirantes ou fracción.

b) Pola resolución das reclamacións contra as puntuacións provisorias, é necesaria unha sesión por cada 10 reclamacións ou fracción.

Como a priori se descoñece o número eventual de reclamacións é necesario aplicar unha estatística das presentadas en procesos selectivos anteriores similares.

Cuarto. SESIÓNS INDEPENDENTES DO TIPO DE EXAME E DO NÚMERO DE OPOSITORES E DEPENDENTES O NÚMERO DE EXAMES

En todo proceso selectivo, a tradución do enunciado de cada exercicio (agás o do tema), devindicará unha asistencia.

Así mesmo, para o establecemento dos criterios de corrección de cada exercicio será necesaria unha única sesión.

Quinto. SESIÓNS POR ASISTENCIA A EXAME

A asistencia a cada exame/exercicio do proceso selectivo dará lugar a unha sesión.

Así mesmo, cando a convocatoria do proceso selectivo estableza a lectura pública ou exposición do exercicio polas persoas aspirantes, devindicarase unha asistencia por cada día no que teñan lugar as devanditas lecturas.

Sexto. VALORACIÓN DA FASE CONCURSO

Cando o proceso selectivo inclúa fase de concurso, será necesaria unha sesión para a valoración dos méritos por cada 15 aspirantes ou fracción a baremar.

Sétimo. TRAMITACIÓN DAS ASISTENCIAS

Previamente á constitución do tribunal, a Subárea de Planificacion de PAS notificaralle á presidencia titular o número máximo de asistencias a percibir en dito proceso selectivo.

Porén, si durante o proceso selectivo por causas sobrevidas fora necesario superar o número de sesións inicialmente previstas, previamente á celebración das seguintes reunións, a secretaría do tribunal deberá poñer en coñecemento da Subárea de Planificacion de PAS as circunstancias debidamente acreditadas que dean lugar ao seu incremento para solicitar a súa conformidade. Se non quedara suficientemente xustificado o motivo desta eventualidade, a Subárea de Planificacion de PAS comunicará a súa desconformidade á secretaría do tribunal quedando constancia de que unicamente autorizarase o pagamento polo número de sesións inicialmente previsto e non das sucesivas, dando conta á Xerencia para o seu coñecemento.

Para a tramitación do pagamento das sesións, a secretaría do tribunal, debe achegar, necesariamente, á Unidade de Asuntos Económicos competente o documento facilitado pola Subárea de Planificacion de PAS onde consta o número máximo de sesións, ou, no seu caso, a conformidade da súa superación, así como a certificación de sesións obxecto de pagamento.

Oitavo. APLICACIÓN

Esta instrución será de aplicación para os procesos selectivos que se constitúan a partir da súa publicación no taboleiro electrónico.

Santiago de Compostela, na data da sinatura

O xerente

Antonio Javier Ferreira Fernández

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver