Instrucción XIII/2015 da Xerencia da USC polo que se actualiza o procedementos de presentación de facturas polos provedores da USC

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0602
Departamento: Xerencia
Estado: En vigor

O artigo 3 da Lei 25/2013, do 27 de decembro, de impulso da factura electrónica e creación do rexistro contable de facturas no Sector Público, establece a obriga do provedor de presentar nun rexistro administrativo a factura emitida polos servizos prestados ou bens entregados a calquera Administración Pública. No mesmo artigo indícase que, en tanto non se cumpran estes requisitos de presentación, non se entenderá cumprida a obriga de presentación de facturas ante a administración.

De acordo co establecido no artigo 4 desta lei, as entidades obrigadas a presentar a factura electrónica a través do punto xeral de entrada de facturas, agás que a Administración correspondente as exclúa voluntariamente, son:

a. Sociedades anónimas

b. Sociedades de responsabilidade limitada

c. Persoas xurídicas e entidades sen personalidade xurídica que carezan de nacionalidade española

d. Establecementos permanentes e sucursais de entidades non residentes en territorio español nos termos que establece a normativa tributaria

e. Unións temporais de empresas

f. Agrupación de interese económico, agrupación de interese económico europea, Fondo de Pensións, Fondo de capital risco, Fondo de inversión, Fondo de utilización de activos, Fondo de regularización do mercado hipotecario, Fondo de titulización hipotecaria ou Fondo de garantía de investimentos.

O 23 de decembro de 2014 publicouse a Instrución XVII/2014 da Xerencia pola que se establece o procedemento para a tramitación das facturas presentadas polos provedores na USC (http://www.usc.es/export/sites/default/gl/goberno/xerencia/instrucions/Descargas2014/Instrucion_XVII.pdf).

Nesta instrución establecíase, en aplicación da potestade da Administración de excluír regulamentariamente desta obriga e, tendo en conta as innovacións tecnolóxicas que debían asumir os nosos provedores para adaptarse a este novo sistema, a posibilidade de que os provedores puidesen presentar as facturas en formato papel ou electrónico, sempre e cando tivesen un importe inferior a 5.000,00 €.

O artigo 4 da Orde do 26 de febreiro de 2015 pola que se regulan o Punto xeral de entrada de facturas electrónicas e o Rexistro Contable de Facturas da Comunidade Autónoma de Galicia, establece o Sistema Electrónico de Facturación da Xunta de Galicia (SEF) como Punto Xeral de entrada das facturas electrónicas para todas as entidades incluídas no seu ámbito de aplicación, entre elas a USC.

O feito de que a USC continúe aceptando as facturas tanto en formato papel como en electrónico provoca diversos problemas na xestión:

1. Atraso na presentación no Sistema electrónico de Facturación da Xunta de Galicia (SEF) das facturas en formato papel.

2. Duplicidade de facturas en formato papel e electrónico presentado polo provedor.

3. Diferente forma de tramitación do documento xustificativo do gasto segundo este sexa formato electrónico ou en papel

Dende a posta en marcha deste novo procedemento, foron moitos os provedores que están a presentar factura electrónica.

Tendo en conta o tempo transcorrido para que os nosos provedores se adaptasen á necesidade de emitir ou presentar factura electrónica e tendo en conta tamén as dificultades que xera na xestión o feito de “convivir” a factura en formato en papel e en formato electrónico, esta Xerencia resolve:

1. Todas as facturas dirixidas á USC e emitidas a partir do 1 de xaneiro de 2016 polas entidades indicadas no artigo 4 da Lei 25/2013, deberán presentarse obrigatoriamente a través do Sistema Electrónico de Facturación da Xunta de Galicia (SEF) (https://factura.conselleriadefacenda.es/eFactura_web/) con independencia do seu importe.

2. Quedan excluídas da obriga de presentación a través do SEF as facturas emitidas polos provedores de servizos prestados no exterior, mentres esta plataforma non estea habilitada para a súa recepción.

Para os efectos da tramitación estarase ao establecido no procedemento aprobado na Instrución XVII/2014.

A información sobre a presentación de facturas na USC estará publicada no seguinte enderezo web: http://www.usc.es/gl/goberno/xerencia/informacionprovedores.html

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2015

O Xerente

José Manuel Villanueva Prieto

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver