Instrución V/2024 da Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela relativa ao calendario de festas, vacacións, permisos e horario do persoal técnico de xestión, de administración e servizos, para o ano 2025

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1250
Departamento: Xerencia
Estado: En vigor

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia establece no artigo 118 o réxime de permisos aplicable ao persoal técnico de xestión, de administración e servizos (PTXAS) funcionario, remitindo á lexislación básica de carácter estatal. Por outra banda, o persoal técnico de xestión, de administración e servizos (PTXAS) laboral disporá do réxime establecido no convenio colectivo aplicable en cada momento.

Os órganos de goberno da Universidade de Santiago de Compostela acordaron coa Xunta de Persoal no ano 2003 a mellora das condicións de traballo do PTXAS funcionario “atendendo ao obxectivo de establecer unha acción coordinada que garanta a igualdade de trato con independencia do colectivo de pertenza”, equiparando desta forma o réxime de permisos ao recollido no convenio colectivo aplicable ao persoal laboral.

Co fin de que todo o persoal de Administración e Servizos (PTXAS) dependente da Universidade de Santiago de Compostela coñeza o calendario laboral e o réxime de xornada, permisos e vacacións correspondentes ao ano 2025, unha vez negociado coa representación dos traballadores e no uso das competencias atribuídas pola Resolución reitoral de 21 de abril de 2022 sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios modificada, por Resolucións reitorais do 26 de setembro de 2023 e do 24 xullo de 2024, e tendo en conta a obriga de adaptar á normativa vixente a prestación de servizos do PTXAS así como as particularidades desta prestación ás necesidades da institución, A Xerencia dispón:

PRIMEIRO. Festas non recuperables na Comunidade Autónoma de Galicia

De conformidade co establecido na Resolución do 15 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Traballo, do Ministerio de Traballo e Economía Social, pola que se publica a relación de festas laborais para o ano 2025, e o Decreto 171/2024, do 8 de xullo, polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2025, as festas das que gozará o persoal, agás aquel cuxa xornada sexa a especial realizada en sábados, domingos e festivos, son as seguintes:

1 de xaneiro Aninovo
6 de xaneiro Dia de Reis
17 de abril Xoves Santo
18 de abril Venres Santo
1 de maio Festa do Traballo
17 de maio Día das Letras Galegas
25 de xullo Día Nacional de Galicia
15 de agosto Asunción da Virxe
1 de novembro Todos os Santos
6 de decembro Día da Constitución Española
8 de decembro Inmaculada Concepción
25 de decembro Nadal

As festas mencionadas terán carácter retribuído e non recuperable.

SEGUNDO. Festas de ámbito local non recuperables

Segundo dispón a Resolución do 6 de novembro de 2024, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se dá publicidade das festas laborais de carácter local para o ano 2025 correspondentes aos concellos das catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia, decláranse festas inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, agás para o persoal con xornada especial realizada en sábados, domingos e festivos, para o ano 2025 os seguintes días:

Lugo 4 de marzo Martes de Entroido
  6 de outubro San Froilán
Santiago de Compostela 29 de maio Día da Ascensión
  16 de agosto Día de San Roque

TERCEIRO. Días festivos universitarios

3.1 De carácter xeral para toda a Universidade Nas datas que a seguir se relacionan pecharán todos os servizos da Universidade, agás onde preste servizos o persoal con réxime de xornada especial de sábados, domingos e festivos

27 de xaneiro Celebración da festividade de Santo Tomé de Aquino
Día da apertura de curso Pendente de establecer para o curso 2024-2025
24 de decembro Noiteboa
31 de decembro Fin de ano

3.2 Festivos dos centros

Así mesmo serán festivos os días dos patróns dos centros universitarios aprobados polo

Consello de Goberno no calendario académico de cada curso. Cada centro docente universitario terá un festivo propio que se determinará no calendario académico de cada curso aprobado polo Consello de Goberno.

CUARTO. Días de asuntos particulares e permisos

4.1 Réxime xeral Ao longo do ano poderá gozarse de 9 días de permiso por asuntos particulares ou a cantidade proporcional cando a súa vinculación coa universidade non abarque o ano completo.

O persoal da Universidade de Santiago, incluído o persoal contratado con recursos finalistas, gozará de dous días adicionais de permiso por asuntos particulares dende o día seguinte ao do cumprimento do sexto trienio, incrementándose nun día adicional por cada trienio cumprido a partir do oitavo.

O persoal destinado en centros docentes gozará tamén do día en que se celebre a festividade propia do seu centro de traballo, se non se realizan actividades no mesmo. O persoal adscrito a servizos centrais ou centros sen festividade propia gozará de 1 día máis de descanso.

Aqueles/as traballadores/as, agás o persoal cuxa xornada sexa a especial de sábados, domingos e festivos, que teñan que traballar o día da apertura de curso, a festa de Santo Tomé, o sábado seguinte ao venres de Semana Santa ou os días 24 e 31 de decembro cando estes coincidan en sábado, festivo ou non laborable, e o persoal dos centros nos que se desenvolvan actividades o día da festividade propia, gozarán de dous días de compensación por cada un deles traballado.

Por coincidir en sábado o día 17 de maio, 1 de novembro e 6 de decembro o persoal poderá gozar de tres días máis de asuntos particulares agás aquel cuxa xornada sexa a de sábados, domingos e festivos.

Os supostos non recollidos nesta instrución deberán ser autorizados previamente pola Xerencia, logo dun informe motivando as circunstancias que dan lugar á posible compensación e que deberán ter en conta as disposicións convencionais e legais aplicables.

Na semana na que se celebran as festas de ámbito local de San Froilán, en Lugo, e a Ascensión, en Santiago de Compostela, o persoal poderá gozar dun día máis garantindo sempre o normal funcionamento dos servizos. Igualmente, o persoal da Estación Hidrobiolóxica e da Estación de Bioloxía Mariña poderá gozar dun día na semana das festas locais do concello de Vilagarcía de Arousa e Ferrol respectivamente.

Así mesmo, o persoal destinado no Campus de Santiago poderá gozar dun día máis de asuntos propios ao longo do ano, agás aquel cuxa xornada sexa a de sábados, domingos e festivos, por coincidir en sábado o día 16 de agosto e ser un festivo de ámbito local de carácter retribuído e non recuperable. No caso de que o Concello de Santiago cambie o festivo por un día entre o luns e o venres, este día non será de aplicación.

En virtude da habilitación recollida na disposición adicional décimo sexta do Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, as traballadoras en estado de xestación poderán gozar dun permiso retribuído a partir do día primeiro da semana 37 de embarazo ata a data do parto. No suposto de xestación múltiple este permiso poderá iniciarse o primeiro día da semana 35 de embarazo, ata a data de parto.

4.2 Persoal cuxa xornada sexa a especial de sábados, domingos e festivos con carácter xeral Ademais dos permisos establecidos no último parágrafo do apartado 4.1, gozará de 5 días de asuntos particulares. En concepto de permiso por asuntos particulares por antigüidade, poderá gozar dun número de días equivalente á metade do que corresponde aos traballadores suxeitos ao réxime xeral polo mesmo concepto.

Así mesmo, gozará dos seguintes días festivos:1 de xaneiro e 25 de decembro de 2025 O resto de permisos non regulados nesta instrución prorratearanse en función da xornada.

4.3 Réxime dos días de asuntos particulares e permisos

O período de devindicación e goce será o ano natural. Se por necesidades do servizo non se fai uso da totalidade dos días de asuntos particulares ao longo do ano, estes poderán concederse ata o día 31 de xaneiro de 2026.

Poderá autorizarse o goce dos días por asuntos particulares ata o 31 de marzo de 2026, cando as peticións dentro do período establecido na alínea anterior se denegasen ou non fose posible gozalos por razóns do servizo acreditadas.

O número de días de permiso que corresponde ao persoal de administración e servizos será proporcional ao tempo de servizos efectivos prestados durante o ano natural, redondeándose á alza (maior ou igual a 0.5) a favor da persoa solicitante. Exceptúanse da aplicación da proporcionalidade o día relativo á semana na que se celebran as festas de carácter local en Lugo e Santiago, o día da festividade do centro sen prexuízo do establecido no parágrafo cuarto do apartado 4.1 e os supostos recollidos no último parágrafo do apartado 4.1. Os períodos de incapacidade temporal contarán como de servizos efectivos prestados.

O persoal poderá distribuír os días á súa conveniencia e acumulalos ás vacacións anuais retribuídas, sempre de acordo coas necesidades do servizo e tendo en conta o recollido no apartado sexto desta instrución, previa autorización do persoal responsable das distintas unidades administrativas ou das persoas responsables directas, de acordo co disposto no apartado IV da Resolución reitoral do 21 de abril de 2022 sobre delegación de competencias en determinados órganos administrativos, modificada por Resolucións reitorais do 26 de setembro de 2023 e do 24 de xullo de 2024.

De conformidade co punto 8 do Acordo sobre a implantación da xornada de traballo de 35 horas e a flexibilidade horaria para o Persoal de Administración e Servizos, acordado polo

Consello de Goberno do 29 de marzo de 2019, por motivos de conciliación debidamente motivados (período de adaptación escolar, horarios de campamentos de verán, etc.), o persoal con flexibilidade por conciliación familiar poderá fraccionar un día de asuntos propios en 7 horas para poder facer uso delas separadamente e compensar ausencias na parte flexible da xornada.

4.4 Permiso especial por forza maior

A persoa traballadora terá dereito a ausentarse do traballo por causa de forza maior cando sexa necesario por motivos familiares urxentes relacionados con familiares ou persoas convivintes, no caso de enfermidade ou accidente que fagan indispensable a súa presenza inmediata. O permiso computará polas horas de ausencia necesarias ata un máximo de 4 días por ano natural.

A persoa traballadora, sempre que sexa posible, advertirá ao seu supervisor/a directo da súa inminente ausencia por calquera medio e, cando poda, realizará o rexistro na plataforma ARH na categoría de ausencia autorizada, acompañando unha declaración responsable asinada na que se acredite que se deron as condicións expresadas na alínea anterior. En todo caso, deberá xustificar que se dá unha causa de forza maior derivada dunha situación urxente.

QUINTO. Vacacións anuais

5.1 Período de vacacións

As vacacións anuais poderán gozarse ao longo do ano natural, agás no suposto previsto no apartado sexto, segundo a programación que fagan as persoas responsables de unidades administrativas ou as persoas responsables directas, que deberán ter en conta sempre as necesidades do servizo.

Poderá autorizarse o goce dos días por vacacións ata o 31 de marzo de 2026, cando as peticións dentro do período establecido na alínea anterior se denegasen ou non fose posible gozalos por razóns do servizo acreditadas.

No suposto de que o período de vacacións coincida cunha incapacidade temporal que imposibilite ao persoal gozalas, total ou parcialmente, durante o ano natural a que corresponden, poderá facelo unha vez remate a súa incapacidade sempre que no tiveran transcorrido máis de dezaoito meses a partir do remate do ano en que se orixinara.

Os permisos de maternidade, adopción, acollemento, paternidade e lactación, así como os períodos de incapacidade temporal, poderán acumularse ao período de vacacións incluso despois do remate do ano natural ao que aquelas correspondan.

5.2 Tempo de vacacións

As vacacións anuais serán de vinte e dous días hábiles por ano completo de servizo ou dos días que correspondan proporcionalmente, se o tempo de servizo durante o ano natural foi menor, redondeándose á alza (maior ou igual a 0.5) a favor da persoa solicitante. Para estes efectos non se considerarán como días hábiles os sábados.

O persoal cuxa xornada sexa a especial de sábados, domingos e festivos gozará de 11 días de vacacións anuais por ano completo de servizo ou dos días que correspondan proporcionalmente, se o tempo de servizo durante o ano natural foi menor.

No suposto de ter completado os anos de antigüidade que de seguido se indican na administración pública, terase dereito ao desfrute dos seguintes días de vacacións anuais:

-Quince anos de servizo: 1 día hábil adicional.

-Vinte anos de servizo: 2 días hábiles adicionais.

-Vinte cinco anos de servizo: 3 días hábiles adicionais.

-Trinta anos de servizo: 4 días hábiles adicionais.

Os días adicionais de vacacións poderanse gozar dende o día seguinte ao do cumprimento dos correspondentes anos de servizo e serán proporcionais ao tempo de servizos prestados dentro do ano natural.

Poderán gozarse a solicitude do persoal, sen establecemento de períodos mínimos.

O persoal funcionario interino ou laboral de carácter temporal deberá gozar das vacacións proporcionais ao tempo de contrato antes da súa finalización. Se por motivos debidamente xustificados non fora posible o goce, a persoa responsable da Unidade deberá comunicalo á Xerencia con antelación suficiente.

Se o cese se produce pola reincorporación dun/ha traballador/a substituído/a e non fora posible o goce de vacacións a persoa responsable da unidade deberá comunicar nos 3 días posteriores ao cesamento ao Servizo de Xestión do Persoal os días de vacacións pendentes.

5.3 Programación das vacacións

A programación das vacacións deberá ter sempre en conta as necesidades do servizo para o que os/as responsables directos/as se asegurarán de que todos os centros e servizos permanezan abertos, agás o que se estableza nos supostos previstos no apartado sexto.

As persoas responsables deberán validar as vacacións do persoal da súa unidade que afecte ao período estival antes do 25 de abril de 2025.

A súa concesión, tanto do período estival como das vacacións que afecten a outros períodos, entenderase estimada no prazo dun mes desde a validación da solicitude polo/a responsable agás que se comunique por parte da Xerencia a necesidade de realizar axustes.

5.4 Elección do período vacacional

As quendas de vacacións elixiranse consonte á seguinte orde de preferencia:

Recoñécese o dereito á elección do período de vacacións a favor das mulleres xestantes, podendo mesmo elixilo dentro do ano seguinte á devindicación do dereito ás vacacións se o seu aproveitamento se realiza inmediatamente despois do uso do permiso por parto ou dos permisos por conciliación aos que teñan dereito as familias monoparentais.

Os/as traballadores/as con fillos/as menores de doce anos ou maiores dependentes ao seu cargo, terán preferencia de elección de vacacións respectando a prioridade de elección a aqueles que teñan a condición de proxenitores de familia numerosa, unha vez que as traballadoras xestantes fixeran a súa.

Para os demais traballadores/as o dereito a elixir quenda de vacacións será rotatorio, agás acordo entre as persoas afectadas. Terá preferencia na primeira ocasión o/a traballador/a máis antigo/a.

Para os efectos de determinar o período computable para o cálculo dos días de vacacións anuais, computaranse como servizos efectivos as ausencias do traballo por motivos independentes da vontade do persoal, tales como enfermidade, accidente ou maternidade, así como aquelas derivadas do aproveitamento dos permisos e licenzas recollidos no Título VI, capítulo IV, Sección 2ª,3ª e 4ª agás o disposto no artigo 127, da Lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia.

SEXTO. Peche de dependencias e incidencia nos períodos de vacacións e/ou permisos

Entre o 4 e o 15 de agosto de 2025, ambos incluídos, pecharán as seguintes dependencias:

• Os centros docentes, agás o Aulario Novoa Santos

• As bibliotecas, excepto a Biblioteca Xeral e a Concepción Arenal no Campus de Santiago e a Biblioteca Intercentros no Campus de Lugo

• O edificio Emprendia

• A Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS)

• O Centro de Estudos Propios (CEP).

Tamén pecharán as instalacións deportivas durante todo o mes de agosto agás o estadio que permanecerá aberto en xornada de mañá.

O persoal que presta os seus servizos nos centros e servizos que pechan no mes de agosto deberá gozar das vacacións durante o tempo que permaneza pechado o seu centro de traballo. O resto dos días hábiles que lles corresponda poderán ser gozados en calquera período do ano e acumulalos aos permisos recollidos nesta instrución, tendo sempre en conta as necesidades do servizo.

Se algunha persoa por razóns excepcionais, que serán valoradas pola Xerencia, non puidera coller as vacacións nesas datas, será recolocada nun centro ou servizo dos que permanezan abertos eses días.

No caso de persoal que por motivos da realización de traballos de investigación experimental que requiran atención continuada necesite acceder ao seu centro de traballo en momentos nos que o centro permaneza pechado, deberá solicitar autorización, cun informe detallado e xustificado, ao/á decano/a ou director/a correspondente.

A apertura do Servizo Universitario de Residencias, durante os períodos non lectivos, axustarase á demanda de prazas que tivese. O persoal alí destinado deberá axustar as súas vacacións e días de asuntos particulares o máximo posible ás circunstancias que se dean en cada un dos centros e, se non fora posible desfrutalos neses períodos, poderá ser recolocado nun centro ou servizo dos que permanezan abertos eses días.

O persoal da Escola Infantil Breogán gozará as súas vacacións durante o mes de agosto coas singularidades de tempo adicional recollidas no convenio colectivo.

No caso de que se produzan peches derivados da aplicación do Plan de Estratexia Enerxética, estes non se realizarán a cargo dos días de asuntos particulares nin das vacacións anuais.

SÉTIMO. Xornada e horarios de traballo

7.1 Xornada ordinaria continuada de traballo

Será de 35 horas semanais e realizarase, con carácter xeral, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas na quenda de mañá e de 15:00 a 22:00 horas na quenda de tarde.

7.2 Xornada de verán, Entroido, Semana Santa e Nadal Con carácter xeral, nos meses de xuño, xullo e agosto, e nos períodos non lectivos de Entroido, Semana Santa e Nadal, a xornada semanal será de 30 horas de traballo, que se desenvolverá para o persoal en quenda de mañá nun horario de 9:00 a 15:00 e para o persoal en quenda de tarde de 15:00 a 21:00 horas. Os centros docentes e as bibliotecas permanecerán abertos de 9:00 a 21:00 horas.

Sen prexuízo do anterior, co obxecto de facilitar a conciliación laboral e persoal e sempre que a prestación do servizo quede garantida, o persoal con xornada ordinaria continuada de traballo, tanto na quenda de mañá como na de tarde, que non teña concedida a xornada flexible (xeral ou por conciliación) poderá realizar 6 horas diarias continuadas de traballo entre as 8:00 e as 15:30 horas para a quenda de mañá e entre as 14:00 e as 22:00 horas na quenda de tarde.

O recollido no parágrafo anterior non poderá supoñer en ningún caso:

• A modificación do horario de apertura dos edificios establecido para a xornada reducida (de 9:00 a 21:00)

• A modificación das condicións na prestación do servizo. As persoas responsables das distintas unidades deberán realizar as adaptacións necesarias para asegurar a prestación do servizo durante as 6 horas de apertura.

• O uso recursos adicionais para acceder ás instalacións ou que contraveñan as medidas de seguridade dos edificios de traballo.

No suposto de persoal con xornadas flexibles concedidas, tanto de carácter xeral como por conciliación de vida familiar e laboral, estarase ao disposto no Acordo de Consello de Goberno do 29 de marzo de 2019 sobre a implantación da xornada de traballo de 35 horas e a flexibilidade horaria para o Persoal de Administración e Servizos da Universidade de Santiago de Compostela.

A redución horaria dos traballadores a tempo parcial será proporcional ao número de horas que represente o seu contrato de traballo.

7.3 Adaptacións das xornadas reducidas

Co obxecto de prestar os servizos necesarios á comunidade universitaria e tendo en conta a planificación que estableza o calendario académico aprobado polo Consello de Goberno, a redución de xornada e os horarios establecidos con carácter xeral para os períodos de verán, Entroido, Semana Santa e Nadal poderán ser modificados en función das necesidades dos respectivos servizos, logo da comunicación á Xerencia que lle dará traslado aos órganos de representación do persoal.

Estas modificacións, agás causas sobrevidas, estableceranse no prazo de 2 meses desde a aprobación do calendario académico, informando ao persoal das unidades afectadas cunha antelación mínima de un mes. Se non fose posible determinar o período de redución, a Xerencia establecerá un período alternativo para a súa realización efectiva.

7.4 Xornada diaria partida

De luns a venres, ata completar un total de 35 horas semanais.

No período de xornada reducida realizará unha xornada de 30 horas en cómputo semanal que, en atención á diversidade de horarios nos que desenvolve a súa xornada, deberá concretarse co responsable do servizo ou actividade de que se trate.

7.5 Xornada irregular De 35 horas semanais de media en cómputo mensual, non axustada a quenda.

No período de xornada reducida este persoal deberá realizar unha xornada de 30 horas en cómputo semanal, non axustada a quenda.

7.7 Outras xornadas O resto das xornadas establecidas na Universidade adaptaranse ao cumprimento das 35 horas coas especificidades que en cada caso procedan:xornada nocturna; xornada dos traballadores da Escola Infantil cuxo horario será fixado pola Xerencia, logo do informe do Comité Intercentros, tendo en conta a proposta de necesidades do centro; xornada para o persoal do Centro de Linguas Modernas que será aprobada pola Xerencia a proposta da dirección do centro; xornada especial realizada en sábados, domingos e festivos cuxo horario será fixado pola Xerencia de acordo co Comité Intercentros ou coa Xunta de Persoal de ser o caso.

7.8 Pausa na xornada de traballo

Durante a xornada continuada de traballo, poderase gozar dunha pausa por un período de trinta minutos, que se computará como de traballo efectivo. Esta interrupción non afectará á prestación dos servizos e, con carácter xeral, efectuarse entre as 10 horas e as 12,30 horas para o persoal da quenda de mañá e entre as 17 horas e as 19,30 horas para o persoal da quenda de tarde.

Aquel persoal que realice outras modalidades de xornada de traballo, das recollidas no artigo 43 do convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos, de forma continuada, no período comprendido entre as 10 horas e as 19 horas poderá interromper cando menos unha hora a súa xornada.

7.9 Negociación de cambios na xornada continuada de traballo

Con motivo da implantación das medidas a medio prazo previstas no Plan de Estratexia Enerxética, a xerencia negociará cos órganos de representación do persoal as modificacións necesarias para adaptar as xornadas aos novos horarios de apertura e peche dos centros resultantes da aprobación da programación académica para o curso 2024-2025, que, en ningún caso, suporá unha discriminación entre o colectivo funcionario e laboral.

OITAVO. Supervisión e control do cumprimento

A responsabilidade directa do cumprimento da xornada de traballo incumbe a cada un dos membros do persoal de administración e servizos. A supervisión e control do seu cumprimento corresponde aos/ás xefes/as de unidades administrativas ou aos/ás responsables directos/as para garantir que todo o persoal realice, en condicións de igualdade, a súa xornada laboral e a permanencia no posto de traballo.

NOVENO. Persoal contratado con recursos finalistas

Esta instrución será tamén de aplicación ao persoal contratado con recursos finalistas agás o persoal contratado a través de programas de recursos humanos incluído no ámbito do Convenio Colectivo de Persoal Docente e Investigador.

As persoas que dirixan programas, proxectos, contratos de investigación ou estudos propios da Universidade asumirán as responsabilidades de supervisión e control recollidas no punto oitavo.

DÉCIMO. Aplicación de Rexistro Horario

Os rexistros de entrada e saída do traballo realizaranse a través da aplicación de rexistro horario habilitada:https://fichaxe.usc.gal. Tamén se rexistrarán a través desta aplicación as vacacións, os permisos e as ausencias totais ou parciais do posto de traballo, agás a pausa establecida para o descanso.

DÉCIMO PRIMEIRO. Aplicación

Esta instrución será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2025.

Santiago de Compostela, na data da sinatura

O xerente

Antonio Javier Ferreira Fernández

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver