Integración do proceso de asignación efectiva do encargo docente no de elaboración da Planificación Docente Anual (PDA)

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0100
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

Mediante Acordo do Consello de Goberno do 17 de febreiro de 2010 aprobouse o Regulamento de asignación efectiva do encargo docente das materias das titulacións de grao e máster a departamentos e áreas de coñecemento na USC. O proceso de asignación contémplase coma un paso posterior ao de adscrición funcional de materias das titulacións de grao e máster a departamentos e áreas de coñecemento, dentro da Planificación Académica Anual da USC.

Ao través do proceso de adscrición determínanse a área ou áreas afíns ás materias de titulacións de grao e máster de nova oferta (ben por implantación de novos plans de estudos, ben por incorporación destas materias nun plan xa implantado), así como as materias nas que se debe revisar a dita adscrición (incorporación ou supresión de áreas). Este proceso desenvólvese en dúas fases, unha na que os departamentos se postulan e outra na que as comisións de títulos revisan ou propoñen altas/baixas de áreas e/ou cambio de nivel de afinidade.

As materias que se someten ao proceso de adscrición deben pasar a continuación ao de asignación efectiva do encargo docente. Mediante este proceso determínanse a área ou áreas, daquelas ás que están adscritas a cada materia, que poderían asumir a docencia tendo en conta a súa afinidade, pero tamén a súa capacidade, así como outras consideracións académicas. Este proceso tamén se desenvolve en dúas fases; unha fase inicial para asignar na medida do posible a docencia ás áreas coa máxima afinidade, e unha segunda fase para realizar os axustes necesarios en función dos recursos existentes. A asignación de materias a áreas deberá manterse durante un mínimo de tres cursos académicos completos, como norma xeral (artigo 1.4 do Regulamento de asignación).

No regulamento de adscrición este proceso estaba previsto para ser realizado anualmente de forma previa á implantación de novos plans ou materias (ou tamén a materias nas que deba revisarse esta adscrición); na práctica, este proceso estase desprazando un curso, xa que no momento en que debe realizarse non están os novos plans ou os novos contidos planificados. Así, para o primeiro curso de implantación de novos contidos utilízase a adscrición provisional comunicada polas comisións redactoras ou de titulos; todos estes contidos pásanse ao proceso de adscrición do curso seguinte.

Mentres que no proceso anterior é suficiente con ter planificadas as novas materias (ou aquelas que se revisarán), no proceso de asignación efectiva do encargo docente é preciso xa ter configurada toda a oferta do curso académico cuxa programación académica vai comezar. Isto implica a revisión de toda a oferta académica de grao e máster e a súa correcta configuración (materias que se extinguen, materias que se implantan, retiradas da oferta, etc.).Así mesmo, a práctica nos indica que a asignación é un proceso complexo previo ao da aprobación da Planificación Docente Anual (PDA), que ocupa os recursos dos centros e que é factible implementar durante a tramitación da PDA. É dicir, na fase de PDA tamén se realizan axustes na asignación, tanto antes da presentación da proposta aos centros como unha ver realizada a revisión por estes, en virtude dos recursos docentes das áreas. Así mesmo, o desenvolvemento deste proceso cun calendario específico e independente deixa pouco tempo para configurar correctamente a oferta e incrementa as interaccións da Vicerreitoría cos centros (demandando a revisión de documentos e a toma de decisións).

Por este motivo, a Vicerreitoría de Organización Académica propón a supresión do proceso de asignación efectiva do encargo docente coma un proceso independente, integrándoo dentro do proceso de elaboración da PDA e mantendo os mesmos criterios establecidos no seu regulamento.

En vista do anterior, o Consello de Goberno, na súa reunión do 29 de decembro de 2020 acorda:

Autorizar a integración do proceso de asignación efectiva do encargo docente, cos axustes necesarios, no proceso de elaboración da Planificación Docente Anual coas mesmas condicións e requisitos establecidos no seu Regulamento.

Proposta de acordo de CG para integrar o proceso de asignación efectiva do encargo docente a áreas de coñecemento dentro da fase de PDA: Esquema do proceso actual

[figura]

Proposta de modificación (simplificación dos procesos e axuste de prazos)

[figura]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver