Plan de medidas antifraude e prevención de riscos de xestión da Universidade de Santiago de Compostela (USC)
NORMA CONSOLIDADA
1. ANTECEDENTES E OBXECTO
O Regulamento (UE) 241/2021 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (Regulamento do MRR), implicou a adopción dunha serie de medidas para a súa execución por parte da Comisión Europea.
O obxectivo básico do citado Mecanismo é prestar un apoio financeiro a grande escala na actual conxuntura de recuperación económica e social derivada da crise sanitaria da COVID-19, en clara coordinación co Marco Financeiro Plurianual (MFP) fixado pola Unión para os vindeiros anos (2021-2027).
Entre esas medidas destaca o deseño de instrumentos específicos e a adaptación dos procedementos ao novo marco que se defina. Desta forma, a través do Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro, créase o denominado Instrumento de Recuperación da Unión Europea e articúlanse os Fondos europeos Next Generation EU (en diante, Fondos NGEU).
Os vehículos de captación deses fondos son os respectivos plans nacionais de recuperación e resiliencia que deberon deseñar cada un dos Estados membros. Con tal premisa, o Goberno español presentou o seu Plan de recuperación, transformación e resiliencia (en diante, PRTR) que foi aprobado por Decisión de execución do Consello Europeo de data 13 de xullo de 2021, na que se contempla igualmente o importe da contribución financeira a España e o seu calendario de disposición temporal. Na esfera dos procedementos xa mencionada aprobouse tamén o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se acordan medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do PRTR.
Tendo en conta tales antecedentes, a través da Orde ministerial HFP/1030/2021, do 29 de setembro, configurouse o sistema de xestión do PRTR. En concreto, no artigo 6 desta orde faise referencia á obriga imposta polo artigo 22 do Regulamento do MRR, que determina que toda entidade decisoria ou executora das medidas —concretadas en reformas e investimentos, basicamente— previstas no plan estatal deberá dispor dun plan de medidas antifraude, cuxo obxectivo será garantir e declarar que os fondos comunitarios empregáronse consonte a normativa aplicable, dun modo particular no relativo á prevención, detección, corrección e persecución da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses.
A este respecto, e sobre a base dun informe presentado pola xerencia no Consello de Goberno do día 26 de novembro de 2021, a USC fixou a declaración e o establecemento das liñas esenciais do seu plan antifraude, na súa potencial condición de entidade executora das accións desenvolvidas mediante proxectos e subproxectos sucesivos, que supoñen a concreción no ámbito universitario dalgunhas das compoñentes ou liñas de actuación previstas no PRTR.
Ademais, no Documento de data 24/01/2022 sobre orientacións para o reforzo dos mecanismos de prevención e corrección da fraude, a corrupción e o conflito de intereses, elaborado polo
Ministerio de Facenda e Función Pública, que vén sendo unha proposta de referencia e axuda ás diferentes entidades públicas para definir o modelo de xestión dos riscos de fraude no seu ámbito propio, indícase expresamente a posibilidade de que os plans antifraude que establezan os ministerios como entidades decisorias poidan amparar ás diferentes entidades executoras, cos pertinentes axustes organizativos e de avaliación dos riscos, entre as que figuran as Universidades Públicas.
De acordo coa dita previsión, por parte do Ministerio de Universidades aprobouse o Plan de Medidas Antifraude para a xestión dos Fondos NGEU (en diante, PMA do ministerio), ao que dun modo expreso incorpóranse as institucións públicas universitarias como entidades executoras a nivel de subproxectos, en concreto nas inversións 4 e 5 da Compoñente 21 do PRTR.
Por conseguinte, o presente documento de plan antifraude e prevención de riscos de xestión, supón unha concreción desas medidas —que xa foron obxecto do citado informe da xerencia— no ámbito da organización e dos procedementos da USC, que complementa as prescricións de todos aqueles plans ministeriais antifraude (e as súas revisións) que se aproben e dos que resulten actuacións e investimentos a desenvolver polas universidades.
Co este plan búscase promover entre o conxunto do persoal da USC, a propia comunidade universitaria e outras entidades ou axentes externos á organización, unha cultura ética e da integridade, que resulte polo tanto extensible a aquelas terceiras persoas coas que se interactúe, cun efecto disuasorio de calquera actividade sospeitosa de fraude, corrupción ou conflito de intereses, mediante o establecemento dunha serie de medidas e mecanismos que fagan posible a súa prevención e detección antes de que se produza ou, se for o caso, a través da súa corrección e persecución noutras instancias administrativas e xudiciais.
Por último, este documento constitúe un mecanismo de planificación flexible que será obxecto de revisión e adaptación periódica, podendo ditarse por parte da xerencia resolucións e instrucións que o interpreten, desenvolvan ou complementen, coa finalidade de optimizar a loita contra a fraude e a corrupción na USC.
2. ÁMBITO DE APLICACIÓN E MARCO CONCEPTUAL
O presente Plan de concreción sobre medidas antifraude, así como a prevención de riscos de xestión na USC (en diante, o Plan) é de aplicación a todo o seu persoal, partindo da definición que ofrecen os artigos 11, 36 e concordantes do Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, polo que se aproban os seus Estatutos, así como a toda persoa física ou xurídica, profesional autónomo, empresa ou entidade, nacional ou estranxeira, coa que se estableza algún tipo de relación comercial, contractual ou doutra índole.
Desde o punto de vista obxectivo, e sen prexuízo dos procedementos referidos aos ámbitos da contratación pública e das axudas e subvencións aos que se lle dará prioridade de acordo coa citada Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, as medidas recollidas no Plan aplicaranse igualmente e de forma progresiva aos posibles riscos de fraude, corrupción, conflito de intereses ou dobre financiamento que poidan derivarse doutros ámbitos de xestión administrativa desenvolvidos pola USC, que conten coa correspondente previsión orzamentaria, xa se sufraguen ou non con fondos de carácter finalista dos que se deba render contas.
Cando neste documento se faga referencia á fraude ou aos riscos de fraude e non se indique expresamente o contrario, entenderanse incluídos igualmente no concepto os riscos por corrupción, conflito de intereses e dobre financiamento.
Para os efectos deste Plan atenderase ás definicións que dos citados conceptos se inclúen na Directiva (UE) 2017/1371, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2017, sobre a loita contra a fraude que afecta aos intereses financeiros da Unión a través do Dereito penal (en diante, Directiva PIF), e no Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión (en diante, Regulamento financeiro UE).
2.1 Fraude
O concepto “fraude” pódese referir a unha grande variedade de comportamentos faltos de ética, como o roubo, o desfalcamento, o suborno, calquera falsificación, a representación errónea, a colusión, o branqueo de capitais ou a ocultación de feitos. A fraude soe implicar o uso do engano coa finalidade de conseguir ganancias persoais para alguén vinculado a unha entidade pública ou para unha terceira persoa, ou ben perdas para outras persoas.
A intención é o elemento esencial que diferenza unha conduta fraudulenta da irregularidade. No artigo 3 da Directiva PIF establécese unha definición común do que se entende por fraude para os efectos da protección dos dereitos financeiro da Unión Europea. Distínguese cando afecta a gastos relacionados ou non coa contratación pública, ou ben segundo se trate de ingresos distintos do IVE ou procedentes dos recursos propios dese imposto. En calquera caso, son tres as características xenéricas dunha acción ou omisión intencionada para ser considerada fraude:
a) A utilización ou a presentación de declaracións e documentos falsos, inexactos ou incompletos cuxo efecto sexa a percepción ou a retención indebida de fondos procedentes do PRTR.
b) O incumprimento dunha obriga expresa de comunicar que produza o mesmo efecto.
c) O desvío deses fondos para fins diferentes daqueles para os que se foron concibidos.
2.2 Irregularidade
Xa desde o previsto no artigo 1, parágrafo 2º, do Regulamento (CE, Euratom) núm. 2988/95, do 18 de decembro de 1995, relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas, por irregularidade enténdese toda infracción dunha disposición do Dereito comunitario correspondente a unha acción ou omisión dun axente económico, que teña ou poida ter por efecto prexudicar ao orzamento xeral das Comunidades (actualmente, Unión Europea) ou aos orzamentos administrados por estas, ben sexa mediante a diminución ou supresión de ingresos ou a través dun gasto indebido.
Así descrito, trátase dun concepto amplo que abrangue as irregularidades cometidas por calquera axente económico, exista ou non intencionalidade. De aí que a concorrencia dunha irregularidade non implique necesariamente a fraude, como xa se adiantou no punto anterior.
2.3 Corrupción e malversación
O artigo 4 da Directiva PIF refírese a outras infraccións penais que afecten ou poidan afectar ao intereses financeiros da Unión, distinguindo entre a corrupción e a malversación de fondos públicos.
A corrupción posúe un dobre enfoque pasivo e activo.
No primeiro caso refírese á acción ou conduta de calquera empregado público que, directamente ou a través de intermediario, pida ou reciba vantaxes de calquera tipo para el ou para terceiros, ou acepte a promesa desa vantaxe, coa finalidade de que actúe ou se absteña de actuar no exercicio das súas funcións, de forma que prexudique ou poida prexudicar os intereses financeiros da entidade ou organización pública.
Pola súa contra, a corrupción activa supón a acción de calquera persoa que prometa, ofreza ou conceda, directamente ou por medio de intermediario, unha vantaxe de calquera tipo a un empregado público para que este actúe ou se absteña de actuar no sentido exposto, sendo indiferente que o beneficio desa acción/inacción sexa para o propio empregado ou un terceiro.
En canto á malversación refírese a calquera acto intencionado de quen ten encomendada a xestión de fondos ou activos públicos que implica comprometelos, desembolsalos ou utilizalos de forma contraria aos fins para os que están previstos.
2.4 Conflito de intereses
Atendendo ao disposto no artigo 61 do Regulamento financeiro da UE, por conflito de intereses enténdese calquera situación que comprometa ou poida comprometer o exercicio imparcial e obxectivo das funcións de cantas persoas participen na execución de fondos públicos por razóns familiares, afectivas, de afinidade política, interese económico, comercial ou laboral, ou calquera outro motivo directo ou indirecto de interese persoal. O conflito de intereses afecta tamén aos posibles beneficiarios privados, socios, contratistas e subcontratistas cuxas actuacións sexan financiadas á conta deses fondos.
En canto á tipoloxía desta figura debe subliñarse que de acordo co primeiro punto do Anexo III.C da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pode distinguirse entre:
- Conflito de intereses aparente:prodúcese cando os intereses privados dun empregado público ou beneficiario son susceptibles de comprometer o exercicio de maneira obxectiva das súas funcións ou obrigas, pero finalmente non se produce un vínculo identificable e individual con aspectos concretos da conduta, comportamento ou relacións da persoa (ou unha repercusión neses aspectos).
- Conflito de intereses potencial:aparece cando un empregado público ou beneficiario ten intereses privados de tal natureza, que poderían ser susceptibles de ocasionar un conflito de intereses no caso de que tiveran que asumirse nun futuro determinadas responsabilidades.
- Conflito de intereses real:implica un conflito entre o deber público e os intereses privados dun empregado público, ou no que o empregado ten intereses persoais que poidan influír dun modo indebido no desempeño dos seus deberes e responsabilidades. No caso dun beneficiario suporía un conflito entre as obrigas contraídas ao solicitar a axuda dos fondos e os seus
intereses privados que poden influír de maneira indebida no desempeño das citadas obrigacións.
2.5 Dobre financiamento
O Regulamento financeiro da UE establece dun modo expreso no seu artigo 188 a prohibición do dobre financiamento como principio xeral aplicable as axudas e subvencións, que logo precisa e desenvolve no artigo 191 onde se prohibe financiar dúas veces a través do orzamento (refírese ao orzamento xeral da UE) os mesmos gastos.
No ámbito propio das reformas e investimentos derivados do PRTR, no artigo 9 do Regulamento do MRR indícase que o dobre financiamento producirase cando os proxectos e subproxectos sucesivos estean financiados polo Mecanismo e simultaneamente por outro instrumento da Unión.
Adicionalmente, tendo en conta o previsto no PRTR pódese ampliar o concepto cando teña lugar a concorrencia de fondos procedentes da UE con axudas ou subvencións nacionais.
3. ÓRGANOS E UNIDADES IMPLICADOS NA XESTIÓN DO PLAN
Sen prexuízo do nivel de responsabilidade dos diferentes actores aos que se refire o PMA do ministerio ante as posibles situacións de fraude, atendendo á configuración orgánica propia da USC establécense, inicialmente, os seguintes órganos e unidades implicados na xestión do presente Plan:
■ Comisión antifraude:Configúrase como un órgano colexiado, cuxa función principal será a avaliación e o control de riscos de fraude, corrupción, conflitos de intereses ou dobre financiamento na Universidade, así como velar pola correcta aplicación das medidas de prevención de riscos de xestión que se acorden.
A Comisión antifraude actuará, de oficio ou a través das denuncias recibidas, tanto no desenvolvemento das actuacións planificadas como noutras motivadas por feitos que poden subsumirse no concepto de fraude segundo o criterio do dito órgano. A súa creación e composición realizarase mediante resolución reitoral, sen que poida formar parte da mesma a persoa que actúe como responsable antifraude nin os xestores de fondos implicados directamente na execución dos proxectos ou subproxectos derivados do PRTR.
Esta Comisión estará presidida por unha persoa dependente da xerencia, e contará con representantes das áreas ou órganos dos ámbitos de contratación, subvencións, persoal e investigación.
■ Responsable antifraude:Corresponde á persoa titular da xerencia, sen prexuízo da súa posible delegación e da asunción compartida de responsabilidades na xestión de riscos por parte do persoal que teña asignadas funcións directivas.
Son atribucións do/a responsable antifraude as seguintes:
- Establecer mediante instrucións ou resolucións complementarias a este Plan as directrices oportunas en materia de prevención, detección, corrección e persecución da fraude, no marco da xestión dos fondos públicos con que conta a USC, ben se trate de fondos procedentes da UE (Mecanismo MRR e Fondos estruturais) ou doutras fontes de financiamento nacional ou extracomunitario.
- Resolver as denuncias de fraude, corrupción, conflito de intereses ou dobre financiamento de acordo co procedemento de control interno que se estableza para estes efectos.
- Sensibilizar e informar ao persoal sobre calquera asunto relacionado coa fraude.
- Instar aos responsables e xestores de riscos de fraude para que poñan en coñecemento de xeito inmediato o resultado das investigacións que realicen perante os seus superiores e a Comisión antifraude, naqueles casos nos que consten indicios claros de fraude.
- A non admisión das denuncias que incumpran as condicións mínimas necesarias, ou resulte evidente que dos feitos denunciados non se deduce actuación irregular e/ou fraudulenta. Neses casos deberanse comunicar os motivos da non admisión á persoa ou persoas denunciantes, agás que se trate dunha denuncia anónima, quedando garantida a non revelación da súa identidade e a confidencialidade das informacións, co subseguinte arquivo do expediente.
■ Xestores responsables de riscos de fraude:Correspóndese co persoal responsable, en última instancia, da xestión, execución e gasto de Fondos NGEU, referidos tanto a proxectos e/ou subproxectos que se financien a través do mecanismo comunitario indicado na epígrafe 1ª deste Plan, como a outras actuacións que se tramiten con financiamento específico condicionado.
A súa designación para actuacións ou proxectos singularizados efectuarase pola persoa responsable antifraude. Terán a dita condición, en todo caso, os investigadores principais (IP).
Os xestores responsables de riscos supervisarán a aplicación das medidas preventivas recollidas na epígrafe 4ª deste Plan por parte de todo o persoal do centro, estrutura, servizo ou unidade de que se trate, quen dará conta inmediata dos posibles casos de fraude, conflito de intereses, corrupción ou dobre financiamento.
Na xestión dos riscos prestarase especial atención a:
- Garantir o cumprimento do Código ético e de conduta da USC, do que se fará mención no apartado 4.1 deste Plan.
- Contribuír coa periodicidade que se estableza á elaboración ou actualización dos posibles mapas de riscos de acordo coa matriz prevista no Anexo V e de forma coordinada coa Comisión antifraude.
- Controlar e detectar os riscos de fraude, corrupción, conflito de intereses ou dobre financiamento.
- Actuar coa dilixencia debida e adoptar aquelas medidas preventivas máis adecuadas, segundo o suposto de que se trate.
- Garantir a execución e o cumprimento das medidas correctoras propostas, de ser o caso.
4. MEDIDAS RELACIONADAS CO CICLO ANTIFRAUDE
Tal e como se prevé no Anexo III.C xa mencionado da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, que leva por título Referencia a medidas de prevención, detección e corrección da fraude, corrupción e conflito de intereses, as entidades que participen na execución de actuacións do PRTR deberán aplicar medidas proporcionadas contra a fraude, e recoméndase estruturalas ao redor dos catro elementos que compoñen o denominado “ciclo antifraude”:prevención, detección, corrección e persecución.
4.1 Medidas de prevención
O desenvolvemento dunha cultura ética e de integridade da loita contra a fraude e o conflito de intereses constitúe o eixe esencial do máximo compromiso por parte do persoal da USC, considerado no seu conxunto. Tal pretensión maniféstase en primeiro termo, a título preventivo, en varios preceptos recollidos nas leis de función pública estatal e autonómica.
Desta forma, no capítulo VI do Título III do Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, descríbense os principios éticos e de conduta que rexerán as actuacións das persoas empregadas públicas.
Igualmente, na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia incídese nos mesmos deberes e nun código de conduta, ao abeiro dos principios de actuación que o inspiran (artigo 73 e seguintes). Entre eses principios faise mención expresa, entre outros, dos de legalidade, obxectividade, integridade, neutralidade, imparcialidade, exemplaridade ou honradez que deben presidir calquera actuación das persoas empregadas públicas.
Consonte á previsión que tamén efectúa a devandita Lei 2/2015 no seu preámbulo e articulado, a USC ten aprobado polo seu Claustro Universitario desde o ano 2007 un Código Ético que se refire á propia Universidade nunha tripla dimensión:como organización pública, no referente ao seu persoal e tamén aos mecanismos xerais para o seu cumprimento. Este código figura como Anexo I do presente Plan.
Unha segunda medida de prevención correspóndese coa Declaración Institucional de loita contra a fraude contida no Anexo II. Sobre este requisito, preceptivo igualmente segundo a Orde ministerial HFP/1030/2021, debe indicarse que a USC xa tiña aprobada unha declaración anterior na mesma liña en relación coa xestión dos fondos estruturais comunitarios para axudas, subvencións e outros proxectos desenvolvidos en anos anteriores, que seguirá vixente nos seus propios termos. Non obstante, é necesario complementar a dita declaración coa que agora se recolle no indicado anexo, para os efectos derivados do escenario de financiamento comunitario dos Fondos NGEU.
En terceiro lugar, como mecanismos preventivos de alcance xeral para a súa inclusión nos expedientes que corresponda, establécense as seguintes declaracións que figuran como Anexos III e IV:
• Declaración de compromiso en relación coa execución do PRTR subscrita polo persoal xestor responsable de riscos de fraude indicado na epígrafe 3ª do Plan (Anexo III).
• Declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI) asinada en primeiro termo polo referido persoal xestor responsable de riscos e que resultará extensible e obrigada para o persoal empregado público que tramite os procedementos en que así se determine (Anexo IV).
Doutra banda, unha prevención eficiente da fraude debe ter en conta a formación e concienciación do conxunto do persoal a través da realización de seminarios, grupos de traballo, reunións ou outras accións formativas, que incidirán na identificación e avaliación de riscos, o establecemento de controis específicos e as actuacións necesarias no suposto de detección da fraude.
Para estes efectos, poderase contar cun Plan de formación específico para o persoal neste ámbito, que promova unha cultura ética e do “compliance” na USC, entendido como o conxunto de procedementos e boas prácticas adoptadas pola institución para identificar e clasificar os posibles riscos operativos e legais aos que se enfronta.
4.2 Medidas de detección
A detección constitúe outro momento destacábel na loita contra a fraude, sendo necesario contar con medidas que permitan corrixir a tempo os posibles comportamentos irregulares que escapen á prevención. Entre esas medidas pódense mencionar:
a) Mecanismos de prospección de información
Como primeira medida terase en conta o uso de ferramentas e aplicacións informáticas, coas adaptacións e melloras técnicas necesarias que permitan axilizar a xestión e o seguimento de proxectos/subproxectos de Fondos NGEU.
De forma complementaria inclúese a busca de información en bases de datos accesibles entre as que destacan:
- Rexistros da Propiedade e o Rexistro Mercantil (https://librebor.me/)
- Rexistro Público Concursal (https://www.publicidadconcursal.es/concursal-web/)
- Sistema de publicidade de subvencións e axudas (https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/GE/es/index)
- Rexistros propios en materia contractual, como sucede co Rexistro Oficial de licitadores e empresas clasificadas do sector público (ROLECE), o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia (RXC-Galicia) ou as plataformas de contratación, por citar as de uso máis frecuente e coñecido.
b) Determinación de riscos e establecemento de indicadores antifraude
Unha segunda medida correspóndese coa descrición e posterior concreción, no momento en que proceda, de posibles riscos de fraude e indicadores de alerta ou bandeiras vermellas, que representen un aviso de que o ocorrido non se corresponde co funcionamento ordinario e axustado á legalidade no ámbito de actuación de que se trate.
A avaliación da existencia de riscos de fraude poderá derivarse de calquera das seguintes circunstancias:
1ª.- Por vir establecido na propia normativa comunitaria e estatal, ou ben porque así se deduza de actuacións, medidas e proxectos concretos derivados do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e da súa documentación complementaria de desenvolvemento.
2ª. Cando así se determine por parte da persoa responsable antifraude, en referencia a aqueles ámbitos de actividade e procedemento de actuación propios da Universidade en que se detecten riscos.
3ª- Como consecuencia de denuncias de terceiros a través do mecanismo que se describirá no seguinte parágrafo, letra c), deste mesmo apartado, canalizadas en primeira instancia a través da Comisión antifraude.
Unha vez determinada a necesidade de avaliar os riscos, para a súa concreción empregarase o mapa de riscos, que será elaborado sobre a base da matriz descrita no Anexo V deste Plan, referida nun principio aos ámbitos de actuación indicados na normativa comunitaria derivada dos Fondos NGEU:contratación, persoal e axudas ou subvencións.
Desta forma, prevese a realización por parte da USC dunha autoavaliación dos riscos que se vaian detectando, en función do seu impacto e probabilidade de ocorrencia naqueles procesos clave da execución dos fondos que se teñan adxudicado, así como a súa revisión anual e, en calquera caso, sempre que se detecte a existencia da fraude ou de cambios significativos nos procedementos ou no persoal.
Alén das devanditas revisións periódicas e das actualizacións que procedan segundo o indicado no parágrafo anterior, os xestores responsables de riscos dos diferentes servizos, unidades ou proxectos informarán á persoa responsable antifraude de calquera indicio de fraude, corrupción ou conflito de intereses que se detecte.
c) Canais de denuncias
Por último, contar cun canal de denuncias propio na USC como elemento de detección considérase esencial para dar conta da existencia dun comportamento fraudulento ou corrupto, dun posible conflito de intereses ou a constatación de dobre financiamento despois de que se teñan materializado tales riscos.
Para estes efectos, habilitárase un enderezo de correo electrónico [denuncia.fraude@usc.gal] e crearase o acceso a un formulario web (ver modelo no Anexo VI) que permita a presentación de denuncias por calquera persoa física ou xurídica coñecedora de presuntas irregularidades ou actuacións sospeitosas de fraude.
No acordo e iniciación dos procedementos previstos no punto 4.3 deste Plan (Medidas de corrección) garantirase o anonimato e o tratamento confidencial da información subministrada polas persoas denunciantes. Deberanse concretar en todo caso os feitos denunciados e identificarse a persoa ou persoas ás que se lle impute os mesmos.
Porén, no caso de que se trate de denuncias anónimas, a súa admisión inicial poderá dar lugar ao comezo dunha investigación cando os posibles feitos constitutivos de fraude, corrupción ou conflito de intereses aparezan fundados e sexa ponderada a súa gravidade.
O acceso electrónico ao canal realízase premendo na pestana Transparencia situada na parte superior da portada de inicio da páxina web da USC https://www.usc.gal/gl e desde aí acceder directamente á documentación relacionada co Plan e ao canal de denuncias.
• A nivel externo á USC poderase igualmente denunciar a posible existencia de feitos irregulares ou fraudulentos a través dos seguintes medios:
• O canal de denuncias “Info Fraude” do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) no enderezo electrónico https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx
• A páxina que ofrece a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) de informar sobre sospeitas de fraude ou corrupción que afecten aos intereses financeiros da Unión neste outro enderezo:https://ec.europa.eu/anti-fraud/olaf-and-you/report-fraud_es
4.3 Medidas de corrección
Desde o punto de vista das medidas de corrección e segundo se deduce do artigo 6 da Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, así como do Anexo III.C, poden distinguirse dous procedementos en función do seu obxecto:un primeiro procedemento de carácter xeral para casos de fraude, corrupción ou dobre financiamento e, dun modo máis específico, defínese un procedemento para a prevención e corrección de situacións de conflitos de interese de acordo cos parágrafos 1º e 2º do artigo 61 do Regulamento financeiro UE.
4.3.1 Procedemento xeral de actuación no suposto de indicio ou sospeita de fraude, corrupción o dobre financiamento
a) Iniciación
O procedemento poderase iniciar de oficio ou a partir da presentación de denuncia perante a persoa responsable antifraude da USC (ver modelo de formulario no Anexo VI), quen dará conta da mesma á Comisión antifraude respectándose en todo momento o anonimato e a confidencialidade das comunicacións, sen que poida revelarse a identidade da persoa denunciante.
A dita denuncia, á que se terá acceso desde o canal antifraude da USC previsto na letra c) do apartado anterior, remitirase a través do correo xa indicado denuncia.fraude@usc.gal, por parte de calquera persoa física ou xurídica, pola súa representación legal ou polos representantes de persoal do colectivo ao que aquela pertenza, se é o caso, que teñan coñecemento dunha posible fraude, sospeita de corrupción ou de dobre financiamento.
Igualmente, poderá ser presentada por parte dos xestores responsables de riscos e outro persoal da USC, cando detecten calquera actuación que implique unha irregularidade ou a existencia dalgún dos posibles riscos ou bandeiras vermellas que se determinen, de acordo co Anexo V.
Unha vez recibida a denuncia, a Comisión antifraude avaliará as incidencias detectadas coa finalidade de determinar a concorrencia de indicios de fraude sobre a base de datos obxectivos, dos documentos que se puideran aportar neste primeiro momento ou doutras circunstancias que así o avalen. De concorreren tales indicios, a comisión iniciará a tramitación do procedemento que corresponda consonte o previsto neste Plan. Do inicio da tramitación deberase informa á persoa ou persoas denunciantes, de ser o caso, coa excepción do suposto en que a investigación partise dunha denuncia anónima.
No suposto daqueles riscos cualificados cun nivel de incidencia alta ou media de acordo co Anexo V a Comisión antifraude poderá, como medida preventiva, suspender as actuacións, proxectos ou subproxectos afectados.
b) Instrución
Iniciado o procedemento de oficio ou admitida a trámite a denuncia procederase por parte da Comisión antifraude a recompilar toda a información necesaria, para os efectos de efectuar unha valoración máis exhaustiva dos feitos denunciados. Este proceso desenvolverase con celeridade, confidencialidade, sixilo e participación de todas as persoas implicadas e poderá entrevistarse, se for o caso, ás persoas afectadas e posibles testemuñas.
Durante a instrución do procedemento adoptaranse as medidas necesarias para garantir a non revelación da identidade das persoas implicadas e da información que sexa subministrada, agás que a persoa informante autorice expresamente o contrario.
Igualmente, cando a Comisión antifraude o estime oportuno, solicitarase informe do xestor responsable en relación coa situación previa de riscos de fraude no centro, estrutura, servizo ou unidade correspondente, así como dos posibles antecedentes ou indicadores de interese.
Todo o persoal da USC deberá prestar a colaboración e axuda que lle sexa requirida nesta fase do procedemento.
Unha vez rematadas as actuacións indagatorias pola Comisión antifraude emitirase un informe de valoración sobre a existencia ou non da fraude, corrupción ou dobre financiamento, coas conclusións e propostas que se deriven. Deste informe darase traslado á persoa responsable antifraude xunto coas actuacións practicadas.
c) Resolución
Á vista do informe de valoración remitido pola Comisión, polo/a responsable antifraude adoptaranse algunha das seguintes medidas correctoras:
Un. Arquivo das actuacións, motivado por algunha das seguintes circunstancias:
- Falta de obxecto ou insuficiencia de indicios de actuación fraudulenta.
- Dáse por resolto o contido da denuncia polas actuacións que xa se teñan realizado.
- Desistencia da parte denunciante, excepto que se decida continuar coa investigación.
- Denuncia infundada ou efectuada de mala fe, ou cando os datos aportados e as testemuñas ofrecidas se demostre ser falsos, sen prexuízo da incoación de expediente disciplinario ás persoas responsables cando proceda.
Dous. Se a sospeita de fraude, corrupción ou dobre financiamento resulta fundada, procederase a:
- Suspender de inmediato o procedemento, dando conta ao persoal responsable dos centros, estruturas, servizos ou unidades que puideran verse afectados, ao estaren implicados na realización das actuacións, proxectos ou subproxectos correspondentes.
- Comunicar os feitos producidos á Autoridade responsable do MRR (Secretaría Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda e Función Pública ou equivalente) só no suposto de subproxectos relacionados co PRTR.
A duración máxima do procedemento será de 6 meses contados dende a data do acordo de iniciación de oficio ou da admisión á trámite da denuncia.
4.3.2 Procedemento singular de actuación ao detectarse un conflito de intereses
Para o caso concreto da existencia dun posible conflito de intereses sobre a base do previsto no artigo 61 de Regulamento financeiro UE, os xestores responsables de riscos de fraude actuarán de oficio, ou ben previa denuncia motivada na posibilidade do dito conflito de intereses, e unha vez realizadas as investigacións oportunas deberán seguirse as seguintes actuacións:
a) Confirmar por escrito a existencia ou non de tal conflito.
b) No caso de que se estime posible conflito de intereses poderase apartar como medida cautelar ao persoal implicado de toda actividade na actuación, proxecto ou subproxecto desenvolvido.
c) Comunicar de forma inmediata a existencia do conflito de intereses á persoa responsable antifraude e á Comisión antifraude, dando traslado da información recollida ao respecto.
4.4 Medidas de persecución
De conformidade co previsto no punto 2 (Fraude y corrupción) do reiterado Anexo III.C da Orde ministerial HFP 1030/2021, do 29 de setembro, cando se teña constancia dunha sospeita fundada de fraude a persoa responsable antifraude da USC, ademais do referido na letra c) do apartado
4.3.1 deste Plan, levará a cabo as seguintes actuacións:
- Denunciar os feitos, se for o caso, perante as autoridades públicas competentes (Servizo Nacional de Coordinación Antifraude), para a súa valoración e eventual comunicación á Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF).
- Denunciar igualmente os feitos cando sexan constitutivos de delito perante o Ministerio Fiscal.
- Iniciar expediente disciplinario cando sexa necesario para depurar responsabilidades internas.
5. APROBACIÓN, CESIÓN DE DATOS E TRANSPARENCIA
Como xa se indicou no primeiro punto, o presente Plan elabórase sobre a base das liñas esencias declarativas das que se deu conta —con data 26 de novembro de 2021— ao Consello de Goberno da USC, en virtude da súa condición de entidade executora a nivel de subproxectos de investimentos derivados do PRTR. Do mesmo modo, a súa aprobación levarase a cabo por acordo do dito órgano de goberno.
Porén, as medidas de loita contra a fraude que nel se recollen faranse extensibles a outras actuacións ou proxectos non relacionados, en última instancia, cos Fondos NGEU senón co desenvolvemento das funcións, obxectivos e finalidades propias das institucións universitarias nos restantes ámbitos de competencias ou atribucións.
En relación coas obrigas de información previstas polo Regulamento do MRR, e para os efectos de auditoría e control do uso dos fondos en relación coas medidas destinadas á execución de reformas e proxectos de investimento no marco do PRTR, inclúese como Anexo VII un modelo de declaración de cesión e tratamento de datos, en cumprimento da citada norma e de conformidade coa Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Igualmente, co fin de garantir unha adecuada difusión e coñecemento das medidas recollidas neste Plan, tanto por parte da totalidade do persoal da Universidade como polas persoas e entidades alleas á institución, ademais da súa publicación no Taboleiro electrónico procederase a súa incorporación e difusión no Portal de Transparencia da USC.
Como medida adicional, e seguindo as indicacións do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA), darase conta do contido deste documento ao dito organismo a través de dirección de correo electrónico antifraude@igae.hacienda.gob.es
6. ANEXOS
Anexo I. CÓDIGO ÉTICO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (USC)
(Aprobado polo Claustro Universitario o 31 de maio de 2007)
I. CONSIDERACIÓNS XERAIS
Obxectivos
1. Propor uns compromisos éticos e tornalos visíbeis tanto, exteriormente, de cara á sociedade canto, interiormente, de cara á propia universidade.
2. Satisfacer, con iso, unha tripla función:
1) Servir de carta de presentación perante a sociedade, mostrando o sentido e as liñas xerais da actividade e a acción da universidade;
2) Concluír un triplo compromiso ético —da universidade coa sociedade, da universidade co persoal universitario, e entre o persoal universitario— acerca dos obxectivos e os procedementos asumidos pola universidade;
3) Ofrecer á comunidade universitaria unha guía de actuación que sintetice e exprese en termos éticos o cadro regulamentario e legal vixente e que inspire e estimule o desenvolvemento deste.
Definicións
3. O presente código reúne un conxunto de principios, valores e normas, referidos á actividade interna e á acción social da universidade, que expresan padróns éticos de actuación aptos para servir como pautas reguladoras da práctica individual e colectiva.
4. A forza obrigante deste código reside no compromiso adquirido, de modo expreso e formal, pola comunidade universitaria e, de modo implícito e en consciencia, polos seus membros, que o asumen como referencia orientadora da súa conduta.
Suxeitos
5. O presente código é aplicado ás persoas e polas persoas que compoñen a USC:a propia universidade, xunto cos seus órganos e agrupacións, como persoas colectivas, e os distintos integrantes do persoal universitario, como persoas individuais.
6. A efectos deste código, as persoas son axentes:
1) Autónomos, aptos para tomaren as súas decisións e actuaren en consecuencia;
2) Responsábeis, dispostos a asumir os seus actos e as súas consecuencias;
3) Razoábeis, capaces de procurar o seu propio ben e harmonizar esta procura coa dos outros;
4) Con sentido de xustiza, coñecedores da legalidade e prestos a dirimir racionalmente, con obxectividade e imparcialidade, as diferenzas cos outros implicados;
5) Con capacidade de empatía, dispostos a incluír no seu ámbito de responsabilidade a todos os outros afectados polas súas escollas e as súas actuacións, en especial a aqueles que teñen menos capacidade para facer valer os seus intereses ou mostrar o seu valor (oprimidos, desfavorecidos, marxinais, persoas con discapacidade, pobos lonxincuos, xeracións vindeiras, animais, ambiente, etc.).
7. Polas súas características, as persoas posúen dignidade e merecen ser tratadas con respecto, tomando en consideración os seus dereitos, deberes e aspiracións.
II. A UNIVERSIDADE A USC
8. A USC é unha institución pública, financiada fundamentalmente con fondos públicos, cuxa misión é xerar e transmitir coñecemento, póndoo ao servizo da sociedade mediante a formación de profesionais e a transferencia de saber, atendendo ás demandas sociais e ás necesidades humanas.
9. A USC é unha universidade centenaria, emblemática de Galiza e de España, comprometida coa cultura e a lingua galegas, cuxa actuación se proxecta no espazo galego, hispano, luso, europeo, latinoamericano, e demais espazos que lle sexan propios no contexto dunha sociedade mundial, multicultural e globalizada.
Organización
10. Canto á súa estruturación e funcionamento, en consonancia co ordenamento vixente, a universidade adopta:
1) A democracia como modelo organizativo: participación universal, principio de legalidade, alternancia na gobernación, regra da maioría e respecto á minoría;
2) Os dereitos humanos, individuais, sociais, culturais e ambientais como guía de conduta.
11. Como organización, a universidade constitúe unha persoa xurídica que se expresa, axe e responde a través dos órganos unipersoais e colexiados encargados da súa representación, goberno e administración.
Acción social
12. Xunto coa xeración e transmisión de coñecemento, a universidade asume como tarefas e fins seus achegar o seu concurso a:
1) A xustiza social, contribuíndo ao benestar e á nivelación sociais, á equidade entre mulleres e homes, á erradicación da explotación, a opresión, a alienación e a exclusión, indo até a remoción das estruturas inxustas, asumindo e difundindo unha cultura de paz;
2) O progreso cultural, enriquecendo o acervo propio e acollendo a riqueza allea, conservando, labrando e proxectando un patrimonio cultural singular, aberto e universalista;
3) O desenvolvemento sustentábel, coidando o respecto ao ambiente e apostando polo crecemento con equidade, así como pola solidariedade e a cooperación, desde a escala local á global;
4) A dinamización socioeconómica, apoiando as iniciativas emprendedoras e implicándose cos axentes económicos e sociais, en especial no seu contorno.
13. Ademais de na súa propia acción, a universidade observará estas directrices nas súas relacións con outras entidades e persoas.
Actividade interna
14. A universidade, ademais dunha empresa colectiva con fins sociais levada a feito co esforzo de todos, é tamén un ámbito de traballo onde se dirimen intereses contrapostos, se enfrontan visións diferentes e concorren proxectos grupais e individuais, polo que debe:
1) Procurar o desenvolvemento harmónico e equilibrado das súas partes (campus, sectores, centros, áreas, etc.) e realizar unha política de equidade entre homes e mulleres, que asegure a súa progresión no traballo en condicións de igualdade;
2) Fornecer ao persoal universitario un medio físico seguro e saudábel, atendendo á diversidade funcional, así como ao contexto regulamentario e aos recursos materiais adecuados para desenvolver as súas actividades;
3) Favorecer a realización persoal integral, alén de na súa faceta profesional, do persoal universitario.
Funcionamento
15. Como institución pública financiada pola sociedade, a universidade e o persoal universitario deben actuar coidando, administrando e empregando os medios ao seu dispor con senso e responsabilidade.
16. Como institución pública ao servizo da sociedade, a universidade debe actuar con transparencia, dando conta da súa acción e os seus resultados, e eficiencia, procurando optimizar a relación entre os recursos empregados e os obxectivos atinxidos. Así mesmo, debe asegurar a calidade das súas prestacións.
17. Estes imperativos de senso, transparencia, eficiencia e calidade esixen na xestión universitaria profesionalidade, participación, axilidade, flexibilidade e avaliación, e en particular, na xestión económica racionalización e planificación.
18. Como referente ético, a universidade debe espallar os valores secularmente asociados á vida universitaria:a liberdade (de expresión, de investigación, etc.), a igualdade (de oportunidades, de trato, etc.) e a solidariedade (o compañeirismo, o compromiso, etc.), contemplando con ollos críticos a súa propia historia.
19. Así mesmo como referente ético, debe reflectir nela mesma os padróns éticos cuxa satisfacción demanda ao persoal universitario e que aspira a proxectar na sociedade. En consecuencia, deberán presidir a súa actuación a honradez, a veracidade, a xustiza, a eficiencia, o respecto e a responsabilidade.
III. O PERSOAL UNIVERSITARIO
Persoal universitario
20. Aos efectos deste código, o persoal universitario está formado por todos aqueles que, de modo temporal ou permanente, realizan actividades docentes, discentes, investigadoras, administrativas, de servizos ou outras funcións na universidade.
21. A avaliación, selección e promoción do persoal universitario atenderá ao mérito e a capacidade das persoas, apreciados por medio de procedementos públicos, regrados, obxectivos e imparciais, aos cales sexa posíbel concorrer en igualdade de oportunidades e sen que caiba discriminación algunha por razóns de xénero, discapacidade, procedencia académica, ideoloxías políticas, opcións sexuais, crenzas relixiosas, grupo étnico, trazos raciais, etc.
Boas prácticas
22. O cumprimento das actividades docentes, discentes, investigadoras, administrativas, de servizos e demais na Universidade debe discorrer por canais institucionais e materializarse en prácticas nas cales os suxeitos envolvidos poidan actuar seguindo padróns éticos e lles caiba esperar dos outros a reciprocidade correspondente.
23. A universidade, a través dos seus órganos de goberno, debe proporcionar o cadro regulamentario necesario para o desenvolvemento das boas prácticas, que asegure os intereses xerais, mais contemplando a prosecución e defensa dos lexítimos intereses particulares, e velar pola súa aplicación.
Exercicio das funcións
24. O persoal universitario deberá cumprir as súas funcións con honradez, veracidade, xustiza, eficiencia, respecto e responsabilidade. En consecuencia, deberase actuar con:
1) Honradez, aplicando os seus recursos (coñecemento, capacidade, experiencia) ao cumprimento da función, evitando a interferencia de intereses espurios propios ou alleos.
2) Veracidade, procurando a obxectividade e exactitude na información e na comunicación, mais tamén gardando a debida confidencialidade con respecto a informacións das que participa mais que fican excluídas do dominio público. A veracidade esixe absterse de iniciar, propagar e acoller rumores, mais tamén obriga a non furtar ao debate cantos temas sexan susceptíbeis de tratárense no espazo público.
3) Xustiza, coñecendo a legalidade vixente e, en especial, as normas atinentes á función, obrando en consonancia con estas e, alén disto, actuando con imparcialidade.
4) Eficiencia, en xeral, pondo os mellores medios para a consecución dos fins perseguidos e, en concreto, facendo un uso debido do tempo, o espazo e os recursos, procurando o mellor aproveitamento destes por medio do seu perfeccionamento e da innovación.
5) Respecto, tratando coa debida consideración ás persoas e dispensando, na medida do posíbel, un trato digno aos demais seres.
6) Responsabilidade, asumindo as consecuencias das decisións e os actos propios, en especial cando delas se seguen prexuízos, chegando neste caso, se for preciso, a facer un recoñecemento público, a ofrecer escusas públicas e mesmo, se ha lugar, a presentar a demisión, con independencia das posíbeis sancións regulamentarias ou legais.
Dedicación ao traballo
25. É propio do persoal universitario entregarse ao traballo buscando a excelencia nos ámbitos do ensino e a aprendizaxe, da investigación, da administración e servizos e a proxección social da Institución potenciando sempre a cooperación.
26. O esforzo e a entrega no traballo esixíbeis sono en función das contrapartidas institucionais, legal e regulamentariamente establecidas, contemplando necesariamente unhas expectativas razoábeis de beneficio persoal.
Condutas reprobábeis
27. Sen prexuízo das sancións regulamentarias ou legais correspondentes, merecen reprobación o incumprimento e o mao cumprimento das funcións propias e xunto con isto:
1) O abuso do poder, sexa na forma de actos puntuais de arbitrariedade e extralimitación sexa establecendo relacións de dominación e redes de dependencia do tipo do caciquismo e clientelismo.
2) O uso indebido do tempo, o espazo e os recursos universitarios, ora porque se destinan a fins particulares, dun mesmo ou de terceiros, alleos á función pública ora, tamén, porque o tempo, o espazo e os recursos se malgastan ou se estragan.
3) A actuación en beneficio propio ou en prexuízo de terceiros ou en detrimento do interese xeral, sexa establecendo normas, ditando resolucións, adoptando acordos ou tomando decisións, ao amparo e coa cobertura aparentes do cadro regulamentario e legal vixentes.
4) A participación en procesos decisorios cando están en xogo intereses particulares dun mesmo ou doutros achegados susceptíbeis de resultar beneficiados.
5) A apropiación, desde a ocultación até ao acaparamento, do traballo, os méritos e os beneficios dos outros.
6) O comportamento e o tratamento neglixentes, con desatención das obrigas requiridas e con desconsideración ás persoas, á súa actividade e ás súas expectativas.
7) A aceptación de obsequios e favores vinculados, directa ou indirectamente, ao desenvolvemento da actuación persoal no exercicio das funcións universitarias, así como a subscrición de colaboracións e patrocinios susceptíbeis de condicionar a actuación persoal nun sentido particular alleo, se non contrario, ao funcionamento e as finalidades, ao servizo do interese público e xeral, da institución universitaria.
IV. CUMPRIMENTO
Conflitos e incumprimentos
28. En casos de conflito e incumprimento, antes de recorrer aos procedementos e solucións formais regulamentarias e legais, deberá acudirse, de ser posíbel, ás vías e saídas informais:explicación, diálogo, mediación, negociación entre aqueles afectados.
29. No suposto de incumprimento, o presente código só contempla sancións informais:o xuízo da propia consciencia e, alén disto, a súa expresión pública en forma de opinión e crítica, ora entre os actores implicados, ora como materia de discusión e debate nos órganos universitarios. Estas sancións informais teñen un valor estritamente ético e non exoneran dos procedementos e sancións regulamentarios e legais previstos para o suposto incumprimento.
Seguimento
30. Un observatorio, coordenado polo Valedor da Comunidade Universitaria, seguirá e avaliará o cumprimento deste código. A tal efecto:1) realizará informes periódicos; e 2) recibirá suxestións e queixas, sobre as cales elevará os correspondentes informes.
Anexo. DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DE LOITA CONTRA A FRAUDE
A Universidade de Santiago de Compostela, na súa condición de entidade de dereito público con responsabilidade na xestión de fondos de diversa procedencia para o cumprimento dos seus fins, en particular os que derivan do financiamento externo á institución con carácter finalista, quere manifestar, na esfera das súas competencias, o seu compromiso cos estándares máis altos de calidade xurídica, ética e moral, así como a súa adhesión aos principios de integridade, legalidade, neutralidade, obxectividade, imparcialidade, confidencialidade, transparencia e eficacia, con especial dedicación ao servizo público da educación superior, en todas as súas manifestacións.
Deste modo, calquera actuación que se leve a cabo deberá ser percibida polos axentes ou terceiros cos que se relacione como oposta á fraude, á corrupción e aos posibles conflitos de intereses. A totalidade do seu persoal, comezando polo equipo de goberno e as persoas con responsabilidades de dirección, asume e comparte este compromiso. A finalidade última é o reforzamento da política antifraude que xa se vén desenvolvendo e a promoción continua dentro da organización dunha cultura da integridade na xestión pública.
Neses termos, a USC deseñou e aprobou as liñas esenciais declarativas dun Plan de medidas antifraude, de acordo cos actos lexislativos que adoptou a Unión Europea na actual conxuntura e atendendo aos mecanismos e instrumentos de carácter financeiro que están permitindo aos Estados membros a obtención de fondos comunitarios que palíen, na medida das posibilidades, os danos económicos e sociais causados pola pandemia da COVID-19. Isto supón garantir que o destino e uso deses fondos públicos dispoñibles se adecúen ás prescricións normativas e ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) elaborado polo Goberno español nese contexto, especialmente no que se refire á prevención, detección, seguimento e corrección daquelas condutas e accións fraudulentas.
No suposto de que se detecte a existencia dunha posible fraude, ou presunción fundada da mesma, a USC comunicará e denunciará os feitos perante a Autoridade responsable e de control, procedendo a informar ao Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) como órgano encargado de coordinar as accións encamiñadas a protexer os intereses financeiros da Unión en colaboración coa Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF).
En definitiva, a través da presente declaración a USC reafirma a súa política de tolerancia cero fronte á fraude e a corrupción, e declara que conta cos controis adecuados para previr calquera actuación ou práctica que comporte un uso indebido dos mencionados fondos europeos, con implicacións que serían no só de tipo financeiro senón que irían en prexuízo e desvalorización do renome e o prestixio que esta Universidade ten acadado como institución.
O REITOR
Anexo 20
MODELO DE DECLARACIÓN DE COMPROMISO EN RELACIÓN COA EXECUCIÓN DE ACTUACIÓNS DO PLAN DE RECUPARACIÓN, TRANSFORMACIÓN E RESILIENCIA (PRTR)
Don/Dona __________________________, con DNI _______________, en calidade de xestor/a responsable de medidas antifraude no centro/estrutura/servizo/unidade denominado ____________________________, con NIF ________________e domicilio fiscal en _____________________________, na súa condición de órgano responsable do financiamento con recursos procedentes do PRTR para o desenvolvemento de actuacións necesarias na consecución dos obxectivos definidos pola Compoñente xx “ ......................................... ” derivada do devandito PRTR, manifesta o seu compromiso da entidade que representa cos estándares máis esixentes no cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, e comunicando se é o caso ás autoridades que proceda os incumprimentos observados.
Adicionalmente, atendendo ao contido do PRTR, comprométese a respectar os principios de economía circular e evitar impactos negativos que resulten significativos no ambiente (“DNSH” polas súas siglas en inglés do not significant harm) na execución das actuacións realizadas no marco do devandito Plan, e manifesta que non incorre en dobre financiamento e que, de ser o caso, non lle consta risco de incompatibilidade co réxime de axudas de Estado.
(Lugar e data)
(Nome completo e sinatura)
Cargo ou posto:__________________________
Anexo IV. MODELO DE DECLARACIÓN DE AUSENCIA DE CONFLITO DE INTERESES (DACI)
Expediente:
(Completar segundo o procedemento de que se trate)
| a) Contratación pública | Referencia, tipoloxía e obxecto do contrato |
|---|---|
| b) Subvencións e axudas públicas | Referencia á convocatoria e obxecto |
| c) Outros procedementos | Denominación/obxecto do procedemento |
Coa finalidade de garantir a imparcialidade no procedemento indicado, a persoa ou persoas que asinan a presente declaración, na súa condición de participantes no proceso de preparación e tramitación do expediente,
DECLARA/N:
Primeiro.
Que está/n informada/s do seguinte:
I. Que no artigo 61 “Conflito de intereses”, parágrafo terceiro, do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo (Regulamento financeiro da UE) determínase que existirá conflito de intereses cando o exercicio imparcial e obxectivo das funcións poida verse comprometido por razóns familiares, afectivas, de afinidade política ou nacional, de interese económico ou por calquera motivo directo ou indirecto de interese persoal.
II. Que no artigo 64 “Loita contra a corrupción e prevención dos conflitos de intereses”, da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, obrígase aos órganos de contratación a tomar as medidas adecuadas para loitar contra a fraude, o favoritismo e a corrupción, e previr, detectar e solucionar de modo efectivo os conflitos de intereses que poidan xurdir nos procedementos de licitación, co fin de evitar calquera distorsión da competencia e garantir a transparencia no procedemento e a igualdade de trato a todos os candidatos e licitadores.
III. Que no artigo 23 “Abstención“, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, establécense as circunstancias nas que as autoridades e o persoal ao servizo das administracións absteranse de intervir no procedemento, debendo comunicarllo ao seu superior inmediato, sendo estas:
a) Ter interese persoal no asunto de que se trate ou noutro en cuxa resolución poida influír a daquel; ser administrador de sociedade ou entidade interesada, ou ter cuestión litixiosa pendente con algún interesado.
b) Ter un vínculo matrimonial ou situación de feito asimilable e o parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo, con calquera dos interesados, cos administradores de entidades ou sociedades interesadas e tamén cos asesores, representantes legais ou mandatarios que interveñan no procedemento, así como compartir despacho profesional ou estar asociado con estes para o asesoramento, a representación ou o mandato.
c) Ter amizade íntima ou inimizade manifesta con algunha das persoas mencionadas na alínea anterior.
d) Ter intervido como perito ou como testemuña no procedemento de que se trate.
e) Ter relación de servizo con persoa natural ou xurídica interesada directamente no asunto, ou terlle prestado nos dous últimos anos servizos profesionais de calquera tipo e en calquera circunstancia ou lugar.
Segundo.
Que non ten/teñen incorrido en ningunha situación que poida cualificarse de conflito de intereses das indicadas no artigo 61.3 do Regulamento financeiro da UE, e que non concorre na súa persoa ningunha causa de abstención das previstas no artigo 23.2 da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, que poida afectar ao procedemento de licitación/concesión.
Terceiro.
Que se compromete/n a poñer en coñecemento do órgano correspondente, sen dilación algunha, calquera circunstancia ou situación que implique ou poida implicar a existencia dun conflito de intereses ou motivo de abstención.
Cuarto.
Que coñece/n que, no suposto dunha declaración de ausencia de conflito de intereses que se demostre ser falsa, levará consigo as consecuencias disciplinarias, administrativas e xudiciais que se establezan na normativa de aplicación.
(Lugar e data) (Lugar e data)
(Nome completo e sinatura) (Nome completo e sinatura)
Cargo ou posto:_______________ Cargo ou posto: _______________
Anexo V. MAPAS DE RISCOS DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (USC)
A elaboración dos mapas de riscos é unha das medidas previstas no Plan (epígrafe 4.2) que ten por finalidade detectar e concretar os posibles riscos unha vez que se teñan producido, cara o establecemento de controis e recomendacións de mellora. Trátase dunha ferramenta de xestión viva e flexible que poderá modificarse segundo as necesidades ou propostas advertidas polos órganos da USC con responsabilidade antifraude.
Para estes efectos e con carácter preventivo, establécese unha matriz inicial de riscos en potencia xunto cos indicadores de fraude ou sinais de alerta (bandeiras vermellas) para cada un dos ámbitos materiais previstos na normativa comunitaria reguladora dos Fondos NGEU:contratación, persoal e axudas ou subvencións. Estes indicadores non implican necesariamente a existencia da fraude, mais poden supor que nunha determinada área ou proceso concreto de execución de fondos debe prestarse atención para confirmala ou descartala.
Nos cadros ou mapas que finalmente reflictan a exposición aos riscos que se detecten considerarase a súa incidencia en virtude dos resultados da autoavaliación efectuada pola propia Universidade, atendendo ás dúas seguintes variables a ter en conta:
- Probabilidade de ocorrencia do risco
- Impacto que ocasionaría se finalmente se chegase a materializar o risco
En función das posibles combinacións que se produzan poderase catalogar o nivel de risco como baixo, medio ou alto, tal e como se deduce da seguinte táboa:
MATRIZ DE RISCOS E INDICADORES POR ÁMBITOS DE ACTUACIÓN
I) CONTRATACIÓN
| DESCRICIÓN DE RISCOS | INDICADORES DE RISCO (BANDEIRAS VERMELLAS) | AUTOAVALIACIÓN |
|---|---|---|
|
Actuacións preparatorias da contratación Erros, incorreccións ou deficiencias detectadas na fase de preparación dos expedientes, coa conseguinte contratación de obras, servizos ou subministracións non óptimas, con posible limitación do acceso á contratación pública en condicións de igualdade e non discriminación a todos os licitadores. |
Redacción de pregos con prescricións máis restritivas ou máis xerais que as aprobadas en procedementos previos similares. Presentación dunha única oferta ou o número de licitadores anormalmente baixo, cando exista un elenco amplo ou suficiente de empresas no ámbito ao que se refire o obxecto do contrato. Reclamacións doutros licitadores ou queixas por escrito referidas á limitación da concorrencia no procedemento de contratación. Emprego elevado de modalidades de tramitación que permiten reducir os prazos ou publicidade para limitar e/ou evitar a concorrencia (tramitación abreviada, urxente ou de emerxencia). |
|
|
Detección de prácticas colusorias nas licitacións Acordos entre distintas empresas para a manipulación do procedemento de licitación, limitando ou eliminando a competencia entre elas, por regra xeral coa finalidade de incrementar artificialmente os prezos ou reducir a calidade das obras, bens ou servizos. |
Posibles acordos entre os licitadores no procedemento ou para o reparto de mercado, en complicidade con empresas relacionadas ou vinculadas. Detección de patróns de ofertas non usuais ou similares, os prezos son demasiado altos, ou próximos, moi diversos, en números redondos, incompletos, e outras posibles irregularidades. O adxudicatario subcontrata con outros licitadores que feixen participado no procedemento de contratación, de tal forma que un licitador non resulta adxudicatario termina executando parte do contrato a través do mecanismo da subcontratación. Retirada inesperada de proposicións ou ofertas por parte dos licitadores, ou cando finalmente o adxudicatario non acepta o contrato sen motivo ou causa que o xustifique. |
|
|
Existencia de conflitos de intereses O exercicio imparcial e obxectivo das funcións dalgunha das persoas que interveñen nas distintas fases do procedemento vese comprometido por razóns familiares, afectivas, de afinidade política, interese económico ou calquera outro motivo directo ou indirecto de interese persoal. |
Comprobación de que por parte dos empregados do órgano de contratación non se traballou recentemente para as empresas que se presenten ás licitacións. Reiteración das adxudicacións a favor dun mesmo licitador. Os empregados públicos encargados de tramitar os expedientes non presentan a Declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI) prevista para todo o persoal ou a presentan de forma incompleta. Socialización entre un empregado público con intervención no procedemento de contratación e un provedor. |
|
|
Incumprimento na valoración técnica ou económica das ofertas presentadas Valoración pouco motivada das ofertas para beneficiar a uns licitadores en detrimento doutros. |
Os criterios de adxudicación non están suficientemente detallados ou están redactados de forma ambigua, pouco clara ou aberta, para os efectos de selección e ponderación das ofertas. Non existe unha coherencia entre as ofertas que se pretenden contratar coas reformas/investimentos derivadas dos compoñentes do PRTR, nin cos fitos ou obxectivos a cuxo cumprimento deben contribuír, ou non se realiza mención sobre calquera deses aspectos nos documentos da licitación. Os criterios de adxudicación incumpren obrigas transversais derivadas do PRTR, como son o principio de “non causar un dano significativo” ou a etiquetaxe verde e dixital. Reclamacións ou queixas presentadas por outros licitadores que puideran relacionarse coa incorrecta valoración das ofertas presentadas. |
|
|
Fraccionamento de contratos División do obxecto contractual coa finalidade de fraccionalo en contratos independentes. |
Fraccionamento mediante a realización de dous ou máis contratos en distintos procedementos con idéntico adxudicatario, nos que os traballos, servizos ou bens subministrados parecen ser case idénticos en canto ao seu contido, situación ou características. Realización de compras secuenciais por debaixo dos limiares de licitación que determinan a necesidade de licitacións abertas. |
|
|
Incumprimentos na formalización de contratos Irregularidades na formalización do contrato de modo que non se axusta con exactitude ás condicións da licitación ou se alteran os termos da adxudicación. |
O contrato formalizado en documento administrativo non se axusta con exactitude ás condicións da licitación e/ou adxudicación. Demora injustificada na sinatura do contrato por parte do órgano de contratación ou do adxudicatario. Falta de publicación do anuncio de formalización no perfil do contratante ou nos diarios ou boletíns oficiais que corresponda. |
|
|
Incumprimentos ou deficiencias na execución de contratos Detéctanse incumprimentos por parte do contratista das especificacións do contrato durante a súa execución. |
Verificación do incumprimento total ou parcial, ou ben defectuoso, das prestacións contratadas motivado en circunstancias variadas: realización incorrecta dos traballos ou servizos; falta de entrega ou de substitución de produtos por outros de calidade inferior; incumprimento en termos de calidade, integridade ou prazos de entrega; asignación de recursos non cualificados ou de número insuficiente ás necesidades contractuais. Modificación dos contratos en canto ao seu prezo. Cambios substanciais no enfoque do proxecto ou nos seus custos, tras ser adxudicado. |
|
|
Incumprimentos e/ou falsidade na documentación contractual Os licitadores, ou ben os adxudicatarios, incorrer en falsidade para acceder ao procedemento e/ou aprésase a mesma na documentación presentada. |
Erro na documentación ou na información presentada polos licitadores, ou se é o caso polo adxudicatario, en función da fase do procedemento de contratación. Os documentos xustificativos dos custos ou da facturación inclúen sobreestimación da calidade ou das retribucións a personal, realización de prestacións fora do prazo de execución, a inclusión de facturas duplicadas, incrementadas, por prestacións non executadas ou distintas das que constitúen o obxecto da contratación. |
|
|
Dobre financiamento Incumprimento da prohibición de dobre financiamento |
Incórrese na prohibición de dobre financiamento para os mesmos custos sempre que así apareza recollida na normativa aplicable. |
|
|
Incumprimento das obrigas de información, comunicación e publicidade Non se cumpre o estipulado na normativa nacional ou europea respecto das obrigas de información e publicidade. |
Dificultades de acceso á documentación para os distintos licitadores. Prodúcense un incumprimento dos deberes de información, comunicación ou publicidade contidos nos diferentes textos normativos, tanto nacionais como europeos, en particular daqueles derivados do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), do PRTR e documentación complementaria referida a medidas, proxectos ou subproxectos. Incumprimento do deber de identificación do perceptor final dos fondos, contratistas ou subcontratistas. |
|
|
Perda de pista de auditoría Non está garantida a conservación de toda a documentación e rexistros contables para dispor dunha pista de auditoría adecuada |
Incumprimento da obriga de conservación de documentos prevista na normativa comunitaria e/ou nacional (artigo 132 do Regulamento financeiro da UE; art. 22 do Regulamento do MRR; art. 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; art. 14 da Lei 47/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións). Non se garante o compromiso de suxeición aos controis dos organismos europeos polos perceptores finais de fondos (Oficina Europea de Loita contra a Fraude-OLAF, Tribunal de contas europeo, Fiscalía europea). |
II) SUBVENCIÓNS E AXUDA
| DESCRICIÓN DE RISCOS | INDICADORES DE RISCO (BANDEIRAS VERMELLAS) | AUTOAVALIACIÓN |
|---|---|---|
|
Axudas concedidas Procedemento de xestión das subvencións: ausencia dun procedemento homoxéneo na xestión das subvencións, becas e outras axudas ou exclusión dalgunha das fases do procedemento. |
• Detección de convocatorias e resolucións con procedementos diversos sendo da mesma natureza. • Non se efectúa un seguimento das diversas fases do procedemento de concesión de axudas. |
|
|
Axudas concedidas Limitación da concorrencia.: o procedemento de concesión non se desenvolve con transparencia e publicidade. |
• Insuficiente difusión das bases reguladoras e da convocatoria. • Non se establecen de forma clara os requisitos exixidos para obter a condición de beneficiarios ou os baremos utilizados para a súa selección. |
|
|
Expedientes de concesión de subvencións/axudas Trato non igualitario na selección de solicitantes: non se garante un procedemento obxectivo na selección de participantes e limitase o acceso en termos de igualdade para todos os potenciais beneficiarios. |
• Non se verifica axeitadamente o cumprimento dos principios de obxectividade, igualdade e non discriminación na selección de beneficiarios. • Constatación do uso de criterios de selección de beneficiarios non uniformes ou homoxéneos para convocatorias afíns ou similares. |
|
|
Expedientes de concesión de subvencións/axudas Existencia de conflito de intereses no exercicio imparcial das funcións dalgunha das persoas integrantes das comisións avaliadoras, por razóns familiares, afectivas, de afinidade política, intereses económicos ou calquera outro motivo directo ou indirecto de interese persoal. |
• Motivación insuficiente e/ou pouco clara na avaliación e selección dos beneficiarios. • Os empregados públicos encargados de tramitar os expedientes non presentan a Declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI) prevista para todo o persoal ou a presentan de forma incompleta. |
|
|
Subvencións e/ou axudas recibidas Desviación do obxecto da subvención: os fondos públicos recibidos son aplicados a fins distintos para os que a subvención o axuda foi concedida. |
• Falta de concreción de información sobre a realización do proxecto, obxecto ou finalidade para a que foi concedida a subvención/axuda. • Ausencia de información sobre a obriga de comprobación (documental e/ou material) do destino dado aos fondos. |
|
|
Subvencións e/ou axudas recibidas Dobre financiamento: risco de exceso no cofinanciamento de proxectos, subproxectos ou liñas de axuda. |
• Existencia de varios cofinanciadores para o mesmo proxecto, subproxecto ou liña de axuda. • Non hai documentación clara das posibles achegas realizadas por terceiros (convenios, doazóns,...) para os efectos do cumprimento da prohibición doutras axudas, se así o establece as bases reguladoras. |
|
|
Subvencións e/ou axudas recibidas Xestión ineficiente dos fondos destinados a persoal: deficiencias no tratamento contable dos gastos de persoal por unha incorrecta planificación. |
• Saltos de nómina por insuficiencia de crédito. • Necesidade de suplementar as partidas con fondos propios. • Reintegro de fondos derivados da incapacidade de executar a totalidade das axudas. |
|
|
Subvencións e/ou axudas recibidas Incorrecta tramitación na execución da subvención: obviar as normas de execución dos fondos (incumprimento lei contratos, facturación servizos non prestados...). |
• Curto período para executar fondos. • Factura de importe elevado preto do peche da anualidade. |
|
|
Subvencións e/ou axudas recibidas Determinación incorrecta da elixibilidade dos gastos: execución de gastos non elixibles en función de cada convocatoria. |
• Detección de gastos non elixibles na fase de xustificación. • Requirimentos recibidos por parte dos organismos financiadores como consecuencia da detección de erros sobre a elixibilidade dos gastos. |
|
|
Subvencións e/ou axudas recibidas Reintegro parcial de fondos por insuficiencia ou carencia da información necesaria para a xustificación, segundo os requisitos establecidos na convocatoria. |
• Constatación de importes de axuda pendentes de xustificar. • Reintegro de fondos derivados da xustificación defectuosa ou incorrecta. |
III) PERSOAL
| DESCRICIÓN DE RISCOS | INDICADORES DE RISCO (BANDEIRAS VERMELLAS) | AUTOAVALIACIÓN |
|---|---|---|
|
Existencia de incompatibilidades Posible incumprimento da normativa de incompatibilidades por parte do profesorado, persoal investigador, persoal de apoio á investigación e do persoal de administración e servizos. |
• Seguimento dos procedementos establecidos pola Área de persoal relacionados coas solicitudes de recoñecemento e autorización de compatibilidade. |
|
|
Procedementos de selección de persoal Posible incumprimento dos principios de igualdade e publicidade no acceso ao emprego público. |
• Verificar a forma en que se está a producir a publicación das convocatorias, coa finalidade de garantir a publicidade e a igualdade. |
|
|
Contratación temporal de persoal Risco de creación de relacións laborais indefinidas encubertas a través da contratación administrativa temporal. |
• Comprobación da adecuación aos supostos legais taxativos previstos para os supostos de temporalidade na normativa da función pública, tendo moi en conta as recentes modificacións producidas no devandito ámbito. |
|
|
Órganos de selección de persoal Incumprimento dos principios de imparcialidade e profesionalidade das persoas integrantes dos órganos de selección. |
• Membros do tribunal con escasa especialización en relación ao tipo de postos convocados. |
|
|
Conflito de intereses Posible existencia dun conflito de intereses das persoas integrantes dos tribunais e comisións de selección cos participantes nos respectivos procesos. |
• Constatación dun conflito de intereses dos membros dos tribunais e comisións. • Os empregados públicos que participan no proceso de selección non presentan a Declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI) prevista para todo o persoal ou a presentan de forma incompleta. |
|
|
Retribucións en materia de persoal Risco de inadecuada concesión e percepción dalgúns dos conceptos retributivos do persoal. |
• Verificación do cumprimento da normativa reguladora da percepción de retribucións por parte do persoal da USC. |
|
|
Retribucións en materia de persoal Risco de superación do máximo por actividades relacionadas cos contratos do artigo 83 LOU. |
• Comprobación polos responsables dos centros e estruturas de investigación das retribucións percibidas acumuladas durante o exercicio para non superar os límites establecidos pola normativa. |
|
|
Cumprimento de xornada e horarios Falta de control do cumprimento da xornada laboral e horarios por parte do persoal. |
• Insuficiencia ou ausencia de comprobación polos responsables de centros, servizos e/ou estruturas de investigación do cumprimento da xornada laboral por parte de todo o persoal con obriga de rexistro horario (PAS, PDI e outro persoal), tanto de forma presencial como nos supostos de prestación de servizos mediante teletraballo que se autoricen. |
Anexo 31. FORMULARIO DE DENUNCIA ANTIFRAUDE DA USC
Anexo 32. MODELO DE DECLARACIÓN DE CESIÓN E TRATAMENTO DE DATOS EN RELACIÓN COA EXECUCIÓN DE ACTUACIÓNS DO PLAN DE RECUPERACIÓN, TRANSFORMACIÓN E RESILIENCIA (PRTR)
Don/Dona _______________________, con DNI _____________ en calidade de Conselleiro/a Delegado/a; Xerente/a[1] da entidade/empresa___________________________, con NIF _____________ e domicilio fiscal en ___________________________, beneficiario/a de axudas financiadas con recursos procedentes do PRTR/ que participa como contratista/subcontratista no desenvolvemento de actuacións necesarias para a consecución dos obxectivos definidos na Compoñente xx “ ................................. ”[2], declara coñecer a normativa que é de aplicación, en particular os seguintes apartados do artigo 22 del Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia:
1. A letra d) do apartado 2: «Recoller, para os efectos de auditoría e control do uso dos fondos en relación coas medidas destinadas á execución de reformas e proxectos de investimento no marco do plan de recuperación e resiliencia, nun formato electrónico que permita realizar buscas e nunha base de datos única, as categorías harmonizadas de datos seguintes:
i. O nome do perceptor final de los fondos;
ii. O nome do contratista e do subcontratista, cando o perceptor final dos fondos sexa un poder adxudicador de conformidade co Dereito da Unión ou nacional en materia de contratación pública;
iii. Os nomes, apelidos e datas de nacemento dos titulares reais do perceptor dos fondos ou do contratista, segundo se define no artigo 3, punto 6, da Directiva (UE) 2015/849 do Parlamento Europeo e do Consello;
iv. Unha listaxe de medidas para a execución de reformas e proxectos de investimento no marco do plan de recuperación e resiliencia, xunto co importe total do financiamento público desas medidas e que indique a contía dos fondos desembolsados no marco do Mecanismo e doutros fondos da Unión».
2. Apartado 3:«Os datos persoais mencionados no apartado 2, letra d), do presente artigo só serán tratados polos Estados membros e pola Comisión para os efectos e a duración da correspondente auditoría da aprobación da xestión orzamentaria e dos procedementos de control relacionados coa utilización dos fondos relacionados coa aplicación dos acordos a que se refiren os artigos 15, apartado 2, e 23, apartado 1. No marco do procedemento de aprobación da xestión da Comisión, de conformidade co artigo 319 do TFUE, o Mecanismo estará suxeito á presentación de informes no marco da información financeira e de rendición de contas integrada a que se refire o artigo 247 do Regulamento Financeiro e, en particular, por separado, no informe anual de xestión e rendemento».
Consonte o marco xurídico exposto, manifesta acceder á cesión e tratamento dos datos cos fins expresamente relacionados nos artigos citados.
(Lugar e data)
(Nome completo e sinatura)
Cargo: ______________________
[1] Na incorporación desta declaración ao procedemento indicarase o que corresponda segundo o cargo/responsabilidade da persoa que asina.
[2] Na incorporación desta declaración ao procedemento indicarase o que corresponda segundo a condición na que se actúa no procedemento administrativo, así como a denominación da Compoñente que proceda derivada do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.