Resolución reitoral do 12 de novembro de 2025 pola que se establece o criterio interpretativo sobre equiparación da figura do profesorado substituto a tempo parcial á figura do profesorado asociado a efectos da previsión de compatibilidade establecida no artigo 4 da Lei 53/1984, de 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas, de conformidade coa Sentenza do Tribunal Supremo do 1 de xullo de 2025
NORMA CONSOLIDADA
De acordo co artigo 4 da Lei 53/1984, de 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas, poderá autorizarse a compatibilidade, cumpridas as restantes esixencias desta lei, para o desempeño dun posto de traballo na esfera docente como profesor universitario asociado en réxime de dedicación non superior á de tempo parcial. Unha interpretación literal do establecido no citado artigo 4, interpretación que ata o de agora era a aplicada por parte da Universidade de Santiago de Compostela, deixaba fóra da posibilidade de ser contratado baixo a figura de profesorado substituto a tempo parcial aquelas persoas ás que son de aplicación as disposicións da Lei 53/1984.
Non obstante, como consecuencia da doutrina casacional establecida pola Sentenza da Sala do Contencioso do Tribunal Supremo nº 898/2025 do 1 de xullo de 2025, esta interpretación debe ser matizada, no sentido de que a figura docente do profesorado universitario substituto con dedicación parcial pode ser subsumida na previsión de compatibilidade que o artigo 4 da Lei 53/1984, de 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas, establece para o profesorado asociado. En consecuencia, ao amparo da indicada sentenza sería posible a contratación como profesorado substituto, con dedicación a tempo parcial, daquelas persoas que dispoñan da correspondente autorización de compatibilidade para a prestación dun segundo posto ou actividade no sector público.
Tendo en conta o anterior, a Lei de Incompatibilidades, ao abeiro do artigo 17 e da disposición adicional sexta, faculta ao reitor da Universidade para poder ditar normas precisas de execución para a necesaria coordinación e uniformidade de criterios e procedementos.
RESOLVO,
Única.-
Equiparar a figura do profesorado substituto a tempo parcial coa figura de profesorado asociado aos efectos da previsión de compatibilidade establecida no artigo 4 da Lei 53/1984, de 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas.
Santiago de Compostela, na data da sinatura electrónica
O reitor,
Antonio López Díaz
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.