Acordo do consello de goberno do 28 de outubro de 2022 relativo á modificación da normativa de contratación da Universidade de Santiago de Compostela, no referido á composición da mesa de contratación

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1047
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

O 9 de marzo de 2018 entrou en vigor a Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014.

Dita Lei estableceu no seu artigo 326 o funcionamento e composición das Mesas de contratación, como órganos de asistencia especializada, que asisten aos órganos de contratación das Universidades Públicas.

Co obxecto de adaptarse á norma antedita, con data do 7 de marzo de 2018 o Consello Social da USC, previa proposta do Consello de Goberno, aprobou o Acordo polo que se regula«A Mesa de contratación da USC: funcións, composición e normas de funcionamento ordinario», ditado en cumprimento do mandato de desenvolvemento, aínda que parcial, do artigo 181 dos Estatutos da USC.

Con data de 29 de xuño de 2022 presentouse no Consello de Goberno unha nova estrutura organizativa da USC, que fai oportuno a revisión do Acordo antedito co obxecto de adecuar a regulación da composición da Mesa de contratación á nova estrutura organizativa da USC e, ao tempo, dotar de efectividade real á facultade do reitor, na súa condición de órgano de contratación, de nomear aos membros da Mesa de contratación.

Á vista do exposto, e en virtude das competencias atribuídas polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, o Consello de Goberno na súa sesión do 28 de outubro de 2022, ACORDA:

Primeiro.

Modificar o Acordo do Consello Social de 7 de marzo de 2018 polo que se regula

«A Mesa de contratación da USC: funcións, composición e normas de funcionamento ordinario», nos termos recollidos no Anexo ao presente acordo.

Segundo.

Remitir a modificación do Acordo do Consello Social de 7 de marzo de 2018 ao Consello Social para a súa aprobación definitiva e, no seu caso, posterior publicación no Taboleiro de anuncios da USC, entrando en vigor o día da súa publicación.

Vº el prace

o reitor

Antonio López Díaza

ANEXO

Artigo único. Modificación do Acordo do Consello Social de 7 de marzo de 2018 polo que se regula «A Mesa de contratación da USC: funcións, composición e normas de funcionamento ordinario».

Introdúcense no Acordo do Consello Social de 7 de marzo de 2018, que regula«A Mesa de contratación da USC: funcións, composición e normas de funcionamento ordinario», as seguintes modificacións:

Un. Dáse unha nova redacción da cláusula segunda, que queda redactada como sigue:

«SEGUNDA.- Composición.

A Mesa de contratación da USC estará formada por un/unha Presidente/a, seis vogais, e un/unha Secretario/a, e coa seguinte composición:

a) Unha persoa representante da Xerencia, que a presidirá.

b) Unha persoa que teña atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico do órgano de contratación.

c) Unha persoa que teña atribuídas as funcións correspondentes ao control económico-orzamentario.

d) Unha persoa proposta polo Consello Social.

e) Tres persoas funcionarios/as de carreira da USC.

f) O/a Secretario/a, que será un/unha funcionario/a do servizo ou unidade administrativa responsable da xestión da contratación da USC.

Todos os membros da Mesa de contratación terán voz e voto, salvo o/a Secretario/a que intervirá con voz pero sen voto.

Na resolución reitoral de nomeamento, o reitor poderá nomear membros titulares e suplentes.

Todos os membros da Mesa de contratación serán funcionarios/as de carreira e contarán coa cualificación técnica especializada precisa para formar parte da mesma de conformidade con previsto na Lei de Contratos do Sector Público. Só poderá formar parte da Mesa persoal funcionario interino cando, por razóns debidamente acreditadas no expediente, non existan funcionarios/as de carreira suficientemente cualificados.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade do/a Presidente/a, poderá ser substituído/a por calquera outro/a funcionario/a de carreira con idéntica categoría ou, de non haber, polo membro funcionario/a da Mesa de máis categoría e antigüidade.No caso de vacante, ausencia ou enfermidade de calquera dos vogais, poderán ser substituídos por calquera outro/a funcionario/a de carreira que conte coa cualificación adecuada. No caso de que deban suplirse os vogais que desempeñen as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico do órgano de contratación ou as correspondentes ao control económico-orzamentario, deberá garantirse que os suplentes que se designen desempeñen as mesmas funcións.

O/a Secretario/a poderá ser substituído/a por outro/a funcionario/a do servizo ou unidade administrativa responsable da xestión da contratación da USC.A composición da Mesa de contratación publicarase no perfil de contratante do órgano de contratación.»

Dous. Dáse unha nova redacción da cláusula cuarta, que queda redactada como sigue:

«CUARTA.- Quórum.

Para a válida constitución da Mesa de contratación será necesaria a asistencia do/a Presidente/a, do/a Secretario/a e tres vogais. Entre estes últimos, necesariamente deben asistir as persoas designadas como vogais que teñan atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico do órgano de contratación e as correspondentes ao control económico-orzamentario.»

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver