Proposta de acordo sobre a composición, funcións e normas de funcionamento ordinario da Mesa de Contratación para adaptala á Ley 9/2017, de 8 de noviembre, de Contratos del Sector Público: desenvolvemento parcial do artigo 181 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC)
NORMA CONSOLIDADA
A Ley 9/2017, de 8 de noviembre, de Contratos del Sector Público (LCSP) que con carácter xeral, agás algúns preceptos puntuais, entrará en vigor o vindeiro 9 de marzo de 2018, regula no seu artigo 326 a composición e as funcións das Mesas de Contratación.
Dado que o artigo 183.1 dos Estatutos da Universidade (Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro), onde se dispoñía a composición da Mesa de Contratación da USC, encóntrase implicitamente derrogado pola citada Ley 9/2017, cómpre presentar ao Consello de Goberno, para continuar despois a súa tramitación perante o Consello Social, unha proposta que estableza a nova composición daquela e que asuma a natureza e funcións que lle son atribuídas legalmente.
Significa o anterior que por motivos de urxencia se anticipa unha parte do que será o Regulamento de Contratación da USC, cuxo desenvolvemento, xa plenamente adaptado as prescricións da Ley 9/2017, é ordenado polo artigo 181 dos Estatutos da Universidade, segundo o cal:“ A contratación na Universidade de Santiago de Compostela efectuarase de acordo co oportuno regulamento aprobado polo Consello Social por proposta do Consello de Goberno, dentro do marco da lexislación xeral sobre a materia”.
Dos tres grupos de materias sobre os que se pronunciará este acordo:natureza e funcións da Mesa de Contratación, composición e normas para o seu funcionamento ordinario, o segundo deles amosase máis innovador e restritivo se se compara co marco xurídico precedente.
En efecto, o artigo 183.1 dos Estatutos da Universidade decreta que:“A Mesa de Contratación estará formada, polo menos, polo reitor ou polo vicerreitor en quen delegue, polo presidente do Consello Social ou persoa que designe, polo xerente ou funcionario do persoal de administración e servizos que designe, por un funcionario do servizo responsable do control interno, por un funcionario da Asesoría Xurídica da Universidade e por un funcionario do servizo responsable da xestión da contratación. Actuará como secretario outro funcionario do servizo responsable da xestión da contratación, con voz pero sen voto”.
Fronte a el, cómpre opoñer o artigo 326.5 da Ley 9/2017 que exclúe da Mesa de contratación, e tamén lles impide a emisión de informes de ofertas, os cargos públicos representativos, e dicir, o reitor. Pero engade ademais as seguintes restricións:
· Só poderá formar parte delas o persoal funcionario interino cando non existan funcionarios de carreira suficientemente cualificados e así se acredite no expediente.
· Tampouco poderá formar parte delas o persoal eventual e o persoal que teña participado na redacción da documentación técnica do contrato.
Por outra banda, o artigo 326.5 da Ley 9/2017 esixe que entre os vogais da Mesa de Contratación figuren necesariamente un funcionario quen teña atribuído legal ou regulamentariamente o asesoramento xurídico do órgano de contratación e un interventor, ou, en defecto destes, unha persoa ao servizo do órgano de contratación que teña atribuídas as funcións correspondentes de asesoramento xurídico, e outra que as teña no ámbito do control económico-orzamentario.
Co fin de cumprir o establecido no artigo 326.5 da Ley 9/2017 e de manter unha composición o máis axustada posible ao disposto no artigo 183 no que atinxe ao número de membros da Mesa de Contratación, esta contará con sete cuxa descrición se contén no clausulado desta proposta de acordo.
Procede recordar tamén que o reiterado artigo 326.2 da Ley 9/2017 atribúe á Mesa de Contratación a natureza de órgano de asistencia técnica especializada ao órgano de contratación na práctica totalidade dos procedementos de adxudicación dos contratos, coa excepción dos procedementos negociados nos que non sexa necesario publicar anuncios de licitación e nos procedementos abertos simplificados de tramitación abreviada, nos que a constitución da mesa será potestativa para este. En congruencia con esta natureza e segundo o mesmo artigo, a Mesa de Contratación desenvolverá entre outras as seguintes funcións:
· A cualificación da documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos previos que deben reunir os licitadores e, no seu caso, acordar a exclusión dos candidatos ou licitadores que non xustifiquen o dito cumprimento, previo trámite de corrección.
· A valoración das proposicións dos licitadores.
· No seu caso, a proposta sobre a cualificación dunha oferta como anormalmente baixa, previa tramitación do procedemento oportuno.
· A proposta ao órgano de contratación de adxudicación do contrato a favor do licitador que presentase a mellor oferta, de conformidade co prego de cláusulas administrativas particulares que rexe na licitación.
Considerando o exposto, o Consello de Goberno, reunido en sesión ordinaria ..., aprobou a seguinte proposta de acordo para elevala ao Consello Social de cara a súa aprobación definitiva, de conformidade co establecido no precitado artigo 181 dos Estatutos da Universidade e no artigo 75.3 letra k, da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (DOG do 3 de xullo de 2013).
A MESA DE CONTRATACIÓN DA USC: FUNCIÓNS, COMPOSICIÓN E NORMAS DE FUNCIONAMENTO ORDINARIO
PRIMEIRA.- Funcións
A Mesa de contratación é o órgano colexiado de xestión e asistencia técnica especializada ao órgano de contratación da USC, competente para a valoración das ofertas, con atribución de funcións para elevar ao órgano de contratación a proposta de adxudicación en todos os contratos que licite a USC polos procedementos abertos, aberto simplificado de trámite ordinario, restrinxidos, de diálogo competitivo, de licitación con negociación e de asociación para a innovación.
Na USC, a Mesa de Contratación será así mesmo competente para propoñerlle ao órgano de contratación a autorización da aplicación do procedemento negociado sen publicidade en todos aqueles contratos nos que se aprecie a existencia de calquera dos supostos regulados no artigo 168 da LCSP que se relacionan no anexo á presente proposta. Para efectuar esta proposta de autorización será precisa a previa solicitude en informe razoado da dirección do centro de gasto propoñente ou do responsable do contrato.
Non será precisa a intervención da Mesa de Contratación nos procedementos abertos simplificados de tramitación abreviada, regulados no artigo 159.6 da LCSP.
A Mesa de Contratación asistirá tamén ao órgano de contratación para validar, de ser o caso, os procedementos que incorresen en calquera dos supostos tipificados legalmente como contratación irregular por vulnerar os principios básicos da contratación pública.
SEGUNDA.- Composición
A Mesa de contratación da USC estará formada por un/unha Presidente/a, seis vogais, e un/unha Secretario/a, e coa seguinte composición:
a) Unha persoa representante da Xerencia, que a presidirá.
b) Unha persoa que teña atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico do órgano de contratación.
c) Unha persoa que teña atribuídas as funcións correspondentes ao control económico-orzamentario.
d) Unha persoa proposta polo Consello Social.
e) Tres persoas funcionarios/as de carreira da USC.
f) O/a Secretario/a, que será un/unha funcionario/a do servizo ou unidade administrativa responsable da xestión da contratación da USC.
Todos os membros da Mesa de contratación terán voz e voto, salvo o/a Secretario/a que intervirá con voz pero sen voto.
Na resolución reitoral de nomeamento, o reitor poderá nomear membros titulares e suplentes.
Todos os membros da Mesa de contratación serán funcionarios/as de carreira e contarán coa cualificación técnica especializada precisa para formar parte da mesma de conformidade con previsto na Lei de Contratos do Sector Público. Só poderá formar parte da Mesa persoal funcionario interino cando, por razóns debidamente acreditadas no expediente, non existan funcionarios/as de carreira suficientemente cualificados.
En caso de vacante, ausencia ou enfermidade do/a Presidente/a, poderá ser substituído/a por calquera outro/a funcionario/a de carreira con idéntica categoría ou, de non haber, polo membro funcionario/a da Mesa de máis categoría e antigüidade.No caso de vacante, ausencia ou enfermidade de calquera dos vogais, poderán ser substituídos por calquera outro/a funcionario/a de carreira que conte coa cualificación adecuada. No caso de que deban suplirse os vogais que desempeñen as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico do órgano de contratación ou as correspondentes ao control económico-orzamentario, deberá garantirse que os suplentes que se designen desempeñen as mesmas funcións.
O/a Secretario/a poderá ser substituído/a por outro/a funcionario/a do servizo ou unidade administrativa responsable da xestión da contratación da USC.A composición da Mesa de contratación publicarase no perfil de contratante do órgano de contratación.
Artigo modificado: Cláusula segunda nova redacción por artigo único apartado un.
TERCEIRA.- Nomeamento dos membros da Mesa de Contratación
Os membros da Mesa de Contratación serán nomeados polo/a reitor/a na súa condición de órgano de contratación da USC.
CUARTA.- Quórum
Para a válida constitución da Mesa de contratación será necesaria a asistencia do/a Presidente/a, do/a Secretario/a e tres vogais. Entre estes últimos, necesariamente deben asistir as persoas designadas como vogais que teñan atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico do órgano de contratación e as correspondentes ao control económico-orzamentario.
Artigo modificado: Cláusula cuarta nova redacción por artigo único apartado dous.
QUINTA.- Asistencia técnica á Mesa de Contratación
Ás reunións da Mesa de contratación poderán concorrer todas aquelas persoas que, a xuízo da presidencia, pola súa condición profesional, resulten necesarias para asesorar á Mesa en función da natureza dos asuntos a tratar. Todas elas actuarán con voz pero sen voto. Nas actas da Mesa, que deberán ser obxecto de publicación no perfil de contratante, deberá constar expresamente
O nome das persoas que presten este asesoramento á Mesa e a súa categoría profesional.
SEXTA.- Causas de abstención
Os membros da Mesa de Contratación deberán absterse ou poderán ser recusados nos casos e na forma previstos con carácter xeral nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público.
Así mesmo, deberá absterse de concorrer ás reunións da Mesa de Contratación o persoal que teña participado na redacción da documentación técnica do contrato.
SÉTIMA.- Vixencia
Este acordo entrará en vigor o día da súa publicación no Taboleiro Electrónico da USC.
ANEXO: SUPOSTOS DE APLICACIÓN DO PROCEDEMENTO NEGOCIADO SEN PUBLICIDADE
De aplicación xeral nos contratos de obras, subministracións, servizos, concesión de obras e concesión de servizos (só se contemplan aqueles que puideran ter aplicación USC)
- Cando non se presentase ningunha oferta; ningunha oferta adecuada; ningunha solicitude de participación; ou ningunha solicitude de participación adecuada en resposta a un procedemento aberto ou a un procedemento restrinxido, sempre que as condicións iniciais do contrato non se modifiquen substancialmente, sen que en ningún caso se poida incrementar o orzamento base de licitación nin modificar o sistema de retribución, e que se envíe un informe á Comisión Europea cando esta así o solicite.
- Cando as obras, as subministracións ou os servizos só poidan ser encomendados a un empresario determinado, por algunha das seguintes razóns :
· Que o contrato teña por obxecto a creación ou adquisición dunha obra de arte ou representación artística única non integrante do Patrimonio Histórico Español.
· Que non exista competencia por razóns técnicas ou que proceda a protección de dereitos exclusivos, incluídos os dereitos de propiedade intelectual e industrial. Este suposto só se aplicará cando non exista unha alternativa ou substituto razoable e cando a ausencia de competencia non sexa consecuencia dunha configuración restritiva dos requisitos e criterios para adxudicar o contrato.
Supostos de aplicación especifica aos contratos de obras, subministracións e servizos:
- Cando unha imperiosa urxencia resultante de acontecementos imprevisibles para o órgano de contratación e non imputables a el, demande unha pronta execución do contrato que non poida lograrse mediante a aplicación da tramitación de urxencia.
- Cando nos procedementos abertos ou restrinxidos seguidos previamente só se presentasen ofertas irregulares ou inaceptables, sempre e cando na negociación se inclúa a todos os licitadores que, no procedemento antecedente, presentasen ofertas conformes cos requisitos formais do procedemento de contratación, e sempre que as condicións iniciais do contrato non se modifiquen substancialmente, sen que en ningún caso se poida incrementar o prezo de licitación nin modificar o sistema de retribución.
Supostos de aplicación especifica aos contratos de subministracións:
- Cando os produtos se fabriquen exclusivamente para fins de investigación, experimentación, estudo ou desenvolvemento; esta condición non se aplica á produción en serie destinada a establecer a viabilidade comercial do produto ou a recuperar os custos de investigación e desenvolvemento.
- Cando se trate de entregas adicionais efectuadas polo provedor inicial que constitúan unha reposición parcial de subministracións ou instalacións de uso corrente, ou unha ampliación das subministracións ou instalacións existentes, se o cambio de provedor obrigase ao órgano de contratación a adquirir material con características técnicas diferentes, dando lugar a incompatibilidades ou a dificultades técnicas de uso e de mantemento desproporcionadas. A duración destes contratos, non poderá, por regra xeral, ser superior a tres anos.
- Cando se trate da adquisición en mercados organizados ou bolsas de materias primas de subministracións que coticen neles.
- Cando se trate dunha subministración concertada en condicións especialmente vantaxosas cun provedor que cese definitivamente nas súas actividades comerciais, ou cos administradores dun concurso, ou a través dun acordo xudicial ou un procedemento da mesma natureza.
Supostos de aplicación especifica aos contratos de servizos:
- Cando o contrato en cuestión sexa a consecuencia dun concurso de proxectos e, consonte ás normas aplicables deba adxudicarse ao gañador. En caso de que existan varios gañadores, deberase invitar a todos eles a participar nas negociacións.
- Cando se trate dun servizo concertado en condicións especialmente vantaxosas cun provedor que cese definitivamente nas súas actividades comerciais, ou cos administradores dun concurso, ou a través dun acordo xudicial ou un procedemento da mesma natureza.
Supostos de aplicación especifica aos contratos de obras e servizos (ademais dos anteriores):
- Cando as obras ou servizos que constitúan o seu obxecto consistan na repetición doutros similares adxudicados ao mesmo contratista mediante algún dos procedementos de licitación regulados na lei previa publicación do correspondente anuncio de licitación, sempre que:
· Se axusten a un proxecto base que fose obxecto do contrato inicial adxudicado por ditos procedementos
· A posibilidade de facer uso deste procedemento estea indicada no anuncio de licitación do contrato inicial
· O importe das novas obras ou servizos se tivese en conta ao calcular o valor estimado do contrato inicial
· Non transcorreran máis de tres años a partir da celebración do contrato inicial
· No proxecto base se mencionarán necesariamente o número de posibles obras ou servizos adicionais, así como as condicións en que serán adxudicados estes
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.