Instrución V/2020 da Xerencia. versión consolidada da instrución IX/2018 da Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela, para regular a contratación administrativa no marco da lei 9/2017, de contratos do sector público

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0529
Departamento: Xerencia
Estado: En vigor
Nesta norma tómase como punto de partida o texto consolidado publicado no Taboleiro electrónico da USC. Polo tanto, non é posible visualizar as diferentes versións anteriores da norma.

(Versión consolidada coas modificacións introducidas pola Instrución IV/2020 da Xerencia da USC)

A entrada en vigor da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP) ten provocado na Universidade, como noutras entidades do sector público, a necesidade de adaptar ao novo texto legal non só os procedementos de adxudicación dos seus contratos, senón mesmo a filosofía da propia contratación, que agora se ten que someter a unha planificación previa nos termos establecidos polo artigo 28.4. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu os primeiros pasos para esa adaptación por medio das Instrucións desta Xerencia IV, V e VII/2018, que, por unha banda, adoptaban medidas para preparar a programación da contratación consonte o esixido pola Lei e, por outra, especificaban como deben empregarse os diferentes procedementos de adxudicación dos contratos no novo marco normativo.

Porén, a amplitude e complexidade da actividade contractual que desenvolve a Universidade dificulta o cumprimento no vixente exercicio 2018 dos prazos previstos no número primeiro da Instrución IV/2018 relativos á comunicación das previsións de contratación das unidades con atribución de gasto, o que aconsella a prórroga dos devanditos prazos.

Así mesmo, desde que se ditaron as Instrucións antes mencionadas, producíronse novidades que afectan ás regras sobre os contratos menores contidas na LCSP. O artigo 118 foi obxecto de interpretación por diversos órganos consultivos en materia de contratación administrativa; destacan, na medida en que afectan ao ámbito desta Universidade, os Informes 41/2017, 42/2017, 7/2018, 9/2018, 22/2018, e o Informe 1/2018 da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa de Galicia.

Tamén é de especial relevancia o Informe 38/18 da Xunta Consultiva de Contratación Pública do Estado, ditado o 2 de xullo, en resposta a unha consulta desta Universidade sobre a aplicación do procedemento negociado sen publicidade no ámbito da I+D+i.

Ao anterior engádese a publicación no Boletín Oficial del Estado núm. 161 de 2018, do 4 de xullo, da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018 que, introduce na Lei de contratos do sector público unha nova disposición adicional quincuaxésima cuarta, con efectos desde a entrada en vigor da Lei orzamentaria (5 de xullo de 2018) e vixencia indefinida.

Esta disposición aumenta a un valor estimado inferior ou igual a 50.000 euros o límite cuantitativo dos contratos menores de subministracións e servizos que poden celebrar os axentes públicos do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, entre os que están incluídas as universidades públicas, sempre que non vaian destinados a servizos xerais e de infraestrutura do órgano de contratación. Deste xeito, o lexislador atende á “singular natureza” da actividade que desenvolven as universidades, especialmente no que atinxe a aquela que ten carácter imprevisible e conta cun financiamento afectado, o que dificulta a planificación previa da contratación.

As novidades expostas obrigan a matizar algunhas das previsións contidas na Instrución IV/2018. Por outra parte, a utilización do código CPV para categorizar o obxecto dos contratos, que foi introducida polas Instrucións V e VII, aínda que supuxo un notable incremento no rigor á hora de definir a finalidade dos contratos, perde agora vixencia dado que o lexislador e os órganos consultivos se decantaron por establecer limiares cuantitativos diferentes para os contratos menores, en función das unidades funcionais que promovan os contratos, impoñéndose a interpretación de que a categoría (CPV) dun contrato non equivale ao obxecto do mesmo.

Por outro lado, é necesario que a USC se dote de ferramentas que contribúan a unha maior claridade nas características dos contratos celebrados. Do mesmo xeito, é un obxectivo da Xerencia promover nos vindeiros meses a elaboración dunha proposta de Regulamento de Contratación, tal como prevé o artigo 181 dos Estatutos, que se adapte á lexislación vixente e estableza o procedemento para a celebración de contratos así como o papel das unidades e responsables que interveñen na súa xestión.

Neste contexto, é conveniente resaltar que o obxecto da LCSP, segundo establece o artigo 1, é “regular a contratación do sector público, co fin de garantir que esta se axusta aos principios de liberdade de acceso ás licitacións, publicidade e transparencia dos procedementos, e non discriminación e igualdade de trato entre os licitadores; e de asegurar, en conexión co obxectivo de estabilidade orzamentaria e control do gasto, e o principio de integridade, unha eficiente utilización dos fondos destinados á realización de obras, a adquisición de bens e a contratación de servizos mediante a esixencia da definición previa das necesidades a satisfacer, a salvagarda da libre competencia e a selección da oferta economicamente máis vantaxosa." Pero a propia norma determina outras pautas de actuación que deben seguir as administracións públicas, que teñen moita relevancia. Así, por exemplo o artigo 28 indica que “1. As entidades do sector público non poderán celebrar outros contratos que aqueles que sexan necesarios para o cumprimento e realización dos seus fins institucionais”, ou “2. As entidades do sector público velarán pola eficiencia e o mantemento dos termos acordados na execución dos procesos de contratación pública, favorecerán a axilización de trámites, velarán pola incorporación de consideracións sociais, medioambientais e de innovación [...] e promoverán a participación da pequena e mediana empresa e o acceso sen custo á información...” En consecuencia, co fin de recoller nunha única Instrución as normas que se deben aplicar na celebración de contratos na USC, o xerente RESOLVE:

PRIMEIRO: OBXECTO

A presente Instrución ten por obxecto a ordenación do proceso de contratación administrativa na Universidade de Santiago de Compostela.

SEGUNDO: ALCANCE

Esta Instrución afecta a todos os contratos administrativos celebrados pola USC.

TERCEIRO: DEFINICIÓNS

3.1.- Valor estimado dos contratos

Para os efectos de determinar os procedementos de adxudicación aos que se refire o apartado cuarto desta Instrución, entenderase por valor estimado dos contratos a suma dos seguintes conceptos:

- o orzamento base de licitación do contrato, IVE non incluído

- calquera forma de opción eventual recollida no contrato

- a totalidade das modificacións á alza que foran previstas nos pregos

- e as eventuais prórrogas do contrato, de acordo co disposto no artigo 101 da LCSP

3.2.- Unidades funcionais.

A LCSP establece no seu artigo 101.6 o seguinte:

“Cando un órgano de contratación estea composto por unidades funcionais separadas, terase en conta o valor estimado para todas as unidades funcionais individuais.

Porén, cando unha unidade funcional separada sexa responsable de maneira autónoma respecto da súa contratación ou de determinadas categorías dela, os valores poden estimarse ao nivel da unidade de que se trate.

En todo caso, entenderase que se dá a circunstancia aludida no parágrafo anterior cando a dita unidade funcional separada conte con financiamento específico e con competencias respecto da adxudicación do contrato.” A norma non fai a precisión desexable na definición de unidades funcionais, e a súa interpretación no caso das universidades non é doada. Porén, os informes dos órganos consultivos (moi en particular o 1/2018 da Xunta Consultiva de Galicia e o 9/2018 da Junta Consultiva de Contratación Pública del Estado) contemplan expresamente que o cómputo dos umbrais de contratación se realicen por unidade funcional, o que resulta de aplicación directa aos contratos menores. Por outra parte. a disposición contida na Lei 6/2018, do 3 de xullo, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2018, que se mencionou, estableceu umbrais de contrato menor diferenciados no caso da Universidades, en función de se os contratos se refiren a “servizos xerais e de infraestrutura” ou non.

En consecuencia, e en tanto non se desenvolva regulamentariamente este aspecto, na USC establécense como unidades funcionais diferenciadas para os efectos dos límites cuantitativos dos contratos menores as seguintes:

FINANCIAMENTO NON AFECTADO:

a) Cada un dos órganos de goberno (Consello Social, Reitoría, Vicerreitorías, Secretaría Xeral, Xerencia). A unidade funcional comprende os créditos non afectados asignados a cada un destes órganos e ás súas unidades e servizos encadrados organicamente neles.

b) Cada un dos demais centros de gasto que conten con partidas asignadas especificamente no orzamento e sobre as que existan competencias de xestión orzamentaria atribuídas a un director de centro de gasto, entendéndose en todo caso os vinculados ás diferentes estruturas orgánicas de docencia ou investigación existentes na Universidade (centros, departamentos, institutos universitarios, centros singulares de investigación), cando as partidas orzamentarias coas que se financien os contratos non teñan o carácter de financiamento afectado.

O valor estimado dos contratos menores de subministracións e servizos que se celebren con cargo a financiamento non afectado destas unidades funcionais terá que ser inferior a 15.000 euros.

FINANCIAMENTO AFECTADO:

c) Cada un dos centros de gasto, cando as partidas orzamentarias coas que se financien os contratos teñan o carácter de financiamento afectado. Entenderase en todo caso que teñen ese carácter as partidas orzamentarias vinculadas a actividades de I+D ou de posgrao propio, así como outras partidas asignadas a responsables institucionais para a execución de créditos afectados.

O valor estimado dos contratos menores de subministracións e servizos que se celebren para cada un destes centros de gasto con cargo a financiamento afectado terá que ser inferior ou igual a 50.000 euros.

Co fin de facilitar unha interpretación uniforme deste apartado, a Xerencia manterá actualizada unha táboa de unidades funcionais na páxina web do Servizo de Xestión Económica (www.usc.es/gl/servizos/sxe/).

CUARTO: PROCEDEMENTOS DE ADXUDICACIÓN

Os procedementos de adxudicación para a contratación de obras, subministracións e servizos serán os máis acaídos entre aqueles que prevé a Lei de Contratos do Sector Público, de acordo cos principios contidos na propia norma e na parte expositiva desta Instrución. Entre outros, a LCSP prevé os seguintes (enuméranse tan só os de uso máis frecuente na USC):

a) Procedemento aberto, con ou sen publicidade no DOUE, en función da contía do contrato

b) Procedementos con negociación, moi en especial o procedemento negociado sen publicidade

c) Procedemento aberto simplificado de trámite abreviado

d) Contrato menor

a) A adxudicación mediante procedemento aberto, nos termos establecidos na LCSP, será a de utilización normal na licitación dos contratos da USC. A súa tramitación non varía substancialmente con respecto á Lei de Contratos vixente ata o 9 de marzo de 2018, se ben se reducen os prazos para a presentación de proposicións nos procedementos suxeitos á publicidade no ámbito da Unión Europea.

b) O procedemento negociado sen publicidade, nos supostos que prevé o artigo 168 da LCSP.

Para este suposto, logo do informe da Junta Consultiva de Contratación Pública del Estado, a USC estableceu na Resolución Reitoral de 6 de agosto de 2018 que a súa aplicación se pode aplicar a:

• equipamento singular, de reactivos e, en xeral, de material funxible para o seu uso en instalacións de investigación, sempre que se trate de gastos realizados con cargo a partidas orzamentarias soporte de actividades de docencia ou investigación.

• fondos bibliográficos destinados á investigación, a experimentación, o estudo e a innovación. Terán esa consideración as edicións críticas, os manuais, os estudos, os anuarios, os ensaios, as recompilacións, as actas de congresos, as revistas científicas, os textos legais comentados e outros fondos bibliográficos de natureza análoga aos anteriores.

c) O procedemento aberto simplificado de trámite abreviado poderá utilizarse cando o importe de licitación sexa inferior a 35.000 euros para a contratación de subministracións e servizos, ou a 80.000 euros para a contratación de obras. En calquera caso estarase ao previsto para as unidades funcionais definidas no apartado terceiro.

d) Poderán celebrarse contratos menores, de acordo co procedemento contido no Anexo I, naqueles casos en que o valor estimado do contrato sexa inferior aos límites establecidos polo artigo 118.1 e as disposicións adicionais novena e quincuaxésima cuarta da LCSP. Os límites entenderanse de aplicación dentro de cada unha das unidades funcionais indicadas no apartado 3.2 e para un mesmo exercicio económico.

Exceptúanse da aplicación dos límites enunciados nas aliñas anteriores a contratación da subscrición a revistas e outras publicacións, calquera que sexa o seu soporte, así como a contratación do acceso á información contida en bases de datos especializadas, nos termos establecidos pola disposición adicional novena da LCSP.

QUINTO: UNIDADE RESPONSABLE DA XESTIÓN DA CONTRATACIÓN ADMINISTRATIVA.

En consonancia co disposto no artigo 10 das Normas de Execución dos Orzamentos do exercicio 2018, o Servizo de Xestión Económica da Xerencia (SXE) é a unidade administrativa responsable do asesoramento e da xestión da contratación na USC.

Todos aqueles gastos para os que sexa preciso tramitar un expediente de contratación, deberán poñerse no seu coñecemento coa antelación suficiente, de xeito que permita respectar os prazos legalmente establecidos para a preparación, licitación e adxudicación dos contratos.

Respecto dos contratos menores, o SXE só intervirá naqueles nos que sexa preciso asinar un contrato, ben sexa por razóns de legalidade, de requirimentos técnicos ou de oportunidade.

En particular, corresponderalle ao SXE:

• A impulsión e tramitación de todos os expedientes de contratación e o asesoramento xeral en materia contractual.

• A supervisión previa dos informes que teñan que ser validados pola Mesa de contratación.

Adicionalmente, de acordo co establecido no artigo 63.4 da LCSP, o SXE publicará cando menos trimestralmente no perfil de contratante a información relativa aos contratos menores ordenada pola identidade do adxudicatario.

A Xerencia manterá actualizados os modelos e instrucións operativas aplicables á contratación administrativa na páxina web do citado Servizo (http://www.usc.es/gl/servizos/sxe/)

SEXTO: PROGRAMACIÓN DA CONTRATACIÓN

Para posibilitar a elaboración da programación anual das necesidades de contratación de obras, subministracións e servizos sen financiamento afectado, que facilite a racionalidade no uso de fondos públicos, as distintas unidades con atribucións de gasto remitirán ao Servizo de Xestión Económica (SXE) antes do 15 de outubro de 2018, co visto e prace do director do centro de gasto, unha previsión, valorada economicamente, das obras, subministracións e servizos que esperan acometer no exercicio de 2019.

Para realizar dita previsión de contratación partirase do suposto de que o importe do orzamento no exercicio 2019 é similar ao dispoñible en 2018 para, de ser o caso, aprobar a programación da contratación, xunto co orzamento dese exercicio.

A mesma previsión deberá ser remitida, no mesmo prazo, pola vicerreitoría responsable de I+D+i e pola unidade con competencia na xestión de estudos propios para as actividades vixentes con financiamento afectado.

Para os sucesivos exercicios, esta planificación anual de necesidades deberá remitirse antes do 30 de setembro de cada ano para o efecto da incorporación da programación anual da contratación da Universidade nos orzamentos.

Esta información será remitida no modelo normalizado facilitado pola Xerencia ás distintas unidades funcionais descentralizadas de gasto.

Con esa información, o SXE analizará a tipoloxía dos contratos e os seus valores estimados e elevará esa información á Xerencia para que esta impulse a definición dun plan de licitacións públicas para os distintos tipos de obras, subministracións e servizos que facilite a aplicación dos procedementos de contratación máis acaídos para atender as necesidades das distintas unidades e servizos da institución.

SÉTIMO:

Quedan derrogadas as Instrucións da Xerencia IV/2018, V/20018 e VII/2018.

Por delegación do Reitor (Resolución do 20/06/2018, DOG 29/06/2018)

O Xerente

Antonio Javier Ferreira Fernández

ANEXO I. PROCEDEMENTO PARA OS CONTRATOS MENORES DE OBRAS, SUBMINISTRACIÓNS E SERVIZOS

Valor estimado dos contratos: debe ser inferior a 40.000 euros en obras, inferior a 15.000 euros en subministracións e servizos para as unidades funcionais dos puntos a) e b) do apartado 3.2 desta Instrución, ou inferior ou igual a 50.000 en subministracións e servizos para as unidades funcionais do punto c) do apartado 3.2.

Para a contratación da subscrición a revistas e outras publicacións, calquera que sexa o seu soporte, así como a contratación do acceso á información contida en bases de datos especializadas, o valor estimado deberá ser inferior á contía que estea vixente para os contratos de subministración e servizos suxeitos a regulación harmonizada.

Estas cantidades non inclúen o IVE.

Adxudicación: poderán adxudicarse directamente a calquera empresario con capacidade de obrar e que conte coa habilitación profesional necesaria para realizar a prestación.

Duración máxima dos contratos: 1 ano sen posibilidade de prórroga

Obrigas da persoa responsable do contrato:

- Aprobar o gasto mediante a correspondente folla de pedimento

- No caso dos contratos de obra, achegar o seu orzamento e un proxecto cando as normas específicas así o requiran

- Achegar ao Responsable de Asuntos Económicos a factura correspondente debidamente comprobada e conformada, para a súa tramitación

Adicionalmente, a persoa responsable do contrato subministrará no modelo que determine a Xerencia, a información que segue:

- A xustificación da necesidade da celebración do contrato

- A declaración de que non se está alterando o obxecto do contrato para evitar a aplicación das regras xerais de contratación

Porén, o informe de xustificación e a declaración indicada non será necesaria nos contratos cuxo pagamento se realice anticipadamente a través da conta de anticipos a xustificar, e o valor estimado do contrato non exceda de 5.000 euros. Salvo neste suposto que se acaba de indicar, a omisión desta información ou a imposibilidade da súa comprobación, implicará a suspensión do procedemento por parte do órgano de contratación.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver