Resolución reitoral pola que se regula a ampliación de prazos de presentación de solicitudes, escritos e comunicacións na sede electrónica da Universidade de Santiago de Compostela no caso de determinadas incidencias técnicas que imposibiliten o seu funcionamento ordinario

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0405
Departamento: Reitor
Estado: En vigor

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O principio de boa administración debe presidir as actuacións da Universidade de Santiago de Compostela (USC) nas relacións coa cidadanía. Neste sentido, os medios electrónicos constitúen un instrumento idóneo para logralo, dado que serven mellor aos principios de eficacia e eficiencia, afórranse custos aos cidadáns e reforza tamén as garantías das persoas interesadas.

Un elemento importante da USC nas súas relacións coa cidadanía é a sede electrónica. A sede electrónica da USC foi creada e regulada polo Regulamento polo que se implantan medios electrónicos que facilitan o acceso dos cidadáns aos servizos públicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e se crean a sede electrónica, o Rexistro Electrónico e o taboleiro de anuncios, aprobado no Consello de Goberno do 29 de xaneiro de 2013 (DOG do 15 de marzo de 2013).

O ámbito de aplicación da sede electrónica da USC é a totalidade de órganos/unidades/servizos que forman parte da estrutura da Universidade, e actualmente constitúe un servizo fundamental no funcionamento ordinario da Universidade, na súa actuación administrativa.

Para que o emprego de medios electrónicos poida contribuír de xeito efectivo á boa administración e non ser fonte de obstáculos desta, é necesario que a Universidade poña en valor o emprego destes medios nas relacións coa cidadanía, xunto con solucións normativas para os supostos nos que tales medios fallen.

As incidencias técnicas, de producírense, deben ter a menor repercusión posible no exercicio de dereitos. Sen embargo, garantir este dereito resultaría practicamente imposible nos supostos nos que ditas incidencias se producen nas últimas horas do último día de prazo, tendo en conta que o rexistro electrónico permite a presentación de documentos todos os días do ano, durante as vinte e catro horas.

Neste sentido, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, indica que a Administración poderá determinar unha ampliación dos prazos non vencidos, debendo publicar na sede electrónica tanto a incidencia técnica acontecida como a ampliación concreta do prazo non vencido, cando unha incidencia técnica imposibilitase o funcionamento ordinario do sistema ou aplicación que corresponda, e ata que se solucione o problema.

Por todo isto, DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente Instrución ten por obxecto a regulación da ampliación de prazos non vencidos para a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións no caso de determinadas incidencias técnicas que imposibiliten o funcionamento ordinario da sede electrónica da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta Instrución é de aplicación aos procedementos administrativos exclusivamente electrónicos cuxa tramitación e resolución sexan de competencia dos órganos/unidades/servizos que formen parte da estrutura da Universidade de Santiago de Compostela.

Exceptúanse os procedementos administrativos cuxa normativa específica resulta incompatible coas previsións contidas nesta Instrución.

Artigo 3. Definicións

Considéranse incidencias técnicas planificadas aquelas accións programadas nas que os servizos da sede electrónica quedarán interrompidos por labores necesarias de mantemento.

Considéranse incidencias técnicas non planificadas aqueles fallos xerais do sistema inesperados que impidan o funcionamento ordinario da sede electrónica.

Non se considerarán incidencias técnicas para efectos desta Instrución, aquelas incidencias concretas que teñan os cidadáns debidas a unha falta, fallo ou incorrecto uso dos seus medios electrónicos.

Artigo 4. Procedemento de actuación

Corresponde a área de Tecnoloxías da información e comunicación (área TIC) o seguimento e comunicación das incidencias técnicas tanto planificadas como non planificadas.

No caso de que se produzan incidencias técnicas non planificadas, a área TIC da Universidade de Santiago de Compostela remitirá á Secretaría Xeral da USC un informe no que consten os seguintes datos:

- Data e hora de comezo da incidencia

- Incidencia acaecida

- Entidade á que correspondeu/corresponde a súa resolución

- Data e hora de remate da incidencia ou, de ser o caso, tempo estimado para a resolución desta, no caso de que sexa coñecido.

A Secretaría Xeral, á vista do informe emitido pola área TIC, publicará na sede electrónica da USC a incidencia técnica acaecida e a ampliación de prazos non vencidos.

A Secretaría Xeral, deberá comunicar esta circunstancia aos órganos/unidades/servizos da Universidade, xunto co informe emitido pola área TIC.

Os órganos/unidades/servizos responsables da tramitación dos procedementos afectados pola ampliación de prazos, incorporarán o devandito informe aos correspondentes expedientes para deixar constancia desta circunstancia.

Artigo 5. Ampliación de prazos non vencidos para a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións, no caso de incidencias técnicas non planificadas.

O prazo para a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións ampliarase automaticamente cando se produza unha incidencia técnica non planificada que imposibilite o funcionamento ordinario da sede electrónica da Universidade de Santiago de Compostela durante a última hora do dito prazo ou durante, polo menos, tres horas ininterrompidas nas doce últimas horas do prazo. O período de ampliación automática para a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións comezará cando finalice o prazo de que se trate e rematará ás 23:59 h. do primeiro día hábil posterior ao día no que tivo lugar a incidencia técnica non planificada.

A ampliación automática descrita no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo, de que os órganos/unidades/servizos responsables da tramitación dos procedementos afectados pola ampliación de prazos poidan adoptar, antes do vencemento de ditos prazos e respecto de cada procedemento particular, unha resolución expresa e motivada de ampliación nos termos do artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 6. Habilitación de medios alternativos dentro do período de ampliación automática do prazo.

Dentro do período de ampliación automática do prazo, no caso de persistir a incidencia técnica non planificada que impida a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións, nun procedemento no que só se permita dita presentación exclusivamente a través da sede electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, o/a interesado/a poderá enviar un correo electrónico á Oficina de asistencia en materia de rexistros da Universidade de Santiago de Compostela no que comunique a presentación da solicitude, escrito ou comunicación e achegue a documentación requirida, indicando o procedemento ou convocatoria correspondente.

A Oficina de asistencia en materia de rexistros da Universidade de Santiago de Compostela

remitirá o correo ao órgano/unidade/servizo responsable da tramitación dos procedementos afectados, que poderá requirir ao/á interesado/a a emenda da solicitude en calquera momento da tramitación desta.

Disposición transitoria

A presente resolución será de aplicación, cando concorran as circunstancias nel descritas, aos prazos de presentación de solicitudes, escritos e comunicacións iniciados e que non se atopen vencidos no momento da súa entrada en vigor.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto na presente resolución.

Disposición final

Esta resolución entrará en vigor tras a súa publicación no Taboleiro de Anuncios Electrónico da USC.

O Reitor

Antonio López Díaz

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver