Acordo do Consello Social polo que se aproba a regulación das microdoazóns
NORMA CONSOLIDADA
A Universidade de Santiago de Compostela conta co Regulamento de honras e distincións da Universidade de Santiago de Compostela (aprobado no pleno do Consello de Goberno do 14 de marzo de 2008) cuxo obxectivo é o recoñecemento da labor en pro da Institución de persoas físicas e xurídicas. Nos casos en que esa labor revista a forma de doazón ou de colaboración de interese excepcional ou relevante, poderase outorgar a distinción de mecenas ou de colaboradores de honra.
Os cambios sociais e económicos orientados á desintermediación financeira provocaron a aparición de pequenas doazóns, as veces en serie, mediante o emprego da Internet no seno das redes sociais e colaborativas. A Universidade non é allea a isto; como se evidencia unha nítida diferenza entre microdoazón e doazóns e colaboracións de interese excepcional ou relevante; e como o procedemento de aceptación destas últimas resulta largo e complexo; cómpre introducir un mecanismo procesual áxil que facilite a aceptación dos fondos, a súa recepción e o seu lícito uso.
Sendo competencia do pleno do Consello Social a aprobación da aceptación das doazóns en favor da Universidade de Santiago de Compostela [artigo 4.3.i)] Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, cómpre solicitar do Consello de Goberno e co fin de acadar a máxima colaboración entre a nosa Universidade e a Sociedade na que se insire, a adopción do presente acordo no que se contén a proposta de regulación das microdoazóns co seguinte texto:
Artigo 1.- Definicións
1. Enténdese por microdoazón:a liberalidade ou dación dunha cantidade monetaria ou dun ben, tanxible ou intanxible, sempre que tal cantidade ou o valor do ben non superen os 3.000 euros.
2. Enténdese por microdoazón finalista:a liberalidade ou dación dunha cantidade monetaria ou dun ben, tanxible ou intanxible, sempre que tal cantidade ou o valor do ben non superen os 3.000 euros, destinada a servizos, departamentos, unidades, proxectos, ideas, etc., concretos e propostos polo donante.
3. Enténdese por financiamento colectivo (crowdfunding): a microdoazón monetaria ou dun ben, tanxible ou intanxible, por importe ou valor inferior a 3.000 euros, destinada á realización de ideas ou proxectos concretos propostos pola Universidade na súa condición de donataria.
4. Enténdese por donante:as persoas físicas, membros da comunidade universitaria ou alleas a esta, así como as persoas xurídicas, que fan unha microdoazón por importe inferior a 3.000 euros en favor da Universidade.
Artigo 2.- Establecemento dun procedemento para as microdoazóns
1. A USC creará unha web de uso exclusivo para articular as microdoazóns, onde se porá a disposición dos donantes o formulario que deberán cumprimentar indefectiblemente.
2. No dito formulario deberase indicar:
a) O tipo de microdoazón, é dicir, microdoazón non finalista, microdoazón finalista, ou financiamento colectivo (crowdfunding).
b) O número da conta bancaria para o caso de ingreso en efectivo dunha microdoazón monetaria.
c) Os beneficios fiscais orixinados pola microdoazón.
3. Se a microdoazón fose monetaria, a súa liquidación poderase efectuar directamente na propia web ou na conta bancaria que se indique.
4, Se a microdoazón fose un ben, tanxible ou intanxible, deberá formalizarse a través do correspondente acordo entre as partes, e entregarse dito ben ou o documento da súa titularidade na Vicerreitoría con competencias no ramo, na Xerencia ou na Secretaría Xeral segundo o destino da microdoazón.
5. O donante poderá actuar de forma anónima ou pública. No segundo caso, o donante figurará na web, ademais de poder obter as distincións e recoñecemento que se establezan pola Universidade de Santiago de Compostela.
6. A Universidade de Santiago de Compostela, unha ver verificada a microdoazón, expedirá o correspondente certificado de recepción a efectos de desgravación fiscal. Este certificado poderá realizarse por medios electrónicos.
Artigo 3.- Obxecto
1.As microdoazóns destinaranse preferentemente para aos seguintes ámbitos:
- Actividades de investigación
- Actividades culturais e deportivas
- Actividades de difusión científica
- Achegas de bens mobles inventariables
- Dotación de becas a estudantes con baixos recursos
- Cátedras Universidade- Empresa
2. A enumeración anterior é aberta de modo que os donantes poderán suxerir tamén destinos e obxectivos concretos ou proxectos a impulsar, cuxa viabilidade será estudada pola Vicerreitoría con competencias no ramo, a Xerencia ou a Secretaria Xeral, segundo o caso e con pleno respecto ao disposto no artigo 4.2.
3. Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela poderá establecer propostas de proxectos concretos solicitando o seu financiamento colectivo e crear plataformas de crowdfunding ou adherirse ás existentes en coordinación co disposto no artigo 2.3.
4. No caso da non realización do proxecto ou actividade prevista, poderá procederse a devolver o importe recibido agás que o donante opte por financiar outra actividade da Universidade de Santiago de Compostela ou renuncie a súa devolución, co cal a achega non estará adscrita a ningún fin particular.
Artigo 4.- Seguimento
1. En virtude de este acordo, o Consello Social autoriza a Vicerreitoría competente por razón do ramo, á Xerencia e á Secretaría Xeral segundo o caso, á aceptación das microdoazóns, dando conta delas con posterioridade, así como do seu destino.
2. As Vicerreitorías, a Xerencia ou a Secretaria Xeral, segundo o caso, están obrigadas a aceptar as microdoazóns agás que os fines destas foran contrarios aos intereses da Universidade.
3. A expedición do certificado de recepción da microdoazón constituirá o título da súa aceptación.
4. Os donantes terán dereito de acceso ao seguimento dos proxectos financiados mediante as ferramentas que se poñan a súa disposición ou a través das memorias finais dos proxectos, que lles serán remitidas.
Artigo 5.- Distincións honoríficas
O donante figurará na web de uso exclusivo para microdoazóns sen prexuízo doutras distincións ou recoñecemento dos que puidera ser obxecto de conformidade co Regulamento de honras e distincións da Universidade de Santiago de Compostela.
E para que así conste, asino a presente certificación, en Santiago de Compostela, a 30 de novembro de 2016, co Visto e Prace do sr. Reitor.
Vº e Prace
O reitor
Juan M. Viaño Rey
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.