Instrución para a tramitación do procedemento no caso de identificación de conflito de interese

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1247
Departamento: Xerencia
Estado: En vigor

A xestión dos gastos que se imputan a partidas financiadas con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia están sometidos a un procedemento específico que require a realización de certas comprobacións previas, como a comprobación de conflito de interese e comprobación deste no sistema MINERVA.

O resultado da comprobación en MINERVA recollese nun informe que pode sinalar o seguinte:

• Bandeira verde: non se identifica risco polo que se pode realizar a tramitación do gasto.

• Bandeira vermella: pode existir conflito de interese e hai que agardar a que se resolva ou adxudicar a outro provedor, de ser o caso.

• Bandeira negra: non existe información sobre conflito de interese por non haber datos

A Orde HFP/55/2023, de 24 de xaneiro, relativa a análise sistemática do risco de conflito de interese nos procedementos que executan o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, establece no seu artigo 6 o procedemento a aplicar no caso de identificación do risco de conflito de interese concretado nunha bandeira vermella de MINERVA.

Este procedemento fai referencia a que se a persoa afectada pola identificación dun risco de conflito de interese, concretado nunha bandeira vermella, alegara de forma motivada, ante o seu superior xerárquico, que non recoñece a validez da información, deberá ratificarse mediante unha nova DACI.

O responsable da operación solicitará a MINERVA información adicional dos riscos detectados, indicando, como xustificación para a obtención dos ditos datos, que a abstención non se produciu. Esta información adicional será trasladada polo responsable da operación ao superior xerárquico do decisor.

Todos os investigadores (IP) de proxectos con financiación procedente de fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia teñen a consideración de “decisor” do procedemento.

A relación xerárquica dos investigadores na USC non está establecida normativamente e para os efectos dunha correcta tramitación do procedemento establecido no artigo 6 da Orde HFP/55/2023, cómpre que o superior xerárquico do decisor este claramente identificado.

Tendo en conta todo o anterior, a Xerencia DISPÓN:

Primeiro. Tramitación

1. Identificado un risco de conflito de interese, concretado nunha bandeira vermella, o responsable de operación dará traslado da incidencia, mediante correo electrónico ao superior xerárquico do decisor.

2. O superior xerárquico do decisor solicitará a abstención do procedemento ou a ratificación mediante unha nova DACI, que deberá realizarse no prazo máximo de 2 días hábiles.

3. De optar pola ratificación o responsable de operación solicitará información adicional a MINERVA e dará traslado, mediante correo electrónico, ao superior xerárquico do decisor da dita información adicional.

4. O superior xerárquico poderá aceptar a continuidade no procedemento do decisor ou decidir a súa abstención, comunicando a decisión ao decisor e ao responsable de operación.

Segundo. Superiores xerárquicos

Terán a consideración de superior xerárquico do decisor segundo os casos os seguintes:

1. No suposto de que o decisor (IP) se encontre incluído nun grupo de investigación, o superior xerárquico será a persoa que exerza de coordinador do grupo.

2. No suposto de que o decisor (IP) pertenza a un centro de investigación, o superior xerárquico será a persoa responsable do centro de investigación.

3. Nos restantes casos será a persoa que ostenta a dirección do departamento ao que pertenza o decisor (IP) ou a Vicerreitoría de Investigación. Estes casos serán analizados de forma individualizada.

Terceiro. Disposicións adicionais

Facúltase á Oficina Next Generation a resolver as dúbidas e realizar as indicacións operativas para aplicar esta Instrución.

Noveno. Entrada en vigor

Esta instrución entrará en vigor a partir do día seguinte da súa publicación no taboleiro electrónico da USC.

O xerente

Javier Ferreira Fernández

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver