Acordo do consello de goberno do 22 de xullo de 2022 polo que se aproba a modificación do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela
NORMA CONSOLIDADA
O 29 de decembro de 2020 o Consello de Goberno aprobou o Regulamento de Xestión Orzamentaria, ratificado polo Consello Social en sesión do 22 de xaneiro de 2021, que entrou en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 26, do 9 de febreiro de 2021).
A súa aprobación, ademais de cumprir co mandato do artigo 176.2 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, respondía entre outras razóns, tal e como sinala a propia Exposición de Motivos do Regulamento de Xestión Orzamentaria, a unha esixencia de actualización e adaptación normativa (o texto base era de 1988) e á necesidade de prover á Universidade de Santiago de Compostela dunha regulamentación interna que dotase de estabilidade ao seu réxime orzamentario.
Transcorrido máis dun ano e medio dende a súa aprobación, baixo a cobertura de dito Regulamento aprobáronse os orzamentos de 2021 (sesión do Consello Social do 07 de xuño de 2021), a súa prórroga para o exercicio 2022 (resolución de Xerencia do 29 de decembro de 2021) e a aprobación dos orzamentos de 2022 (sesión do Consello Social do 30 de maio de 2022).
Cumprir cos principios de boa regulación que rexen o exercicio da potestade regulamentaria, previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, non sempre é efectivo nun momento inicial de elaboración e entrada en vigor das normas. Na meirande parte dos casos é a súa aplicación práctica a que pon de manifesto necesidades de modificación ou reforma. O cumprimento de ditos principios, en particular os de eficacia e de seguridade xurídica, esixen modificar o Regulamento de Xestión Orzamentaria.
O artigo 13 do Regulamento de Xestión Orzamentaria, baixo o título de«liñas xerais do orzamento» dispón que:
«1. A actividade económico-financeira da USC desenvolverase segundo as liñas xerais do orzamento aprobadas anualmente, de acordo coas previsións contidas na programación plurianual ou coa súa actualización.2. O contido das liñas xerais do orzamento verá determinado polos obxectivos institucionais da Universidade relacionados coa actividade económico-financeira no seu conxunto e pola situación e análise dos ingresos e gastos derivados dela.3. As liñas xerais do orzamento serán elaboradas pola Xerencia e presentadas polo reitor perante o Claustro universitario para a súa aprobación.»
En relación con dito artigo, en primeiro lugar, os parágrafos 1 e 2 recollen proclamacións xerais sobre as liñas xerais pero carecen da concreción necesaria aos efectos de delimitar o seu contido. Nada precisan sobre este máis alá da súa necesaria congruencia coa programación plurianual e cos obxectivos institucionais da Universidade. O parágrafo 3 nada novo engade ao previsto polo artigo 171 dos Estatutos.
En segundo lugar, ao elaborar o Regulamento de Xestión Orzamentaria debeu aproveitarse a ocasión para precisar o grado de vinculación dos orzamentos co contido previsto polas liñas xerais, de forma que tal previsión servise de complemento ao disposto nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e no Regulamento de Réxime Interno do Claustro que prevén o carácter vinculante do acordo polo que se aproban as liñas xerais para os restantes órganos da Universidade no exercicio das súas competencias.
En terceiro lugar, nada se prevé no artigo 13 do Regulamento respecto da presentación de emendas ás liñas xerais.
Por outro lado, o artigo 15,«proxecto de orzamento», no que respecta á presentación de emendas a este, limítase a sinalar a posibilidade da súa formulación ante o Consello de Goberno:«sempre que as circunstancias o permitan, antes do 30 de novembro de cada ano o proxecto de orzamento deberá ser presentado polo reitor ou reitora, perante o Consello de Goberno, para o seu debate, emenda e aprobación con anterioridade ao inicio do ano» (artigo 15.4). O Regulamento de Réxime Interno de dito órgano engade que o prazo para a presentación de emendas será de 10 días e que unha vez rematado, tanto a programación plurianual como o orzamento serán sometidos a debate e informe na Comisión de Asuntos Económicos do Consello de Goberno (artigo 24, apartados 3 e 4, do Regulamento de Réxime Interno do Consello de Goberno).
A necesidade de dar cumprimento aos principios de boa regulación antes referidos, a insuficiente redacción do artigo 13 do Regulamento de Xestión Orzamentaria respecto das liñas xerais, a ausencia normativa en dito precepto sobre a presentación de emendas e a insuficiente regulación das que se formulen ao proxecto de orzamentos do artigo 15, esixen, por un lado, facer unha modificación do artigo 13 que delimite o contido e alcance das liñas xerais e incorpore a regulación da formulación de emendas ás mesmas; por outro lado, é necesario incorporar un novo parágrafo ao artigo 15 relativo ao réxime de emendas ao proxecto de orzamentos.
Á vista do exposto e en virtude das competencias atribuídas polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, o Consello de Goberno na súa sesión do 22 de xullo de 2022,
ACORDA
Primeiro.
Aprobar a modificación do Regulamento de Xestión Orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela nos termos recollidos no Anexo ao presente acordo.
Segundo.
Remitir a modificación do Regulamento de Xestión Orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela ao Consello Social para a súa ratificación e, no seu caso, posterior publicación no Diario Oficial de Galicia, entrando en vigor ao día seguinte da data de publicación.
Vº e prace
O reitor
Antonio López Díaz
ANEXO. Modificación do Regulamento de Xestión Orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela
Artigo único. Modificación do Regulamento de Xestión Orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela.
Introdúcense no Regulamento de Xestión Orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela as seguintes modificacións:
Un. Se modifican os apartados 2 e 3 do artigo 13, e se incorpora un novo apartado 4, redactados como sigue:
[...]
«2. O contido das liñas xerais do orzamento virá determinado polos obxectivos institucionais da Universidade relacionados coa actividade económico-financeira no seu conxunto e pola situación e análise dos ingresos e gastos derivados dela.
Coa finalidade de establecer o obxecto e alcance dos orzamentos, as liñas xerais reflectirán:
a) O estado de cumprimento dos obxectivos programados nos orzamentos en curso.
b) As principais magnitudes do escenario económico xeral e dos condicionantes externos e internos que afecten á xestión administrativa e orzamentaria da Universidade. En canto aos condicionantes internos, as liñas farán mención, no seu caso, aos compromisos adquiridos e ás actuacións xa iniciadas en exercicios anteriores.
c) As accións estratéxicas e instrumentais para o novo exercicio, que definirán os obxectivos principais a alcanzar, as necesidades a atender e as políticas, do goberno e da institución, a executar. Estas accións poderán traducirse en proxectos, plans, programas ou actuacións concretas.
d) A vinculación das liñas estratéxicas e instrumentais coa programación plurianual ou coa súa actualización.
e) Un resumo xeral da previsión dos estados de ingresos e de gastos dos orzamentos a nivel de capítulo, segundo a súa clasificación económica en termos numéricos, reflectindo unha previsión de uns e outros o mais axustada á realidade.
f) Unha comparativa das previsións de ingresos e gastos dos novos orzamentos en termos numéricos a nivel de capítulo respecto, cando menos, do exercicio inmediato anterior. Na mesma reflectiranse os incrementos ou diminucións en termos porcentuais.
g) As principais novidades que incorporan con indicación dos ingresos e gastos máis salientables a nivel de capítulo.
h) Calquera outra cuestión que poida resultar determinante para a elaboración dos orzamentos ou veña imposta pola normativa aplicable.
3. As liñas xerais do orzamento serán elaboradas pola Xerencia e presentadas polo reitor ou reitora perante o Claustro para a súa aprobación.
Poderán presentarse propostas de emenda ás liñas xerais do orzamento perante o Claustro Universitario.
A Mesa do Claustro fixará no acordo da convocatoria da sesión correspondente a forma de presentación das emendas, o prazo para a súa formulación e o número mínimo de asinantes. Corresponde tamén á Mesa decidir sobre a admisión, ordenación, distribución, procedemento de defensa das emendas admitidas e a súa remisión aos/ás claustrais con carácter previo á celebración da sesión.
As emendas ás liñas xerais poderán ser á totalidade ou parciais, debendo en todo caso ir acompañadas da correspondente motivación.
Serán emendas á totalidade as que versen sobre a oportunidade, principios ou espírito das liñas xerais e postulen a súa devolución, ou as que propoñan un texto completo alternativo.As emendas parciais poderán ser de aclaración, supresión, modificación ou engadido. Nos dous últimos casos, a emenda deberá conter o texto completo que se propoña.
No suposto de que as emendas presentadas supoñan un incremento substancial do gasto nalgún dos capítulos orzamentarios, deberán acompañarse da correspondente minoración co fin de garantir o cumprimento dos principios de estabilidade orzamentaria e de sustentabilidade financeira.
En canto ao desenvolvemento do debate e votación das emendas estarase ao disposto pola Mesa do Claustro e ao seu regulamento de réxime interno.
4. O acordo do Claustro polo que se aproben as liñas xerais vinculará aos restantes órganos da Universidade no exercicio das súas competencias.»
O resto do artigo mantén a mesma redacción.
Dous. Modifícase a redacción do artigo 14 que queda coa seguinte redacción:
«Para cada exercicio económico o Claustro aprobará, con carácter previo á aprobación das liñas xerais do orzamento, un límite de gasto non financeiro do orzamento que se deberá axustar ao obxectivo de estabilidade orzamentaria fixado para a Comunidade Autónoma de Galicia no período que corresponda, así como a regra de gasto, de acordo co disposto na normativa en vigor sobre disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira. »
Tres. Engádese un novo parágrafo ao artigo 15, coa seguinte redacción:[...]
«5. En canto ás emendas que se presenten ao proxecto de orzamento estarase ao disposto no presente regulamento para as emendas formuladas ás liñas xerais sen prexuízo das particularidades derivadas do funcionamento do Consello de Goberno e de acordo co disposto no seu regulamento de réxime interno. As emendas que se presenten deberán respectar, en todo caso, o contido das liñas xerais aprobadas polo Claustro Universitario que serviron de base para a elaboración do proxecto de orzamento.»
O resto do artigo mantén a mesma redacción.
Catro. Modifícase a letra d) do artigo 10, coa seguinte redacción:[...]
«d) A xestión do fondo de continxencia e outros imprevistos, xunto coa declaración de non dispoñibilidade de créditos que figuren no orzamento, ou como consecuencia da súa prórroga, dando conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social.»
O resto do artigo mantén a mesma redacción.
Cinco. Modifícase o artigo 12, coa seguinte redacción:
«Correspóndelles aos directores e directoras de departamento propoñer ao Consello de departamento a distribución do orzamento que teñan asignado, así como presentar a liquidación correspondente ao remate do exercicio e asinar os documentos contables.»
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.